25/06/13

Paga extra: "erros" e cousas estrañas que acontecen neste Concello

Non é a primeira que neste Concello hai compañeiros e compañeiras que se achegan aos delegados de cara a comprobar o cobro correcto da súa nómina e descubrimos abraiados como non todo o persoal cobra segundo o sistema retributivo do convenio, se nos referimos ao persoal que ten un posto contemplado na Relación de Postos de Traballo vixente, e igualmente, como o persoa ao abeiro de subvención tampouco ten un criterio único nos conceptos que compoñen a súa nómina, senón diversos criterios que atenden a razóns que nalgúns casos parecen, cando menos, de dubidosa obxectividade.

As reclamacións por parte do Comité de Empresa en materia de retribucións veñen de vello e foron especialmente numerosas o ano pasado cando o Concello tentou aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo que consolidaba discriminacións históricas e realizaba subas de salario inxustificadas. Nunca, e xa vai case un ano, o Concello foi quen nin sequera de lle responder ás reclamacións do Comité de Empresa e con responder, xa non se agardaba unha posible solución, senón unha resposta que defendese o texto que presentaban, mais iso nunca aconteceu e levounos a pensar o que sospeitabamos, ou, polo menos, sospeitamos ata que o Concello responda a moitas das reclamacións efectuadas en materia de retribucións, que neste Concello non hai, en moitos casos, un criterio obxectivo no pagamento das retribucións.

No caso do cobro da paga extra, a pesar de que o goberno do Estado nos roubase a paga extra do mes de decembro de 2012, xa con anterioridade, en agosto do ano 2012, o Comité de Empresa lle fixera ao Concello unha solicitude de documentación nunca entregada que nos fixo sospeitar que algún problema había con esta e efectivamente, o cobro da paga extra vén regulado no artigo 22 do Convenio colectivo e logo de observar que hai compañeiros que semellan non cobrar o que lles corresponde na paga e á vista de que este mes cobrarase coa nómina a extra do mes de xuño o Comité, por inciativa da CIG presentoulle unha nova solicitude ao Concello para que lle facilite a documentación requirida en agosto de 2012 con respecto ao complemento extra das pagas de cara a comprobar a aplicación do artigo 22 do convenio colectivo no conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, para que o Concello informe sobre o motivo da non aplicación do artigo 22 do convenio colectivo, no que ten que ver co cobro da paga extra, a diversos traballodores e que,  no caso de efectivamente existir un agravio discriminatorio, se corrixa de inmediato e se reflicta xa no cobro da paga extra do mes de xuño dos traballadores afectados.

Debido a isto, consideramos que non está demais lembrar o que indica o convenio colectivo con respecto ás retribucións da paga extra de cara a comprobar a próxima nómina e efectuar a reclamación correspondente no caso de haxa máis persoal na mesma situación.

Art. 22 Convenio colectivo persoal laboral Concello de Betanzos

 “Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e decembro.
A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.
Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos.”

                         GRUPO                 COMPLEMENTO PAGAS (cada paga)

1................................. 490,00 euros
2................................. 379,43 euros
3................................ 293,11 euros
4................................. 249,92 euros
5................................. 179,27 euros



Traballo dos delegados de prevención

Nos pasados días os delegados de prevención da CIG, xunto co técnico de prevención de riscos laborais da CIG veñen visitando, logo de o Concello lles dar a autorización, distintas dependencias municipais co fin de coñecer de primeira man os riscos dos distintos postos de traballo do Concello e comprobar de primeira man en que medida as avaliacións de riscos laborais dos distintos postos de traballo se corresponden coas realizadas pola Mutua e entregadas polo Concello na reunión de constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar hai un par de meses.

Ao longo destes meses, se o Concello segue a permitir estas visitas, os compañeiros de prevención continuarán con este traballo e farán todas as achegas que consideren pertinentes nas reunións do Comité de Seguridade e Saúde de cara a mellorar as avaliacións realizadas pola mutua que o Concello ten contratada, e que, a primeira vista, resultan, cando menos, incompletas e non axustadas na totalidade á realidade laboral do catálogo de postos do Concello de Betanzos.

Índice de Igualdade de xénero

O Estado español logrou un aprobado raso, cunha nota de 54 sobre 100, no Índice de Igualdad de Género que publica a Comisión Europea por primeira vez este ano; un resultado que coloca a situación das mulleres do Estado español en liña coa media europea, tamén con 54 puntos, pero lonxe dos países nórdicos, onde os resultados superan os 70 puntos.
O exame, realizado polo Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE, polas súas siglas en inglés), sinala a necesidade de "cambios" nas políticas europeas para "acelerar" o proceso de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na Unión Europea, segundo explicou a directora do instituto, Virginija Lanbakk.
Para elaborar este índice tivéronse en conta seis campos diferentes e púxose nota á situación da muller con respecto ao home en todos eles, dende o poder que teñen na toma de decisións das súas empresas ata os ingresos que obteñen ou a educación e formación que reciben.
O primeiro campo avaliado é o da posición que ocupan as mulleres no mercado laboral de cada país, área no que as mulleres do Estado español, cunha nota de 61,3, quedan por debaixo dos 69 puntos que obteñen as europeas de media.
En comparación coa media da UE, as españolas tamén suspenden ao medir as desigualdades en salarios e posición económica, cunha nota de 60,7 fronte ao 68,9 europeo, e cando se trata da xestión do tempo, que ten en conta o peso do traballo e outras actividades na súa xornada, onde o Estado español obtén 33,8 puntos e a UE, unha media de 38,8.
No resto de áreas examinadas, o Estado español mellora a media europea. Así, suma 53,5 puntos e supera os 48,9 da UE no campo do coñecemento, que ten en conta o acceso á educación e formación. Tamén mellora os 38 puntos de media da UE no que se refire ao peso das mulleres no mundo da empresa e da política e obtén 47,2 puntos.
Por último, as mulleres do Estado español obteñen unha nota de 90,7 en cuestións sanitarias como o acceso aos servizos de saúde, onde a media da UE é de 90,1.




19/06/13

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que convoque con carácter de urxencia a Comisión Negociadora do convenio

O Comité de Empresa, por inciativa da CIG, logo de que o Concello de Betanzos leve cinco meses sen convocar a Comisión Negociadora do Convenio colectivo do persoal laboral e que, por tanto, a negociación estea paralizada, e ante a posibilidade de que o persoal laboral deste Concello quede sen convenio colectivo e a urxencia e necesidade dun marco legal claro para os traballadores do Concello de Betanzos con contrato laboral, solicitoulle con carácter de urxencia ao Concello que se retome a negociación do convenio do persoal laboral e se reúna a Comisión Negociadora do Convenio coa máxima brevidade e urxencia posible para intentar solventar esta situación.

Dende a CIG consideramos esta situación gravísima, posto que nuns meses haberá dous anos que o convenio foi denunciado e en todo este tempo o Concello de Betanzos non fixo máis que poñer atrancos na negociación e paralizala no momento en que houbo as primeiras queixas por parte dos representantes do funcionariado, para os que resulta incomprensible unha negociación de laborais na que non toman parte.

Á nula vontade negociadora do PSOE de Betanzos se lle xuntou a reforma laboral ideada polo PP para deixar sen efecto miles de convenios en todo o Estado e a millóns de traballadores sen a protección legal que ata o momento tiñan. A reforma laboral efectivamente foi un tema chave que debeu acelerar a negociación do convenio no momento en que se publicou, mais non é menos certo que xa daquela neste Concello poderiamos ter pechado un novo convenio porque xa había bastantes meses que fora denunciado e presentada a proposta de texto do Comité de Empresa, o Goberno local, pois, non quixo negociar daquela e agora os feitos indican en que pretende deixar aos laborais sen convenio colectivo.

O propio concelleiro de Persoal, logo de que o Comité lle preguntase de novo polo tema, dixo que para o mes volverá a haber negociacións, mais como xa son tantos meses escoitando o mesmo, o certo é que o tema comeza a cansar e xa non hai quen o crea. É obvio que o PSOE de Betanzos está tirando da corda ao máximo para deixar ao persoal laboral sen marco legal, logo alegar que o Estatuto Básico do Empregado Público non é de aplicación para os laborais cando non lle convén como ten defendido nalgún xuízo en anos pasados e baseándose en que deixa aos traballadores contra as cordas iniciar unha negociación de mínimos para reducirlle dereitos ao persoal laboral, e deixalos, unha vez máis como traballadores de segunda fronte aos funcionarios. Se esta non fose a súa verdadeira intención tivo tempo abondo para o demostrar e o único que demostrou foi un nulo interese por negociar un marco legal para os traballadores laborais do Concello de Betanzos.

18/06/13

Horario de verán do Local do Comité de Empresa

Ao igual que o ano pasado, e logo de tratalo na última reunión do Comité de Empresa, o horario do Local do Comité de Empresa será durante os meses de xuño, xullo e agosto de 12:00 h a 14:00 h os martes e xoves.

Lembrámosvos que para calquera consulta ou dúbida os compañeiros e compañeiras delegadas están eses dous días de atendemento no Local do Comité de Empresa. Igualmente, e con motivo da época estival o local non abrirá, agás que haxa algún tema de máxima importancia, durante o mes de agosto.

13/06/13

Os delegados de prevención da CIG rexistran as queixas polas deficiencias nas revisións médicas da vixilancia da saúde 2013

Os delegados de prevención de riscos laborais presentaron por escrito ao Concello as súas queixas con respecto a diversos problemas acontecidos nas revisións médicas realizadas no pasado mes de maio e solicitaron tratar este tema na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde que debería ter lugar nas vindeiras semanas.

Entre as queixas rexistradas faise referencia á incomodidade do lugar onde se realizaron, a que estas revisións non foron específicas de cada posto de traballo, tal e como indica a LPL 31/95 e como o propio concelleiro de Persoal indicou que serían e que se observaron diversas deficiencias.


Saúde e seguridade no traballo: a Comisión inicia unha consulta pública sobre o futuro marco de actuación da UE



A Comisión Europea iniciou unha consulta pública para solicitar as percepcións e achegas do público a raíz dos resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo (2007-2012), que ha de axudar a definir os retos actuais e futuros no ámbito da saúde e seguridade no traballo e a buscar solucións para abordalos.


Todos os cidadáns e todas as organizacións están invitados a participar nesta consulta, que estará aberta do 31 de maio ao 26 de agosto de 2013.
Búscase principalmente a participación de representantes das autoridades públicas dos Estados membros, de organizacións sindicais e patronais e doutras partes e expertos con interese no ámbito da saúde e a seguridade no traballo.
László Andor, Comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, declarou: «Os accidentes laborais rexistran un mínimo histórico e as normas da Unión Europea en materia de saúde e seguridade no traballo son un referente para o resto do mundo. O investimento en seguridade ocupacional paga a pena, pois permite aumentar a produtividade e o benestar dos traballadores, reducir o absentismo e os cambios de persoal e obter unha maior satisfacción no posto de traballo, especialmente durante a crise. Non obstante, este ámbito de actuación tamén presenta retos, e xuntos temos que encontrar solucións para abordalos.
A Comisión publicou hoxe, como base para a consulta, os resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo 2007-2012.
As conclusións desa avaliación confirman a importancia que reviste a dimensión europea da política de saúde e seguridade no traballo, en particular polo que se refire á tendencia positiva na redución dos accidentes laborais e ao papel da estratexia da UE na coordinación de esforzos e a provisión dun marco común de actuación.
No futuro será necesario seguir actuando, en particular para mellorar a aplicación das disposicións de saúde e seguridade no traballo nas PEME e nas microempresas, para deseñar unhas ferramentas máis precisas de seguimento e recompilación de datos, para centrar mellor a atención nos riscos e as enfermidades profesionais emerxentes e para afrontar con máis eficacia os problemas de saúde e seguridade no traballo relacionados co envellecemento da poboación en idade de traballar.
Antecedentes
Dende 2002, a UE desempeña o seu papel político no ámbito da saúde e a seguridade no traballo por medio de estratexias plurianuais adoptadas formalmente pola Comisión tras as correspondentes consultas e aplicadas voluntariamente polos Estados membros e as partes interesadas.
Ata agora adoptáronse dúas estratexias na materia: a primeira en 2002, que abrangueu o período ata 2006, e a segunda en 2007, que chegou ata 2012.
A estratexia 2007-2012 fixou un obxectivo ambicioso para todos os Estados membros: reducir os accidentes laborais nun 25%. Ademais determináronse varios obxectivos específicos, entre eles:
  1. mellorar o marco regulamentario da UE en materia de saúde e seguridade no traballo, e perfeccionar a súa aplicación;
  2. adaptar o marco aos cambios no lugar de traballo;
  3. deseñar estratexias nacionais coherentes adaptadas ao contexto específico de cada Estado membro, e
  4. fomentar cambios nas condutas e promover unha cultura preventiva en todas as capas da sociedade.
En abril de 2011, a Comisión publicou unha revisión intermedia da estratexia 2007-2012. A avaliación final, xa dispoñible en liña, baséase nun amplo proceso de consulta con todas as partes interesadas deste ámbito: autoridades públicas dos Estados membros encargadas da saúde e a seguridade no traballo, organizacións sindicais e patronais a nivel nacional e da UE, expertos na materia, etc.
Máis información:

Exposición a riscos no traballo. Principais resultados da VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo.

A Enquisa Nacional de Condicións de Traballo (ENCT) pretendeu ser, dende os seus inicios en 1987, un instrumento pertinente e eficaz para o coñecemento das condicións de traballo dende a perspectiva da súa influencia na saúde física, psíquica e social dos traballadores; o seu obxectivo é facilitar este coñecemento para definir accións prioritarias de seguridade e saúde e nutrir a reflexión sobre as políticas de prevención e investigación.

En 2011 o INSHT realizou a VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo (VII ENCT) que contou cunha mostra de 8.892 traballadores ocupados.
Mediante entrevista persoal no domicilio do traballador e cun cuestionario de 62 preguntas, os traballadores son preguntados sobre os aspectos máis relevantes das súas condicións de traballo: condicións de emprego, ambiente físico de traballo, contaminantes físicos e biolóxicos, riscos e causas de accidente, carga física de traballo, factores psicosociais, organización do tempo de traballo, participación e actividades preventivas na empresa, danos á saúde, etc.
As seguintes páxinas resumen algúns dos principais resultados sobre exposición desta Enquisa e, cando foi posible, a comparación destes resultados cos obtidos en 20072 (VIN ENCT).
Entre os contidos tratados neste resumo figuran:
  1. O tempo de traballo: redúcese a xornada semanal e continúan os horarios atípicos
  2. Exposición a riscos físicos
  3. Demandas físicas requiridas
  4. Exigencias da tarefa: aumenta a intensidade e o ritmo de traballo
  5. Falta de autonomía: especialmente acusado entre os temporais, os menores de 25 anos e os de nacionalidade estranxeira
  6. Apoyo social, desenvolvemento de habilidades e autorrealización
  7. Sobre danos á saúde



Ligazón á "Exposición a riscos no traballo. Principais resultados da VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo".

Convocadas as Axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2013/2014

Diario Oficial de Galicia nº 103 de data 31/05/2013

1 - ORDE do 30 de maio de 2013 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2013/2014.

O prazo de presentación de instancias será o seguinte:

a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 3 de xuño ao 3 de xullo de 2013, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2013, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2013, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2014

Para acceder o DOG de 31 de maio de 2013, prema AQUI

O forte incremento do prezo dos alimentos e das medicinas acrecenta as dificultades da maioría da poboación galega


A CIG alerta do cada vez maior deterioro das condicións de vida da maioría social e o alarmante risco de exclusión social

O IPC medrou en Galiza o 1,8% respecto do mes anterior. Os produtos que máis contribuíron a este incremento foron precisamente os da cesta básica: alimentos e medicinas. A CIG denuncia que isto afecta especialmente ás persoas desempregadas e pensionistas, mais tamén ás traballadoras e traballadores que viron diminuídos nestes últimos anos os seus ingresos. A central sindical alerta de que esta situación provoca que o risco de pobreza e exclusión social sexa cada vez maior e do enorme deterioro que se está a producir nas condicións de vida da maioría das galegas e galegos.
O Gabinete Técnico de Economía da CIG advirte das consecuencias que este incremento de prezos terá para a poboación pensionista, con ingresos medios por debaixo dos 600 euros e que é, ademais, a que dedica a maior parte da súa pensión a alimentos e medicinas. E non só para elas, senón tamén para todas as familias que hoxe en Galiza se sustentan grazas a eses ingresos.
O Gabinete atribúe o incremento de prezos dos medicamentos á retirada de moitos deles do chamado “Catálogo de Medicamentos” e afirma que “cantos máis medicamentos saen do catálogo, máis medra o prezo dos mesmos para beneficio das multinacionais farmacéuticas o que por un lado, non favorece o pretendido aforro público e, polo outro agrava a xa castigada situación económica dos fogares, nomeadamente dos pensionista”.
Do mesmo xeito, advirte que a suba dos prezos dos alimentos afectará fundamentalmente á poboación sen ingresos ou con fortes dificultades económicas. De feito, en Galiza había xa no mes abril 127.000 persoas desempregadas que non cobran ningunha prestación.
Este incremento de prezos deteriora aínda máis as condicións de vida do conxunto das traballadoras e traballadores, xa que a medida que se reducen os seus ingresos a proporción dos mesmos destinados á cesta da compra é cada vez maior. Algo que non ocorre para quen teñen maiores ingresos, xa que o peso da cesta da compra representa só unha ínfima porcentaxe no conxunto dos seus gastos. As desigualdades sociais son pois cada vez maiores e o risco de pobreza e exclusión é a esta altura alarmante.
IPC Maio.

Variación anual (%)

2013/Maio

España
Galicia
Xeral
1,7
1,8
Alimentación e bebidas non alcohólicas
3,4
3,3
Bebidas alcohólicas e tabaco
4,3
4,4
Vestido e calzado
0,3
0,2
Vivenda
0,1
0,6
Enxoval
1,4
1,8
Medicina
13,5
13
Transporte
-0,1
-0,2
Comunicacións
-4
-4,1
Ocio e cultura
1,6
1,4
Ensino
10,4
4
Hoteis, cafés e restaurantes
0,7
1,4
Outros bens e servizos
2,9
3,2
 



A CIG rexeita o novo intento de reformar o sistema público de pensións


Denuncia que o informe dos expertos só pretende reducir a contía e dificultar o acceso ás pensións para promover que quen poida subscriba plans de pensións privados

A Confederación Intersindical Galega manifesta o seu máis rotundo rexeitamento ás propostas recollidas no informe dos “expertos” co que se pretende avalar unha nova reforma das pensións. Para a central sindical, lonxe de pretender garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo, o que se busca é reducir a contía das pensións, dificultar o acceso ás mesmas e promover que as traballadoras e traballadores con capacidade adquisitiva subscriban plans de pensións privados, para alimentar así o negocio da banca e dos especuladores.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que non estamos ante un debate técnico, senón ideolóxico. Cuestiona a propia natureza do informe e ás persoas que o elaboraron. “Non son neutrais, practicamente todos están vinculados á banca e as aseguradoras, entidades que teñen que ver co negocio dos fondos privados de pensións”, afirma. De feito, considera que o resultado dese informe tería sido distinto se se encargara a súa elaboración a persoas cun perfil diferente.
Respecto do contido do informe, que máis unha vez insiste en que o sistema público de pensións non é viábel, lembra que xa se ven recorrendo a este argumento desde os anos 90, momento no que tamén se presentaron informes de expertos vinculados ao sector financeiro que auguraban que no ano 2000 o sistema público ía entrar en déficit. “Isto non só non se cumpriu, senón que ademais tivo superávit e o fondo das pensións supera os 60.000 millóns de euros”.
A CIG defende que o sistema público, que se mantén coas cotizacións das traballadoras e traballadores en activo, é moito máis garantista que os sistemas privados. En todo caso, o secretario xeral advirte que “vai moi vinculado ás políticas económicas que garanten a creación de emprego e salarios dignos” e subliña que de se manter así non vai ter problema.
Seixo explica que se neste intre comeza a ter certo déficit é porque no estado español hai agora 6 millóns de persoas desempregadas, unha situación que ten que mudar porque “de seguir así estariamos condenados ao desastre”.
Alerta ademais dos riscos que teñen os sistemas privados de pensións, que son utilizados polas entidades que os subscriben para investir e especular no mercado financeiro o que pon en risco eses recursos porque “se sae ben acumúlanse beneficios, pero en tempos de crise non é así, co que os cartos que se foron destinando a eses fondos, no canto de aumentar diminúen”.
Para o secretario xeral da CIG cómpre ser conscientes de que tras deste debate hai un posicionamento ideolóxico claro por parte das forzas políticas que defenden este tipo de propostas. “Os sistemas privados de pensións moven moitos billóns de euros e pretenden facerse tamén con parte dos recursos que se moven no sistema público pola vía de xerar incertidume dicindo que non é viábel”.
Outro dos mecanismos para promover que as traballadoras e traballadores se acollan a sistemas privados é adoptar reformas que leven a que as pensións futuras sexan máis baixas e que haxa máis dificultade para acceder a elas. “Iso é o que hai detrás deste informe e do debate que se trata de suscitar”, di Seixo que subliña que no propio informe que dará pé á nova reforma, os propios “expertos” xa recollen a necesidade de que os traballadores/as destinen os seus aforros aos fondos privados de pensións.
Factor de sostibilidade e de equidade interxeracional
Os elementos que se pretenden introducir nesta reforma son o chamado factor de sostibilidade e o factor de equidade interxeracional. No primeiro caso, refírense á pretensión de desvincular do IPC a revalorización anual das pensións introducindo outros criterios, co único obxectivo de rebaixar o poder adquisitivo das/os pensionistas.
No segundo caso, preténdese fixar a contía da pensión temporalmente, condicionándoa ás expectativas de vida de cada xeración, alén de vinculala ás cotizacións durante a vida laboral e ao número de anos cotizados. Isto tradúcese en que a maior expectativa de vida, de menor contía será a pensión.
A pretensión é que estes mecanismos comecen xa a aplicarse a partir do ano 2014 e atendendo a eses criterios, para 2015 a pensión sufriría unha rebaixa dun 0,7%, e no ano 2050 chegaría a reducirse nun 18,8%.
Seixo lembra que do ‘factor de equidade interxeracional’  xa se falaba no pacto das pensións asinado en 2011 polo goberno do PSOE, CCOO, UGT e CEOE e mesmo fixábase a súa aplicación a partir do ano 2027.
Ante isto, o secretario xeral da CIG, que denuncia o apoio descarado de CCOO a este último informe, sinala que tanto CCOO como UGT xa asumían a introdución destes criterios.
Cun panorama como este, Suso Seixo apela á necesidade de dar un debate defendendo a viabilidade do sistema público, que é o máis garantista, aclarando que esa viabilidade “pasa por facer políticas económicas que promovan o reparto da riqueza e a creación de emprego”. Pide ademais “non caermos na trampa dos seus argumentos, que responden unicamente aos seus intereses, que se resumen en aumentar a súa cota de negocio”.


A Xustiza considera “inadmisíbel” que o INSS pague “produtividade” por dar altas médicas a traballadores/as

Dúas sentenzas, de aplicación en todo o Estado, estiman as demandas da CIG

A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, dúas sentenzas polas que se anulan parte dos obxectivos de produtividade dos/as Inspectores/as médicos/as do INSS e dos médicos de Sanidade Mariña do ISM. As sentenzas poñen de manifesto que a seguridade social estaba a utilizar medios fraudulentos para limitar a duración das baixas e estender a vixencia dos recoñecementos médicos dos traballadores embarcados, poñendo así en risco a súa saúde. A sentenza referida ao INSS ten especial relevancia, porque abrangue ao conxunto de traballadores/as de todo o Estado.

No ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo. Isto traducíase, no caso do INSS, en que cantas máis altas se concederan maior puntuación se obtería no índice de produtividade e polo tanto máis diñeiro se cobraría.
xulgado central do Contencioso-Administrativo número 5, con sede en Madrid, vén de emitir a sentenza pola que se anula este índice por consideralo contrario a dereito.
Nunha anterior sentenza, emitida xa no mes de abril, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo núm. 2, con sede en Madrid, estimaba tamén o recurso da central sindical contra a resolución do Secretario de Estado da Seguridade Social que fixaba os obxectivos de xestión para o ano 2011, e que servían igualmente de base para o cobro do complemento de produtividade dos médicos do ISM.
O avogado da asesoría xurídica nacional da CIG, Héctor López de Castro explica que estas dúas sentenzas son importantes polo que significan en si pero, sobre todo, polo que revelan. “Estamos nun momento no que hai un dogma segundo o que o estado debe reducir o seu déficit, debe ingresar máis e debe gastar menos. Con estas dúas sentenzas ponse de manifesto unha forma de reducir o gasto, pero ademais de facelo mal, porque se fai en fraude de lei e faise pondo en perigo a saúde laboral dos traballadores”.
No referido ao ISM, os médicos de Seguridade Mariña realizan os recoñecementos de embarque marítimo, que serven para determinar que as condicións psicofísicas dos mariñeiros son compatíbeis co posto de traballo e non supoñen perigo para a saúde e seguridade do traballador embarcado, do resto da tripulación do buque e da propia navegación marítima.
No caso da sentenza referida ao INSS a súa transcendencia é moito maior tanto no ámbito, porque afecta ao conxunto de traballadores de todo o Estado, como pola súa transcendencia económica, xa que o Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se encontran de baixa por enfermidade ou accidente.
O punto en común das dúas sentenzas é que se introduce como complemento de produtividade dos médicos, tanto do INSS, como do ISM un factor que prima os obxectivos económicos das entidades xestoras sobre o propio dereito á protección da saúde do artigo 43 da Constitución.
López de Castro explica que se introduce un complemento económico na xestión da duración das baixas e os recoñecementos que ten como consecuencia que se pague máis en produtividade, ao conxunto do servizo, obtendo un resultado que define como “antixurídico” porque o que se pretende é aforrar custos á administración da Seguridade Social. “A consecuencia é que hai traballadores/as que reciben alta médica cando as súas condicións probabelmente non son as máis idóneas para traballar”.
Isto é contrario tanto ao código deontolóxico profesional médico, xa que non poden ver condicionada a súa actuación por factores económicos, como á propia definición do complemento de produtividade, que debe pagar a rendemento, dedicación e interese que un/unha traballador/a ou funcionario/a pon na prestación do seu traballo.
Neste sentido, Esther Fontenla, médica de Seguridade Mariña do ISM explicou, na rolda de prensa, que as/os profesionais tanto do ISM como do INSS, “sentímonos condicionados/as por unha banda polo resto de compañeiros/as da administración do Estado, porque este complemento de produtividade non se dá exclusivamente ao persoal médico senón que se reparte a partes iguais entre todas as traballadoras e traballadores da Dirección Provincial”.
Xunto a isto, matizou que puxeron en dúbida que isto fora en concordancia co Código Deontolóxico da profesión médica e por iso consultaron á Organización Médica Colexial que en escrito de resposta déronlles a razón considerando que efectivamente ía en contra. Atendendo a isto, explicou, “intentamos chegar a un acordo coa administración” entendendo que este obxectivo estaba condicionando o seu labor e o acto médico en si.
Fontenla considera que estas sentenzas confirman que, efectivamente, a introdución destes índices no cálculo de produtividade “van en contra do Código Deontolóxico da profesión médica”.
Pola súa banda Xaime Rey, responsábel do sector de Administración do Estado da CIG-Administración, lembrou que desde a central sindical tamén se intentou convencer aos responsábeis da Secretaría de Estado da Seguridade Social da necesidade de que se retirase este apartado, entendendo que afectaba á libre prescrición e libre actuación dos/as médicos/as. “A administración sempre argumentou que os obxectivos non eran materia incluída na negociación colectiva senón que os marcaba a administración como unha estratexia de xestión”.
Para a CIG a prestación sanitaria por IT (incapacidade temporal), é fundamental na medida en que garante a subsistencia material das traballadores e traballadores en situación de enfermidade. Ante estas sentenzas, Francisco Miranda Vigo, secretario confederal de Comunicación da central sindical denuncia que as políticas de austeridade están levantando sospeitas sobre as/os traballadoras/es que se ven na necesidade de exercer este dereito. “Hai cantidade de persoas que teñen que acudir aos seus postos de traballo dados de alta estando enfermas e mesmo casos de despedimentos para aqueles que pola súa situación de enfermidade non están aptos para realizar o seu traballo en condicións óptimas”.
No medio dunha campaña mediática de demonización dos traballadores/as que se ven obrigados/as a recorrer a unha baixa por enfermidade estas sentenzas constatan que é a propia administración a que “fai trampa” para conseguir uns obxectivos puramente económicos.


03/06/13

Información sobre o horario de verán

Logo de que o Comité de Empresa lle solicitase ao Concello que especificase en que franxa horaria se realizaría a redución correspondente ao horario de verán, o Concello vén de comunicar nos distintos departamentos municipais que debido a que as as negociacións sobre xornada e horario aínda están en curso, a redución horaria diaria que comeza hoxe mesmo levarase a cabo nos mesmo termos que en anos anteriores e realizarase entre o 1 de xuño e o 31 de agosto. Igualmente comunicou que todos aqueles departamentos que por motivos de servizo non poidan realizar a devandita redución de xeito diario terán a compensación pertinente. 

Dende a CIG valoramos positivamente que o Concello se apresurase a comunicar este tema a todos os traballadores e traballadoras, tal e como lle solicitou o Comité de Empresa e dese resposta a unha das demandas do Comité. Igualmente, no caso de que algún compañeiro ou compañeira teña problema á hora de exercer este dereito polo seu horario, xornada, ou calquera outro motivo pode poñerse en contacto con calquera dos delegados da CIG que llo trasladaremos ao Concello na busca de solucións.