Malia o acoso e a criminalización
institucional as traballadoras galegas volven demostrar nas rúas a
súa inmensa capacidade de loita
Milleiros de traballadoras de todas as
actividades económicas secundan a folga de mulleres e participaron
nas mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo, marcado
polas medidas derivadas da pandemia e pola campaña de
desmobilización, criminalización e acoso social promovida dende os
poderes públicos.
Unha situación malia a que, tal e como
afirmou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ao remate
da mobilización convocada na Coruña, "hoxe demostramos, unha
vez máis, e en condicións moi adversas, a inmensa capacidade de
mobilización das traballadoras galegas, convocando 31 accións
combativas nunha chea de localidades do país, porque non imos
permitir que as mulleres paguemos a crise sanitaria co noso lombo, co
noso traballo de balde, limpando, coidando e curando".
Corral explicou que estamos ante un 8
de Marzo e unha convocatoria de folga de mulleres “totalmente
diferente ao de anos anteriores”, pois non só está marcada pola
pandemia da Covid-19, mais tamén “polos intentos do sistema de
utilizar a crise sanitaria como coartada para impedir o dereito á
folga” cuns servizos mínimos “totalmente abusivos, desbotando
ademais a posibilidade de que estes foran cubertos por homes”.
Unha circunstancia que, segundo
explicou, impediu que “hoxe milleiros de compañeiras puideran
estar con nós na rúa, non só no sector da sanidade, como sería de
agardar nesta situación, senón tamén no ensino, na radio e a
televisión públicas, nos servizos sociais e, en xeral, no conxunto
da administración pública”.
Brutal campaña de acoso á loita
feminista
Pero non soamente se impediu o dereito
fundamental de folga. A secretaria das Mulleres da CIG denunciou, no
que definiu como “brutal campaña de acoso á loita feminista”,
que asistimos a “fenómenos intolerábeis nun estado que se
pretenda chamar democrático e de dereito, como chamadas dalgunhas
subdelegacións do Goberno, coaccionando e ameazando ás promotoras
das mobilizacións; que a Xunta, a administración estatal e os seus
entes atrasaran a publicación do decreto de servizos mínimos até o
último momento ou a negación da existencia da convocatoria de folga
para non negocialos, como foi o caso do Concello da Coruña”.
unto a isto denunciou tamén que
“levamos semanas sufrindo presións para evitar visibilizar o
rexeitamento das mulleres galegas á xestión da pandemia, tanto por
parte do goberno galego como do Estado”. E asegurou que se en anos
anteriores quen negaba as discriminacións, quen se opuña á folga e
ás mobilizacións, por entender que agochaba unha pretensión
política, era o goberno de Feijoo e todo a dereita, “nesta ocasión
foi a progresía española á que obstaculizou, boicoteou e
criminalizou tanto a convocatoria como as mobilizacións do
feminismo”.
Esta criminalización chegou ao punto
de responsabilizar “de maneira individualizada as mulleres por
mobilizarse, acusándoas de provocar unha vaga de contaxios, e xerado
unha alarma social innecesaria, cando nin houbo modificación legais
que impediran o dereito de manifestación e cando se permitiron todo
tipo de mobilizacións, incluídas as daquelas persoas que negan a
pandemia e que se desenvolveron sen ningún tipo de medidas de
protección”, lembrou.
Para Margarida Corral isto acontece
porque “ao sistema non lles interesa a existencia de mulleres
organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos
poderes económicos, contra quen nos explota como clase, nos
discrimina por sermos mulleres e nos oprime por formar parte da nosa
nación”.
Asegurou que, fronte a iso, “ao
sistema interésalle homoxeneizar o discurso, pretendendo ritualizar
o 8 de marzo, que quede nunha data festiva, mais carente de discurso
crítico contra o capitalismo, contra os gobernos (tanto da Galiza
como do Estado ) ou contra o patriarcado”.
Chamou a atención ademais, sobre o
feito de que esta folga está convocada practicamente en solitario
pola CIG, “aínda sendo unha decisión unánime do movemento
feminista galego, do que tamén forman parte outras centrais”.
Seguimento marcado polos servizos
mínimos abusivos
Por todos estes motivos, explicou a
secretaria das Mulleres, “non podemos avaliar a convocatoria de
folga como adoitamos realizar convencionalmente, porque aínda que o
obxectivo dunha ferramenta revolucionaria como esta sexa paralizar a
actividade produtiva, no contexto dunha folga de mulleres o que se
persegue é visibilizar o espazo baleiro que deixamos e a nosa
sobrerrepresentación nos coidados, por iso é tan fundamental que
saiamos á rúa para que se visualicen as nosas demandas”.
Con todo, e malia estes atrancos,
Margarida Corral salientou que “hoxe están con nós traballadoras
do comercio de alimentación, do comercio téxtil, de servizos de
axuda no fogar, de centros de chamadas, da banca, das universidades,
da administración local, da xustiza, da sanidade privada, de
Correos, da industria, da confección, da limpeza etc".
E aínda que o seguimento está sendo
desigual, apuntou que en Alonarti Vigo non entrou ningunha muller na
quenda da mañá, e noutras industrias desta comarca como Pescanova,
Borgwarner, Plastic Omnium ou Denso hai un amplo seguimento. Tamén
máis do 60% das traballadoras de Treves Pontevedra, das plantas de
Indipunt e Inditex de Narón, de Leite Celta Pontedeume secundan a
folga e en varios centros de chamadas do país como Abante BPO de
Lugo, teñen un seguimento superior ao 60%, aínda que este ano neste
sector resulta complexo cuantificar o paro xa que a maioría do
persoal está en teletraballo. No comercio de alimentación e
no comercio téxtil, aínda que a incidencia é menor que en anos
anteriores, si que se poden ver tendas pechadas como a de
Stradivarius da Praza de Lugo (A Coruña) ou Pull&Bear da rúa
Príncipe e do centro comercial Gran Vía en Vigo, xunto a pequenos
comercios que tamén se sumaron ao paro. E secundan a folga
traballadoras de supermercados de todo o país, a salientar o caso do
Eroski do CC das Termas de Lugo, onde o 90% das traballadoras non
cooperativistas están en folga.
En canto ás residencias privadas,
tamén se rexistra un seguimento desigual como evidencian os datos da
residencia de Ferrol, no que o 75% das traballadoras que non están
asignadas aos mínimos foron á folga, mentres que nos centros de
Laraxe e Narón foron o 30%.
A folga tamén ten un seguimento
importante na administración local, e concellos como o de Mugardos,
no que hai dous anos se pretendeu conculcar o dereito á folga das
traballadoras, hoxe rexistra un 80% de seguimento do paro.
Mención especial ás compañeiras da
asociación de traballadoras no Fogar, XIARA, que están secundando a
folga para que visualice o seu traballo, esencial durante a pandemia
pero que segue sen estar valorizado nin economicamente nin
socialmente.