20/09/19

Case tres meses despois do laudo arbitral, o Concello de Betanzos rectifica os resultados das eleccións sindicais do persoal laboral

A Mesa de persoal especialista e non cualificado reuniuse hoxe para lle dar cumprimento ao laudo da Inspección do pasado mes de xuño. O Concello convocou aos integrantes da Mesa case tres meses despois do requerimento que lle obrigaba a rectificar os resultados das eleccións sindicais e dar por válidos catro votos que foran considerados nulos.

Estes tres meses de parálise serviron para que o Comité de Empresa non se puidese constituír e se paralizase así o traballo do máximo órgano de representación dos traballadores laborais, para descanso do goberno e mesmo dos propios representantes do sindicato dos funcionarios que proseguiron coas continuas reunións de despacho co concelleiro de Persoal mais non moveron un dedo para que o Comité de Empresa se puidese constituír canto antes. Queda claro, pois, coa nova composición do Comité de Empresa, que os catro delegados sindicais do CSIF non teñen ningún interese neste organismo á vista de que mesmo antes da denuncia ante a Inspección non foron quen de constituír o organismo nin tendo a maioría, amosando unha falta de interese absoluta sobre esta cuestión.

Unha vez contabilizados de novo os votos, o Comité de Empresa contará con 4 delegados/as da CIG, 4 delegados/as do CSIF e 1 da UGT, resultando a CIG o sindicato máis votado entre o persoal laboral mais sen a maioría necesaria para poder representalo. Os delegados da CIG nestes catro anos serán os seguintes:

Rosa García (auxiliar de axuda no fogar)
Jorge Amarante (xardineiro)
Marcos Dopico (conserxe)
Silvia Muíño (técnica)

Os/as delegados/as da CIG tiveron xa varias reunións para botar a andar o traballo sindical, logo de analizar a situación actual, que é de parálise absoluta de calquera tipo de negociación e mesmo de retroceso nalgúns dos conflitos laborais que arrastramos desde hai varios anos. Esta análise serviu para reflexionar que tristemente no pasado só se teñen dado pasos adiante con presión, duro traballo sindical e acudindo á Inspección de Traballo e o Xulgado cando for preciso, e que temos dialogado moito cun goberno que desoe as reclamación dos traballadores e teima en perpetuar unha situación laboral de caos que claramente o beneficia en detrimento do propio persoal. A CIG continuará estes catro anos coa liña de traballo dos anteriores, defendendo a igualdade entre os traballadores e loitando contra as discriminacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario