25/06/19

Risco eléctrico: as cinco regras de ouro


Este vídeo explica o método das cinco regras de ouro que é o procedemento máis empregado para deixar sen tensión unha instalación eléctrica de maneira que temos garantido que o traballador/a poida realizar os traballos de forma segura.

O contacto eléctrico pode causar danos irreversibles e mesmo a morte. Por iso, sempre que sexa posible antes de traballar nunha instalación eléctrica debemos suprimir a tensión.


A contaminación atmosférica provoca 7 millóns de mortes ao ano



O tres por cento das mortes ao ano no Estado español atribúense á contaminación. Uns sete millóns de persoas se se fala a nivel mundial. Con todo, "a mortalidade é só a punta do iceberg" deste problema, tal e como se apunta dende o Departamento de Epidemioloxía e Estatística da Escola Nacional de Sanidade - Instituto Carlos III de Madrid.

No transcurso dunha Xornada Informativa organizada pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (Separ) coa colaboración da Asociación de Informadores de Saúde (ANIS) e da Asociación de Xornalistas de Información Ambiental (APIA) tratouse a contaminación ambiental como un problema de saúde, que debe ser atallado polos sanitarios, pero tamén polos políticos, capaces de crear medidas efectivas fronte a ela e dos profesionais da información, encargados de axudar na sensibilización.

"Os neumólogos estamos a falar dun novo enfermo respiratorio: o planeta. Deunos todo o que tiña para alcanzar ese estado de benestar. E é por iso polo que estamos a enfermar agora ao planeta", asegurou a coordinadora da área de Enfermidades Respiratorias Ocupacionais e Ambientais de Separ.

E dentro da problemática, existen poboacións de risco: as persoas maiores e a poboación infantil. "A contaminación ambiental provoca aproximadamente 600.000 mortes ao ano en nenos menores de 5 anos. En 2012, o 26 por cento da mortalidade infantil podería previrse coa redución de riscos ambientais”. Así mesmo, apuntou que os nenos que viven en cidades contaminadas teñen unhas catro veces máis probabilidade de ter unha función pulmonar máis baixa.

Nesta Xornada tamén se falou do ruído: "O ruído é un contaminante de primeira orde cun impacto en saúde respiratoria, cardiovascular, diabetes ou neurolóxica". Ademais, está detrás de 1.700 nacementos con baixo peso ao nacer (un 13% do total) e dun 17% dos nenos que nacen prematuros. "E desprezámolo na sensibilización á poboación e en plans e impactos".

"Os efectos da contaminación empezan a facer dano dende o embarazo ao feto. Afecta á placenta e fai que os nenos nazan con baixo peso, con afectación do sistema inmune ou a diminución da función pulmonar",

Pero os danos que provoca a contaminación acompañan ao longo da vida, sobre todo os causados polos óxidos de nitróxeno (provocan aproximadamente unhas 6.000 mortes ao ano no Estado), as partículas en suspensión (2.600 mortes anuais), e o ozono troposférico (500).

Un adulto medio respira máis de 15 metros cúbicos de aire ao día. Os contaminantes, aínda que a miúdo sexan invisibles, poden ter efectos moi graves, como "a irritación das vías respiratorias, a disnea ou dificultade para respirar e unha maior probabilidade de sufrir un ataque de asma. Ademais, sábese que é un carcinóxeno de primeira orde".

A contaminación non só ten repercusións na saúde. Tal e como explicou Urrutia, no ano 2013 estimouse que os custos relacionados coa saúde por mor da contaminación na Unión Europea oscilaron entre os 300.000 e 940.000 millóns de euros.

Ademais, o impacto económico das mortes e enfermidades relacionadas supoñen ao redor do 0,5% do PIB (e un 1,7% do gasto sanitario), mentres que a nivel global o custo económico das enfermidades relacionadas coa contaminación ascende a 3,7 billóns de euros ao ano (6,2% da riqueza do planeta).

"A contaminación ambiental é un grave problema dende o punto de vista da saúde e económico, que require solucións políticas", apuntou pola súa banda o presidente de Separ.
Para explicar o que se pode facer dende a política estiveron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Alfonso Gil Invernón, tenente de alcalde e concelleiro de Movilidad e Sustentabilidade do Concello de Bilbao. Ambos contaron a experiencia das súas dúas cidades ata diminuír a contaminación grazas a programas de mobilidade e de redución de coches. Porque, tal e como dixeron, "mellorar a calidade de vida é o primeiro". Os coches, despois.

Fonte: Redacción Médica


Tríptico: Traballo e Calor

O ISSGA ven de publicar un Tríptico que recolle os efectos da calor no noso corpo, como evitar os seus danos, os postos de traballo nos que pode producir ese risco por calor, que debemos facer nos traballos ao aire libre no verán e como actuar ante un golpe de calor.

Saúde e riscos laborais con perspectiva de xénero



Este documento forma parte dun conxunto de Ferramentas de apoio destinadas a facilitar a realización de plans de igualdade en empresas, entidades públicas, sindicatos, etc.; estes documentos compleméntanse con outro tipo de ferramentas para a implantación de medidas de igualdade concretas, nas que se inclúen instrucións que permitan saber como e cando debe empregarse cada ferramenta.

Non existe unha política preventiva específica de riscos laborais  desagregada por sexos dende o punto de vista do marco legal vixente. As únicas medidas preventivas existentes refírense á capacidade reprodutiva ou ao propio estado biolóxico do embarazo, como estado temporal ou transitorio que merece unha protección específica no marco das obrigacións preventivas que impón á empresa a lexislación sobre seguridade e saúde no traballo.

Pola contra, descoñécese por completo toda protección específica en primeiro lugar dos factores ligados a elementos externos ao traballo pero que interactúan con este para potenciar ou multiplicar o risco, e en segundo lugar, dun risco que aparece como emerxente, a pesar de ser  consustancial á historia do traballo da muller, as relacionadas co seu dobre rol ou traballo fóra e dentro do ámbito doméstico.



Delegadas da CIG poñen o foco de atención na precariedade e a explotación que sofren as traballadoras de atención a domicilio



Concentráronse nas oficinas de People Plus de Ferrol, dentro campaña contra a precariedade da Secretaría das Mulleres

Delegadas da CIG de Ferrol realizaron unha concentración este xoves diante das oficinas da empresa People Plus Innovation SLU, que presta o servizo de atención a domicilio en varios Concellos da comarca, no marco da campaña que a a Secretaría das Mulleres está a desenvolver contra a precariedade e a explotación laboral que padecen milleiros de traballadoras en Galiza. A decisión de levar a protesta até as oficinas de People Plus tomouse porque esta empresa "é un exemplo das relacións laborais que precarizan o traballo en sectores feminizados como o traballo no fogar e de coidado das persoas dependentes".

Con esta mobilización quérese chamar a atención sobre as condicións das traballadoras da axuda a domicilio, un sector altamente precarizado, feminizado e cunha actividade na maioría dos casos invisibilizada ao realizarse nos domicilios privados dos usuarios e usuarias. "A temporalidade dos contratos, a escasa duración destes, os baixos salarios que non se corresponden co grao de responsabilidade do labor realizado ou a falta de formación específica por parte das empresas ou a realización habitual de horas extras non remuneradas son algunhas das características que marcan o sector dos coidados", explica Nicolasa Castro, secretaria das Mulleres da CIG-Ferrol.

Engade que este colectivo de traballadoras a miúdo sofre enfermidades profesionais que non están recoñecidas e debido ás baixas cotizacións, cando chegan á idade de xubilación acaban percibindo pensións moi cativas.

Cada vez máis empresas prestan estes servizos

Castro advirte que cada vez son máis as empresas que realizan este tipo de servizos, xa que as administracións públicas en lugar de ofrecer directamente estas prestacións básicas, garantindo as condicións do persoal e o servizo ás usuarias e usuarios, están privatizando a súa xestión mediante subcontratas, afondando así na precariedade laboral e no deterioro da atención. "Mentres as empresas do sector incrementar os seus beneficios as traballadoras vén cada vez máis recortados os seus dereitos", denuncia.

A este respecto, pon como exemplo o feito de que o último convenio colectivo de axuda domiciliaria asinado en Galiza tiña unha vixencia para os anos 2009-2011, "pero resulta imposíbel sentar a negociar un novo convenio, xa que a día de hoxe non hai constituída unha asociación patronal galega que o negocie".

Como práctica xeral, subliña, as empresas teñen conxelados os salarios do seu persoal dende o ano 2012, no que se publicou a última actualización de táboas salariais, a pesar de que o convenio está en situación de ultraactividade por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza. Nesa resolución, o alto tribunal galega especifica que á falta de negociación dun novo marco regulador, os salarios téñense que actualizar tomando como referencia o IPC.
No caso concreto do SAD de Ferrol, Castro lembra que PeoplePlus Innovation SLU (que forma parte de Optima Grupo, coñecido aglomerado empresarial transnacional de multiservizos), ten a concesión do contrato dende outubro de 2018 e un cadro de persoal absolutamente feminizado, xa que de 104 persoas só unha é home.

Incumprimentos laborais acotío

Pero os incumprimentos laborais non son algo novo nin exclusivo desta empresa. De feito, en xaneiro de 2018 o comité tivo que presentar denuncia diante da Inspección de Traballo contra a anterior concesionaria (Valoriza Servicios a la Dependencia), principalmente por incumprimento en materia de tempo de traballo.

Entre outras cuestións, denunciouse que a empresa tiña persoal con contratos inferiores a 25 horas semanais, que é a xornada mínima estabelecida por convenio;  que non se respectaban os descansos entre xornada e semanais; e que había traballadoras a tempo completo pero coa súa xornada dividida en mais de dúas franxas de traballo e empregadas con contrato parcial obrigadas a realizar xornada partida. Xunto isto, os tempos de desprazamento resultaban insuficientes para o correcto desempeño do servizo, que nalgúns casos nin sequera computaban como tempo efectivo de traballo, e mesmo producíndose solapamento de servizos.

Con todo, a Secretaría das Mulleres da CIG incide en que a precariedade non é específica no sector dos coidados, senón que afecta a todos os traballos feminizados, que xeralmente se encadran no sector servizos: limpeza, hostalaría, telefonía, servizos sociosanitarios, comercio, lecer, actividades financeiras, industria téxtil, alimentación ou conserva. De feito, o 85% das mulleres galegas traballan no sector servizos, que é o que en maior medida sofre a precariedade laboral, o que incide directamente na situación das mulleres.

As demandas da CIG

Para enfrontar esta discriminación e precariedade, a CIG ten unha batería de demandas que comezan pola derrogación inmediata das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva; reforzar o sistema de prestacións por desemprego; incrementar o SMI até acadar o 60% do salario medio; a posta en marcha dun salario de inserción laboral e social para as desempregadas maiores de 18 anos; fortalecer compoñentes non contributivos do sistema de protección social; redución da xornada laboral ás 35 horas semanais; racionalización dos horarios de traballo e do calendario escolar; ou eliminar as ETT, as empresas multiservizos, a subcontratación en cadea e a figura das mal chamadas “falsas autónomas”.

De igual xeito, a CIG reclama a incorporación dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados (incluída a prestación por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións), con recoñecemento pleno no ET e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social; universalizar a atención á dependencia con servizos profesionais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público. Cando a xestión destes servizos sexa por concesión, as empresas deberán cumprir coa igualdade salarial, garantir as mesmas condicións de traballo, coa estabilidade no emprego e cumprir coas súas responsabilidades laborais e administrativas.

Axilizar e garantir o cumprimento da lei no que respecta á revisión da clasificación profesional e o valor dos traballos, así como o rexistro dos valores medios salariais; e reactivar a campaña de igualdade na Inspección de Traballo e dotala de persoal con perspectiva de xénero, son outras das reivindicacións da Secretaría das Mulleres da CIG.

14/06/19

Horario de verán

Lembra que a vindeira semana comeza o horario de verán, que vén recollido no artigo 22 do convenio colectivo do seguinte xeito:

Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos incluídos, establecerase unha xornada reducida de traballo dunha hora diaria, con carácter xeral ao final da xornada fixada no apartado 2.º do presente artigo.

Cando polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible a redución no período indicado o tempo de redución, que se incrementará nun 50%, desfrutarase noutro período e do xeito indicado no parágrafo anterior.

Do mesmo xeito, o persoal que preste os seus servizos a tempo parcial o tempo de redución será proporcional á xornada
que veñan cumprindo.

11/06/19

Resultados das eleccións sindicais do persoal laboral

Os resultados das eleccións sindicais do persoal laboral foron os seguintes:


RESULTADOS ELECCIÓNS SINDICAIS 2019
COLEXIO TÉCNICOS/AS E ADMINISTRATIVOS
CSIF 14 votos
CIG 13 votos
UGT 7 votos
NULOS 2 votos
DELEGADOS/AS
CSIF 2
CIG 1
UGT 1


RESULTADOS ELECCIÓNS SINDICAIS 2019
COLEXIO ESPECIALISTAS E NON CUALIFICADOS
CIG 24 votos
CSIF
15 votos
UGT 6 votos
NULOS 4 votos
BRANCO 1 votos
DELEGADOS/AS
CIG 2
CSIF 2
UGT 1

A CIG foi o sindicato máis votado polo persoal laboral, mais o reparto dos delegados do persoal especialista tivo como criterio a antigüidade, motivo polo que non saiu escollido o terceiro delegado deste colexio da CIG. Varios dos votos nulos tamén eran para a CIG, mais levaban a papeleta do colexio incorrecto. No colexio de persoal técnico e administrativo tivo a maioría o CSIF por un voto.

Desde a CIG agradecemos inmensamente o voto de todos os compañeiros e compañeiras que depositaron en nós a súa confianza e polos que seguiremos traballando estes catro anos os delegados escollidos: Rosa García, Jorge Amarante e Silvia Muíño. Non obstante, entendemos que o persoal escolleu estar representado por un sindicato de funcionarios e deulle o apoio a un cheque en branco xa que o CSIF se presentou ás eleccións sen un programa de traballo para os próximos catro anos.

A CIG seguirá traballando tanto no Comité de Empresa como nas Mesas de Negociación cos principios do programa de traballo co que se presentou ás eleccións sindicais e baixo a premisa da eliminación das desigualdades entre o persoal laboral e o funcionariado.

A Mesa Xeral de Negociación, logo de que o CSIF acadase tres delegados nas eleccións dos funcionarios da pasada semana, terá unha ampla maioría do sindicato dos funcionarios, agora con representación en persoal laboral, que lle permitirá seguir adiante coa RPT discriminatoria, e mesmo con ata tres delegados do CSIF que son da mesma familia e que agora formarán parte da Mesa de Negociación. Non obstante, a CIG, ao igual que ten feito estes anos, e independentemente de gobernos hostís ao persoal, familias que gobernan e intereses de traballadores concretos en detrimento dos restantes, continuará coa súa liña de traballo e cos reclamacións oportunas onde proceda cando o goberno pretenda levar adiante acordos en contra dos intereses dos traballadores.

06/06/19

Proposta de RPT. Discriminacións por grupos entre traballadores laborais e funcionarios.


Xa temos falado abondo de que a Relación de Postos de Traballo que o CSIF e CCOO acordaron co goberno municipal o pasado 9 de abril, en contra do voto maioritario da parte social da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos, encabezada pola CIG, ten como eixe fundamental a discriminación dos postos do persoal laboral, ben pola súa exclusión, ben pola aplicación dun sistema retributivo discriminatorio para o persoal laboral no caso dos postos que si que constan.

Para alén da discriminación máis evidente, que parte da comparación de postos de traballo con idénticas funcións, como é o caso dun posto de operario de limpeza viaria, ao que ser laboral lle supón cobrar ao ano 2800 euros menos que no caso de ser funcionario, por realizar idéntico traballo, non podemos deixar de lado as diferenzas de valoración que teñen os postos de persoal laboral, comparados cos do mesmo grupo do posto de persoal funcionario que menos cobra de cada unha das categoría e os resultados son os seguintes:


GRUPO (funcionario/laboral) DIFERENZA RETRIBUTIVA
(Comp. destino + Comp. específico)
AP/V -2804,22 euros / ano
A2/II -5411,94 euros / ano
B/IIA -4891,32 euros/ano


A comparación xa non a facemos cos postos de cada grupo de funcionarios que máis cobran, posto que a diferenza sería moito maior, simplemente coas retribucións máis baixas de cada un dos grupos de funcionarios e comparados cos únicos grupos de persoal laboral que aparecen na RPT, un documento que borra calquera pegada da existencia actual dos grupos do persoal laboral I, III e IV que na actualidade recolle o convenio colectivo.

CON ESTE DOCUMENTO FICA CLARO QUE O CSIF DEFENDE QUE O PERSOAL LABORAL COBRE DE MEDIA 4000 EUROS MENOS AO ANO QUE O PERSOAL FUNCIONARIO, ASÍ COMO ACORDOU UN MODELO DE VALORACIÓN DE POSTOS QUE PROMOVE A SUPREMACÍA DA POLICÍA LOCAL FRONTE AO RESTO DOS POSTOS DE TRABALLO E INFRAVALORA ESPECIALMENTE OS POSTOS DO PERSOAL DE SERVIZOS E OFICIOS.

Podes consultar máis novas sobre a RPT que se está tramitando aquí:

Proposta de RPT. O argumento tendencioso e interesado de existencia ou non e validez ou non da RPT do ano 2008.



O Concello permite que persoal da Policía faga campaña para as eleccións sindicais do persoal laboral en coche oficial e de servizo

A CIG vén de rexistrar un escrito para lle solicitar ao Concello que lle facilite ao resto das candidaturas que se presentan ás eleccións sindicais do persoal laboral, os mesmos medios para a campaña que lle está a facilitar ao sindicato dos funcionarios (CSIF)  e, así mesmo, que non ampare e permita que os axentes da autoridade da Policía Local realicen campaña para as eleccións sindicais estando de servizo, tal e como aconteceu estes pasados días.

Esta solicitude faina logo de que varios traballadores llo comunicasen e os propios delegados da CIG puidesen comprobar que un delegado do sindicato de funcionarios (CSIF) e do corpo da Policía Local fixese campaña nas eleccións sindicais do persoal laboral, en horario de servizo e co uniforme e o coche oficial da Policía Local. O Concello de Betanzos, pois, facilitou que o sindicato dos funcionarios (CSIF) faga campaña para as eleccións do persoal laboral do próximo 11 de xuño, e permite e ampara que ese persoal estando de servizo e en exercicio de axente da autoridade promova o voto para ese sindicato.

Desde a CIG consideramos gravísimo este comportamento, xa que os axentes da autoridade da Policía Local en situación de servizo, co uniforme correspondente e co coche oficial da Policía Local non poden repartir publicidade de petición de voto para un determinado sindicato e o Concello debería de frear este tipo de prácticas pouco democráticas.

Cursos da 2.ª convocatoria do Plan de formación 2019 da Deputación da Coruña

Ábrese o prazo para inscribirse aos cursos da 2ª convocatoria do Plan de formación agrupado 2019 que organiza a Deputación da Coruña e que van dirixidos ao persoal das entidades locais da provincia.


As solicitudes presentaranse a través da plataforma telemática Subtel. Para acceder a esta plataforma deberá ter unha conta de correo activa no Directorio público local. De non tela, solicítea o mais axiña posible na súa entidade a través dos respresentantes de Administración electrónica ou ben dos interlocutores de formación. A activación das contas no Directorio non é automática polo que se tarda en solicitala corre o risco de que se lle pase o plazo de matrícula.

Toda a información relativa a esta convocatoria está dispoñible na web de Formación www.dacoruna.gal/formacion que conta cos seguintes apartados:

    -  Bases da convocatoria

    -  Información dos cursos que se van realizar. Premendo no botón "info" abrirase una ventá con toda a información de cada acción formativa. É moi importante que se fixe nos contidos, destinatarios, sedes e calendario/horario de cada curso. Tome nota dos códigos e títulos dos cursos que lle interesan para poder facer a solicitude na plataforma Subtel.

    -  Compensacións horarias (só para o persoal da Deputación).

Se ten dúbidas en relación co funcionamento de Subtel ou o directorio público local, póñase en contacto co CAU no teléfono 981 080 555.

Se precisa algunha aclaración sobre calquera aspecto do Plan de formación agrupado 2019 póñase en contacto coa Sección de Formación nos teléfonos 981 080 385, 981 080 810 ou 981 080 259.

O prazo de inscrición aos cursos remata o xoves, 20 de xuño de 2019.

Podes consultar os cursos que se van realizar aquí.

05/06/19

Considerado como accidente in itínere o sufrido por unha traballadora que se desviou para deixar ao seu fillo en casa dos seus avós nun día non lectivo

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco considerou que a desviación no traxecto habitual non pode considerarse allea a unha concausa laboral porque para poder acudir e executar o seu traballo, era do todo necesario conciliar a súa vida familiar.

A traballadora accidentada, enfermeira de profesión, tiña programadas dúas citas domiciliarias antes da súa incorporación ao seu centro de traballo nun ambulatorio, e no traxecto que vai dende o seu lugar de residencia ata o seu lugar de traballo, desviouse para deixar ao seu fillo ao coidado dos avós. Para o TSX do País Vasco, en sentenza 112/2019, do 15 de xaneiro (Rec. 2505/2018), aínda que non forma parte do camiño habitual, non rompe o nexo causal.

Foi inmediatamente despois de deixar ao seu fillo no domicilio dos seus pais, e cando saía da localidade de residencia destes cando o coche que circulaba detrás dela chocou por alcance, sufrindo a enfermeira lesiones que motivaron a súa baixa por "cervicalxia postraumática", que non pode ser cualificada como continxencia derivada de enfermidade común, senón como accidente de traballo.

Esta desviación no traxecto habitual non pode considerarse allea a unha concausa laboral porque para poder acudir e executar o seu traballo, era do todo necesario conciliar a súa vida familiar o que esixía procurarse os medios para o coidado do seu fillo, máxime nun caso como o presente no que o accidente de circulación ten lugar nun día non lectivo do fillo da accidentada. Ademais, o tempo investido non foi excesivo como para romper o nexo causal necesario.

O TSX estima o recurso e recoñece o accidente do que deriva a incapacidade como accidente de traballo in itinere porque como xa indicou o Supremo, a interpretación das normas debe adaptarse á realidade social e esta revelou novas formas de organización do traballo e da propia distribución deste no fogar familiar, que impoñen unhas esixencias de mobilidade territorial que obrigan aos traballadores para realizar continuos axustes.

Nun suposto moi similar ao presente, o TSX de Galicia (sentenza 1766/2012, de 26 marzo, Rec.3883/2008) cualificou como accidente de traballo in itinere o sufrido por traballadora cando se dirixía ao seu lugar de traballo tras deixar aos seus fillos, en día non lectivo para eles, no domicilio da súa nai.

Fonte: Noticias xurídicas

A OMS recoñece a síndrome do traballador queimado como enfermidade laboral

Na súa última versión da Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE), que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022, entre outras novidades a OMS introduce o exceso de traballo, -tamén coñecido como «síndrome de Burnout»- como trastorno mental.

Na última asemblea da Organización, celebrada o pasado 25 de maio, acordaron incluír esta síndrome dentro da guía de enfermidades asociadas ao traballo describíndoo como un esgotamento físico e mental debido á tensión crónica asociada co traballo e o desemprego; así, encádrase  dentro da sección “os problemas asociados ao emprego e desemprego”, co  Código QD85.

Nese sentido, dende o organismo aclararon, con todo, que a síndrome de desgaste ocupacional «refírese especificamente aos fenómenos no contexto laboral e non debe aplicarse para describir experiencias noutras áreas da vida»

Para a OMS a síndrome caracterízase por tres dimensións:

1) Sentimentos de falta de enerxía ou esgotamento;

2) Aumento da distancia mental con respecto ao traballo, ou sentimentos negativos ou  cínicos con respecto ao traballo; e

3) Eficacia profesional reducida.

Dende a OMS indicaron que o próximo paso será que médicos e especialistas fagan fincapé nas medidas de prevención e tratamento.

No Estado español, distintas sentenzas como  STSX Andalucía Nº 1683/2017, Rec. 1607/2016 do 01 de Xuño de 2017 ou  STSX Navarra Nº 61/2014, Rec. 47/2014, xa analizaron a síndrome do traballador «queimado» cualificándoo como unha nova «enfermidade psicosocial», caracterizada por unha «síndrome de esgotamento físico e mental intenso, resultado dun estado de tensión laboral crónica ou frustración prolongado e que segundo tanto a Psicoloxía do Traballo como a Medicina Forense trátase dun trastorno de adaptación do individuo ao ámbito laboral cuxa caracterización reside no cansazo emocional (perda progresiva de enerxía, desgaste, esgotamento e fatiga emocional)».

Fonte:  iberley

Unha sentenza recoñece o dereito dunha traballadora da limpeza a cambiar de quenda para poder conciliar

A CIG-Ourense asesorou a afectada na súa denuncia contra EulenO Xulgado do Social número 1 de Ourense vén de facer pública a sentenza que condena a empresa Eulen a cambiar de quenda a unha traballadora do sector da limpeza que así o solicitara para poder conciliar a vida persoal, familiar e laboral. Dende a CIG, que asesorou a afectada na súa denuncia, valoran moi positivamente unha decisión xudicial que fixa ademais unha indemnización para a demandante.

A sentenza, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TXG), establece o dereito da empregada a cambiar de quenda de traballo para poder atender os dous fillos menores que ten ao seu cargo, un deles con menos dun ano de idade. 

Segundo explican dende a Secretaría das Mulleres da CIG de Ourense, a afectada desenvolvía o seu labor na quenda de noite (de 20:30 a 04:30 horas), e cando ten coñecemento de que hai unha vacante noutra quenda distinta e con horario diurno (de 11:30 a 19:30 horas) solicítalle á empresa o cambio para poder conciliar. “Pero a empresa denégalle este dereito rotundamente, polo que a afectada vese obrigada a denunciar”, indican.

Neste senso, lembran que “aínda que a lei recoñece o dereito a adaptar a duración e a distribución da xornada de traballo para facer efectivo o dereito a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos termos previstos na negociación colectiva ou no acordo que se chegue coa empresa, a día de hoxe segue a haber empresas que fan caso omiso e non permiten conciliar”.

Sanción económica

Tamén inciden no feito de que neste caso non se trata dunha pequena empresa local, “senón que estamos a falar de Eulen, compañía que de pequena ten ben pouco” e que presta servizos a nivel estatal de limpeza, seguridade ou traballo temporal. “Ademais é curioso, e sangrante ao mesmo tempo, que a persoa responsable de Eulen en Galiza sexa unha muller e leve uns apelidos ben recoñecidos publicamente”.

Finalmente, amosan a súa satisfacción polo feito de que a sentenza vaia acompañada tamén dunha sanción económica que a compañía deberá de abonarlle á traballadora como indemnización, “pois deste xeito moitas empresas farán algo máis de caso e permitirán que as mulleres poidan conciliar, ou cando menos, pensarano ben antes de poñer impedimentos”.

Publicadas as axudas para traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

No período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019
A Secretaría das Mulleres da CIG informa que no DOG deste mércores, 22 de maio, sae publicada a convocatoria de axudas para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos, estean unha situación de redución da súa xornada laboral para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.
Poderán ser beneficiarias das axudas os homes e mulleres que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.

No caso de unidades familiares non monoparentais, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario. No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada nas condicións requiridas.
Familias monoparentais e adopción
Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo. Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.
Para optar a estas axudas os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2018.
Período subvencionábel
O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de oito meses. Para ter dereito á axuda deberá manterse a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención poderá coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

5 motivos para votar á CIG este 11 de xuño

PRIMEIRO

A CIG presenta a única candidatura seria e comprometida a traballar os vindeiros catro anos pola colectividade dos traballadores e para a igualdade de dereitos. As persoas que forman parte desta candidatura van libremente porque defenden o traballo desenvolvido estes 8 anos e se comprometen co programa que presentamos ás eleccións sindicais.

SEGUNDO

Na CIG temos claro que a igualdade salarial e laboral entre laborais e funcionarios é de xustiza, unha prioridade e unha necesidade, e que ninguén mellor que nós mesmos, os traballadores laborais exclusivamente, poderemos defender esta igualdade.

TERCEIRO

A CIG demostrou estes oito anos que non lle ten medo a un goberno municipal que ataca continuamente os dereitos do persoal e que utiliza a escusa da desorganización para perpetuar as discriminacións existentes e non solucionar os problemas. Plantoulle cara ao Concello, foi quen de dialogar cando foi necesario e chegar a acordos como o novo Convenio colectivo e demostrou implicación na negociación colectiva.

CUARTO

A CIG oponse aos pactos individuais que benefician a uns poucos en detrimento do conxunto dos traballadores, e que, casualmente, case sempre son cos mesmos. Defendemos a igualdade de dereitos e o cobro de igual salario por igual traballo, fronte as prebendas persoais históricas deste Concello.

QUINTO

A CIG non dubidou en acudir ao xulgado, á Inspección de Traballo, a manifestarse e a defender os intereses dos traballadores e das traballadoras do Concello de Betanzos en ningún momento. Apoiou aos compañeiros e compañeiras que lle pediron axuda e explicou en todo momento a motivación das súas decisións, sempre derivadas dos compromisos de traballo existentes.

COA CIG NA RÚA A LOITA CONTINÚA

PROGRAMA ELECCIÓNS SINDICAIS. RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO


As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:

RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO
  • Inclusión da totalidade dos postos do persoal laboral e funcionariado na nova Relación de Postos de Traballo e valoración obxectiva e en igualdade de condicións.
  • Reclasificación directa dos postos do grupo III en II.A e grupo IV en III, ao abeiro do novo sistema de titulacións.
  • Revisión e homologación dos niveis das distintas categorías profesionais cos postos do funcionariado.
  • Negociación dos complementos específicos, con valoración do tipo de horario, responsabilidade, penosidade, perigosidade, esforzo físco ou mental, atención ao público, traballo na rúa e dispoñibilidade.
  • Creación de prazas de promoción interna, nos casos de desempeño de funcións de superior categoría.

PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. CONVENIO COLECTIVO


As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:


CONVENIO COLECTIVO

  • Negociación do convenio colectivo no relativo á xornada laboral e flexibilidade, así como horarios especiais e o rexistro da xornada laboral e aplicación en igualdade para a totalidade do persoal do Concello.
  • Aplicación do convenio colectivo á totalidade do persoal laboral (fixo e temporal), incluído o persoal dos obradoiros de emprego.
  • Negociación das retribucións, así como dos complementos retributivos do persoal laboral.
  • Inclusión dunha cláusula sobre as condicións do profesorado do Conservatorio de Música.


PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. CONDICIÓNS LABORAIS E SALARIAIS


As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:

CONDICIÓNS LABORAIS E SALARIAIS
  • Equiparación de retribucións e condicións laborais entre o funcionariado e o persoal laboral fixo e temporal.
  • Recuperación da perda do poder adquisitivo derivada da redución salarial e inclusión de cláusulas de garantía salarial.
  • Consolidación en nómina dos salarios diferidos en forma de fondos de pensións privados.
  • Cobertura da totalidade das baixas laborais.
  • Ampliación dos contratos a tempo parcial e temporal ata a xornada completa e en igualdade de condicións para o persoal do mesmo departamento.
  • Negociación do regulamento da produtividade con criterios obxectivos.


04/06/19

PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS



As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:



CONTRA A PRIVATIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS

  • Xestión directa dos servizos municipais. Oposición á taxa de reposición de efectivos, que favorece a privatización dos servizos públicos.
  • Oposición á privatización de calquera servizo municipal.




PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. FONDO SOCIAL

As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:


FONDO SOCIAL
  • Transparencia na convocatoria e na resolución das axudas do Fondo Social do Concello.
  • Distribución das axudas sociais conforme a un sistema que beneficie a quen máis o necesite.
  • Aumento da partida orzamentaria do fondo de acción social, tal e como recolle o Convenio colectivo.

03/06/19

O 11 de xuño vota CIG para seguir abrindo camiños!


PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS


As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:


PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

  • Aplicación da Lei de prevención de riscos laborais.
  • Implantación dos plans de prevención de riscos laborais de todos os centros de traballo. Avaliación de riscos laborais e psicosociais para a totalidade dos edificios municipais e dos postos de traballo.
  • Revisións médicas específicas adaptadas aos distintos postos de traballo.
  • Plans de coordinación de actividades empresariais nos centros onde hai concorrencia de traballadores de diferentes administracións e empresas.
  • Aprobación dun protocolo contra o acoso laboral.

PROGRAMA DAS ELECCIÓNS SINDICAIS. IGUALDADE


As persoas que formamos a candidatura da CIG nestas eleccións sindicais adquirimos de antemán o compromiso de defender con firmeza nas Mesas de Negociación acordos colectivos únicos para persoal laboral e funcionario (fixo e temporal), sobre a base da homologación e non discriminación nas condicións de traballo, que recollan as seguintes reivindicacións:

IGUALDADE
  • Elaboración e implantación dun Plan de igualdade interno.
  • Eliminación das discriminacións salariais entre homes e mulleres.
  • Aprobación dun protocolo de actuación no embarazo e na lactación.
  • Inclusión na RPT dos postos que non teñen risco para o embarazo.
  • Medidas de acción positiva na contratación, formación e promoción.