Avalan, non só as reformas laborais,
senón tamén os recortes que se aplican a todos os niveis
Cando dúas organizacións sindicais
como CCOO e UGT asinan co Partido Popular e a patronal un acordo para
“conservar o que temos” -e cando o que temos é unha gravísima
crise industrial, con 50.000 persoas menos traballando neste sector
desde 2009; un medre da destrución de emprego; unha extensión da
pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos
salarios; un gravísimo problema de emigración da nosa mocidade, que
se ve expulsada por falta de alternativas do futuro, ou recortes na
sanidade pública, no ensino e en servizos sociais-, non só están
lexitimando as demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do
PP no goberno da Xunta, senón mesmo avalando a súa continuidade.
Así o considera o secretario xeral da
CIG, Paulo Carril, quen subliña que “conservando o que temos, CCOO
e UGT renuncian ao que necesitamos, que é a recuperación dos
dereitos e un plan de choque para crear emprego e industrialización
en Galiza”. Por iso considera “unha labazada á clase
traballadora e ao pobo galego” a fotografía que lle veñen de
regalar ao PP a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego.
Unha imaxe coa que “selan a relación de complicidade co goberno de
Feixóo” e coa que avalan tamén os orzamentos para 2020, nos que
se manteñen as políticas de recorte que tanto dano teñen feito na
última década.
Emenda á totalidade do documento
Carril cuestiona ademais os contidos do
acordo asinado porque “representa moita literatura, poucas ou nulas
medidas reais -algunhas de dubidosa legalidade-, con ridículas
dotacións orzamentarias” e afirma que estas dúas organizacións
sindicais “carecen de lexitimidade e credibilidade para defender ao
conxunto das traballadoras e traballadores”.
En todo o relativo ás cláusulas
sociais na contratación pública,o secretario xeral da CIG asegura
que “dan a peor versión da aplicación da Lei de Contratos do
Sector Público impedindo, dificultando e renunciando a introducir
medidas que favorezan a reversión ao público de servizos
concesionados polos que se está lucrando o sector privado”. Xunto
a isto denuncia que “permite a licitación en lotes, poñendo así
en perigo, a situación das traballadoras e traballadores en moitas
das concesións actuais”.
Ademais, mentres a CIG está
denunciando a explotación laboral das persoas que traballan nos
Centros Especiais de Emprego (CEE), polas condicións laborais
precarias que se lles imponen; demandando que se aplique o convenio
de sector, tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de
lucro e advertindo de que pedirá a súa descatalogación se non muda
a situación, CCOO e UGT asinan neste acordo un chamado á
utilización e fomento destes centros, “co que iso implica de
discriminación e abuso das persoas con discapacidades”.
No referido ao apartado de “impulso
para a transformación tecnolóxica da industria galega”, Carril
afirma que se trata só “dunha acumulación de estudos sen prazos,
sen contido reais, sen unha soa medida ante a crise industrial e ante
as consecuencias que xa está tendo a chamada transición ecolóxica”.
Impulso de novas formas de explotación
laboral
No relativo á industria 4.0, as
organizacións sindicais, xunto coa patronal e o PP, fan un chamado a
promover a utilización de plataformas dixitais para fomentar a
internacionalización das PEMES. “O mundo ao revés”, sinala
Carril, quen lembra que, fronte a isto, “na CIG temos diagnosticado
que as plataformas dixitais e as novas realidades derivadas da
industria 4.0 están a xerar novas formas de explotación laboral e
de precariedade”. Por iso denuncia que “CCOO e UGT, no canto de
enfrontalas e combatelas, o que fan é asumilas e fomentalas”.
O secretario xeral da CIG denuncia
tamén a “incapacidade total de elaborar unha axenda galega”,
entendendo que “de galega só ten o nome”. Neste sentido lembra
que “somos o territorio onde está habendo maior caída de
produción industrial, onde hai unha Lei de Fomento Empresarial que
ten resultado ser un fracaso” e que o propio Consello Económico e
Social “ten emendado a política económica e industrial da Xunta
no documento Por unha alianza no sector industrial galego. 50
medidas”. Por iso cualifica de “despropósito” que “nin
sequera teñan en conta a necesidade de reverter as materias primas e
a enerxía ao servizo do desendolvemento industrial de Galiza”.
Ademais rexeita a “submisión
absoluta ás actuacións insuficientes e inxustas que o goberno do
Estado español ten en marcha e que están provocando unha situación
dramática coa aplicación do calendario de descarbonización”, tal
e como se recolle no apartado relativo a esta cuestión no documento
do acordo. Nese sentido denuncia que os asinantes “desisten de que
Galiza teña calquera caste de protagonismo ante a situación
específica que padecemos, ou a ter unha planificación propia para
adoptar as medidas necesarias para que esa descarbonización non sexa
dramática para as traballadoras e traballadores das empresas
atinxidas, para a economía e o emprego das comarcas afectadas e para
todo o país”.
Xunto a isto, denuncia a ridícula
dotación orzamentaria que se destina á suposta estratexia de
reindustrialización nas comarcas afectadas polo peche das centrais
térmicas de carbón. “Suposta porque non din nada máis, nin fixan
prazos, nin establecen medias paliativas para xa, porque é agora
cando xa se están vendo afectadas”, sinala o secretario xeral.
Canda isto, Carril apunta que, mentres
a CIG xa ten demandado, entre outras medidas, que se inclúa a Galiza
no Plan de Acción urxente para países do carbón e centrais
pechadas 2019-2020 “eles nin sequera contemplan que se garante a
inclusión de Galiza na estratexia de transición baixo as mesmas
condicións e cos mesmo dereitos doutros territorios do estado
español”.
“Bochornoso” en materia de
igualdade
Para o secretario xeral da CIG resulta
“bochornoso” que dediquen todo un apartado, baixo o nome de
'Igualdade de Oportunidades', a recoller iniciativas ou programas que
xa existen, que forman parte da normativa e sobre as que, polo tanto,
este pacto non achega nada novo.
Neste sentido denuncia que a meirande
parte das medidas van dirixidas a financiar gabinetes técnicos de
asesoramento, elaboración de guías de plans de igualdade, e accións
formativas nesta materia, nunha área na que a patronal e as centrais
sindicais asinantes do documento deberan estar a realizar ese tipo de
accións con fondos propios, tal e como fai a CIG desde hai quince
anos. “Máis tendo en conta que se consignan a este apartado un
total de 400.000 euros cando a Unidade Administrativa de Igualdade da
Xunta non ten orzamento suficiente para desenvolver o seu traballo”.
E denuncia tamén que o acordo de
formación en igualdade ten o mesmo contido que as accións
formativas que se desenvolven no marco do Consello Galego de
Relacións Laborais, sinalando que a única novidade radica en
unificar o procedemento de certificación dun plan de igualdade e o
da Marca Galega de Excelencia en Igualdade nun novo distintivo
autonómico galego, para o cal dedican 50.000€. “É indignante
que se dedique esa contía económica a premiar ás empresas por
cumprir a lexislación”, di.
Respecto do Acordo sobre ferramentas
para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de
oportunidades, considera que dedicar 90.000€ para a creación dun
portal web “é un derroche de cartos, que poderían aforrar,
actualizando os materiais xa dispoñíbeis ao novo marco legal”.
Por iso intúe que “o obxectivo do acordo non é avanzar nunha
Galiza máis igualitaria e sostíbel, senón financiar a actividade
de CCOO, UGT e a patronal, dándolle os parabéns a quen ten a
responsabilidade de levar a cabo políticas públicas para conseguir
o mesmo fin”.
Políticas activas de desemprego
No relativo a políticas activas de
emprego, o documento asinado non contempla, segundo valora o
secretario xeral da CIG, nin unha soa medida real que reverta a
situación das persoas paradas de longa duración. “O único que se
introducen son cuestións referidas a análise da situación ou
incorporación a un programa. Unha trapallada tendo en conta,
ademais, a lamentable dotación orzamentaria que lle dedican a esta
cuestión”.
As axudas a empresas para contratación
de remudistas -contratos relevo- significa, para Carril, “recoñecer
a discriminación da actual lexislación e fomentar a consolidación
da mesma, ademais de instalarse, con carácter xeral, na lóxica do
financiamento público das empresas de forma alegre a sen garantías
reais, limitando ademais os colectivos que puideran ser
beneficiarios”.
En relación ás axudas para favorecer
o mantemento do emprego ante flutuacións económicas, ademais de
afondar no anterior, significa, para Carril “fomentar e facilitar
os despedimentos de traballadoras e traballadores en empresas e
medidas de destrución de emprego, facilitando os EREs e os ERTEs e
as reducións de xornada con axudas públicas que son miserábeis,
que xeran problemáticas fiscais e seguen instalados na lóxica de
dar cartos ás empresas”.
É, para o secretario xeral da CIG, en
conxunto, “asumir a reforma laboral e definir máis medidas para
destruír emprego que para crealo”.
Apropiación indebida do AGA
Para Paulo Carril, con este acordo non
se crea “absolutamente nada novo”. Hai cuestións que se derivan
a organismos de nova creación que son de “dubidosa legalidade” e
vaise aínda máis lonxe apropiándose, “de forma indebida e
irrespetuosa de acordos como o asinado conxuntamente, o pasado 28 de
novembro, relativo ao financiamento e a posta en marcha do servizo de
mediación e arbitraxe de procedementos extraxudiciais de solución
de conflitos de traballo individuais (AGA), usurpando e desprazando
ao Consello Galego de Relacións Laborais que é o organismo no que
se aprobou”.
Así as cousas o secretario xeral da
CIG subliña que “non acreditamos no chamado diálogo social como
solución á situación na que se atopa Galiza” porque entende que
“é unha expresión simplificada e anuladora das necesarias
relacións institucionais”, que se utiliza de forma “perversa”
coa intención de “transmitir ao conxunto da sociedade falsas
expectativas de solución aos problemas que causan as nefastas
políticas que este mesmo Goberno aproba”.
Con este novo acordo “UGT e CCOO
asumen a súa submisión ao PP e á patronal, abandonando e
traizoando a defensa dos intereses da clase traballadora e do pobo
galego”, conclúe Carril.