30/06/14

Seica todos somos tratados por igual... cando convén!

Segundo informou recentemente o concelleiro de Persoal o Concello tiña previsto ingresar hoxe mesmo a parte da paga extra que lle adebedaba ao persoal laboral dende que viu a luz a sentenza do xulgado no pasado mes de febreiro.  En principio o Concello realizaría un pagamento aparte da nómina correspondente ao mes de xuño pola imposibilidade temporal de realizalo xunto co ingresado a finais da semana pasada.

Cómpre lembrar que máis de vinte compañeiros e compañeiras non recibirán esta parte da paga porque debido á miseria de salarios que cobraban e cobran non superaban o mínimo que o decreto 20/2012 indicaba para roubarlle a paga extra aos empregados públicos e cobrárona daquela, ben na súa totalidade, ben na parte que lles correspondería e agora cobrarán o restante deses días ou nada nos casos que cobraron a totalidade.

Polo que respecta ao funcionariado, parece ser que, en aplicación da sentenza para os laborais, tamén cobrará esta parte proporcional que lle corresponde, tal e como nos informara o alcalde o mes pasado. O triste é que non está de máis lembrar como hai só dous anos o Concello defendía no xulgado que os laborais non temos os mesmos dereitos que os funcionarios e que o Estatuto de Empregado Público non é aplicable na súa totalidade ao persoal laboral, mentres que agora, para isto, e cunha sentenza do xulgado do social que non é a que tramita os xuízos de funcionariado, xa que os funcionarios deben interpoñer un contencioso-administrativos, aplicána sen máis dilacións ao persoal funcionario. É dicir para o persoal funcionario basta cun informe dunha empresa externa, o persoal laboral ten que ir ao xulgado. Isto demostra que seica todos somos tratados por igual... sempre e cando conveña.

Dende a Sección sindical da CIG sempre defendemos a igualdade entre funcionarios e laborais, e se a partir de agora este vai ser o criterio benvido sexa o que si que resultaría lamentable é que o goberno municipal o aplicase cando beneficie ao persoal funcionario e non o fixese cando beneficia ao persoal laboral, tal e como ten feito, polo que vemos, ata o momento. Igualmente alegrámonos que o noso traballo sindical sirva para beneficiar ao conxunto do persoal, e sempre que estea na nosa man seguirémolo facendo, limitados obviamente polos límites que nos outorga a representación sindical que temos, por moito que, tal e como xa nos teñen trasmitido algúns delegados de funcionarios, non sente moi ben que difundamos información entre todo o persoal do Concello ou que relatemos o que acontece nas Mesas Xerais de Funcionarios, mais isto tampouco é nada novo, xa nos pasou con UGT e agora con algúns outros, parece, e non sabemos porqué, que neste Concello hai demasiada xente interesada en que as cousas non se saiban.


Reparto dun novo Abrindo camiños "especial negociación"

Nestes pasados días os delegados da Sección sindical da CIG repartiron polos diferentes departamentos o Abrindo camiños n.º 26 Especial Negociación onde se recollen polo miúdo algúns dos temas máis importantes tratados na Comisión de Negociación do Convenio que tivo lugar o pasado 19 de xuño na Sala de Xuntas do Liceo. Se algún compañeiro ou compañeira laboral quedou sen el pode solicitarllo a calquera dos delegados da Sección sindical, posto que nas visitas aos centros de traballo non sempre, obviamente, coinciden todos os traballadores e traballadoras.

Este voceiro céntrase na nova reunión da Comisión Negociadora do convenio que tivo lugar o pasado 119 de xuño, e onde tal e como se acordara o Concello envioulle aos representantes dos traballadores o texto coas modificacións acordadas e solicitouse que as que se achegaran nun documento a parte unha semana antes se incluísen no propio texto polo Comité de Empresa. Máis unha vez o Comité, e nomeadamente, a representación deste, por parte da CIG, viuse obrigada a facer o traballo dobre e mellorar no propio texto o achegado polo Concello e elaborado pola empresa. As achegas que se fixeron sempre foron na liña de incorporar na proposta da empresa cuestións que si que recollía a proposta de convenio que os traballadores aprobaran en asemblea en 2011 e mellorala con novos temas que a mala dinámica das negociacións co Concello fora deixando a un lado ata o momento.  

Agora, a empresa quedou de enviar aos representantes do persoal de novo o texto coas modificacións acordadas e que en 15 días convocarían unha reunión onde xa se falaría a cuestión das retribucións, e tamén está pendente acordar os horarios específicos do persoal que non traballa na xornada xeral. Ao final de todo o proceso, en asemblea de traballadores, todos e todas teremos que valorar a proposta final, que será entregada con anterioridade ao persoal. Polo momento, dende a CIG solictámoslle encarecidamente ao Concello que non demore este acordo porque as negociacións de funcionarios vaian, unha véz máis, moito máis lentas, que as do convenio do persoal laboral, e o Concello comprometeuse a que cada colectivo seguría o seu curso de xeito independente na negociación de acordo e convenio.

O que está claro chegado este punto de negociación é que se o Comité non chega a facer propostas de mellora do texto, ía, como o anterior, máis que coxo e deixaba descubertas moitas das cuestións que a día de hoxe están a xerar conflitos na realidade laboral do Concello, e se os xulgados ao longo destes anos nos deixaron algo claro é que cun marco normativo actualizado, claro e conciso, é moito máis doado reclamar os dereitos dos traballadores, cando todo queda no aire, indefinido e sen estar claro iso sempre vai beneficiar á patronal, e neste caso, como xa o ten feito, ao Concello.

A CIG defende o dereito das galegas e galegos a contar cun sistema financeiro de seu

Posición ante a privatización definitiva de novagalicia banco e a súa conversión en Abanca

A CIG rexeitou participar este xoves nunha festa presidida por Alberto Nuñez Feijoo, na que se celebrou a privatización definitiva das antigas Caixas de Aforros. Unha venda que se pecha cun burato no erario público de 10.000 millóns de euros. Fronte a isto, a CIG apostou, ao longo do proceso pola conversión da Entidade nunha Banca Pública e Galega, por iso considera que “ non tiñamos nada que celebrar”.

Fronte a un sistema baseado na cobiza individual, a CIG aposta polo ben común. É por iso que nunca celebramos a privatización de ningún ben ou servizo público, todo o contrario. Foi por iso que onte non asistimos á festa da privatización de novagalicia. Unha festa que nos constou ás galegas e galegos nada menos que 10.000 millóns de euros. A cidadanía galega seguirá pagando o rescate da Entidade, malia que xa non ser nosa porque, neste caso, tampouco admitiron a “dación en pago”.

Un proceso de privatización moi custoso para o erario público e que ademais foi improvisado e chapuceiro. A modo de exemplo despois de todo o escándalo das indemnizacións multimillonarias dos exdirectivos, no caso de que as devolvan (sexa polo xuízo na Audiencia Nacional, ou polo xuízo do social en Vigo) non repercutirán no erario público senón que rematarán nos petos dos novos propietarios.

Pero hoxe tamén é preciso voltar a vista atrás. Queremos lembrar que cando se iniciou o debate sobre o futuro das Caixas Galegas nós, que fóramos a única voz crítica contra da xestión (fronte a compracencia dos partidos e sindicatos do sistema que están enlamados na xestión dos Méndez e Gayosos), advertíamos de que detrás do debate sobre a fusión (que encubría tamén os desexos dos Directivos de seguir ao mando), agochábase a intención de privatizar as Entidades deixando a Galiza sen un instrumento financeiro e económico de seu.

Incluso o Estatuto de Autonomía de Galiza contempla o dereito de Galiza a contar con Entidades Financeiras de seu. Un dereito que con esta privatización nos nega o Partido Popular, que teima na recentralización do Estado e na negación dos nosos dereitos como pobo. O PP nega ao conxunto dos galegos e galegas o dereito a ter unha Entidade ao servizo do interese común. Un dereito que só lle recoñece a uns banqueiros venezolanos.

Pero até chegar aquí e desde a fusión, a Entidade tivo que ser rescatada en numerosas ocasións. Inxectáronse milleiros de millóns de recursos públicos, destruíuse o 50% do emprego, dilapidáronse millóns de euros expoliados á clientela con preferentes e subordinadas e vendeuse o patrimonio e participacións industriais das Caixas. Todo isto dun xeito opaco, sen control público e sen fiscalización por parte do lexislativo.

Desde unha óptica laboral, o proceso de reestruturación, que estivo sempre orientado cara a privatización impulsado tanto polo PSOE como polo PP,  coa complicidade de CCOO e UGT, tivo un durísimo custe laboral. Foron destruídos 5.000 postos de traballo, sen que a día de hoxe podamos dicir que finalizase a aplicación do ERE vixente.

Hoxe o persoal de ABANCA sabe que ten novas normas laborais que cumprir, que regulan aspectos tan dispares coma o “perfume persoal”, “os pins políticos ou deportivos que se poden levar”, ou as “normas mínimas de educación” (coma se os traballadores/as foran túzaros), pero continúan sen saber se continuarán os despedimentos do ERE en vigor, que Convenio se aplicará e si se modificaran as condicións laborais. A opacidade segue dominando a actuación da Entidade, agardamos que non sexa froito da ausencia dun plan laboral.

A CIG continúa defendendo o dereito dos galegos e galegas a contar cun sistema financeiro baixo control público guiado polo ben e o interese común e non pola cobiza persoal. É por iso que seguiremos pulando pola creación dunha Banca Pública Galega que xestione o aforro dos galegos e galegas aquí para xerar emprego e riqueza no pais.

Defender os dereitos da clase traballadora non é delito

As centrais intensifican as protestas en rexeitamento da ofensiva represora do PP contra a resposta social aos recortes. A campaña, promovida pola CIG, CCOO e UGT, inclúe manifestacións, concentracións e a autoinculpación de membros dos tres sindicatos.

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT están a intensificar a campaña de mobilizacións para rexeitar a ofensiva represora do PP contra a resposta social aos recortes en dereitos laborais e sociais e convoca unha serie de protestas en todo o país nas que reclamarán o indulto para os traballadores/as condenados a prisión por exerceren o seu dereito á folga. A campaña, que conta co apoio da Alianza Social Galega (Asoga), inclúe manifestacións, concentracións e a autoinculpación de membros das tres centrais pola súa participación en actos en defensa da clase traballadora.

As centrais fan un chamamento á clase traballadora a rexeitar na rúa a criminalización da protesta social e a ofensiva penal contra o dereito de folga por parte do Goberno español do PP e dunha Xustiza ao seu servizo e a amosar a súa solidariedade con Carlos, Serafín, Ana e Tamara, para os que reclaman o indulto inmediato.

Dende as organizacións sindicais lembran que estes catro traballadores/as son as vítimas directas desta ofensiva, pero a represión afecta a toda aquela persoa que exerza o dereito do mobilización.

A xornada central desta campaña terá lugar o vindeiro luns, cando se celebren até 11 actos de protesta en toda Galiza. Pero antes, este mesmo xoves, unha manifestación percorrerá as rúas de Pontevedra, cidade de Ana e Tamara. A marcha, convocada baixo o lema "Polo emprego. Non á represión sindical", partirá da Praza da Ferrería ás 20.30 horas e rematará diante da Subdelegación do Goberno.

O día seguinte, o venres 27, desenvolverase unha concentración diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na Coruña, onde membros das tres centrais autoinculparanse por teren participado en actos en defensa da clase traballadora, de igual xeito que o fixeron as catro persoas condenadas.

Xa para o luns está prevista a celebración de actos de protesta en 11 localidades do país. En Vigo, cidade de Carlos e Serafín, terá lugar unha manifestación dende Vía Norte até o museo Marco.

Lugares e horarios das mobilizacións

  • A Coruña: manifestación dende a Casa do Mar ás 20.00 h.
  • Ferrol: manifestación dende a Praza de España ás 20.00 h.
  • Compostela: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 h.
  • Ribeira: concentración na Praza do Concello ás 20.00 h.
  • Lugo: manifestación dende a Ronda da Muralla (edificio sindical) ás 20.00 h.
  • Viveiro: concentración diante dos Xulgados ás 12.30 h.
  • Monforte: concentración diante dos Xulgados ás 20.00 h.
  • Ourense: manifestación dende a Praza Maior ás 20.00 h.
  • Pontevedra: concentraciónna Praza da Peregrina ás 20.30 h.
  • Vilagarcía: manifestación dende a Casa do Mar ás 20.30 h.
  • Vigo: manifestación dende Vía Norte ás 20.00 h.


25/06/14

O Concello contradise unha vez máis ao cubrir as baixas do servizo de limpeza de edificios, logo podía mais non quería...

O Concello vén de contradicirse, máis unha vez, ao obrar en contra do que leva meses e mesmo anos predicando. Non é a primeira vez que este Concello di unha cousa e fai outra, non é a primeira vez que demostra que fala dos informes municipais cando lle convén; na práctica hai dúas opcións, ou estes informes tamén cambian ao antollo das peticións do goberno municipal, cousa que supoñemos que non pasa, ou ben sen cambiar os informes o goberno fai o que lle peta e só os utiliza de parapeto cando lle vén ben, do contrario non se explica que hai un mes o concelleiro de Persoal insistise na imposibilidade de contratación (mesmo nalgunha Mesa Xeral de Negociación onde debe constar en acta) de persoal para cubrir baixas polo que lle indicaban os informes do persoal técnico municipal, e un mes despois, sen cambio da lexislación de ningún tipo, contraten a dúas traballadoras temporais para o servizo de limpeza de edificios.

O goberno entregoulle á representación do Comité de Empresa copia de dous contratos por acumulación de tarefas para o servizo de limpeza de edificios demostrando que é posible contratar logo da aprobación do Decreto 20/2012. A situación, pois, de caos, que durante tempo se leva vivindo no servizo de limpeza de edificios foi directamente perpetuada no tempo polo goberno municipal ao seu antollo e coa única motivación de aforrar os cartos a base de explotar ao persoal, non hai outra explicación para que agora, a final de curso, contratasen a persoal que cubra o traballo das traballadoras de baixa do CEIP Francisco Vales Villamarín.

Dende a CIG valoramos moi positivamente este cambio de actitude do goberno municipal que nos dá a razón a meses de denuncias públicas pola situación deste servizo e ás nosas afirmacións de que se podía contratar e o Concello non o facía simplemente porque non lle daba a gana, cando a lexislación si que o permitía e o permite, e a probas son estes dous contratos que acaba de realizar. Igualmente, e tendo en conta que dende a Administración pública se pode contratar, tal e como puxo de manifesto o Concello, baixo o concepto de acumulación de tarefas, lamentamos, que para determinados postos de traballo que é obvio que non lle convén que saian a concurso público e calquera cidadán poida participar, boten man de empresas que xestionan a contratación de determinadas persoas que parece que interesan ano tras ano, do contrario non contratarían todos os anos ás mesmas persoas e habería unha oferta de traballo temporal accesible a toda a cidadanía. Demostra isto que contratan cando e como queren e baixo a fórmula que mellor lles vén, non importa o máis mínimo que os compañeiros de servizos non teñan persoal e anden a correr dun lado para outro seguido, que hoxe mesmo haxa un único traballador en obras para todo ou que o estado de limpeza de rúas non sexa o adecuado pola negativa a cubrir os postos vacantes na limpeza viaria, iso non importa, en Betanzos o que importa son as festas.

Novas relacionadas

HORAS EXTRAS E PRIVATIZACIÓN A CAMBIO DE NON CONTRATAR PERSOAL NOS SERVIZOS BÁSICOS



Cando a incoherencia é o principio para desculpar o teu pésimo traballo




23/06/14

Lei 5/2014 de medidas urxentes derivadas da Lei da Reforma Local


Un decreto fixará a duración media das baixas laborais

Saúde laboral


Elaboraranse unhas táboas coa duración media estimada que teñen as baixas, en función da patoloxía, a idade do traballador ou a ocupación. En cada parte de baixa aparecerá esta cifra estimada dos días que, en termos medios, prolóngase o período de incapacidade. É a principal novidade que inclúe o real decreto sobre incapacidade temporal (IT) elaborado polos Ministerios de Emprego e Sanidade que antes de verán aprobará o Consello de Ministros e cuxo fin último é pór coto ás ausencias inxustificadas do traballo, unha ameaza histórica en España para a produtividade e competitividade das empresas.

A idea é que ditas táboas plasmen a duración media tipo dos distintos procesos patolóxicos e a súa incidencia nas actividades laborais. Prazos que, en calquera caso, serán orientativos e perseguen reducir as ausencias ao traballo, que agora se sitúan nunha media de 11 días ao ano por traballador.Os controis serán exhaustivos co novo decreto, que permitirá intercambiar datos para o control da incapacidade temporal entre as distintas entidades e administracións implicadas na xestión dos procesos de IT. Esta maior información permitirá tamén desenvolver un mapa de patoloxías estatal, clave para analizar a etiología e coñecer as razóns polas que se producen esas incapacidades en cada territorio.

A crise e a fortísima destrución de emprego que se produciu, provocou que empregados que noutra conxuntura económica causarían baixa na súa empresa, resistíronse máis a facelo por medo a perder o seu emprego. A esta circunstancia uníronse tamén medidas aprobadas polo Goberno en 2012 que fan máis fácil perder o emprego por faltas reiteradas ao traballo. A reforma laboral fixou como causa de despedimento procedente, cunha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de doce mensualidades, os casos de faltas de asistencia ao traballo, aínda justificadas pero intermitentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos, ou o 25 % en catro meses descontinuos dentro dun período de doce meses.

Os cambios normativos son complementarios ás medidas que recollerá a lei de Mutuas. O anteproxecto que estudou o Consello de Ministros, pero pendente aínda de aprobación, permitirá que poidan dar por terminada a baixa médica dun traballador se a sanidade pública non responde á súa proposta de alta en cinco días. Agora, as mutuas só deciden altas se se trata de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. No caso de enfermidades comúns e accidentes non laborais, limítanse a pedir o alta ao médico de cabeceira dos servizos públicos.


Fonte: prevencionar.com

O Tribunal Constitucional dá a razón a unha funcionaria discriminada por razón de sexo

O Tribunal Constitucional deu a razón a unha funcionaria á que non lle recoñeceron os mesmos dereitos que ao resto ao ter que pospor un curso obrigatorio porque lle coincidía coa data de parto. A funcionaria da Administración de Xustiza da Comunidade de Madrid solicitou a equiparación para todos os efectos coas súas compañeiras e compañeiros de promoción ao entender que se vulnerou o dereito á non discriminación por razón de sexo. Esta funcionaria superara o proceso selectivo e tivo que pospor o curso selectivo obrigatorio para tomar posesión da súa praza ao coincidir este con a data do seu parto


Cando se incorporou ao posto, a funcionaria solicitou que se lle recoñecese con carácter retroactivo a mesma antigüidade que aos seus compañeiros e compañeiras de promoción, pero a súa solicitude foille denegada pola Consellería de Xustiza, decisión que foi confirmada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

Segundo a Sentenza do Tribunal Constitucional, a maternidade perxudicou a esta persoa xa que supuxo que a Consellería de Xustiza non lle recoñecese os mesmos dereitos que aos seus compañeiros de promoción.

A Consellería de Xustiza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid "vulnerou o Artigo 14 da Constitución Española ao non ter en conta que a condición biolóxica e a saúde da traballadora ha de ser compatible coa conservación dos dereitos profesionais sen que a maternidade pode producir ningunha desvantaxe".


Fonte: prevencionintegral.com

Caixa de resistencia: exemplo de solidariedade da clase traballadora

Miles de traballadores e traballadoras resistiron, grazas á súa aportación, o pulso da patronal

Miles de traballadoras e traballadores afiliadas/os á CIG puideron resistir o pulso da patronal grazas á existencia da caixa de resistencia. Unha ferramenta que o sindicato puxo en funcionamento o 1 de xaneiro de 2007, concibida como instrumento para reforzar a acción sindical e a solidariedade de clase e que permitiu, ao longo deste anos, avanzar no modelo de sindicalismo reivindicativo da CIG.

O IV Congreso da CIG, celebrado en maio de 2005, aprobaba a creación dunha caixa de resistencia como instrumento para reforzar a acción sindical e a solidariedade de clase. A finais dese mesmo ano o Consello Confederal aprobaba o regulamento polo que se rexería esta ferramenta e tras un ano de capitalización, o 2006, o 1 de xaneiro de 2007, púñase en funcionamento.

Desde aquela foron miles as traballadoras e traballadores afiliadas/os á CIG os que, grazas a este instrumento, puideron manter o pulso á patronal mantendo no tempo as folgas até conseguir acadar os seus obxectivos: frear recortes, mellorar o seu convenio e as súas condicións laborais, impedir despedimentos ou obrigar á readmisión de compañeiros/as despedidos/as, entre outras.

Por que se creou?

Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas, lembra que a caixa de resistencia créase cando a central sindical constata que nos conflitos a patronal estaba a provocar que este se prolongara para xerar a asfixia económica dos traballadores e traballadoras e, polo tanto, das familias. Unha situación que ía debilitando a súa posición e obrigando a dar por rematada a folga, e polo tanto o conflito, porque non podían resistir economicamente ese pulso. “Aí foi onde a central sindical tomou conciencia desa situación e acordou crear esta ferramenta que se demostrou imprescindíbel para reforzar a acción sindical”.

Con todo, a caixa de resistencia non se crea da nada. A CIG contaba xa cun Fondo de Solidariedade que tiña como obxectivo dar apoio económico a aqueles conflitos que pola súa crueza, e polo seu marcado interese sindical, non podían ser derrotados polos empresarios porque os traballadores e traballadoras non puideran resistir ao seren afogados economicamente. Ese Fondo de Solidariedade funcionou durante oito anos, antes de que se optara pola creación da caixa de resistencia.

Como se financia?

Os cartos da caixa de resistencia proceden de aportacións de todas e todos os afiliados da CIG. De cada cota derívase unha porcentaxe específica que vai parar a unha conta que ten como uso exclusivo proporcionar os medios económicos necesarios para as/os traballadoras/es poder resistir unha folga.

Oubiña salienta a actitude solidaria que leva implícita esa aportación. “Cando se acorda a creación da caixa de resistencia hai un incremento na contía da cota sindical que é asumido por toda a afiliación da CIG sabendo que esa porcentaxe a maiores vai ser destinada a acudir en auxilio dun conflito. E iso malia moitas e moitos afiliados saber que non van ter nunca necesidade de recorrer a ese apoio económico. Vén demostrar, na organización, a solidariedade de clase que existe”.

Cando se activa a caixa de resistencia?

Só actúa en situación de folga. Cando se inicia o conflito destínase de aí unha cantidade mensual para eses traballadores/as. O requisito é que sexan afiliados/as á central sindical con, como mínimo, tres meses de antigüidade. Até o de agora os primeiros cinco días de folga non se retribuían. Porén, a partir do 1 de xaneiro deste ano pasou a tres días, isto é, a partir do cuarto día xa se lle retribúe ao traballador.

A cantidade calcúlase no momento no que aportan as nóminas da súa empresa, onde aparecen reflectidos o número de días que lles descontan por folga. O secretario confederal de Finanzas explica que “iso é necesario porque en moitos conflitos, sectores e empresas hai servizos mínimos e aínda que a vontade sexa secundala, se cadra de 20 días de folga hai 6 nos que o traballador ou traballadora tivo que traballar, ou colleu nunha baixa por enfermidade ou comezou as súas vacacións. Polo tanto a caixa de resistencia só cubre os días realmente efectivos de folga, os que desconta a empresa.

Que cantidades se perciben?

Antes do 1 de xaneiro deste ano as retribucións calculábanse en función aos seguintes criterios: se se trataba de traballadores/as con tres meses de antigüidade e menos dun ano percibían o 50% do SMI, “quedando claro que sempre é en proporción á súa xornada laboral”, matiza Oubiña, “porque non é igual un traballador que está a media xornada que outro que está a xornada completa. O que está a media xornada percibiría o 50% do SMI en proporción a esta xornada”.

Cando se superaba o ano de antigüidade, era o 90% do SMI.

Porén, o 1 de xaneiro introducíronse modificación no Regulamento da Caixa de Resistencia.  A primeira, antes referida, canto ao número de días e a segunda canto á contía. Agora, no canto de ser o 90% do SMI, pasa a ser o 100%. “Esas son as prestacións da caixa de resistencia e esa é a forma de acudir a ela para que, automaticamente, se liquiden eses días de folga descontados.

Miles de afiliados e afiliadas xa recorreron á caixa de resistencia

Segundo explica o secretario confederal de Finanzas, hoxe hai xa miles de traballadores e traballadoras afiliados á CIG que teñen acudido á caixa de resistencia, sobre todo en folgas que foron sonadas pola súa longa duración. A primeira folga na que se activou esta ferramenta foi a do servizo de limpeza do concello de Compostela. Famosa porque durou case que 60 días. “Aí foi onde se veu a aportación positiva para o conflito e para o aguante dos traballadores/as”.

Xunto a esta, Oubiña lembra outras folgas moi importantes no país onde a caixa de resistencia tivo unha importancia fundamental para axudar a sustentar os conflitos. A modo de exemplo salienta a do convenio de Metal de Pontevedra ou outros máis recentes e tamén moi relevantes, tanto polo número de traballadores como polo número de días de folga como o de Albada, na Coruña.



O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lanza unha campaña contra o repago farmacéutico

Denuncian que son, xunto con doentes crónicos/as, os/as máis afectados/as por esta medida

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG anunciou esta mañá, en roldas de prensa simultáneas en todas as comarcas de Galiza, a posta en marcha dunha campaña informativa e de recollida de sinaturas contra o repago farmacéutico. Nas múltiples comparecencias convocadas denunciáronse as graves consecuencias que esta medida ten sobre todo para as persoas máis enfermas, que son as que máis medicamentos precisan, demandouse a gratuidade dos medicamentos e exixiuse que a sanidade pública se siga a financiar cos impostos, vía IRPF.


O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lembrou que en abril de 2012 o PP estebeleceu un sistema de copagos que afectan esencialmente a pensionistas e doentes crónicos/as, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensábeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Nas roldas de prensa explicaron que ese sistema de copago consiste en volver pagar por algo que xa se paga a través dos impostos (renda, IVE, céntimo sanitario na gasolina...).

Tamén denunciaron a retirada do financiamento público de máis de 400 medicamentos moi usados como os destinados a catarros, diarreas ou estreñimento. Un 'medicamentazo' que obriga a pagar o 100% do seu prezo nas farmacias e que afecta a toda a poboación, pero máis a un colectivo que pola súa idade ten máis doenzas deste tipo.

Repago de medicamentos de dispensación hospitalaria

Para o ano 2014 o goberno aprobou tamén unha resolución pola que se introduce o copago de medicamentos que se dispensan nas farmacias dos centros hospitalarios. Unha medida coa que pasarían a cobrar medicamentos que se dan para doenzas como cancro de mama, de ril, tumores cerebrais, tumores malignos do aparello dixestivo, leucemia mieloide crónica, artrite reumatoide, dexeneración macular ou hepatite C crónica, entre outras.

Estes medicamentos de uso hospitalario están aínda exentos de copagamento, pero o goberno aprobou que as/os doentes fagan unha achega dun 10 por cento do seu prezo, cun máximo de 4,20 euros por envase. Malia estar aprobado, de momento, nin unha soa comunidade autónoma, nin sequera as gobernadas polo PP, puxeron en práctica esta medida. Porén, onte mesmo a conselleira de Sanidade, no Consello Galego de Saúde afirmou que aínda que non se vai aplicar de forma inminente, é unha medida equitativa.

O copago afecta a outras prestacións da sanidade pública, ademais da farmacéutica: prestación ortoprotésica, prestación con produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente e pode estenderse a outras como as relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG denuncia que o PP pretende xustificar todas estas medidas a través dun bombardeo de falsas mensaxes que nos din que “o sistema sanitario é insostíbel” debido ao incremento do gasto e a unha suposta sobreutilización dos servizos porque as e os pensionistas van moito ao médico, teñen moitos medicamentos nas súas casas...

Ocúltase que o estado español dedica moito menos diñeiro que a media da unión Europea para a Sanidade Publica e ten resultados en saúde superiores á media”, afirmaron.

Ante esta situación aseguraron que co repago “perdemos todas e todos pero especialmente as e os enfermos crónicos, discapacitados, pensionistas e as persoas maiores pola pouca capacidade adquisitiva e porque teñen máis necesidade de asistencia, tres veces superior ao resto da poboación, por ter enfermidades crónicas que exixen atención continuada e tratamentos custosos”.

Nas diferentes roldas de prensa tamén se denunciou a enorme desproporción que hai entre a cantidade a pagar polos/as pensionistas con menos ingresos respecto do que teñen máis. Lembrouse que a pensión media en Galiza é de 728 euros ao mes e que hai unha grande porcentaxe de pensionistas con ingresos inferiores a esa cantidade.

Ante isto alertaron de que xa hai moitos/as pensionistas que están deixando de recoller os medicamentos prescritos o que está a provocar un deterioro da súa saúde e un incremento do gasto porque, ao final, “teñen que recorrer máis a urxencias e se producen máis ingresos hospitalarios”.

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS

RENDA ANUAL
APORTACIÓN MENSUAL
Menos de 18.000 €
8,26
Igual ou máis de 18.000 €
18,59
Máis de 100.000 €
62,00 €

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS DE CLASE PASIVAS: 30% do custo de cada medicina

FÁRMACOS DE DISPENSACIÓN HOSPITALARIA: 4,20 € por envase


13/06/14

O apoio de 3 días da Feira Medieval a través dunha empresa privada custa máis que nove meses de salario dun traballador deste Concello

O escándalo e a desvergoña do goberno municipal adquiren cada vez matices máis intensos no Concello de Betanzos. Nos pasados días o Concello vén de publicar unha oferta na web municipal, para contratar persoal de apoio para o evento por valor de 8250 euros, que veñer a ser entre nove e dez meses de salario da maior parte do persoal laboral deste Concello. O anuncio pretende contratar persoal a través dunha empresa privada para apoio á Feira Medieval, mais no prego de cláusulas nin sequera se indica o número, en todo caso, a 2750 euros por día, tendo en conta que a Feira dura tres días, non está mal a cousa, porque equivale a máis de tres meses de salario da maior parte do persoal de servizos deste Concello por cada día traballado de quen cubra o evento.

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos totalmente indignante que o Concello de Betanzos privatice o apoio á Feira Franca Medieval logo de ir progresivamente desprazando a traballadores do propio Concello que colaboraban anos atrás no evento e a súa substitución agora directamente por persoal por conta dunha empresa privada que, aínda por riba, claramente, gaña moito máis que o persoal propio do Concello... Máis escandaloso é este caso se temos en conta que o Concello adebeda dende febreiro de 2014 a parte correspondente á paga extra que lle roubou en 2012 ao persoal laboral, e mais os salarios de tramitación de dous compañeiros readmitidos hai xa varios meses, é dicir, HAI DIÑEIRO PARA AS EMPRESAS DE FÓRA MENTRES LLE DEBE CARTOS AOS SEUS PROPIOS TRABALLADORES. Se a isto lle sumamos que o Concello dispón na actualidade dun servizos básicos mínimos motivados polas xubilacións e baixas que leva teimando anos en non cubrir con consecuencias directas para os cada vez menos traballadores e traballadoras que forman parte do cadro de persoal, consideramos que é completamente vergoñento e un desprezo ao persoal a actitude hipócrita que este Concello mantén con respecto ao desmantelamento dos servizos públicos que está a levar a cabo sempre en beneficio das empresas privadas.

NON MÁIS ENGANOS AO PERSOAL LABORAL!

QUE NOS DEVOLVAN OS CARTOS QUE NOS DEBEN!

SEMPRE, SEMPRE, SEMPRE 
O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO!

...PARA QUEN? ISO XA NON O SABEMOS...







Abrindo camiños n.º 35, xuño 2014, ESPECIAL NEGOCIACIÓN

10/06/14

148 traballadores falecidos nos 3 primeiros meses do ano

MINISTERIO DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL


Un total de 148 traballadores faleceron en accidente laboral nos tres primeiros meses do ano, doce máis que en igual período de 2013, o que supón un aumento en termos relativos do 8,8%, segundo datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.


Destes falecementos, un total de 116 producíronse durante a xornada de traballo, un menos que no primeiro trimestre de 2013, o que implica un descenso do 0,9%.

Os 32 accidentes mortais restantes rexistrados nos tres primeiros meses do ano foron "in itínere" (os que se producen no traxecto de casa ao traballo e viceversa), un 68,4% máis que os rexistrados no primeiro trimestre de 2013.

Por sectores, nos servizos faleceron 56 traballadores ata marzo (-18,8%), na industria producíronse 25 accidentes mortais (+31,6%); na construción morreron 20 traballadores (+42,9%), e na agricultura perderon a vida 15 traballadores, os mesmos que no primeiro trimestre de 2013.

Infartos, derramos cerebrais e outras patoloxías non traumáticas causaron a morte de 57 traballadores no primeiro trimestre, un 1,7% menos que en igual período de 2013, mentres que os accidentes de tráfico foron responsables de 15 falecementos, cun descenso do 21,1% respecto a xaneiro-marzo do ano pasado.

Por esmagamentos, amputacións ou quedar atrapados faleceron 11 traballadores (-26,7%); por afogamentos ou quedar sepultados morreron 10 traballadores, cinco veces máis que no primeiro trimestre de 2013; por choques ou golpes contra obxectos inmóbiles faleceron 9 traballadores (+28,6%), e por colisións contra obxectos en movemento perderon a vida 6 traballadores, tres menos que ata marzo do ano pasado.

No primeiro trimestre contabilizáronse 116.793 accidentes laborais con baixa, o que supón un aumento do 7,8% respecto ao número de sinistros rexistrado ata marzo de 2013, cando se produciron 108.392 accidentes.

SERVIZOS, O SECTOR CON MÁIS ACCIDENTES

Do conxunto de sinistros, 100.898 accidentes rexistráronse no lugar de traballo e 15.895 foron sinistros "in itínere". Os primeiros aumentaron un 8,1% respecto ao mesmo período de 2013, mentres que os segundos subiron un 5,4%.

Os accidentes leves con baixa no posto de traballo sumaron 99.978 ata marzo, un 8,2% máis, e os graves alcanzaron os 804, un 5,1% máis. No caso dos sinistros "in itínere", rexistráronse 15.647 accidentes de carácter leve (+5,4%) e 216 de gravidade (+0,9%).

Por sectores, servizos rexistrou o maior número de accidentes con baixa en xornada de traballo, ao aglutinar 62.288 sinistros (+8,7%), seguido da industria, con 20.980 accidentes (+3,5%); a construción, con 9.686 accidentes (+2,5%), e o sector agrario, que rexistrou 7.944 sinistros (+26%).

Preventionworld.com



Máis info en www.cigsaudelaboral.org

As mutuas priorizarán a prevención en empresas de ata 50 traballadores con máis mortalidade

MUTUAS

O Plan Xeral de Actividades Preventivas da Seguridade Social a executar polas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais dará de novo prioridade este ano ás empresas de ata 50 traballadores que operan naqueles sectores de actividade con máis sinistros graves e mortais, entre os que se encontran as actividades de construción especializada, a construción de edificios, a agricultura, o transporte terrestre e por canalización e o comercio almacenista.

Segundo unha resolución da Secretaría de Estado da Seguridade Social publicada este xoves no BOE, as mutuas tamén concentrarán este ano a súa actividade preventiva nas empresas que en 2013 superaron os índices de sinestralidade que obtiveron en 2012 e nas empresas que o ano pasado declararon enfermidades profesionais con baixa causadas por axentes, físicos e biolóxicos en determinados sectores de actividade, entre eles o procesado e a conservación de carne, a fabricación de perfumes, e as actividades hospitalarias.
As mutuas realizarán visitas a estas empresas para analizar as causas que puideron provocar os seus elevados índices de sinestralidade ou de enfermidades profesionais e proporcionaranlles asesoramento técnico para corrixir as deficiencias detectadas. Estas actuacións enmárcanse no programa de asesoramento técnico a pemes e empresas de sectores preferentes.

Antes da execución deste programa e en relación a cada unha das empresas que serán obxecto deste asesoramento técnico, as mutuas deberán elaborar unha estatística na que consignarán o número de prestacións económicas da Seguridade Social por continxencias profesionais recoñecidas en 2013 e o custo destas para poder comparar esta información ao finalizar 2014.

Incorpórase ademais un programa de asesoramento nos centros de traballo nos que concorran traballadores de dous ou máis empresas asociados ou adheridos á mutua, incluídas contratistas, subcontratistas ou traballadores autónomos. Nestes casos, a mutua correspondente deberá informar e asesorar as empresas e os autónomos implicados sobre a aplicación dos medios de coordinación existentes para a prevención de riscos laborais.

Así mesmo, a resolución establece a obriga das mutuas de organizar xornadas e reunións con empresas asociadas de ata 25 traballadores e autónomos adheridos para informalos dos servizos da Seguridade Social 'Prevención 10.es' e 'Prevención 25.es' e ensinalos a utilizalo.

As mutuas financiarán as actividades contidas neste plan coas disponibilidades presupostarias existentes para este ano, sen que os gastos que se destinen á súa execución por cada mutua poidan superar o 0,5% dos seus ingresos por cotas de continxencias profesionais.

As mutuas deberán presentar nos próximos 15 días ante a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social, para a súa aprobación, o plan de actividades preventivas individual en aplicación dos criterios e obxectivos previstos para 2014, especificando os sectores e empresas aos que vai dirixido, o número de traballadores afectados e o custo previsto.


Fonte: europapress.es


05/06/14

Os problemas que se derivan de estar sentado 8 horas diarias

SAÚDE LABORAL


En media, unha xornada laboral son 8 horas. Ás veces moito máis. O asunto é que pasamos gran parte do día no traballo. "Os que permanecen sentados durante 8 horas ao día cualifican dentro do segmento de sedentarios que presentan serios problemas cardiovasculares, exceso de insulina, sobrepeso e se evidenciou que tamén son máis propensos a contraer enfermidades intestinais, pero iso está aínda en estudo", asegura o médico internista chileno, Alejandro Guerra.

Comenta que unha persoa que non realiza movemento corporal durante o día e só se dedica a traballar por horas sen parar fronte a un escritorio ten maior risco de contraer enfermidades, xa que terá un sistema pouco adestrado.

Este adestramento ao que se refire é simplemente aprender a que o corpo ten un ritmo que necesita ser estimulado, porque estar "paralizado" non só xera consecuencias nos órganos internos senón que tamén aparecen enfermidades relacionadas cos músculos e ósos.

"Ao permanecer sentados, demasiado tempo, deixas sen uso ou en repouso, músculos que son importantes, como os que nos axudan a manternos de pé e a nosa postura ergueita", agrega o doutor Juan Pablo Otto, traumatólogo.

Entón, di, comézanse a atrofiar ou debilítanse polo pouco uso e a sobre esixencia tamén será prexudicial porque con tanta carga sen movemento se perde a flexibilidade e comeza a rixidez, por exemplo de colo e ombros.

Pero non todo é enfermidade. Para iso, din os especialistas é necesario facer exercicios aeróbicos fóra da oficina polo menos 3 veces á semana, e dan como exemplo: trotar, bicicleta, natación, elípticas, spinning, bailes e exercicios de acondicionamento físico.

Mentres que na oficina, propoñen que é responsabilidade individual o que non se lle esquece pararse e facer flexións, estirar os músculos e camiñar cada 45 minutos ou unha hora, tan só uns minutos. Ademais, din que se debe aprender a forma correcta de sentarse nunha cadeira para traballar, isto é, costas rectas e sen levar os ombros cara a diante e deben estar relaxados; antebrazos sobre a mesa ou nos brazos da cadeira, cóbados dobrados a 90º, lumbares apoiados na cadeira e pés tocando o chan ou calquera soporte, xamais que queden colgando no aire.

Para coñecer en detalle ao que se expón ao non facer deporte e traballar nunha oficina as 8 horas diarias, ambos os dous especialistas entregan unha pequena guía coas posibles enfermidades que se poderían desenvolver ao manter unha vida sen exercicio nin movemento.

1. Enfermidades ao corazón: Terá o dobre de probabilidades de sufrir enfermidades cardiovasculares porque se sobrecarga ao corazón o que significa ter alto risco dun infarto cardíaco, colesterol elevado e hipertensión arterial.

2. Estitiquez: Como non hai movemento córrese o risco de xerar enfermidades de colon como diverticulitis que provoca dor e infección no colon. Aínda que tamén está asociado ao cancro de colon e problemas de constipación.

3. Insulina alta: "Hai unha condición médica de resistencia á insulina que leva ao desenvolvemento de diabete, obesidade e problemas cos triglicéridos, porque estar quieto impide que a insulina funcione en forma axeitada".

4. Riscos de cancro: Existen estudos que vincularon o sedentarismo a ter maior risco de cancro de colon, mama e de endometrio. A razón non está clara, pero unha teoría é que o exceso de insulina estimula o crecemento celular. Outra é que o movemento regular aumenta os antioxidantes naturais que matan as células prexudiciais, e potencialmente causantes de cancro, os radicais libres. Polo tanto, a falta de exercicio produce todo o contrario.

5. Mala circulación pernas: Cando existen problemas de circulación venosa descubriuse que aparecen varices nas pernas e tamén que se acumule líquido nas pernas ou nocellos. Como condición extrema, pódese producir trombose venosa profunda, xa que o sangue líquido se transforma a estado sólido dentro de veas e as tapa. O sangue non circula. Por iso recoméndase cambiar de posición, cruzar as pernas e mover nocellos.

6. Perda de musculatura: Os abdominais e os das costas son os primeiros que sofren, se debilitan e atrofian, impedindo que teñamos unha boa postura ao estar de pé e sentados. Tamén se ven dexenerados os músculos do glúteo e o psoas situado lateralmente na rexión lumbar da columna vertebral e a cavidade pélvica. A parte, os do colo e ombros vense sobre esixidos polas malas posturas. Se contracturan e volven ríxidos, e co paso do tempo van perdendo, a súa flexibilidade provocando, ás veces, dores en colo e caluga, que se pode irradiar á cabeza e a persoa o sentirá como unha cefalea.

7. Columna e cervicais: Na cadeira téndese a adoptar unha postura curvada o que pode esaxerar o arco natural da columna vertebral, unha condición chamada hiperlordosis ou curvatura das costas. Ademais, de crear esa xiba, desgástase os discos das vértebras da columna, que son verdadeiros amortecedores e son os que permiten liberar o peso ao estar en pé ou ergueitos. Cando estás sentado eses discos comprímense e vanse desgastando.

8. Ósos brandos: Camiñar ou correr fan que os ósos da cadeira e parte inferior do corpo sexan máis densos e fortes. Os científicos atribúen a que o recente aumento dos casos de osteoporose se debe a falta de actividade, porque o único que diminúe esta enfermidade é o exercicio aeróbico e non os pesos.

9. Psicolóxicas, "son un escravo": Se me dedico monotematicamente a unha actividade e ademais, o que fago non me é agradable, xerarase un factor de estrés que podería levar á persoa a sentirse escravo dunha cadeira por ter que permanecer nela todos os días. Co tempo, poderase desenvolver cadros depresivos. Agora, atención, que o mesmo acontece cando se ve excesiva TV, porque ocasiona desordes do ánimo onde só se lle dá sentido á vida ao estar fronte á televisión. Tamén este trastorno psicolóxico diminuiría os niveis de inmunidade.

10. Pensamento máis lento: Cando os músculos están en movemento, bombean sangue fresco e osíxeno a todos os órganos. Neste intercambio no cerebro libéranse todo tipo de produtos químicos para mellorar o estado de ánimo e do cerebro, pero en modo sedentario, retardarase a función cerebral.



O Comité de Empresa achega as súas propostas de mellora a un convenio que precisa dunha fonda revisión

A historia de nunca acabar repítese, cando pensabamos que por fin, contando cunha empresa especializada no tema o Concello sería quen de non caer en erros do pasado, vai e o volve facer. A proposta que o Concello enviou o pasado mércores aos representantes do persoal laboral e que foi "elaborada" (isto parécenos moito dicir) pola empresa Galivalia adoece principalmente de dous problemas: é un copia e pega descarado dun convenio de funcionarios doutra Administración local (non foron quen nin de quitar as referencias a funcionarios nin a orzamentos de pasados exercicios que aquí non veñen ao caso) e non está, en nada, adaptada á realidade laboral deste Concello, por tanto, consideramos, en base ao texto co que traballamos, que nin sequera hai un traballo específico centrado na realidade laboral deste Concello, traballo que si que tiña feito o Comité de Empresa na súa proposta xa do ano 2011 e que mesmo fóra aprobada polo conxunto do persoal laboral en asemblea de traballadores (mais entendemos que esa non lle valía ao Concello porque lle saíra de balde...).

Ao longo desta semana vimos de facer dende a CIG o traballo que a empresa que cobra non fixo e, aínda que o camiño non acaba máis que de comezar, o Comité de Empresa, logo de reunirse onte pola mañá, envioulle ao Concello un texto con máis de cincuenta propostas de mellora e/ou erros que contiña o texto elaborado por Galivalia, o contrato estelar do Concello de Betanzos.

No texto do Comité, enviado por correo electrónico e mais rexistrado en Persoal, este realiza as achegas para a mellora de proposta de convenio entregada polo Concello con data de 28 de maio de 2014. O texto comeza cunhas observacións xerais e logo distingue, por unha banda, propostas de modificación e, por outra, propostas de engadido de determinados temas que consideramos que non están debidamente reflectidos na proposta de convenio. Todas estas achegas foron realizadas a salvo das que se poidan tratar a maiores nas propias reunións da Comisión Negociadora do convenio colectivo no transcorrer da negociación do devandito convenio.

Polo que respecta ao texto presentado polo Concello cumpre unha revisión a fondo porque hai referencias a/a funcionario/a cando este é un convenio colectivo, cómpre tamén mencionar que nunha disposición adicional alude aos orzamentos de 2013 ou mesmo fala de tres días por asuntos particulares cando na actualidade son catro e da Xunta de Persoal no canto do Comité de Empresa.

A lectura polo miúdo do texto pide unha revisión exhaustiva posto que parece directamente tirado doutro semellante e mais non se adapta á realidade laboral deste Concello, determinados puntos como o sistema de control son a día de hoxe absolutamente inviables coa estrutura de persoal existente, é máis, en varios casos mesmo fala de "xefes de servizo", figura inexistente neste Concello. Tamén falta todo o relativo aos horarios específicos e o traballo a quendas, e nin sequera se fai referencia a que vaia ir recollido nun anexo, tal e como se falara con anterioridade, ademais de que cumpriría a regulación do traballo do persoal de limpeza viaria, nomeadamente.

A maiores, coa falta do anexo das retribucións descoñecemos como se vai estruturar este tema para poder facer tamén as referencias oportunas no apartado correspondente do convenio e isto dificulta a a toma de decisións sobre o texto. Tamén, tal e como se vincula e indica un prazo para a elaboración dun regulamento de segunda actividade, tamén de debería vincular e fixar un prazo para a aprobación dun novo regulamento de xestión do fondo social, así como da elaboración dun plan de igualdade do persoal ao servizo deste Concello. Tamén, o Comité indícalle ao Concello, que cumpriría que tivese acceso ao anexo de retribucións e saber como se describen os distintos conceptos retributivos, xa que no texto en si non están, para poder facer unha valoración do texto máis completa de cara a poder tomar decisións.

En xeral, e tendo en conta que hai catro meses que foi a última reunión da Comisión Negociadora, o Concello, a empresa, ou quen corresponda, tivo dez días para revisar o texto por cada un que nos deron aos representantes do persoal, que tan só tivemos unha semana fronte aos seus catro meses; aínda así, saímos do paso e mañá, na reunión da Comisión, que segundo o Concello só durará unha hora posto que convocou a Mesa Xeral de Funcionarios para unha hora despois, verase a verdadeira vontade de aprobar un convenio acordado co Comité de Empresa, porque, sinceramente, ata o momento, e tendo en conta a proposta que o Concello presentou e que non foi quen nin de revisar, parece máis ben para saír do paso que para tentar amañar os problemas.

Agardamos tamén que proximamente o Concello entregue as partes do texto que faltan, tan importantes como retribucións ou horarios específicos e cando así sexa e teñamos o texto ao completo e vexamos con claridade as intencións do goberno municipal será cando se convocará asemblea de traballadores para explicarlle ao persoal as repercusións da aprobación dun novo convenio e que decida no transcorrer da negociación.