28/11/19

O Consello Confederal acorda un calendario de mobilizacións en defensa do emprego, da industria e pola derrogación das reformas


A CIG avanza como primeira forza en representación, en afiliación e en mobilización

O Consello Confederal da CIG reuniuse esta mañá para analizar a situación político sindical e acordar as liñas de traballo dos vindeiros meses tanto en materia de acción sindical, como de negociación colectiva ou no plano organizativo. Entre os principais acordos, o máximo órgano de decisión entre congresos apostou por manter a mobilización en demanda da derrogación das reformas, pola recuperación de dereitos sociais e laborais e fronte a grave situación de desmantelamento industrial que enfronta o noso país.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que hai un ano, por estas mesmas datas, esa crise afectaba fundamentalmente á industria electrointensiva. Unha situación que se mantén ampliada e multiplicada agora por mor do proceso de descarbonización que se traduciu no peche das térmicas das Pontes e de Meirama ou no peche de empresas do sector industrial de Ferrol, agravado polo parón do sector naval. Unha crise industrial que se estendeu á comarca de Vigo, coa crise do naval en Barreras e Vulcano. “Vemos ademais que é unha situación na que todos os indicadores avanzan unha caída da renda, unha maior precarización, un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, cun aumento das desigualdades, e a cada vez maior caída de poboación activa, o incremento da emigración e o avellentamento da poboación”, advertiu.

Alertou da continuidade das reformas laborais, “máis nun contexto de recesión económica que en Galiza será máis profunda tendo en conta que aínda non saímos da anterior”. A modo de exemplo lembrou que en materia de salarios estamos nun 13, 7% por debaixo dos que había ao inicio da crise.

Diante deste panorama considerou que o resultado das eleccións xerais mantivo o contexto de inestabilidade e de incerteza respecto da conformación do goberno do estado aínda que valorou que co nacionalismo de volta nas Cortes e co maior peso do soberanismo “ábrense expectativas para utilizar esa maior forza para pór na axenda aquelas cuestións que son de relevancia para o sindicalismo nacionalista”. Cuestións que, sinalou, xa comezaron a traducirse en iniciativas que serán presentadas no Congreso.

Fronte a isto, puxo sobre e a mesa o perigoso incremento do fascismo e a maior españolización, que tamén se producíu, so pretexto da cuestión catalá. Un cotexto no que, ademais, se deu unha relativa remontada do PP, “cando parecía que habería unha caída continuada”.

A este respecto denunciou novamente a actitude do goberno galego, que “xoga no ámbito de facer de Galiza unha rexión, aínda que semella enfrontarse ao goberno central co único ánimo de desgastalo, pero cunha inacción total no país, provocando unha grave crise industrial da que se desentendeu alegando que non ten nada que facer”.

Tímidos cambios cun novo goberno

Carril augurou, de conformarse o novo goberno, só tímidos cambios, tendo en conta as mensaxes que se veñen lanzando tanto desde a UE como da CEOE que, advertiu, “seguen a demandar unha redución do gasto público”, o que fai prever, ao seu entender, “que se manteña o discurso da inviabilidade das pensións públicas, alegando que hai incapacidade para pagar”. Do mesmo xeito considerou que tampouco se porán sobre a mesa demandas sindicais como a recuperación de dereitos ou a cuestión territorial.

Eleccións sindicais

O secretario xeral da CIG deu conta tamén dos últimos datos relativos ao período concentrado de eleccións sindicais, segundo os que se afianza a posición da CIG como primeira central sindical, cun 29,40% da representación, a 3,09 puntos de UGT e a 3,86 puntos de CCOO.

Salientou ademais o incremento da afiliación durante este ano, que foi dun promedio do 2,74% ao longo de 2019. Por iso, atendendo á condición da CIG como primeira organización sindical en representación, en afiliación e en capacidade de mobilización asegurou que isto obriga a “asumir a responsabilidade de utilizar toda esa forza acumulada para combater a grave situación de emerxencia social, laboral e de dereitos que padece a clase traballadora galega. Temos que ser quen de dar alternativas e mobilizar, na liña do modelo sindical que representamos de combate e contrapoder”, dixo.

Carril chamou tamén a manter o grao de hexemonía e a tensionar a base do sindicato en dous aspectos: na acción sindical e no aspecto organizativo.

A respecto da acción sindical, salientou a necesidade de elaborar un calendario para dar resposta á necesidade de recuperar dereitos e defender a nosa industria, máis tendo en conta que malia o tempo transcorrido desde a aprobación das reformas laborais, se mantén viva a reivindicación da súa derrogación pola súa agresividade. Un calendario e unha táboa reivindicativa con varias patas: defensa da nosa industria, do emprego e do noso carácter nacional, con alternativas no plano social, laboral e económico.

Calendario de mobilizacións

Ese calendario mobilizador arrincará o vindeiro día 3 de decembro coa asemblea nacional de delegadas e delegados e a posterior manifestación, convocada baixo o lema “Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e da industria en Galiza”, que será a antesala de novas mobilizacións centradas nestas demandas a finais do mes de xaneiro.

En febreiro está previsto que a central sindical avalíe o desenvolvemento destas mobilizacións para preparar despois as convocatorias do 8 e  10 de Marzo.

En todo caso continúan as mobilizacións que xa estaban previstas, como a convocada polo Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG, para o 28 deste mesmo mes nas distintas comarcas, en demanda da dignificación das pensións, “nun contexto que se albisca adverso”. Unha situación que leva a Carril a pensar que a única modificación que se fará nesta materia será a de volver a vincular as pensións ao IPC, pero sen mudar as cuestións máis lesivas da reforma.

Xunto a isto o secretario xeral sinalou que está prevista unha mobilización comarcal en Ferrol tamén para o día 28 de novembro e para o dia 10 de decembro haberá outra de traballadoras e traballadores da industria electrointensiva, en demanda de que se regule un marco estable e predicible.

Participarase ademais nas mobilizacións que se convoquen nas Pontes, contra o peche de Endesa e seguirá defendéndose na rúa o sector de automoción, no camiño de unificar o máximo posible a resposta á crise industrial.

Está prevista tamén, para o día 12 de decembro unha folga no ensino e previsiblemente se convocará unha manifestación en defensa da sanidade pública para febreiro.

Negociación colectiva

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, foi o encargado de presentar as propostas que defenderá a CIG na negociación colectiva para o ano 2020.  Propostas que teñen como obxectivo a recuperación salarial e loitar contra a precariedade e a pobreza salarial que segue medrando á vista dos datos publicados onte por Facenda, segundo os que 313.000 persoas asalariadas en Galiza, un 30% do total, teñen ingresos inferiores ao SMI, das que máis da metade son mulleres.

González Sío foi aínda máis alá e subliñou que atendendo a estes datos,  hai 172.000 que perciben unha media de 2.174€/ano e 140.000 traballadores e traballadoras que perciben unha media de 7.800€ ao ano.

O secretario confederal de Negociación Colectiva sinalou que, aínda así, somos a comunidade na que maior incremento salarial houbo e que isto foi grazas á intervención da CIG na negociación colectiva xa que nos convenios autonómicos conseguíronse incrementos do 3%.

Porén, denunciou que a xornada media en Galiza é dunha media de 1.777 horas, a máis alta do Estado, mentres que en Euskadi é de 1.580 horas o que significa que “para realizar o mesmo traballo en Euskadi empregan un 15% máis de traballadores e traballadoras que aquí”.

Considerou que este último dato é importante telo en conta xa que defendendo unha rebaixa substancial da xornada pactada anual conseguiríase diminuír os elevados índices de desemprego de Galiza.

Propostas na materia
Entre as propostas que a CIG levará á negociación colectiva en 2020, González Sío sinalou establecer cláusulas para a desconexión dixital para as traballadoras e traballadores e para o control do emprego de xeolocalizadores e videovixilancia. Defendeu a introdución de cláusulas de control en convenios sectoriais de condicións salariais e laborais nas plataformas dixitais e propuxo ademais acordar un posicionamento sindical ante a nova realidade que supón o teletraballo.

Respecto dos Centros Especiais de Emprego reclamou a aplicación do convenio de sector a todas  e todos os traballadores independentemente da súa realidade. Ademais, propuxo establecer cláusulas das taxas de reserva do 2% para traballadoras/es con discapacidade, para a súa integración e garantías laborais nas empresas habituais.

Xunto a isto defendeu establecer cláusulas para o rexistro de xornada; cláusulas sobre licenzas e a aplicación das sentenzas, atendendo ao criterio de que o permiso non se extingue coa alta hospitalaria e que debe ser desde o primeiro día laboral.

Tamén defendeu a necesidade de introducir cláusulas de control das empresas multiservizos e, respecto do SMI, afirmou que non se pode negociar a absorción de ningún complemento e deben introducirse cláusulas para que as categorías mínimas estean un 10% por riba dese SMI.

Centros Especiais de Emprego (CEE)

O secretario confederal de Negociación Colectiva fixo especial mención dos CEE dadas as condicións laborais que nestes se establecen. Por iso afirmou que a CIG demandará que se aplique o convenio do sector tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro. “Pediremos a descatalogación dos mesmos á Xunta de Galiza. É unha cuestión transversal que afecta a todas as federacións de toda a central sindical porque canto máis se afonda na reforma laboral, máis formas de precarización van existir”, explicou.

Respecto do rexistro de xornada sinalou que segundo a enquisa de condicións de vida das familias de 986.000 activos/as, 668.000 recoñecen facer máis das 40 horas semanais. Lembrou que foi a CIG quen tivo a iniciativa de defender a súa aplicación e que agora debe ser tamén a CIG quen debe garantir que se cumpra. Por iso propuxo que se denuncie ás empresas que non o fagan, sobre todo ás máis grandes e significadas de cada federación e facer seguimento dos expedientes nas sancionadas, tal e como se recollerá no documento de negociación colectiva para 2020.

Neste punto denunciou que se deixou en mans da negociación colectiva, cando debería estar lexislado, o control do rexistro de xornada nas subcontratas.

Salario mínimo

Malia o incremento aplicado ao SMI, denunciou que nas empresas con niveis salariais moi baixos, coa suba absorbéronse os complementos. Por iso opúxose a esta práctica e sinalou que, en todo caso, a UE xa insinuou que se obrigará aos estados membros que se cumpra a Carta Social Europea pola que o salario mínimo tería que establecerse por riba dos 1.100€. En todo caso defendeu que todas as categorías estean por riba do SMI.

Tamén no camiño da loita contra a precariedade, Francisco González Sío avogou por seguir defendendo a dignificación das condicións laborais dos traballadores e traballadoras transfronteirizos e por evitar que se apliquen en Galiza as condicións laborais do país de orixe.

Indemnización para dous feridos nunha explosión eléctrica en Mallorca

O grave accidente laboral ocorrido en outubro de 2013 no campo de fútbol de Palma o día antes dun partido, acabou coa condena dunha parella de empresarios, instaladores eléctricos. Un xulgado de Palma impúxolles senllas penas dun ano de prisión por un delito contra os dereitos dos traballadores en concurso con outros tres delitos de lesións imprudentes, xa que tres empregados resultaron feridos. Os traballadores que resultaron feridos con queimaduras de extrema gravidade tras a explosión nun transformador eléctrico no que estaban a traballar, foron indemnizados con preto dun millón de euros polas compañías aseguradoras.

Os feitos ocorreron o 10 de outubro de 2013 sobre as tres da tarde, cando dous empregados traballaban nun transformador do estadio de Son Moix durante os preparativos dun partido de fútbol que se ía xogar ao día seguinte.

O Real Mallorca alugara dous xeradores de emerxencia co obxecto de dar cumprimento á esixencia da Federación Española de Fútbol de que o estadio contase cunha subministración eléctrica de emerxencia do 100% para continuar o partido no suposto dun corte de luz. Tamén contratou á empresa instaladora dos acusados para que conectase os xeradores de emerxencia aos cadros eléctricos de Son Moix.

O estadio  palmesano dispoñía de dúas estacións transformadoras alimentadas en media tensión. Unha delas, á súa vez, contaba con dous transformadores que pasaban a corrente de media a baixa tensión. Os acusados deron a orde aos seus empregados para que conectasen os xeradores aos cadros eléctricos do estadio sen avaliar correctamente os riscos que a media tensión comportaba. Cortouse a subministración eléctrica da parte superior do cadro no que se ían a realizar as conexións, aínda que a parte inferior continuou  tensionada, co perigo que iso entrañaba.

Pasadas as dúas do mediodía do 10 de outubro de 2013 os dous traballadores empezaron a perforar cun trade  percutor a parte superior do cadro eléctrico para realizar as conexións. Os operarios íanse  turnando porque a tarefa era ardua e aplicaban un spray  lubricante cando notaban que a  broca se quentaba. Ao decatarse de que ao perforar xerábanse unhas labras de cobre de ata 19 centímetros de lonxitude, decidiron empregar unha caixa de cartón para que non entrasen en contacto coas pletinas e con elementos da parte inferior en tensión.

Mentres perforaban o cadro, as labras de cobre entraron en contacto coas pletinas, cunha corrente que nese momento tiña unha intensidade de 19.073  amperios na parte inferior, o que produciu un arco eléctrico e unha gran explosión que alcanzou a ambos os traballadores. Os dous operarios sufriron  gravísimas queimaduras. Tras o estalido, un empregado dunha operadora de televisión acudiu no seu auxilio e nese momento produciuse unha segunda explosión que lle lanzou contra unha porta e produciulle lesións.

Os dous acusados conformáronse cos feitos e a condena. Inicialmente a fiscalía pedía tres anos de cárcere para cada un. A un dos acusados substituíuselle a pena por dous anos de multa, mentres que ao outro se lle suspendeu a condena durante tres anos e tamén foi inhabilitado durante un ano para traballar como empresario de instaladoras de electricidade.

Os dous procesados, segundo detalla a sentenza, que é firme, puxeron en risco aos seus traballadores e non deron instrucións concretas de como protexerse ante estes riscos nin facilitaron os equipos de protección individual adecuados, como luvas, roupa ignífuga, máscaras, pantalla de protección ou mantas de goma ou de vinilo para protexer a zona xunto á que traballaban.

Fonte. Diario de Mallorca

26/11/19

Resumo da reunión extraordinaria do Comité de Empresa

Hoxe tivo lugar a reunión extraordinaria do Comité de Empresa solicitada pola CIG ao presidente do Comité, Santiago Ois.

A CIG deixou constancia, en primeiro lugar, que non está de acordo con que estea aprobado o Regulamento do Comité de Empresa, xa que a aprobación incumpre o artigo 39 do Texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público e o artigo 66 do Estatuto dos Traballadores

Con respecto ao nomeamento dos delegados de prevención, tal e como vos contamos aquí, CSIF defende reducir os representantes do persoal laboral que velen pola saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras no Comité de Seguridade e Saúde indo mesmo en contra do Convenio colectivo aprobado pola maioría do persoal laboral en asemblea. 

Canto á reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo a decisión de solicitarlle ao goberno municipal proposta pola CIG foi unánime, e a CIG propuxo que, en concreto, finalizasen as negociacións dos artigos: 22.1, 22.2, 22.3, 37, 29.c.1., a cláusula transitoria primeira e os anexos I,III e IV; así mesmo solicitou a aplicación efectiva dos artigos 3, 22.2., 22.3., 22.7. e a cláusula adicional terceira.

Polo respecta aos puntos concretos, a CSIF indicou que debería estudar a documentación, demostrando que se presentaron ás eleccións sindicais do persoal laboral sen un programa de melloras para este colectivo, posto que cinco meses despois de ser escollidos polos traballadores aínda non saben exactamente que é o queren negociar para o persoal laboral. Non obstante, e á vista da defensa do incumprimento do recollido no Convenio colectivo, nada nos estrañaría se nun futuro quixesen dar marcha para atrás a algunhas das melloras conseguidas nos pasados anos e que intentan equiparar ao persoal laboral e o funcionariado, en consonancia do que defende o sindicato dos funcionarios nas mesas de negociación.

Que gaña a CSIF ao quitarlle representantes ao persoal laboral no Comité de Seguridade e Saúde?

Esta foi a pregunta que nos fixemos os delegados da CIG e que lles fixemos aos delegados da CSIF na reunión extraordinaria do Comité de Empresa ante a proposta da presidencia de restarlle ao persoal laboral un dos delegados de prevención que lles corresponden segundo o Convenio colectivo. A CSIF renega do artigo do Convenio colectivo que indica que o Comité de Empresa deberá escoller tres delegados de prevención e que indica expresamente o seguinte:

Artigo 55.º Delegados/as de prevención.

1. Os/as delegados/as de prevención, de acordo co disposto no artigo 35.4º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, serán designados/as polas organizacións sindicais con representación nos ámbitos dos órganos de representación do persoal.

2. A designación dos/as delegados/as de prevención deberá realizarse de entre aqueles/as representantes do persoal laboral membros do Comité de Empresa e, no seu defecto, de entre os/as empregados/as públicos/as do ámbito correspondente.

3. O número de delegados/as de prevención que poderán ser designados/as axustarase á escala establecida no artigo 35.2º da Lei 31/1995, do 8 de novembro:

Ata 49 traballadores/as: 1 delegado/a de prevención.
De 50 a 100 traballadores/as: 2 delegados/as de prevención.
De 101 a 500 traballadores/as: 3 delegados/as de prevención.

As propostas para o nomeamento de delegados/as de prevención que se presentaron foron as seguintes:

CSIF: Mónica Bóveda e 1 delegado da UGT
UGT: José Ángel Montes e 1 delegado da CSIF
CIG: Jorge Amarante (CIG), Mónica Bóveda (CSIF) e José Ángel Montes (UGT)

As votacións foron as seguintes (asistiron 8 delegados/as á reunión):

Proposta de CSIF: 4 a favor (CSIF) / 0 en contra / 4 abstencións (CIG e UGT)
Proposta de UGT: 5 a favor (CSIF e UGT) / 0 en contra / 3 abstencións (CIG)
Proposta da CIG: 4 a favor (CIG e UGT) / 4 en contra (CSIF) / 0 abstencións

A CIG abstívose na votación da proposta CSIF e UGT tendo en conta que está de acordo co nomeamento dun delegado por cada un dos sindicatos participantes, non obstante non así con que ao persoal laboral só lle correspondan 2 delegados de prevención e anunciou que tomará as medidas oportunas en contra da decisión do Comité de Empresa.

CSIF, como vén sendo do costume empezou a falar de cuestións dos delegados do funcionariado que para nada veñen ao caso no Comité de Empresa e demostrou que a súa finalidade neste Comité de Empresa non é defender ao persoal laboral, do contrario non loitaría por quitarlle representantes en ningún organismo.

En resposta á pregunta de que gaña a CSIF ao quitarlle representantes ao persoal laboral no Comité de Seguridade e Saúde hai 2 posibles respostas:

1. Beneficia ao goberno municipal pola exclusión dun representante do persoal laboral do único sindicato que nos pasado 8 anos ten denunciado na Inspección de Traballo os múltiples incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral que comete esta Administración local.

2. Beneficia ao representantes dos funcionarios porque lle dá máis representación da que lle corresponde tamén no Comité de Seguridade e Saúde, que terá un representante de funcionarios por menos de 49 traballadores/as fronte ao persoal laboral que terá 2 polo triplo de traballadores.

En conclusión, coa CSIF sempre gaña o funcionariado, no reparto da produtividade, das gratificacións, da negociación dos postos da RPT e na representantividade dos traballadores e traballadoras, porque precisamente esa foi a única finalidade coa que presentaron a candidatura en persoal laboral e así o demostrou hoxe a presidencia do Comité de Empresa.

A pesar de todo isto, as delegadas e os delegados da CIG continuaremos a traballar como ata o momento ante os incumprimentos da Lexislación en materia de seguridade e saúde laboral, con ou sen delegado de prevención de riscos laborais, e para levar adiante o programa de traballo co que nos presentamos ás eleccións sindicais.


22/11/19

A RPT aprobada pola Xunta é “raquítica”, consolida a externalización de servizos e destrúe emprego


A relación de postos de traballo deixa un museo baleiro e non prevé persoal arqueólogo.

A Xunta de Galiza convocou para este mediodía unha Comisión de Persoal para aprobar unha relación de postos de traballo (RPT) -que foi aprobada coa abstención de todas as organizacións sindicais con presenza na comisión, agás a CIG, que votou en contra- para a consellería de Cultura e Turismo que a CIG-Administración Autonómica cualifica de “raquítica e insuficiente” e que “afonda na destrución de emprego e consolida a externalización de servizos”.

Así o vén de denunciar a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, para quen é especialmente grave que a Xunta non acepte as propostas da central sindical en materia de dotacion de persoal arqueólogo propio que leve os expedientes de patrimonio para “rematar, deste xeito, coa encomenda a TRAGSATEC, porque é unha externalización de traballo público e unha desviación no control dos bens patrimoniais”.

Neste sentido, Burgos sinala que só se crean 2 prazas, malia a grande cantidade de traballo estrutural que soportan e que, ademais, non compensan o número de persoal externalizado. Por iso a CIG solicitou que se faga urxentemente unha planificación de necesidades e que se vaian creando prazas de acordo co grande incremento de expedientes a informar.

O novo Museo do Viño de Galicia baleiro de persoal

A CIG-Administración Autonómica tamén denuncia que logo de anunciar e facer propaganda co novo Museo do Viño, a Xunta renuncia a dotalo de persoal, polo que augura que se vai converter, na práctica, unha sala de exposicións dependente do Museo Etnolóxico de Ribadavia. “Un engano a Galiza que ademais de non ter finalmente un museo do viño desleixa o actual museo Etnolóxico coa amortización de 5 postos”.

Burgos afirma que o traballo de documentación, biblioteca, xestión, dirección, recepción e guía están sen dotar no novo museo polo que “sospeitamos que vai ser compartido e externalizado cun cadro persoal doutro museo ao que aínda por riba lle amortizan 5 prazas”.

Por iso a representación da CIG solicitou o aumento de cadro de persoal, entendendo que “só tres subalternos e un técnico non chegan para dar un servizo axeitado a un museo. Falta persoal técnico e o cadro de persoal debera ser, cando menos o cadro dos museos estatais”.

Canda isto, a CIG tamén presentou unha alegación no referido ao horario dos centros, porque o presentado “recolle o vello parche de impor nos museos e bibliotecas o horario de sábados e domingos, sen ningunha compensación económica e temporal”. Por iso exixiu á Secretaría xeral a apertura dunha Mesa de Negociación de horarios nos centros, porque “non aceptamos horarios irregulares sen compensación nin o deterioro das condicións laborais deste persoal”. Horarios dos que, en todo caso Zeltia Burgos lembrou que, cando son a quendas deben ser dun máximo de 35 horas semanais.

Xunto a estas cuestión, na Comisión de Persoal solicitouse tamén a creación dos arquivos territoriais da Coruña e Ourense, “xa que se está a perder patrimonio  documental todos os días nas xefaturas por inacción na dotación de medios da consellaría”.

Así as cousas, a amortización total na consellaría é de 29 prazas “das que non xustifican funcionalmente que non sexan necesarias e só as amortizan porque están sen ocupar”. Primeiro non as cobren e logo as eliminan. “Unha inadmisible perda da calidade de servizo e emprego publico”, conclúe a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica.

“A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”


Campaña da secretaría das Mulleres da CIG no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres


A secretaría das Mulleres da CIG conmemora este 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, cunha campaña baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, para denunciar a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.

Traballos nos que, tal e como sinala a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral,“as mulleres non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas”. Isto, ademais, sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diarias.

“Isto acontece porque o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos. Ao mercantilizalos, convertéronse en empregos de segunda, e desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral, convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia). E lonxe de reducirse, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas”, explica Corral.

Toda unha serie de irregularidades que se cometen “coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”. Por iso a campaña non se vai cinxir só a denunciar as condicións nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís, comedores escolares,nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros.

Exixencias da CIG

Margarida Corral lembra que as mulleres “non participamos en dúas convocatorias de folga o 8 de marzo, para que non mudara nada. Unha folga que non só foi laboral, senón tamén de consumo, estudantil e de coidados”. Respecto deste último lembra que, conscientes das dificultades, “fixemos un chamamento ás mulleres que non podían facela a que penduraran os seus mandís nas xanelas das casas, e moitas de nós levamos esta indumentaria ás mobilizacións esixindo unha revalorización social e laboral do traballo dos coidados”.

Por iso Secretaría das Mulleres da CIG achega unha batería de propostas ao goberno, esixindo a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público.

Isto xunto ao recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados e accións formativas específicas para o desempeño dos postos; garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais; recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo; estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.

Porque tal e como di Corral, “todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento, así que o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, e rematando coa inercia social de que este dependa en exclusiva da familia, e en concreto das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións e pasar a ocupar o papel fundamental que teñen para o desenvolvemento das vidas humanas”.

Concentracións nos concellos e administracións públicas

A secretaría das Mulleres da CIG escolleu concentracións, maioritariamente diante dos concellos e das administracións, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados” porque, segundo explica Corral, “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.

A secretaria das Mulleres da CIG sinala a Estado e Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de miles de mulleres que traballan no sector dos coidados. “Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan”.

Margarida Corral denuncia ademais que se desmantelan os empregos de calidade, que deberían ser públicos, para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día, residencias da terceira idade, deixando o rural sen atención primaria, reducindo os recursos da atención especializada, deixando sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo ao servizo do capital. “Estamos a falar de miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade”.

Concentracións convocadas pola CIG:

A Coruña, ás 11:30 h diante na Xunta, Praza Luis Seoane
Ferrol , ás 12 h na praza de atrás do Concello de Ferrol
Compostela, ás 12:00 h na Xunta, en San Caetano (fronte  á estación de autobuses)
Lugo, ás 11:30 h diante do Concello
Chantada, ás 20 h na Praza de Galicia
Cervo, ás 11:30 h no Centro de Día e Residencia de San Cibrao
Ourense, ás 11 h diante do Concello
Pontevedra, ás 12 h diante da Delegación do Goberno
Vilagarcía, ás 12 h na Praza de Galiza
Vigo, de 11 a 12 h na Praza da Vella Escola, detrás do Concello de Gondomar
Concentracións do feminismo galego

A Secretaría das Mulleres da CIG convoca tamén a toda a cidadanía galega a que participe nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do país:
  • A Coruña, 20:00 h Obelisco.
  • A Estrada, 20:30 h diante do Concello.
  • As Pontes, 20.30 h na Praza do Hospital.
  • Betanzos, 20:00 h a carón do Palco da Música.
  • Carnota , 20:00 h na Praza da Pedra ás 20h
  • Celanova, 20:00 h na Praza Maior.
  • Compostela, 20:00 h Praza 8 de marzo
  • Ferrolterra, 19:00 h no Cantón de Molíns.
  • Lugo, 20:00 h diante do Concello.
  • Marín, 20.30 h na Praza 8 de Marzo.
  • Ourense, 20:00 h diante da subdelegación do Goberno.
  • Pontevedra, 20:00 h na Peregrina.
  • Ribeira, 20:00 h na Praza do Concello.
  • Val Miñor, 20:00 h no cruce da Ramallosa.
  • Verín, 20.30 h Praza do Concello.
  • Vigo, 20:00 h cruce de Vía Norte con Urzaiz.

Conductores profesionais. O factor humano na seguridade viaria laboral


Documento no que se recollen as principais situacións e recomendacións para os condutores profesionais relacionadas co factor humano na seguridade viaria laboral: fatiga, estrés, atención e o consumo de drogas e alcohol.

Os condutores profesionais utilizan o vehículo como centro de traballo: transportistas, mensaxeiros, condutores de servizos de transportes, etc. Son os que máis accidentes de tráfico sofren, xa que a pesar da súa profesionalidade están constantemente expostos ao risco.

Os factores de risco son múltiples aínda que se pode falar de tres ámbitos: a organización, o vehículo e a persoa. Na maior parte dos casos está presente o factor humano.

Asociados a este factor inclúense o propio estado de saúde ou a velocidade, que debe adaptarse ás condicións ambientais e da vía. Pero ademais de considerar estes e de respectar todas as normas establecidas no Código de Tráfico e Seguridade Viaria, debemos ter en conta outros factores de risco: a fatiga, a atención, o estrés e o consumo de alcohol e drogas.


O Concello rectifica a convocatoria de profesor/a de percursión do Conservatorio Carlos-López García Picos

O Concello de Betanzos recúa e modifica a convocatoria de profesor/a de percusión do Conservatorio Carlos López García-Picos no relativo ao grupo e nivel profesional e ás retribución contempladas no Convenio colectivo, e publicaca a corrección do erro no Boletín Oficial da Provincia do venres 22 de novembro de 2019.
Desde a Sección sindical da CIG alegrámonos desta decisión do goberno municipal e de que, desta volta, comunicar o que considerabamos un erro no departamento correspondente servise para modificar a convocatoria e non excluír do Convenio colectivo a este persoal de novo ingreso.


Novas relacionadas:

A CIG interporá un recurso de reposición contra as bases da convocatoria da praza de profesor de percursión do Conservatorio



Sobre as Ofertas de Emprego Público na Lei de orzamentos do Estado

Este tema é un dos recorrentes, especialmente nas Mesas de Negociación, onde o CSIF e o goberno municipal defenden que os postos ocupados por persoal que non teñen unha sentenza de indefinición non deben formar parte da RPT, a pesar de que ata agora si que formaron e forman parte tanto da RPT como do cadro de persoal, porque obviamente contan coa partida orzamentaria correspondente. De feito, é especialmente indignante o fincapé que a CSIF fixo nas mesas de negociación do tema dos procesos selectivos, basicamente porque pretende rebaixar a condición do persoal laboral temporal a traballadores de segunda, fronte aos funcionarios de carreira como traballadores de primeira

Para alén disto, o propio goberno municipal ten insistido e promulgado o discurso de que os postos do persoal laboral que teñan unha sentenza de indefinición deberán incluírse nas Ofertas de Emprego Público, obviando, en primeiro lugar, que estas deben ser negociadas e ter uns criterios obxectivos, por tanto nun servizo onde hai varias prazas dun mesmo posto non tería obxecto convocar só unha delas, e, por outra, que ten múltiples sentenzas desde o ano 2011 e nunca as deu executado. Máis grave, se cadra, é a omisión deliberada que realiza do que a propia Lei de orzamentos do Estado (do ano 2018 prorrogada ao 2019) indica con respecto a isto e que aclara os postos que poderían convocarse nas Ofertas de Emprego Público serían os seguintes:

"Ademais do establecido no artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, autorízase unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente ao menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2017 nos seguintes sectores e colectivos: persoal dos servizos de administración e servizos xerais, de investigación, de saúde pública e inspección médica, así como outros servizos públicos.

 Nas universidades públicas só estará incluído o persoal de administración e servizos. As ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberanse aprobar e publicar nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2018 a 2020 e serán coordinados polos departamentos ministeriais competentes. 

A taxa de cobertura temporal das prazas incursas nos procesos de estabilización deberá situarse ao final do período, en cada ámbito, por debaixo do 8 por cento. 

A articulación destes procesos selectivos que, en todo caso, garantirá o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade, poderá ser obxecto de negociación en cada un dos ámbitos territoriais da Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e entidades locais e poderanse articular medidas que posibiliten unha coordinación entre as diferentes administracións no seu desenvolvemento. 

Da resolución destes procesos non poderá derivar, en ningún caso, incremento de gasto nin de efectivos. Nestes procesos deberanse ofertar, necesariamente, prazas de natureza estrutural que se encontren desempeñadas por persoal con vinculación temporal."  

Por tanto, a lexislación é clara canto ao alcance dos procesos de estabilización do persoal temporal nas administracións públicas e non o restrinxe ao persoal laboral con sentenzas de indefinición, outra cousa son os contos que o goberno municipal lle queira contar aos traballadores para ter menos demandas por contratos en fraude de lei, porque resulta completamente vergoñento que un Concello coma o de Betanzos teña o 90% do persoal laboral en fraude de lei no ano 2019, con persoal que leva máis de trinta anos traballando na Administración por obra ou servizo.

Outro conto diferente é que a CIG non está de acordo co que o goberno estatal negociou e acordou cos sindicatos UGT, CCOO e CSIF sobre este tema, que podedes ver polo miúdo no II Acordo goberno-sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo e que é o cerne do que logo recolle a Lei de orzamentos do Estado, que fala de macroprocesos de establización para o persoal temporal, sen establecer ningún tipo de límite nin establecer especificidades para determinadas casuísticas das administracións públicas.

Finalmente, está claro que os sindicatos CSIF, UGT e CCOO foron os que acordaron co goberno estatal que os procesos de estabilización deberían afectarlle a todo o persoal contratado de forma temporal e ininterrompida os tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2017, por tanto, á práctica totalidade do persoal laboral do Concello de Betanzos. Agora, eses mesmos sindicatos e o goberno do PSOE (xa que mentres non se modifique a lexislación segue vixente) son os que deben render contas co persoal e explicarlle o que defenden a nivel estatal sobre a consolidación dos postos sen ningún tipo de excepción, así como que o feito de excluír os postos do persoal laboral da RPT é unha pantomima para repartir os cartos que supostamente hai enriba da mesa entre o funcionariado e perpetuar as discriminacións entre os traballadores e traballadoras en función da relación contractual.

19/11/19

Guía electrónica para a xestión do estrés e dos riscos psicosociais

Guía electrónica elaborada pola EU-OSHA no marco da campaña Healthy Workplaces Manage Stress en 2014. Renovada nun novo formato, a ferramenta, centrada nas pequenas empresas, presenta consellos prácticos e orientación sobre os primeiros pasos para xestionar riscos psicosociais nos lugares de traballo.

Boletin CIG Saude Laboral Nº 34

Segundo os datos aportados no pasado XXI Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo celebrado en Singapur, os accidentes e as lesións relacionadas co traballo son a consecuencia a nivel mundial dunha perda do 3,9% do PIB cun custo mínimo estimado de 2,68 billóns de euros. No caso da Unión Europea (EU), os problemas de saúde e as lesións relacionadas co traballo están a supoñer anualmente unha perda equivalente ao 3,3% do seu PIB o que supón uns 476 mil millóns de euros dos que unha gran parte se destinan a políticas de indemnización, asistencia social e atención sociosanitaria dos traballadores/as accidentados, que no caso español maioritariamente pagamos todos nós (a sociedade) e non as empresas responsables da sinistralidade.
O número 34 do Boletín CIG Saúde Laboral conta cos artigos:
1. Sinistralidade laboral, un monstro que non para de medrar: datos, análises e reflexións. Galiza: chove sobre mollado, epígrafe
 2. Terceira modificación da Unión Europea da Directiva sobre canceríxenos e mutáxenos
 3. Os traballadores/as maiores e a prevención de riscos laborais: “Revisión da investigación sobre as consecuencias do envellecemento da poboación activa para a seguridade e a saúde no traballo (SST). OSHA-EU
 4. Falsos autónomos/as: explotación laboral no marco dunha precariedade extrema.
 5. Precariedade laboral: a orixe de todos os males.

Reunión extraordinaria do Comité de Empresa

Logo da solicitude realizada pola CIG o vindeiro 26 de novembro terá lugar a reunión extraordinaria do Comité de Empresa.

A CIG lémbralle ao Concello que a formación interna debe negociarse e aplicarse á totalidade do Persoal

A CIG vén de lle lembrar ao Concello de Betanzos que a formación interna é obxecto de obrigada negociación, logo de que aprobase un Plan de formación interno que non foi negociado e que non lle afecta á totalidade do persoal en función das necesidades dos distintos postos.
A formación interna debe negociarse na Mesa Xeral de Negociación, un organismo que o Concello se negou a convocar en reiteradas ocasións, tal e como solicitou a CIG, para acordar os criterios de reparto da produtividade. O Concello de Betanzos bloquea calquera tipo de negociación cos traballadores dos temas que non lle interesan e non volveu convocar este organismo desde que aprobara a nova RPT con CSIF e CCOO o 9 de abril de 2019, hai xa nove meses.
A CIG informou á Inspección de Traballo provincial do incumprimento do Convenio colectivo no relativo á negativa de negociar os criterios de produtividade para lle outorgar o 70% da partida orzamentaria a unha soa traballora e está á espera da resolución do organismo provincial.

A CIG solicítalle ao Concello que solucione o problema de goteiras na Oficina de Turismo pola seguridade

A CIG vén de lle solicitar ao Concello que solucione o grave problema de goteiras da Oficina de Turismo que se converte nun problema de seguridade non só para o persoal senón tamén para a cidadanía que diariamente se achega a ela.
Lémbralle que tal e como indica a Lei de prevención de riscos laborais “entenderase como «risco laboral» a posibilidade de que un traballador sufra un determinado dano derivado do traballo” e no caso mencionado a auga apózase na entrada e crea un perigo altísimo de esvarar na entrada debido ao tipo de solo da oficina, podendo ocasionar unha grave caída a calquera persoa que entre na devandita Oficina.
Ademais, que segundo indica o artigo 14 da Lei de prevención de riscos laborais os traballadores teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade no traballo e que este dereito supón a correlativa existencia do deber do empresario de protección dos traballadores fronte aos riscos laborais; e que, así mesmo, no cumprimento deste deber de protección o empresario deberá garantir a seguridade e saúde dos traballadores ao seu servizo en todos os aspectos relacionados co traballo.
Finalmente solicítalle que tome as medidas oportunas para solucionar o problema de seguridade e saúde laboral enriba indicado da Oficina de Turismo do Concello de Betanzos coa máxima urxencia posible.
Hai que lembrar que non é a primeira vez que a CIG acode á Inspección de Traballo logo de reclamarlle ao Concello en reiteradas ocasións que solucionase diversos problemas de saúde laboral, e que esta lle deu a razón e requiriulle ao Concello que corrixise as deficiencias
Desta volta, agardamos que o Concello solucione canto antes as deficiencias indicadas para que os centros de traballo estean nas condicións de traballo adecuadas para o persoal e para a cidadanía.

15/11/19

O acoso laboral a mulleres, un cancro pendente no mundo do traballo



Non son poucas as mulleres que sofren acoso laboral. Un acoso laboral que non ten por que levar unha connotación sexual necesariamente, pero si teñen que ver coa condición de muller. Os motivos son diversos, a conciliación ou a maternidade están entre eles. A día de hoxe en Galicia non se dispoñen de cifras concretas para avaliar ata onde chega este tipo de discriminación laboral.

O acoso laboral, tamén chamado mobbing, é unha situación de maltrato cara o traballador ou traballadora. Pode realizarse mediante ameazas, coaccións, críticias ao desenvolvemento laboral da persoa, frear as iniciativas dese traballador ou traballadora ou o menosprezo diante dos e das compañeiras de traballo.

Existen colectivos que sufren en maior medida o acoso laboral por diversas razóns. As mulleres, as persoas con diversidade funcional, empregados e empregadas con responsabilidades familiares e aquelas persoas que viven situacións afectivo-sexuais diferentes á familia ou parella “tradicional”. Estes serían os grupos que máis sufrirían o asedio por parte de acosadores.

QUE É O ACOSO LABORAL A MULLERES?

Existen variantes de acoso que afectan de maneira directa ás traballadoras. Segundo Marga Corral, da CIG, poden ser “o acoso laboral propiamente, o sexual ou acoso por razón de sexo”. A diferenza entre os dous últimos está en que o acoso por razón de sexo “inclúe non só cuestións machistas ou sexistas, senón todo o relacioando coa maternidade e os coidados”. Ademais hai que engadir o acoso por razón de identidade que sería aquel “por identidade afectivo-sexual, mulleres trans, lesbianas ou que teñan unha familia diferente á parella heterosexual”.

“A lei de igualdade recoñece o acoso sexual e o acoso por razón de sexo” di Mónica Rodríguez da UGT. As estatísticas sobre acoso laboral a mulleres e outros tipos de acoso “son escasas ou non as hai, co que nós dicimos que é unha discriminación evidente, se non as hai parece que o problema non existe ou non se quere falar del”. En tal caso, Rodríguez apunta que o 95% do acoso sexual vai dirixido a mulleres, o 5% a homes procedente maiormente doutros homes.

“O acoso laboral ten diferentes definicións, o que máis sofren as mulleres é o sexual” di Mamem Sabio de CCOO. “Con todo é aquela actitude, presión, insulto ou acción que atente contra a dignidade da persoa”. O principal obxectivo do acoso a mulleres no ámbito laboral é facelas sentir débiles ata que acaben rendéndose.

IDEOLOXÍA DETRÁS DO ACOSO LABORAL A MULLERES?

As ideas preconcibidas sobre as mulleres en entornos laborais poden deberse a unha ideoloxía? “Si, todo este tipo de acosos rexénse polo machismo, todos son intrínsecos” sinala Marga Corral, que engade “non hai unha soa situación de acoso sexual (a mulleres) que non implique acoso laboral”. Non obstante, o acoso sexual pode ser illado no tempo mentres que o acoso laboral é reiterado no tempo.

A “ideoloxía machista” déixase notar máis en sectores laborais “masculinizados”, onde a presenza exclusiva de homes aínda non se superou ou non se rompeu. “É certo, cando falamos sobre a incorporación a sectores masculinizados, moitas compañeiras din que non foi fácil nos primeiros momentos”sinala Mónica Rodríguez.

“Hai homes que aceptan de bo grao a entrada de mulleres dentro de áreas laborais masculinizadas, aínda así, elas teñen que demostrar que valen” di Mamem Sabio. “Se es home non che fan digamos, “un exame”, mais se es muller debes demostrar que vales e moito máis”.

MATERNIDADE E CONCILIACIÓN, FACTOR DE RISCO?

O feito de que unha muller se incorpore ao traballo logo da súa maternidade, pode ser motivo de mobbing e acoso laboral. Por que? “Porque hai unha concepción machista de cal debe ser a responsabilidade desas mulleres” di Marga Corral. Detrás pode haber unha posición de poder claramente patriarcal de quen considera que esa persoa traballadora debe ser “castigada por non entrar dentro da súa concepción de maternidade”.

“É algo que impera no acceso ao emprego como no mantenemento do mesmo” declara Mónica Rodríguez cando fala sobre conciliación. “Falamos máis do acceso, porque teñen prexuízos de que será a muller a que vai ao médico co fillo ou co familiar, os estereotipos inflúen moito”. As reducións de xornadas xa están máis normalizadas, aínda que o 75% das peticións son de mulleres, mais xa vai aumentando o número de homes que piden redución para coidar os fillos.

DENUNCIAS

As situacións de crise económica e laboral son contextos onde as situacións de acoso laboral á muller poden aumentar. Desde o ano 2008, durante os anos de crise o aumento de casos foi exponencial. Casos, mais non denuncias. Por que non se denuncia? “Porque non todos os casos que podemos considerar a nivel ético como acoso, se traduce en denuncias” remarca Marga Corral.

Desde UGT sinalan que tamén hai reticencias para denunciar “debido ao temor a represalias ou despedimento, a desconfianza na propia utilidade de denunciar e a vontade de esquecer o acontecido” porque son situacións difíciles de xestionar a nivel psicolóxico. Coa normalización de certas condutas sexuais, “ás veces pensamos que determinados comportamentos sexistas son normais, pois nin o son nin teñen que parecer normais”. Por outra banda, a ausencia de declaracións de testemuñas impide levar a xuízo a quen acosa.

“Máis do 65% das mulleres non se atreve a denunciar as situacións de acoso” di Mamem Sabio. “En ocasións, a empresa en vez de parar ao acosador, castiga a vítima”. A isto hai que sumarlle a presión psicolóxica que padece a acosada porque “pensa se terá ela a culpa, tereille dado pé, ou estarei esaxerando”. E a isto hai que engadirlle “o medo a que non te crean”.

EXISTE UN PERFIL DE TRABALLADORA ACOSADA?

“Temos casos de mulleres novas e mulleres maiores no referente ao acoso laboral” sinala Marga Corral. Aínda así, nas denuncias por acoso sexual si que hai un factor predominante “cando a persoa é nova ou comunica que está atravesando un proceso de separación ou divorcio”. O feito de acosar a mulleres máis novas e as que están en trámites de separación ou divorcio, Corral explícao pola sensación de poder que pode ter quen acosa. Ese poder daríalle “dereito” a impoñerse ás súas traballadoras.

“As persoas que son máis vulnerables por circunstancias vitais e personalidade son máis doadas de acosar” di Mamem Sabio. “Para que isto non suceda o que se debe potenciar é a prevención no ámbito laboral”. A prevención, segundo di Sabio, comeza pola sensibilización do persoal dentro do lugar de traballo e sobre todo, de quen xestiona Recursos Humanos.

Galicia confidencial

14/11/19

Presentado conflito colectivo contra a empresa que leva o Servizo de Recadación de Lugo polo incumprimento das melloras salariais


GTT ofertou unha suba do 20% do salario base que pretende liquidar coa absorción dos complementos

As traballadoras e traballadores da empresa adxudicataria do Servizo de Recadación do Concello de Lugo, Gestión Tributaria Territorial S.A. (GTT), veñen de presentar demanda de conflito colectivo ante o incumprimento por parte da empresa das obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada, en virtude da cal resultou adxudicataria do servizo.

Esta empresa, explica o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, resultou adxudicataria porque na oferta presentada incluíu unha mellora das condicións salariais e sociais cun incremento do 20% sobre o salario base establecido no vixente convenio colectivo. Incremento que tería que aplicar a todos os traballadores e traballadoras adscritas a este contrato.

"Mais logo de resultar adxudicataria, a empresa comunicou ao conxunto do persoal e informou ao Concello que procederá á absorción dos complementos retributivos que cada persoa teña adicionais ao salario base, até cubrir o 20% de incremento dese salario base", denuncia Niño.

Falta de actuación do Goberno local

Isto supón que as melloras que ofertou a empresa agora non as cumpre, pois nas mesmas figura claramente unha mellora do 20% do salario base "e non figuraba para nada o criterio de absorción que introduce agora de xeito extemporáneo, e que supón na práctica que a unha parte dos traballadores e traballadoras non se lles aplique ningunha mellora ou que esta non alcance o 20% do salario base". De tal xeito que GTT está incumprindo as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada en virtude da cal resultou adxudicataria.

Diante deste manifesto incumprimento, acordouse presentar a demanda de conflito colectivo despois de que a delegada de persoal de GTT e a CIG mantivesen xuntanzas cos grupos de goberno do Concello de Lugo, PSOE e BNG, esixíndolles facer cumprir á empresa adxudicataria as condicións ofertadas, e sen que se adoptase ningunha decisión política que fixese posíbel a resolución deste conflito.


A CIG interporá un recurso de reposición contra as bases da convocatoria da praza de profesor de percursión do Conservatorio

A sección sindical da CIG do Concello de Betanzos presentará un recurso de reposición contra bases da convocatoria da praza de profesor de percusión do Conservatorio de Música Carlos López García Picos.


As bases conteñen varias irregularidades, mais a máis grave, para a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos, é o incumprimento dos salarios acordados no Convenio colectivo e a aplicación ao posto dunha categoría e niveis inferiores que os vixentes para pagarlle menos ao persoal que se contrate.

Tamén resulta gravísimo que o Concello pretenda aplicarlle ao novo profesor ou profesora unha categoría profesional que non está contemplada nin na RPT vixente nin no Convenio colectivo vixente mais si nunha RPT que está en trámite e que foi acordada na Mesa Xeral de Negociación entre o goberno do PSOE e o sindicato dos funcionarios. É dicir, con estas bases o goberno municipal aplica un acordo que non está aprobado no pleno nin vixente e que claramente prexudica e precariza a contratación de persoal laboral, coa axuda da CSIF, aliado indispensable no proceso de exclusión e rebaixa das condicións do persoal laboral que pretende perpetuar o goberno municipal coa nova RPT.

O goberno do PSOE pretende con estas bases contratar a un profesor ou profesora de percursión para o Conservatorio municipal por menos de trescentos euros ao mes, de termos en conta para o cálculo as horas aproximadas do contrato. Pretenden, pois, non só contratar na precariedade máis absoluta senón que aínda por riba en clara situación de discriminación fronte ao resto do cadro de persoal do centro.