A CIG celebra un ano máis
o Día Internacional da Clase Traballadora con mobilizacións en
distintas localidades do país
A Confederación
Intersindical Galega (CIG) celebra un ano máis o 1º de Maio, Día
Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións en distintas
localidades do país que se desenvolverán baixo o lema 'Contra a
pobreza. Emprego e salarios dignos'. A central nacionalista
aproveitará a xornada para denunciar a situación de pobreza e
exclusión que padecen amplos sectores da maioría social como
consecuencia da crise económica e das políticas que aplican o
Goberno central e a Xunta en beneficio dos responsábeis da crise:
banqueiros/as, especuladores/as e oligarcas.
Fronte á propaganda do
PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é
que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme
dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A
situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta
crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas
españois amigos/as do PP.
A realidade que a Xunta
de Galiza e o Goberno español, coa colaboración dos grandes medios
de comunicación de masas, manipulan e ocultan todos os días, se por
algo se caracteriza é por un forte retroceso en dereitos laborais e
sociais e en calidade de vida, para amplos sectores da sociedade, até
o extremo de levar a miles de persoas a una situación de pobreza e
de exclusión social, acompañado todo isto dunha forte política
represiva e de recorte das liberdades públicas.
Galiza perdeu 195.300
postos de traballo desde o ano 2007; situámonos en cifras históricas
de desempregados/as cun total de 275.800 persoas no paro; estamos a
perder poboación activa en idades entre 20 e 39 anos, que marcha,
unha vez máis, camiño da emigración a producir riqueza noutras
partes do mundo; perdemos emprego fixo e a xornada completa e está a
ser substituído por emprego temporal e a tempo parcial; redúcense
os salarios da clase traballadora mentres se fai una política fiscal
que favorece ás rendas máis altas, ás grandes empresas e aos
defraudadores/as; o crecemento económico de Galiza é inferior á
media do Estado; destrúese unha parte importante do noso tecido
produtivo en sectores básicos como o agrogandeiro, pesqueiro, naval
ou eólico e nos últimos anos incrementáronse as desigualdades
sociais, cunha forte concentración da riqueza nas grandes fortunas.
Esta é a dura realidade
que a día de hoxe padecemos a clase traballadora galega e que se
empeña en ocultar ese experto manipulador e vendedor de fume que
preside a Xunta, o señor Feijóo. Esta situación é consecuencia
dunhas políticas económicas e laborais promovidas desde a Unión
Europea e o Fondo Monetario Internacional, executadas obedientemente
no Estado español polo PP, e que teñen como finalidade afondar no
actual sistema capitalista neoliberal, favorecer o incremento de
beneficios do capital e a concentración de riqueza e do poder en
mans da oligarquía financeira.
O 1º de Maio simboliza a
loita que historicamente levou adiante, e segue a levar, o
proletariado de todo o mundo por rematar coa explotación de clase e
facer realidade unha sociedade máis xusta, democrática, libre e
igualitaria no económico e social. A CIG e a clase obreira galega
sentímonos parte activa desa loita internacionalista e solidaria e a
ela queremos contribuír coas manifestacións que celebramos por toda
Galiza neste data, así como coas loitas que levamos adiante
diariamente na defensa dos nosos dereitos, na mellora das nosas
condicións de vida e de traballo e pola conquista da plena soberanía
para a nosa nación.
VIVA O 1º DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA
GALEGA!
VIVA O INTERNACIONALISMO
PROLETARIO!

Ningún comentario:
Publicar un comentario