29/03/12

Arredor de 200.000 persoas participan nas históricas manifestacións organizadas pola CIG nas principais cidades e vilas

De www.galizacig.com

O masivo seguimento da folga xeral por parte da clase traballadora tivo o seu reflexo nas mobilización.

Preto de 200.000 galegos e galegas participaron hoxe nas manifestacións celebradas nas principais cidades e vilas do país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada pola CIG para rexeitar a nova reforma laboral do PP. Dende a central nacionalista galega valoran moi positivamente o seguimento que está a ter o paro dende o inicio, que se traduciu nas maiores mobilizacións que se lembran.

Todos os secretarios/as comarcais da CIG coincidiron en sinalar o carácter histórico das marchas organizadas nas súas respectivas localidades debido á elevadísima participación. Vigo volveu ser o lugar que concentrou a un maior número de xente, superándose con creces as 60.000 persoas. A continuación situaríanse A Coruña e Ferrol, con 30.000 persoas cada unha delas, ademais de Santiago de Compostela, onde participaron da orde de 18.000.

Ourense e Pontevedra con 10.000 persoas e Lugo con 9.000 serían as seguintes en índice de participación, mentres que Ribeira (3.000 manifestantes), Vilagarcía de Arousa (3.000) Verín (1.000), Xinzo (400), Cee (400) e Silleda (300 persoas) pecharían a lista. A concentración convocada en Foz terá lugar aínda esta tarde a partir das 19.00 horas fronte ao Concello.

A manifestación central, na que participou o secretario xeral da CIG, congregou en Vigo a máis de 60.000 persoas. A magnitude da marcha fixo que a cola da manifestación non puidese saír da Doblada cando a cabeza xa se atopaba na farola de Príncipe. Ao remate do acto tomaron a palabra o secretario comarcal de Vigo e o secretario xeral da CIG, Serafín Otero e Suso Seixo.

Mobilización histórica

O máximo responsábel do sindicato na cidade salientou o carácter histórico da mobilización, que definiu como unha das maiores da historia da comarca. Pola súa banda, Suso Seixo fixo fincapé na rotunda resposta da clase traballadora galega e no feito de que a CIG fose a primeira central en convocar a folga en todo o Estado.

O secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou como altamente positivo o seguimento que tivo o paro no conxunto do país (que cifrou entre un 80 e o 90%) e a masiva participación nunhas manifestacións “que son as máis numerosas que se teñen feito en Galiza”.

Con todo, Seixo indicou que o resultado foi o agardado “despois do gran traballo realizado polos compañeiros e compañeiras da CIG, tanto nas empresas como na rúa”. Na súa opinión, o éxito acadado constata a capacidade mobilizadora da CIG. “Ademais, a xente entendeu que fomos nós os que tomamos a iniciativa de convocar a folga xeral e sumouse ás nosas mobilizacións”, comentou.

Finalmente, incidiu na necesidade de continuar a contestar a reforma laboral, tanto na rúa como nas empresas a través dos convenios colectivos. O acto pechouse coa interpretación da Internacional e do Himno Galego.

Galería de imaxes da Coruña

Os orzamentos do Estado confirman os recortes aprobados até o de agora para o sector público

De www.galizacig.com

Modificaranse, a través da Lei de Orzamentos, aspectos do Estatuto Básico do Empregado Público, para impor un horario de 37,5 horas en todas as administración.

O Ministerio de Facenda confirmou, na xuntanza da mesa xeral da Función Pública convocada na tarde deste mércores, o mantemento de todas as medidas adoptadas polo PP para os empregados públicos, á súa chegada ao goberno, que inclúen a conxelación salarial e unha taxa de reposición do 0%. Xunto a isto, informou da modificación, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, do Estatuto Básico do Empregado Público, impoñendo unha xornada xeneralizada de 37,5 horas.

A CIG considera que a chamada ‘conxelación salarial’ é, en realidade un recorte e unha perda de capacidade adquisitiva. “Non se aplicará ningún incremento aos salarios, malia a suba do IPC. A isto hai que engadir que xa se nos rebaixaron os salarios nun 5%, e que tamén foron conxelados nos anos 2010 e 2011”, explica María Carme López Santamariña, que asistiu á Mesa en representación da central sindical.

Respecto da taxa de reposición,a secretaria nacional de CIG-Administración, explicou que se mantén nun 0% para todo o sector público, agás para o que denominan sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde será dun 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal.

Neste sentido, López Santamariña lembra que a CIG xa denunciou, no seu momento, as graves consecuencias que isto tería e xa está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento. “Advertimos daquela, e mantemos, que así o que se provocará será un colapso da administración e dos servizos públicos, que serán incapaces de atender ás demandas dos usuarios por falta de persoal”.

Para a CIG, tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.

Xornada de 37,5 horas

A novidade incluída na batería de propostas explicadas na Mesa, foi o anuncio de modificar, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), para impor unha xornada de 37,5 horas a todo o persoal de todas as administracións públicas.

En Galiza, a maioría das administracións xa teñen esa xornada. Porén, si terá impacto no persoal de algúns grandes concellos ou das Deputacións, que tiñan recoñecida, en convenio propio, outra xornada.

Para a CIG esta decisión é unha gravísima intromisión nas competencias das comunidades autónomas e vulnera o artigo 37 do EBEP, que determina que cada administración terá potestade para fixar as condicións laborais dos seus empregados/as públicos.

Sobre a Mesa tamén se puxo a cuestión dos fondos de acción social, para saber se confirmaba ou non a aportación aos plans de pensións. A resposta foi que se consideraba que ese tema non correspondía ao ámbito do capítulo I, polo que non houbo resposta algunha.

Na xuntanza a CIG manifestou a súa disconformidade con esta convocatoria polo día, a hora, e a carencia de información previa por escrito, para poder valorar as propostas concretas. A resposta foi que non se puido proporcionar esa información por escrito, porque aínda se están pechando diferentes aspectos.

A secretaria nacional de CIG-Administración subliña que, ao final as medidas impostas en Galiza polo goberno do PP de Núñez Feijoo, foron moito máis alá que as adoptadas polo Goberno do Estado. “Padecemos un recorte de dereitos e de servizos públicos, aínda máis profundo coa aprobación da Lei de Medidas Temporais en determinadas materias do emprego público en Galiza; a reforma laboral, en trámite parlamentar, modifica o marco de relacións laborais, privatizando o servizo de emprego e abrindo a posibilidade de efectuar despedimentos nas administracións públicas, a través de ERES por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción”.


27/03/12

Servizos mínimos propostos polo Concello de cara á Folga Xeral do vindeiro xoves 29 de marzo

Hoxe, o Concello comunicáballe aos representantes sindicais a proposta de servizos mínimos de cara á Folga Xeral do 29 de marzo. A media mañá e a pouco máis dun día da Folga o Concello achega a proposta de servizos mínimos e que comprende os sinalados no documento que vos achegamos:

Proposta servizos mínimos

Dende a Sección sindical da CIG xa falamos cos compañeiros dos departamentos correspondentes e, iso si, coma sempre, continuamos a detectar diferenzas nos departamentos canto a información, mentres que con algúns xa se puxeran en contacto hai días para tratar estes temas outros nin sequera foran informados de que formarían parte dos servizos mínimos e cos representantes do persoal nin sequera se chegara a falar do tema ata hoxe mesmo. Supostamente mañá o Concello deberá comunicarlle nominalmente aos empregados afectados que forman parte dos servizos mínimos, a só un día da Folga, o resto poden acudir a esta o vindeiro xoves 29 de marzo.

25/03/12

O Concello aproba un Plan de Igualdade e nega a conciliación laboral e familiar dalgunhas traballadoras

Nunha mostra máis da pouca ética que está a amosar o Concello de Betanzos en materia de Persoal nos últimos tempos, e logo de levar a pleno un Plan de Igualdade que recolle expresamente a importancia da conciliación da vida laboral e familiar para a consecución da igualdade, o Concello négalle, dende hai meses, pola vía da non resposta, a modificación de horario por conciliación da vida laboral e familiar a varias compañeiras que puxeron o seu caso en coñecemento do Comité de Empresa a través dos delegados da CIG.

Estas compañeiras, de distintos departamentos, solicitaron por escrito ao Concello, e non por primeira vez, o cambio de horario para poder compaxinar a súa vida familiar coa laboral e o Concello deu a calada, ou sexa a negativa, por resposta. Nun dos casos mesmo, a unha traballadora delegada da CIG no Comité de Empresa cambiáronlle dun día para outro o horario que levaba desempeñando catro anos, realizando unha modificación substancial das condicións de traballo que lle supuxo diversos prexuízos.

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos que supón unha hipocrisía total por parte do Concello propor e aprobar en Pleno un Plan de Igualdade e non ser quen de tender a man na conciliación laboral e familiar das súas propias traballadoras, cando a propia lexislación recolle na actualidade a importancia da conciliación laboral e familiar en diversas leis.

Datos sobre as axudas sociais 2011

Na última reunión, da que xa falamos aquí, con respecto á que os delegados e delegadas sindicais fomos convocados, o Concello achegou uns datos xerais sobre as axudas que veñen a ser os seguintes:

Solicitudes: 41 funcionari@s e 54 laborais

Orzamento fondo de acción social: 23.000 euros

Contía total solicitada: 26.696 euros

Pol@s funcionari@s: 11.118,87 euros

Pol@s laborais: 15.572,02 euros

Cantidade solitada pro riba do orzamento: 3646,89 euros (un 13,85 % máis)

A proposta do Concello era descontar proporcionalmente a axudas a todas as solicitudes, por parte da CIG a proposta sobre este tema, levada á reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de marzo e apobada en solitario pola CIG e unha delegada independente, foi rexistrar unha comunicación ao Concello coa postura acordada e onde se lle indicou o seguinte, logo de que o Concello cometese distintas irregularidades en todo o proceso, coma en ocasións anteriores:

Unha parte dos membros do Comité de Empresa non dispón da relación de solicitudes admitidas nin da documentación para poder emitir proposta de distribución de acordo ao recollido no Comité de Empresa. O Concello, pois, independentemente de que decida que haxa unha parte do persoal que se ten que abster na proposta, decisión coa que este Comité non está de acordo, non pode ocultar a documentación a unha parte do Comité e debe facilitarlla ao se tratar de documentación relativa ás axudas sociais do persoal laboral. O Concello négalle a este Comité, pois, a documentación necesaria para poder realizar a proposta recollida no Convenio colectivo e incumpre en varios puntos as bases aprobadas polo Pleno con respecto ás axudas sociais.

Con respecto a estes feitos, o Comité de Empresa reunido na súa sesión ordinaria do mes de marzo, acordou comunicarlle ao Concello o seguinte:

Segundo indican as bases xerais das axudas sociais o órgano encargado da aplicación e distribución destes fondos é a Mesa Xeral de Negociación, que en ningún momento foi convocada con tal finalidade.

Todo o proceso do expediente das axudas sociais 2011 adoece de irregularidades que vulneran as bases aprobadas no pleno e o convenio colectivo do persoal laboral.

Aínda así, e a pesar de que o Concello non facilite a documentación a unha parte dos membros do Comité decidimos achegarlle as seguintes propostas:

1. Que se fagan públicas as listaxes das axudas sociais concedidas, e que se indique, cando menos, o concepto e a contía concedidos, tal e como se recolle nas propias bases acordadas por acordo plenario.

2. Que os acordos da Xunta de Goberno Local, no caso de que lle afecten ao persoal laboral se lle trasladen ao Comité de Empresa coa maior brevidade posible.

3. Que se cumpran as bases xerais e as bases da convocatoria de axudas do ano 2011, aprobada segundo Resolución da Alcaldía n.º 830, posto que o Concello está a incumprir as bases da convocatoria en distintos puntos.

4. Que as axudas sexan concedidas, tal e como se indica, proporcionalmente aos meses traballados nesta Administración.

5. Que no caso de non existir suficiente partida orzamentaria se faga unha redución non proporcional, senón baseándose en criterios sociais como a renda familiar ou de xeito inversamente proporcional ao salario, xa que consideramos que unha distribución proporcional sería inxusta, tendo en conta as contías polos distintos conceptos solicitadas polo persoal e as diferenzas salariais existentes nesta Administración entre o persoal laboral e o persoal funcionario.

Sen máis, o Comité de Empresa dá por comunicada a decisión tomada na reunión ordinaria do mes de marzo e lémbralle que non pode facer a proposta de distribución das axudas porque o Concello lle denega a documentación relativa ás axudas sociais do ano 2011 e vulnera así o acordado no convenio colectivo con respecto ao fondo de acción social.

A proposta foi entregada nos prazos indicados polo Concello coa finalidade de que estas puidesen ser pagadas xa coa nómina do mes de marzo, se así será ou non xa é cousa do Concello, a pesar de que na propia convocatoria indicaba que serían pagadas coa de febreiro.

Polo demais, o que si que observamos é que o funcionariado bota man destas axudas moito máis que o persoal laboral, que o feito de que haxa unha partida orzamentaria única repartida por igual non é xustificable posto que o persoal laboral ten uns soldos, polo xeral, moi inferiores ao funcionariado e aínda por riba é moito máis numeroso, mais todo isto entendemos que deberá formar parte do debate xeral que acompañe a nova proposta de bases reguladoras do fondo de acción social xa entregado ao Concello.

Comeza a negociación do convenio

Logo de varios meses desde a constitución da Mesa de negociación do persoal laboral o Concello convocou o pasado venres aos delegados do Comité de Empresa para Comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral do vindeiro mércores 28 de marzo ás 11:00 h da mañá na Sala de Xuntas do edificio Liceo coa seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
2. Negociación dos capítulos I e II da proposta de convenio colectivo presentada polo Comité de Empresa

Como sempre fixemos, dende a Sección sindical da CIG manterémosvos informados con respecto a esta negociación, entendemos coma un paso adiante por parte do Concello que comece e, igualmente, consideramos positivo que negocie en base á proposta presentada polos representantes do persoal ao Concello e con anterioridade a todos os compañeiros e compañeiras.

O luns, pois, trataranse os dous primeiros puntos da proposta entregada polo Comité que son:

CAPITULO I. Disposicións xerais
CAPITULO II. Seguimento e control

A esta reunión asistirán os tres membros designados polo Comité de Empresa para a negociación en función da representatividade e que, como lembraredes, son Marcos Dopico (CIG), José Luis Sobrino (UGT) e Silvia Muíño (CIG).

22/03/12

Nova proposta de axudas sociais

O pasado luns 19 de marzo, o Comité de Empresa aprobou por unanimidade a proposta definitiva de axudas sociais que se lle entregou onte mesmo por rexistro ao Concello. Este debate e aprobación levouse a cabo polos delegados e delegadas da CIG e mais unha compañeira delegada que se posicionou, como xa vos contamos, como independente.

A UGT, que nos últimos tempos parece ser a voz do Concello no propio Comité de Empresa, decidiu abandonar a reunión e deixar tirado ao persoal, unha vez máis, na toma de decisión do Comité de Empresa con respecto a temas de relevancia para o persoal laboral.

Por parte da CIG continuouse co traballo porque xa hai demasiados meses que temos coñecemento de que o Concello chama pola porta de atrás aos delegados da UGT que ao único que se dedican é ir na contra dos representantes dos traballadores e dos propios traballadores, e estamos fartos de que os delegados sindicais se vendan aos gobernos a un prezo que descoñecemos.

Nesa nova proposta elaborada pola CIG tivéronse en conta as achegas que distintos compañeiros e compañeiras nos levan feito nos últimos meses. Igualmente e no escrito rexistrado o Comité de Empresa indicoulle ao Concello que esta proposta, nun principio, ía incluída como anexo do convenio, mais vista á demora na negociación e logo seis meses co proceso de negociación paralizado solicitóuselle ao Concello que convocase o órgano pertinente para a negociación dunhas novas bases reguladoras do fondo de acción social do persoal laboral do Concello coa finalidade de que as axudas sociais do ano 2012 poidan rexerse xa por unhas novas bases que teñen en conta a proposta do Comité de Empresa do persoal laboral do Concello.

Podedes consultar nesta mesma páxina a proposta e poñervos en contacto con calquera dos delegados ou delegadas da CIG no caso de ter algunha proposta de mellora ou facer as suxestións que consideredes pertinentes.

axudas económicas d

DIANTE DA CONVOCATORIA DAS NOSAS PROPIAS MANIFESTACIÓNS O DÍA 29 DE MARZO



Por Xesús Seixo,secretario xeral da CIG

Desde o primeiro momento en que a CIG decidimos promover a convocatoria de folga xeral en Galiza paro o día 29 de marzo, insistimos en que era importante que houbese unha resposta o máis ampla posíbel da clase traballadora galega, e mesmo das outras nacións do Estado, contra esta reforma laboral tan brutal, e nese sentido manifestamos a nosa disposición a pornos de acordo na data coas outras centrais sindicais, coas nacionalistas por suposto, pero tamén coas españolistas (CCOO-UGT), se finalmente tamén elas decidían convocar a folga. Despois de darlle moitas voltas, agardando a que o Goberno español lles abrise a porta a unha negociación da reforma, como iso non foi posíbel, estas dúas centrais sindicais decidiron convocar a folga xeral no Estado para o propio día 29 de marzo, o cal desde a CIG o valoramos como altamente positivo.

Dito isto, compre facer as seguintes precisións, respecto do facer ou non manifestacións conxuntas o propio día da folga xeral:

1º.- A unidade sindical non depende de ir xuntos ou non ese día na manifestación, nin o éxito da folga tampouco, de feito xa temos a experiencia da folga xeral do 29 de setembro de 2010, no que tamén fixemos manifestacións por separado o propio día e cunha participación de xente realmente importante, das maiores de todo o Estado.

2º.- A unidade sindical contra a reforma imos ter que construíla no día a día, empresa a empresa, convenio a convenio, para evitar que a mesma se aplique e aí imos ver ata onde o sindicalismo españolista, CCOO e UGT, están dispostos a enfrontarse a patronal e a facer corpo coa CIG. Isto foi o que lle propuxemos como CIG, aos secretarios xerais de CCOO e UGT en Galiza, sen que lle conseguísemos sacar
compromiso algún, fora de declaracións de boas intencións.

3º.- Hoxe xa temos diferenza a hora de enfrontar esta reforma, eles levan esperando semanas para que o Goberno os chame a negociar a reforma, para dulcificala e intentar facela vendíbel socialmente, ao igual que fixeron coa reforma das pensións, pois ese é o seu modelo sindical e sen ese xogo do diálogo social aparente o seu modelo sindical perde sentido. O noso posicionamento chamando á folga xeral é o de esixir a retirada da reforma, pois é evidente que nin esta nin outra reforma van crear emprego, o único que busca este goberno, ao igual que o anterior coas reformas que fixo, é facilitar o despedimento, desregular o mercado laboral e debilitar e desorganizar á clase traballadora.

4º.-Compre non esquecer que estas dúas centrais sindicais veñen, e van seguir si lles deixan, facendo unha política permanente de pactos co poder político i económico, mesmo aquí en Galiza coa Xunta do PP, pactos e acordos que están contribuíndo a recortar dereitos, a rebaixar salarios, a aumentar a idade de xubilación, a abaratar o despedimento, a incrementar os beneficios das empresas vía subvencións con fondos públicos, a flexibilizar as condicións de traballo nas empresas ou a centralizar e burocratizar a negociación colectiva e a desmobilizar á clase traballadora, facilitándolle así ao capital a saída á crise económica.

5º.- A CIG levamos anos enfrontados a este modelo sindical entreguista e de colaboración co poder, facéndolle ver a clase traballadora galega que nós representamos un modelo sindical distinto, tanto desde o punto de vista de defensa dos intereses de clase como de defensa dos nosos intereses e dereitos como parte que somos da nación galega. Isto foi entendido, e está sendo entendido, por un número cada vez maior de traballadores e traballadoras galegas, e así se pon de manifesto na participación nas nosas mobilizacións e tamén no feito de ser a primeira central sindical de Galiza en afiliación, con 75.000 afiliados/as. Pero todo isto conseguímolo a base de moito sacrificio, de dar a cara nas empresas por parte dos nosos afiliados e dos nosos delegados e delegadas, de arriscarse mesmo a ser despedidos nos procesos electorais, sufrindo o silenciamento e a manipulación de moitos medios de comunicación, mentres outros, gozaban de todo tipo de facilidades e apoio por parte das administracións públicas e da patronal, sen ruborizarse e sen preocuparse pola CIG.

6º.- Se avaliamos mesmo o que está a ocorrer coa convocatoria de folga xeral, os representantes destas dúas centrais sindicais, de momento, só están facendo a convocatoria da folga a través dos medios de comunicación e en algunha gran empresa, quen realmente está a traballar de forma masiva a convocatoria nos centros de traballo e na rúa, ao igual que sucedeu na folga do 29 de setembro de 2010, somos nós a CIG.

7º.- Non parece pois oportuno que unha vez conseguido o importante, que todos convoquemos a folga xeral o mesmo día, vaimos máis alá aparecendo todos xuntos nunha mesma manifestación, dando imaxe dunha unidade sindical que non é real, na que a CIG imos quedar integrados na imaxe e obxectivos destas dúas centrais sindicais, que van querer quitar rédito sindical, xestionando e utilizando o resultado da folga e das manifestacións para as súas negociacións co Goberno. De feito, as direccións estatais de CCOO e UGT, en ningún momento se dirixiron as outras centrais sindicais máis representativas no Estado, caso da CIG, ELA ou LAB, para falar da contestación á reforma laboral, da convocatoria da folga, de cal ía ser a reivindicación a facer (se retira ou negociación da reforma), de que facer contra a reforma despois da folga xeral, etc. Nós, como central sindical, non podemos aceptar este tipo de actitudes, por unha cuestión de respecto e de dignidade.

8º.- Por último, a unidade sindical, a loita contra a reforma laboral e por outro modelo produtivo i económico, ten que darse nos centros de traballo, nos convenios colectivos, aí e onde imos comprobar ata que punto é posíbel pórse de acordo con estas dúas centrais sindicais a hora de pactar alternativas e enfrontarse á patronal, esa é a verdadeira unidade que lle interesa á clase traballadora e que ata agora, en xeral, non existiu, pois temos prácticas sindicais e visións de como enfrontármonos á crise económica moi diferentes. En calquera caso, o importante nestes momentos, é conseguir que a folga xeral sexa un éxito, que ese día as rúas sexan un clamor popular contra esta reforma laboral e para esixir dos gobernos outras políticas económicas e laborais favorábeis aos intereses da maioría social. Como sempre, nese traballo os da CIG imos estar á cabeza da contestación social, coas nosas propias mensaxes e alternativas, orgullosos do que somos, sen confusións nin ambigüidades.

Moito ánimo, moita solidariedade e ningún paso atrás.

Galiza, marzo de 2012

Suso Seixo, secretario xeral.http://www.blogger.com/img/blank.gif
http://www.blogger.com/img/blank.gif


Ligazóns das páxinas web da CIG e da Folga Xeral:

http://www.galizacig.com/avantar/


http://www.folgaxeral.info/



29 de marzo FOLGA XERAL

Hoxe ás 20:00 h concentración en Betanzos contra a reforma laboral

22 de marzo Concentraciýns nos Concellos

Servizos públicos. Si, grazas!

A CIG lanza unha campaña pola dignidade das persoas empregadas públicas e a defensa dos servizos públicos preténdese deste xeito, responder de forma activa ante os continuos ataques e recortes que están a padecer os empregados e empregadas públicos/as e, e forma preventiva, amosar a forza das persoas que traballan na administración.

Panfleto _campaña_dignidad_e

14/03/12

Que gaña o goberno municipal con excluír aos delegados sindicais no tema das axudas sociais?

Hoxe os compañeiros do Comité de Empresa da CIG recibiamos o seguinte escrito:

axudas 2011



...e as primeiras impresións que tiramos son as seguintes:

-O Concello, que convocou hai uns días aos delegados sindicais e os deixou plantados na "reunión" (non sabemos que tipo de comisión era esa), non nos remite nada porque di que non temos dereito a nada, e nos temos que abster como parte implicada.
-No oficio que remiten di que as solicitudes están admitidas e que nos impoñen o deber de absternos, cando menos aos delegados da CIG, ao resto de compañeiros aínda non sabemos como lles foi. Se xa admitiron as solicitudes, nin sequeran nos deixan ver a documentación e nunca tiveron en conta as nosas propostas, que é o que buscan... que lle deamos unha palmada nas costas?
-Esta loucura transitoria de que o persoal non ten dereito a opinar nin mu sobre as axudas levaría a que os propios políticos tivesen que tramitar as solicitudes, porque é posible que todo o persoal as solicitase. É incrible que nunca na historia deste Concello se lle negase tal dereito recollido no convenio colectivo e nas bases das axudas aos delegados sindicais ata que a CIG chegou ao Comité de Empresa e este Goberno ao Concello.
-E moi sintomático que xa non falen nada da ilegalidade de delegar a representación coa que a CIG foi o único sindicato que estivera en contra e que se negara a entrar nas trapalladas do Concello, iso demostra unha vez máis que tiñamos razón.
-Ademais, no escrito fala de incluílas na nómina de marzo cando segundo a convocatoria que o propio Concello publicou tiñan que estar pagadas coa de febreiro. O que está claro con isto é que todo o bulo de que non se pagaban por culpa da CIG cando os cartos os ten o Concello, non se teñen en conta as nosas propostas e advertencias das irregularidades, nin nos deixan ver a documentación e, agora, nin sequera achegar as nosas propostas... para que nos seguen convocando? Todo isto comeza a parecer unha trapallada.

Para concluír, este goberno por primeira vez exclúe aos representantes do Persoal vulnerando o convenio e as propias bases das axudas sociais, se isto non se debe a algún tipo de interese en ocultar o reparto non sabemos a que se debe. Ademais hai un interese deliberado en excluír á representación do Comité de Empresa e aos delegados e delegadas da CIG de todo, ben o demostra que un compañeiro delegado dos funcionarios nos informase de que logo da reunión onde o concelleiro marchou de malas formas, chamou aos delegados da UGT e mais do CSIF para aclarar o tema, poñendo de manifesto unha clara discriminación entre os propios delegados da CIG e o Goberno, que tanto proclama democracia cando lle convén practica aquí a exclusión deliberada do sindicato maioritario no Comité de Empresa. Supoñemos que este tipo de reunións hai tempo que se veñen producindo cando non é a primeira vez que o propio compañeiro do Comité que representa á UGT vén as reunións deste admitindo que o asesoran no propio Concello.

Por parte da CIG, proporemos na reunión do Comité de Empresa achegarlle ao Concello por escrito as propostas que levamos meses mantendo con respecto ás axudas sociais e, iso si, se algo temos claro é que as negociacións pola porta de atrás poderán basearse en promesas, mais todas as mudanzas importantes que lle poidan afectar ao persoal deberán tratarse na Mesa Xeral de Negociación, e no caso de non ser así, seguiremos o camiño denunciando as irregularidades, que cada día descubrimos que son máis, que este Goberno municipal está a promover en materia de Persoal.

Podes consultar varias das publicacións sobre este tema premendo abaixo:

FALTA ABSOLUTA DE DIÁLOGO POR PARTE DO CONCELLO

Proposta de novo regulamento de axudas sociais

Axudas sociais 2011, a ver se desta vai a vencida

O Concello continúa a ocultar información

Un paso máis: o Concello está a admitir os seus propios erros

E un longo etcétera do que tes unha recompilación neste artigo.

Os concellos estrearán a reforma laboral en abril

Nova tirada da páxina nacional da CIG e, á súa vez, do blog Xanerrasti

Pensabamos que o grego era un modelo que se podería aplicar aos estados europeos que sufrisen crises financieras. Porén, converteuse en algo máis. A partir de agora é tamén un modelo para estruturar as relacións dentro de España entre o estado e as administracións territoriais, sexan estas comunidades autónomas ou administracións locais.

Se no tratado patrocinado por Alemaña para complementar os Tratados da Unión Europea se prevén controis e sancións desde Bruxelas cara aos estados membros, o mesmo modelo quere aplicarse ás relacións entre o estado central e as comunidades autónomas na futura Lei de estabilidade orzamentaria que desenvolva o pacto constitucional de setembro pasado entre PP e PSOE. Mais no caso das administracións locais xa se deu un paso máis alá, ao estilo grego: todas aquelas que necesiten o apoio do estado para pagaren as débedas acumuladas cos provedores pasan a estar intervidas, como Grecia. Xa sabemos cal é o esquema: se tes débedas e necesitas a axuda financeira de arriba, tes que aplicar un plan de axustes e someterte ao control estrito desde arriba do cumprimento do teu axuste. E, desde logo, ese axuste vai doer.

Así se estabeleceu no Real decreto-lei 4/2012, do 24 de febreiro, cuxo obxecto é permitir a cancelación polas entidades locais das súas obrigacións pendentes de pagamento cos seus provedores, derivadas da contratación de obras, subministracións ou servizos. Para iso o interventor do concello ou deputación deberá enviar ao Ministerio de Facenda unha relación certificada de todas as débedas pendentes de pagamento a contratistas, informando o pleno da corporación, antes do 15 de marzo. Deixando aparte cal é o sistema para financiar o pagamento polas corporacións locais desas débedas, o grave vén despois. Antes do 31 de marzo (de novo xusto despois das eleccións andaluzas) o pleno de cada concello e deputación debe aprobar un “plano de axuste” (o mesmo nome que en Grecia, podían ser máis orixinais). Lean o artigo 7 dese Real decreto-lei. Ese plano de axuste plurianual vincula a corporación de cara aos seus orzamentos futuros, mais non é soamente un estado de ingresos e gastos previstos, senón que debe recoller a descrición e o calendario de aplicación das reformas estruturais que se vaian implementar, así como as medidas de redución de cargas administrativas a cidadáns e empresas e ademais pode incluír modificación da organización da corporación local. O plano de axuste debe enviarse ao Ministerio de Facenda ao día seguinte da súa aprobación polo pleno da corporación.

Mais o control, obviamente, non remata aí. Como no caso de Grecia, a progresiva liberación de fondos e a continuidade do apoio financeiro está condicionada ao cumprimento do plano de axuste, controlado estritamente desde arriba. O Real decreto-lei 7/2012, aprobado no último Consello de Ministros e publicado no BOE do sábado 9 de marzo, prevé non soamente que o interventor da corporación emita un informe anual sobre o cumprimento do plano de axuste, senón que dá facultades á Intervención xeral do Estado para levar a cabo o seu propio control. E hai que ter en conta que o estado pode reter os fondos que ha de liberar aos concellos e deputacións como participación nos tributos estatais en función do cumprimento das súas obrigacións.

Este sistema implica, desde logo, un severo recorte da autonomía de concellos e deputacións e podería expor dúbidas de compatibilidade cos artigos 140 e 141 da Constitución. Mais ninguén acredita xa en que o Tribunal Constitucional, se for chamado a pronunciarse, o faga en contra desta norma. Independentemente de calquera outra consideración, todo o mundo conta coa obediencia dos seus maxistrados ao Goberno do que de facto depende o seu nomeamento, como vén sucedendo nos últimos meses cada vez que se cuestiona algunha medida de recorte. Suponse que niso consiste a razón de estado.

Pois ben, a estas alturas ninguén dubida de que eses planos de axuste implicarán o despedimento masivo de persoal laboral das administracións locais (tamén de persoal fixo), algo que se verá cando se sometan ao pleno de cada unha os respectivos Plans polos Interventores, ou sexa, xusto despois das eleccións andaluzas (como todo). Así se estreará a previsión introducida no artigo 51 do Estatuto dos Traballadores polo Real Decreto-Lei 3/2012 de reforma laboral respecto das causas de despedimento económico do persoal das administracións.

Mais aínda así resta un problema: hai concellos que funcionarizaron boa parte dos seus empregados e non poden axustar persoal por esta vía. Outros, aínda que puidesen facelo, toparían cadros de persoal descompensados, dado que non poden despedir todo o persoal laboral encargado de tarefas de mantemento, xardinaría, etc. –que alguén debe facer– e ao mesmo tempo deixar ocioso o persoal funcionario de oficinas, que ademais adoita cobrar máis (por certo que o tema das retribucións nas corporacións locais merecería un debate serio). Por iso é polo que un rumor insistente fale, para despois das eleccións andaluzas (evidentemente), dun novo Decreto-lei (estamos a 12 de marzo e este ano van sete Decretos-leis: o parlamento xa é totalmente innecesario salvo como cámara de ratificación): aparecería en España o despedimento de persoal funcionario, aplicábel tamén ás comunidades autónomas e ao propio estado para o seu futuro axuste, tras a Lei de orzamentos. Estaremos atentos.

A CIG pon en marcha unha nova páxina web con toda a información sobre a folga xeral do 29 de marzo

www.folgaxeral.info inclúe novas, análise, opinión, documentos e datos de interese, así como todo o material para descargar.

A Confederación Intersindical Galega vén de poñer en marcha unha nova páxina web con toda a información referente á convocatoria de folga xeral do 29 de marzo. Nela, a central nacionalista pon a disposición das persoas interesadas o material necesario para entender a actual ofensiva do capital contra a clase obreira e desmontar os falsos argumentos que están detrás da perda de dereitos laborais e sociais. Tamén está dispoñíbel para descarga todo o material editado polo sindicato con motivo da mobilización.

A CIG estrea un novo sitio web, www.folgaxeral.info, adicado de xeito exclusivo á convocatoria de folga xeral prevista para o vindeiro xoves 29 de marzo. Ademais do acceso directo mediante esta dirección, existe a posibilidade de facelo a través da propia web da central.

Información, análise, datos de interese, opinión e unha ampla sección de descargas con todos os documentos elaborados pola CIG sobre a nova reforma laboral do PP e o mercado de traballo están a partir de agora a dispor de todas as persoas interesadas dun xeito áxil e atractivo.

Alén disto, tamén é posíbel consultar un repaso histórico polas anteriores folgas xerais convocadas polo sindicalismo nacionalista en defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras e baixar todo o material editado pola central recentemente.

Preme aquí para acceder á nova páxina web da CIG sobre a folga xeral.

08/03/12

Presentadas varias reclamacións dos compañeiros do GRUMIR por despedimentos improcedentes

A CIG quere facer de coñecemento público que 8 traballadores do GRUMIR do Concello de Betanzos acaban de presentar sendas reclamacións previas á vía laboral contra o seu despedimento. A asesoría da CIG considera estes despedimentos improcedentes por que nalgúns casos se utilizaron para realizar funcións distintas das recollidas nos propios contratos, noutros produciuse o encadeamento de contratos recollido no artigo 15 do Estatuto dos Traballadores, e noutros as dúas cousas á vez. Estas circunstancias os converte en traballadores indefinidos que sÓ poderían ser cesados polos procedementos legalmente establecidos e non pola finalización do seu contrato fraudulento.

Dende a CIG do Concello de Betanzos amosamos o noso total apoio a estes compañeiros que levan anos a traballar neste Concello dunha forma discontinua, véndose na obriga de acudir ao paro todos ou case todos os anos e realizando ademais todo tipo de labores de grande utilidade para o Concello. Tempo houbo, tendo en conta que hai compañeiros que levan máis de dez anos así, a regularizar esta situación, mais vontade parece que non, e debido a isto estes compañeiros decidiron reclamar os seus dereitos, negados durante anos, como o resto de persoal do Concello. Non podemos esquecer que estiveron sempre á marxe das axudas sociais, negóuselle o dereito ao desfrute dos días de asuntos propios, non cobraban a antigüidade polo tempo traballado na Administración e un longo etcétera.

Por outra parte o próximo día 12 vaise celebrar un xuízo na sala do social en defensa da tutela de liberdade sindical presentado pola CIG contra o Concello de Betanzos por impedir a acumulación do crédito de horas sindicais dos seus delegados nunha bolsa única tal e como permite a lexislación vixente.

07/03/12

FALTA ABSOLUTA DE DIÁLOGO POR PARTE DO CONCELLO

Hoxe, 7 de marzo, os representantes do persoal laboral e mais do persoal funcionario estabamos chamados a unha reunión co Concello de difícil calificación cun único punto da orde do día:

“Adopción de acordo relativo a criterios de reparto de cantidade consignada para as axudas sociais 2011”

O certo é que esta convocatoria chegou con expectación pola nosa parte porque hai uns cinco meses o Concello nos convocara a unha reunión semellante onde se tomaron unha serie de acordos que posteriormente nos comunicaron a través dunha resolución da Alcaldía que non valían para absolutamente nada porque, palabras textuais do informe da Secretaría no que se baseaba a resolución:

*esa “reunión de todos os representantes legais non ten fundamento ningún”

*eramos “un colectivo de difícil denominación que non ten base xurídica ningunha”

*subliñaba que “cabe destacar a súa total incompetencia”

*e que “as manifestacións do Comité de Empresa e ningún caso serán vinculantes para o órgano que conceda a axuda”

Logo de mil voltas e reviravoltas que o Concello lle quixo dar ao asunto amosou unha total incompetencia na xestión dun fondo de acción social que existe dende hai ben anos mais co que nunca houbo problemas ata hai uns meses. Non houbo problema ningún mentres a xestión e reparto era descoñecida e mesmo o importe das axudas eran descoñecido, aínda que xa nos vimos decatando de que neste Concello hai quen está interesado en que canto menos se saiban as cousas mellor.

Por parte da CIG e sen termos unha idea clara do que se nos ía propor hoxe, non entendiamos como logo de tirar por terra as nosas propostas, ignorar as nosas advertencias de que non se cumpría o procedemento das bases, e termos que aturar e que o propio concelleiro de Persoal mesmo insinuase que as axudas de 2010 non se pagaban por culpa do Comité cando quen ten os cartos e quen resolve é o Concello, hoxe chámannos porque seica hai máis solicitudes que cartos e hai que tomar un acordo.

A nosa postura foi clara e así llo explicamos ao propio concelleiro de Persoal, entendiamos que todo este proceso tiña claros indicios de irregularidades, e que nas bases das axudas aprobadas en pleno indica que a aplicación e distribución deses fondos os debe xestionar a Mesa Xeral de Negociación e que nos iamos abster na toma de decisións baseándonos en que:

  1. O propio Concello díxonos que non eramos quen de decidir hai uns meses.

  2. O Concello fixo caso omiso ás peticións do Comité e da CIG e resolveu o que lle veu en gana.

  3. Hai un claro incumprimento das bases e moitos buracos escuros en todo o procedemento e a CIG non se vai emporcallar coas irregularidades do Concello.

Logo da intervención da representación da CIG os compañeiros do CSIF indicaron que concordaban en que o procemento non fora o adecuado mais tiñan unha proposta distinta ao que se sumou UGT, explicáronse as distintas posturas e por parte da CIG incidiuse en que todo o proceso adoecía de irregularidades, e nese momento, o concelleiro de Persoal, levantouse da Mesa dicindo que o Concello xa faría o que lle petase, o que certamente tampouco supón unha novidade, posto que é o que leva facendo nos últimos meses.

Demostrou así o concelleiro de Persoal unha falta absoluta de diálogo coa representación do Persoal que, polo que parece, ou apoia as propostas do Concello ou nin ten a posibilidade de votar as distintas propostas que hai sobre a mesa, dista moitísimo esta actitude da que se proclamaba aos catro ventos nun xornal betanceiro e onde dicía que as portas estaban abertas para os traballadores, nós, cada vez, vemos que están máis pechadas e lamentamos fondamente esta actitude déspota que para nada amosan outros membros do Goberno presentes nalgunha reunión de negociación. Aínda así, nunca perdemos a esperanza de que o goberno recapacite e reconduza dunha vez por todas este conflito laboral cada vez máis latente.

Camiño da Folga Xeral do 29 de marzo




O camiño cara á FOLGA XERAL convocada o vindeiro 29 de marzo prosegue, estes días a CIG rexistro na Consellería de Traballo a convocatoria de folga á que se suman os compañeiros da CNT, CGT e CUT e o vindeiro 22 de marzo están convocadas concentracións contra a reforma laboral ás 20:00 h en varios concellos entre o que está o Concello de Betanzos, onde a concentración será na praza da Constitucións.

Ademais, e logo que varios compañeiros nos preguntasen algunhas dúbidas con respecto a como exercer o dereito a folga cómpre aclarar varias cuestións:

  1. O dereito á folga é un dereito recoñecido constitucionalmente.
  2. Os traballadores non teñen a obriga de comunicarlle á empresa que realizarán folga.
  3. Servizos esenciais ou mínimos: ao se tratar esta administración dun servizo público poderá fixar uns servizos mínimos mais en todo caso negociándoos co Comité de Empresa e sempre que atendan a servizos esenciais .
  4. No caso de se fixar os devanditos servizos mínimos, que sempre terán que corresponder a departamentos que realizan funcións de recoñecida e inaprazable necesidade, o Concello deberalle comunicar por escrito ao traballador, logo da pertinente negociacións cos seus representantes sindicais, que forma parte do cadro de servizos mínimos durante a xornada de folga.

Dende a CIG consideramos que esta folga está máis xustificada que nunca, logo de anos de agresivas reformas laborais e esta reforma supón unha desregulación absoluta das condicións de traballo dentro da empresa, tanto no relativo ás funcións que pode desempeñar o traballador, como na xornada, o horario ou o sistema de rendemento, dándolle prioridade absoluta ás necesidades da empresa sobre os dereitos dos traballadores.