30/06/14

Reparto dun novo Abrindo camiños "especial negociación"

Nestes pasados días os delegados da Sección sindical da CIG repartiron polos diferentes departamentos o Abrindo camiños n.º 26 Especial Negociación onde se recollen polo miúdo algúns dos temas máis importantes tratados na Comisión de Negociación do Convenio que tivo lugar o pasado 19 de xuño na Sala de Xuntas do Liceo. Se algún compañeiro ou compañeira laboral quedou sen el pode solicitarllo a calquera dos delegados da Sección sindical, posto que nas visitas aos centros de traballo non sempre, obviamente, coinciden todos os traballadores e traballadoras.

Este voceiro céntrase na nova reunión da Comisión Negociadora do convenio que tivo lugar o pasado 119 de xuño, e onde tal e como se acordara o Concello envioulle aos representantes dos traballadores o texto coas modificacións acordadas e solicitouse que as que se achegaran nun documento a parte unha semana antes se incluísen no propio texto polo Comité de Empresa. Máis unha vez o Comité, e nomeadamente, a representación deste, por parte da CIG, viuse obrigada a facer o traballo dobre e mellorar no propio texto o achegado polo Concello e elaborado pola empresa. As achegas que se fixeron sempre foron na liña de incorporar na proposta da empresa cuestións que si que recollía a proposta de convenio que os traballadores aprobaran en asemblea en 2011 e mellorala con novos temas que a mala dinámica das negociacións co Concello fora deixando a un lado ata o momento.  

Agora, a empresa quedou de enviar aos representantes do persoal de novo o texto coas modificacións acordadas e que en 15 días convocarían unha reunión onde xa se falaría a cuestión das retribucións, e tamén está pendente acordar os horarios específicos do persoal que non traballa na xornada xeral. Ao final de todo o proceso, en asemblea de traballadores, todos e todas teremos que valorar a proposta final, que será entregada con anterioridade ao persoal. Polo momento, dende a CIG solictámoslle encarecidamente ao Concello que non demore este acordo porque as negociacións de funcionarios vaian, unha véz máis, moito máis lentas, que as do convenio do persoal laboral, e o Concello comprometeuse a que cada colectivo seguría o seu curso de xeito independente na negociación de acordo e convenio.

O que está claro chegado este punto de negociación é que se o Comité non chega a facer propostas de mellora do texto, ía, como o anterior, máis que coxo e deixaba descubertas moitas das cuestións que a día de hoxe están a xerar conflitos na realidade laboral do Concello, e se os xulgados ao longo destes anos nos deixaron algo claro é que cun marco normativo actualizado, claro e conciso, é moito máis doado reclamar os dereitos dos traballadores, cando todo queda no aire, indefinido e sen estar claro iso sempre vai beneficiar á patronal, e neste caso, como xa o ten feito, ao Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario