26/10/11

Temas pendentes do novo convenio

A proposta de novo convenio que o Comité de Empresa lle entregará no proceso de negociación ao Concello inclúe varios anexos, tal e como a CIG propuxo dende un comezo. Entre eles, cómpre destacar a proposta dun novo anexo que recolla a roupa de traballo e outro que recolle os horarios específicos de todos aqueles postos de traballo que teñen un horario distinto á xornada marcada como xeral no convenio e que realiza unha grande parte do persoal neste Concello.


Estes anexos serán elaborados polos distintos membros do Comité de Empresa nos vindeiros días que se achegarán a todos os departamentos do Concello que utilicen unha determinada roupa de traballo ou traballen nun horario distinto ao recollido como xeral no convenio. Este traballo realizarase para proporlle ao Concello que todas estas especificidades queden recollidas no novo convenio e así non haxa problemas como os que hai na actualidade derivados do convenio vixente que recolle o vestiario que anualmente se lle entregará ao persoal de obras e mantemento ou limpeza, mais nada indica sobre o vestiario ao que ten dereito o persoal de axuda a domicilio, gardaría ou GRUMIR, entre outros.

Dende a CIG non entendemos como cando se aprobou o convenio vixente a día de hoxe houbo departamentos que precisan roupa de traballo e elementos de protección que non foron recollidos no artigo correspondente do convenio, por iso intentaremos enmendar estes erros e propomos un anexo onde todos os departamentos que utilicen roupa de traballo queden reflectidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario