Baixo o lema "Xa é hora de
recuperar os nosos dereitos", miles de persoas esixiron nas rúas
da Galiza ao novo Goberno do Pedro Sánchez pasos firmes para a
derrogación e anulación de todas as reformas antiobreiras e
antisociais impostas so pretexto da crise. "Xa non valen os
xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para
non derrogar a reforma laboral. De igual maneira que se chegou a un
acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir a
correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque
senón estaremos ante un grande engano e unha fraude".
Así de contundente se manifestaba o
secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención ao
remate da mobilización realizada esta tarde na Coruña, no marco da
xornada nacional de loita que a central desenvolveu nas sete cidades
galegas e nas principais localidades para esixir do novo Goberno do
PSOE un cambio radical de políticas. Carril instou a manter viva a
loita social "porque os dereitos non veñen do diálogo social
nin os concede ningún goberno alegremente". E ante a
expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa, advertiu do perigo de
caer na trampa dos xestos baleiros.
Unha expectativa que, subliñou, é
máis froito dun desexo de cambio tras anos sufrindo as duras
políticas do PP no plano económico, social e laboral, dos recortes
nos servizos públicos e nas liberdades, "que das actuacións
reais do novo Goberno, que xa comezou a desdicirse do que prometeu
sobre a reforma laboral". Referiuse así o secretario xeral da
CIG ás declaracións realizadas polo presidente do Estado e a súa
equipa, asegurando que non van botar abaixo a reforma laboral por
falta de apoio parlamentar, "cando hai un mes dicían que sería
unha das primeiras medidas a tomar".
Buscar a correlación de forzas
necesaria
Preguntouse que postura vai adoptar o
PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión
de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña
paralizadas. A este respecto reiterou que "non valen reformiñas
nin maquillaxes", que Sánchez debe buscar a correlación de
forzas necesaria para o cambio de políticas ou, do contrario,
estaremos ante unha moción que é unha fraude."Porque a reforma
laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están
de acordo con ela", acusou.
Neste senso, o secretario xeral da CIG
recordou que o Partido Socialista "é responsábel e causante
dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora e que
a chegada do PP ao Goberno de Madrid, multiplicou". Tal é
o caso da reforma laboral de Zapatero de 2010 (contra da que se
convocou folga xeral) ou a reforma das pensións de 2011, que contou
co apoio de UGT e CCOO (e contra da que a CIG foi a unha folga xeral
en xaneiro dese ano).
A falacia do pacto social
De maneira simultánea ao cambio de
Goberno, vemos como se escribe un novo capítulo do pacto social.
"Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UGT e
CCOO", criticou. Se durante anos ambas organizacións mantiveron
unha actitude conformista e pasiva, mesmo de colaboración co PP,
aparecen agora falando do pacto social coa patronal e o novo
Executivo.
"Mais por esa vía non virán as
solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas
formas de contratación que escravizan as condicións de traballo,
nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral",
salientou Carril. Precisou que é esa "ideoloxía perversa da
concertación social o obstáculo para a recuperación dos dereitos,
porque trae consigo a extensión dos efectos do cancro da reforma
laboral e da negociación colectiva".
Ante esta perspectiva, Paulo Carril
considerou que sería un erro imperdoábel caer na desmobilización.
Por iso, a CIG chama á clase traballadora e ao conxunto do pobo
galego "a rearmarnos aínda máis dende as rúas e dende os
centros de traballo e demostrando a nosa disposición de loita"
para esixir un calendario real de recuperación dos dereitos que
permitan ter pensións e empregos dignos na nosa terra. "Que non
nos confundan e que non nos enganen. Os dereitos conquístanse coa
mobilización, con organización e con contestación social
permanente", reiterou.
Loita social para facer realidade os
cambios
O secretario xeral da CIG chamou a ter
presente que estamos nunha loita de intereses de clase confrontados
entre o capital e o traballo; e por iso un sindicato digno de tal
nome "ou está ao servizo dos intereses da clase traballadora ou
está doutro lado, co poder político e económico que se enriquece a
conta da explotación da clase obreira".
"Na CIG apostamos pola loita
social constante e sostida no tempo, porque é o factor clave para
forzar, para facer real os cambios necesarios que levamos anos
reivindicando", salientou Paulo Carril, lembrando que a central
sindical suspendeu a folga xeral prevista para este 19 de xuño, ante
o cambio de escenario político, pero coa premisa de retomar a
convocatoria se nos vindeiros meses o Goberno do PSOE e a correlación
de forzas que o fixo posíbel non poñen en marcha as medidas
necesarias para reverter todas estas reformas que rouban e saquean a
clase traballadora.
Doutro xeito, en Galiza corremos o
perigo de que se consolide unha situación sen saída, cunha
destrución diaria dos nosos sectores produtivos e do tecido
industrial, un medre constante do emprego precario no sector servizos
e unha emigración interminábel que nos está a deixar sen xente
nova. "Contra esta realidade, nin un paso atrás, que siga a
mobilización", concluíu.