18/09/19

A ansiedade causada pola mala relación cun compañeiro é accidente de traballo



Unha sentenza do Xulgado do Social número 2 de Palencia ditamina que o estado de ansiedade sufrido por unha traballadora e que ten a súa orixe na mala relación cun compañeiro, é accidente de traballo e non enfermidade común. A orixe do proceso de incapacidade laboral da traballadora ten só unha causa, segundo a resolución. Non é outra que a conflitividade existente cun compañeiro de traballo.

No xuízo achegouse un parte de urxencias no que se facía constar que "a paciente estaba  intranquila dende facía dez días por problemas laborais" e que un día en concreto, "non puido aguantar máis e saíuse". Segundo o tribunal, "a empresa era coñecedora da conflitividade laboral". Por iso, tomou a decisión de trasladar á afectada de posto de traballo. Cando finalizou a situación temporal de traslado e a operaria tiña que volver ao seu posto da  freidora, tal reincorporación non se produciu ao sufrir a demandante unha crise de ansiedade que derivou na incapacidade temporal.

O xulgado, nos fundamentos de dereito da sentenza, dá por probado que a muller con carácter previo ao que lle pasou no seu posto, "non presentaba patoloxía algunha de índole psiquiátrico ou psicolóxico". Considera acreditado "que a aparición da patoloxía da operaria ten por causa exclusiva a execución do traballo". Estima pois a demanda formulada pola muller contra a Seguridade Social, a Mutua Montañesa e a empresa na que traballa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario