23/01/14

O xulgado recoñece o dereito dos empregados públicos aos días de vacacións por antigüidade recollidos na Lei da Función Pública

Este dereito foi negado pola Administración Autonómica alegando a aplicación do Real Decreto-Lei 20/2012

O Xulgado número 1 do Contencioso-Administrativo de Ferrol vén de ditar unha sentenza recoñecendo o dereito dos empregados/as públicos/as aos días de vacacións por antigüidade que están recollidos no artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galiza e que foron negados pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais das empregadas e empregados públicos.

A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reformaba o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto, subliñan dende a CIG-Administración de Ferrol, é o mesmo que suprimiu a paga extraordinaria de decembro de 2012 e deixou sen efecto todos os acordos sindicais adoptados até ese momento.


A xuíza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol da a razón ao compañeiro da CIG, que interpuxo a demanda entendendo que o artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galiza segue a estar en vigor. O contido textual dese apartado da Lei é o seguinte:

  • "2. Así mesmo, (o persoal funcionario) terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, ao que lle engadirá un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e seis días hábiles por ano natural.
  • Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior".
A sentenza de Ferrol é a primeira sentenzas sobre esta cuestión, mais non se descarta que vaian aparecendo outras similares ao longo de todo o país. Neste senso, hai que lembrar que o persoal funcionario é un sector da poboación laboral que non pode interpor conflitos colectivos, dadas as peculiaridades que rexen o seu sistema de relacións laborais.
A este respecto, CIG-Administración lembra que está a realizar todas as accións sindicais que están na súa man para que sexan repostos os dereitos laborais e colectivamente recoñecidos polas distintas administracións (neste caso concreto recoñécese de maneira individual), sen necesidade de ter que presentar demandas individuais polo custoso, complexo e lento que resultan os procesos de tipo administrativo.


A sentenza non é firme xa que contra a mesma cabe recurso de apelación diante do mesmo xulgado.


No Concello de Betanzos, o Comité de Empresa xa en setembro de 2012 rexistrou un escrito onde lembraba que no artigo 75 da Lei da Función Pública de Galiza, que sería de aplicación para o persoal da Administración local recollíanse os días adicionais por anos de servizo a partir dos 15 anos e solicitoulle ao Concello que clarificase o criterio que ía seguir canto aos días adicionais por antigüidade nas vacacións logo da publicación do Real-decreto lei 20/2012. O Comité de Empresa nunca tivo resposta a esta solicitude, como a tantas outras, mais hoxe volve estar máis en vigor ca nunca logo da sentenza mencionada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario