O Comité de Empresa foi convocado para hoxe, martes día 4 de outubro, a unha reunión que tivo como único punto da orde do día a proposta de concesión das axudas sociais 2010. Desta volta as axudas sociais rexéronse polas bases xa aprobadas hai anos (2001) polo Concello e en que se baseou a propia convocatoria das axudas.
Dende a CIG xa no noso propio programa recollimos que defendemos que as axudas deben ser verdadeiramente sociais, é dicir, repartidas consonte criterios económicos e das posibilidades dos traballadores. Esta defensa marcará a proposta dunhas novas bases e tamén está na nosa proposta de novo convenio que aínda se está a debater polo plenario do Comité de Empresa.
Na reunión de hoxe deixamos claro por parte da CIG que defendemos que as axudas sexan repartidas entre todo o persoal e que se acabe coa discriminación do persoal non permanente, ou que, cando menos, a proposta de concesión que saía desa reunión, composta, como corresponde, na súa maior parte polo persoal laboral, recolla que a representación do persoal entende que todos os traballadores e traballadoras teñen dereito a estas axudas.
Para alén disto, dende a CIG defendemos que se cumpran as bases actuais e indicamos que se deben dar os pasos para darlle unha maior publicidade a partir de agora ás axudas, para que se publiquen nos taboleiros dos distintos edificios do Concello as listaxes provisionais e definitivas destas e que haxa un prazo para achegar a documentación necesaria para finalizar os trámites. Así pois, valoramos moi positivamente os pasos dados polo Concello tanto na convocatoria como na propia dispoñibilidade para facer a deste ano en curso máis transparente e darlle máis publicidade, mais somos conscientes de que estes pasos déronse grazas ao noso traballo como CIG e dentro do propio Comité onde traballamos a diario para ir abrindo este difícil camiño que xa augurabamos cheo de silveiras.
Instamos, ademais, ao Concello, a que na vindeira convocatoria de axudas, cuxas solicitudes se presentarán, como en anos anteriores, do 1 ao 30 de novembro, a convocatoria da reunión para a resolución sexa menos dilatada no tempo e na medida das súas posibilidades cumpra o prazo previsto nas propias bases, que indican que deben ser resoltas no mes de decembro de cada ano e non case un ano despois, como aconteceu este ano e logo de ter que facer o Comité a solicitude das bases e a convocatoria por rexistro no Concello.
Acordouse, logo, que nas vindeiras semanas se publicarán nos taboleiros as listaxes provisionais das axudas sociais do ano 2010, o Concello notificaralle a falta de documentación ao persoal que non achegase o necesario para a xustificación e abrirase un prazo para achegar esta antes da publicación das listaxes definitivas. Ademais, e tendo en conta que xa estamos a piques de solicitar as axudas sociais de 2011, achegaremos dende o propio Comité o modelo de solicitude e mais as bases aínda vixentes ao maior número de compañeiros e compañeiras para que haxa a máxima difusión posible da información, tal e como defendemos dende o comezo desta andaina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario