31/07/19

Os elementos da contorna laboral que causan estrés a mulleres e homes son diferentes


A profesora de estudos de Economía e Empresa e experta en RRHH da universidade online UOC, Eva Rimbau Gilabert, concretou cales son eses factores estresantes que afectan de maneira distinta aos profesionais en función do seu sexo. No caso das mulleres, un deses elementos é o dobre rol que teñen que xogar no fogar e no traballo, moi vinculado aos roles de xénero da sociedade e á influencia das expectativas sociais.

Outro factor de tensión é a discriminación por xénero reflectida en salarios inferiores por igualdade de responsabilidades, o muro da maternidade e o teito de cristal (barreira invisible que impide ás mulleres acceder ás posicións máis altas da xerarquía organizativa).
Ademais, as mulleres que están soas en contornas laborais ocupadas unicamente por homes (profesións específicas ou altos niveis directivos) poden converterse en “exemplos simbólicos” (en inglés,  tokenism) e sufrir estereotipos e discriminación, poden sentirse soas e ser excluídas das redes informais que apoian aos homes.

Así mesmo,  Rimbau engade á lista de elementos  estresantes o risco de acoso sexual e de comportamentos sociais sexuais que non son acoso (flirteo, chistes ou comentarios sexuais) pero que tamén xeran tensión e malestar.

No caso dos homes, os elementos da contorna laboral que apunta  Rimbau que poden causar tensión son, por exemplo, as longas xornadas laborais e as viaxes de traballo, que lles quitan tempo para desenvolver a relación cos seus fillos.

Tamén a presión para cumprir os valores da “ masculinidad corporativa”; é dicir, espérase que os homes sexan competitivos, obxectivos, dispostos á confrontación, lóxicos e orientados ás tarefas. Pídeselles tamén que consideren o traballo como o rol máis importante da vida e aléntase a adicción ao traballo. Todo iso xéralles unha excesiva preocupación por alcanzar estes valores, o que lles comporta un gran risco para a saúde.

A experta da  UOC constata que poucas empresas teñen programas para reducir a tensión que teñan en conta o xénero, e propón algunhas medidas que poderían levar a cabo.

En canto ás mulleres,  Rimbau propón crear programas para eliminar a brecha de xénero nas retribucións, realizar auditorías para garantir que as mulleres non estean en desvantaxe en canto a oportunidades de formación e desenvolvemento ou poñer en marcha acciones de  mentoría (mentoring) para ofrecer apoio social.

En relación cos homes,  Rimbau suxire deseñar intervencións orientadas a diminuír a tensión do rol, axudándolles a explorar o seu propio desenvolvemento emocional, ou pensar medidas para axudarlles a descubrir as limitacións da “ masculinidad corporativa” e a desenvolver un enfoque máis equilibrado da vida.

Facilitar a conciliación entre vida laboral e familiar tamén sería unha actuación que apoiaría esta revisión dos roles masculinos, e, por tanto, reduciría a tensión dos homes, asegura  Rimbau.

Fonte:  RRHH  press


Novo pau á Xunta pola concesión arbitraria das comisións de servizo

Nas comisións de servizo non abonda con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade, senón que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación. Iso vén a decirlle á Xunta de Galiza, por segunda vez, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A nova sentenza do TSXG 341/2019, do 3 de xullo, incide nos mesmos aspectos que a anterior sentenza 87/2018 que demos a coñecer o ano pasado capitaneada tamén desde os servizos xurídicos da CIG.

Todo o mundo ten moi claro que as decisións discrecionais das Administracións hai que motivalas e tamén notificar as resolucións. Porén, esto parece que se lle esquece acotío á Xunta. É o mínimo que marca a lei. Non estaría de mais que os criterios de selección fosen previmente publicados, como non estaría de máis que as comisións de servizo fosen realmente "excepcionais" e "transitorias" e o ordinario fose o concurso aberto permanente. Mentres non sexa así, haberá que seguir defendendo os nosos dereitos á mobilidade e promoción profesional (e a legalidade) nos tribunais.

Desde a CIG valoramos positivamente esta senteza que non vai a eliminar de raíz a arbitrariedade no reparto das comisións de servizo, pero vaille a obrigar á Administración a botarlle máis imaxinación á hora de motivar por que unha persoa candidata é preferible sobre outra; a parte de a notificar a resolución (coa motivación) a todas as persoas candidatas. Así pois, permitirá unha comparación, que si pode ser controlable polos xulgados.

Esiximos que desde a Dirección Xeral de Función Pública se vele polo cumprimento da legalidade e xurisprudencia en todas as resolucións das comisións de servizo, que parece ser que no 2018 non nos fixeron moito caso. Vai rematando a época das comisións de servizo arbitrarias e eternas e parece mentira que no 2019 aínda esteamos así.

A maioría dos novos contratos do segundo trimestre de 2019 foron temporais e asinados por homes


A ocupación medra menos con respecto a períodos anteriores e aumenta a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina


O segundo trimestre do ano rematou en Galiza con 18.600 persoas ocupadas máis que no trimestre anterior e con 13.500 paradas menos. Trátase do peor dato de ocupación dos últimos anos, xa que esta medrara en 25.700 no mesmo período de 2018. Ademais, a maior parte dos novos contratos tiveron carácter temporal, superando o 90%, e foron asinados por homes (74,2%), o que fai aumentar de novo a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina.

Atopámonos diante dunha tendencia positiva propia deste período ao incluír parte das contratacións da época estival. As características do emprego creado tamén marcan unha tendencia continuísta, xa que os postos de traballo foron maioritariamente por conta allea, é dicir, asalariadas/os no 60% dos casos, e de carácter temporal (91% das novas persoas asalariadas).

O medre da ocupación afectou en maior medida ao sector servizos (7100 ocupados/as máis) e á industria, con 5.800 novas contratacións; aínda que todos os sectores rexistraron unha evolución positiva.

No que atinxe ao sexo, a maioría do emprego creado foi entre os homes (74,2%), o que provoca que volva medrar a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina. Nas etapas de destrución de emprego as taxas equiparáronse, chegando incluso a masculina a superar a feminina, pero cando o emprego se recupera minimamente volven aumentar as diferenzas, o que para a CIG amosa o papel secundario que as mulleres continúan a ter no mercado laboral. A taxa de paro situouse neste período no 11,3%: a dos homes baixou até o 10,7% e a das mulleres continúa no 12%.

O medre da ocupación tamén mellorou a situación dalgúns fogares que contaban con todos os seus membros no paro. Con todo, rexístrase un número moi elevado de fogares (52.200) con algún membro activo no que todos están parados (trimestre anterior eran 55.000).

En resumo, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2019 amosan a continuidade da tendencia xa coñecida: medre da ocupación de carácter estacional e polo tanto temporal. Ao mesmo tempo, reflicten que o incremento do SMI non provocou un aumento da destrución de emprego, polo que dende a CIG consideran necesario afondar neste sentido e apostan pola derrogación das reformas laborais que están detrás da crecente precarización do emprego.

Políticas propias

O secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, fai fincapé no feito de que os datos deixan ver a menor baixada do desemprego no segundo trimestre dos últimos anos, así como que esta se centre principalmente no sector servizos. Sinala tamén que dous terzos dos empregos creados compensáronse con esa cantidade de empregos destruídos, o que dá idea da enorme rotación no mercado de traballo.

“Nunha xornada como a de hoxe, día posterior ao da Patria Galega, á vista da situación de deterioro da calidade do emprego e da desertización industrial do país non podemos facer outra cousa que reclamar con máis forza a necesidade de que Galiza posúa competencias plenas que nos permitan desenvolver políticas industriais que aproveiten a enorme potencialidade dos nosos sectores produtivos e políticas económicas e laborais que sirvan para distribuír a riqueza e para mellorar as condicións de vida da clase traballadora galega”.
Para Cartelle, a soberanía é a ferramenta que nos permitiría rematar con esta realidade laboral na que a precariedade e a inxustiza social avanzan da man de gobernos que actúan ao ditado dos intereses da elite económica.


Reclamacións pola non aplicación do Convenio colectivo a unha parte dos traballadores do Concello de Betanzos

Neste pasado mes volveu á palestra un tema que xa o Comité de Empresa anterior, a través da CIG, trouxera á actualidade en varias ocasións, como son as discriminacións retributivas ás que o Concello somete ao persoal dos obradoiros, incumprindo o Convenio colectivo vixente do persoal laboral e os propios acordos cos traballadores laborais, que pasaban porque este tipo de discriminación se eliminasen, e así se dixo durante os 5 anos de negociación do Convenio colectivo. 

Con relación a este conflito, non só presentaron reclamacións de dereito e cantidade 20 traballadores e traballadoras, senón que tiveron unha reunión co propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e a concelleira de Formación e Emprego, María Jesús Regueiro, ás que asistiron dous delegados da CIG e na que se lles expuxo a problemática. O goberno municipal xustificou a discriminación pola especificidade dos contratos e en contra do que indica o Convenio colectivo, manifestou a vontade de modificar o convenio para non aplicarllo a esta parte do persoal (mais iso sempre afectaría a vindeiros obradoiros) e indicou que se o informe da Asesoría Xurídica era positivo non terían problema en acceder á reclamación, que serían as diferenzas entre o cobrou o persoal e o que indica o convenio, algo máis de mil euros por traballador. Resultou unha contradición total por parte do concelleiro non acceder directamente ao solicitado, toda vez que admitiu que para non aplicar o convenio a este persoal en futuras ocasións habería que modificalo, mais xa sabemos que cando se trata de xustificar a pésima xestión de persoal do Concello de Betanzos todo vale.

Esta cuestión é aínda moito máis grave se temos en conta que este persoal traballaba 40 horas á semana, tamén incumprindo o convenio colectivo, ao facer dúas e media máis á semana que o resto, o que supuxo un total de 80 horas na totalidade do contrato que deberían ser consideradas como extraordinarias e cobradas como tal, toda vez que exceden a xornada reflectida no Convenio colectivo. No caso  de non lle pagar estas horas como extraordinarias, o Concello non só se negaría a aplicarlle a xornada do Convenio colectivo, senón que incidiría máís na discriminación deste persoal ao ser o único colectivo que non cobraría as extras, nun Concello onde a partida de horas extraordinarias medra ano a ano mentres o cadro de persoal mingua cada vez máis e os reparos suspensivos de Intervención para o pagamento destas son continuos, porque, entre outras cousas o goberno municipal do PSOE se nega a controlar a xornada laboral e así poder acreditar as horas extraordinarias debidamente, mesmo en contra da lexislación estatal que el mesmo aprobou no Estado.

A CIG solicita información sobre os contratos laborais desde o pasado mes de xuño, xa que nesta nova lexislatura non facilitou nin unha soa copia dos contratos laborais

A CIG decidiu solicitar por rexistro unha copia dos contratos laborais que o Concello de Betanzos realizou desde o pasado mes de xuño. Desde ese mesmo momento o goberno municipal aproveita a non constitución do Comité de Empresa para non lle facilitar aos representantes dos traballadores copia dos contratos laborais, tal e como debe.
A maiores, o feito de que non se constituíse o Comité e o goberno teime en non lle dar cumprimento ao laudo arbitral dos resultados das eleccións complica o panorama e debeulle facer pensar que non ten obrigas de información aos traballadores que veñen dadas polo propio Estatuto dos Traballadores.
O certo é que estas primeiras semanas de lexislatura veñen a confirmar as peores prácticas do goberno municipal en material de persoal, con discriminacións cada vez máis patentes, un desmantelamento completo dos servizos públicos en favor das empresas privadas e a paralización total e absoluta da negociación colectiva, cando menos nas mesas xerais de negociación, xa que as reunións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, cos delegados de funcionarios do CSIF son continuas e demostran que a este sindicato o que menos lle importa son as mesas de negociación onde se deciden a porta aberta cuestións tan importantes como as retribucións complementarias.

Case un mes despois do laudo arbitral das eleccións sindicais do persoal laboral, o Concello non reuniu a Mesa das eleccións para darlle cumprimento ao requerimento da Inspección

Está claro que o resultado do laudo arbitral non lle gustou ao goberno municipal do PSOE, que teima en non lle dar cumprimento a un requirimento da Inspección de Traballo do pasado 5 de xullo. A esta altura non deu nin un paso adiante para cumprir o mandato do inspector e tomar como válidos os tres votos da CIG que se declararan nulos e que modificacarían a composición do Comité de Empresa.
Mentres tanto, e sen Comité de Empresa, o goberno municipal aproveita para realizar contratos sen que os revise ningún representante sindical e nin sequera facilitarlle unha copia aos delegados sindicais que o requiren. 
A CIG, no caso de o goberno municipal non lle dea un cumprimento inmediato ao laudo arbitral comunicaralle á Inspección que o Concello de Betanzos se nega a cumprir os seus requirimentos, para que esta actúe do xeito que proceda.

O traballador non ten que probar a imposibilidade de conciliación para pedir a xornada á carta

O Tribunal Superior de Galicia, en sentenza de 28 de maio de 2019 estableceu que non corresponde ao traballador probar que existe unha imposibilidade de conciliación entre a vida familiar e a laboral para esixir unha xornada á carta por estes motivos. 

Nesta sentenza, recoñécese a unha traballadora que viña gozando dunha redución de xornada por fillo a cargo o horario que ela solicita, e aínda que a priori poida parecer máis do mesmo que noutras moitas sentenzas ditadas na mesma materia, o curioso do asunto estriba en que o maxistrado fai fincapé en que non se lle pode esixir á empregada que, de forma pormenorizada, acredite a imposibilidade de conciliar a súa vida familiar e laboral.

A empresa esixía proba da imposibilidade

A súa empresa negoullo porque entendía que non dera proba suficiente da súa necesidade. Por unha banda, entendía que co horario escolar da súa filla ben podería quedar a comer ou a realizar actividades extraescolares, e por outro, non probaba que o seu marido non puidese conciliar no seu traballo ou que non dispuxese da axuda de avós ou terceiras persoas.

Pero neste momento no que estamos no que é tan difícil a conciliación da nosa vida co traballo, para os xuíces é intranscendente que o centro escolar ao que acoden os nosos fillos non teña comedor ou actividades extraescolares, e por iso, non ha de acreditarse ante o empleador ao que se solicita o novo horario. Pero é que ademais, aínda que o houbese, non nos esquezamos que acudir a estas actividades supón un gran custo económico para as familias, custo que en moitos casos non se pode soportar.

Por igual razón tampouco se pode esixir á traballadora, xa que son elas as que na maioría dos casos solicitan a redución e concreción horaria, que probe que o pai dos menores non pode adaptar a súa xornada, ou que non dispón de axuda de terceiros familiares (avós) ou sen ser familiares, ou que o horario peticionado sexa o mellor para o goce da familia no seu conxunto.

Porque o dereito á concreción horaria é un dereito personalísimo que só admite restricións por parte da empresa no caso de que ambos os proxenitores presten servizos na mesma empresa, o que non é o caso.

Non existe obrigación de probar a imposibilidade

Non se ha de probar, nin sequera mencionar, que a parella da actora téñao máis ou menos difícil que ela para conciliar. E menos aínda alegar que poden ser os avós quen coiden do menor. Porque a patria potestade corresponde aos pais, quen han de soster aos seus fillos e non só economicamente, dándolles alimentos, senón tamén nun aspecto fundamental como é a educación e a compañía. E sen conciliar, dificilmente conseguirase. 

Apóiase ademais a Sala para recoñecer o dereito peticionado pola traballadora en que o horario por ela solicitado é un dos contemplados no acordo de conciliación e en que a empresa non probou que tal horario resulte imposible ou notablemente gravoso.

A última xurisprudencia respecto diso

Recente xurisprudencia xa se encargou de afirmar que non se pode denegar o dereito á concreción horaria só por meras razóns organizativas de carácter xenérico, senón que se debe indicar, de forma concreta, a imposibilidade ou a importante dificultade de aceptar o horario proposto.

Foi o TC quen se encargou de perfilar os criterios mínimos en relación ao dereito á concreción horaria, e de indicar que non se poden establecer fórmulas xenéricas. Ha de investigarse caso por caso e analizando as particulares circunstancias.

En suma, a redución de xornada, con concreción horaria dentro da xornada ordinaria, que non implica un cambio de quendas ou de días de prestación de servizo, é dereito personalísimo do traballador correspondéndolle a este fixar a concreción horaria.

E en caso de ser necesaria unha modificación, ben no sistema de quendas ou no do número de días de prestación de servizos non corresponde automaticamente á traballadora a concreción, pero si deben ponderarse as circunstancias concorrentes, xa que non facelo, e negar directamente a redución de xornada proposta pola traballadora sen entrar a valorar os dereitos en xogo, supón unha vulneración ao dereito á non discriminación por razón de sexo

http://noticias.juridicas.com

16/07/19

Suba do 0,25%

Con efectos do 1 de xullo o persoal das administracións públicas terá unha suba do 0,25%  adicional que estaba vinculado á evolución do Produto Interior Bruto. A medida, xa aprobada polo Consello de Ministros, debe facerse efectiva na nómina do mes de xullo, do contrario, o persoal poderá reclamar esta e os atrasos pertinentes no caso de non cobrala nos vindeiros meses.

Laudo arbitral sobre as Eleccións sindicais do persoal laboral

A Inspección de Traballo estimou o pasado 5 de xullo a impugnación realizada pola Confederación Intersindical Galega con respecto ás eleccións sindicais do persoal laboral do pasado mes de xuño. Isto significa que a Inspección declara como válidos catro votos que foran declarados nulos na Mesa do persoal especialista e non cualificado, dos cales tres eran da Conferación Intersindical Galega.

A Mesa do persoal especialista e non cualificado terá que reunirse de novo e retrotraer o proceso ao reconto dos votos para estimar como válidos os que foran declarados nulos, a consecuencia será unha nova configuración dos delegados do Comité de Empresa, que haberá que comunicarlle de novo á autoridade laboral.

Cómpre destacar que por primeira vez en oito anos o concelleiro de Persoal acudiu á Inspección de Traballo a este laudo, cando nunca ten acudido a comparecer ante ningunha das demandas presentadas en oito anos no organismo provincial. Alí demostrou un interese moi particular en defender un proceso do que máis ben tiña pouco coñecemento mais con cuxos resultados está claro que estaba satisfeito. 

A estimación da reclamación supón unha nova configuración que non beneficia tanto ao goberno municipal, xa que está claro que hai sindicatos que, tal e lle din aos propios traballadores, mesmo se asesoran co propio persoal municipal e amañan os asuntos tomando café co concelleiro, non nas Mesas de Negociación onde todo consta nunha acta e logo se fai público para coñecemento da totalidade do persoal.

A maiores, o feito de que o CSIF aínda non tivese constituído o Comité de Empresa, un mes e medio despois das eleccións sindicais, sendo o sindicato maioritario, demostra claramente que a finalidade do sindicato de funcionarios tendo representación en laborais era paralizar o funcionamento do Comité de Empresa e beneficiar así claramente ao goberno municipal.

As patoloxías reumáticas causan o 50% das baixas permanentes no Estado español

Case un de cada catro adultos maiores de 20 anos sofre unha enfermidade reumática no Estado, o que supón ao redor de 11 millóns de persoas, segundo o Estudo Episer 2016 elaborado pola Sociedade Española de Reumatoloxía. Só de artrite reumatoide, unha das máis comúns, hai case 300.000 pacientes e cada ano diagnostícanse uns 20.000 casos novos.

Para falar dos últimos avances no tratamento destas doenzas, 14.000 especialistas de Europa e outras partes do mundo déronse cita en Ifema con ocasión do Congreso Anual Europeo de Reumatoloxía que organiza a liga Europea contra o Reumatismo (Eular). O evento contou coa colaboración da Sociedade Europea de Reumatoloxía Pediátrica (PReS).

O presidente de Eular, destaca que a participación dos pediatras no congreso permitirá “asimilar o coñecemento” sobre a manifestación destas enfermidades durante todas as “décadas da vida”. “Eular é o noso socio natural e por unha boa razón: os nosos pacientes tamén necesitan o mellor coidado posible unha vez cumpridos os 18 anos”, comenta o presidente de PReS.

A artrite reumatoide é unha inflamación crónica que afecta ás articulacións de forma simétrica (en ambos os lados do corpo, por exemplo, as dúas bonecas), pero que tamén pode danar órganos internos. Outras tipoloxías son a artrose lumbar, gota, artrite psoriásica, fibromialxia e o lupus eritematoso sistémico.

O Estado, as patoloxías reumáticas son responsables do 24% das incapacidades temporais e do 50% das permanentes. En 2010 déronse máis de 800.000 baixas temporais por esta causa, cun custo para a Seguridade Social de máis de 1.000 millóns de euros.

A pesar do seu impacto, “só o 40% dos hospitais públicos ten un servizo especializado en reumatoloxía”, advirte a directora de OpenReuma, asociación nacional de profesionais con interese neste campo. Con todo, destaca que a Universidade de Alacante ofrece xa o primeiro curso oficial de posgrao en reumatoloxía e que, en marzo de 2020, impartirase o curso Eular para profesionais sanitarios en Madrid.

Fonte: CincoDías

Asocian traballar máis de dez horas ao día con maior risco de ictus

Segundo un estudo realizado por investigadores do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica en Francia (Inserm) as longas xornadas laborais poden pasarlle factura á saúde porque aumentan o risco de sufrir un accidente cerebrovascular, especialmente se esta situación prolóngase durante 10 anos ou máis e o traballador/a é menor de 50 anos.

En concreto, os resultados revelaron que as persoas que traballan máis de 10 horas diarias durante polo menos 50 días ao ano teñen un 29% máis probabilidades de sufrir un ictus, unha porcentaxe que pode chegar ata o 45% se o empregado/a continúa con este ritmo de traballo durante polo menos 10 anos.

O estudo, no que participaron 143.592 homes e mulleres franceses, con idades comprendidas entre os 18 e os 69 anos, e que se publicou en  Stroke, a revista da Asociación Americana do Corazón, baseouse en datos procedentes do estudo  CONSTANCE, e excluíron aos individuos que traballaban a tempo parcial e aos que xa sufriran un accidente  cerebrovascular antes de traballar durante moitas horas.

Os participantes completaron cuestionarios nos que informaban sobre a cantidade de horas que traballaban e outros hábitos como o consumo de tabaco, e sometéronse a revisións médicas nas que se recolleu información sobre o seu índice de masa corporal, a súa presión arterial, se padecían diabetes ou tiveran un evento  cerebrovascular previamente, así como os seus antecedentes familiares de enfermidades cardiovasculares.

O 29,6% destes voluntarios (42.542) recoñeceron que a súa xornada laboral era longa, e o 10,1% (14.481) asegurou que isto fora así durante 10 anos ou máis. A asociación entre traballar moitas horas e o risco de ictus era similar en homes e en mulleres, pero parecía ser máis estreita cando as persoas eran menores de 50 anos, un achado que sorprendeu aos científicos, que aseguran que é necesario seguir investigando para pescudar a razón.

www.cigsaudelaboral.org

A CIG reitera a necesidade de negociar os criterios da produtividade mentres o goberno municipal lle paga o 72% da partida que se debería repartir entre todos os traballadores a unha soa funcionaria

O goberno municipal paralizou hai sete meses a negociación dos criterios partida de produtividade para o reparto entre a totalidade do persoal municipal, mentres lle paga o 72% da partida a unha soa funcionaria. Esta decisión do goberno de María Barral leva meses causando moito malestar entre o persoal municipal pola discriminación que supón.
Desde o pasado mes de novembro, que tivo lugar a Mesa de Negociación por este tema, logo de reiteradas solicitudes da CIG, o goberno municipal teima en non negociar estes criterios mentres lle segue pagando de xeito irregular o 72% da partida orzamentaria a unha soa traballadora funcionaria.
A lexislación é clara, a produtividade pode pagarse, mais os criterios deben negociarse, mais no Concello de Betanzos páganse sen negociar e a quen escolle o goberno municipal. No pasado ano o Concello, logo da solicitude da CIG, achegoulle o decreto de pagamento da produtividade, que especifica a contía de 7230,60 euros ano ano, que lle supoñen a esta traballadora 602,55 euros ao mes máis na nómina. Na solicitude, a CIG pídelle información, posto que aínda que a asignación inicial era por seis meses, o Concello mentres paraliza a negociación colectiva, parece ser que lle renovou a produtividade a esta traballadora por seis meses máis.
Xa en novembro a CIG foi o único sindicato que lle solicitou ao goberno municipal na Mesa Xeral de Negociación que declarase nula a asignación desta produtividade, mentres o resto dos sindicatos calaban a boca. Resulta especialmente significado que o CSIF, o sindicato dos funcionarios, non se pronuncie sobre esta discriminación manifesta, nin amose o máis mínimo interese pola negociación desta partida que podería beneficiar á totalidade dos traballadores do Concello de Betanzos, e isto responde claramente á súa liña de traballo que beneficia exclusivamente ao funcionariado, e, agora mesmo, exclusivamente a unha funcionaria concreta.

A maiores, cómpre ter en conta que o goberno municipal está incumprindo o Convenio colectivo do ano 2017, que xa indica expresamente que esta partida se debe negociar coa maior brevidade posible, e que claramente deixar a un lado para seguir utilizando os cartos de todos en beneficio duns poucos.

Desde a Sección sindical da CIG agardaremos a que o goberno municipal reúna a Mesa de Negociación proximamente por este tema, mais no caso de non se producir esta negociación acudiremos a algunha das diferentes vías coas que contamos para denunciar as irregularidades, e acudiremos a onde fixen falla, ben á Inspección de Traballo ou ao Xulgado do Social para que o goberno municipal non perpetúe este comportamento discriminatorio para o persoal ao servizo desta Administración local, e seguiremos adiante para frear estas prácticas que non só sempre benefician a uns poucos en detrimento dos colectivo, senón que especialmente benefician ao funcionariado en detrimento do persoal laboral.

08/07/19

Unha sentenza recoñece como accidente laboral a baixa por depresión dunha médica coa síndrome do traballador queimado


Unha sentenza ditada polo Xulgado do Social número 5 de Las Palmas de Gran Canaria ditaminou que o trastorno depresivo que motivou a baixa dunha médica de Atención Primaria do Servizo Canario de Saúde (SCS) entre os meses de xaneiro e novembro de 2017 ten a súa orixe nas condicións laborais da demandante, debido sobrecarga de traballo de esta. A resolución xudicial recoñece a síndrome do traballador queimado como accidente de traballo.

Dúas son as consecuencias inmediatas do fallo:

Por unha banda, conleva o incremento da prestación que recibe a demandante, que pasa do 60% da base reguladora por continxencia común ao 75% por continxencia profesional, e por outra deixa aberta a posibilidade de poder recibir unha indemnización.

A maxistrada Virginia  Egea, xuíza de adscrición territorial, considera probado que a situación de incapacidade temporal da profesional sanitaria é consecuencia da sobrecarga de traballo que experimentou dende o ano 2010 no centro de saúde no que exerce, en  Arguineguín, no sur de Gran Canaria. A médica denunciou que dende ese período viuse obrigada a atender unha media de 40 ou 50 pacientes ao día. A axenda dos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 recolle que por día pasaban pola súa consulta unha media de 30 persoas diarias en intervalos de dez minutos.

A estas citas engadíanselle as incidencias que tamén debía atender por permisos, vacacións ou baixas dos seus compañeiros, así como cando algún deles atopábase en urxencias ou cubrindo un servizo de ambulancia. Os informes obrantes na causa falan de 252 pacientes anuais a través desta vía, unha carga de traballo á que se sumaba tamén a realización de gardas que, segundo a resolución xudicial, non quedou acreditado que fosen voluntarias. A demandante aparece 58 veces no cuadrante de gardas de 2014 e 57 veces na de 2015.
Os demandados (o Servizo Canario de Saúde, a Mutua de Accidentes de Canarias e o Instituto Nacional de Seguridade Social) defendían que o trastorno depresivo da facultativa afundía as súas raíces en circunstancias anteriores e alleas a unhas condicións laborais que, en calquera caso, actuarían como desencadenamento. Referíanse, en concreto, a un aborto que sufriu anos atrás e a un exame que non superou. A xuíza precisa, en cambio, que a administración non achegou ningunha proba da que se desprenda un indicio de que estes feitos puideron repercutir no  padecimiento.

“Si consta claramente nos informes médicos achegados, ademais das patoloxías que aínda que non constitúen o trastorno en si, pódense entender como síntomas da enfermidade (colitis,  gastritis, dor abdominal...), que xa en abril de 2016 existían síntomas compatibles coa síndrome do queimado”, recolle unha sentenza que explica que o fundamental neste tipo de casos é delimitar a causa da enfermidade, “resultando que a mesma pode ter unha causa laboral incluso se non se aprecia conduta ilícita da empregadora”.

A demandante encadeou numerosas baixas laborais entre 2012 e 2013 por diferentes razóns, dende problemas  gástricos ata complicacións do embarazo ou ansiedade.

A resolución xudicial explica que a síndrome do traballador queimado desenvólvese en catro fases:
  • unha primeira idealista, na que o nivel de enerxía e as expectativas no traballo son altas;
  • unha segunda de sobreesforzo, na que o afectado advirte de que o seu traballo non está á altura das súas expectativas;
  • unha terceira de desilusión e frustración, que vén acompañada de fatiga, e
  • unha cuarta de desmoralización, caracterizada por unha perda de interese no traballo.
Os síntomas desta síndrome maniféstanse con carácter físico (fatiga, problemas de soño,  cefaleas...) como psicolóxicos (irritabilidade, ansiedade, depresión) e conductuais (absentismo, baixo rendemento, illamento...)

Os demandantes non presentaron recurso de  casación ante o Tribunal Supremo, polo que, unha vez transcorrido o prazo legal para poder facelo, a sentenza adquiriu firmeza.
Fonte: O Diario


As patoloxías reumáticas causan o 50% das baixas permanentes no Estado español


Case un de cada catro adultos maiores de 20 anos sofre unha enfermidade reumática no Estado, o que supón ao redor de 11 millóns de persoas, segundo o Estudo Episer 2016 elaborado pola Sociedade Española de Reumatoloxía. Só de artrite reumatoide, unha das máis comúns, hai case 300.000 pacientes e cada ano diagnostícanse uns 20.000 casos novos.

Para falar dos últimos avances no tratamento destas doenzas, 14.000 especialistas de Europa e outras partes do mundo déronse cita en Ifema con ocasión do Congreso Anual Europeo de Reumatoloxía que organiza a liga Europea contra o Reumatismo (Eular). O evento contou coa colaboración da Sociedade Europea de Reumatoloxía Pediátrica (PReS).

O presidente de Eular, destaca que a participación dos pediatras no congreso permitirá “asimilar o coñecemento” sobre a manifestación destas enfermidades durante todas as “décadas da vida”. “Eular é o noso socio natural e por unha boa razón: os nosos pacientes tamén necesitan o mellor coidado posible unha vez cumpridos os 18 anos”, comenta o presidente de PReS.

A artrite reumatoide é unha inflamación crónica que afecta ás articulacións de forma simétrica (en ambos os lados do corpo, por exemplo, as dúas bonecas), pero que tamén pode danar órganos internos. Outras tipoloxías son a artrose lumbar, gota, artrite psoriásica, fibromialxia e o lupus eritematoso sistémico.

O Estado, as patoloxías reumáticas son responsables do 24% das incapacidades temporais e do 50% das permanentes. En 2010 déronse máis de 800.000 baixas temporais por esta causa, cun custo para a Seguridade Social de máis de 1.000 millóns de euros.
A pesar do seu impacto, “só o 40% dos hospitais públicos ten un servizo especializado en reumatoloxía”, advirte a directora de OpenReuma, asociación nacional de profesionais con interese neste campo. Con todo, destaca que a Universidade de Alacante ofrece xa o primeiro curso oficial de posgrao en reumatoloxía e que, en marzo de 2020, impartirase o curso Eular para profesionais sanitarios en Madrid.

Fonte: CincoDías


01/07/19

A CIG comunícalle ao Concello de Betanzos os seus representantes nos distintos órganos de negociación

A CIG vén de lle comunicar ao Concello de Betanzos os seus representantes nos distintos órganos de negociación colectiva que serán os seguintes:


Mesa Xeral de Negociación
Titular: Silvia Muíño Naveira
Suplente: Jorge Amarante Rodríguez
Suplente: Rosa García López

Mesa de Negociación do Persoal Laboral
Titular: Silvia Muíño Naveira
Suplente: Jorge Amarante Rodríguez
Suplente: Rosa García López

Mesa de Negociación do Funcionariado
Titular: Silvia Muíño Naveira
Suplente: Jorge Amarante Rodríguez
Suplente: Rosa García López

Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do Convenio Colectivo
Titular: Silvia Muíño Naveira
Suplente: Jorge Amarante Rodríguez
Suplente: Rosa García López

Comisión Paritaria de Igualdade
Titular: Rosa García López
Suplente: Silvia Muíño Naveira
Suplente: Jorge Amarante Rodríguez

Así mesmo, seguimos á espera de que se constitúa o Comité de Empresa para que nomee os delegados de prevención e poder constituír o novo Comité de Seguridade e Saúde.

A 108 Conferencia Internacional do Traballo conclúe cun balance e perspectivas preocupantes

E 100 anos dan para moito, polo que podemos atopar luces e sombras na historia da OIT. Se ben ten significado o garante e a protección dos dereitos laborais e sindicais, fomentar o traballo decente e mellorar a protección social para millóns de traballadores/as de todo o mundo, nos últimos tempos está a sufrir un debilitamento das funcións que tan ben cumpriu en tempos máis remotos, sobre todo no que se refire ao control normativo, ao ser constantemente cuestionado o traballo das Comisións de Expertos pola representación do empresariado e de moitos gobernos, e tamén pola ineficacia diante dos constantes incumprimentos empresariais e dalgúns Estados dos diferentes convenios e normas internacionais.

Ao longo destes 100 anos, a OIT ten establecido numerosos convenios internacionais: sobre o dereito de asociación, de sindicalización e negociación colectiva no sector privado e público, sobre o traballo decente, a extensión da seguridade social, contra a explotación e o traballo infantil, pola negociación bipartita e tripartita,…ate o último aprobado nesta conferencia contra a violencia e o acoso no traballo. Todos estes convenios, e os principios recollidos na Declaración de Filadelfia do 1944, veñen marcando o senso e razón de ser da OIT e as numerosas conferencias que se realizaron cada ano.

Nesta 108ª Conferencia tamén se aprobou unha nova Declaración (que incorpora unha serie de compromisos tripartitos, mais que, se comparamos coa de Filadelfia, podemos facer unha valoración sobre se realmente avanzamos ou retrocedemos, pola parte que corresponde aos traballadores/as (nós consideramos que retrocedemos).

Convenio 190 contra a Violencia e o Acoso no Traballo

Aprobouse un novo Convenio, o 190, contra a Violencia e o Acoso no Traballo, que marca unha serie de comportamentos e prácticas inaceptábeis, ou de ameazas de ditos comportamentos, xa sexan manifestados unha soa vez ou de xeito reiterado, que teñan por obxecto, que causen ou sexan susceptíbeis de causar, un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, e inclúe a violencia ou acoso por razón de xénero, como aquela que vai dirixida contra as persoas por razón do seu sexo ou xénero, ou que afecten de xeito desproporcionado a persoas dun xénero ou sexo determinado, incluíndo o acoso sexual.Convenio, por certo, que saíu adiante con moitos problemas e sen a aprobación de importantes sectores do empresariado e algúns gobernos, que se abstiveron na votación final. E tamén ocupou un papel destacado nesta Conferencia o Informe da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo, no que se destacan as tres dimensións e un programa:
Investir nas capacidades das persoas.

Investir no traballo decente e sostíbel.

Investir nas institucións do traballo, para o que se require revitalizar o contrato social que asegure aos traballadores e traballadoras unha participación xusta no progreso económico, o respecto dos seus dereitos e a protección dos riscos aos que se expoñen a cambio da súa constante contribución á economía.

Proponse un programa para o futuro do traballo centrado nas persoas, que fortaleza o contrato social, situando aos homes, ás mulleres e ao traballo que realizan no centro das políticas económicas e sociais e na práctica empresarial.

Mais, a pesar de todo isto, resulta preocupante a evolución que cada ano vai tendo esta conferencia e a situación actual da propia OIT, que foi instrumento garantista dos dereitos laborais fundamentais.

Pasados aqueles anos da súa orixe, ou os da intensa actividade dos anos 50, logo da caída do muro de Berlín e todo o que iso conlevou canto á desaparición do contrapunto que servira para a xurdimento do estado de benestar, a conquista de dereitos, o acceso xeneralizado aos servizos públicos, etc., o avanzo do neoliberalismo mostrouse imparábel, introducindo unha maior flexibilidade e reformas laborais lesivas, anulando dereitos, terciarizando o traballo, rebaixando salarios e pensións, incrementando o desemprego, a precariedade e a pobreza,…

Presións dos gobernos de dereitas

A actitude da grande maioría dos gobernos de dereitas e das empresas, que representan neste intre un bloque maioritario dentro do sistema tripartito da OIT, están a impoñer as súas teses, a cuestionar o traballo das persoas técnicas que elaboran os informes, e a poñer en dúbida dereitos que ata hai pouco críanse consolidados, como o dereito a folga, ás prestacións sociais, e outros.

Sirva como exemplo o debate producido na Comisión do Convenio contra Violencia e oa coso no traballo, onde se pretendía equiparar esa violencia sufrida polos traballadores e traballadoras, coa que podían padecer os empresarios, diante das presións, mobilizacións e outro tipo de medidas reivindicativas.

Por outra banda, o papel protagonista internacional que viña desempeñando a OIT nos pasados anos, foise vendo suplido polo de outras institucións como o Banco Mundial, o FMI ou outras axencias como o PNUD, que vén colonizando os temas do traballo a través da axenda dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel. Algúns ata chegamos a pensar se o verdadeiro debate sobre o futuro do traballo e outras decisións de carácter económico, non se estaban a dar nesta conferencia, senón na que se tiña celebrado tan só uns días antes en Montreux, polo Grupo Bilderberg, grupo selecto de quen realmente ostenta o poder no mundo.

Como consecuencia da globalización neoliberal, que arrasou con moitos dos dereitos conquistados e agrandou a brecha da desigualdade social no mundo (non só dos países desenvolvidos, senón do mundo occidental), a propia OIT e moitas organizacións internacionais e ONG´s, tamén organizacións e federacións sindicais, apostaron como estratexia polo chamado “Diálogo Social” (son moitos/as dirixentes sindicais os/as que aínda apostan por esta vía na actualidade), de tal xeito que esta crise e avalancha neoliberal pillounos “dialogando”, mentres á clase traballadora, á que teóricamente representan e defenden, se levou todo enriba coas sucesivas reformas e recortes que os gobernos neoliberais puxeron ao servizo do capital.

Todo isto nun intre no que, máis que nunca, debera estar presente a loita de clases que, non o esquezamos, foi a que serviu para acadar as grandes conquistas nos dereitos laborais que, en poucos anos, estanse a diluír como unha culler de azucre no café.

Evitar a deriva

En definitiva, debemos evitar que a OIT se converta, se segue este rumbo, noutra institución máis ao servizo do capital e as clases dominantes. Debe recuperarse o seu carácter democrático e xusto, de respecto ás regras de xogo e de obrigado cumprimento das normas das que se ten dotado.

As propias organizacións e federacións sindicais debemos xogar un papel primordial, facendo valer os dereitos xa conquistados, plantándolle cara ao bloque da dereita política e económica, e non deixándose engaiolar polo papel institucional e burocratizado no que algunhas organizacións están inmersas ultimamente.

Polo demais, e máis alá deste balance e reflexión, o noso papel na conferencia foiunha vez máis activo e de participación nas múltiples actividades que alí se desenvolveron:

1º) Comisión de Aplicación de Normas e Convenios:

Tamén desta vez participamos nesta comisión, na que se estudan os incumprimentos dos convenios por parte dalgúns países, en base a un Informe da Comisión de Expertos en Aplicación de Convenios e Recomendacións. Seguindo un Plano de traballo da Comisión do listado total de países, selecciónanse 24, que serán sometidos a debate e conclusións dentro da Comisión.

A lista de casos individuais deste ano mostrou moi claramente os problemas aos que faciamos referencia anteriormente. Ano tras ano, a maioría neoliberal de empresariado e gobernos, empéñanse en introducir nesta lista a aqueles países que, polo seu réxime político, son contrarios aos seus intereses xeoestratéxicos e económicos.

No pasado cargáronse as tintas contra Cuba, logo foi Venezuela o punto de mira (supoño que este ano non entrou no listado por non ter claro contra quen irían, se contra o Presidente lexítimo, Nicolás Maduro, ou o que eles recoñeceron, o autoproclamado Sr. Guaidó).
Este ano tocoulle a Uruguai, Bolivia, Cabo Verde ou Nicaragua, entre outros, que aparecen nun listado ao lado de países como Filipinas, Turquía, Libia ou Yemen, onde a vulneración de dereitos laborais e humanos danse en circunstancias bélicas, con asasinatos e secuestros, detencións, ou represión extrema.

Mentres, nos primeiros países mencionados, faise apelación a supostas vulneracións do bipartismo e tripartismo, ao diálogo social e outros argumentos polo estilo, para descualificar a uns gobernos que apostan claramente pola clase traballadora das súas poboacións.

O caso de Uruguai é paradigmático: todo o problema que tiña o empresariado e os seus gobernos cómplices era a existencia dun Consello de Salarios estatal, que garante a cobertura e a actualización salarial para todo tipo de traballadores/as, tamén os de pequenas empresas, facendo así que, desde que goberna o Frente Amplio, o salario mínimo chegase a incrementarse ata nun 276%, os sectoriais ata un 55%, e que o nivel de cobertura na negociación colectiva pasase dun 28% a case o 100%.

Todo isto con un incremento nas cifras macroeconómicas do país, cun crecemento anual da economía dun 4,67%. O sistema de Diálogo Social e Negociación colectiva de Uruguai, que ten unha base sectorial de integración de todos e todas, que impide a concorrencia desleal entre as empresas, garante niveis de protección dos traballadores e traballadoras, permite ao mesmo tempo un crecemento sostíbel da economía e respecta as normas fundamentais da OIT.

Resulta pois escandaloso que este caso, que debera ser un exemplo a imitar polo resto de estados e gobernos como modelo de defensa dos dereitos de toda a clase traballadora, entre en cambio a ser cuestionada nesta comisión. E algo similar, aínda que noutros aspectos, acorreu con Bolivia e Nicaragua. Isto foi un prezo moi caro que o grupo de traballadores tivemos que pagar por incluír un caso que, pola súa relevancia sindical e política, críamos que debería de estar tamén na lista: o caso de Brasil. Un caso no que, por certo, o goberno fascista de Bolsonaro atopou o apoio de empregadores e de un bo número de gobernos, entre eles o de Rusia, China e a India (Os BRIT). Decepcionante ver como as cuestión xeoestratéxicas xa pasan por riba desde hai tempo das ideolóxicas.

*Na páxina da propia OIT 
(https://www.ilo.org/ilc/ILCSessions/108/committees/standards/lang--es/index.htm) poden consultarse todos os documentos desta Comisión.

Tamén se aprobaron nesta Comisión de Normas outros informes, como o Informe da Decimoterceira reunión da CERT – Outubro 2018, que fai referencia ao persoal docente, e no que participamos activamente no seo da Internacional da Educación, da que a CIG-Ensino forma parte, e o informe sobre Protección social Universal para a Dignidade Humana, a Xustiza social e o Desenvolvemento Sostíbel.

2º) Folga e mobilización de mulleres:

Na xornada do 14 de xuño, as mulleres suízas levaron a cabo unha folga xeral de ámbito nacional e levaron á rúa as súas reivindicacións para esixir igualdade real, a fin da discriminación salarial, medidas de conciliación e tolerancia cero coa violencia de xénero. E todo a pesar das ameazas das patronais, que consideraron a folga como “ilegal” por non ser, seica, por motivos laborais. As rúas de Xenebra tamén foron testemuñas destas multitudinarias mobilizacións de mulleres,  e nós sumámonos como apoio solidario á súa loita.

3º) Declaración sindical de apoioao proceso de paz en Colombia:

A CIG tamén se sumou a esta Declaración e participou neste encontro, do que se da información máis ampla nesta nosa páxina web.

4º) Reunión da CSPLP:

Cada ano aproveitamos o encontro da Conferencia para celebrar unha reunión da Confederación Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP). Este ano acordamos celebrar o Congreso que fora adiado para o vindeiro mes de xullo do 2020, en Cabo Verde.

5º) Debate “100 anos da OIT. A ausencia dunha narrativa de loita e resistencia polos dereitos laboráis e sindicais:

A CIG tamén estivo presente neste interesante debate, promovido por algún latinoamericanos, con Marta Escarpato, da CTA-T como moderadora e con intervención sindiciais do Ministro de Traballo de Bolivia, e representantes do COB de Bolivia, da CTA-T de Arxentina, da CUT de Brasil, da CBST de Venezuela e da CUT de Chile. Por fin escoitamos unha visión crítica, da que participamos e compartimos, sobre a situación política e sindical internacional, e que pareceu non gustar moito a representantes do sindicalismo español.

Ademais de todas estas actividades, aproveitamos tamén a conferencia para manter contactos bilaterais con outras organización sindicais, algunhas que xa temos unha relación estreita, e outras coas que estamos en fase de incrementar a colaboración e entendemento mutuo.

A Coruña, 28 de xuño de 2019

Dpto. de relacións Internacionais da CIG