23/11/18

Mesa Xeral de Negociación (12/11/18): Oferta Pública de Emprego 2018, axudas sociais e máis

Resumo da Mesa Xeral de Negociación do 12 de novembro de 2018

Lectura e aprobación, se procede, das actas anteriores das datas: 26/11/2015, 19/04/2016, 11/07/2016, 16/06/2017, 06/03/2018.

Aprobáronse as actas das sesións anteriores. A CIG solicitou que non se volva dar esta situación e que a partir de agora consten nas actas expresamente os acordos e as votacións, así mesmo que se cumpran os acordos acadados, posto que nalgunha acta constaban acordos que non se levaran a efecto ata o momento.

Restitución das retribucións totais dende o primeiro día no suposto de incapacidade temporal.

Acordouse por unanimidade a restitución das retribucións totais dende o primeiro día nos supostos de incapacidade temporal. Así mesmo, o goberno municipal indicou que se solicitarían os informes oportunos para continuar coa tramitación correspondente e, se fose preciso, levaríase o acordo ao Pleno do mes de novembro coa intención de que entrase en vigor canto antes.

Finalmente, parece ser que esta cuestión está pendente de informes e está previsto que vaia ao pleno no mes de decembro.

Regulamento de axudas sociais

O goberno municipal presentou unha proposta de regulamento de axudas sociais e negociou algunhas das propostas presentadas polos sindicatos. Finalmente aprobouse por maioría a proposta do goberno municipal co apoio de CSIF, UGT e CCOO e a abstención da CIG.

Na proposta final a CIG abstívose e así o manifestou na Mesa entendendo que este regulamento mellora o existente de hai 17 anos, mais aínda así ten como base unha incoherencia no reparto das axudas sociais, toda vez que se teñen en conta tramos de salario do persoal municipal e non a renda familiar para axudas para a unidade familiar, e que resulta inxusto que unha unidade familiar composta, por exemplo, por cinco membros e cun único ingreso, teña a mesma axuda que unha unidade familiar composta por dous membros, ambos os dous con ingresos.

CSIF e CCOO defenderon que non se tivese en conta a renda familiar para o pagamento das axudas sociais para a totalidade da unidade familiar baixo a escusa de que suporía moito traballo para o Departamento de Persoal.

A maiores, o Concello propuxo uns tramos de salarios, que modificou a proposta do CSIF e cuxas diferenzas nas contías das axudas non son proporcionais ás diferenzas entre os salarios dos catro grupos propostos. A maiores, un aumento das contías para a maior parte dos traballadores que non estea acompañado dun aumenta na partida orzamentaria, podería supor a insuficiencia da partida, situación que ata o momento sempre se veu resolvendo cunha inxusta dedución lineal para todo o persoal e que tampouco se prevé dun xeito máis xusto neste regulamento que deixa esa cuestión sen resolver.

Por outro lado, outro dos motivos da abstención da CIG foi a negativa do goberno municipal de aplicar o acordo recollido no Convenio colectivo do persoal laboral que indica que a contía de 25 000 euros aumentará segundo os incrementos retributivos previstos na Lei de orzamentos do Estado de cada ano, e que supón que na actualidade esta partida xa debería estar incrementada nun 3,75% posto que o acordo é do ano 2016, e esa foi a suba prevista desde ese ano. O Concello aceptou a proposta de incluír o texto relativo ao aumento, mais sen incrementar a partida neste documento, tal e como negociou no seu momento.

Tamén se realizaron algunhas outras correccións de redacción e está previsto que o regulamento entre en vigor o 1 de xaneiro de 2019, polo que lle afectaría ás axudas sociais do ano 2019. Ademais, contempla que só terán dereito ás axudas sociais o persoal que estea contratado un mínimo de seis meses ao ano e, de entrar en vigor antes, podería haber reclamación do persoal que ten contratos asinados para este ano 2018 con menos meses do reflectido no regulamento.

A CIG leva sete anos con representación sindical no Concello de Betanzos e desde o primeiro momento loitou por un novo regulamento de axudas sociais, acordo que tamén reflectiu no Convenio colectivo, e retomou case en cada reunión mensual co concelleiro de Persoal manifestándolle a necesidade dun regulamento con verdadeiros criterios sociais. A pesar disto, non podía avalar unha proposta cun criterio que segue sendo inxusto, cunha repartición das contías non proporcional ás diferenzas salariais dos diferentes tramos e cun claro incumprimento do convenio colectivo canto á contía da partida orzamentaria destinada ao fondo de acción social.

Criterios obxectivos para establecer o reparto do complemento de produtividade.

A CIG foi o único sindicato que lle preguntou ao Concello pola produtividade outorgada a través dun decreto, e, así mesmo o único que se manifestou a súa oposición ao proceder do goberno municipal, que primeiro outorgou unha produtividade como lle veu en gana e logo convoca a Mesa Xeral para acordar uns criterios para pagar a produtividade.

O pasado mes de outubro a CIG solicitou por rexistro que o Concello lle facilitase unha copia do decreto de asignación dunha produtividade a persoal funcionario e ata o momento non tivo resposta nin llo facilitaron. Hoxe, ao solicitar o CSIF este decreto, o goberno municipal dixo que llo facilitaría a este e mais aos restantes sindicatos. A día de hoxe á CIG aínda non lle entregou a copia do documento.

Así mesmo, a CIG solicitou que se anulase o decreto de pagamento de produtividade sen acordar os criterios e o goberno municipal negouse a anulalo e manifestou que este persoal seguiría cobrando ata os seis meses que indica o decreto, a devandita produtividade. Os outros sindicatos, CSIF, CCOO e UGT, a pesar desta afirmación do concelleiro de Persoal, tampouco manifestaron o seu desacordo co pagamento indiscriminado de produtividade que fixo o goberno municipal.

Finalmente acordouse que durante o prazo dun mes de poderán achegar propostas para este regulamento, que será posteriormente negociado na Mesa Xeral de Negociación.

Oferta de emprego público 2018

Aprobouse a Oferta de Emprego Público para o ano 2018 cos votos a favor de UGT, CSIF E CCOO. A CIG abstívose en coherencia co rexeitamento dos pactos que a nivel estatal chegaron eses sindicatos con respecto á taxa de reposición e non recuperación do emprego público perdido durante todos estes anos, entendendo que estas ofertas de mínimos lastran o emprego público e as administracións, así como ao persoal que traballa nelas.

Esta OPE 2018 comprenderá unicamente dúas prazas de persoal funcionario, unha de arquitecto/a técnico/a libre e outra de administrativo/a do Departamento de Tesouraría de promoción interna.

A oferta está pendente de ir ao pleno e a súa posterior publicación, unha vez que pasou pola Mesa Xeral de Negociación.

Novo regulamento de axudas sociais a partir de 2019

Achegamos o documento de regulamento de axudas sociais que, en principio, estará vixente, a partir de 2019. O documento, tal e como xa explicamos, é unha proposta do goberno municipal que se aprobou na última mesa Xeral de Negociación.

Campaña polos dereitos de xubilación para persoal laboral e funcionario

A CIG leva aos comités de empresa do persoal laboral e ás xuntas de persoal funcionario a campaña sobre a devolución dos dereitos de xubilación, en forma de escritos dirixidos á mesa da Seguridade Social, para o mantemento dos dereitos de xubilación parcial actuais para o persoal laboral e a ampliación deste dereito para o persoal funcionario.

A consecuencia da reforma das pensións do 2011 pactada polo goberno do PSOE con CCOO, UGT e a patronal. atrasouse a idade da xubilación aos 67 anos (agás para quen teña 38 anos e medio cotizados) e ampliouse o período de cálculo da pensión, pasando dos 15 aos 25 últimos anos. Tamén se ampliou o período mínimo de cotización para poder acadar o 100% da pensión (hai que cotizar 38 anos e medio para xubilar os 65, ou 37 anos para quen se xubile con 67 anos). Endureceuse igualmente a xubilación anticipada: hai que ter 63 anos de idade e 33 anos cotizados e o recorte anual na pensión é dun 8% permanente para quen teña menos de 36 anos e medio cotizados. A reforma foi agravada no 2013 pola reforma do goberno Rajoy, que adiantou os prazos de execución.

Por isto, na CIG convocamos a FOLGA XERAL CONTRA A REFORMA DAS PENSIÓNS no 2011 na Galiza, en solitario, mentres CCOO e UGT pactaban !!

Agora seguimos na loita para forzar ao Goberno a derrogar a reforma das pensións que impide, a partir do 31 de decembro deste ano, aos traballadores e traballadoras acollerse a xubilación parcial aos 61 anos, xa que remata o período transitorio para a súa aplicación.
Ademais é fundamental posibilitar a continuidade do acordo de xubilación parcial como o actual (25-75%) para o persoal empregado público, sexa cal sexa a súa vinculación laboral. Polo que esiximos que se amplíe a posibilidade da xubilación parcial ao persoal funcionario e estatutario como dereito subxectivo do traballo.

Destacamos mais propostas da CIG en relación a xubilación e reforma das pensións:
  • Supresión do Factor de sustentabilidade. A súa aplicación está aprazada ata 2023, mais é necesaria a súa desaparición.
  • Fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC.
  • Xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  • Cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
  • Suprimir as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais.
  • Eliminar os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
  • O traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
Na CIG solicitamos o mantemento do Acordo de Xubilación Parcial para o persoal laboral nos termos actuais e reclamamos o dereito a xubilación parcial para o persoal funcionario.

Coa CIG somos mais fortes, defendemos a recuperación dos dereitos de xubilación !

A CIG trasládalle á Xunta a proposta de ampliación do permiso de paternidade até as 22 semanas Equipararía co permiso de maternidade e impulsaría a corresponsabilidade nos coidados

A ampliación do permiso de paternidade até equiparalo no 2021 co permiso de maternidade é xa unha realidade que comezará a aplicarse en xaneiro do 2019 no ámbito da Administración Xeral do Estado tras un acordo entre o Ministerio de Política Territorial e Función Pública e as organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral, incluída a CIG.

No marco das negociacións para a modificación da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza, a CIG trasladou toda unha batería de medidas para mellorar as condicións de conciliación familiar de todo o persoal da Xunta, desde o docente ao sanitario pasando polo da administración xeral. Entres estas propostas estaba o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até conseguir que cada un deles acade, con carácter intransferíbel, os 12 meses de duración.

Somos conscientes de que esta é unha medida que require de prazos para a súa consecución e xa nos últimos anos instamos á administración galega a dar pasos nesa dirección. Para o ano 2019 a Xunta xa avanzou a súa intención de incrementar o permiso de maternidade até as 22 semanas, mais deixou inicialmente sen tocar o incremento do permiso para a outra persoa proxenitora, á espera de como rematasen as negociacións abertas en Madrid.

Acordo en Madrid: 16 semanas de permiso de paternidade no 2021

No ámbito do Estado asinouse un acordo o pasado 29 de outubro centrado no permiso de paternidade. Este acordo implica o incremento paulatino até acadar as 16 semanas no 2021, o que supón a mesma duración do permiso de maternidade, que nese ámbito non tivo melloras como aconteceu en Galiza nestes últimos anos, onde foi aumentando de 2 en 2 semanas até chegar ás 22 a partir de xaneiro de 2019.

Ese acordo foi subscrito por catro das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da AXE (Administración Xeral do Estado), entre as que se encontra a CIG, e estas son as novidades (actualmente o permiso de paternidade é de 5 semanas)

O criterio dun permiso intransferíbel vén sendo defendido desde hai anos pola CIG, como mellor camiño cara o fomento da corresponsabilidade no coidado das nosas crianzas entre ambas persoas proxenitoras. O feito de que a maior parte do permiso non vaia ser simultaneo incide precisamente nesta vía de romper con roles perpetuados polo patriarcado que son claramente discriminatorios coas mulleres.  Desde a CIG tamén instaremos a que desde a Xunta se fagan os cambios oportunos na normativa actual para asegurar que o permiso de maternidade sexa igualmente intransferíbel.

A CIG demanda un paso adiante da Xunta de Galiza, até acadar as 22 semanas no 2021 e pactar un plan plurianual de incrementos até acadar os 12 meses para cada permiso.

Tendo en conta o obxectivo final fixado pola CIG (12 meses intransferíbeis para cada permiso) e os propios pasos dados pola Xunta nestes últimos anos no aumento da duración do permiso de maternidade, a CIG trasladoulle a Función Pública que o incremento do permiso de paternidade para o persoal da Xunta se acompase co propio permiso de parto, elevando a un mínimo de 22 semanas o permiso de paternidade no 2021, e sempre adaptándose ás posíbeis ampliacións do permiso de maternidade.


A CIG trasladoulle a Función Pública a necesidade de acadar un pacto plurianual para aumentar ambos permisos e emprazou á Xunta a incorporar os cambios na Lei 2/2015 para conseguir a súa efectividade desde o 1 de xaneiro de 2019. Debido ao avanzado dos prazos de negociación da Lei, sen que a administración galega atendera as demandas iniciais da CIG e tendo xa superado o trámite parlamentar , desde o sindicato instamos ao goberno galego a que, de non se poder incorporar na reforma da Lei, se arbitren as medidas legais necesarias para que todo o persoal da Xunta poida ver aumentado o permiso de paternidade no sentido das nosas demandas xa a partir de xaneiro de 2019.

As delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG acordan convocar folga xeral o vindeiro 8M


Concentráronse ao remate diante dos Xulgados de Compostela para denunciar as agresións do patriarcado

Preto de 300 delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG, acordaron esta mañá convocar folga xeral de mulleres o vindeiro 8 de marzo e trasladar esta proposta ao movemento feminista galego. Un paro de 24 horas “para dar resposta aos ataques do patriarcado, porque non imos permitir que foran de farol o pasado 8 de marzo e que todas as promesas que fixeron nos días posteriores quedaran finalmente en nada”.

Así o explicaba a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, na posterior concentración diante dos xulgados de Compostela, onde fixo un chamamento a todas as compañeiras organizadas en colectivos e organizacións feministas no país a “loitarmos xuntas nun novo 8 de marzo e a combater na rúa as agresións do patriarcado, as agresións de todo o aparato, tamén o xudicial, que para nada teñen asimilada a perspectiva de xénero e que, para nada, combaten a desigualdade como terían que facelo”.

As delegadas da CIG acordaron ademais dar traslado nos seus centros de traballo das moitas razóns polas que se convoca esta folga xeral. Razóns que foron esgrimindo ao longo do debate e que deixaron constancia das discriminacións e violencias ás que teñen que facer fronte as mulleres dentro e fóra do ámbito laboral polo feito de ser mulleres.

Por iso exixiron que non haxa “#NinUnhaMáis acosada no traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”, porque, seguindo o lema da campaña da Secretaría das Mulleres da CIG arredor deste 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, “Imos Fartas do acoso e da violencia machista”.

Concentración nos Xulgados

As asistentes a este IV Encontro saíron, o seu remate, en manifestación cara aos Xulgados onde se concentraron para denunciar que, como afirmou Corral, “as mulleres traballadoras non só temos que sufrir a violencia nas nosas vidas, de man de parellas ou exparellas, senón que tamén sufrimos a violencia de xefes acosadores, de compañeiros acosadores que nos agriden sexualmente, que nos agriden fisicamente e que nos agriden coas súas decisións impedindo que poidamos exercer os nosos dereitos”.

Unha violencia que, lembrou, se produce tamén desde os gobernos, as administración públicas e do propio sistema xudicial que, como denunciaron no decurso do Encontro, é capaz de emitir sentenzas como a da Manada. “Por iso estamos aquí ás portas dos Xulgados, para denunciar unha vez máis esa situación. Porque as mulleres da CIG non imos permitir que nin unha soa muller máis sexa discriminada, agredida e imos facer todo o posíbel para combatelo desde os nosos postos de traballo, dos nosos espazos na sociedade”.

Agresións que non paran de medrar

A secretaria das Mulleres da CIG alertou do constante incremento das agresións machistas. Así denunciou que 6.001 mulleres foron vítimas de agresións machistas o ano pasado, un 17,5% máis que no ano anterior; que máis dun medio centenar foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas nos últimos 15 anos e que houbo 3 feminicidios en Galiza desde o principio deste ano: Magdalena Moreira Alonso; María Judite Martíns e Ana Belén Varela Ordóñez.

Corral sinalou ademais que, segundo os datos da Fiscalía galega indican tamén un aumento no número de denuncias que chegaron aos xulgados galegos, xa que no 2017 se presentaron 6.463, fronte ás 5.683 do ano anterior, o que supuxo un 13,7 % máis.

Esta terrible situación é a que levou, segundo Corral, ás mobilizacións multitudinarias do ano pasado. “Demostramos as galegas que enchemos as rúas deste país que necesitabamos un cambio, que necesitabamos non só medidas de aparencia, senón cambios reais a prol dos noso dereitos”. E estas cifras “e tantas outras que podiamos comentar do que sufrimos a cotío, son a realidade que demostra que ían de farol o 8 de marzo”.

Por iso chamou a todas as mulleres a reaxir, a mobilizarse este 25 de novembro nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas da Galiza e a secundar masivamente a folga xeral do vindeiro 8M. “Nós facémolo como sabemos na CIG, combatendo nas rúas e debatendo sobre esta problemática, dando propostas e respostas desde o feminismo de clase a esta situación”.

Mobilizacións do 25N:

Vigo: 12:00 h, cruce de Vía Norte con Urzáiz (Feminismos Vigo)
Pontevedra: 12:00h na Peregrina
Lugo: 12:00h, diante do concello (Plataforma Feminista Lugo)
Ourense: 12:00 h. Acción de rúa (Praza Maior)
               19:00 h. Obradoiro de pasamontañas (Subdelegación Goberno)
               20:30 h. Manifestación (saída Subdelegación Goberno)
A Coruña: 20:00 h, desde o Obelisco (Feminismos A Coruña)
Ferrolterra: 19:00 h Manifestación + batukada e performance desde praza da Gándara. Narón.
Compostela: 12:00 h, desde a Praza 8 de Marzo (Feminismos Compostela)
   

Enfermidades profesionais en Galiza: TERCEIRO trimestre 2018

Datos de Enfermidades Profesionais referidos a Galiza, desagregados por provincias e sector de actividade.

Un tercio dos produtos químicos incumpre a normativa europea

Segundo unha investigación do Instituto Federal Alemán para a Avaliación de Riscos (BfR) e a Axencia Alemá de Medio Ambiente (UBA), un de cada tres produtos químicos de maior implantación fabricados ou importados en Europa dende o ano 2010 incumpre a normativa europea, deseñada para protexer a saúde pública e o medio ambiente da exposición prexudicial destas substancias.

Os fabricantes destas substancias químicas están a infrinxir concretamente o regulamento europeo  REACH (Rexistro, Avaliación, Autorización e Restrición de Produtos Químicos), ao non informar á Axencia Europea de Substancias Químicas (ECHA) se as substancias empregadas son  canceríxenas, neurotóxicas, mutaxénicas ou provocan outros efectos (problemas no desenvolvemento dos nenos, infertilidade, danos ao medio ambiente).

Nesta investigación avaliouse unha mostra moi representativa: 1.814 produtos químicos de orixe industrial (do total de 2408 substancias que compoñen o inventario europeo dos produtos fabricados en cantidades superiores a 1.000 toneladas anuais). A conclusión é que só o 31% deles cumprían os requisitos legais. (Exclúense biocidas, praguicidas, medicamentos e explosivos)

“Estamos ante unha gran fraude, comparable ao do diésel. Hai que ter en conta que a exposición a moitos produtos químicos industriais daniños é unha das principais causas da caída da fertilidade humana e o aumento das taxas de cancros, entre outras enfermidades”, indica a portavoz da organización Oficina Europea de Medio Ambiente (EEB), que deu a coñecer estes resultados.

Ao sortear esta esixencia de información, millóns de toneladas de substancias tóxicas industriais pasaron a ser utilizadas en pinturas, material téxtil, xoguetes, envases ou material para a construción.

A Comisión Europea ha pedido ás autoridades gobernamentais e a ECHA que aumenten o seu rigor. Un documento de traballo redactado en marzo de 2018 (para avaliar o funcionamento do regulamento  REACH ) concluíu que o incumprimento por parte das empresas das súas obrigacións (non dar a información) obstaculiza a identificación de substancias preocupantes e a consecuente capacidade das autoridades para protexer ao público e ao medio ambiente.

Fonte: La Vanguardia



08/11/18

CIG-INFORMA Retribucións actualizadas do persoal laboral (outubro 2018)

A xustiza dálle a razón á CIG e declara ilegais as comisións de servizo no Concello da Coruña que superan os dous anos

A sección sindical reclama ao Goberno que inicie o procedemento para cubrir os postos mediante concurso axustado a dereito

O xulgado do contencioso administrativo vén de anular o nomeamento do persoal do Concello da Coruña que permanece en comisión de servizo tras superar os dous anos -o prazo máximo legal-, dando á razón na súa totalidade á demanda presentada pola CIG contra administración local polo uso irregular deste sistema de provisión de postos. A sentenza ordena o cese inmediato destes funcionarios e funcionarias, arredor dunhas 150 persoas, que deberán volver á praza que ocupaban previamente.

A resolución ten unha grande incidencia entre o persoal municipal, polo que dende a sección sindical demándase do Goberno que adopte con urxencia todas as medidas para garantir o normal funcionamento da administración e que se cubran os postos "seguindo o procedemento regulado que é o concurso, axustado a dereito".

Un procedemento extraordinario, convertido en habitual

"Levábamos anos denunciando esta situación, ningún goberno nos fixo caso e agora a xustiza dános a razón, coas consecuencias que isto ten para a administración e para o propio persoal", apuntan dende a sección sindical tras coñecer a resolución. "De maneira contundente, asevera o secretario da sección sindical, José María Calatayud, o xulgado dálle a razón á CIG, pois declara ilegais as comisións de servizo que superan os dous anos".

A este respecto, Calatayud subliña que o Servizo de Persoal do Concello da Coruña leva tempo utilizando as comisións de servizo (que é un procedemento de provisión de postos extraordinario) como algo habitual, no lugar do procedemento regulado que é o de concurso. "Se ben o Goberno da Marea non é o responsábel do inicio da totalidade dos postos denunciados, apunta, si é responsábel das sucesivas renovacións".

Calatayud lembra que hai tempo que a sección sindical da CIG vén denunciando esta situación, pero "lonxe de acometer un concurso e regularizar á adscrición dos empregados e empregadas municipais aos diferentes postos de traballo, o Goberno actual continuou promovendo máis comisións de servizo, algunhas mesmo disfrazadas de concursos nos que se engadían restricións ou preferencias, mais só para os postos máis baixos".

Regularizar a adscrición do persoal funcionario

Aínda que a sentenza pode ser recorrida, dende a sección sindical da CIG sinalan que non existen argumentos para a súa apelación, polo que "se o Concello tenta atrasar o contundente fallo do xuíz metendo un recurso, estaríamos ante un acto temerario, tanto polas costas procesuais que carrexaría, como por seguir mantendo no tempo uns nomeamentos arbitrarios para determinados postos".

Neste senso, e dada a elevada afectación da sentenza, a representación da CIG apela á responsabilidade do Goberno municipal para que de inmediato proceda a regularizar á adscrición do persoal funcionario, cumprindo coa legalidade e garantindo a carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas das administracións.
200 comisións de servizo

No momento de formalizarse a demanda, a CIG tiña computadas unhas 200 comisións de servizo que representan aproximadamente o 14% do cadro de persoal municipal, composto por unhas 1.500 traballadoras e traballadores. Desas comisións de servizos, arredor de 150 (o 75%) están nunha situación de irregularidade, ao superaren os dous anos máximos que permite a lei para este tipo de provisión de postos.

Non é necesario que se produza ningún accidente ou dano persoal ou material para que se inicie un procedemento penal pola creación do risco para os traballadores

RECORDATORIO SENTENZA

Aínda que desgrazadamente non é moi frecuente, segundo unha sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, é posible que se abra un procedemento penal pola posta en perigo da vida ou integridade dos traballadores aínda no caso de que non ocorrese ningún accidente.

A sentenza derívase dun deses casos, cuxo orixe é a paralización dos traballos dunha obra por parte da Inspección de Traballo por ausencia de proteccións colectivas.

Aínda que a sentenza non ofrece moitos detalles sobre as circunstancias específicas da obra, das declaracións dun dos implicados inférense que  foi un feito puntual, de retirada das garantías perimetrais e redes, debido a labores de  desencofrado.

O Xulgado do Penal condenou ao Xerente da empresa, ao Técnico de Prevención do Servizo de Prevención Propio (SPP), ao Coordinador de Seguridade e Saúde, e a un cargo profesional non especificado, ás penas de 5 meses de prisión coa accesoria de inhabilitación especial para o exercicio da súa profesión en actividades relacionadas coa prevención de risco laborais. Posteriormente, a Audiencia rebaixou a pena a 2 meses (que substituíu por multa) e deixou sen efecto a inhabilitación profesional.

Aspectos máis relevantes da  sentencia:

1.- Da autoría e a cooperación necesaria: O Xerente da empresa foi condenado como autor e o resto como  cooperadores necesarios. A consideración como autor ou  cooperador necesario considérase irrelevante a efectos de determinación da pena, por canto aplicanse as mesmas penas nun ou outro caso.

2.- Da confirmación da culpabilidade dos recorrentes:

a) Coordinador de Seguridade e Saúde: … tendo en conta que o recorrente era o coordinador de seguridade e saúde durante a execución da obra designado pola promotora, e que na mesma incumpríanse de modo relevante as medidas de seguridade, o que determinou a paralización dos traballos pola Inspección de Traballo, imponse a desestimación do recurso, confirmando a resolución recorrida. Entre as funcións do coordinador de seguridade e saúde atópanse as de previr e controlar, real e efectivamente; que o empresario facilitou e proporcionou os medios idóneos para garantir a seguridade dos traballadores, identificando as fontes de risco e, no caso de advertirse e detectarse, non xa só tratar de neutralizalas inmediatamente, poñendo este feito en coñecemento do empresario e, mesmo, da autoridade laboral, chegándose, caso de ser necesario, ata paralizar as obras (neste sentido sentencia da Audiencia Provincial de Madrid do 21 de marzo de 2011).

b) Técnico de prevención do  SPP: … o recorrente era empregado de EMPRESA, e que lle correspondía a elaboración do plan de seguridade e saúde e supervisar a súa aplicación e neste sentido refírese á declaración da testemuña “X” cando sinala que o recorrente fora algunha vez pola obra como xefe de seguridade de EMPRESA.

c) Xerente: … O empresario non queda exonerado polo feito de delegar no xefe en de obra. O empresario que delega o seu deber de seguridade fai nacer un novo deber no delegado pero non queda liberado do seu, que só ve transformado o seu contido no sentido de que o  delegante debe vixiar que o delegado cumpra correctamente co seu deber, e corrixilo se non é así, o que evidentemente non ocorreu no caso de autos.

3.- Da rebaixa das condenas de prisión e supresión da inhabilitación profesional: dilacións indebidas e ausencia de accidente.

A sentenza de instancia aprecia a circunstancia atenuante de dilacións indebidas como moi cualificada e rebaixa a pena nun grao. Con todo, tendo en conta o tempo transcorrido desde os feitos, máis de 10 anos, sen que á data recaese sentenza firme, e así mesmo considerando que a pesar da gravidade dos incumprimentos constatados e que determina a procedencia da condena por un delito do artigo 316 do Código penal, tais incumprimentos non se materializaron na produción de resultado lesivo, nin accidente laboral algún de carácter leve sequera, estímase máis adecuado, en atención ao previsto no artigo 66.1 2ª do Código penal , a rebaixa da pena en dous graos, impoñendo a todos os acusados recorrentes as penas de 2 meses de prisión que, en atención ao previsto no artigo 71 do Código penal , substitúese pola de 120 cotas de multa, a razón de 6 euros cada unha, e 2 meses de multa, con idéntica cota diaria.

Por outra banda, en atención a que no momento dos feitos estaba a traballar na obra unha soa empresa, estímase tamén adecuado excluír da condena a pena accesoria de inhabilitación especial para o exercicio da profesión en relación con actividades de prevención de riscos laborais durante o tempo da condena.

Conclusión:

Por regra xeral, as dilixencias previas penais inícianse tras un accidente grave, moi grave ou mortal.

Con todo,como demostran esta e outras sentenzas, non é necesario que se produza ningún accidente ou dano persoal ou material para que se inicie un procedemento penal pola creación do risco para os traballadores.

Así as cousas e como en moitos casos ocorría no  recente pasado, xa non vale esperar a ter a sorte de que non pase nada; a situación de perigo pode, por se mesma, comportar condenas penais para os suxeitos implicados.

Fonte: Aspectos xurídicos da prevención

Resumo da última reunión co concelleiro de Persoal (07/11/2018)

Achegámosvos un pequeno resumo da última reunión co concelleiro de Persoal:


Contratacións á marxe do Convenio colectivo do persoal laboral

O Concello indicou que no único que este persoal estaría á marxe do Convenio sería en xornada e retribucións e por parte da representación sindical indicóuselle que o Convenio actual non exclúe a ningún persoal, e que, por tanto, este persoal pode reclamar ao abeiro do Convenio e cobrar en igualdade de condicións que o resto do persoal. Con respecto a isto é posible que en futuras modificacións do convenio se especifique que tipo de contratos ao abeiro de subvencións non se rexerían polas retribucións do Convenio colectivo.

Data das revisións médicas e cumprimento do artigo 57 do Convenio colectivo

As revisións médicas terán lugar proximamente e serán nunha clínica en Betanzos. Así mesmo, a representación sindical lembrou que o artigo 57 do Convenio colectivo inclúe revisións xinecolóxicas e de próstata e acordou co concelleiro que, se ben este ano xa están en marcha as revisións, a partir do vindeiro tamén se realizarán este tipo de revisións incluídas no Convenio colectivo do persoal laboral.

Prazos de implantación definitiva do sistema de control de presenza no traballo

En principio o sistema estaría implantado e hai uha previsión de que entre de xeito definitivo a comezos de ano. No momento en que entrase en vigor de xeito definitivo enviaríase unha comunicación a todo o persoal e colgaríase nos taboleiros de información. Na primeira fase só se implantaría no portal do empregado un módulo, que permitirá ver as entradas e saídas, así como o tempo traballado, progresivamente se irían implantando o resto de tramitacións.

Trasladóuselle, logo de múltiples consultas e queixas dos compañeiros e compañeiras, que a implantación do sistema de xeito provisional durante estes sete meses o que fixo foi agravar as discriminacións entre o persoal, posto que non todo o persoal ficha e, por tanto, aínda que sexa de xeito provisional, a falta de control, a fin de contas, redunda nunha discriminación para o persoal que utiliza o sistema de control de presenza no traballo e cumpre a xornada. Ademais esta implantación provisional non foi quen de atallar as discriminacións de xornada existentes principalmente entre o persoal de oficinas e servizos.

Por último, acordouse que unha vez que se implantase de xeito definitivo e ao longo do vindeiro ano, explicitaríase nun acordo o alcalce no artigo 22 do Convenio colectivo relativo á parte da xornada fixa e a variable, como medida para facilitar a conciliación laboral e familiar do persoal.

Calendario laboral 2019 (xeral e específico) e horarios específicos

Os representantes do persoal laboral lembraron que o Convenio indica expresamente que os calendarios laborais xerais deben ser publicitados e difundidos e tamén se deben acordar os calendarios específicos e os postos que se rexerán por estes, que serán maioritamente os relacionados co Conservatorio municipal ou os centros educativos.

Falta de persoal en servizos varios e previsións de contratación

Neste punto tratáronse os problemas de falta de persoal en distintos departamentos como limpeza, electricistas ou o Conservatorio municipal. O Concello, neste casos, tomou a postura que leva anos tendo, que é aludir á imposibilidade de contratacións que non sexan por acumulación de tarefas por mor da Lei de orzamentos do estado, e que esquece cando se trata de contratar persoal para a embarcación municipal ou de apoio a festas e eventos.Só no caso do profesorado do Conservatorio municipal prevén a posibilidade de cobertura do posto mediante unha Comisión de servizos.

Acordos da Comisión Paritaria pendentes de cumprimento

A representación do persoal trasladoulle a necesidade inaprazable de solucionar este tema, máis aínda xa que o Concello vén de aplicar a suba salarial do ano 2018 e facer caso omiso non só aos acordos tomados, senón tamén ao que indica a propia Lei de orzamentos do Estado no caso do Complemento Persoal Transitorio. Esta situación que arrastra desde hai case un ano e medio é un lastre que é necesario superar para poder continuar na negociación da equiparación retributiva co persoal funcionario e así se lle transmitiu ao concelleiro que se comprometeu a ter unha nova reunión no prazo dun mes, porque estaba á espera dun informe, e tomar unha determinación definitiva para solucionar a situación.

O concelleiro informou que o Concello lle solicitou axuda a asistencia a municipios da Deputación para que informase sobre a interpretación dun artigo do Convenio colectivo do Concello de Betanzos mais cómpre sinalar que é a primeira vez, que saibamos dende a CIG, que se lle pide á Deputación que inteprete un Convenio colectivo que pon expresamente que quen o ten que interpretar é a Comisión paritaria deste.

O máis grave é que entre tanto, o Concello interpreta o convenio como lle vén en gana, varios traballadores realizaron demandas por esta cuestión, o persoal laboral xa cobra as horas extraordinarias un 3,75% menos do que lle correspondería e o persoal que programa eventos é discriminado no cobro ou non do complemento de funcións extraordinarias en función do evento que teña lugar.

Outros

Así mesmo, tratáronse outros temas, como os que van á Mesa Xeral de Negociación do vindeiro luns, os problemas coa tramitación das horas extraordinarias que se debe solventar para que os atrasos no pagamento destas non sexan tan grandes como está a ser.

Finalmente trasladóuselle a necesidade de que o persoal laboral debería continuar no camiño de equiparación salarial ao funcionariado do Concelllo de Betanzos, e que os propios orzamentos do Estado prevían a posibilidade dun 0,3% da partida de persoal que se podería destinar a melloras salariais e que debería utilizarse, posto que estamos a final de ano e, do contrario, non se utilizaría en beneficio do persoal. Así mesmo, comunicóuselle que no caso de que o considerase necesario para iniciar unha nova negociación, solucionar todos os temas pendentes, así como procurar unha nova mellora retributiva, o Convenio colectivo podería denunciarse para ser renegociado, sempre que esta negociación non se dilatase no tempo como a dos anos 2012-2017.

Con relación a este último punto, a CIG ten previsto convocar unha reunión do Comité de Empresa nas próximas semanas para tratar, entre outros temas, as posibilidades de negociación neste ámbito, toda vez que a Relación de Postos de Traballo conterá unha ínfima parte dos postos do persoal laboral que traballa no Concello de Betanzos.

Convocada Mesa Xeral de Negociación para o 12 de novembro de 2018

O Concello vén de convocar Mesa Xeral de Negociación para o vindeiro luns 12 de novembro de 2018. Nesta Mesa Xeral de Negociación trataranse os seguintes temas:
1. Lectura e aprobación de todas as actas pendentes das Mesas de Negociación (5).
2.Restitución das retribucións totais dende o primeiro día nos supostos de incapacidade temporal.
3. Regulamento de axudas sociais.
4. Criterios obxectivos para establecer o reparto do complemento de produtividade.
5. Oferta de emprego público 2018.