20/11/15

Publicada a convocatoria de axudas sociais do ano 2015

O Concello de Betanzos vén de publicar a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015 logo de que o Comité solicitase nos pasados días que abrise os prazos para a solicitude.
Estas axudas comprenden  o período de 01/01/2015 ata o 31/12/2015 e son beneficiarias delas os traballadores laborais e funcionarios que presten ou prestase servizos nese período na Administración. As axudas percibiranse proporcionalmente ao tempo traballado e deben corresponderse co período en que o/a traballador/a prestou servizos na Administración Local.

O prazo de solicitude indica que está aberto ata o 31 de decembro mais OLLO! Lembrade que o día 31 é non laborable no Concello por convenio. As axudas amén indica que se pagarán o primeiro trimestre do ano 2015, mais entendemos que, obviamente é do ano 2016.

19/11/15

A secretaría da Muller da CIG lanza a campaña “Na túa empresa tamén hai violencia”, con motivo do 25 de Novembro

Convoca concentracións, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en cidades e vilas galegas

“Na túa empresa tamén hai violencia” é o lema da campaña deseñada pola Secretaría da Muller da CIG con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha campaña coa que se quere chamar a atención sobre as agresións e a violencia simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito laboral e que foi presentada no marco dun encontro nacional de mulleres da CIG.

Margarida Corral, Secretaria das Mulleres da CIG, fixo un percorrido pola situación de violencia que padecen as mulleres, desde a máis extrema: o feminicidio –termo que considerou imprescindíbel socializar-, até esas outras violencias que chamou a “nomear” e “identificar” para tomar consciencia dunha realidade cotiá á que ningunha muller é allea.

Respecto da súa manifestación máis extrema, sinalou que segundo a OMS “a violencia machista é a principal causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras” e que “case mil mulleres foron asasinadas no Estado español desde hai unha década, delas, case un cento galegas”.

Respecto desas outras manifestacións, denunciou as “formas sutís” que están na base da sociedade patriarcal: desde o humor sexista, até o control, a publicidade sexista, a anulación, a invisibilización do xénero feminino na linguaxe e os micromachismos. Unha violencia que, dixo, “podemos atopar nas nosas relacións familiares, sociais, no ámbito da parella, no traballo, na escola, nas organizacións e na comunidade no seu conxunto”.

Ante isto, Corral explicou que coa campaña deste 25 de Novembro a Secretaría das Mulleres pretende dar claves de identificación desas múltiples manifestacións de violencia e sexismo no ámbito laboral, na propia empresa, para comezar polo máis próximo.  Así sinalou que “son violencia machista” os achegamentos físicos excesivos por parte dun xefe ou un compañeiro de traballo” mais tamén que se poña en risco a saúde da muller ou do feto cando a empresa non adopta medidas preventivas no traballo; as diversas formas de humillación que sofren as traballadoras cando non se recoñece nin o seu traballo nin a súa valía; cando se paga menos polo mesmo traballo; cando non se promociona á muller polas cargas familiares ou cando se culpabiliza a unha traballadora  que solicita unha redución de xornada por coidado creando un clima de traballo hostil “facendo crer ao cadro de persoal que teñen que traballar nun horario incómodo pola súa culpa”.

Fixo ademais fincapé nos micromachismos que se poden manifestar na propia entrevista de traballo cando á muller se lle pregunta se ten familia o seu cargo ou se ten previsto tela; cando lle quitan valor ás ideas ou opinións das mulleres minusvalorándoas ou mesmo cando se cambia unha reunión cando cadra cun partido de fútbol, mais non cando coincide con actividades extraescolares das crianzas.

Corral subliñou o erro, no que as veces se cae, de considerar que a violencia contra as mulleres é un tipo de violencia máis e de que se trata de casos illados. Fronte a isto, alertou de que “se activan por causas inxustificadas e teñen por obxectivo deixar de manifesto quen ten a autoridade da relación”.

Para a secretaria das Mulleres “recoñecer estas actitudes non significa aceptar que vivimos nunha sociedade que perpetúa a desigualdade e a diferenza entre mulleres e homes, e que agocha a discriminación e a violencia contra as mulleres”. Ao contrario, demandou un maior investimento público nos programas de atención e protección das vítimas, penalizando aos agresores e evitando que poidan reincidir e unha intervención directa nas causas da violencia de xénero. “Para irmos á raíz, temos que ir ás orixes, valores e condutas xerados pola cultura dos xéneros e propiciar cambios e alternativas.

SITUACIÓN ALARMANTE

Corral fixo ademais un percorrido polo datos máis alarmantes, entre os que salientou que en 2014 foron asasinadas 9 mulleres –oficialmente só se recoñecen 6- e que no que vai de ano 2015 xa foron asasinadas 8; que actualmente en Galiza están vixentes 7.759 ordes de protección; que o centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu, desde xuño de 2014 até decembro, a 28 persoas: 14 mulleres e 14 crianzas ou que o teléfono da Muller atendeu o ano pasado un total de 4.870 chamadas.

Unha situación que para a secretaria das Mulleres “é máis que grave” e que porén non foi considera así polo goberno do PP, que aínda que incrementou este ano os recursos públicos nun 5,3% respecto do anterior, chegando aos 10.310,2 millóns de €, non chega para compensar os recortes introducidos desde 2009 cando o orzamento foi de 11.792,8€.

Corral denunciou ademais o impacto que os recortes, en xeral, tiveron na vida das mulleres. Recortes cos que a Xunta de Galiza provocou o desmantelamento das políticas e igualdade, incidindo directamente nos dereitos humanos das mulleres. Neste sentido sinalou que a ONU suspende ao goberno do PP en todas as áreas que, de xeito directo e indirecto consolidan a discriminación das mulleres: violencia de xénero, igualdade, saúde, emprego, dereitos sexuais e reprodutivos… e un longo etcétera”.

Tal é así que o Estado español ocupa o posto 29 dun estudo que abrangue a 142 países e que sitúa entre os dez primeiros, ademais de europeos como Islandia, Finlandia, Noruega ou Suecia, a outros como Ruanda ou Filipinas, que van 20 postos por diante.

Mobilizacións

Margarida Corral anunciou ademais que, ao igual que en anos anteriores, a CIG convocará concentracións de delegadas/os en cidades e vilas galegas, ademais de sumarse ás mobilizacións que se convoquen desde o movemento feminista. “Sairemos novamente ás rúas amosando que é responsabilidade de toda a sociedade mudar e reverter o noso modelo de relacións sociais”, dixo.

MOBILIZACIÓNS DA CIG CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA: 
 
A Coruña: ás 12 horas na Praza Luís Seoane, ás 12 horas
Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
Compostela: ás 12 horas diante da Confederación de Empresari@s, na rúa do Vilar, 54
Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo
Vilagarcía: ás 11 horas diante da FECA (Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa, na Rúa Castelao)
Ourense: ás 11 horas diante do local sindical
Lugo: ás 12 horas diante da CEL (Confederación de Empresarios/as de Lugo)
Vigo: ás 12 horas nos Xulgados o día 24 de novembro

Por qué vai traballar a xente estando enferma?

Na investigación levaron a cabo un metaanálise de 61 estudos anteriores cun total de 175.960 participantes e detectaron severidade en empresas respecto das ausencias, aínda que estivesen xustificadas. Outro dos achados da investigación é que este comportamento xorde moitas veces dun gran sentido de compromiso coa empresa, algo que motiva a dar ese esforzo extra que atenta contra a propia saúde e contra os intereses da propia empresa, porque pode espallar a doenza a outros traballadores/as.

O estudo, realizado por investigadores da Universidade de East Anglia (Reino Unido) e a Universidade de Concordia (Canadá) e publicado en Journal of Occupational Health Psychology, indica que hai dous tipos diferentes de empregados que van traballar a pesar de se atopar mal: os que se senten vulnerables porque a súa situación económica e profesional lles provoca tensión, e aqueles aos que lles gusta o seu traballo e lles resulta difícil manterse afastados del.

Na investigación levaron a cabo un metaanálise de 61 estudos anteriores cun total de 175.960 participantes e detectaron severidade en empresas respecto das ausencias, aínda que estivesen xustificadas. Outro dos achados da investigación é que este comportamento xorde moitas veces dun gran sentido de compromiso coa empresa, algo que motiva a dar ese esforzo extra que atenta contra a propia saúde e contra os intereses da propia empresa, porque pode espallar a doenza a outros traballadores/as.

Nun estudo anterior, dirixido por Katherine Ashby, para The Work Foundation, revelábase que ir traballar enfermo supón para a empresa unha perda 1,5 veces maior que o feito de que o empregado quede na casa recuperándose da súa doenza. O traballo tamén sinala que os empregados que están nun ambiente laboral de apoio e con boa relación cos seus supervisores, non se senten presionados para ir ao traballo durante unha enfermidade. Ademais, están máis satisfeitos laboralmente e teñen mellor saúde. O cal podería ter unha consecuencia paradóxica: canto menos presiona a empresa contra as ausencias por enfermidade, menos traballadores enferman.

Un estudo da Fundación Mapfre e AEPSAL dá como resultado que os/as traballadores/as sofren o dobre de accidentes de tráfico cando van traballar que cando voltan del

Os/as traballadores/as do Estado español sofren o dobre de accidentes de tráfico no seu traxecto de ida ao traballo (un 64%) que á volta (33%), segundo un estudo da Fundación Mapfre, no que se analizaron datos do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT). O 21% destes accidentes prodúcense en luns, baixando esta porcentaxe nos outros días da semana.

Para os autores do estudo a maioría dos sinistros prodúcense na ida ao traballo como consecuencia do cansanzo, así como da falta xeneralizada de horarios flexibles nas empresas do Estado, que obrigan aos traballadores/as a chegar ao seu posto a unha hora concreta.

Neste senso se sinala que dende que a Administración pública implantouse un sistema de flexibilidade horaria, os/as seus traballadores/as pasaron de liderar o número de accidentes ata 2008, a igualar ao sector privado no ano 2012.

O informe, que recolle datos entre 2003 e 2012, apunta que os accidentes de tráfico máis habituais son 'in itinere'. Por outra banda os datos indican que dos accidentes que se producen en horario de traballo, o 62% dos mesmos ocorren nas primeiras horas da xornada, reducíndose esta porcentaxe a un 5% en relación a oitava hora da xornada laboral.

En relación ao xénero o estudo indica que son os homes quenes lideran o ránking de accidentes en horario de traballo; posiblemente debido a que "no sector do transporte e da distribución é máis común a presenza do home".

Por outra banda, a idade é un factor importante a destacar, xa que o sector dos maiores de 55 anos son os que lideran os accidentes máis graves en todos os anos, dándose a circunstancia de que a maior idade menos accidentes, pero máis graves.

Os sectores que máis número de accidentes acumulan son a construción, servizos, industria e primario, sendo este último e a construción os que concentran os sinistros máis graves.

O informe recomenda que as empresas promovan a formación dos grupos de maior risco como motoristas, condutores de furgonetas e todoterreos, así como implantar plans de mobilidade nas empresas, que faciliten que os/as empregados/as coñezan os principais aspectos da seguridade viaria no ámbito laboral, utilicen rutas máis seguras nos seus desprazamentos e adopten as medidas necesarias.

18/11/15

Convenio: á espera da Comisión Negociadora

Tal e como vos informabamos o convenio debe ser acordado de novo pola Comisión Negociadora e logo someterse a votación no Pleno.

Logo de que a Consellería fixese unha serie de achegas, nomeadamente de adecuación á lexislación vixente, tendo en conta as normas aprobadas con posterioridade ao acordo no pasado mes de marzo e que o Concello lle achegase o texto ao Comité de Empresa de novo coas modificacións lexislativas indicadas o paso seguinte é que o goberno municipal convoque a Comisión Negociadora do convenio colectivo canto antes de cara a darlle trámite e poder continuar cos pasos necesarios para a aprobación do texto canto antes.

O Comité xa lle trasladou ao concelleiro de Persoal a súa disposición para reunirse e poder solucionar este tema coa maior brevidade posible, agora, coma sempre, estamos pendentes da vontade do goberno municipal para poder seguir tramitando este texto tan necesario cando se cumpren dez anos da vixencia do actual.

A Inspección de Familia corrobora o incumprimento da ratio legal da Escola Infantil Municipal denunciada polo Comité de Empresa

O Servizo de Inspección de Familia e Menores da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia vén de responderlle ao Comité de Empresa con respecto á denuncia da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente e indícalle o seguinte:

Con data 29/10/2015 recibiuse por correo electrónico no Servizo de Inspección de Familia e Menores escrito de reclamación relativo ao centro de servizos sociais “Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente” do Concello de Betanzos, remitido por vostede en calidade de Presidenta do Comité de Empresa do dito concello, no que expón a falla de cobertura das baixas do persoal, tanto de longa coma de curta duración, o que estaría redundando nunha excesiva carga de traballo para as traballadoras do centro, e a imposibilidade de cumprimento da rateo mínima de persoal.


Polo exposto, tras xirar visita de inspección ao centro en data 04/11/15 e unha vez realizadas as actuacións de comprobación e investigación oportunas, infórmaselle de que se ten constatado que en distintas franxas horarias ao longo da xornada da escola estase a incumprir a ratio mínima de persoal, tal e como consta en acta núm. 3369/2015, na que se fixo un requirimento ao concello para que leve a cabo as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias observadas.

Finalmente, compre indicarlle que por parte deste Servizo de Inspección faise un seguimento continuo aos centros prestadores de servizos sociais a través das oportunas inspeccións, ao obxecto de controlar o cumprimento dos requisitos legalmente esixibles e a calidade asistencial procurando a mellora continua na prestación dos servizos.

Unha vez recibida a resposta, a presidenta do Comité trasladoulla ás propias compañeiras do centro para que tivesen constancia de que a Inspección corrobora que hai un incumprimento da ratio legal e que a responsabilidade é do propio Concello, a quen a Inspección lle requiriu que leve a cabo as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias observadas.
Logo desta resposta o Comité instará ao Concello para que dea cumprimento de inmediato ao requerimento da Inspección e solucione canto antes a problemática da Escola, ademais de que nun futuro faga previsión de cobertura das baixas en casos en que esta é posible, coma nos de baixa por maternidade, non solucionado a esta altura porque ao Concello lle veu en gana aforrar os cartos do persoal e descargar o traballo e a responsabilidade nas traballadoras restantes.

17/11/15

A CIG solicitoulle ao Concello que adecúe á lexislación vixente as bases para a contratación dun/dunha técnico/a de orientación laboral


O Comité de Empresa solicita aclaracións con respecto ao pagamento de gratificacións e horas extraordinarias dos últimos meses

2015, ano completiño, MÁIS CONTRATACIÓNS PRESUNTAMENTE IRREGULARES

Este 2015 está sendo un ano completiño, porque a pesar de que antes das eleccións parecía que se ían solucionar moitos temas a estas alturas non só segue sen estar constituída a Mesa Xeral de Negociación e o Comité de Seguridade e Saúde, senón que xa vivimos dous graves conflitos polo despedimento de dúas compañeiras e a privatización da limpeza e mais a non contratación de persoal na Escola Infantil Municipal que provoca que as compañeiras teñan que someterse a xornadas imposibles e estean desbordadas por unha situación da que é culpable o propio Concello.

Pois a todo isto sumámoslle que o Concello, depende de en que casos, continúa a contratar persoal presuntamente de xeito fraudulento ao non realizar procesos selectivos coas consecuencias que isto ten para o persoal. Resulta lamentable que dependendo do nome do posto de traballo haxa proceso selectivo ou non, resulta fraudulento e discriminatorio que o Concello utilice diferentes estratexias de contratación dependendo dos seus intereses e resulta lamentable que un goberno socialista no ano 2015 siga a cometer este tipo de irregularidades.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, vén de lle presentar, máis un ano, ao Concello de Betanzos un escrito onde solicita a información que lle falta con respecto a tres contratacións que entendemos que adoecen de diversas irregularidades, é hora de que Administración tome parte e demostre que non é así, se é que pode, do contrario non só incorre en discriminacións, senón que vulnera o principio de negociación e dificulta que a Administración avance na solución dos problemas históricos do persoal laboral. O Comité, pois, solicitoulle que informe de todo o relativo aos contratos sinalados e busque solucións á situación de cara a solucionar as presuntas irregularidades.

CALENDARIO 2016

Nos pasados días repartimos o calendario para o ano 2016 polos departamentos municipais, no caso de que alguén ficase sen el ou precise algún máis poñédevos en contacto connosco.

06/11/15

Lembranza ao Concello de que é hora de publicar a convocatoria de axudas sociais 2015

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, vén de rexistrar onte mesmo varias solicitudes con respecto a diversas cuestións pendentes, entre elas a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015.
No escrito lémbraselle ao Concello que levamos máis de tres anos agardando a que se negocien unhas novas bases logo de que as actuais leven 14 anos vixentes e sen ningún tipo de modificación con respecto ás contías. Ao pouco de chegar a ser concelleiro de Persoal, Diego Fernández, asegurou que por parte do Concello non habería ningún problemas en negociar unhas novas bases con criterios verdadeiramente sociais mais na actualidade, e a pesar dos intentos por parte da CIG a través do Comité de que este tema saíse para adiante o Concello segue instalado no pasotismo máis absoluto do tema. Non obstante, e mentres non hai novas bases hai que lembrarlle ao Concello que cómpre publicar a convocatoria deste ano e informar a todo o persoal, por iso, o Comité solicitoulle o seguinte ao Concello:
  1. Que publique a convocatoria de axudas sociais do ano 2015 en todos os taboleiros dos edificios municipais e informe a todo o persoal dos prazos e condicións da solicitude.

  2. Que amplíe o prazo estipulado nas bases vixentes, posto que indica que se presentarán nos once primeiros meses do ano e no mes de novembro finalizaría o prazo oportuno, e debido a isto entendemos que o prazo debería ampliar o das bases aprobadas en pleno a través dunha resolución da Alcaldía para que o prazo sexa ata o último día hábil de decembro e facilitar as solicitudes por parte de todo o persoal.

  3. Que independentemente da convocatoria de axudas de 2015 se retome dunha vez por todas a negociación dunhas novas bases de cara a poder aplicalas coa maior brevidade posible, posto que deben ser negociadas e posteriormente aprobadas polo pleno, ao igual que as vixentes.

  4. Que o Concello actúe coa máxima celeridade nesta cuestión polos prazos sinalados e porque segundo as bases aprobadas o prazo finalizaría a finais de mes e nin o persoal nin os representantes dos traballadores temos a día de hoxe ningunha información sobre a convocatoria.
O Comité de Empresa deixou por rexistro constancia da súa solicitude e agardamos que o goberno dea os pasos oportunos para solucionar esta cuestión canto antes, informe a todo o persoal sobre a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015 en tempo e forma e retome definitivamente as negociacións co Comité de Empresa para a aprobación dunhas bases con criterios verdadeiramente sociais.
Para alén desta solicitude rexistráronse outras dúas con respecto ao atraso na entrega da información das horas extraordinarias e mais no envío de nóminas ao persoal, cuestións xa solucionadas ao día seguinte de entregalas.

Calendario laboral ano 2016



Bases da convocatoria para a contratación temporal dun posto de técnico/a de orientación laboral


04/11/15

A precariedade laboral triplica os problemas de saúde mental

A precariedade laboral, -entendida como un conxunto de factores nos que se inclúe a temporalidade no emprego, a imposibilidade de decidir sobre as condicións de traballo, a vulnerabilidade ante os abusos, os baixos salarios e a insuficiencia de dereitos-, inflúe negativamente na saúde xeral e na saúde mental dos traballadores. 

Segundo os datos sobre Catalunya que onte debullou Joan Benach, director do Grupo de Investigacións en Desigualdades da Saúde da Universitat Pompeu Fabra, os problemas de saúde mental son tres veces maiores nas persoas que traballan en situacións precarias.


Os resultados deste estudo da UE, que coordina Carme Borrell da Agència de Salut Pública de Barcelona sobre a relación entre as políticas sociais e a saúde indican que a precariedade en España é do 48% e do 42% en Catalunya; A prevalencia da precariedade laboral é maior en mulleres (51,4%) que nos homes (34,1%). Esta afecta sobre todo aos mozos, ás mulleres e aos inmigrantes -no colectivo das mulleres novas inmigrantes a precariedade alcanza o 90%-. Os investigadores tamén detectan que esta situación está a alcanzar a colectivos que sobre o papel poden parecer non vulnerables, é o caso do que se cualifica como “empregos instrumentais”, traballos a tempo completo relativamente estables e con ingresos “sustentables” pero con escasos beneficios, poucas oportunidades de formación, participación e implicación. Situacións laborais nas que se atopan sobre todo mulleres, oficinistas, traballadores de servizos ou do sector industrial. E ainda que en menor medida, tamén se percibe nos “empregos de carteira”, con elevada cualificación, intensidade e flexibilidade horaria. Segundo Benach “A precariedade laboral aínda que con diferenzas sociais está a estenderse a capas máis amplas, está a atrapar unha parte importante da forza laboral”.

Ao analizar a seguridade (a percepción de que se pode perder o emprego) de maior a menor, España ocupa o lugar 24 dos 34 países analizados, onde os “máis seguros” son os nórdicos e os menos os do Leste. Respecto á calidade do emprego, aparece na posición 19 de 34, onde de novo nos polos opostos están os nórdicos e os da Europa do Leste.