30/03/20

Decreto servizos esenciais Covid-19 (30 de marzo de 2020)


Infografía interactiva elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG elaborou unha infografía interactiva sintética dirixida a orientar a actuación dos traballadores e das traballadoras e os/as seus/súas representantes en materia de prevención fronte o risco de infección por coronavirus nos seus centros de traballo. A infografía inclúe, a través de ligazóns, documentos preventivos aclaratorios e modelos de denuncia para presentar ante os organismos pertinentes.

Lexislación actualizada sobre a crise sanitaria (30 de marzo de 2020)


23/03/20

COVID19: Todo o que tes que saber sobre como o coronavirus afecta ás relacións laborais


Neste documento, a CIG dá resposta urxente a algunhas das dúbidas máis frecuentes sobre a incidencia da epidemia da doenza COVID-19 nas relacións laborais: obriga de traballar, baixas médicas, suspensións de contratos, etc. Como seproducen mudanzas con moita rapidez, o documento está en continuaactualización e revisión.

As respostas están fundamentadas no dereito laboral e nomeadamente na normativa de urxencia ditada o 18 de marzo de 2020 polo goberno español, que a CIG considera tardías e insuficientes para a clase traballadora e colectivos máis vulnerábeis. Podes consultar aquí as propostas que fixo o sindicato e aquí a nosa valoración das medidas aprobadas polo goberno.

Todas as respostas son xenéricas e non substitúen a consulta xurídica do caso concreto. 

Se tes dúbidas, contacta coa CIG, preferentemente por correo electrónico ou teléfono.

1. Cal é a miña situación laboral se me contaxiei de coronavirus ou estiven en contacto con persoas de risco e me obrigan a estar na casa?

É unha baixa médica, para todos os efectos. Se as autoridades sanitarias che mandan permaneceres isolado ou isolada, sexa por razón de teres ti a doenza COVID-19 ou de contacto con persoas que a teñen, estás en situación de incapacidade temporal por enfermidade común asimilada a un accidente de traballo en canto ás prestacións (art. 11 do RDL 7/2020). Non tes que ir traballar e correspóndeche percibir unha prestación do 75% da túa base reguladora desde o primeiro día, sen prexuízo dos posíbeis complementos até ao 100% a cargo da empresa regulados en convenio colectivo. No caso do coronavirus, quen emita a baixa non será a mutua, senón o Servizo Galego de Saúde. Para xestionalo, recomendámosche chamares ao número de información da Xunta: 900 400 116.

 Se pensas que podes ter a doenza, podes facer este autotest na web do Servizo Galego de Saúde e seguir as súas indicacións.

2. Canto tempo teño para mandar a baixa á empresa?

Tres días. Non fai falta que o fagas en persoa, pódela mandar por correo electrónico ou outros medios telemáticos.

3. Que fago se o persoal médico do meu centro de saúde está saturado de traballo e non me pode dar a baixa?

Estamos nunha situación de emerxencia e agora nótanse especialmente os recortes que sofremos nos servizos públicos. Sé comprensivo ou comprensiva co persoal sanitario. Para evitar na medida do posíbel desprazamentos que poden converterse en fonte de contaxios, recomendámosche que chames ao número de información 900 400 116 e contes a túa situación.

4. Se non estou doente nin isolado ou isolada por decisión das autoridades sanitarias, podo negarme a ir ao traballo?

Non podes. O goberno español non suspendeu con carácter xeral a actividade laboral e a túa ausencia sería unha falta de inasistencia inxustificada ao traballo. A empresa podería sancionarte ou mesmo despedirte por causa disciplinaria.

5. E se hai un risco grave de contaxio no meu traballo?

Tanto o Estatuto dos Traballadores (art. 19) como a Lei de prevención de riscos laborais (art. 21) recoñecen o dereito dos traballadores e traballadoras a pararen a prestación laboral nunha situación de perigo para a saúde. Esta mesma facultade tena a representación unitaria (comité de empresa ou delegados e delegadas de persoal) e os delegados e delegadas de prevención. Porén, é moi importante entendermos que para tomar esta decisión debemos ter unha proba clara que hai un risco inminente e grave (ao ser unha emerxencia sanitaria, informes médicos) e de que a empresa non está a tomar medidas de prevención e protección. Se non temos proba e se comproba que actuación de parar a actividade laboral foi neglixente ou con mala fe, podemos expornos a sancións ou despedimentos.

Como esta situación de epidemia é unha crise grave, o propio Ministerio de Traballo admitiu nesta guía de actuación que podería darse esta situación de risco sanitario.

En calquera caso, mesmo en situación de risco grave e inminente, non deas ningún paso sen consultares co sindicato.

6. Como podo saber se no meu traballo hai risco?

A empresa ten a obriga de informar, como parte do seu deber de garantir a seguridade e saúde dos seus traballadores e traballadoras, tanto sobre a existencia do risco como sobre as medidas de protección, que deben ser consensuadas coa representación sindical.

Por exemplo, se a empresa ten coñecemento de que algún traballador ou traballadora sufriu o contaxio, ten a obriga de informar da existencia do risco e de tomar medidas, ou podería incorrer en responsabilidades graves.

7. Pode obrigarme a empresa a teletraballar? E podo esixirlle eu o teletraballo?

Con carácter xeral, o teletraballo non pode ser decidido de forma unilateral por ninguna das dúas partes, ao ser unha novación do contrato que require o consentimento de empresa e do traballador ou traballadora. Entendemos que este carácter voluntario se mantén, cando menos para os traballadores e traballadoras, durante esta situación de emerxencia.

O RDL 8/2020 (artigo 5) estabeleceu o carácter preferente do traballo a distancia e a obriga das empresas de manteren a actividade laboral mediante sistemas como o teletraballo, que se impón como prioritario ao cesamento ou redución da actividade.

Naquelas empresas en que nunca se teletraballou antes, a obriga xeral de realizar a avaliación de riscos entenderase cumprida excepcionalmente por unha «autoavaliación» feita pola persoa traballadora. Esta autoavaliación é voluntaria, polo que a propia posibilidade do teletraballo tamén o debe ser para o traballador ou traballadora.

Debemos sempre esixir que a empresa nos dea todos os medios necesarios para traballarmos desde a casa de forma segura. O teletraballo non reduce ningún dos nosos dereitos, incluída  a xornada (que hai que seguir rexistrando) e o salario. Só poderían quitarche os complementos retributivos destinados especificamente a compensar gastos de desprazamento entre a casa e o traballo.

8. A empresa pode obrigarme a viaxar?

Se normalmente tes que viaxar por motivos de traballo, en principio si. Porén, se te mandan a unha das zonas con maior risco de contaxio hai razóns para pedires medidas especiais de  protección ou mesmo para negáreste, alegando a existencia dun risco grave para a túa saúde.

9. Que dereitos teño se son empregada ou empregado do fogar?

Se non acordas outra cousa coa entidade empregadora, debes ir traballar. Tamén tes o dereito a abandonar o traballo por risco grave de contaxio, en caso de que o poidas probar. En todo caso, antes de tomar ningunha decisión definitiva, ponte en contacto co sindicato.

Ao pertenceres a un colectivo laboral en xeral máis desprotexido, se quedas sen traballo non tes dereito a prestación por desemprego.

10. A empresa pode obrigarme a irme de vacacións ou de días de asuntos propios ou libre disposición?

Baixo ningún concepto. As vacacións fíxanse por acordo entre as partes e non poden ser impostas unilateralmente. Se che manda irte, pídello por escrito e asina «non conforme» facendo constar a data. Pódese presentar denuncia na Inspección de Traballo e demanda no Xulgado do Social.

É importante que saibas que os prazos para presentar demandas están suspendidos durante o tempo en que dure o estado de alarma (do 15 ao 29 de marzo, se non é prorrogado). Isto está regulado na disposición adicional segunda do decreto de declaración do estado de alarma.

11. Que fago se teño fillos, fillas ou familiares próximos que necesitan o meu coidado?

O RDL 8/2020 (artigo 6) recoñece unha situación que dá dereito á adaptación ou redución de xornada durante a situación de emerxencia sanitaria cando un traballador ou traballadora deba atender persoalmente o seu cónxuxe, parella de feito, fillos e fillas, pai ou nai, avós e avoas e netos e netas; por razóns de idade, enfermidade e discapacidade.

Tamén se dá esta situación cando por decisión da Administración pechan os centros educativos ou outras instalacións que dispensan coidados a persoas que os necesitan.

É un dereito individual de cada persoa proxenitora ou coidadora que debe exercerse evitando a perpetuación de roles de xénero.

O dereito á adaptación de xornada non implica perda de salario. En principio, é o traballador e traballadora quen propón a concreción horaria, tendo en conta as necesidades da persoa que debe coidar e as necesidades de organización da empresa. As partes deben facer o posíbel para chegaren a un acordo.

A adaptación de xornada, limitada á situación de emerxencia sanitaria, pode consistir nunha mudanza de quenda, alteración de horario, horario flexible, xornada partida ou continuada, cambio de centro de traballo, modificación de funcións, modificación na forma de prestación do traballo, incluíndo a prestación de traballo a distancia, ou calquera outro cambio de condicións que estivese dispoñible na empresa ou que puidese implantarse de modo razoábel e proporcionado.

Outra opción de conciliación é a redución de xornada, con redución proporcional de salario. Esta redución debe ser comunicada á empresa con 24 horas de antecedencia e pode chegar ao 100% da xornada se está xustificado e é «proporcionado á situación da empresa».

As persoas que xa estaban facendo uso dalgún dereito de conciliación antes da declaración de emerxencia sanitaria poden renunciar temporalmente a el ou pedir a súa adaptación á normativa especial de combate ao coronavirus.

12. A empresa pode despedirme como consecuencia do coronavirus?

Non. É unha situación de carácter temporal e existen alternativas ao despedimento, así que a epidemia non describe unha causa legal que xustifique ao despedimento individual ou colectivo.

Se che dan unha carta de despedimento, asina «non conforme» facendo constar a data. Ainda que os prazos para demandar están suspendidos (ver a pregunta 10), ponte en contacto co sindicato canto antes.

Porén, tería sido desexábel que o goberno español prohibise expresamente os despedimentos por causas obxectivas, como fixo Italia. O que fai o RDL 8/2020 é condicionar o acceso ás medidas extraordinarias que veremos a continuación ao compromiso da empresa a manter o emprego nos seis meses seguintes ao reinicio da actividade.

13. A empresa quere facerme un ERTE. Que teño que saber?

Con carácter xeral, un ERTE é un procedemento que permite ás empresas suspenderen os contratos de traballo ou reducir as xornadas do seu persoal por causas xustificadas. Para afrontar a crise do coronavirus, a CIG propuxo solucións alternativas e máis protectoras, como permitir a ausencia do traballo polo cumprimento do deber inexcusábel de manter o distanciamento social, mais finalmente é a ferramenta que escolleu o goberno español para axustar temporalmente o emprego. Nos próximos apartados imos explicar os detalles de forma simple.

14. Que é un ERTE por situación de forza maior?

O RDL 8/2020 declara «de forza maior» as suspensións de contrato e reducións de xornada que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do  COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, que impliquen suspensión ou cancelación de actividades, clausura temporal de locais de afluencia pública, restricións no transporte público e, en xeral, da mobilidade das persoas e mercadorías, falta de subministracións que impidan gravemente continuar co desenvolvemento ordinario da actividade, ou ben en situacións urxentes e extraordinarias debidas ao contaxio do persoal ou a adopción de medidas de illamento preventivo decretados pola autoridade sanitaria que queden debidamente acreditados.

15. Como se tramitan os ERTES de forza maior polo coronavirus?

En primeiro lugar, a empresa fai unha comunicación á Autoridade Laboral, achegado un informe sobre a vinculación da perda de actividade como consecuencia do  COVID-19, así como, de ser o caso, a correspondente documentación acreditativa.

En segundo lugar, fai unha comunicación aos traballadores e traballadoras e a súa representación, trasladando o informe e a documentación.

En terceiro lugar, a Autoridade Laboral debe constatar a forza maior, «calquera que sexa o número de persoas traballadoras afectadas», nun prazo de cinco días desde a solicitude. A Autoridade Laboral pode pedir ou non un informe á Inspección de Traballo.

En cuarto lugar, a Autoridade Laboral emite resolución constatando ou non a existencia da causa maior alegada. En caso afirmativo, a empresa decide se opta por tomar medidas de suspensión de contratos ou de redución de xornadas. Os efectos produciranse desde a data do feito causante da forza maior.

En quinto lugar, hai que lembrar que para os traballadores e traballadoras este período ten a consideración como efectivamente cotizado para todos os efectos.

16. E se o ERTE non é de forza maior?

O RDL 8/2020 e o propio decreto de estado de alarma, que non definiron servizos esenciais para a comunidade e optaron por permitir a actividade laboral con carácter xeral, van provocar moitas incertezas sobre cando a situación é de forza maior e cando non.

En xeral, o criterio vai ser por exclusión: cando as perdas de actividade non sexan consecuencia directa do  COVID-19, senón derivadas do parón da actividade económica, entenderase que non hai forza maior, senón unha causa económica, técnica, organizativa e de produción.

As particularidades recollidas no RDL 8/2020  respecto do réxime ordinario dun ERTE  afectan basicamente o período de consultas e o informe da  Inspección de traballo.

Sobre o período de consultas:

Con carácter xeral, negocia a representación dos traballadores e traballadoras. Se non houber, a comisión representativa (que debe estar constituída nun prazo  improrrogábel de 5 días) para a negociación do período de consultas estará integrada polos sindicatos máis representativos e representativos do sector a que pertenza a empresa e con lexitimación para faceren parte da comisión negociadora do convenio colectivo de aplicación. A comisión estará conformada por unha persoa por cada un dos sindicatos que cumpran estes requisitos, tomándose as decisións polas maiorías representativas correspondentes. En caso de non conformarse esta representación, a comisión estará integrada por tres traballadores ou traballadoras da propia empresa, elixidos segundo o previsto no  art. 41.4  ET.

O período de consultas non debe exceder do prazo máximo de sete días

Sobre o informe da Inspección:

O informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que  a Autoridade Laboral poderá pedir ou non, emitirase no prazo  improrrogábel de sete días.

17. Se me meten nun ERTE, sexa por forza maior ou por causas obxectivas, vou cobrar o paro?

Vas cobrar o paro. Recoñécese a prestación por desemprego aínda que non se teña o período cotización mínimo en circunstancias normais, que son 360 días dentro dos seis anos anteriores á situación legal de desemprego.

Ademais, para os efectos de consumir os períodos máximos de percepción establecidos, non computa o tempo en que se perciba a prestación por desemprego de nivel contributivo debido ás circunstancias extraordinarias do coronavirus.

O dereito a esta prestación nace tamén se no momento de adoptarse a decisión empresarial tiveses suspendido un dereito anterior a prestación ou subsidio por desemprego e se careces do período mínimo de cotización para causar dereito a prestación contributiva, ou non percibises prestación por desemprego precedente.

En todo caso, recoñecerase un novo dereito á prestación contributiva por desemprego, coas seguintes especialidades:

a) A base reguladora da prestación será a resultante de computar a media das bases dos últimos 180 días cotizados ou, na súa falta, do período de tempo inferior, de contado anterior á situación legal de desemprego, traballados ao amparo da relación laboral afectada polas circunstancias extraordinarias que orixinaron directamente a suspensión do contrato ou a redución da xornada de traballo.

b) A duración da prestación estenderase até a finalización do período de suspensión do contrato de traballo ou de redución temporal da xornada de traballo das que trae causa.

As prestacións por desemprego percibidas polas persoas con contratos fixos descontinuos e por aquelas que realizan traballos fixos e periódicos que se repiten en datas certas, que vexan suspendidos os seus contratos de traballo como consecuencia do impacto do  COVID-19 durante períodos que, en caso de non concorrer esta circunstancia extraordinaria, fosen de actividade, poderán volver percibirse, cun límite máximo de 90 días, cando volten a estar en situación legal de desemprego.

Para determinar o período que, de non concorrer esta circunstancia, fose de actividade laboral, estarase ao tempo efectivamente traballado durante o ano natural anterior con base no mesmo contrato de traballo. En caso de ser o primeiro ano, estarase aos períodos de actividade doutros traballadores ou traballadoras comparábeis na empresa. Esta medida aplicarase ao mesmo dereito consumido, e recoñecerase de oficio pola Entidade Xestora cando a persoa solicite a súa continuación.

18. Que acontece se non podo ir á oficina de emprego ou está fechada?

Cando, por motivos de limitación da mobilidade derivados da situación de alarma que afectan ao funcionamento das administracións impicadas na protección por desemprego, a presentación das solicitudes de alta inicial ou continuación da prestación e o subsidio por desemprego se realiza fóra dos prazos establecidos legalmente, non implicará que se reduza a duración do dereito á prestación correspondente.

A Xunta informou de que as oficinas fechadas ao público atenderán os trámites urxentes por teléfono ou internet. Para máis información, consulta a web do servizo público de emprego.

19. Algunha cousa máis que deba saber?

As de sempre: primeira, que se non entendes algún papel que che poñan diante, tes que asinar «non conforme»; segunda: que a CIG está aquí para axudarche; e terceira: que a clase traballadora vencerá o virus e o capital.


A CIG exixe que se adopten as medidas necesarias para garantir que todas as traballadoras/es queden na casa



Demanda unha modificación do decreto para que só continúen as actividades imprescindíbeis para loitar contra a pandemia



A CIG fai un chamamento a que se adopten todas as medidas laborais necesarias para que se garanta que toda a xente poida realmente quedar na casa. A central sindical entende que non se poden seguir acumulando erros e que, polo tanto, é necesario modificar o decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, para que as medidas vaian na liña das adoptadas por outros estados europeos, como a CIG ten demandado desde o primeiro día. Á inxustiza e insuficiencia das medidas, súmaselle a utilización abusiva polas Empresas.

Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen “se deben paralizar todas as actividades, agás aquelas declaradas imprescindíbeis para afrontar esta situación de emerxencia sanitaria”. Servizos esenciais nos que, en todo caso, deben adoptarse todas as medidas de seguridade, sen escatimar medios de protección, de forma que as persoas que desenvolvan estas actividades indispensábeis poidan facelas de forma segura e con todas as garantías.

Entre outras, Carril demanda medidas de protección para o persoal sanitario e para as traballadoras e traballadores dos servizos de atención ás persoas maiores, sexa a través dos Servizos de Axuda no Fogar, sexa a través de residencias da terceira idade, ou centros sanitarios. Servizos nos que é imperativo dispor de todos os medios humanos e materiais, pero “sempre contando con todas as medidas de prevención”.

A falla de material de protección é especialmente preocupante nos centros de maiores, sobre todo nos dependentes da consellaría de Política Social, onde aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias, nin se dotou de EPI adecuado ao persoal, como tampouco se adoptaron as medidas organizativas necesarias na xestión do persoal. Mais tamén nos centros hospitalarios, onde o persoal da sanidade pública está demandando EPIs completos para evitar contaxiarse.

Para a CIG tamén é urxente reforzar os cadros de persoal, con respecto aos seus dereitos laborais, nos sectores económicos con obrigas de traballar, como comercio, farmacias, atención a maiores ou servizo postal universal. Así mesmo, demanda que se vixíe que non se abuse por parte das empresas no relativo a xornadas e descansos, explica o secretario xeral quen demanda ademais medidas  de mobilidade que non fagan recaer o custo de ir ao posto de traballo sobre as traballadoras e traballadores.

Nas  grandes superficies de comercio-alimentación, sector de ambulancias e transporte sanitarios, denuncia que se está saltando o decreto do goberno porque non se está adoptando nin as medidas mínimas de seguridade. Ademais, en sectores como telecomunicacións e centros de chamadas a situación é grave ante o mantemento inxustificado de actividade e por riba, sen a adopción das medidas necesarias.

“Entendemos que o que prima neste momento é a seguridade sanitaria fronte a calquera intento de manter a actividade económica”, especifica Carril, para quen “nesta situación, as políticas públicas son as únicas posíbeis,  son máis necesarias que nunca. Por esa razón, todos os medios económicos deben estar ao servizo do interese social e público xeral”.

Modificación do decreto

Respecto da demanda de modificación do decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, a CIG exixe, entre outras cuestións, que en todas as contratas que traballan para as administracións públicas, quer municipais, quer galegas “se garanta o mantemento dos contratos, polo tanto de todo o emprego, e a percepción íntegra dos salarios das traballadoras/es”, indica o secretario xeral.

Demanda ademais que se contemple a situación das empregadas do fogar e se lles dea un solución, porque “o decreto non contempla ningunha medida que asegure os ingresos para estas traballadoras que viron paralizada a súa actividade”.

Xunto a isto, Carril apunta tamén a necesidade de que se garanta a concesión automática a petición das persoas traballadoras de todas as solicitudes de adaptación ou redución de xornada porque de caso contrario, estase impedindo un dereito tan fundamental como o que é neste momento o coidado de maiores e menores. Por outra banda, urxe e que “se axilice e se dea unha solución, que aínda non existe, para as solicitudes de desemprego”.

A este respecto subliña que “é necesario garantir que, para os que actualmente están a cobrar o desemprego, esta alarma sanitaria non os castigue dando por consumida a súa prestación neste tempo”. Xunto a isto apunta que moitos traballadores/as con contratos temporais ou de ETT, s  que foron despedidos/as, “deben de ter dereito ás mesmas medidas que o resto dos traballadores”.

Denuncia do papel das mutuas

O secretario xeral da CIG denuncia tamén o papel das mutuas e apunta, sobre todo, o de Ibermutua Gallega. Denuncia que son moitas as persoas traballadoras e traballadores  que foron e son citadas a través de mensaxe aos seus móbiles para acudir a cita nesta mutua (Ibermutua Gallega) con resolución de alta médica. “Entre as persoas citadas, atópanse traballadoras/es en situación de I.T. por patoloxías consideradas de especial risco, outras/os con secuelas ou en proceso de recuperación que precisan de acompañamento nos seus desprazamentos”, explica, e denuncia que “desde a CIG entendemos que a mutua vén de situarse á marxe do esforzo colectivo que se nos está pedindo, máis considerando a súa cualificación de entidade colaboradora coa Seguridade Social”.

Cualifica o seu comportamento de “abusivo e antisocial” e o considera “totalmente intolerábel a día de hoxe”. Por iso agarda “que o ocorrido non volva repetirse en días sucesivos e, moito menos, se observen prácticas similares por parte doutras entidades”.

Denuncia da xestión de baixas

Respecto das baixas que está a dar o Servizo Galego de Saúde explica que se están dando baixas por parte do SPS de primaria por ter os síntomas, máis non se lle aplican os códigos por estar en corentena, que é o que garante o cobro do 75% dende o primeiro día. “Se vas ao médico e lle dis que tes coronavirus ou síntomas de coronavirus, e te poñen en corentena, o código que o sistema galego de saúde marca identifícache nunha continxencia que a Seguridade Social non contempla co tipo do que permite cobrar o 75%”, indica.

Por iso denuncia que esas baixas que está outorgando o sistema galego de saúde, non se cinxen ao estipulado para casos de incapacidade temporal por enfermidade común asimilada a un accidente de traballo en canto ás prestacións (art. 11 do RDL 7/2020). “Baixas que si garantirían o cobro dese 75% da base reguladora desde o primeiro día, como está estipulado nese decreto do goberno”.

Fronte a isto denuncia que “a Xunta está a dar as baixas ordinarias, o que implica que os 3 primeiros días estás sen cobrar e até o día 21 de baixa non percibes o 75% da túa base reguladora”.

Necesidade de coordinación

Paulo Carril demanda ademais, da Xunta de Galiza, a posta en práctica dunha actuación coordinada, “que non existe”, asegura, “para paralizar a actividade en centros de traballo onde non hai as mínimas medidas de seguridade sanitaria”.

Nese sentido explica que “a esta altura, do noso punto de vista, unha das prioritarias urxencias é solucionar a falta de actuacións executivas e  inspectoras no seguimento e aplicación de todas as medidas preventivas e obrigas legais derivadas da resposta ao coronavirus”. Asegura que “estamos a comprobar a falta grave de coordinación básica entre as diferentes Administracións (Consellería de Sanidade, Consellería de Emprego e Inspección de Traballo) ante as diferentes denuncias e incidencias que se están a producir”.

Neste sentido apunta que a Administración Pública, galega e estatal, deben deberan de ser exemplares na adopción destas medidas para os e as súas empregados e empregadas, “pero non o están sendo”.

Para Carril, “ante a falta de medios, hai que parar”, porque non se pode permitir que a xente traballe sen EPIS neses servizos esenciais. Xunto a isto denuncia que “a policía, no canto de garantir que o persoal que segue traballando o faga de forma segura, andar a exercer un labor de control social pola rúa.”

Actividades da EGAP para o persoal da Administración local e do sector público autonómico


Actividades da EGAP para o persoal da Administración local


19/03/20

Recomendacións de prevención no traballo fronte ao coronavirus


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), elabora de acordo cos axentes sociais este documento no que se recollen recomendacións preventivas básicas que se deben ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias sobre o novo Coronavirus.

Todo isto sen prexuízo da necesidade de medidas específicas que se deban adoptar en función das características concretas da actividade e que corresponden á organización preventiva da empresa (servizo de prevención, traballadores/as designados ou asunción polo empresario/a). Sempre seguindo as pautas das autoridades sanitarias en cada momento.

A CIG considera que as medidas sociais e laborais son claramente insuficientes, inxustas e están moi lonxe das doutros estados da UE


Alerta do perigo de despidos en masa e da deterioración das condicións laborais


As medidas que aprobará hoxe o Consello de Ministros e Ministras están, para a CIG “moi lonxe do que se está a facer noutros estados europeos”. Así o considera o secretario xeral, Paulo Carril, que cuestiona unha decisión “inxusta e que desprotexe, desampara e deixa na intemperie a moitos traballadores e traballadoras sen garantir que todo o mundo poida quedar na casa”. Para a CIG “a fórmula de fomentar os ERTEs coas modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos inaceptábel e irresponsábel” di Carril, quen advirte de que “non se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula para evitalos”.

Nese sentido, o secretario xeral da CIG lamenta “que UGT e CCOO sexan promotores destas inxustas medidas” porque “a modalidade de ERTEs non preserva os ingresos dos traballadores/as, porque non garante a integridade dos salarios que terían que percibir os traballadores/as, nin actualmente, nin nos próximos meses, porque isto vai repercutir na xeración de pagas extra e de vacacións”.

Por outro lado, advirte Carril,“xera antecedentes” porque deste xeito “facilítase que nos próximos meses poida haber, onde non se produzan agora, despedimentos en masa”.

Garantías de seguridade e saúde laboral

Por outro lado, a CIG alerta de que “seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo poida quedar na casa, nin se lle dispón dos medios para que as traballadoras e traballadores que teñan que ir traballar poidan facelo coas necesarias medidas de seguridade”. Xunto isto, salientou que as empresas que están ofrecendo o teletraballo non  garanten nunhas condicións mínimas de respecto aos dereitos laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer o traballador ou a traballadora gratuitamente todos os medios materiais para o desempeño do traballo no domicilio.

Neste sentido, Carril lamenta “que a policía e o exército se estean despregando para labores de control social mais que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de alimentación, SAF, residencias...”.

Xunto a isto, lamenta tamén “que non se dote de medios á Inspección de Traballo e que esta non desempeñe o labor de control necesario para garantir esa protección ás traballadoras e traballadores que non poden quedar na casa e están obrigados a traballar”.

Para Carril “é un problema de vontade política non ir a unha protección maior do conxunto das traballadores/as, tendo en conta que a UE está aprobando cada día, e actualizando, as autorizacións para facer o gasto necesario”. Neste sentido apunta que “para a CIG é esencial que non se escatime en pór a disposición da situación todo o gasto social que sexa necesario”.

Por iso considera que “o famoso escudo social, tal e como se lle está chamando agora, é claramente insuficiente e inxusto”.

Lamenta, xunto a isto, que non se vaia pola vía que vén propoñendo a central sindical desde o primeiro día -pola que si están optando noutros países europeos- , que é a do permiso especial por deber inescusábel, que ten base no artigo 37.3 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, e sinala que “isto é, precisamente, o que está provocando toda esta situación”.


Recomendacións de actuación desde os servizos sociais de atención domiciliaria ante a crise por Covid-19


Instrución da Secretaría Xeral sobre o cómputo de prazos con motivo do Covid-19


CIG Informa- Preguntas frecuentes dos traballadores e traballadoras sobre o Covid-19


Decreto de apronbación das medidas para adoptar nas dependencias municipais con motivo do Covid-19 (quendas de persoal)


CIG-Informa traballadores especialmente sensibles

Real decreto 8/2020 de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19


Análise do artigo 6 do RDL 8/2020


15/03/20

Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.


RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se lle da publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19.


RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.


Información para a afiliación sobre a atención nos locais da CIG durante a crise sanitaria


13/03/20

Solicitude de permiso retribuído por deber inescusable

A CIG informa que nestes momentos non hai ningunha medida publicada por parte do Goberno a respecto de facilitar que pais e nais traballadoras poidan coidar as súas crianzas, tras decretarse o peche dos centros de ensino a causa do coronavirus. Malia terse anunciado, non existe ningunha axuda para conciliar ou permisos especiais.
A única ferramenta que temos na man é solicitar un permiso retribuído por un deber persoal e inescusábel (que podes descarga no arquivo anexo a esta información). Este permiso ten sustento legal dado que os colexios estarán pechados e o Código Civil obriga a atender os fillos e ás fillas. Este modelo non ampara das posíbeis represalias que poidan adoptar as empresas, por iso, ante calquera presión ou represalia ponte en contacto de inmediato co sindicato.
Por outro lado, non se debe aceptar coller as vacacións ou excedencias voluntarias, tal e como están intentado impor algunhas compañías. Se a empresa quere que o persoal marche de vacacións, debe comunicalo por escrito, sendo esta unha decisión da empresa que se deberá recorrer.
Ante calquera abuso ou dúbida ponte en contacto de inmediato co sindicato xa que estamos nunha situación inusual e en cambio constante.

Nova guía de boas prácticas ante o Covid-19


Medidas da Xunta pola epidemia do Covid-19


A CIG apela á serenidade, a actuar con urxencia na prevención e a articular medidas que eviten o menoscabo de dereitos laborais polo coronavirus



Pide medidas que impidan ás empresas aproveitar as circunstancias para impor ERTE ou ERE

A CIG trasladou esta tarde as súas valoracións a respecto das medidas a adoptar diante da pandemia de coronavirus, na xuntanza convocada polos conselleiros de Sanidade e Economía, Emprego e Industria. Neste sentido o secretario xeral, Paulo Carril, insistiu na necesidade de transmitir serenidade, trazar unha axenda galega, sen agardar ás decisións que se adopten en Madrid, garantir medidas de protección para todas as traballadoras e traballadores e impedir que os cambios nos sistemas de traballo que se introduzan como medida de prevención menoscaben os dereitos e condicións laborais.

O secretario xeral comezou subliñando a necesidade, sendo desde a CIG conscientes da dificultade, de facer un esforzo en pedagoxía social para transmitir tranquilidade, fronte o alarmismo que está instalado na sociedade. “Que todas políticas de prevención e todas as cautelas e decisións que se adopten sexan explicadas para que se manteña a serenidade”, apuntou.

Xunto a isto, recalcou a necesidade de que se reforcen con persoal e medios os centros sanitarios, hospitalarios e os propios servizos de prevención do ISGA.

Ademais emprazou a articular unha dinámica propia en Galiza, “tendo en conta que non somos das zonas máis afectadas, o que nos permite ter unha perspectiva propia e aproveitarmos a oportunidade para irmos por diante do que poida decidirse no ámbito do Estado”.

Reforzo da prevención

A partir de aí, Carril apuntou a necesidade de actuar fundamentalmente no ámbito da prevención e “preservar que haxa as mesmas medidas de protección para os traballadores e traballadoras, tanto das empresas principais como das empresas auxiliares, garantindo que estean en igualdade de condicións e dispoñan dos mesmos medios”.

Para o secretario xeral da CIG é esencial, ademais, que todas aquelas medidas que se articulen vinculadas a teletraballo, modificacións de xornada ou cambios relativos aos sistemas de traballo, “non sexan aproveitados polas empresas para impor recortes de dereitos ou deteriorar as condicións laborais”.

Regulación insuficiente

Xunto a isto, considerou que a regulación que está a facer o Estado para os casos de traballadoras ou traballadores afectados xera situacións que “prexudican máis que protexen aos traballadores/as”, nomeadamente a continxencia que causa unha incapacidade temporal. A este respecto subliñou que “ten que garantir unha prestación equivalente aos salarios que se cobran por parte dos traballadores e das traballadoras, contemplando os complementos salariais dos convenios colectivos en función de como se cualifique a baixa porque “tal e como os ten definido no Ministerio de Traballo pode provocar que haxa traballadores que cobren por esta continxencia menos que o que lle corresponde por convenio colectivo”. Por iso demandou que, desde Galiza se fagan ao Estado propostas que vaian nesa dirección.

Canda isto apuntou a alarma social que xeran as posibles afectacións en centros educativos e, sobre todo, as dificultades para nais e pais, nomeadamente no caso de familias monoparentais, da suspensión da actividade lectiva.

Por iso demandou que se prevea “que permisos especiais e que protección se lles dá a pais e nais para poder exercer ese deber inexcusábel da tutela efectiva das crianzas, porque non se pode pretender que sexan os avós e avoas quen os coiden sendo a poboación de maior risco”.

Efectos colaterais

Paulo Carril advertiu ademais dos danos que poidan derivar deste virus, en caso de falla de materias primas e subministros, e exixiu que “non sexan aproveitados polas empresas para aplicar ERES, ERTES ou descolgues salariais, garantindo a necesaria protección para as traballadoras e traballadores”. Fronte a isto propuxo que se demande do Estado unha solución que non prexudique ás traballadoras e traballadores.

O secretario xeral da CIG trasladou ademais a proposta de que sexa a administración pública galega “pioneira” e “modélica” no establecemento dos mecanismos necesarios para facilitar a reordenación do traballo na administración pública sen merma de dereitos e promovendo a maior prevención posíbel cara evitar o contaxio.

Instrucións aclaratorias sobre a remisión dos partes ao SPS polo Covid-19


12/03/20

Decreto de aprobación das medidas para adoptar nos centros de traballo con motivo do COVID-19

Na xuntanza que tivo lugar hoxe, ademais de acordarse o Decreto de aprobación das medidas para adoptar nos centros de traballo municipais con motivo do Covid-19, o Concello levará a cabo as seguintes actuacións:
1. Información a todo o persoal do Decreto e as medidas.
2. EPIs especiais para o persoal do SAF, Urxencias e Policía Local.
3. Distribución de xeles hixienizantes en todas as dependencias municipais.
4. Peche do CFO, a Biblioteca, o Conservatorio, a Escola Municipal de Folclore e a Escola Infantil.
5. Información puntual das medidas e o estado da situación
6. Achega de protocolos especiais para postos en contacto con persoas de alto risco.
7. Avaliación de riscos dos postos con base ao indicado na Guía do Ministerio de Sanidade.
8. Suspensión da formación, as reunións e información preventiva á cidadanía.
As medidas adóptanse como precaución e para conter a expansión do Covid-19.

11/03/20

Reunión mañá para informar e acordar medidas

O Concello vén de convocar á CIG a unha reunión que terá lugar mañá ás 11:00 h para informar e acordar as medidas para tomar ante a situación actual. Segundo nos informaron o Concello prepara un decreto para adoptar as medidas necesarias e convoca aos representantes do persoal para acordalas. A CIG solicitará información sobre o estado actual da situación e medidas específicas para os traballadores especialmente sensibles, o persoal de centros educativos e para o persoal que traballa cos colectivos máis vulnerables, así como a difusión da información para todo o persoal.

Logo da reunión informaremos puntualmente do que nos transmita o Concello.

GUÍA PARA A ACTUACIÓN NO ÁMBITO LABORAL EN RELACIÓN AO NOVO CORONAVIRUS


Tal e como se manifesta nesta Guía, o obxectivo do presente documento é facilitar a información necesaria sobre a aplicación da normativa laboral en relación coas diferentes situacións nas que poden atoparse as empresas e as persoas traballadoras.

Se ben é certo que a elaboración desta Guía non contou (como ven sendo habitual por parte do Ministerio de Traballo) coa colaboración da Confederación Intersindical Galega (CIG), a pesares de ser nós unha organización sindical que obstenta a consideración e calificación de organización sindical máis representativa e ser a organización sindical maioritaria no ámbito da Galiza; non é menos certo que o que a guía pon enriba da mesa, básicamente non é máis que certas referencias ao actual marco legal en materia de prevención de riscos laborais e unha serie de declaración de intencións de cubrir con fondos públicos as cotizacións á Seguridade Social no caso de que a actividade das empresas quedara suspendida xustificadamente a causa dos risco obxectivo de contaxio por causa do coronavirus.

Así as cousas, o Ministerio de  Traballo e Economía Social, contempla nesta Guía a posibilidade de parar a actividade nas empresas se existe risco de contaxio por coronavirus, sinalando que se trata dunha medida guiada por un "único propósito", o da "prevención da saúde", e que "para unha democracia este é o ben principal".

O documento lembra que, de acordo coa Lei de Prevención de Riscos Laborais, ante unha posible exposición a un risco grave e inminente, as empresas deben informar canto antes e adoptar medidas necesarias para interromper a actividade e, se fose necesario, abandonar de inmediato o lugar de traballo.

Neste senso, a Guía sinala que os propios traballadores/as, a través da súa representación unitaria ou os delegados/as de prevención, poden acordar a paralización da actividade polo risco de contaxio. 

Como xa sinalamos anteriormente, a realidade é que neste caso o disposto na Guía non fai máis que recoller o establecido na propia lexislación laboral (risco grave e inminente), querendo cumprir este documento o propósito de ofrecer unha referencia con aval institucional para ofrecer maior seguridade e tranquilidade legal aos traballadores/as e os seus representantes, así como aos empresarios, á hora de tomar decisións na empresa de distinto alcance (suspensión da actividade, teletraballo, redución de actividade, restricións preventivas doutro tipo), cando se trate de preservar a saúde e a integridade dos traballadores/as ante un risco grave e inminente de contaxio por coronavirus.

A propia Guía para a actuación no ámbito laboral en relación ao novo coronavirus, insta ás empresas a realizar unha "interpretación restritiva" do concepto "grave e inminente" e lembra que "a mera suposición ou a alarma social xerada non son suficientes".

Segundo esta Guía do Ministerio de Traballo "A Tesourería Xeral da Seguridade Social poderá exonerar ao empresario do abono de cotas da Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta mentres dure o período de suspensión, manténdose a condición do devandito período como efectivamente cotizado polo traballador". É dicir, se unha compañía vese obrigada a rexistrar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e pode xustificar que o fai por forza maior, a empresa non deberá asumir as cotizacións e ao traballador/a contaralle como que non deixou de cotizar. O custo asumiríao o erario público. Así mesmo no caso de que a empresa vírase obrigada a despedir a empregados/as, as indemnizacións asumirías o Fondo de Garantía Salarial.
A Guía lembra tamén que, dentro da normativa laboral, existe a posibilidade de recorrer ao teletraballo e aos ERTE para reducir ou suspender total ou parcialmente a actividade da empresa no caso de que sexa necesario.

Se algunha empresa afectada polo coronavirus paraliza a súa actividade sen tramitar un ERTE, os empregados/as conservarán o dereito ao seu salario. No caso de que o ERTE sexa por forza maior (illamento forzoso ou peche por decisión da autoridade sanitaria) será necesaria a previa autorización da autoridade laboral.

Se o ERTE xustificase por causas organizativas, técnicas ou de produción (falta de subministracións ou descenso da demanda) deberase tramitar conforme ao previsto na lei. A Guía insta ás empresas a abordar acordos colectivos ou individuais "de carácter excepcional" para promover o teletraballo sen que este supoña custo algún para os traballadores/as.

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral