A historia de nunca acabar repítese, cando pensabamos que por fin, contando cunha empresa especializada no tema o Concello sería quen de non caer en erros do pasado, vai e o volve facer. A proposta que o Concello enviou o pasado mércores aos representantes do persoal laboral e que foi "elaborada" (isto parécenos moito dicir) pola empresa Galivalia adoece principalmente de dous problemas: é un copia e pega descarado dun convenio de funcionarios doutra Administración local (non foron quen nin de quitar as referencias a funcionarios nin a orzamentos de pasados exercicios que aquí non veñen ao caso) e non está, en nada, adaptada á realidade laboral deste Concello, por tanto, consideramos, en base ao texto co que traballamos, que nin sequera hai un traballo específico centrado na realidade laboral deste Concello, traballo que si que tiña feito o Comité de Empresa na súa proposta xa do ano 2011 e que mesmo fóra aprobada polo conxunto do persoal laboral en asemblea de traballadores (mais entendemos que esa non lle valía ao Concello porque lle saíra de balde...).
Ao longo desta semana vimos de facer dende a CIG o traballo que a empresa que cobra non fixo e, aínda que o camiño non acaba máis que de comezar, o Comité de Empresa, logo de reunirse onte pola mañá, envioulle ao Concello un texto con máis de cincuenta propostas de mellora e/ou erros que contiña o texto elaborado por Galivalia, o contrato estelar do Concello de Betanzos.
No texto do Comité, enviado por correo electrónico e mais rexistrado en Persoal, este realiza as achegas para a mellora de proposta de convenio entregada polo
Concello con data de 28 de maio de 2014. O texto comeza cunhas
observacións xerais e logo distingue, por unha banda, propostas de
modificación e, por outra, propostas de engadido de determinados
temas que consideramos que non están debidamente reflectidos na
proposta de convenio. Todas estas achegas foron realizadas a salvo das
que se poidan tratar a maiores nas propias reunións da Comisión
Negociadora do convenio colectivo no transcorrer da negociación do
devandito convenio.
Polo que respecta ao texto presentado polo Concello cumpre unha
revisión a fondo porque hai referencias a/a funcionario/a cando este
é un convenio colectivo, cómpre tamén mencionar que nunha
disposición adicional alude aos orzamentos de 2013 ou mesmo fala de
tres días por asuntos particulares cando na actualidade son catro e
da Xunta de Persoal no canto do Comité de Empresa.
A lectura
polo miúdo do texto pide unha revisión exhaustiva posto que parece
directamente tirado doutro semellante e mais non se adapta á realidade
laboral deste Concello, determinados puntos como o sistema de control
son a día de hoxe absolutamente inviables coa estrutura de persoal
existente, é máis, en varios casos mesmo fala de "xefes de
servizo", figura inexistente neste Concello. Tamén falta todo o
relativo aos horarios específicos e o traballo a quendas, e nin
sequera se fai referencia a que vaia ir recollido nun anexo, tal e
como se falara con anterioridade, ademais de que cumpriría a
regulación do traballo do persoal de limpeza viaria, nomeadamente.
A maiores,
coa falta do anexo das retribucións descoñecemos como se vai
estruturar este tema para poder facer tamén as referencias oportunas
no apartado correspondente do convenio e isto dificulta a a toma de
decisións sobre o texto. Tamén, tal e como se vincula e indica un
prazo para a elaboración dun regulamento de segunda actividade,
tamén de debería vincular e fixar un prazo para a aprobación dun
novo regulamento de xestión do fondo social, así como da
elaboración dun plan de igualdade do persoal ao servizo deste
Concello. Tamén, o Comité indícalle ao Concello, que cumpriría que tivese acceso ao anexo de retribucións e saber como se
describen os distintos conceptos retributivos, xa que no texto en si
non están, para poder facer unha valoración do texto máis
completa de cara a poder tomar decisións.
En xeral, e tendo en conta que hai catro meses que foi a última reunión da Comisión Negociadora, o Concello, a empresa, ou quen corresponda, tivo dez días para revisar o texto por cada un que nos deron aos representantes do persoal, que tan só tivemos unha semana fronte aos seus catro meses; aínda así, saímos do paso e mañá, na reunión da Comisión, que segundo o Concello só durará unha hora posto que convocou a Mesa Xeral de Funcionarios para unha hora despois, verase a verdadeira vontade de aprobar un convenio acordado co Comité de Empresa, porque, sinceramente, ata o momento, e tendo en conta a proposta que o Concello presentou e que non foi quen nin de revisar, parece máis ben para saír do paso que para tentar amañar os problemas.
Agardamos tamén que proximamente o Concello entregue as partes do texto que faltan, tan importantes como retribucións ou horarios específicos e cando así sexa e teñamos o texto ao completo e vexamos con claridade as intencións do goberno municipal será cando se convocará asemblea de traballadores para explicarlle ao persoal as repercusións da aprobación dun novo convenio e que decida no transcorrer da negociación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario