29/04/15

Convenio e acordo, aprobados polo pleno, seguen o seu curso

No pleno de onte tanto o Convenio colectivo do persoal laboral como o Acordo regulador do funcionariado foron aprobados co voto a favor do goberno municipal e a abstención do resto dos grupos da oposición.

Moitas veces se fixo mención aos informes de Secretaría e Intervención que a representación dos laborais non ten e que o Comité de Empresa solicitou hoxe por rexistro. Segundo se indicou no pleno a Intervención municipal reparou o convenio do persoal laboral mais ao ficar aprobado levantábase directamente o reparo.

Agora ambos os textos seguen o trámite e deberán ser enviados polo Concello ao Consello Galego de Relacións Laborais e entrarán en vigor logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, ata este momento pasarán varios meses, non obstante, desde a CIG manterémosvos informados de todas as novidades que teñamos con respecto a este proceso. Ata a entrada en vigor do novo convenio segue vixente o actual.

Co acordo e posterior aprobación do novo convenio colectivo cúmprese un dos principais compromisos de traballo do programa co que a CIG se presentou ás pasadas eleccións do ano 2011.

28/04/15

Primeiro de Maio de 2015: contra a pobreza, emprego e salarios dignos

A CIG celebra un ano máis o Día Internacional da Clase Traballadora con mobilizacións en distintas localidades do país 

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebra un ano máis o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións en distintas localidades do país que se desenvolverán baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos'. A central nacionalista aproveitará a xornada para denunciar a situación de pobreza e exclusión que padecen amplos sectores da maioría social como consecuencia da crise económica e das políticas que aplican o Goberno central e a Xunta en beneficio dos responsábeis da crise: banqueiros/as, especuladores/as e oligarcas.

Fronte á propaganda do PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas españois amigos/as do PP.
A realidade que a Xunta de Galiza e o Goberno español, coa colaboración dos grandes medios de comunicación de masas, manipulan e ocultan todos os días, se por algo se caracteriza é por un forte retroceso en dereitos laborais e sociais e en calidade de vida, para amplos sectores da sociedade, até o extremo de levar a miles de persoas a una situación de pobreza e de exclusión social, acompañado todo isto dunha forte política represiva e de recorte das liberdades públicas.

Galiza perdeu 195.300 postos de traballo desde o ano 2007; situámonos en cifras históricas de desempregados/as cun total de 275.800 persoas no paro; estamos a perder poboación activa en idades entre 20 e 39 anos, que marcha, unha vez máis, camiño da emigración a producir riqueza noutras partes do mundo; perdemos emprego fixo e a xornada completa e está a ser substituído por emprego temporal e a tempo parcial; redúcense os salarios da clase traballadora mentres se fai una política fiscal que favorece ás rendas máis altas, ás grandes empresas e aos defraudadores/as; o crecemento económico de Galiza é inferior á media do Estado; destrúese unha parte importante do noso tecido produtivo en sectores básicos como o agrogandeiro, pesqueiro, naval ou eólico e nos últimos anos incrementáronse as desigualdades sociais, cunha forte concentración da riqueza nas grandes fortunas.
Esta é a dura realidade que a día de hoxe padecemos a clase traballadora galega e que se empeña en ocultar ese experto manipulador e vendedor de fume que preside a Xunta, o señor Feijóo. Esta situación é consecuencia dunhas políticas económicas e laborais promovidas desde a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional, executadas obedientemente no Estado español polo PP, e que teñen como finalidade afondar no actual sistema capitalista neoliberal, favorecer o incremento de beneficios do capital e a concentración de riqueza e do poder en mans da oligarquía financeira.

O 1º de Maio simboliza a loita que historicamente levou adiante, e segue a levar, o proletariado de todo o mundo por rematar coa explotación de clase e facer realidade unha sociedade máis xusta, democrática, libre e igualitaria no económico e social. A CIG e a clase obreira galega sentímonos parte activa desa loita internacionalista e solidaria e a ela queremos contribuír coas manifestacións que celebramos por toda Galiza neste data, así como coas loitas que levamos adiante diariamente na defensa dos nosos dereitos, na mellora das nosas condicións de vida e de traballo e pola conquista da plena soberanía para a nosa nación.
VIVA O 1º DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!
VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!

Inicio do proceso de eleccións sindicais

Hoxe constituíronse as dúas mesas das eleccións sindicais do persoal laboral, a de técnicos e administrativos e a de especialistas e non cualificados, fixáronse as datas que rexerán este proceso electoral e acordouse que as eleccións terán lugar o vindeiro martes 2 de xuño e as votacións realizaranse entre as 10:00 h e as 14:00 h.

Desde mañá o censo electoral, é dicir,  a listaxe onde constan os compañeiros e compañeiras que forman parte do proceso electoral, deberá estar exposta nos distintos centros de traballo de cara a que se poidan realizar reclamacións, no caso de que haxa algún erro. Haberá dous censos, no de persoal técnico e administrativo están os/as traballadores/as do grupo 1 ao 3 e no de persoal especialista e non cualificado/a os/as traballadores/as dos grupo 4 e 5.

A xornada de reflexión terá lugar o 1 de xuño e as votacións o día 2 de xuño. Nas mesas de ambos os colexios están os/as compañeiros/as con maior antigüidade e maiores e menores que traballan no Concello.

Canto ás eleccións de delegados/as de funcionarios/as desta volta non foron convocadas á vez que as de laborais e o seu proceso comeza o vindeiro 26 de maio.

27/04/15

O convenio do persoal laboral mañá no pleno

O goberno municipal leva ao pleno que terá lugar mañá o convenio colectivo do persoal laboral, tal e como informara ao Comité de Empresa. Este acordo asinado polos representantes dos traballadores e o goberno municipal será sometido á asúa aprobación na sesión plenaria onde os diferentes partidos políticos da oposición terán que amosar a súa postura con respecto a este acordo ao que os traballadores chegaron co goberno municipal e que supón un pequeno e primeiro avance na equiparación ao persoal funcionario en dereitos e o inicio do camiño cara á equiparación salarial que desde a CIG levamos reclamando, porque é de xustiza, desde o momento en que obtivemos representación entre o persoal laboral hai catro anos.

Segundo soubemos a última hora este texto parece ser que non foi informado de xeito positivo nin por Secretaría nin por Intervención, non obstante, se o goberno municipal mantén a postura acordada cos traballadores defenderá a súa aprobación na sesión plenaria. Haberá que comprobar tamén, de primeira man, na propia sesión plenaria, a postura de todos os partidos políticos con respecto ao acordo ao que se chegou, é dicir, se respectan a vontade do persoal ou van na contra dun texto que beneficia ao persoal laboral e que renovaría un convenio colectivo que leva vixente case dez anos e ficou completamente desfasado con respecto á lexislación vixente en materia laboral.

20/04/15

Criterio técnico en materia de contratación temporal

A Dirección Xeral da Inspección de Traballo e Seguridade Social, na súa condición de Autoridade Central da ITSS ven de ditar o Criterio Técnico ITSS nº 95/2015 en materia de contratación temporal.

No desenvolvemento do Criterio Técnico abórdanse os seguintes contidos:

1.- Contrato por obra ou servizo determinado
2.- Contrato eventual por circunstancias da produción.
3.- Contrato de interinidade.
4.- Regras comúns.
5.- Transformación de contratos temporais en indefinidos.
6.- Irregularidades administrativas máis frecuentes.
7.- Contrato de relevo.
8.- Contrato eventual primeiro emprego.
9.- Contrato temporal de fomento do emprego de persoas con discapacidade.
10.- Medidas derivadas da actuación inspectora


Comités de Seguridade e Saúde, tarde, mal e arrastro

A saúde e a seguridade laboral son unha das grandes materias pendentes deste Concello. O Comité de Seguridade e Saúde constituíse, entendemos que por primeira vez, nesta lexislatura logo dunha denuncia na Inspección de Traballo dos delegados de prevención laborais a instancias da CIG. Cada convocatoria que se fixo e cada tema que se tratou foi a instancias dos delegados de prevención, que mesmo tiveron que denunciar na Inspección provincial a nave ruinosa na que traballaban compañeiros como o pintor, que foi finalmente clausurada, ou a situación de inseguridade que padeceu o persoal laboral da Casa do Concello durante as obras de amaño do edificio.

Non hai que esquecer que este Concello nin contaba con plans de prevención de riscos laborais (obrigatorios por lei) nos diferentes edificios e nin sequera plan de emerxencia en lugares como a Escola Infantil Municipal que a mutua elaborou recentemente. Cando este Comité de Empresa comezou os traballadores e traballadoras levaban catro anos sen revisións médicas, que foron realizadas tempo despois e logo de moita insistencia, aínda que o que realmente fica pendente son as revisións específicas que valoren como o traballo dos distintos postos repercute no persoal correspondente.

Desde o Comité de Empresa  e desde a CIG sempre tentamos buscar vías de diálogo de cara a amañar as problemáticas relativas á seguridade e saúde laboral, sen deixar de lado a transcendencia deste tema e entendemos que é de máxima importancia especialmente para moitos compañeiros e compañeiras de servizo. Unha vez máis, foi un delegado de prevención da CIG o que solicitou xa hai máis dun mes a reunión trimestral do Comité de Seguridade e Saúde cuxo periodicidade non foi quen de cumprir este goberno municipal nin unha soa vez desde hai tres anos.

A día de hoxe os delegados de prevención aínda están á espera dos informes do técnico da mutua que pasou polos edificios (mutua que polo que parece levaba anos cobrando do Concello sen facer nin un só traballo, porque ata que todo isto botou a andar practicamente non había rastro dela) e de que o Concello convoque a primeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde do ano 2015.


Convenio colectivo asinado polo Comité de Empresa e o Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos vén de nos remitir unha copia do Convenio colectivo asinado polo goberno municipal e os representantes do Comité de Empresa nas pasadas semanas. Aí tendes o texto finalmente acordado que se someterá a votación plenaria proximamente.

16/04/15

Indemnizacións por asistencia a tribunais

A indemnización correspondente pola asistencia a tribunais de procesos selectivos é un dereito dos traballadores e traballadoras públicos que vén recollido na lexislación vixente. 

Neste Concello e con este goberno os dereitos, ás veces, parece que non se teñen se non se solicitan e o propio concelleiro de Persoal ten comentado nesta lexislatura que o persoal non cobraba as indemnizacións correspondentes porque non o solicitaba. Cando o Concello nomea a un traballador ou traballadora como membro dun tribunal para un proceso selectivo debe pagarlle a indemnización correspondente pola asistencia... ou acaso os concelleiros solicitan cobrar a asistencia a cada pleno? Non, o Concello directamente lles paga o que está estipulado legalmente, pois o fondo desta cuestión é que se utilice a mesma vara de medir para todo o mundo e este tipo de indemnizacións créanse no momento do nomeamento e consecuentemente o Concello debe pagalas e non escudarse na solicitude porque iso non é máis que unha escusa para, no fondo, non pagar o que corresponde e que recaia nos traballadores unha responsabilidade que non é deles, senón da Administración.

A maiores, nalgúns dos procesos selectivos o goberno municipal vén collendo como costume non notificarlle os nomeamentos aos compañeiros e compañeiras designadas, o que consideramos que podería chegar a invalidar algún proceso porque ao descoñecer con anterioridade a listaxe de persoas presentadas, tampouco poden recusar o nomeamento se transcorren algunhas das causas legalmente previstas para facelo.

É certo que os conflitos cos procesos selectivos veñen de lonxe neste Concello, tamén é certo, e non hai que negalo, que nos últimos anos se deron pasos adiante logo de reclamacións da CIG e mais as alegacións do Comité de Empresa, a través da CIG, a todos os contratos dos últimos anos, así como as disconformidades por non adecuación ao convenio ou mesmo á legalidade vixente, puideron ter algo que ver, mais non é menos certo que resulta un chisco lamentable que se teñan que facer reclamacións para aplicación de lexislación laboral neste caso do 2002, de hai 13 anos, como é o caso do Real Decreto 462/2002 sobre indemnizacións por razóns de servizo.

Debido a isto o Comité de Empresa solicitoulle o seguinte ao Concello de Betanzos:

1. Que o Concello realice todos os trámites administrativos necesarios para os nomeamentos e notificacións por escrito aos traballadores e traballadoras que designa como membros para formar oarte dos tribunais para procesos selectivos temporais que o Concello convoca.
2. Que teña en conta que a inexistencia das notificacións nos nomeamentos podería invalidar os procesos no caso de que existisen causas de recusación a estes como as sinaladas.
3. Que o Concello lle aboe aos traballadores e traballadoras laborais que son nomeados como membros do tribunal dos procesos selectivos para a cobertura de diversos postos as indemnizacións que lles corresponden ao abeiro da lexislación vixente en materia de participación en tribunais de oposicións e concursos regulada pola lexislación vixente.

Nova solicitude

O Comité de Empresa solicitou unha copia asinada polo alcalde do convenio colectivo asinado recentemente pola presidenta e o secretario do Comité de Empresa. Igualmente, na reunión que ten pendente co concelleiro de Persoal preguntará polo estado do procedemento administrativo relativo ao convenio colectivo logo de o acordar co Comité de Empresa, xa que deducimos que vai ao pleno deste mes, son as últimas informacións que tiñamos, mais o certo é que se aludiu en varias ocasións aos informes técnicos do texto e descoñecemos en que punto están na actualidade.


Solicitude de reunión co concelleiro de Persoal

Varios compañeiros e compañeiras véñennos preguntando nos últimos días sobre cuestións que están pendentes e que o concelleiro de Persoal deu a entender que se resolverían nesta lexislatura, por este motivo o Comité de Empresascolicitou na semana pasada a reunión mensual co concelleiro de Persoal para preguntarlle por diversos temas relativos ao persoal laboral, nomeadamente solicitudes sen resposta tanto do propio Comité de Empresa como de varios compañeiros e compañeiras a nivel individual. Polo momento non tivemos novidades mais en canto así sexa manterémosvos informados.


13/04/15

A reforma da Inspección de Traballo pecha a posibilidade de que Galiza teña competencias plenas nesta materia

ITSS

A representación de CIG e ELA no Consello Económico e Social emitiu un voto particular ao ditame sobre o Anteproxecto de Lei Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, ao entender que o Goberno español pretende, mediante este mecanismo, coartar a transferencia das competencias en materia de inspección laboral ás autonomías, pois non se estabelece mecanismo nin procedemento algún para futuros procesos de transferencia da Inspección de Traballo e Seguridade Social. A este respecto, cómpre lembrar que no seu momento Galiza solicitou a transferencia desta competencia, mais coa nova reforma esta vía queda pechada. 

Outra das propostas novas recollidas no Anteproxecto de Lei refírese á representación institucional das organizacións empresariais no Consello Xeral da Inspección de Traballo, seguindo o coñecido criterio da representación tripartita –administración, entidades empresariais e organizacións sindicais- que xa se dá noutros ámbitos máis xerais como o da Seguridade Social, os servizos públicos de emprego ou de saúde.

Ser adicto ao traballo non implica obter mellores resultados

PSICOSOCIAL

Nunha investigación na que participou a UNED sobre unha mostra de emprendedores/as, resultou que os adictos/as ao traballo, conseguiron peores resultados nos seus negocios que aqueles/as que eran capaces de desconectar.


Segundo un dos autores da investigación, a adicción ao traballo non mellora os resultados, produce conflito na relación traballo e familia, empeora a saúde e o benestar e incrementa os erros laborais.


Como mostra base para a enquisa considerouse a emprendedores/as donos/as dos seus negocios cunha idade media de 42 anos e máis de 18 anos de experiencia laboral; dentro da mostra case a metade tiñan un título universitario; o 84% tiña polo menos un empregado e o 59,1 % eran homes.

Se diferenciaron dous tipos: os adictos ao traballo, que son aqueles que adican demasiadas horas, nunca están satisfeitos co resultado, non deixan de pensar no traballo, incluso no tempo libre, e non son quen de extraer emocións positivas do mesmo, e os involucrados, ou aqueles que non se obsesionan, conseguen desconectar e extraer emocións positivas do emprego.

Os resultados do estudo indican que a adicción ao traballo provoca emocións negativas, como sentimento de culpa por sacrificar aspectos da vida polo traballo, ansiedade ou malestar, que inciden de xeito negativo no rendemento do traballador e do negocio. Sen embargo nos casos de implicación co traballo, prodúcense emocións positivas que repercuten positivamente na conta de resultados da empresa.

Segundo un dos autores a dependencia obsesiva do traballo é tan negativa para o individuo como outras adiccións como o xogo, as drogas ou internet.

O estudo foi publicado en Journal of Managerial Psychology.

 

Resolución con respecto aos días de asuntos propios do ano 2015

O Concello de Betanzos vén de resolver a concesión dun día adicional de asuntos propios en compensación do festivo correspondente ao 15 de agosto, que cadra en sábado. Este súmase aos outros 5 dos que podemos desfrutar durante o ano 2015, facendo un total de seis días de asuntos por asuntos particulares que tal e como se indica na resolución "poderán desfrutarse individualmente ou acumularse aos días de vacacións que se desfruten de forma independente como aos días de asuntos particulares".

A solicitude que a CIG fixo no pasado mes de xaneiro pedía a compensación de dous festivos, o 25 de xullo e o 15 de agosto, durante meses pedímoslle ao concelleiro que publicase canto antes a resolución e, en principio, nunca amosou que non se ía acceder ao solicitado, non obstante, hoxe soubemos por este escrito que foi distribuído nos diferentes departamentos municipais que finalmente o goberno municipal decidiu só compensar o festivo estatal.

12/04/15

Asinado, por fin, o novo convenio colectivo

A semana pasada, finalmente, o convenio colectivo foi asinado polo secretario e a presidenta do Comité de Empresa. A sinatura demorouse un chisco máis do previsto porque o goberno municipal accedeu a corrixir algunhas cuestións que aparecían erradas con motivo da premura con que todo se fixera nas semanas pasadas. Agradecemos aos compañeiros e compañeiras que nolas puxeron en coñecemento para llo poder trasladar ao goberno aínda en tempo.

O texto definitivo foi enviado por correo a todo o persoal laboral, mais no caso de que alguén non o recibise pode poñerse en contacto connosco no enderezo cigconcellobetanzos@gmail.com.

Logo deste paso, e tal e como vos dixemos, o seguinte é a súa aprobación polo Pleno da corporación, que segundo o previsto terá lugar o último martes do mes de abril, o día 28, no caso de que antes non se realice un Pleno extraordinario para tratar esta cuestión. Supostamente neste Pleno tamén se someterá a aprobación o acordo regulador das condicións do persoal funcionario.

Agardaremos, pois, polo momento, ata que chegue ese día, para coñecermos de primeira man a postura que os distintos partidos políticos que forman parte da corporación manteñen con respecto ao acordo que o Comité de Empresa tomou co goberno municipal por decisión maioritaria da asemblea de traballadores.