Amosando publicacións coa etiqueta Mesa Xeral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mesa Xeral. Amosar todas as publicacións

22/10/15

5 meses despois seguimos sen Mesa Xeral de Negociación nin Comité de Seguridade e Saúde

O goberno local está tomando esta lexislatura aínda con máis calma que a anterior, as présas para asinar convenio e chegar a un acordo co persoal antes xusto das eleccións locais quedaron atrás e deron lugar a unha calma chicha na que parece que nada importa.

A Mesa Xeral de Negociación que a CIG solicitou que se convocase de urxencia, ata o momento descoñecemos se o resto dos sindicatos tamén ou a actitude de UGT, CCOO E CSIF é a mesma pasotista en connivencia co goberno local, segue sen se constituír cinco meses despois, o mesmo acontece co Comité de Seguridade e Saúde, xa solicitado tamén polos delegados de prevención da CIG.

De seguir así esta situación nas vindeiras semanas os delegados de prevención da CIG decidiron que acudirán á Inspección de Traballo a denunciar a unha Administración local que leva un ano sen reunir o Comité de Seguridade e Saúde que segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais ten que se reunir cada tres meses e do que os novos delegados mesmo descoñecen os compoñentes por parte do goberno local.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos como nefasta a xestión en persoal dos primeiros cinco meses de goberno e lamentamos que poida ser a consecuencia directa dos intereses que o concelleiro de Persoal , Diego Fernández López, ten postos fóra de Betanzos e nas eleccións estatais e que dá como resultado unha nula xestión nos primeiros días de goberno á fronte de novo da área de Persoal. Entendemos que son moitos os méritos que fixo para continuar coa carreira política nos últimos catro anos coa lexislatura máis conflitiva na historia deste Concello cos traballadores e traballadoras mais non perdemos a esperanza de que volva a vista para o cargo que foi electo hai cinco meses e mude o rumbo da xestión, facendo caso ás demandas do persoal, aínda que non haxa fotos nin notas de prensa polo medio.

15/12/14

As Mesas de Negociación nas que non se negocia nada

O goberno municipal do Concello de Betanzos escusa convocar máis Mesas Xerais de Negociación amparándose nunha lexislación que exixe negociación e que na práctica, mesa tras mesa, está supoñendo unha imposición das propostas do goberno e caso omiso ás propostas dos representantes dos traballadores.

Unha vez máis, como nos ten acostumados, o Concello convoca unha Mesa cun único punto da orde do día e non acepta nin unha soa das propostas presentadas pola CIG porque segundo Diego Fernández, o orzamento non permite aprobar máis que o que propón o Concello... entón, para que nos convocan?

Repasemos, o goberno municipal convocou unha Mesa Xeral de Negociación, da que aínda non temos a acta, no pasado verán, cun único punto na orde do día "dar conta da documentación relativa a persoal a incluír nos orzamentos 2014", por tanto, de negociar nada de nada, non acepta as propostas presentadas, nin sequera responde ás alegacións presentadas a posteriori, como o pleno tampouco lle aproba o que o goberno encabezado por Ramón García lle vai ben, decide aprobar todo en Xunta de Goberno botando man da lexislación aprobada polo PP que tantas veces tivo a cara de criticar publicamente, e agora volve a outra Mesa a dicirnos que como xa está o orzamento aprobado (=imposto) xa non se pode negociar a Oferta de Emprego Público para o ano 2014. En serio, que se vaian a rir doutros e se aínda queda alguén con sentido que lle quite de inmediato, como mínimo, "obreiro" do nome, porque isto xa está empezando a ser un insulto ao persoal e ao sentido do que é unha verdadeira negociación á vista dos feitos.

Deixámosvos unha selección de novas para lembrar como se aprobaron estes orzamentos cos que agora queren impoñer a OPE que lles vai ben:

O Concello convoca Mesa Xeral de Negociación para este luns sobre orzamentos 2014 e a RPT mais parece que sen intención de negociar






Pois ben, á vista deste panorama comezou unha Mesa Xeral de Negociación na que a CIG foi o único sindicato que propuxo ampliar a OPE (Oferta de Emprego Público) mesmo facendo referencia ás posibilidades legais de facelo, tendo en conta que nos parecía ben que a OPE contase con prazas para a policía mais obviamente insuficiente para as necesidades deste Concello. A precaria situación de persoal actual do Concello con respecto á Relación de Postos de Traballo vixente supón que haxa 22 prazas "vacantes" (entendendo por vacantes as que non están nin temporal nin definitivamente cubertas por ninguén), das cales 4 son de persoal funcionario e 18 de persoal laboral. 

O feito de que o 100% do persoal laboral sexa temporal dificulta na actualidade a cobertura definitiva desas prazas mais non a cobertura temporal, tal e como se lle solicitou ao goberno municipal, tendo en conta que estamos a falar de falta de persoal en servizos como o cemiterio, a xardinaría, as obras, a limpeza viaria e de edificios ou a axuda a domicilio e que de a maiores destes 18 postos hai que falar que a día de hoxe hai 10 baixas das cales só unha está cuberta e de que case todas, agás as de maternidade, corresponden ao sector de servizos, o que demostra o grave desgaste do persoal de determinados departamentos do Concello.

A proposta inflexible do goberno é presentar unha OPE só para dúas prazas de Policía, unha de promoción interna e outra de oposición libre, por tanto, eis os datos, de 4 funcionarios menos, 2 prazas que se convocan, de 18 laborais menos, 0 prazas que o goberno municipal supostamente socialista se nega a cubrir mesmo temporalmente.

A maiores, entre o funcionariado, existe a posibilidade da promoción interna, que a lexislación actual permite, é máis, o propio goberno municipal pretende convocar unha praza de Policía por promoción interna, por tanto é legal, e baseándose nisto desde a CIG propuxemos que a promoción interna se aplicase e ampliase tamén a todos/as os/as auxiliares administrativos/as que na actualidade puidesen promocionar a administrativos/as (máis aínda cando a liña entre o traballo dun e doutro posto é moi difusa neste Concello) mais a resposta do goberno foi a irrisoria de que o orzamento que foi imposto non o contemplaba, mais tampouco se comprometeu a estudar esta proposta de cara ao futuro. Deducimos pois, da firmeza coa que o goberno municipal se opuxo a que nesta OPE promocionen os/as auxiliares administrativos/as que a idea é que nesta Administración, entre o funcionariado, só promocione a Policía, que ten o seu dereito, mais nin máis nin menos que o resto do persoal, e o resto de funcionarios/as que tamén poderían promocionar non deben existir para o goberno municipal, porque se algo está claro é que isto nin se lles pasou pola cabeza na primeira OPE que pretenden levar a cabo nesta lexislatura, e unha vez que o propuxo a CIG a resposta foi, igualmente negativa, como dixo o concelleiro de Persoal "aquí vimos a falar das prazas da Policía", para acabar co debate sobre a posibilidade de incluír na OPE outras prazas.

Por tanto, non sabemos se se aprobou a OPE presentada polo Concello ou non porque non se votou nada, o único que podemos dicir é que non se negociou nada, que a CIG propuxo, a maiores do presentado polo Concello, a cobertura das prazas necesarias de laborais e a cobertura dunha das prazas de persoal administrativo vacante por xubilación e mais a posibilidade de promoción interna para todo o funcionariado , non só para a Policía, propostas ás que o goberno municipal se negou en rotundo. Canto ás intervencións dos outros dous sindicatos presentes (UGT e CSIF) foron propostas para a convocatoria das prazas de Policía mais nada canto ao resto do persoal, é máis o CSIF aínda solicitou a cobertura dunha outra praza para a Policía, que non dubidamos da súa necesidade, mais nada falou da promoción interna do resto do funcionariado ao que representa ou das dúas prazas vacantes do cadro administrativo, coma sempre, moi na súa liña.

Agardaremos a que o Concello entregue a acta para aprobar e asinar para comprobarmos como se reflicte nesta a inexistencia de negociación nin de acordo ningún, a pesar de que aínda estea pendente a acta do 11 de xullo de 2014, da Mesa Xeral de Negociación na que se "deu conta" de todo o relativo aos orzamentos e que logo se levou a pleno mais que aínda non se lle entregou, cando menos, á CIG, como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeran de "Negociación".

10/12/14

Mesa Xeral de Negociación o vindeiro venres 12 de decembro

O Concello acaba de convocar unha Mesa Xeral de Negociación para este venres coa intención de falar da Oferta de Emprego Público do ano 2014, (non está mal, tendo en conta que estamos en decembro de 2014) coma sempre dubidamos se pretende negociar algo, ou simplemente "dar conta" que é a que nos ten acostumados. Temos serias dúbidas tamén de que isto afecte a persoal laboral mais darémosvos conta unha vez que transcorra o encontro da postura do Concello con respecto a este tema.

Botamos máis en falta a reunión da Comisión Negociadora do convenio pendente desde hai meses, mais polo visto, esta non é unha das prioridades do goberno municipal.

11/08/14

A CIG presenta alegacións á Relación de Postos de Traballo e ao capítulo de normas de persoal do orzamento 2014

A CIG presentou nos pasados días as alegacións ao capítulo de normas relativas ao persoal dos orzamentos 2014 e da Relación de Postos de Traballo.

Logo de examinar a documentación aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 24 de xullo de 2014 e comprobar que era a mesma que a presentada na Mesa Xeral de Negociación aos sindicatos, simplemente coa corrección e engadido da data de antigüidade dalgúns compañeiros que antes non aparecía, a CIG decidiu presentar reclamacións á aprobación provisional do orzamento para que o goberno municipal as poida ter en conta de cara á aprobación definitiva do orzamento e Relación de Postos de Traballo.

Nos documentos rexistrados recóllense alegacións dende as retribucións complementarias solicitando que se corrixan as deficiencias, que se subsanen os erros indicados, e que o Concello faga público o manual do criterio de asignación dos niveis de complemento de posto e que lle asigne o devandito nivel a todos os postos de persoal laboral, que deben ter un dos 15 niveis de complemento de posto e a maiores explicar o motivo da asignación dun ou doutro complemento, así como todo o relativo aos complementos persoais, ao descolgue do convenio colectivo decidido nesta lexislatura polo Concello de xeito unilateral con respecto a un colectivo de traballadores que cobra por horas e supera con isto en retribucións á maior parte do resto do persoal cuxas retribucións se rexen polo convenio colectivo. Tamén se lle solicitou ao Concello que utilice os mesmos criterios de retribución ocasional polo desempeño de funcións superiores en vacacións, baixas etc para o persoal laboral e o funcionariado, advertindo que do contrario isto supón un agravio discriminatorio en función da relación contractual dos traballadores, así como que unifique e especifique os criterios retributivos do persoal ao abeiro de subvención de xeito que todos os traballadores en semellante situación contractual coñezan e se lles aplique o mesmo criterio con respecto ás retribucións básicas e complementarias.

Con respecto á Relación de Postos de Traballo as alegacións presentadas lembráronlle ao Concello que na documentación que o Concello aprobou en Xunta de Goberno o 24 de xullo de 2014 indica que esta Relación de Postos de Traballo é a do ano 2012, cando non ano 2012 non se aprobou ningunha RPT. No ano 2012, logo da aprobación duns orzamentos vinculada a unha cuestión de confianza a Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal presentou non foi aprobada polo Pleno, e por tanto, tal e como se publicou no Boletín Oficial da Provincia n.º 224 de 23 de novembro de 2012 con respecto á probación definitiva do orzamento "O cadro de persoal corresponde co presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no BOP n.º 235 de 11 de outubro de 2008". Se no ano 2012 a RPT vixente era a do ano 2008 e esta non presenta ningunha modificación con respecto á que está en vigor a que o Concello presenta debería ser a do ano 2008. Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local, tal e como lembra o secretario municipal no informe que forma parte da documentación do orzamento, non ten entre as súas atribucións a modificación da RPT, por tanto non pode alterar as súas retribucións, só é o Pleno da corporación quen o pode facer. Entendemos, pois, que o Concello, está a utilizar unha Relación de Postos de Traballo que non foi aprobada nun pleno e única que pode permanecer vixente é a do ano 2008.

Con respecto a todo isto e baseándomonos en que a Xunta de Goberno Local non pode realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo no documento sinálanse polo miúdo todos os puntos en que se demostra que esta RPT ten modificacións con respecto á vixente do ano 2008 para finalmente solicitarlle ao goberno municipal que xunto co orzamento se indique que a RPT vixente é a do ano 2008 e se achegue esta, no caso de non querer iniciar un proceso de negociación, no canto de presentar unha de 2012 inexistente e con modificacións con respecto á de 2008 non negociadas cos representantes dos traballadores. A modificación de complementos e características que se presenta exixe negociación e debe ser aprobada polo Pleno, premisas que non foron cumpridas neste procedemento administrativo. Ademais, á vista de que o Concello non negociou cos traballadores as modificacións da Relación de Postos de Traballo, solicitouse que retire esta RPT e faga referencia e informe de que segue vixente a do ano 2008 xunto co orzamento 2014. Do contrario, solicitámoslle ao Concello que inicie un verdadeiro proceso de negociación cos representantes dos traballadores para a modificación e mellora da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos. Ademais solicitamos que se faga público o sistema de xestión da RPT que valora cada un dos postos e a aplicación deste eles que poña de manifesto os criterios empregados para a desproporción na valoración dos postos ocupados por persoal laboral fronte aos de funcionarios.

Alegacións Ao Capítulo de Normas de Persoal by cigconcellobetanzos

Alegacións á Relación de Postos de Traballo by cigconcellobetanzos

31/07/14

O Concello aproba os orzamentos 2014 coa minoría da Xunta de Goberno Local

O goberno municipal do Concello de Betanzos vén de aprobar o pasado 24 de xullo en Xunta de Goberno Local os orzamentos 2014 logo de que só uns días antes todos os partidos da oposición coincidisen en non apoiar a aprobación destes orzamentos. Con esta estratexia fai un alarde antidemócrata nunca antes visto no Concello de Betanzos, onde os orzamentos, ata este ano 2014, e a entrada no goberno do PSOE, sempre foran aprobados pola maioría do pleno.
A isto témoslle que sumar a nula negociación cos representantes do persoal do capítulo 1 dos orzamentos, convocados a unha Mesa Xeral na que supostamente se negocia mais que o goberno municipal convocou exclusivamente para "dar conta". Máis grave podemos considerar isto aínda tendo en conta que o Concello presentou unha RPT dicindo que é a vixente, é dicir, a do ano 2008, mais que en realidade contén modificacións en postos que nin sequera foron tratadas cos propios traballadores afectados. Ademais, na documentación relativa a persoal aparecían diversos erros e ocultábase información relativa a antigüidades, postos e complementos persoais que descoñecemos se foron corrixidos antes de levar a documentación a pleno, a pesar de que o propio goberno municipal admitiu que de ser así se trataría de erros.
Unha vez publicada a aprobación provisional dos orzamentos ábrese un prazo para presentar reclamacións as persoas que teñan a consideración de interesadas e que tamén poderán examinar a documentación. O prazo comeza hoxe mesmo, 31 de xullo, e finaliza o vindeiro 19 de agosto, tendo en conta que estamos a falar de días hábiles. 
Nos vindeiros días, en primeiro lugar, cumprirá comprobar se o Concello aprobou a documentación tal cal a levou á Mesa Xeral de Negociación ou engadiu algunha das propostas presentadas pola CIG, logo, dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos procederemos a elaborar as reclamacións que consideremos pertinentes e informaremos ao persoal ao que lle afecten directamente as modificacións para informalo sobre as posibilidades e a pertinencia das reclamacións individuais.
Un dato moi importante é que a Lei 27/2013 aprobada polo PP na que o goberno local vén de se amparar para aprobar os orzamentos 2014 impide que se poida facer unha modificación da RPT sen que esta sexa aprobada polo pleno, por tanto o goberno local non podería ter modificado a RPT con respecto á de 2008 por moito que aprobase os orzamentos na Xunta de Goberno Local. A maiores, resulta ben triste a estas alturas con xa máis de medio ano que leva cobrado a empresa que foi contratada para a elaboración da RPT, o Concello nin se dignase a presentar un bosquexo desa nova RPT que tan cara está custando e coa consciencia de que se a oposición non a apoia eses 21 000 euros para Galivalia serían tirados pola borda.

18/07/14

Luns 21, o goberno local leva a pleno uns orzamentos que afondan nas discriminacións entre o persoal, a corporación decidirá se se aproban ou non

FINALMENTE O PLENO EXTRAORDINARIO TERÁ LUGAR O LUNS 21 DE XULLO ÁS 20:30 H NA CASA DO CONCELLO.O
DESCOÑECEMOS SE O CONCELLO ATENDEU AS PROPOSTAS DA CIG MAIS ASISTIREMOS AO PLENO PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN O VOTO E AS PROPOSTAS DE TODOS OS MEMBROS DA CORPORACIÓN MUNICIPAL, GOBERNO E OPOSICIÓN, SOBRE UN DOCUMENTO TAN IMPORTANTE COMO A RPT E O CAPÍTULO DE PERSOAL NOS ORZAMENTOS DO ANO 2014. TAMÉN A SÚA OPINIÓN SOBRE ESTA PROBLEMÁTICA RPT QUE LEVA VIXENTE DENDE O ANO 2008 E SOBRE O FEITO DE QUE LOGO DE GASTAR 21 000 EUROS NUNHA EMPRESA PARA FACER UNHA NOVA, O PERSOAL QUEDE COLGADO, UN ANO MÁIS, NO 2014, SEN NOVO CONVENIO NIN NOVA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO.

16/07/14

O Concello rise na cara dos traballadores. Agora seica as posibles melloras non chegarán ata xaneiro de 2015. Isto é un escándalo!

Este luns tivo lugar unha Mesa Xeral de Negociación, que á vista de que segundo o Concello non había que negociar nada, simplemente "dar conta" escusou convocar. Escusou convocar porque o propio nome da Mesa indica que hai que negociar e o Concello, a pesar de presentar unha RPT con modificacións con respecto á vixente, do ano 2008, teimou en dicir que simplemente se trataba de erros. Debe resultar xa bochornoso para o concelleiro de Persoal recorrer sempre, constante e continuamente a dous argumentos:
1. Non queremos modificar nada, simplemente son erros. Isto que significa? Que nin sequera se sabe utilizar a función de copia e pega correctamente ou simplemente é unha escusa que mentres vai colando van modificando cousas na RPT achegada na Mesa Xeral e que supostamente se presentará ao Pleno? Por outra banda tanto erro cansa, pobre Betanzos, se se equivocan continuamente na documentación entregada aos representantes dos traballadores que será do resto...
2. É que sempre foi así! Ben, como sempre foi así vai seguir séndoo, entón directamente é cuestionable o motivo polo que o goberno municipal se presentou ás eleccións porque para non facer nada con respecto ao que está mal ou seguir facéndoo mal, escusaban tentar gobernar. Como sempre foi así imos seguir discriminando a unha parte do persoal que cobra máis por vir traballar dúas horas que o resto pola xornada completa, como sempre foi así van seguir permitindo que as compañeiras da Escola Infantil Municipal cobren menos de complemento específico e de posto que o persoal de grupo 4 e 5 a pesar de elas pertenceren ao 3 ou que todos os postos ocupados por mulleres no grupo 5 cobren menos anualmente que os ocupados por homes... como sempre se fixo así! 
Baixo a escusa de que non é nada novo, nada convincente, por outra parte, o goberno municipal afonda nas discriminacións, nas diferenzas e no privilexio de certos colectivos de traballadores fronte ao resto. A Cig xa lle expuxo que a aprobación destes orzamentos ten un interese puramente político e vai en contra do beneficio dos traballadores, porque como o propio concelleiro de Persoal indicou, de se aprobar este orzamento a novo convenio, no caso dos laborais, por moito que se negocie, non podería entrar en vixencia ata xaneiro de 2015 porque o anexo de retribucións prevese que sufra modificacións que obviamente non van comtempladas neste orzamento 2014. A nosa maior preocupación é pensar que isto non son plans de futuro baleiros se temos en conta a dificultade de aprobar uns orzamentos 2015 a cinco meses das eleccións municipais.
A CIG EXPRESOU O SEU REXEITAMENTO A QUE OS ORZAMENTOS SE APROBEN AGORA QUE SE ESTABA PARA PECHAR A NEGOCIACIÓN DO CONVENIO, PORQUE ISTO SUPÓN UNHA NOVA E CLARA PARÁLISE DESTE PROCESO QUE, EN PRINCIPIO, NON PODERÍA FINALIZARSE ESTE ANO PORQUE NOS ORZAMENTOS QUE O CONCELLO PRETENDE APROBAR NON SE COMTEMPLA NINGUNHA PARTIDA ORZAMENTARIA PARA FACER FRONTE A UNHA MODIFICACIÓN DAS RETRIBUCIÓNS.
OUTROS DOS GRANDES PUNTOS DE DISCREPANCIA É A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO. O CONCELLO SÓ ORZAMENTA DÚAS PRAZAS DE POLICÍA E MESMO UNHA DE PROMOCIÓN INTERNA PARA A POLICÍA. A PORCENTAXE ESTÁ CLARA E A INTENCIÓN DE PRIVATIZACIÓN TAMÉN, DE 4 FUNCIONARIOS TRABALLANDO MENOS CONVOCAN 2 PRAZAS, E SÓ DE POLICÍA ADEMAIS, DE 17 LABORAIS TRABALLANDO MENOS CONVOCAN 0 PRAZAS, PORQUE PARA ESTE CONCELLO SECTORES COMO A LIMPEZA OU O CEMITERIO MUNICIPAL NON SON NECESARIOS PARA O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO. SE POR ALGO SE CARACTERIZOU ESTA LEXISLATURA É POR SER A DA PRIVATIZACIÓN FOI POLA SUBSTITUCIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS EN BENEFICIO DA EMPRESA PRIVADA, O PSOE DE BETANZOS AO LONGO DESTES TRES ANOS FOI DEIXANDO MORRER OS SERVIZOS ATA A SITUACIÓN DE PRECARIEDADE LABORAL MÁIS ABSOLUTA NA QUE TRABALLAN OS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS DE LIMPEZA E OBRAS NOMEADAMENTE.

Outros dos que consideramos graves problemas é que na documentación entregada falta documentación, ocúltanse complementos persoais, a antiguidade dalgúns traballadores e os complementos específicos dalgúns postos, a falta desa información descoñecemos se se debe a que non está orzamentada e o Concello pretende modificar retribucións ou que simplemente llo oculta aos representantes dos traballadores por algúns outro motivo, porque hai "erros" que cheiran mal xa. A maiores, esta documentación presenta unha modificación da RPT en certos puntos cando, de ser a mesma RPT que no ano 2008 iso non se pode facer sen negociación, de modificala cómpre negociar e tentar chegar a un acordo para mellorala mais opuxémonos a modificar algúns postos só e non mellorar a situación do conxunto dos traballadores. A modificación de complementos e características que se presenta exixe negociación.

Ademais, dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solictámoslle ao Concello que presente unha nova proposta de OPE para 2014 onde posibilite a cobertura dos postos para todas aqueles servizos necesarios ao abeiro do artigo 2 da Lei 22/2013, entendemos que os postos de Policía son necesarios mais non menos que os de limpeza ou cemiterio, por exemplo. Tamén rexeitamos de raíz que no Concello de Betanzos só poida promocionar a policía local e non o resto de empregados públicos, cando a lexislación non indica nada expreso con respecto á promoción interna. Entendemos que todo o persoal laboral de Betanzos é temporal mais o feito de que xa haxa persoal laboral que leve 25 anos en situación irregular considerámolo suficiente prexuízo como para que aínda por riba non poida promocionar, por iso solicitamos que o Concello convoque promoción interna para máis postos que para a policía, único sector beneficiado pola proposta que o Concello nos presenta. E finalmente, e con respecto ás vacantes consideramos que deben ser todas dotadas orzamentariamente independentemente de que non se convoque OPE para todas, de non facelo así e pasado mañá podería publicarse unha lei que permita a cobertura do 50% ou 100% e todos os servizos públicos no Concello de Betanzos non se podería facer por culpa de non estar dotadas orzamentariamente as prazas, polo que con isto directamente non só non hai OPE para laborais senón que se acaba coa posibilidade de que se convoquen prazas de servizos aínda que a lexislación mude proximamente.

A POSTURA DO CONCELLO FOI CLARA, DIEGO FERNÁNDEZ INDICOU, SEN MOITO CONVENCEMENTO, QUE SE HABÍA ERROS TENTARÍAN CORRIXIRSE MAIS QUE MOITAS DAS DIFERENZAS E DISCRIMINACIÓNS POLO MOMENTO FICARÍAN ASÍ E NON SE CORRIXIRÍAN "PORQUE SEMPRE FOI ASÍ". SEICA NO ANO 2015, ESTE ANO XA NON SE PODERÍA POLA SÚA INTENCIÓN DE APROBAR ORZAMENTOS EN BENEFICIO EXCLUSIVAMENTE DO PROPIO GOBERNO E PARA NADA DOS TRABALLADORES, NO CASO DE SE CHEGAR A UN ACORDO NO CONVENIO, PODERÍAN APLICARSE UNHAS NOVAS RETRIBUCIÓNS DE LABORAIS É POSIBLE QUE CON ALGUNHA MELLORA, MAIS AS ESPERANZAS DILÚENSE CO TEMPO, HAI QUE LEMBRAR QUE GALIVALIA FOI CONTRATADA PARA ELABORAR UNHA NOVA RPT E FINALMENTE ESTAMOS EN XULLO DE 2014 E PRESENTOUSE NA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN COA MESMA DO ANO 2008, TAMÉN O CONVENIO SEICA ÍA SER PARA XULLO E FINALMENTE FÁLASE DE XANEIRO DE 2015, SINCERAMENTE, É UNHA MÁGOA QUE ESTE GOBERNO LOCAL ESTEA INSTALADO NA MENTIRA, QUIZAIS O ÚNICO POSITIVO É QUE XA NON ENGANA A NINGUÉN.

Cando todo eran promesas...

Betanzos contrata a una empresa para negociar el convenio laboral



El Ayuntamiento actualiza tras cinco años la relación de puestos de trabajo


Mal comezo, Galivalia comeza a non cumprir os prazos e coller os malos costumes do Concello



Abrindo camiños abril 2014

Deixámosvos aquí o documento que se rexistrou no Concello e se expuxo na Mesa Xeral de Negociación, co groso das propostas, achegas e observacións da CIG.

11/07/14

O Concello convoca Mesa Xeral de Negociación para este luns sobre orzamentos 2014 e a RPT mais parece que sen intención de negociar

O Concello vén de convocar Mesa Xeral de Negociación para este luns 14 de xullo. Xunto coa convocatoria, que como se pode ver pecha en banda a posibilidade de negociación, tal e como indica o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, simplemente "dá conta" da información que pretenden incluír nos orzamentos 2014.
Como vén sendo costume, convocan a dous días da Mesa e con fin de semana polo medio, con premeditación para que non dea tempo a revisar a información nin falar cos compañeiros, o "atraco a man armada" é a especialidade deste goberno municipal. 
Xunto coa convocatoria achéganos unha RPT que indica que é a vixente mais que sorprendemente (ou non) contén sutís modificacións con respecto á vixente de 2008 e unhas bases de execución dos orzamentos que afondan nas discriminacións entre persoal laboral e funcionario mais entre o propio persoal laboral. A maiores o Concello informa que haberá Oferta de Emprego Público para funcionarios e mesmo promoción interna; para laborais, con arredor de dezasete compañeiros e compañeiras menos con motivos das xubilacións non haberá nada, nin OPE nin promoción interna para laborais. As Ofertas de Emprego Público non se comunican, negócianse, que parece non é o que pretende o goberno municipal, mais descoñecemos se houbo negociación previa co resto de sindicatos. En todo caso, o único que temos claro é que hai un sector claramente beneficiado con esta OPE, a Policía municipal, non só porque serían as únicas dúas prazas convocadas para 2014, senón que a promoción de empregados municipais péchase exclusivamente á policía, sector que sae claramente beneficiado na proposta entregada polo Concello. Non dubidamos da necesidade de reforzo deste sector mais lamentamos que o Concello esqueza a necesidade de persoal noutros departamentos de servizos tan básicos como a limpeza e o cemiterio.
Este luns a CIG exporá o seu posicionamento con respecto á documentación entregada sempre ao abeiro da lexislación vixente e indicándolle ao Concello o que considera que debe mellorar nesta documentación antes de presentarlla ao pleno, á vista de que o concelleiro de Persoal xa nin convoca con vontade de negociación. Logo da Mesa Xeral de Negociación e en función das decisións que se tomen neste e con posterioridade no pleno, se presentan a documentación a este, valoraremos as medidas que debemos seguir con respecto a este proceso.
Nos vindeiros días achegarémoslle ao persoal laboral información puntual deste tema nun "Abrindo camños" monogáfico sobre esta Mesa Xeral.

17/03/14

Mañá, martes 18 de marzo, convocada reunión da Comisión de Negociación do convenio de laborais e Mesa Xeral de Funcionarios

O venres a última hora, coma sempre, e para non perder os bos costumes, o Concello convocaba aos representantes do Comité de Empresa da Comisión negociadora do convenio do persoal laboral baixo un único punto, e sen ningunha documentación, é dicir, sen ningunha proposta nova por parte do Concello, e iso que xa xogamos como con catro textos diferentes que o Concello leva dous anos que parece que nin se pon de acordo con el mesmo co que quere propor. Aí vos queda a convocatoria, mañá, agardamos que haxa máis novidades.



A maiores, a representante da CIG no Concello de Betanzos foi convocada polo propio Concello que o ano pasado acordou cos sindicatos con representación en funcionarios, CSIF E CCOO, que a CIG non debía ter dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios, cando lle debería mesmo dar vergoña a unha Administración non saber que no caso de funcionarios quen negocian son directamente os sindicatos a estas alturas do xogo. Daquela, días despois todo se tornara cómico cando CSIF dixo que quería estar na Comisión Negociadora do convenio colectivo sen ter nin un só delegado en persoal laboral cando quen negocia neste caso é o Comité, é dicir, os que propoñen botar á CIG dunha Mesa Xeral na que ten dereito a estar pretenden decidir nunha Comisión na que só ter dereito a estar no Comité de Empresa. Aínda que, como se ve, o tempo pon a cada quen no seu sitio e, con moito esforzo, parece que hai cousas que comezan a facerse a xeito. Mañá, neste caso, tampouco sabemos que é o que nos espera, en todo caso moita cousa non, porque coa diferenza horaria entre unha convocatoria e outra para negociar, negociar, como que moito tempo non parece que haxa... nos vindeiros días, máis novas deste tema!

17/02/14

Mesa Xeral de Negociación (18/02/2014)

O Concello convocou o pasado venres a Mesa Xeral de Negociación para mañá, martes 18 de febreiro, ás 12:00 h da mañá. En principio, esta convocatoria non é á que se comprometera o concelleiro de Persoal na última reunión cos sindicatos que representan ao persoal laboal, onde falara de que se ía convocar a Comisión de Negociación do convenio colectivo. 

A maiores, a orde do día resulta un tanto confusa porque parece máis unha reunión informativa que unha Mesa Xeral de Negociación, á vista de que xunto coa convocatoria o Concello non achegou ningunha documentación para negociar propiamente. Ademais, o pasado luns o concelleiro de Persoal convocou aos sindicatos simplemente para lles dicir que os ía convocar mañá e agardamos que a reunión de mañá sirva para algo máis que para dicir que nos vai convocar outro día, porque do contrario poderiamos pensar que quere que conste no papel que nos reunimos, tal e como lle instou o alcalde que fixese, mais, a fin de contas, segue sen negociar nada. 

Logo da reunión colgaremos a información puntual sobre os temas tratados e o acontecido.

20/10/13

Bases xerais de selección de persoal laboral temporal mediante listaxes de substitución

O Concello de Betanzos vén de publicar no BOP, seis meses despois de levalas á Mesa Xeral de Negociación e catro meses despois de seren aprobadas en Pleno as bases xerais de selección de persoal laboral temporal mediante listaxes de substitución. Unha moi boa nova sería que estas bases se publicasen porque o Concello ten previsto crear listas de substitución para subsanar os graves problemas que está a crear a falta de persoal con motivo de distintas baixas mais ata o momento os representantes dos traballadores seguimos sen noticias ao respecto mentres a situación se complica día a día.

28/07/13

Bases xerais de selección de persoal laboral temporal do Concello de Betanzos, mediante listaxes de substitución

O Concello achegoulle ao Comité de Empresa, logo da solicitude deste, unha copia das bases definitivas aprobadas no pleno do pasado mes para a selección de persoal laboral temporal do Concello de Betanzos mediante listaxes de substitución que foran tratadas con anterioridade na Mesa Xeral de Negociación. A partir de agora estas serán as bases xerais que rexerán os procesos que indican o seu propio nome, é dicir, persoal laboral temporal mediante listaxes de substitución, e en base a estas cada convocatoria deberá ter as específicas dos postos de traballo correspondentes.


28/05/13

Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de maio


Na semana pasada o Concello prosegiu coas negociacións con respecto ás bases de selección do persoal laboral temporal. Cómpre aclarar que unha vez máis convocou ao Comité de Empresa o pasado luns 20 de maio a unha Comisión creada para o efecto cos partidos da oposicións e á que o Comité de Empresa se negou a asistir logo de entender que ese non era un organismo de negociación lexístimo para os traballadores.

Na última Mesa Xeral de Negociación co Concello ficaron claras varias cousas e dende a CIG deixamos clara a nosa postura. As bases xerais de selección de persoal laboral deben ser aprobadas nunha Mesa Xeral de Negociación exclusiva de laborais, posto que é un asunto que só lle afecta a laborais, pois cal foi a nosa sorpresa cando se presentan os representantes de funcionarios, que foran convocados e inmediatamente o Concello e o CSIF se alían para dicir que non era posible facelo doutro xeito E QUE OS FUNCIONARIOS PODEN OPINAR DOS TEMAS DELABORAIS LOGO DE QUE O PROPIO CONCELLO EXCLUÍSE AO SINDICATOMAIORITARIO DE LABORAIS, A CIG, DA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓNDE FUNCIONARIOS, Á QUE ASISTIAMOS COA ÚNICA FINALIDADE DE COMPROBAR A VONTADE DO GOBERNO DE IGUALAR DEREITOS DE LABORAIS E FUNCIONARIOS.

Por tanto, dende este pasado xoves a cousa está así, o sindicato maioritario de funcionarios, o CSIF decide ter voz e voto, coa connivencia do goberno, para os temas que lle afectan exclusivamente a persoal laboral, e o mesmo sindicato, coa connivencia do propio goberno municipal, expulsa á CIG da Mesa de funcionarios roubándolle o seu dereito a voz e voto na devandita mesa. A negociación de laborais, por estaren suxeitos a un contrato realízase exclusivamente cos delegados sindicais dos sindicatos que os representan, pola contra, no caso de funcionario, a negociación debe ser directa cos sindicatos, neste Concello é ao revés.

Finalmente, logo de máis dun ano dándolle voltas a estas bases de selección dende a CIG ficamos satisfeitos porque grazas ao traballo do Comité de Empresa e ás alegacións presentadas por este o Concello terá unhas novas bases de selección de persoal laboral temporal axustadas á legalidade e criterios máis xustos que as anteriores, mais esta semana pasada ficamos perplexos ante o pacto ao que asistimos en vivo e en directo do CSIF co goberno municipal, e o que é peor, alentado pola UGT, que practicamente fai o que sexa con tal de achegarse á postura do goberno municipal. Ficamos perplexos tamén PORQUE O GOBERNO PERPETUOU UNHA DISCRIMINACIÓN ENTRE LABORAIS E FUNCIONARIOS QUE VAI DEIXAR PEGADA e da que non vai saír impune, principalmente porque o que é inxusto vaino seguir sendo por moito que nos queiran facer crer o contrario e este Concello perpetúa o tratamento cara ao persoal laboral como traballadores de segunda non só en salarios senón tamén dereitos e na propia toma de decisións dos temas que a eles mesmos lles afectan.

26/03/13

Mesa Xeral de Negociación o vindeiro mércores

O Concello vén de convocar Mesa Xeral de Negociación para mañá mércores. Logo de que en xaneiro deixase plantada a negociación en aras da convocatoria dunha Mesa dous meses despois convoca este e presenta unha proposta que consideramos dende a CIG, nunha primeira valoración, moi coxa e lesiva para os dereitos dos traballadores do Concello.

Ao longo destes días xa nos puxemos en contacto con persoal de distintos departamentos para lle trasladar as nosas preocupacións con respecto ao que pretende negociar o Concello, o certo é que xa nos parecía lesiva para os nosos dereitos a proposta que entregaron en xaneiro na Comisión Negociadora do convenio mais se aquela o era esta o é moi máis, xa case dubidamos que o PSOE local estea nunha carreira para asemellarse ao PP a nivel autonómico e estatal porque o certo é que xa hai tempo que dicimos que a súa política laboral nada lle ten que envexar á da dereita máis rancia. En todo caso, dende a CIG estamos a analizar polo miúdo a documentación e oporémonos a calquera medida regresiva en materia de dereitos laborais e moitísimo menos se non hai ningunha proposta sobre a mesa, e parece ser que non, de mellora en ningún outro aspecto, aínda así observamos na documentación varios erros, non sabemos se intencionados ou non e porémolos de manifesto no organismo pertinente independentemente na nosa oposición a calquera medida regresiva.

A pesar de todo isto consideramos vergoñento que logo dun ano e medio de negociación do convenio o Concello non sexa quen de elaborar unha proposta con xeito e que inclúa todos os puntos necesarios e sempre intente tapar os furados con chapuzas como sempre se fixo aquí, nós, pola nosa parte, loitaremos por un texto que non deixe á imaxinación o menos posible e sobre o que o persoal se poida basear con firmeza á hora de exercer os seus dereitos.

03/02/13

O Concello róuballe á CIG o dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios

O pasado venres 1 de febreiro estaba convocada a Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios con motivo da negociación do seu acordo regulador. A CIG como sindicato foi convocado á devandita Mesa posto que a negociación do funcionariado é en todo caso cos sindicatos mentres que o do convenio do persoal laboral ten que ser exclusivamente co Comité de Empresa. 

Nada máis chegamos o CSIF fixo unha proposta saltándose por completo a orde do día e co consentimento do Concello, que a CIG non tivese dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios porque ao parecer estaban anoxados porque a negociación de laborais ía bastante por diante que a do funcionariado e, a maiores, como quixeran ter na constitución da Mesa Xeral de Negociación unha representatividade que non lles correspondía, e o Concello recuou para seguir o marcado pola lei.

Dende a CIG ficamos abraiados ante a pretensión do CSIF apoiada polo Concello de excluír a un dos sindicatos máis representativos da Mesa Xeral de Negociación chegando a un acordo que non só semella ilegal senón que ademais vai na contra dun acordo ao que se chegara na constitución desta mesma mesa o 8 de febreiro de 2012. A propia acta desa reunión que se lle achegou á CIG xunto coa convocatoria indica que a representación da Mesa Xeral de Funcionarios quedaba constituída en función da representatividade neste sector, por iso o CSIF tería 3 votos, CCOO 2 votos e a CIG 1 (UGT nin sequera asiste a este órgano por iso nin se menciona). Por parte da CIG simplemente lle deixamos claro ao Concello que nesa negociación a CIG tiña que ter dereito a voz e voto e que o resto acordasen o que estimasen oportuno que nos tomaríamos inmediatamente as medidas que nos vemos na obriga de tomar. A partir dese momento abstivémonos de comentar nada porque o CONCELLO NOS ROUBOU O DEREITO A VOTO, nin sequera nos deixou claro en calidade de que nos convocaran á reunión.

Para resumir:

-O Concello convoca á representante da CIG á Mesa Xeral e lle rouba o dereito ao voto.
-O Concello vai contra os acordos das sesións da Mesa Xeral.
-O sindicato maioritario que representa aos funcionarios non quere saber nada do persoal laboral e pretende excluír aos representantes deste dos órganos de negociación aos que lexitimamente pode acudir.


Por parte da CIG temos claro o que temos que facer ante un Concello ao que non lle gusta a democracia e que pretende roubarnos o dereito ao voto, tristemente non é a primeira vez que acontece algo semellante, casualidade ou non, parece que sempre é ao mesmo sindicato ao que se lle pretende roubar o dereito ao voto, quitar a representatividade que lle corresponde, non permitirlle facer o seu traballo ou achegar documentación tarde, mal e arrastro.

24/01/13

A CIG PRESENTA UN RECURSO CONTRA OS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE BETANZOS POLA FALTA DE NEGOCIACIÓN


A Confederación Intersindical Galega vén de presentar un recurso á aprobación definitiva do orzamento publicada a finais de novembro no Boletín Oficial da Provincia. Logo das alegacións presentadas incialmente ao orzamento que se baseaban no incumprimento de negociación do capítulo I dos orzamentos por parte do Concello a CIG presentou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

As alegacións do recurso da CIG recollen, entre outros puntos, a aprobación sen previa negociación do capítulo correspondente ao persoal nos orzamentos incumprindo o que se recolle no Estatuto Básico do Empregado Público, segundo o cal o capítulo I é de obrigada negociación na Mesa Xeral de Negociación. A maiores, outra das alegacións baséase na inexistencia na partida de persoal do crédito necesario para pagar as retribucións do persoal do GRUMIR readmitido, que a día de hoxe xa ascende a seis traballadores readmitidos aos que o Concello lles adebeda todos os salarios de tramitación atrasados do ano 2012.

Algunhas outras das alegacións van contra as bases de execución do propio orzamento que pretende seguir discriminando ao persoal laboral fronte ao funcionariado no desenvolvemento temporal doutros postos de traballo e as normas relativas ao persoal que afondan nas históricas discriminacións de retribucións entre persoal laboral e funcionariado existentes no Concello de Betanzos.

É preciso lembrar que o Concello pretendía aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo e un Plan de Emprego sen sequera ter informado a moitos dos traballadores e traballadoras afectadas e que isto motivou que se presentasen máis de sesenta alegacións ao orzamento e á Relación de Postos de Traballo que paralizaron a aprobación da nova RPT a pesar de que o orzamento si que se aprobou vinculado a unha moción de confianza ao goberno municipal. Isto non exime ao Concello de non ter negociado cos traballadores a partida de persoal e motivou que a CIG anunciase o recurso contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

11/11/12

Convocada a Mesa Xeral de Negociación para os servizos mínimos da Folga Xeral do 14 de novembro


O venres 9 de novembro o Concello convocou aos representantes do traballadores a unha Mesa Xeral de Negociación para acordar os servizos mínimos de cara á vindeira Folga Xeral do próximo 14 de novembro, logo de que a CIG solicitase por rexistro que o Concello convocase a Mesa Xeral finalmente parece que comeza a utilizar os mecanismos de negociación co persoal creados para tal efecto.

Xunto con esta convocatoria o Concello achega a súa proposta de servizos mínimos coa designación dos traballadores e traballadoras afectadas por estes servizos mínimos. Dende a CIG xa acordamos a postura que defenderemos nesta Mesa Xeral e, en todo caso, se algún dos traballadores ou traballadoras afectadas por este servizos mínimos, unha vez que se acorden, se considera perxudicado/a pola resolución de servizos mínimos do Concello, pode achegarse a calquera dos delegados e estudaremos as posibilidades de recurso aos servizos. 

En todo caso, aos traballadores e traballadoras que sexan designados para os servizos mínimos o Concello terá que llo notificar por escrito no prazo pertinente e todo aquel que non sexa designado poderá asistir á folga.

07/10/12

Alegacións do Comité de Empresa: Plan de Emprego

Tal e como informamos con respecto ás alegacións do Comité de Empresa aos documentos relativos ao persoal e presentados no pasado mes de xullo ante o Pleno para a súa aprobación presentáronse alegacións aos tres documentos que se achegaron na Mesa Xeral de Negociación.

Con respecto ao Plan de Emprego a documentación que o Concello achegou é unha memoria de xustificación do Plan de Emprego do concelleiro de Persoal, Diego Fernández López. Nesta memoria comézase facendo alusión a un informe da Secretaría municipal sobre todos os efectivos de persoal do Concello de Betanzos que conclúe que se precisa un plan para a reasignación de efectivos. Este informe non foi facilitado xunto coa documentación achegada na Mesa Xeral do 30 de xullo e consideramos que é de vital importancia para o coñecemento da situación de todo o persoal laboral debido á falta de documentación por parte dos representantes sindicais neste Concello, por iso a CIG solicitou por rexistro este informe que non estaba en exposición pública xunto co resto da documentación durante  o período de consultas do orzamento, mais a día de hoxe o Concello aínda non llo facilitou.

Nas consideracións con respecto á formulación da nova RPT e a elaboración do Plan de Emprego hai que destacar que se propón o peche do Centro de Formación Ocupacional baseándose principalmente na escasa actividade do cento mais subliñando que no caso e que haxa cursos o monitorado cubrirase con persoal ocasional e temporal a través de contratación externa, enténdese pois que o que se está a facer é a redestinar ao persoal municipal a outros servizos para proceder a cubrir esas prazas no momento que faga falta con novo persoal, é obvio que hai moitas contradicións.

Así mesmo, indícase que como teñen en conta que non é unha modificación colectiva se lles dará aos traballadores traslado previo e audiencia no expediente durante quince días, cando en ningún momento o propio documento do Plan de Emprego foi público ata que se entregou na Mesa Xeral de Negociación do 30 de xullo e os traballadores afectados non se lles comunicou por escrito absolutamente nada ata o día de hoxe con respecto ao Plan de Emprego e as modificacións que os seus postos sufrirían, é claro, pois, se é así, que non tiveron audiencia no expediente durante quince días.

Hai que facer fincapé en que a propia memoria indica que o Plan de Emprego debería ser informado previamente á Mesa Xeral de Negociación polo Comité de Empresa tal e como indica o artigo 19 do Convenio colectivo do Persoal laboral e a día de hoxe o Comité de Empresa non foi requirido para a realización de tal informe e nin sequera se lle achegou ao Comité omo tal ningunha documentación relativa ao Plan de Emprego, este trámite que se indica como necesario nin sequera foi realizado polo Concello que directamenta chegou á Mesa Xeral a un día do Pleno e sen posibilidade de negociación e achegou un Plan de Emprego pechado e sen ningun informe que o avale.

Por último, e con respecto ás últimas consideracións que indican que unha vez que o Plan de Emprego sexa obxecto das audiencias e achegas dos representantes sindicais será levado ao Pleno para a súa aprobación é necesario dicir que os representantes sindicais non tivemos ningunha posibilidade de consideracións nin de achegas posto que na Mesa Xeral de Negociación convocada o luns non había posibilidades reais de negociación tal e como alí se expresou e tendo en conta que o pleno de aprobación do orzamento e a RPT tería lugar ao día seguinte.

Debido a todo isto o Comité solicitoulle ao Concello que o Plan de Emprego non sexa aprobado porque non foi obxecto da negociación pertinente na Mesa Xeral de Negociación e o propio Concello incumpriu cos pasos necesarios para a devandita aprobación ao non solicitarlle un informe sobre o documento ao Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos, tal e como indica que é preceptivo no criterios para a súa tramitación. A maiores os traballadores afectados polo devandito plan non tiveron audiencia no expediente no prazo pertinente nin tiveron coñecemento da modificación exacta das funcións de cada praza ata que se publicou provisionalmente a RPT e o Plan o que consideramos sumamente grave e que é unha boa mostra da nula vontade de negociación por parte do goberno municipal con respecto a este Plan de Emprego.