Denuncia a
suspensión da xuntanza que xa estaba prevista e teme que se estea
negociando por detrás
A CIG solicita a
retirada da proposta de modificación do Estatuto Básico do
Empregado/a Público/ (EBEP) e que se presente unha nova proposta.
Cuestiona ademais a xestión da negociación, para a que estaban
comprometidas todas as xuntanzas necesarias, pero que foi suspendida
de forma unilateral polo Ministerio.
A primeira xuntanza
do grupo de traballo celebrárase o pasado día 24 de maio. Na mesma
sinalábase como data da seguinte reunión o día 27 de maio. O
propio secretario xeral do Ministerio afirmaba nesa xuntanza que tiña
a axenda libre para reunirse todos os días que fixera falta para
acelerar as negociacións. Porén, ao día seguinte, a central
sindical recibía unha comunicación pola que se cancelaba a reunión
prevista coa escusa de darlle prazo aos sindicatos para presentar
alegacións, cando todos aceptaran a data proposta.
A CIG pon en
cuestión a decisión de suspender as reunións e que se solicite
agora que se remitan as alegacións por escrito. A central sindical
témese que os sindicatos estatais, que mantiveron un hermetismo
absoluto e para nada informaron desa xuntanza, estean negociando por
detrás, como ten acontecido noutras ocasións, para chegar a un
acordo.
A CIG xa adianta que
promoverá mobilizacións no caso de que non se retire a proposta tal
e como está.
Retirada da
proposta
Función Pública
afirmou na reunión do 24 de maio que a reforma sobre a
temporalidade descansaría sobre tres patas: modificación do
EBEP; flexibilización da taxa de reposición (en ningún caso
eliminación) e proceso de estabilización vinculado co compromiso
expresado polo Estado no documento enviado á UE para os fondos
europeos
Para a CIG non se
pode chegar a acordos no ámbito da Mesa Xeral cando o único que se
presentou foi unha das tres “patas”, a do EBEP. A posición da
central sindical nun tema de relevancia como o das medidas para
reducir a temporalidade é que se debe facer nun marco de respecto ás
miles de persoas que veñen ocupando postos de traballo como persoal
interino ou temporal, nun claro abuso da contratación temporal.
A reforma do EBEP,
sen procesos de consolidación e sen claros mecanismos de sanción,
non soluciona o problema nin busca saída para quen durante anos
foron vítimas da temporalidade abusiva.
Nova
proposta
Fronte a isto a
posición da CIG descansa sobre tres eixos fundamentais e así foron
trasladados nun escrito remitido ao Ministerio de Función Pública
tras a cancelación unilateral da segunda reunión:
ELIMINACIÓN
DA TAXA DE REPOSICIÓN. Cada administración pública debe
poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a
xestión dos servizos que presta, en función das súas propias
capacidades orzamentarias. Para isto, é imprescindíbel que
desaparezan as taxas de reposición con carácter básico da
lexislación do Estado.
PROCESOS
EXCEPCIONAIS. Debe articularse unha solución
excepcional ao problema da temporalidade acumulada, apostando por
uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na
necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel
territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece
a súa especificidade (educación, sanidade).
RÉXIME
SANCIONADOR E REPARADOR. É fundamental fixar un marco
sancionador moi estrito e contundente con aquelas administracións
que incumpran a norma, identificando ás persoas responsábeis dos
órganos que non cumpran. Mais tamén deben existir medidas
reparadoras co persoal temporal que foi ou é vítima do abuso na
contratación temporal.
Canto ao texto
presentado, a CIG considera que hai unha clara intencionalidade de
incorporar medidas no EBEP para blindar e protexer as
propias administracións diante dos bandazos que están
a dar os tribunais de xustiza. Así se evidencia con estas
incorporacións ao EBEP:
que o
nomeamento de interino non dá lugar a ningún tipo de recoñecemento
de condición de funcionariado de carreira ou permanencia.
que no caso de
cese do persoal interino non se xera dereito á indemnización
Para a CIG o
estabelecemento dun período de proba é
innecesario e improcedente , xa que un dos motivos de cese xa é a
falta de capacidade ou rendemento, o que levaría consigo un
expediente disciplinario. Fixar o período de proba pode introducir
arbitrariedade polo que a central sindical está en desacordo e
demanda a retirada.
A medida de cesar
ao persoal interino despois dos 3 anos, penalizando á
persoa e o servizo público sen que se poida cubrir a vacante durante
un ano é ademais “un despropósito”. Se queren evitar o abuso na
contratación temporal que sancionen duramente á persoa ou persoas á
fronte dos órganos de persoal que o permiten, mais que non fagan
recaer a penalización no persoal interino e nos propios servizos
públicos.
Outro dos apartados
máis preocupantes da proposta do goberno estatal é a negación
expresa do dereito á carreira profesional do persoal interino
mentres no acade a condición de funcionariado de carreira. Estamos
diante dunha medida impresentábel, que vai contra dereitos
adquiridos en moitos casos grazas a sentenzas e conflitos xudiciais
promovidos pola CIG (os sexenios docentes ou a carreira profesional
na administración xeral da Xunta) e acordos que incorporan o persoal
interino na carreira profesional (SERGAS). A CIG está totalmente en
contra dunha medida que considera regresiva e que prexudicaría a
miles de persoas polo mero feito de ser interinas malia realizar o
mesmo traballo.
A CIG amosa
a súa incredulidade diante das cifras de prazas a convocar e dos
seus efectos
En diferentes
declaracións do ministro Iceta e dos responsábeis do Ministerio na
Mesa Xeral cifráronse nun mínimo de 300.000 as prazas que se
deberán ofertar no presente ano 2021, nun calendario que se
estendería para facer todos os procesos convocados até o 2024.
A certeza dos datos
dos denominados “procesos de estabilización” vinculados cos
pactos dos sindicatos estatais co goberno español non deixa lugar a
dúbidas. Segundo datos do propio goberno (de abril de 2021) houbo un
total de 218.671 prazas autorizadas para incorporar en ofertas de
emprego público.
Porén, tan só se
ofertaron 154.483 prazas (é dicir, non se ofertaron o 30% das prazas
inicialmente previstas). Destas só se cubriron 56.236, o que implica
que tan só o 25% das prazas que se venderon como de “estabilización”
chegaron a se transformar en fixas no conxunto do Estado e no total
dos sectores (ensino, sanidade, xustiza, administración xeral..).
Con estes precedentes, a CIG amosa a súa incredulidade sobre se
realmente se van cubrir as cifras anunciadas polo Ministerio.