30/06/14

Seica todos somos tratados por igual... cando convén!

Segundo informou recentemente o concelleiro de Persoal o Concello tiña previsto ingresar hoxe mesmo a parte da paga extra que lle adebedaba ao persoal laboral dende que viu a luz a sentenza do xulgado no pasado mes de febreiro.  En principio o Concello realizaría un pagamento aparte da nómina correspondente ao mes de xuño pola imposibilidade temporal de realizalo xunto co ingresado a finais da semana pasada.

Cómpre lembrar que máis de vinte compañeiros e compañeiras non recibirán esta parte da paga porque debido á miseria de salarios que cobraban e cobran non superaban o mínimo que o decreto 20/2012 indicaba para roubarlle a paga extra aos empregados públicos e cobrárona daquela, ben na súa totalidade, ben na parte que lles correspondería e agora cobrarán o restante deses días ou nada nos casos que cobraron a totalidade.

Polo que respecta ao funcionariado, parece ser que, en aplicación da sentenza para os laborais, tamén cobrará esta parte proporcional que lle corresponde, tal e como nos informara o alcalde o mes pasado. O triste é que non está de máis lembrar como hai só dous anos o Concello defendía no xulgado que os laborais non temos os mesmos dereitos que os funcionarios e que o Estatuto de Empregado Público non é aplicable na súa totalidade ao persoal laboral, mentres que agora, para isto, e cunha sentenza do xulgado do social que non é a que tramita os xuízos de funcionariado, xa que os funcionarios deben interpoñer un contencioso-administrativos, aplicána sen máis dilacións ao persoal funcionario. É dicir para o persoal funcionario basta cun informe dunha empresa externa, o persoal laboral ten que ir ao xulgado. Isto demostra que seica todos somos tratados por igual... sempre e cando conveña.

Dende a Sección sindical da CIG sempre defendemos a igualdade entre funcionarios e laborais, e se a partir de agora este vai ser o criterio benvido sexa o que si que resultaría lamentable é que o goberno municipal o aplicase cando beneficie ao persoal funcionario e non o fixese cando beneficia ao persoal laboral, tal e como ten feito, polo que vemos, ata o momento. Igualmente alegrámonos que o noso traballo sindical sirva para beneficiar ao conxunto do persoal, e sempre que estea na nosa man seguirémolo facendo, limitados obviamente polos límites que nos outorga a representación sindical que temos, por moito que, tal e como xa nos teñen trasmitido algúns delegados de funcionarios, non sente moi ben que difundamos información entre todo o persoal do Concello ou que relatemos o que acontece nas Mesas Xerais de Funcionarios, mais isto tampouco é nada novo, xa nos pasou con UGT e agora con algúns outros, parece, e non sabemos porqué, que neste Concello hai demasiada xente interesada en que as cousas non se saiban.


Ningún comentario:

Publicar un comentario