23/04/18

Solicitude relacionada cos criterios do CPT acordados

O pasado venres, a CIG solicitoulle ao Concello que convoque a Comisión paritaria, se o estima pertinente, para aclarar uns conceptos que o concelleiro de Persoal seica lle trasladou a un traballador afectado sobre unha posible interpretación que iría en detrimento do persoal con Complemento Persoal Transitorio e que en ningún momento lle trasladou ao propio Comité de Empresa nin na Comisión Paritaria do Convenio Colectivo nin con posterioridade a esta. Cómpre lembrar que este complemento é o que teñen os traballadores e traballadoras que cobran por riba das retribucións acordadas no Convenio colectivo e que foron os únicos que non tiveron unha suba das retribucións coa entrada en vigor do novo convenio, fronte ao resto dos traballadores (arredor do 80%) que si que tiveron subas salariais en diferentes medidas.
Este complemento xa viña, nalgúns casos, da aplicación do convenio colectivo do ano 2006, que derivara tamén en que determinados traballadores que desde aquela cobraban por riba do convenio e seguiron cobrando por riba do convenio logo da entrada en vigor do convenio do ano 2017. Noutros casos derivou das retribucións fixadas por sentenzas xudiciais e nalgún outro de persoal que non tiña as retribucións segundo o convenio colectivo, polo que agora se rexen todos os traballadores e traballadoras laborais.

13/04/18

Acordos da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo (09/04/18)

O pasado luns 9 de abril tivo lugar, logo de múltiples peticións e escritos por parte do Comité de Empresa, a Comisión Paritaria do Convenio Colectivo. Nesta reunión acordáronse unha serie de modificacións do Convenio colectivo que irán, segundo indicou o concelleiro, ao pleno de maio de 2018. Unha vez que se aproben e se publiquen no Boletín Oficial da Provincia entrarían en vigor.

Con respecto ás cuestións acordadas a CIG solicitoulle celeridade, posto que en moitos casos supoñen unha perda nas retribucións (caso da CPT e importe horas extraordinarias) pola interpretación unilateral que o Concello fixo do Convenio colectivo en abril de 2017. Así mesmo, desde o comezo entendimos que a Comisión era a encargada de interpretar o Convenio e non era preciso que se aprobasen as novas modificacións, mais o goberno teimou en que era preceptivo facer as modificacións para que entrasen en vigor.

No relativo ás horas extraordinarias o persoal laboral leva perdido un 2% con respecto ao funcionariado pola interpretación que o Concello fixo do Colectivo. Polo que respecta á definición do termo "eventos" para o cobro do complemento de funcións extraordinarias o goberno teimou en deixar fóra grande parte da programación municipal e privilexiar as festas patronais e a Feira Medieval, que lle afectarían só a determinados departamentos. Tendo en conta esta decisión, e o conflito laboral derivado do non recoñecemento dos postos do persoal laboral temporal na RPT, e consecuente non recoñecemento da dispoñibilidade para a programación dalgún persoal municipal, o persoal excluído do cobro deste complemento, tendo en conta que non ten obrigatoriedade da realización das horas extras posto que as de programación non son por causa de forza maior, terá que valorar se continúa  facer un traballo non recoñecido no posto nin considerado relevante para o Concello.

As modificacións acordadas no Convenio colectivo pola Comisión Paritaria do 9 de abril de 2018 foron as seguintes (subliñadas):

Artigo 22.º Xornada laboral.
2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Betanzos realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 09:00 h e as 14:30 h de cada día, agás modificacións ou flexibilidades negociadas coa representación sindical e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, entre as 07:30 h e as 15:30 h, ou as tardes dos luns, martes, mércores, xoves ou venres.
Cláusula transitoria primeira. Complemento persoal transitorio
Conforme establece o artigo 29 do presente convenio colectivo, aquel persoal que actualmente ten unha retribución anual superior á establecida no sistema retributivo transitorio do Anexo I, respectaráselle os seus dereitos económicos adquiridos e consolidados.
Por isto, aquel persoal que actualmente perciba unha retribución anual superior á establecida no referido Anexo I terá dereito á percepción dun complemento persoal de carácter transitorio e absorbible.

Este complemento persoal será transitorio e terá vixencia en tanto o sistema retributivo aplicable sexa o que se fixa no anexo I do convenio colectivo. É dicir, deberá aboarse en tanto non se teña aprobado a RPT ou instrumento organizativo similar. A contía do dito complemento será a diferenza, en cómputo anual, existente entre as retribucións que se perciben na actualidade e as retribucións que establece o Anexo I do presente convenio colectivo.

Este complemento persoal transitorio non poderá ser incrementado nin revalorizado e absoberase segundo os seguintes criterios:

a) A absorción operará sobre o importe total de calquera futura mellora retributiva que afecte ao complemento específico ou ao valor dos trienios por antigüidade.

b) No caso de que o cambio de posto de traballo supoña unha diminución de retribucións, manterase o complemento persoal transitorio fixado, a cuxa absorción se imputará calquera mellora retributiva posterior, mesmo as que poidan derivarse dun novo posto de traballoque afecte ao complemento específico ou ao valor dos trienios por antigüidade.

c) Non terán consideración de melloras retributivas as derivadas do perfeccionamento de novos trienios, a percepción de retribucións complementarias que non teñan carácter de fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo, o incremento xeral das retribucións básicas que poidan establecer anualmente os correspondentes orzamentos.

d) Previamente pasarase a informe da Secretaría e da Intervención municipal. Os incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con efectos retroactivos.

ANEXO I. Valor económico das horas extraordinarias

Estes importes experimentarán o incremento que determine, para cada exercicio, a Lei de orzamentos xerais do Estado e restante normativa de aplicación. Os incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con efectos retroactivos.

ANEXO III

Os traballos realizados fóra da xornada de traballo na limpeza, apertura e peche de instalacións e notificacións, xunto coa gravación e cobertura dos plenos, así como os relacionados coas actividades de festas patronais e eventos organizados polo Concello (eventos consolidados dunha duración mínima de tres días e coincidindo en festivos ou sábado ou domingo dous dos días de celebración), a contía do complemento de funcións extraordinarias será a equivalente ao valor de 1,5 horas extras festivas.

O persoal encargado do mantemento da iluminación pública percibirá a cantidade de 1200 euros ao ano en concepto de dispoñibilidade. Cando sexan chamados para reparar unha avaría fóra do seu horario de traballo contabilizarán como horas extraordinarias as comprendidas entre a chamada e a resolución da avaría ou a determinación da incapacidade para resolvela. Estas horas serán retribuídas tal e como determina o Convenio para as horas extraordinarias. Esta dispoñibilidade cobrarase en doce mensualidades e distribuirase entre aqueles membros do servizo que sexan nomeados para tal cometido. No suposto de que só a teña un/ha traballador/a esta será cobrada en once mensualidades, quedando unha dispoñible para o/a traballador/a que obrigatoriamente deba substituílo no período vacacional.


Propostas da CIG no último tema pendente de negociación da RPT

A pasada semana finalizou o prazo para que os sindicatos que están na negociación da nova Relación de Postos de Traballo fixesen as últimas achegas neste proceso que comezou a finais de 2017.

Ata o momento, o goberno municipal chegara a acordos no relativo á asignación de niveis e os factores de valoración do complemento específico con CSIF, CCOO e UGT, e a CIG amosou desde o comezo a súa discrepancia cun documento que en realidade non valora os postos de traballo e que parte dunha distinción de nivel entre persoal laboral e funcionariado alegando unha menor responsabilidade que na realidade é inexistente e menosprezando claramente os postos do persoal laboral.

Na última reunión só ficaba pendente a asignación das distintas escalas a cada un dos factores do complemento específico e as achegas que cumpría facer ata o pasado 6 de abril. En principio, se todo segue como o previsto logo destas propostas habería unha reunión final sobre a Relación de Postos de Traballo. No caso de que o goberno municipal chegase a un acordo cos sindicatos que ata o momento viñan aceptando as súas propostas e acordase unha nova RPT esta debería someterse a acordo plenario, se se aprobase no pleno de xeito inicial abriría un prazo para facer alegacións, ata que logo se estimen ou desestimen e se aprobaría de xeito definitivo, sempre ficando a vía de levar as alegacións a outra instancia no caso de que sexan desestimadas.

A CIG rexistrou e enviou a Quorum Económico SL (que realmente é con quen parece que se está a negociar o documento), ao Departamento de Persoal e mais ao concelleiro de Persoal o seguinte documento referente ás propostas pendentes mais tamén ao resto de cuestións que reiterou en diversas ocasións nas mesas de negociación que durante este meses tiveron lugar pola RPT.


A CIG convoca mobilizacións en defensa das pensións públicas e pola recuperación dos dereitos

O domingo 15 de abril haberá manifestacións e concentracións ao longo de toda Galiza


A CIG vai desenvolver unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP.

Esta iniciativa enmárcase na campaña que a central sindical está desenvolvendo para esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a reivindicación dunhas pensións dignas "é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora".

É o momento de dar unha resposta contundente

A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social do estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza. Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que é o momento de acumular forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, xa que esta "é a única alternativa para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional".

Nesta liña, Carril sostén que "temos que plantarlles cara e defendernos, vencer as reformas laborais e acadarmos unhas condicións de traballo e de vida dignas. A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas políticas".

Reformas para favorecer os plans de pensións privados

As reformas aplicadas en 2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: atraso da idade de xubilación; aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sustentabilidade, que se comezará a aplicar a partir de 2019.

Estas medidas provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores. Por iso, para a CIG non deixa de resultar rechamante que, organizacións que facilitaron a implantación destes recortes e día tras día reeditan a lacra do pacto social que nos está levando a que se consolide unha situación social sen saída, con total descaro corran agora a convocar protestas, cando tamén son causantes, xunto co PP e PSOE, destes ataques ás pensións.

Lexislar para favorecer as grandes empresas e a banca

Doutra banda, a reforma laboral e da negociación colectiva facilitan que as empresas rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado e unha caída agudizada das cotizacións, que merma tanto os ingresos actuais do sistema como as posibilidades de acceder a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. Non cómpre perder de vista un dato significativo: en 2011, cun número similar de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns de euros menos.

De xeito paralelo, o goberno promoveu medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans privados de pensións. Esta batería de medidas nada inocentes veu acompañado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.


"A única posibilidade de termos pensións dignas pasa pola derrogación das reformas feitas polo PSOE e polo PP", conclúe Carril, e fai un chamado a participar coa CIG na xornada de mobilizacións do 15 de abril para demostrar que "nin nos resignamos nin imos permitir máis agresións á clase traballadora, que é a que realmente crea a riqueza existente".

Condena á Xunta de Extremadura por un accidente no que faleceu un traballador

SENTENZA

O Xulgado do Penal número 2 de Badaxoz ditou o pasado mes de marzo sentenza por uns feitos ocorridos en 2010. Nese ano a Consellería dos Mozos e do Deporte da Xunta contratou traballos de adecuación dun edificio para a súa conversión nun espazo para a creación nova.

Segundo o fallo, declárase probado por conformidade das partes que o construtor contratado, que carecía de seguro de responsabilidade civil, acudiu con dous traballadores ás instalacións o 22 de novembro de 2010 sen establecer un procedemento técnico preventivo e sen contar cunha avaliación de riscos nin un plan de seguridade e saúde.

O traballo dese día, consistente na demolición dunha marquesiña, ordenouse e planificou para ser realizado desde a plataforma superior, sen contar coa maquinaria e os equipos adecuados: os traballadores colocáronse encima coa protección duns arneses cunha corda atada aos alicerces dun silo. Ao iniciar a demolición da marquesiña a estrutura veu abaixo e caeron desde unha altura de seis metros contra o chan, xa que a corda que lles unía cos alicerces tiña unha lonxitude superior. Sobre eles caeron os cascallos. Un dos traballadores faleceu e o outro sufriu diversas fracturas das que tardou máis dun ano en curarse.

O xulgado considera probado que a Xunta aceptou o orzamento da obra sen comunicar ningún outro requisito, indicando unicamente que á conclusión da actuación remitísese factura para realizar o pago. Ademais, permitiu o acceso á edificación para o inicio dos traballos sen licenza municipal, sen estudo básico de seguridade e saúde, sen plan de seguridade e sen coordinador de seguridade.

O xulgado condena ao construtor a un ano e tres meses de prisión por un concurso de delitos de homicidio imprudente, lesións imprudentes e contra os dereitos dos traballadores. Como indemnización debía abonar en total 342.049 euros.

Así mesmo o xuíz decretou a responsabilidade civil directa e solidaria da Xunta de Extremadura, xa que estimou que como entidade promotora debía contar con licenza e cumprir coas medidas de seguridade e saúde.


A sentenza non foi recorrida e o xulgado ordenou a súa execución en xuño do pasado ano. En outubro, o construtor foi declarado insolvente, polo que a Xunta tivo que facerse cargo do pago das indemnizacións.

Os/as traballadores/as europeos consideran que as súas empresas amosan en xeral pouco interese pola súa saúde mental

PSICOSOCIAL

Segundo datos do estudo “The Workforce in Europe 2018”, realizado pola axencia independente de estudos de mercado Opinion Matters para ADP, provedor global de solucións de Xestión do Capital Humano, o 14 % dos empregados cren que a súa empresa non se interesa en absoluto pola súa saúde mental, un 34 % din que a súa empresa ten pouco interese, o 46 %, opina que a súa empresa interésase, e tan só o 6 % di que a súa empresa ten “un gran interese”.

Os datos indican que un 18 % dos/as traballadores/as europeos aseguran soportar tensións diariamente, e un 30 % séntense tan tensos que están a pensar en buscar un novo traballo.

A tensión parece diminuír a medida que o traballador/a vaise facendo maior. Máis dun terzo (37 %) do grupo de idade de 16 a 24 pensa en cambiar de posto debido á tensión, en comparación con só un 17 % do grupo de idade de máis de 55.

En xeral as mulleres parecen sufrir tensións con maior frecuencia. Case una de cada cinco (19 %) di sentirse tensa cada día, en comparación co 16 % dos seus colegas homes.

Segundo o director de ADP Iberia, "Os empregados que soportan un alto nivel de tensión están en perigo de sufrir a síndrome de desgaste profesional ou, mesmo, de enfrontarse a problemas de saúde mental máis graves que non só afectarán o seu rendemento, senón tamén á súa traxectoria profesional e a súa vida persoal durante un longo período de tempo. Por tanto, axudar aos empregados para xestionar a tensión e poñer en marcha unha rede de protección antes de que se agraven os problemas vai en beneficio dos empregadores".

As conclusións do estudo poñen de relevo o impacto dos recortes de persoal e financiamento no sector sanitario, sector no que un 35% dos traballadores/as enquisados manifesta que o seu empregador/a non mostra interese pola súa saúde mental.

Este estudo foi encargado co fin de ofrecer unha visión profunda de cuestións como son o optimismo e a fidelidade, a preparación e a proxección profesional, os retos da produtividade, a tecnoloxía e a automatización, o benestar e a discriminación.

05/04/18

Comisión Paritaria Mixta de control e seguimento do Convenio colectivo

Logo de meses de solicitudes por parte do Comité de Empresa, o Concello de Betanzos convoca a Comisión Paritaria Mixta de control e seguimento do Convenio colectivo do persoal laboral o vindeiro luns 9 de abril ás 12:00 h da mañá na Sala de Xuntas coa seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta do 18/07/18.
2. Apartados para modificar no texto do convenio colectivo vixente.

Así mesmo, ese mesmo luns día 9 os representantes do Comité terán unha reunión co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, ás 10:00 h, para solicitar información sobre a situación do persoal de limpeza do colexio CEIP Francisco Vales Villamarín de cara ao futuro logo da publicación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia do anuncio de licitación do servizo de limpeza dos centros de ensino de Betanzos, que na actualidade é prestado por traballadoras municipais. 

Días de asuntos particulares do ano 2018

Lembrade que este ano temos 8 días de asuntos propios (dous en compensación dos sábados festivos 6 de xaneiro e 8 de decembro) segundo o que indica o artigo 21.2. do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos:

"Os calendarios laborais incorporarán cada ano natural, tantos días de permiso como festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma de Galicia, coincidan con sábado no dito ano".

Abrindo camiños n.º 61


5 millóns de euros en 3 anos destinados a formar delegados/as sindicais. O que cobran os asinantes do Acordo de Madrid (1)

Cando na Mesa Xeral das Administracións Públicas de Madrid de marzo nos puxeron diante o Acordo de mellora do emprego público e condicións de traballo xa previamente negociado ás agachadas e asinado por CCOO, UGT e CSIF para que o subscribíramos, dixemos NON polas razóns que expuxemos en duas notas informativas: 1) Acordo de Madrid: nin recuperación salarial, nin 35 horas, nin fin dos descontos por IT. Que nos queren vender? e 2) Si unha equipa galega gaña a liga, ou por que dificilmente cobraremos a suba pactada. 

Pero había outro punto na Orde do día da Mesa Xeral: aprobar unha serie de modificacións do Acordo AFEDAP, de formación das persoas empregadas públicas.

Este presentaba no seu articulado unha novidade a salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións formativas dirixidas a delegados/as e cadros sindicais no sector público. Mesmo incluían a quenes nin sequera tivesen a condición de empregados/as públicos/as.isto último finalmente retirado xa que sendo manifestamente ilegal tiña incluso o informe negativo da Avogacía do Estado, pero danos idea de ata onde querían chegar.

No texto do Acordo aparece o seguinte: “No seo do grupo de traballo do Acordo de mellora de emprego do 2017 “..accederase ás accións formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva e o diálogo social”. Así de barroca a redacción para que se entenda canto menos mellor.

Na Mesa preguntamos directamente á Secretaria de Estado de Facenda pola contía que ían destinar ao financiamento de formar delegados/as sindicais, xa que ese dato non formaba parte da documentación entregada. A Secretaria de Estado afirmou que sería superior aos 5 millóns de euros, o que implica que un 9% do total dos 58 millóns de euros dos plans de formación serían para formar a cadros sindicais.

Dende a CIG amosamos a nosa disconformidade con este apartado do AFEDAP, que só foi compartida polo sindicato vasco ELA, ao entender que a formación interna dos delegados e delegadas sindicais debe ser sufragada cos fondos propios das organizacións sindicais e non co detraído para a formación dos/das empregados/as públicos/as e que os cartos de formación deben destinarse na súa integridade a formar a todos os traballadores e traballadoras públicas, reforzando a formación continua.

Recapitulando,
  1. Formar a delegados/as sindicais NON É FORMACIÓN AS/OS EMPREGADAS/OS PÚBLICAS/OS.
  2. Os 5.000.000 de euros non saen da Administración senón DAS NOSAS PROPIAS NÓMINAS como persoas empregadas públicas.
Todo isto, ademais de algo moi feo é unha estafa aos traballadores/as e por iso, e como había que coller o lote completo, pois non aceptaron a petición da CIG de retirar este turbio asunto do Acordo de Formación, NEGÁMONOS a asinar esa modificación que é un NEGOCIO REDONDO para CCOO, UGT e CSIF que son os sindicatos que non tiveron reparo en asinar.


Máis de 2.000.000 de euros anuais por xestionar fondos de pensións. O que cobran os asinantes do Acordo de Madrid (2)


O Acordo de Madrid non foi de balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos, pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.

CCOO e UGT que teoricamente defenden o sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de pensións privados onde os traballadores PAGAN AOS ASINANTES comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións de carácter privado.

CCOO e UGT obteñen así beneficios de múltiples fondos de pensións de empresas privadas e de administracións públicas, xestionados a través da empresa EGFP S.A. participada por eles.

Centrándonos só no de maior contía, que é o da Administración Xeral do Estado, vemos que este fondo se nutre con aportacións que se detraen da suba salarial e que nos últimos anos estaban suspendidas a maior parte delas a raíz dos recortes practicados polos sucesivos gobernos, pero co acordo asinado vai poder ter novas aportacións con esa porcentaxe de fondos adicionais que din que serven para subirnos o soldo pero que no caso do Estado van pasar a engordar ese fondo de pensións e non van ser salario directo.

En que se benefician CCOO e UGT?

Pois en que a entidade xestora dese fondo de pensións que ten unha conta de posición cun saldo de máis de 600 millóns de euros é Gestora de Previsión y Pensiones EGFP S.A. participada nun 60% polo BBVA e nun 20% por CCOO e 20% por UGT, e por iso cobran dividendos e comisións pola xestión.

Foi a propia promotora do plan de pensións dos empregados/as do Estado, onde están representadas CCOO e UGT a que contratou a EGFP. S.A. que ten como accionistas a CCOO e UGT.

Pero isto é un escándalo! e como a comisión promotra do plan de pensións non evitou esta autocontratación por parte de CCOO e UGT?

Alguén poderá pensar que isto de autocontratarse é un escándalo e que aquí deberían entrar en xogo as causas de abstención e recusación da Lei 40/2015 en todo o seu esplendor ao ter CCOO e UGT máis que interese nese asunto. Pois parece que non, porque a Avogacía do Estado ao considerar que a comisión promotora non é un órgano da Administración, nin sequera un órgano colexiado con participación social, pode facer contratos de natureza privada. De aí que a comisión promotora, na que están CCOO e UGT, previo acordo asinado coa Administración, por CCOO e UGT, decida contratar a xestión do fondo a unha entidade participada por CCOO e UGT.

CCOO e UGT, que grandes, que cintura, que fenómenos!! Nin Camps, nin Cifuentes, nin o Duque de Palma!!

De que contías falamos?

A entidade xestora cobra unha serie de comisións que no ano 2016, o último do que hai datos, e só no caso do fondo de pensións do Estado, supuxeron 2.341.519,19 euros, como se pode ver na conta de perdas e ganancias na páxina 4 das contas anuais do ano 2016. E isto cun fondo coas aportacións practicamente conxeladas pero do que veñen cobrando dende o 2004.

Como podedes ver na propia páxina do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado, a entidade xestora cobra sobre a conta de posición un 0,25% anual pola administración do plan e un 0,05% anual, pola xestión financeira, máis unhas comisións a maiores que poden chegar ao 5% sobre a rendibilidade do plan.

En definitiva máis de 2 millóns de euros que saen anualmente dos salarios dos empregados/as públicos/as da AXE e que van parar ao peto de CCOO e UGT.

Dispoñen dos salarios dos/as empregados/as públicos/as para facer caixa


E como cobran porcentualmente, eses 2.000.000 de euros pódense incrementar se aumenta a conta de posición, polo que non hai que ser Einstein para deducir que os principais interesados en que os cartos dos salarios dos/as empregados/as públicos/as vaian a parar a ese fondo son os membros da entidade xestora, que ademais son quen negocian o acordo salarial, neste caso CCOO e UGT. De aí que habilitaran eses fondos adicionais dentro do acordo para poder seguir engordando ese plan de pensións que lles da beneficios, en vez de destinar esa porcentaxe a un incremento salarial directo.

OS PERMISOS RETRIBUÍDOS COMEZAN A COMPUTAR NO PRIMEIRO DÍA EN QUE HAXA OBRIGA DE TRABALLAR SEGUNDO SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO

Unha vez máis a Xustiza eríxese en valedora dos dereitos dos traballadores/as.
A Sala do Social do Tribunal Supremo vén de emitir nunha sentenza en relación cos permisos retribuidos por matrimonio, nacemento dun fillo/a e falecemento dun familiar na que establece que "[..] os permisos concédense para o seu goce en días laborables, pois en días festivos non é preciso pedilos porque non se traballa [..]", e por tanto, "o día inicial para o goce dos permisos [..] cando o feito causante se produza en día feriado, debe ser o primeiro día laborable que lle siga".
A CIG está convencida, e exemplos previos houbo moitos, de que se estivésemos díante dun recorte de dereitos das empregadas públicas, a Xunta actuaría coa súa habitual dilixencia e celeridade en aplicar o recorte, maís desta vez estamos diante dunha "pequena" conquista laboral en vía xudicial, polo que a CIG vén de dirixir un escrito a Función Pública para que proceda á adaptación de dita xurisprudencia á normativa galega.