Na liña seguida nos últimos meses polo goberno municipal de ocultación da información solicitada continuamente polo Comité de Empresa por escrito e mais en diversas reunións co concelleiro de Persoal, o Concello resolveu as axudas sociais do ano 2010 sen nin sequera informar ao Comité de Empresa, tal e como contamos hai uns días, e incumprindo as bases das axudas sociais aprobadas polo propio pleno, por iso, hoxe mesmo a CIG solicitou por rexistro que se fagan públicas as listaxes das axudas sociais concedidas, e que se indique, cando menos, o concepto e a contía concedidos, tal e como se recolle nas propias bases acordadas por acordo plenario.
Esta solicitude, ao igual que hai uns días fixemos unha vez que foron resoltas as axudas do funcionariado, realizouse ao abeiro dos seguintes feitos:
A constancia de que o persoal laboral cobrou as axudas sociais correspondentes ao ano 2010 xunto coa paga extra e nómina do mes de decembro.
Que o acordo de axudas sociais aprobado polo pleno da Concello de Betanzos do 23 de marzo do ano 2001, indica o seguinte no punto 4:
“As condicións, prazos de solicitude, listas provisionais e definitivas, deberán expoñerse en todos os departamentos, unidades e servizos co fin de darlle a maior difusión entre o funcionariado”.
Que na reunión a que o Comité de Empresa foi convocado o día 4 de outubro con motivo da proposta de concesión das axudas sociais, o Concello comprometeuse a cumprir as bases no que respecta a procedemento, a publicar unhas listaxes provisionais e abrir un prazo de achega da documentación que faltase, notificarlles ás persoas interesadas o prazo de emenda de erros e publicar posteriormente as listaxes definitivas en todos os taboleiros dos distintos departamento.
Que o Concello de Betanzos incumpriu as bases aprobadas polo Pleno posto que non se fixo publicidade das listaxes das axudas concedidas e denegadas e o persoal non ten coñecemento da cantidade concedida ou denegada ao non ter ningunha comunicación nin dispor da nómina correspondente.
Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos seguimos sen entender a que se debe esta actitude do goberno municipal e esta ocultación de información que debe estar dispoñible para todo o persoal, se o Concello non agocha nada baixo as concesións ou denegacións (no caso de que as haxa) das axudas sociais tanto para o persoal laboral como para o funcionariado é incomprensible que non publique cando menos os conceptos, as contías, uns prazos de reclamación etc como recollen as propias bases.
Esta tipo de situacións levan meses a repetirse e foron postas en múltiples ocasións en coñecemento do goberno municipal a través do Comité de Empresa sen que o Concello amose ningunha vontade por solucionalas.


