11/01/12

Axudas sociais 2011, a ver se desta vai a vencida

Tal e como informamos no mes pasado, a CIG solicitou que se cumprisen as bases das axudas sociais e se publicasen as listaxes de solicitudes admitidas e denegadas e a contía asignada a cada traballador que o Concello pagou no mes pasado e que aínda estaban pendentes dende decembro do ano 2010.

Na liña do traballo realizado nos últimos meses a CIG tratará este tema na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de xaneiro e instará cando chegue o momento a que o Concello, tal e como comunicou aos traballadores, pague as do ano 2011 coa nómina do mes de febreiro.

Realmente non entendemos a que se debeu sempre tanta demora no pago das axudas sociais cando unha vez que o Concello ten toda a documentación entregada polo Persoal non ten máis que recompilala e solicitar a proposta do Comité de Empresa, unha vez que lle achega a documentación, por moito que as decisións, opinións e recomendacións do Comité con respecto a este e outros temas sexan completamente ignoradas.

Por outra parte e polo que respecta ao incumprimento das bases na publicación dunhas listaxes das axudas denegadas e concedidas e contía outorgada a cada traballador, non podemos máis que pensar que detrás destes feitos está a vontade de que os traballadores non saiban realmente que é o que lles pertence para que non poida haber as reclamacións pertinentes polas irregularidades na concesión, se é que as houbo, e o Concello siga a facer o que lle peta pola porta de atrás. Se así non fose unha Administración pública ten a obriga de levar a cabo prácticas democráticas que este Concello parece esquecer.

Agardamos que algún día o goberno municipal se decate de que a ocultación da información á representación do persoal laboral e ao sindicato maioritario no Comité de Empresa non fai máis que dificultar a democratización das relacións cos traballadores e deixa patente a vontade de que nada cambie, de que siga habendo discriminacións de todo tipo coa diferenza de que estas cada vez son máis públicas e evidentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario