13/01/14

Convocatoria da Inspección de Traballo ao Comité de Seguridade: ausencia de UGT e CSIF e reproches á actuación do Concello por parte da autoridade laboral

O pasado venres a Inspección de Traballo provincial convocou a todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos con motivo da denuncia realizada polos delegados de prevención da CIG con respecto ás obras realizadas na Casa do Concello.

En primeiro lugar, o panorama que atopou a delegada de prevención da CIG pode considerarse unha imaxe do que está a acontecer a nivel sindical neste Concello, tanto UGT como CSIF ignoraron abertamente a convocatoria da Inspección de Traballo non asistindo e deixando co cú ao aire aos traballadores que supostamente representan, ademais a non asistencia é un apoio implícito á empresa, neste caso o Concello, e un aval á súa política en materia de seguridade e saúde, é dicir, case que escusan volver ás reunións do Comité de Seguridade e Saúde facer o paripé cando a máxima autoridade laboral no tema os convoca por un problema do Concello e deciden non asistir.

Se a isto lle sumamos que nin un só dos membros do Comité por parte do Concello se dignou asistir redondeamos o panorama ata caer na conta de que a saúde e a seguridade do persoal laboral do Concello non lle importa nin o máis mínimo a esta Administración local, nin ao concelleiro de Persoal nin ao propio alcalde. Por parte do Concello enviaron a un compañeiro funcionario que nin é do Comité de Seguridade e Saúde nin estaba informado sobre o tema, o que nos parece isto, se é posible, aínda máis vergoñento, é que o goberno municipal utilice aos traballadores públicos para dar a cara por eles cando non son quen de facer ben o seu traballo e se agoche nos seus despachos no canto de dar a cara diante da autoridade laboral.

Ante este panorama, a compañeira delegada de prevención e o asesor nesta materia da CIG asistiron a unha reunión onde o Concello tiña que presentar o libro de visitas, o Plan de Coordinación de prevención de riscos laborais coa empresa subcontratada e o informe de información presentado aos delegados de prevención antes de comezar a obra (nunca tal viron diante). Logo de que o Concello, a pesar de enviar un representante, nin sequera levase a documentación solicitada e á vista das fotos achegadas pola nosa delegada de prevención os métodos de seguridade e prevención non parecían ser os adecuados, a Inspección quedou con todas as probas gráficas que demostraban diversas eivas no desenvolvemento das obras e mais co informe elaborado por esta sección sindical con respecto a estas.

Á espera da resolución da Inspección de Traballo, nesta reunión o que quedou claro por parte da inspectora que levou o caso foi o seu rexeitamento á actuación do Concello con respecto a estas obras, e mesmo a súa advertencia sobre que no caso de que houbese algún accidente laboral nunha obra desas características este podería chegar a ter consecuencias penais para o goberno municipal.

Dende a Sección sindical da CIG temos claro que o tema da saúde e a seguridade laboral é crucial para os traballadores aínda que realmente en ocasións só se repare nel cando hai consecuencias logo de ter mal feitas as cousas, e por iso seguiremos dando todos os pasos necesarios nesta liña, porque neste Concello hai moitísimo traballo por facer, e queremos agraceder o traballo realizado polos delegados de prevención neste e noutros casos, porque é un traballo constante e onde os froitos se ven aos poucos, mais que en casos coma este, deixa claro que é un traballo moi necesario neste Concello.



Ningún comentario:

Publicar un comentario