30/01/12

Achegas para un novo regulamento de axudas sociais

Na reunión ordinaria do Comité de Empresa de xaneiro acordouse comezar co traballo dun novo regulamento de axudas sociais e instouse a achegar as propostas para a reunión ordinaria do Comité de Empresa do vindeiro mes de febreiro. A proposta da CIG de necesidade de elaboración dun novo regulamento de axudas sociais máis xusto é un compromiso de traballo que vén dende o programa presentado aos compañeiros e que materializaremos nas vindeiras semanas.

Tal e como temos denunciado publicamente en múltiples ocasións o tema das axudas sociais e a súa repartición neste Concello foi para lle dar de comer a parte e tivo como eixe a falta de colaboración co actual Comité de Empresa e o caso omiso ás advertencias de discriminación no reparto que vén realizando a CIG nos últimos meses, ademais do procedemento caótico e ocultación de información aos representantes do persoal. Podedes botarlle unha ollada ao arquivo de novas dos últimos meses con respecto a este tema no noso blogue www.cigconcellobetanzos.blogspot.com.

Axudas sociais 2011, a ver se desta vai a vencida

O Concello continúa a ocultar información

Axudas sociais 2010

Un paso máis: o Concello está a admitir os seus propios erros


A CIG solicita máis transparencia na concesión das axudas sociais 2010

Seguimos coas discriminacións: o funcionariado cobrou as axudas sociais do ano 2010 e o persoal laboral non!

AXUDAS SOCIAIS 2010 e 2011: Últimas novas

Axudas sociais 2011: información xeral e prazos


Abrindo camiños: axudas sociais



Dende a sección sindical da CIG xa estamos a elaborar ese novo regulamento, mais, coma sempre, todas as propostas serán benvidas e instámosvos a que nos acheguedes / lembredes e /ou expoñades as vosas ideas ou opinións para a mellora do sistema de reparto das axudas sociais e así engadírmolas na proposta que levaremos á reunión ordinaria do Comité de Empresa e posteriormente lle presentaremos ao Concello, porque sen a vosa axuda non poderiamos seguir ABRINDO CAMIÑOS.

26/01/12

Horario de apertura do Local do Comité de Empresa

Na asemblea ordinaria do Comité de Empresa do mes de xaneiro que tivo lugar hoxe pola mañá no Centro de Formación Ocupacional acordouse, por iniciativa da CIG, ao igual que con anterioridade a solicitude dun local para o Comité de Empresa, que o local do Comité abrirá, nun principio, os martes e os xoves de 13:00 h a 15:00 h.

O local do Comité está situado no edificio Liceo pola parte de atrás, na alameda José Veiga Roel. Este local solicitado ao pouco de se constituír o novo Comité utilizarase para atender as dúbidas dos compañeiros e compañeiras, para as reunións da Comisión Executiva e tamén para as do propio Comité cando sexa necesario, igualmente as seccións sindicais terán acceso para as súas reunións.

Para o mellor funcionamento do local acordouse elaborar un cuadrante e facer, de cara á vindeira reunión do Comité, unhas normas básicas para mantelo nas mellores condicións posibles e que a partir de agora sexa un local de encontro para o persoal. Tamén se acordou facer unha solicitude coas necesidades ao Concello, tal e como se fixera xa hai sete meses.

Agardamos que a apertura deste local e o novo horario de atendemento sirvan como unha vía máis de información para o persoal laboral do Concello de Betanzos e abran un novo camiño ao se sumar así ao blogue e os voceiros que informan puntualmente aos compañeiros e compañeiras das novidades de interese en materia laboral.

Mensaxe de tranquilidade sen perder a perspectiva

Tal e como vos comentabamos hai uns días, o 24 de xaneiro, logo dunha semana, unha representación da Sección sindical da CIG tivo unha reunión co Alcalde para solicitar información sobre distintos asuntos de interese para todos e todas as traballadoras.

Un dos temas de maior interese era a existencia dun borrador dos novos orzamentos e a posible modificación da RPT sen convocar previamente a Mesa Xeral de Negociación para negociar o capítulo I dos orzamentos.

O propio alcalde díxonos que era plenamente consciente de que por lei tiñan que negociar ese capítulo I e que o que había elaborado simplemente era un borrador, por iso aínda non se convocara a Mesa Xeral de Negociación, igualmente indicou que esa negociación existiría.

Polo que respecta á posible reorganización de persoal e a presunta amortización de distintas prazas comentou que efectivamente se van amortizar (é dicir, eliminar) na RPT as prazas que están vacantes do persoal de servizos que se foi xubilando nestes anos mais fixo fincapé en que en ningún caso esa amortización correspondería a calquera outra praza.

Igualmente, e polo que respecta á posibilidade de privatización de certos servizos dende o goberno informáronnos de que efectivamente teñen pensado sacar un concurso para unha empresa privada de limpeza e xardinaría mais que isto en ningún momento suporá a privatización destes sectores, simplemente, que debido a que a lexislación actual non permite convocar prazas recorrerase a ese sistema para cubrir o traballo que a día de hoxe eses servizos non poderían cubrir posto que cada día son menos.

Outros sectores que nos últimos tempos preguntaron por medo á posible privatización, como a gardería municipal ou as traballadoras de axuda a domicilio tamén, segundo palabras do alcalde, poden estar tranquilos posto que en ningún caso se está a pensar en suprimir esas prazas posto que todos os postos son moi necesarios.

Caso a parte merece o persoal que non está na Relación de Postos de Traballo e que está contratado a abeiro de subvencións, o propio alcalde confirmou o que levamos dicíndolle dende hai meses aos compañeiros e compañeiras nesta situación, non hai posibilidade a día de hoxe de creación de prazas e, polo tanto, se nalgún momento, a subvención desaparece, o Concello non se fará cargo dese persoal.

Certo é que isto é así, que non se poden crear as prazas mais dende a CIG do Concello de Betanzos tamén somos conscientes e así informamos de que neste Concello hai moito persoal tanto subvencionado como non cun contrato en fraude de lei e que isto no caso de que algún día haxa despedimentos poderá supor un grave conflito en materia laboral neste Concello polo vergoñento que resulta que unha Administración pública non fose quen de regularizar esta situación cando hai anos e non tantos o marco lexislativo si que o permitía mais a vontade política para regularizar isto non existía.

Polo que atinxe á reorganización da propia RPT seica o Concello ten pensados algúns cambios e mesmo falou dun suposto Plan de emprego, dende a CIG estaremos atentos para que unha vez máis non se actúe de costas ao persoal e non se intenten introducir modificacións que repercutan, como sempre nos últimos anos, en melloras para o persoal funcionario e en esmolas para o persoal laboral.

Aínda así e a pesar de todo isto, agradecemos a actitude dialogante que agardamos que abra unha nova etapa co Concello e que dunha vez por todas se digan as cousas claramente e se deixen de facer promesas en van ao persoal laboral.

"CCOO e UGT traizoaron de novo a clase traballadora"

"A CIG denuncia que CCOO e UGT ceden ás demandas da patronal traizoando á clase traballadora"

A CIG manifesta a súa máis enérxica e rotunda oposición á cesión de CCOO e UGT ante as demandas da patronal, asinando un acordo polo que os incrementos salariais deixarán de calcularse en función do IPC como se viña facendo até o de agora.


Segundo as previsións de organismos internacionais, a inflación acumulada nos próximos dous anos no estado español será do 4%. Fronte a este incremento do IPC e, segundo o pactado por CCOO e UGT, os salarios só medrarán, neste ano un 0,5% e para o próximo un 0,6%. Se a isto se lle engade o incremento salarial pactado por estas centrais sindicais para 2011, de tan só o 1% e que a inflación foi superior, a perda salarial destes anos acadará o 4,1%.

O salario medio en Galiza é de 18.000 euros. Segundo os cálculos da CIG, ao medrar a masa salarial por debaixo do IPC, as traballadoras e traballadores perderán, en catro anos, nin máis nin menos que 3.000 euros.

Alcántara considera que se trata dunha cantidade “espeluznante” que, “en virtude de non se sabe que autoridade e en representación de quen, CCOO e UGT acordan sustraerlle á clase traballadora en favor da patronal”.

O secretario confederal de Negociación Colectiva afirma que este acordo terá gravísimas consecuencias nas condicións de vida das traballadoras e traballadores, provocando un empobrecemento da clase traballadora.

Flexibilidade

CCOO e UGT non se limitan a reducir os salarios. Tamén lle outorgan ao empresariado a potestade para axeitar a xornada ás súas necesidades introducindo unha flexibilidade do 10% e discrecional do 5%.

Alcántara advirte que, en total, son aproximadamente 20 días de flexibilidade ao ano nos que o empresario poderá aplicar unha xornada conforme lle conveña e os traballadores non verán suxeita a súa xornada a ningún criterio estabelecido. “Non terán unha xornada estábel, non se saberá cando teñen que traballar e cando teñen que descansar. Isto afectará especialmente aos traballadores temporais, cun contrato de varios meses, que van traballar máis días dos que lle corresponden nun período e non poderán recuperar todos eses días traballadores por decisión patronal”.

Descolgue

Alén de asinar unhas condicións salariais e laborais “miserentas”, CCOO e UGT pactan a posibilidade de descolgue na aplicación do convenio en todos eses dereitos, sempre que se considere que a súa aplicación pode afectar á súa competitividade. “Deixan aos traballadores e traballadoras vendidos completamente á patronal”.

Diante desta situación, Alcántara asegura que CCOO e UGT están atendendo máis aos seus intereses, “para manter os privilexios derivados do diálogo social, nunha actuación sen precedentes que implica sacrificar á clase traballadora”.

En www.galizacig.com.

25/01/12

INFORMACIÓN PRÁCTICA

PRAZOS DE RECLAMACIÓN DENDE UNHA NOTIFICACIÓN

Salarios: 365 días.

Vacacións: 20 días, se hai calendario, dentro do ano natural.

Se o/a traballador/a estivo de baixa médica por calquera continxencia e non gozou das vacacións cando lle correspondía pode solicitar o goze posteriormente, aínda finalizado o ano natural.

Nos prazos de 20 días non contas os sábados nin os domingos.

Nos prazos de 30 días contan os sábados.

Sancións e despedimentos: 20 días dende a notificación.

Contra resolucións do INEM e INSS: 30 días.

Modificación das condicións de traballo e traslado: 20 días desde a notificación.

23/01/12

Últimas novas da Sección sindical

Mañá, 24 de xaneiro, a sección sindical da CIG ten unha cita coa Alcaldía para preguntar por diversos temas que entendemos que son de interese xeral para o persoal. Logo dos acontecementos das últimas semanas, diversas notas de prensa e mesmo de temas recorrentes con respecto ao persoal laboral que se trataron nos últimos plenos dende a CIG do Concello de Betanzos decidimos solicitar hai unha semana unha cita coa Alcaldía para solicitar información sobre diversos temas que lle afectan ao persoal laboral.

Na semana pasada, un grupo político da oposición, o BNG, solicitou unha reunión coa sección sindical da CIG do Concello de Betanzos para informar sobre a existencia dun borrador dos orzamentos xerais do Concello de Betanzos e dunhas novas bases xerais. Dende a CIG quedamos sorprendidos con que fose a oposición que nos chamaba para contar coa nosa opinión con respecto aos orzamentos xerais do Concello cando o propio Concello ten a obriga legal de negociar o capítulo I dos orzamentos, o que atinxe ao persoal e nin sequera, a día de hoxe convocou a Mesa Xeral de Negociación para comezar o proceso.

Inmediatamente logo desta reunión, que nos deixou con bastante inquietude no que tería que ver coa posible modificación do RPT, decidimos solicitar unha cita coa Alcaldía para pedir información de primeira man sobre este e outros temas que son de crucial importancia sobre todo para o persoal laboral deste Concello e sobre os que en ningún momento estaba informada a sección sindical mais tampouco a representación do Comité de Empresa pola propria administración.

Unha semana despois temos cita coa Alcaldía e intentaremos amosarlle a nosa dispoñibilidade á negociación e escoitar as explicacións, no caso de que as haxa, con respecto á desinformación permanente que os delegados sindicais nos temas que teñen que ver co persoal do Concello de Betanzos, mais tamén intentaremos deixarlle claro que o Concello ten a obriga legal de negociar co Comité de Empresa e convocar a Mesa Xeral de Negociación canto antes e máis aínda se quere demostrar o que o propio alcalde nos dixo a todos os delegados e delegadas sindicais nada máis chegar ao Concello, que era a vontade de negociación do goberno.

Xa se ve o traballo

Por primeira vez na historia do Concello de Betanzos, e tras as distintas conversas levadas a cabo polos delegados da CIG co goberno municipal, pódese dicir que os traballadores deste concello estan de noraboa o dispor dun local de atendemento para calquera tipo de dúbida que poida xurdir dentro do ámbito laboral do propio Concello. Estas consultas serán resoltas polos nosos delegados coa axuda dos nosos asesores.

O novo local do Comité de Empresa está nas inmediacións do edifìcio Liceo, na alameda José Veiga Roel.

O horario de apertura acordarase na reunión ordinaria do Comité de Empresa que terá lugar o vindeiro xoves 26 de xaneiro.

Por que cada paso son máis os traballadores que se unen ao noso lema ABRINDO CAMIÑOS, damos unha vez máis as grazas porque estes avances son posibles grazas ao apoio dos compañeiros e compañeiras deste Concello.

17/01/12

Interesante: Reforma da tipificación do acoso laboral no Código Penal

De http://autonomica.cigadmon.org

O 23 de decembro de 2010 entrou en vigor a Lei orgánica 5/2010 de 22 de xuño, pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal. Entre outras, introduce a que pode ser unha importante novidade: a modificación e ampliación do artigo 173 do título VII, que agora engade:

"Coa mesma pena serán castigados os que, no ámbito de calquera relación laboral ou funcionarial e prevaléndose da súa relación de superioridade, realicen contra outro de forma reiterada actos hostiles ou humillantes que, sen chegaren a constituír trato degradante, supoñan grave acoso contra a vítima"

Hai que destacar que o tipo do ilícito especifica con claridade meridiana que queda constituído por actos -é certo que reiterados- "hostiles o humillantes"; isto é, que chega só coa actitude de hostilidade probada ou de humillación, tamén adverada.

O cambio, ex novo polo lexislador, e que deberemos agardar para ver se é seguido polo xulgador, é de capital importancia xa que, até agora, requiríase, para apreciar relevancia penal, probar sen ningún xénero de dúbida a actitude de presión laboral tendenciosa e a consecuencia de presión laboral tendenciosa devastadora; é dicir, a realización do ilícito penal e a consecuencia subxectiva do dano. Respecto da anterior redacción, exclúese agora a presión laboral tendenciosa horizontal e ascendente: por outro lado, inclúese no tipo a esixencia da repetición.

As penas ás que fai referencia son de seis meses a dous anos; o que non vén a resultar de entidade suficiente para o ingreso en prisión, agás no caso de reincidencia por antecedentes penais.

Os que clamábamos pola introducción polo lexislador penal dalgún artigo ou modificación neste sentido, estamos agora á espera de que a interpretación da xudicatura sexa consecuente e contundente en canto a importancia deste tema, que até o 22 de xuño de 2010 non encontrara espazo dentro do Código Penal, e apenas timidamente e con lenidade, na xurisprudencia.

Por último, cómpre destacar tamén dentro da reforma do Código Penal, que se innova na atribución de responsabilidade penal ás persoas xurídicas, mais coa exclusión expresa das Administracións Públicas

16/01/12

Abrindo Camiños, número 11, voceiro impreso da CIG do Concello de Betanzos

Xa está o voso dispor o voceiro número 11 da CIG do Concello de Betanzos, correspondente ao mes de xaneiro.


Lembrámosche, que podes acceder a todos os voceiros da CIG do Concello de Betanzos en liña en PDF no noso blogue na sección, Abrindo camiños, voceiro Impreso, que está na columna da dereita do blogue.

13/01/12

Última hora: entregada a proposta definitiva de convenio

Hoxe mesmo o Comité de Empresa entregoulle por rexistro ao Concello a proposta definitiva de convenio coas modificacións que se acordaron na asemblea do persoal laboral que tivo lugar o pasado mes de decembro. O novo Comité de Empresa cumpre así un dos obxectivos principais que a CIG tiña por diante logo de resultar o sindicato maioritario nas pasadas eleccións sindicais, agora o que falta é a boa vontade do Goberno municipal para negociar e que tanto anunciou na prensa ao pouco de entrar a gobernar.

Igualmente, rexistrouse unha solicitude de convocatoria da Mesa de Negociación do convenio logo de máis de dous meses paralizada. Neste escrito lembróuselle ao Concello que o día 24 de outubro o Comité de Empresa foi convocado por parte do Concello a unha reunión para constituír a Comisión negociadora do novo convenio logo de que este fose denunciado o día 22 de agosto e que nesa reunión acordáronse as pautas que se seguirían no proceso de negociación mais que xa transcorreron máis de dous meses e a Comisión negociadora do novo convenio non volveu a ser convocada e o proceso de negociación está paralizado.


Agardamos que o goberno amose no que ten a ver co convenio a vontade negociadora que tanto predica e convoque a Mesa de Negociación do novo texto logo de máis de dous meses sen convocar ao Comité de Empresa.

11/01/12

Axudas sociais 2011, a ver se desta vai a vencida

Tal e como informamos no mes pasado, a CIG solicitou que se cumprisen as bases das axudas sociais e se publicasen as listaxes de solicitudes admitidas e denegadas e a contía asignada a cada traballador que o Concello pagou no mes pasado e que aínda estaban pendentes dende decembro do ano 2010.

Na liña do traballo realizado nos últimos meses a CIG tratará este tema na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de xaneiro e instará cando chegue o momento a que o Concello, tal e como comunicou aos traballadores, pague as do ano 2011 coa nómina do mes de febreiro.

Realmente non entendemos a que se debeu sempre tanta demora no pago das axudas sociais cando unha vez que o Concello ten toda a documentación entregada polo Persoal non ten máis que recompilala e solicitar a proposta do Comité de Empresa, unha vez que lle achega a documentación, por moito que as decisións, opinións e recomendacións do Comité con respecto a este e outros temas sexan completamente ignoradas.

Por outra parte e polo que respecta ao incumprimento das bases na publicación dunhas listaxes das axudas denegadas e concedidas e contía outorgada a cada traballador, non podemos máis que pensar que detrás destes feitos está a vontade de que os traballadores non saiban realmente que é o que lles pertence para que non poida haber as reclamacións pertinentes polas irregularidades na concesión, se é que as houbo, e o Concello siga a facer o que lle peta pola porta de atrás. Se así non fose unha Administración pública ten a obriga de levar a cabo prácticas democráticas que este Concello parece esquecer.

Agardamos que algún día o goberno municipal se decate de que a ocultación da información á representación do persoal laboral e ao sindicato maioritario no Comité de Empresa non fai máis que dificultar a democratización das relacións cos traballadores e deixa patente a vontade de que nada cambie, de que siga habendo discriminacións de todo tipo coa diferenza de que estas cada vez son máis públicas e evidentes.

A CIG rexistra unha queixa pola desaparición da publicidade sindical

Logo de observar durante os últimos meses que no taboleiro de información que o Concello ten nas Oficinas Xerais do edificio Liceo desaparecía algunha da publicidade sindical colocada pola CIG e que nos últimos días desaparecese toda a publicidade sindical que estaba colgada no devandito taboleiro, dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidimos rexistrar unha queixa para pór en coñecemento do Alcalde esta situación.

Nestas dependencias non hai un taboleiro dedicado exclusivamente á publicidade sindical, entendemos que isto se debía porque ata a chegada da CIG a este Concello ningún sindicato dos que tiveran representación ata o momento editaba información para manter informados puntualmente aos traballadores, mais agora, sete meses despois, moitas notas informativas da CIG e logo xa de dez voceiros editados por esta Sección sindical, os sindicatos seguimos sen un taboleiro exclusivo de publicidade sindical e compartimos un coa información do propio Concello. Isto non suporía un problema se a publicidade sindical non desaparece e se fixese “limpeza” nos taboleiros de todo o que colgamos dende a CIG.

Na queixa que se rexistrou hoxe mesmo no Concello puxemos en coñecemento do alcalde esta situación e instamos a que se tomen as medidas oportunas para que isto non volva a suceder posto que os feitos relatados están a dificultar o acceso da información sindical aos traballadores e atentan contra a liberdade sindical dos representantes do persoal neste Concello.

10/01/12

Entrega da proposta definitiva do convenio ao Concello

Logo da asemblea de traballadores convocada polo Comité de Empresa antes de finalizar o ano e de todas as achegas que moitos compañeiros e compañeiras nos fixeron nesa mesma xuntanza e ao se pór en contacto connosco por diversas vías, nos vindeiros días entregaráselle ao Concello a proposta definitiva de convenio con todas as modificacións e explicacións que moitos e moitas de vós considerabades necesarias e que así serán recollidas.

Independentemente de que a proposta definitiva sexa entregada cómpre lembrar que o proceso de negociación aínda está por comezar e que se aínda hai temas que considerades que quedaron no tinteiro aínda estades a tempo de nolos trasladar. Así mesmo, neste mesmo mes os delegados e delegadas da CIG comezaremos a traballar na proposta de Regulamento de axudas sociais que presentaremos para debate no seo do Comité de Empresa para que posteriormente este llo traslade ao Concello.

Unha vez máis queremos agradecer o apoio e as propostas achegadas á asemblea convocada o pasado mes, porque dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos considerabamos necesario contar coa opinión dos compañeiros e compañeiras para tomar unha decisión tan importante e informar dos pasos que se seguen neste tipo de procesos de negociación.