28/05/13

Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de maio


Na semana pasada o Concello prosegiu coas negociacións con respecto ás bases de selección do persoal laboral temporal. Cómpre aclarar que unha vez máis convocou ao Comité de Empresa o pasado luns 20 de maio a unha Comisión creada para o efecto cos partidos da oposicións e á que o Comité de Empresa se negou a asistir logo de entender que ese non era un organismo de negociación lexístimo para os traballadores.

Na última Mesa Xeral de Negociación co Concello ficaron claras varias cousas e dende a CIG deixamos clara a nosa postura. As bases xerais de selección de persoal laboral deben ser aprobadas nunha Mesa Xeral de Negociación exclusiva de laborais, posto que é un asunto que só lle afecta a laborais, pois cal foi a nosa sorpresa cando se presentan os representantes de funcionarios, que foran convocados e inmediatamente o Concello e o CSIF se alían para dicir que non era posible facelo doutro xeito E QUE OS FUNCIONARIOS PODEN OPINAR DOS TEMAS DELABORAIS LOGO DE QUE O PROPIO CONCELLO EXCLUÍSE AO SINDICATOMAIORITARIO DE LABORAIS, A CIG, DA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓNDE FUNCIONARIOS, Á QUE ASISTIAMOS COA ÚNICA FINALIDADE DE COMPROBAR A VONTADE DO GOBERNO DE IGUALAR DEREITOS DE LABORAIS E FUNCIONARIOS.

Por tanto, dende este pasado xoves a cousa está así, o sindicato maioritario de funcionarios, o CSIF decide ter voz e voto, coa connivencia do goberno, para os temas que lle afectan exclusivamente a persoal laboral, e o mesmo sindicato, coa connivencia do propio goberno municipal, expulsa á CIG da Mesa de funcionarios roubándolle o seu dereito a voz e voto na devandita mesa. A negociación de laborais, por estaren suxeitos a un contrato realízase exclusivamente cos delegados sindicais dos sindicatos que os representan, pola contra, no caso de funcionario, a negociación debe ser directa cos sindicatos, neste Concello é ao revés.

Finalmente, logo de máis dun ano dándolle voltas a estas bases de selección dende a CIG ficamos satisfeitos porque grazas ao traballo do Comité de Empresa e ás alegacións presentadas por este o Concello terá unhas novas bases de selección de persoal laboral temporal axustadas á legalidade e criterios máis xustos que as anteriores, mais esta semana pasada ficamos perplexos ante o pacto ao que asistimos en vivo e en directo do CSIF co goberno municipal, e o que é peor, alentado pola UGT, que practicamente fai o que sexa con tal de achegarse á postura do goberno municipal. Ficamos perplexos tamén PORQUE O GOBERNO PERPETUOU UNHA DISCRIMINACIÓN ENTRE LABORAIS E FUNCIONARIOS QUE VAI DEIXAR PEGADA e da que non vai saír impune, principalmente porque o que é inxusto vaino seguir sendo por moito que nos queiran facer crer o contrario e este Concello perpetúa o tratamento cara ao persoal laboral como traballadores de segunda non só en salarios senón tamén dereitos e na propia toma de decisións dos temas que a eles mesmos lles afectan.

Lembra! Para a semana comeza o horario de verán!

O Comité vén de lle solicitar por escrito ao Concello que especifique en que horario se vai realizar a redución do horario de verán, á vista de que o Convenio colectivo non concreta nin o horario nin a compensación pertinente para o persoal que por motivos do servizo non pode realizar a redución horaria.

Hai que lembrar que o artigo 9.2. do Convenio colectivo do persoal laboral indica o seguinte con respecto á redución na xornada de verán:

Os meses de xuño, xullo e agosto, todo o persoal desfrutará dunha redución da xornada de 1 hora diaria, que se establecerá segundo as necesidades do servizo.”

Por tanto, segundo o convenio colectivo a xornada de verán comeza o vindeiro luns 3 de xuño e o Concello non fixo aínda a día de hoxe ningunha especificación con respeco á reduciçon horaria que se viña facendo ao final da xornada na maior parte dos departamentos e a modo de compensación en días libres nos que por motivos do servizo non podían desfrutar da devandita redución diaria. Debido a isto, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG solicitou que o Concello especifique o horario da redución diaria que comeza a vindeira semana en aplicación do convenio colectivo e estableza e comunique o sistema de compensación pertinente para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar a redución horaria de xeito diario e que o Concello lle comunique canto antes todo o mencionado ao colectivo do persoal laboral de cara a lle dar a coñecer o horario en que poderá exercer o dereito recollido no artigo 9.2. do convenio colectivo.

Redución horaria por asistencia ao curso de iniciación á informátiva fóra do horario laboral

Ao igual que hai unhas semanas aconteceu coa revisións médicas, onde por primeira vez o persoal que asistiu fóra da súa xornada laboral tivo dereito á redución dese tempo na xornada do mesmo día, logo da solicitude do Comité de Empresa, este vén de solicitar tamén a redución horaria do tempo de asistencia ao curso de informática básica que o Concello organizou a través da aula Cemit para todo o persoal municipal nos casos en que este é impartido fóra da devandita xornada.

O Concello de Betanzos convocou estas semanas un curso de informática básica aberto ao persoal entre o 3 e o 14 de xuño en horario de 08:00 h a 09:00 h e ante a existencia de diferentes horarios entre o persoal laboral deste Concello, que fai que non todo o persoal acceda a esta actividade formativa en horario laboral, e, por tanto, resultaría discriminatorio que non a todo o persoal se lle tivese en conta esa hora diaria como de tempo efectivo de traballo o Comité solicitou que o Concello compense do xeito pertinente coa redución horaria diaria ao persoal que asiste a este curso fóra da súa xornada laboral e lle comunique en que momento da xornada poderá deducir esta compensación do seu horario laboral.

Neste momento, o Comité está á espera de resposta nos dous casos, mais en todo caso ten solicitada unha reunión co concelleiro de Persoal na que preguntará por este e outros temas.


27/05/13

O estrés laboral relaciónase cun aumento de graxas no sangue


Dende hai anos, os expertos sosteñen que o estrés emocional se asocia co risco de padecer enfermedades cardiovasculares debido, entre outros factores, a hábitos pouco saudables, como fumar, comer de forma inadecuada ou levar unha vida sedentaria.
Graxa en sangue
Agora, un estudo realizado pola Sociedade de Prevención de Ibermutuamur, en colaboración con expertos do Hospital Virxe da Victoria de Málaga e a Universidade de Santiago de Compostela, analiza a asociación entre o estrés laboral e diferentes parámetros relacionados co metabolismo dos ácidos graxos no organismo.
O traballo, recentemente publicado no Scandinavian Journal of Public Health, levouse a cabo nunha mostra de máis de 90.000 empregados que acudiron a realizarse un recoñecemento médico.
"Os traballadores que declararon ter experimentado dificultades para facer fronte ao seu traballo durante os últimos doce meses (un 8,7% da mostra) contaron cun maior risco de padecer dislipidemia", sinala a SINC Carlos Catalina, psicólogo clínico experto en estrés laboral.
As dislipidemias ou dislipemias son trastornos do metabolismo das lipoproteínas, que poden manifestarse por unha elevación do colesterol total, das lipoproteínas de baixa densidade (LDL) e das concentracións de triglicéridos, así como por unha diminución das lipoproteínas de alta densidade (HDL).
Concretamente, no estudo realizado, os traballadores con estrés laboral presentaron maior probabilidade de sufrir niveis anormalmente altos de colesterol LDL (o chamado colesterol 'malo'), niveis excesivamente baixos de colesterol HDL (colesterol 'bo') e índices de aterogenicidad positivos, é dicir, un potencial de obstrución das arterias.
"Un dos mecanismos que poderían explicar a relación entre o estrés e o risco cardiovascular poderían ser os cambios no noso perfil lipídico, o que supoñería unha maior acumulación de placa ateroma (depósito de lípidos) nas nosas arterias" conclúe Catalina.

O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral


O VI Congreso da CIG remataba este domingo 26 de maio tras da elección da nova Executiva Confederal, que pilotará a central sindical nos vindeiros catro anos, e a reelección de Suso Seixo como secretario xeral. Culminaba así un proceso de debate comezado hai meses no que a CIG acorda que, para enfrontar as regresivas políticas decididas nas institucións europeas e aplicadas polo PP en Galiza e a nivel de estado é imprescindíbel reforzar a organización, mobilizarse e contar con soberanía para que Galiza poida decidir cales son as políticas que precisa para que a saída da crise sexa favorável á maioría social: a clase traballadora.


Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 508 congresistas, 30 votaron en branco e 15 emitiron voto nulo. O secretario xeral, Suso Seixo, foi reelixido con 499 votos, 50 brancos e 4 nulos e a Comisión de Garantías contou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos.
Executiva Confederal está conformada por 12 membros e forman parte dela:
1.- Xesús Seixo Fernández.
2.- Elvira Patiño Ogea.
3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez.
4.- Manuel Currás Meira.
5.- Miguel Anxo Malvido Cabirto.
6.- Margarida Corral Sánchez.
7.- Anxo Pérez Carballo.
8.- Ramiro Oubiña Parracho.
9.- Xosé Francisco Miranda Vigo.
10.- Antolín Alcántara Álvarez.
11.- Anxo García Torres.
12.- Paulo Carril Vázquez.
Comisión de Garantías contou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos e forman parte dela:
1. Birino Marcos Baamonde
2. Xosé Lois Seixo Fernández
3. Manuela Catoira Palleiro
4. Segundo González González
5. Luís Burgos Díaz
6. Placer Vila Rodríguez
O VI Congreso comezaba na mañá do sábado 25 de maio baixo o lema “É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía”. Tras da benvida do secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, e a actuación dun grupo de cooperativistas do Conservatorio Histórico de Santiago, Sociedade Cooperativa Galega, as delegadas e delegados presentes aprobaban o Regulamento sen ningún voto en contra e cunha única abstención.
De seguido, Suso Seixo presentaba, en representación da Executiva Confederal saínte, o informe de xestión destes últimos catro anos, que foi aprobado, tras do seu debate, con 430 votos a favor, 5 en contra e 61 abstencións.
Seixo foi moi crítico coas políticas “antisociais e antiobreiras” que se foron aplicando neste período marcado, na súa totalidade, polas consecuencias negativas que para Galiza e as súas clases populares está a ter a crise económica e financiera. Catro anos de recorte de dereitos laborais e sociais nos que, so pretexto de reducir o déficit público, favorecer a competitividade da economía e crear emprego, non só se conseguiu todo o contrario, senón que mesmo se aproveitou para introducir toda unha serie de medidas “profundamente inxustas e antidemocráticas”.
Debate
Unha vez aprobado o Informe de Xestión, elixíase a Mesa Congresual e iniciábase, a partir de aí, o debate dos relatorios, aos que só se presentaran 59 emendas (2 ao Relatorio de Organización; 12 aos Estatutos e ás modificacións estatutarias e 45 ao Relatorio de Acción Sindical).
No Relatorio de Organización a CIG define os seus obxectivos para os vindeiros catro anos, nomeadamente, mellorar a súa organización interna para garantir que, ante o recorte de dereitos e das condicións de vida, a central sindical dá unha única resposta “solidaria e común como clase”; perfeccionar o modelo federativo e territorial; reforzar a acción sindical na empresa a través das delegadas/os; incentivar a participación das persoas desempregadas e reforzar a participación das mulleres, da mocidade e das persoas pensionistas e xubiladas.
De seguido debatéronse as modificacións estatutarias, que foron referendadas con 457 votos a favor, 1 en contra e 20 abstencións superándose así a maioría absoluta requirida para que saísen adiante.
Relatorio de Acción Sindical -aprobado con 370 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións-, é a folla de ruta da CIG na que se formulan as alternativas para a central sindical mellor enfrontar a grave problemática social e laboral que está a provocar a crise sistémica do capitalismo.
Acto de clausura
No acto de clausura, ademais das persoas congresistas participaron numerosas delegacións convidadasde organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.
Suso Seixo, recén reelixido secretario xeral, comezou a súa intervención agradecendo, en nome da central sindical, o traballo desenvolvido polas persoas que non repiten nesta Executiva: Laura Bugalho e Antonio López, aos que lles foi entregado un pequeno agasallo.
Denunciou a destrución, “sen precedentes” de emprego en Galiza e alertou das “consecuencias sociais e económicas dramáticas, pero tamén políticas” que ten. Situou este problema como unha das prioridades da central sindical e propuxo pór en marcha unha forte campaña, co máximo arroupe social, ao redor dunha batería de propostas dirixidas á Xunta de Galiza en materia fiscal, financeira, industrial, contractual e en demanda dun salario de inserción social para desempregadas/os que non cobren ningún tipo de prestación.
Denunciou que “estamos ante unha loita de poder entre a oligarquía financeira e as clases populares” e que todas as medidas que se están a impor teñen como obxectivo incrementar os beneficios desa oligarquía, pola vía de reducir custos laborais, proporcionando man de obra barata.
Chamou a organizarse e continuar a mobilizarse para reclamar outras políticas alternativas convencido de que “é posíbel” mudar este modelo porque “somos unha maioría social moi ampla os que estamos obxectivamente interesados en rematar con estas políticas tan antisociais”.
Cuestionou a política de pacto social, que sempre viu acompañada de cesión de dereitos da clase traballadora e apostou por construír “un modelo de sociedade libre e democrática en Galiza, cun Parlamento galego soberano”.


22/05/13

A CIG denuncia que o Concello paralizou a negociación do convenio colectivo



Máis dun ano e medio despois de ser denunciado polo Comité de Empresa o Concello de Betanzos teima en deixar en punto morto a negociación do convenio colectivo baixo a pretensión de deixar ao persoal laboral sen convenio. A día de hoxe, e despois de escasas reunións, non vai nin a metade do convenio negociado e as negociacións do convenio están en punto morto dende hai catro meses, logo de máis dun ano de falsas promesas por parte do goberno socialista proclamando unha vontade de negociación que na práctica é inexistente.

Dende a CIG coidamos que a finalidade de dilatar esta negociación non é outra que provocar que o persoal laboral do Concello de Betanzos quede sen o seu marco normativo de referencia, o que provocaría en moitos casos unha perda de dereitos, maior precariedade e un maior abismo entre as condicións do persoal laboral e funcionario pola aplicación de diferentes normativas en función do tipo de contrato. Esta paralización da negociación moito nos tememos que pode supor un dos maiores retrocesos para o persoal laboral por culpa dun goberno empeñado en agravar as diferenzas co funcionariado e que non é quen de dialogar cos seus propios traballadores.

Dende a sección sindical da CIG do Concello de Betanzos moito nos tememos que no caso de que non se retome a negociación do convenio de xeito inmediato quedaremos sen convenio por culpa do goberno municipal e instámolo a que reaccione dunha vez e tome unha actitude responsable neste tema. O propio concelleiro de Persoal, entrou falando de diálogo cos representantes dos traballadores e logo de case dous anos non foi quen de negociar unha Relación de Postos de Traballo, uns orzamentos nin un convenio cos traballadores, por non falar das trabas para o acceso á información que lles pon aos delegados sindicais, especialmente aos da CIG, que dificultan o seu traballo dun xeito considerable. Non hai que esquecer que aínda recentemente a CIG se viu na obriga de recorrer os orzamentos do ano 2012 pola falta de negociación e que a día de hoxe este recurso está en trámites no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A maiores, logo de anos de problemas coa convocatoria e resolución de axudas sociais, en decembro de 2012 o Concello comprometeuse a negociar un novo regulamento de axudas sociais que propiciase unha distribución máis xusta, en función de criterios realmente sociais para o que a día de hoxe aínda non foi convocada a Mesa Xeral de Negociación, a pesar de que hai case seis meses o Concello se comprometeu co Comité de Empresa a negociar este tema e mesmo amosou boa predisposición ante as propostas dos traballadores. Meses despois descubrimos de novo que non era máis que unha artimaña e unha mentira para non negociar de novo.

Finalmente consideramos esta actitude autoritaria fronte aos representantes dos traballadores do goberno municipal como unha falta de respecto a todo o persoal laboral e unha clara intención de rebaixalo, unha vez máis, fronte ao funcionariado, e queremos denunciar a preocupante situación da xestión do persoal laboral do Concello de Betanzos alentada pola ineficacia do concelleiro de Persoal, e, por defecto de todo o equipo de goberno.

15/05/13

CIG-INFORMA


Nestes días o Concello está a entregar os emprazamentos aos/ás traballadoras interesadas para que poidan comparecer e personarse no prodecemento contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza aberto a raíz do recurso presentado pola Conferación Intersindical Galega contra os orzamentos 2012 do Concello de Betanzos.

O prazo dende a recepción da notificación para a comparecencia é de nove días e é optativa, é dicir emprázase ao persoal que se considera interesado no proceso por se quere personarse no procedemento, mais non existe a obriga de asistir.

Ata o momento o recurso aos orzamentos foi admitido a trámite, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordou tramitalo segundo as normas do procedemento ordinario e requiriulle ao Concello de Betanzos todo o expediente no prazo de vinte días e indicándolle que debía emprazar a todos os que aparezan como interesados no expediente ante o Tribunal Superior, que no caso deste Concello son todos aqueles traballadores e traballadoras que se consideran parte interesada por teren presentado no seu momento alegacións á Relación de Postos de Traballo ou aos orzamentos, o propio Comité de Empresa, así como os sindicatos que presentasen alegacións. Debido a isto, nestes días o Concello está a notificar a todos/as os/as interesados o emprazamento para que poidan comparecer, no caso de que así o queiran facer, ante o Tribunal Superior no proceso do recurso.

En todo caso, o persoal laboral xa estará representado neste contencioso-administrativo pola Confederación Intersindical Galega e os seu recurso aos orzamentos non negociados, en defensa das alegacións que tantos traballadores e traballadoras presentaron, por primeira vez na historia do Concello de Betanzos, e que motivaron que a Relación de Postos de Traballo non negociada non fose aprobada e só o fosen os orzamentos logo de ter que pasar o alcalde por unha moción de confianza.

Con respecto a este tema, e como sempre, se tedes algunha dúbida podedes poñervos en contacto con calquera dos delegados e delegadas da CIG para aclarala.

06/05/13

Saúde laboral: O 90% das baixas por enfermidades que se producen no sector da limpeza son trastornos músculo-esqueléticos

No sector da limpeza existe unha importante porcentaxe de trastornos músculo-esqueléticos producidos por factores moi diversos asociados ao ámbito de traballo: movementos repetitivos, posturas incorrectas e un uso inadecuado dos utensilios de traballo.


Isto produce, que este sector presente un índice maior a outros sectores de padecer doenzas como a lumbalxia, cervicalgia, tendinite, ombro doloroso, epicondilite, síndrome do túnel carpiano, tenosinovite de Quervain, artrose de xeonllo, as patoloxías máis comúns asociadas aos traballos de limpeza profesional. Segundo o doutor Santiago da Fonte, médico rehabilitador, "estas patoloxías resultan tremendamente frecuentes e ocasionan unha media de 15 días de baixa laboral".
Gran parte desas enfermidades poderían evitarse ou minimizarse ofrecendo ás empresas e traballadores unha correcta formación en hixiene postural.
Tal e como explica Álvaro Guerrero, fisioterapeuta e codirector do centro médico Premium Madrid, "para ofrecer solucións, primeiro hai que analizar os riscos laborais aos que se expón o sector, que no ámbito da limpeza son: caídas, golpes, cortes e abrasións con produtos químicos.
Seguidamente, hai que aplicar os plans de ergonomía adaptados tanto á actividade que se realiza coma ao utensilio de traballo que se emprega e, finalmente previr e, no seu caso, tratar os trastornos músculo-esqueléticos. Neste último caso, resulta imprescindible reducir o tempo dende que o traballador sofre unha dor ou traumatismo ata que comeza o tratamento.
Segundo Guerrero, este tempo debe ser o máis inmediato posible, "deste xeito reduciremos o tempo de incapacidade temporal e o traballador quedará 100% recuperado e sen secuelas".
Para que os traballadores poidan levar a cabo os plans de ergonomía deberán aprender, a través de técnicas de reeducación postural global e de control postural, como executar o seu traballo correctamente, así evitaranse retraccións, acurtamentos e contracturas musculares, que se producen, polo desempeño da actividade laboral.
Segundo Guerrero, "nos procesos crónicos ou dexenerativos, a prevención é fundamental a través de técnicas como a reeducación postural global cuxos principais beneficios son: gañar elasticidade, mellorar a mobilidade articular, mellorar a postura, eliminar contracturas e quitar a dor, mellorar a respiración, controlar o estrés, aprender a controlar o teu corpo de xeito activo e dar estabilidade á nosa columna".
Artigo tirado de www.cigsaudelaboral.org

Real decreto sobre xubilación: A supervivencia posta a proba


Unha das causas de perda de emprego no último ano foi a flexibilización das condicións nas que unha empresa con beneficios pode despedir a todo ou parte do seu cadro de persoal, e a supresión da autorización administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE). Despois de crear as condicións para lanzar a xente ao paro sen contemplacións, entramos na fase de espremer ao límite a súa capacidade de supervivencia.

 O Consello de Ministros do 15 de marzo avanza nesa dirección co Real Decreto-Lei 5/2013, que dá outro paso máis na política de liberar as empresas de obrigas coa sociedade.

 A Lei 3/2012 do 6 de xullo prevía que as empresas con beneficios que despedisen en ERE a persoas maiores de 50 anos terían que aboar a contía da prestación de desemprego, e tamén parte dos subsidios posteriores a esgotar a prestación. O PP modifica agora a obriga, reducíndoa a aqueles casos nos que a porcentaxe de persoas maiores de 50 anos sobre o total de despedimentos do ERE sexa superior á súa porcentaxe no persoal, o que é un xeito solapado de desactivar unha medida que tendía a facer pagar á empresa con beneficios algunha parte do custo social das súas decisións. A partir de agora o gasto trasládase ao sistema de Seguridade Social.

 A protección por desemprego sufriu reducións importantes pola Lei 20/2012 do 13 de xullo. Xunto á medida máis coñecida, consistente en baixar a contía da prestación a partir do sétimo mes do 60 ao 50% da base reguladora, realizáronse máis recortes. Un foi que o SEPE (antigo INEM) deixou de achegar o 35% da cota de Seguridade Social que corresponde pagar a quen está cobrando a prestación de desemprego. Outro, que endureceron as regras para valorar os ingresos de quen pretende cobrar o subsidio de desemprego unha vez esgotada a prestación. E, por fin, que a idade mínima para cobrar o subsidio para maiores até a idade de xubilación, pasou dos 52 aos 55 anos, e diminuíse a base pola que o sistema de Seguridade Social cotizaba para a xubilación de quen está percibindo o subsidio: do 125% da base mínima de cotización baixou ao 100%.

 A última volta de parafuso contra as persoas paradas, o RDL 5/2013, consiste en que o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que en 2013 é de 426 euros ao mes, cambia a súa condición de dereito individual pasando a converterse nunha prestación suxeita á escaseza de ingresos da unidade familiar. Antes da reforma, tíñanse en conta soamente os ingresos da persoa solicitante. A partir de agora, fará falta que os familiares cos que conviva teñan tamén unha situación económica extremadamente precaria: en concreto, que os ingresos da familia constituída por cónxuxe e fillos e fillas menores de 26 anos ou incapaces sexa inferior aos 483,98 euros por persoa. É dicir, un cónxuxe que non chegue a mileurista (abondará con que gañe 968 euros ao mes), mesmo se está en paro e o que está cobrando é a prestación de desemprego, será considerado responsábel do sostemento da outra parte, liberando o sistema de Seguridade Social da súa deber de dar cobertura en situacións de necesidade.

Diferenzas salariais

 Non hai palabras. A medida terá un impacto xeral no empobrecemento da poboación que depende do seu salario para sobrevivir, e moi especialmente nas mulleres casadas. En xaneiro de 2013, o 67% das persoas maiores de 55 anos que están cobrando prestación contributiva de desemprego son homes, aos que no contexto de desemprego actual, unha vez esgotada a prestación lles vai chegar o momento de cobrar o subsidio. Tamén son homes o 59% de quen hoxe cobra o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que esixe ter cotizado 15 anos, seis deles a un réxime que teña a prestación de desemprego. Estas condicións eliminan máis ás mulleres, que con máis frecuencia permaneceron na economía mergullada ou traballando no sector de fogar, cuxo réxime non ten prestación de desemprego.

 En diante, a diferenza salarial entre homes e mulleres terá como resultado que a esposa non poderá cobrar o subsidio de maiores de 55 porque, ben de veces, o marido terá un salario ou unha prestación legalmente suficiente para mantela. Tamén ocorrerá que, co obxectivo de que o marido de máis de 55 anos poida aspirar ao subsidio de maiores que pode estenderse até a idade de xubilación, a esposa traballará de xeito non declarado. O paso á economía mergullada dos membros da familia con traballos a tempo parcial, intermitentes e/ou con peores carreiras de cotización é un fenómeno típico cando están en xogo prestacións que teñen en conta os ingresos familiares.

 Atrásase en dous anos a idade de acceso ás xubilacións anticipadas, tanto a forzosa como a voluntaria, até alcanzar -progresivamente- as idades de 63 e 65 anos respectivamente, seguindo o aumento da idade ordinaria que se aprobou no 2011, de 65 a 67 anos. Ademais, na maioría dos casos aumentouse a penalización por anticipo da idade, sobre todo se a xubilación é voluntaria.

 O ingreso máis tardío ao traballo das xeracións actuais e as frecuentes interrupcións das súas cotizacións polo desemprego traerán consigo a aplicación das penalizacións máis altas, que poderán supoñer reducións de até do 30% da pensión. Estas reducións non só compensan o maior gasto do sistema de Seguridade Social debido ao adianto do cobro da xubilación e polo tanto a percepción desta durante máis tempo, senón que previsibelmente o superan. A inxustiza agrávase pola carencia dunha regulación e unha política eficaz para o mantemento no emprego das persoas maiores e pola insuficiencia nas prestaciones de desemprego previas á xubilación, que se agrava con este Decreto Lei.

 Mentres a política da dirección das empresas de prescindir das persoas maiores, para substituílas por outras novas, con contratos máis precarios e menores salarios, dá lugar a un elevado desemprego desas persoas maiores (segundo o INE, no último cuadrimestre de 2012 había máis de 530.700 persoas desempregadas maiores de 55 anos), o atraso na idade de xubilación, unido ás restricións para a percepción do subsidio de prexubilación, vai supoñer que unha parte substancial destas vai quedar sen ningún tipo de prestacioóns da Seguridade Social até que poidan acceder á xubilación, é dicir, nin prestacións contributivas de desemprego, nin subsidios de desemprego -que teñen duración limitada-. Cando accedan á xubilación, a súa pensión vaise ver diminuída polo peor trato dos períodos sen cotizar que xa fixou a reforma de 2011; para quen si poida percibir o subsidio de maiores de 55, a base de cotización a cargo do Servizo de Emprego, tal como se dixo, rebaixouse, o que incidirá directamente nunha base reguladora menor para o cálculo da pensión.

[Artigo tirado do sitio webDiagonal’]

AVISO SOBRE AS REVISIÓNS

Tal e como vos informamos o venres, o Comité solicitou a compensación en tempo para o persoal que está chamado ás revisións médicas fóra da súa xornada laboral e hoxe mesmo o concelleiro de Persoal remitiulle un escrito ao Comité de Empresa que indica o seguinte:

"Respondendo ao seu escrito de data tres de maio, indicarlle que a compensación do horario laboral dos traballadores que asistan ao recoñecemento médico fóra do seu horario laboral realizarase na mesma xornada do recoñecemento, descontando, previa comunicación ao encargado correspondente, na entrada ou saída o tempo empregado no recoñecemento."

Por tanto, pois,  o persoal que realice a revisión fóra do seu horario laboral terá, por primeira vez, o dereito á compensación na súa xornada laboral, tal e como debeu ser sempre mais tristemente nunca foi, existindo ata o momento unha discriminación ao descontalo uns traballadores da xornada e outros do seu tempo de lecer. Aínda así, ata onde temos coñecemento o Concello só llo comunicou ao Comité de Empresa e non a todos os departamentos afectados, de aí que publiquemos este aviso e nos puxésemos en contacto co persoal que terá a compensación.

03/05/13

SOLICITUDE DE COMPENSACIÓN POLO TEMPO DAS REVISIÓNS MÉDICAS


    O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG vén de solicitar a compensación do tempo dos reoñecementos médicos para o persoal que foi convocado fóra da súa xornada laboral cando estes recoñecementos médicos deben ser realizados durante a xornada laboral e contan como tempo de traballo efectivo.

    Tendo en conta que o Concello non puxo en coñecemento do persoal convocado fóra da súa xornada de traballo ningún sistema de compensación para corrixir a discriminación que supón que unha parte do persoal realice o recoñecemento en horario laboral, como debe realizarse, e outra dispoña do seu tempo libre para realizar tal recoñecemento propúxoselle ao Concello que a compensación horaria pertinente podería ser a redución do tempo empregado no recoñecemento médico ao inicio ou ao final da mesma xornada laboral en que cada traballador ou traballadora está convocado a tal recoñecemento.

    Igualmente, solicitouse que o Concello establecese con carácter urxente, debido a que o persoal está chamado aos recoñecementos na semana que vén, cal será a compensación en tempo para o persoal que está convocado ao recoñecemento médico fóra da súa xornada laboral, e en que momento poderán deducir esta compensación do seu horario laboral e que tivese en conta, sempre que realice os recoñecementos médicos anuais, que a existencia de distintos horarios laborais e a obrigatoriedade de realizar as revisións médicas dentro do horario laboral de cada traballador/a crean a necesidade de informar do sistema de compensación horaria para o persoal que é convocado a realizar os devanditos recoñecementos fóra da xornada laboral e informe con carácter previo a todos os traballadores e traballadoras afectadas desta circunstancia e as posibilidades e o xeito da compensación correspondente.

AVISO PARA AFILIADOS/AS


Como sabedes estamos na datas de realización da Declaración da Renda, e podedes realizala nas oficinas que a Confederación Intersindical Galega ten no Edificio Sindicatos, 6.º andar, na Avenida Alfonso Molina da Coruña, para pedir a vosa cita podedes facelo previamente no 981 169 293, teléfono da centraliña da comarca da Coruña.

A maiores, se o que precisades é unha certificación do pagamento da cota sindical durante o ano 2012, que é un gasto deducible no IRPF segundo o artigo 19.2 da Lei do IRPF e desgrava a contía total pagada polas cotas sindicais reducindo a base impoñible, podedes solicitarlla a Silvia, da Sección sindical do Concello de Betanzos, enviar un correo electrónico a cigconcellobetanzos@gmail.com ou solicitala nas propias oficinas da CIG. Lembrade revisar o borrador da renda porque aínda que debería incluír as cotas no seu cálculo rara vez o fai e para desgravar a cota sindical haberá que modificar o borrador en moitos casos.

02/05/13

Aberto o prazo para solicitar estadías de tempo libre para mulleres con responsabilidades familiares non compartidas


As axudas están dirixidas a mulleres con fillos/as e/ou menores en acollida ao seu cargo de idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos

A Secretaría da Muller da CIG informa da apertura do prazo para apuntarse ás estadías de tempo libre para as mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 30 de maio.
Estas estadías teñen como obxecto facilitarlles ás mulleres que teñan fillas ou fillos e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.
Este ano, a Secretaría Xeral da Igualdade oferta 95 prazas destinadas ás mulleres con fillos/as ao seu cargo, de idades comprendidas entre 2 e 12 anos. As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.
Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.
Descarga a orde de axudas aquí.

Milleiros de persoas saen á rúa en Galiza nun Primeiro de Maio dos máis multitudinarios






A CIG celebrou manifestacións en once localidades do país para denunciar que as políticas do PP e da Unión Europea supoñen perda de dereitos e máis pobreza


Milleiros e milleiros de persoas participaron hoxe nas manifestacións convocadas pola CIG en once localidades do país para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha data marcada pola masiva participación e polo rexeitamento das políticas antisociais e antigalegas do PP e da Unión Europea. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, esixiu a dimisión dos Gobernos galego e español e lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.


A clase traballadora galega saíu unha vez máis á rúa o 1º de Maio para participar nas distintas mobilizacións organizadas por todo o país nunha xornada na que imperou o ambiente reivindicativo.
A CIG convocou un total de once manifestacións baixo o lema “Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”, sendo a máis numerosa a celebrada en Vigo, onde se deron cita máis de 30.000 persoas, aínda que tamén houbo mobilizacións cunha participación moi alta na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Ribeira e A Mariña.
Ao remate da marcha na cidade olívica, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, reiterou a petición de dimisión dos Gobernos galego e español do PP por “incompetentes, corruptos e inmorais” e apostou pola necesidade de seguir a acumular forzas de cara a unha folga xeral “para reclamar un novo modelo económico e social ao servizo da clase traballadora”.
Seixo comezou a súa intervención facendo fincapé na dramática situación do desemprego en Galiza, “reflexo da dureza da crise económica e das políticas promovidas por PP e UE que están a destruír o noso tecido produtivo e a condenar ao paro a milleiros de persoas”, e denunciando os ataques contra os dereitos da clase traballadora que supoñen perda de dereitos laborais e sociais “mentres se favorece os grandes poderes económicos, a banca e os especuladores”.
Neste senso, citou as contrarreformas do mercado laboral “para abaratar o despedimento” ou “dificultar o acceso a unha pensión pública”, alén dos novos recortes nas prestacións por desemprego e nos salarios”. Tamén censurou a privatización de servizos e empresas públicas “porque o verdadeiro fin destas medidas é incrementar os beneficios da banca e das grandes compañías a custa da calidade de vida da maioría social”.
PP-UE
A continuación dirixiu as súas críticas contra os responsábeis, o Partido Popular e a Unión Europea, “un partido ao servizo da oligarquía española e unhas institucións que promoveron a especulación coa débeda pública por parte dos bancos e que cada vez son máis centralistas e antidemocráticas”. Fronte a isto, incidiu na necesidade de xerar alternativas a partir dunha acumulación de forzas que permita “botar do poder ás forzas políticas reaccionarias e antigalegas que nos gobernan”.
Ao mesmo tempo, chamou a “seguir loitando por unha Galiza ceibe e soberana nunha Europa ao servizo das clases traballadoras e das nacións que a integramos”. Finalmente, lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.
Para poñer punto e final á mobilización manifestación dúas violinistas tocaron a Internacional e un grupo de música tradicional galega pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

Os cartos que o Concello lle debe aos seus traballadores

Que a este Concello lle sentou moi mal perder seis xuízos de despedimento improcedente o ano pasado non é ningunha novidade, o propio concelleiro de Persoal sendo coñecedor de varias sentenzas negou no Pleno que os despedimentos fosen improcedentes, mais que esta discrepancia coas sentenzas se leve ata o punto de non cumplilas e non pagarlle os cartos que lles debe aos traballadores dende hai oito meses roza a indecencia e é unha irresponsabilidade. Por iso, algúns destes traballadores víronse na obriga de inciar o procedemento para solicitar as execucións das sentenzas e volverán á xustiza para reclamar que o Concello cumpras estas sentenzas que son xa firmes dende hai ben tempo.

O certo, é que a pesar de seren despedidos e menosprezados por parte do Concello, algúns destes traballadores confiaron no goberno municipal cando lles dixo que cobrarían proximamente, mais cando esa data pasou hai sete meses, posto que nun primeiro momento lles dixeron que cobrarían un mes ou mes e medio logo de reingresar ao posto, o malestar comezou a aumentar e as mentiras por parte dos responsables políticos do goberno municipal tamén, semana si semana tamén lles veñen dicindo que cobrarán para o mes, en quince días ou para a semana, mais ese día non dá chegado e por iso hai compañeiros que decidiron reclamar os seus cartos por vía xudicial de novo, moi ao seu pesar porque levan ás costas os xuízos do ano pasado e todo o que tiveron que aturar cando o Concello os tentou excluír da Relación de Postos de Traballo que pretendía aprobar sen negociar cos traballadores. A maiores, recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de admitir o recurso da Conferención Intersindical Galega ao orzamentos do Concello de Betanzos do ano 2012 (do ano 2013 aínda non temos coñecemento de nada con respecto a este tema) onde un dos eixes da reclamación era que neste orzamentos non se recollía a partida orzamentaria correspondente para a dotación económica deste persoal readmitido.