Amosando publicacións coa etiqueta información. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta información. Amosar todas as publicacións

10/08/15

Abrindo camiños n.º 44 AGOSTO 2015

Aquí tendes o número 44 do voceiro da Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos Abrindo camiños.

No noso medio impreso atoparedes as seguintes novas:

-Contra a privatización, solucións!!!
-Presentadas dúas demandas no Xulgado do Social.
-O convenio segue paralizado no Concello.
-Festivos autonómicos ano 2016.
-Un pouco de humor


05/05/15

Declaración da renda 2014: aviso para afiliados/as


Como sabedes estamos na datas de realización da Declaración da Renda, e podedes realizala nas oficinas que a Confederación Intersindical Galega ten no Edificio Sindicatos, 6.º andar, na Avenida Alfonso Molina da Coruña, para pedir a vosa cita podedes facelo previamente no 981 169 293, teléfono da centraliña da comarca da Coruña. 

A maiores, se o que precisades é unha certificación do pagamento da cota sindical durante o ano 2014, que é un gasto deducible no IRPF segundo o artigo 19.2 da Lei do IRPF e desgrava a contía total pagada polas cotas sindicais reducindo a base impoñible, podedes solicitala enviando un correo electrónico a cigconcellobetanzos@gmail.com ou solicitala nas propias oficinas da CIG. Lembrade revisar o borrador da renda porque aínda que debería incluír as cotas no seu cálculo rara vez o fai e para desgravar a cota sindical haberá que modificar o borrador en moitos casos.

Ademais, o persoal que con motivo dos procesos xudiciais cobrou ou está pendente de cobrar salarios atrasados de anos anteriores é recomendable que acuda ás oficinas da CIG tendo en conta que os casos teñen distintas especificidades que hai que ter en conta á hora de presentar a declaración.




11/03/15

Lembra! Solicitude de vacacións

Segundo o artigo 10 do Convenio colectivo do persoal laboral, o Concello de Betanzos debe ter elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente ao ano 2015 e aínda que tal e como se indica "o calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable solicitar as vacacións en tempo e forma.

A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta do que indique a Comisión paritaria de interpretación do texto que o Concello se nega a reunir, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso recorda que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:





02/03/15

Solicitudes do Comité de Empresa

Aí tendes algunhas solicitudes presentadas polo Comité de Empresa nos pasados días sobre as horas extraordinarias, os calendarios laborais e o cumprimento do convenio colectivo vixente que están á espera da resposta do Concello






22/01/15

Información, pensarán...para que? Coma sempre, parece que canta menos mellor

Desde que a CIG obtivo representación neste Concello un dos cabalos de batalla co Concello foi a necesidade de distribución da información entre todo o persoal por igual, que todos os traballadores e traballadoras tivesen coñecemento dos seus dereitos como garantía para poder exercelos ou reclamalos. Hai anos a información era pouca, escasa e para uns escollidos. Os Comité de Empresa anteriores tampouco nunca traballaran moito este tema por motivos que descoñecemos mais se algo aprendemos estes anos é que ás veces se dan cousas por supostas sobre as que non se ten coñecemento ou mesmo hai dúbidas entre o persoal.

Independentemente do traballo dos delegados sindicais o Concello ten a obriga de pór os medios para que a información poida chegar a todo o persoal e achegarlle, igualmente, a súa propia información ao persoal, tal e como desde hai dous anos lle reclamamos desde o Comité de Empresa e no que comezou o goberno a dar timidamente algúns pasos ao achegar información a varios dos departamentos municipais. Non obstante, isto non quita que durante todos estes anos fixésemos reclamacións tanto por escrito como verbalmente para que a distribución da información se realice en iguais condicións entre todo o persoal. E a comezos de 2015, con case catro anos de lexislatura ás costas aínda hai persoal ao que non lle chega a información por distintos motivos e desde a CIG vémonos na obriga de seguir reclamandolle ao Concello que facilite o acceso á información do persoal mediante os xeitos legalmente previstos para que todo o persoal deste Concello sexa tratado por igual no que respecta ao acceso á información laboral.

16/01/15

Temas pendentes e solicitude dunha reunión co concelleiro de Persoal

Comeza un novo ano e lamentablemente hai moitas cousas que non cambian, pasan os meses e hai problemas que non se solucionan, tres anos despois, seguimos a voltas con discriminacións que non se solventan e por iso unha vez máis, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal de cara a lle transmitir algúns dos temas que o propio persoal pon no noso coñecemento para poñer en coñecemento do goberno municipal para que tente buscar solucións.




15/01/15

O goberno municipal leva tres anos sen entregarlle a documentación relativa ás retribucións ao Comité de Empresa

Moita sorte debeu ter o Comité de Empresa anterior cando entre a súa documentación consta unha táboa de salarios brutos de todo o persoal laboral que lle entregara tamén o anterior goberno municipal, este Comité de Empresa leva tres anos e medio solicitándolle ao goberno municipal esta información sen obter un mísero papel, iso si, unha vez, o concelleiro de Persoal chegou a dicir que tal documento non existía, e o Comité tivo que lle levar unha copia das do ano 2010 que estaban en poder do Comité de Empresa anterior para demostrar que iso era mentira... mais nin así obtivemos tal documentación. Ao comezar o novo ano, para que non nos digan que as solicitudes están caducadas facemos unha nova solicitude desta documentación á que legalmente debe ter acceso o Comité de Empresa e como neste Nadal pedímoslle ao Apalpador que o Concello lle respondese ao Comité de Empresa a algunha solicitude, ao mellor, ata hai sorte... nunca se sabe! Non din ano novo vida nova.... a ver se desta volta é nova actitude!


15/12/14

O goberno municipal leva tres anos negándolle ao Comité de Empresa a información sobre os salarios do persoal laboral

O Comité de Empresa do Concello de Betanzos leva tres anos solicitándolle ao Concello de Betanzos a información sobre as retribucións dos distintos postos do persoal laboral, a táboa dos salarios brutos e mais a información sobre as retribucións do persoal non permanente (contratado ao abeiro de subvención ou mesmo xa sen contrato nin subvención como o persoal do anterior GRUMIR que non despediron ao acabar a subvención).

A única táboa de retribucións que ten o Comité de Empresa é unha do ano 2010 que o anterior goberno lle entregou ao Comité de Empresa anterior e que se encontraba na documentación que o anterior secretario do Comité lle entregou ao actual. É dicir o goberno actual négalle información ao Comité de Empresa da que mesmo dispuñan Comités de Empresa anteriores, mais o peor son as escusas alegadas durante anos polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que mesmo chegou a dicir que tal documentación non existía, o que resulta irrisorio, que o Concello non teña unha listaxe cos salarios dos/as traballadores/as, e a pesar de que en 2012 o Comité lle entregou unha copia da táboa que tiña de 2010 para demostrarlle que esa documentación tiña que existir en persoal non se volveu saber nada do tema, ou sexa, que non interesa entregar esa información á que os representantes dos traballadores temos dereito.

O peor é que tamén o Comité de Empresa entregoulle ao propio alcalde, Ramón García, en 2013, unha copia de todo o que o Comité levaba solicitado e sen resposta até ese momento e as boas palabras nunca se converteron en feitos e seguimos igual en decembro de 2014. Tanto a Relación de Postos de Traballo como a retribución de cada posto deberían ser públicas non entendemos a que se debe tanta opacidade durante anos con este tema cando logo o PSOE solicita transparencia  noutras instancias e noutros organismos con respecto aos salarios, todo isto non fai máis que converter a política laboral deste goberno municipal en esperpéntica e pouco coherente entre o que se di e o que se fai.


Documentación salarios

12/12/14

Pagas extraordinarias e aplicación desigual do artigo 22 do convenio colectivo

A CIG vén de lle lembrar ao Concello que logo de levar dous anos tentando solucionar a problemática da non aplicación do artigo 22 do convenio colectivo relativo ao cobro das pagas extraordinarias nas nóminas de oito compañeiros e compañeiras este problema segue en sen solucionar e solicítalle que non se produza de novo na paga que se cobrará nas vindeiras semanas.

O propio Comité de Empresa solicitou en varias ocasións información documental sobre o tema que o Concello non lle facilitou aínda que si que verbalmente admitiu a existencia desta discriminación e non cobro dunha parte da paga a oitos traballadores e traballadoras readmitidas logo de varias sentenzas xudiciais nos anos 2012, 2013 e 2014.

O certo é que este persoal arrastra outros problemas como o non recoñecemento de servizos previos prestados nesta Administración, tal e como o resto de persoal ao se lle recoñeceu no verán do ano 2013, o que supón unha discriminación a maiores e varias solicitudes que foron presentadas polos traballadores por rexistro hai máis dun ano sen resposta aínda por parte da Administración ao persoal afectado.

Este tema leva tempo sendo falado co concelleiro de Persoal que continuamente indica que se vai solucionar mais ese día non dá chegado, por ese motivo nas vindeiras semanas desde a CIG adoptaranse as medidas oportunas no caso de non se solucionar proximamente a problemática e informarase aos traballadores afectados de cara á posibilidade de presentar as reclamacións previas á vía xudicial en concepto de recoñecemento deste dereito recollido no convenio e de non discriminación canto ao recoñecemento dos servizos previos prestados neste Concello.


Solicitude Pagas Extraordinarias

Nova solicitude

Nestes últimos anos, desde o ano 2012 concretamente, diversas disposicións normativas veñen modificando algúns dereitos dos traballadores públicos, tanto laborais como funcionarios, e deixando sen efecto os convenios colectivos nos artigos correspondentes. O Comité de Empresa xa leva tamén varios anos solictándolle ao Concello que actualice o modelo de solicitude de permisos, non só polas eivas que presenta, cando por exemplo non serve para a solicitude de permiso para o médico do propio/a traballador/a, senón porque recolle uns permisos que xa están totalmente obsoletos e non se corresponden para nada cos que temos dereito a desfrutar na actualidade. 

Unha vez máis volveuse facer, xa coleccionamos solicitudes dos anos 2012, 2013 e 2014, todas sen resposta nin que desde Persoal se actualice un mísero papel que dá lugar a moitas confusións e que crea continuas dúbidas entre o persoal á hora de solicitar permisos que se transmiten en continuas consultas sobre o mesmo tema aos delegados sindicais e supoñemos que tamén ao propio departamento de persoal. Xa sabemos que para este Concello canta menos información teñan os traballadores sobre os seus dereitos mellor, a política de persoal de desinformación, mala información e mesmo negación da información é a que reinou ás súas anchas durante anos e anos, mais agora que xa é evidente que o sistema de discriminacións entre o persoal deste Concello tiña como alicerce esa intencionada política de persoal vai sendo hora de que comecen a mudar as cousas e actualizarse os papeis, que tanto non debe custar e se de verdade hai unha vontade de cambio con respecto a anteriores gobernos, tal e como predicaba o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, no xornal Betanzos e a súa comarca hai tres anos, cando ocupou a súa cadeira, que o comecen a facer dunha vez repondendo a solicitudes do Comité de Empresa tan básicas e lóxicas como esta que se leva anos presentando.

Actualización e Información Modelo Permisos

04/12/14

O Regulamento esquecido... intencionadamente?

Na reunión do pasado mes do Comité de Empresa a CIG propuxo continuar instando ao goberno municipal a que negocie un novo Regulamento de Axudas Sociais, basicamente porque durante máis de dous anos o concelleiro de Persoal e mesmo nunha reunión o propio alcalde admitiron que non habería problema por aplicar uns criterios sociais que resultasen máis xustos no reparto das axudas, durante estes anos, a pesar de amosar esa actitude non foron quen de convocar por este tema nin unha soa vez a Mesa Xeral de Negociación, de aí que decidísemos volver a insistir para que o goberno municipal demostre dunha vez que de verdade lle interesa este tema ou que lle mentiu dun xeito descarado e unha vez máis aos representantes dos traballadores, de aí que o Comité lle comunicase por rexistro o seguinte:

Este Comité de Empresa amosou en múltiples ocasións a súa vontade negociadora para iniciar o proceso de cara a poder dotar ao persoal laboral deste Concello dunhas bases de axudas sociais cun reparto máis xusto e que se baseen en criterios verdadeiramente sociais, máis aínda tendo en conta os anos de recortes salariais que levamos anos padecendo os empregados públicos, primeiro coa baixada do 5% e logo coa supresión da paga extraordinaria do ano 2012 e máis aínda a situación salarial da maior parte do persoal laboral deste Concello con retribucións inferiores ás do funcionariado con similar categoría e posto mais, contrariamente, cun reparto igualitario deste tipo de axudas, que fan máis necesarias ca nunca este tipo de axudas. Por todo isto queremos solicitarlle ao goberno municipal que inicie as negociacións dun novo regulamento de axudas sociais de cara a poder aplicalo con plenos efectos para o ano 2015.

Regulamento de Axudas Sociais

Temas pendentes

Son moitos os temas pendentes sobre os que nos preguntan os distintos compañeiros e compañeiras do Concello mais desde a CIG queremos que quede claro que levamos semanas agardando por unha reunión co concelleiro de Persoal para porlle enriba da mesa varias cuestións que non dá chegado. Hoxe, o Comité de Empresa rexistrou unha nova petición con respecto a este tema, a ver se se cumpre un dos nosos desexos para este Nadal, que o concelleiro de Persoal Diego Fernández, nos reciba e informe sobre os temas que lle preocupan ao persoal laboral.

Reunión Concelleiro de Persoal

30/05/14

O vindeiro luns 2 de xuño comeza o horario de verán


Logo de que o Comite de Empresa solicitase unha aclaración ao Concello con respecto ao horario de verán para os distintos departamentos, e de que a día de hoxe non teñamos información sobre o tema puxémonos en contacto co Departamento de Persoal onde nos indicaron que a redución se realizaría no horario de anteriores anos, é dicir na última hora para a maior parte do persoal, coa excepción daqueles casos que traballan a quendas, como é a Escola infantil municipal que alternación a redución á entrada e á saída por motivos de servizos e o persoal de axuda a domicilio que debido á imposiblidade de realizar a devandita redución disporá de varios libres máis anuais, que corresponden ao cómputo da redución da xornada nos tres meses de verán.

Tamén nos indicaron que se informaría por escrito nos distintos departamentos sobre a devandita redución, mais á vista de que hoxe, 30 de maio de 2014, non temos aínda comunicación, entendemos que o Concello non foi quen de realizar un trámite tan sinxelo partindo da base de que todo o persoal presupón o que se vai facer cando as múltiples chamadas que os delegados reciben con respecto a este tema demostran que non é así. En todo caso, se o Concello non informa, nós seguirémolo facendo. Lembrade que esta redución horario realizarase entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.

06/04/14

Modelo de solicitude para a asistencia a cursos de formación

O Concello distribuíu nas pasadas semanas un modelo de solicitude de cursos nas distintas depedencias municipais. Con respecto a este, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha aclaración, tendo en conta que no convenio non se especifican cursos aos que o Concello só pode autorizar a asistencia e outros aos que se autoriza a asistencia e compensación económica e horaria, e consideramos que cando un curso é para a formación relacionada co propio posto de traballo sempre se debería ter dereito ás compensacións mencionadas. 

No documento entregado no Concello non consta ningunha aclaración nin diferenciación con respecto ao tipo de cursos que se autorizan, e debido a isto solicitouse que o Concello nos especifique cal é o criterio que vai utilizar para realizar na solicitude esa diferenciación no tipo de autorización só para asistencia ou que inclúa as axudas de custo e a compensación horaria e que informe puntualmente aos traballadores sobre os dereitos das axudas de custo e compensación horaria no caso da asistencia a cursos de formación.

Temos coñecemento de que nos últimos tempos con respecto ás actividades de formación este Concello utilizou criterios diferentes tanto na autorización como na compensacións, por iso entendimos que era necesario solicitar unha aclaración que fixe criterios e trate a todo o persoal por igual no que ten que ver con esta cuestión.


A mediados do pasado mes de marzo o Comité rexistrou unha solicitude para que o Concello especifique cal é o criterio que vai utilizar para realizar na solicitude esa diferenciación no tipo de autorización só para asistencia ou que inclúa as axudas de custo e a compensación horaria e que informe puntualmente aos traballadores sobre os dereitos das axudas de custo e compensación horaria no caso da asistencia a cursos de formación. Esta solicitude segue a día de hoxe sen resposta, ao igual que a información sobre as axudas de custo que lle corresponden ao persoal deste Concello cando asiste a unha actividade de información, que foi rexistrada nos anos 2011, 2012 e 2013, mais que o Concello se nega a entregar ao Comité de Empresa.

08/12/13

O Concello teima en ocultarlle información ao Comité de Empresa

A información sobre temas laborais foi durante anos un tema moi prezado para o Concello de Betanzos que serviu para ter enganado a unha grande parte do persoal e mesmo mentir abertamente sobre dereitos do persoal laboral temporal. A desinformación que practicaron os sindicatos con maioría até o ano 2011, UGT e CCOO permitiulle ao Concello xogar con vantaxe porque un traballador desinformado e descoñecedor dos seus dereitos, ou sobre o propio trato discriminatorio que sofre con respecto aos compañeiros sempre é máis vulnerable e maleable que un que sabe cal é o seu lugar e ata onde chega o seu papel na Administración.

Todos estes motivos son os que nos fan pensar que o Concello siga teimando en non responderlle a ningunha das solicitudes do Comité de Empresa, hai meses que o Concello tomou como determinación non responder ás peticións nin escritos rexistrados do Comité, porque no fondo saben que o control da información é determinante para que se poidan denunciar moitas situacións non só discriminatorias, senón que tamén é posible que estean á marxe da lexislación laboral existente. 

O pasado mes, na reunión que o Comité de Empresa mantivo co propio alcalde achegoulle unha listaxe dalgunhas das solicitudes máis importantes que o Concello ten pendente entregarlle ao Comité de Empresa, esta mesma listaxe fora rexistrada un día antes lembrándolle ao goberno municipal que o Comité de Empresa non esquece toda a documentación que o Concello ten pendente de lle entregar. A escusa do Concello xa soa como a dun mal pagador porque se fala do volume de traballo do Departamento de Persoal, cousa que non dubidamos mais que non consideramos válida para escusar que o Concello leve dende hais dous anos sen lle entregar algunha documentación aos representantes dos traballadores. Na reunión que o Comité de Empresa mantivo neste mes de decembro co concelleiro de Persoal volveuse sobre o tema, mais o certo é que parece que as cousas que se apuntan como pendentes por parte do goberno deben tirarse ao lixo cando os representantes dos traballadores saen pola porta, porque non hai outro cousa que explique que o goberno poña boa cara por diante e non faga nada á hora da verdade.

Podedes consultar aquí a listaxe que se lle entregou ao alcalde de documentación e solicitudes pendentes por parte do Comité de Empresa do Concello de Betanzos.





En todo caso, aínda que como sindicato maioritario no Comité de Empresa consideramos que isto faise cunha clara vontade de obstaculizar o traballo dos delegados sindicais e para que a información non estea, en moitos casos, ao alcalce de todos os traballadores e traballadoras, somos conscientes de que en moitos casos é difícil amañar problemas perpretados e creados ao longo dos anos polo distintos gobernos municipais en materia de persoal tamén estamos plenamente convencidos de que todas as decisións que se tomen mentres teñamos representación neste Concello que atenten contra a legalidade ou vaian na contra do colectivo do persoal laboral tomaremos as decisións necesarias para acudir onde faga falla e interpor as denuncias pertinentes mais non seremos cómplices pasivos das decisións do goberno municipal como teñen feito no pasado os sindicatos con maioría no Comité de Empresa.

10/11/13

O Comité insta ao Concello a que publique a convocatoria de axudas sociais do ano 2013

Logo de agardar máis dun ano a negociación efectiva dunhas novas bases de axudas sociais, de que o Comité presentase por escrito a proposta de regulamento no mes de marzo de 2012 e que estea próximo o prazo de finalización de entrega das axudas e non haxa unha convocatoria pública con toda a información para realizar este trámite, o Comité instou ao Concello a que publique a convocatoria de axudas sociais de 2013 en todos os taboleiros dos edificios municipais e informe a todo o persoal dos prazos e as condicións de solicitude, a que amplíe o prazo estipulado nas bases vixentes, posto que indican que se presentarán nos 11 primeiros meses do ano e nas vindeiras semanas finalizaría o prazo oportuno, e debido a isto entendemos que o prazo debería ampliar o das bases aprobadas en pleno a través dunha resolución da Alcaldía para que o prazo sexa ata o último día hábil de decembro e facilitar as solicitudes por parte de todo o persoal. Ademais, solicitoulle que independentemente da convocatoria de axudas de 2013 se continúe coa negociación dunhas novas bases de cara a aplicalas en 2014, posto deben ser aprobadas polo pleno ao igual que as anteriores, e por moito que se acordasen na actualidade non se poderían aplicar con carácter retroactivo porque se o criterio é o reparto inversamente proporcional ás rendas familiares modificaría o criterio de reparto que se especifica nas bases de 2001 e isto podería supoñer que algúns traballadores afectados presentasen os oportunos recursos. e pediulle que se actúe coa máxima celeridade nesta cuestión polos prazos sinalados e porque segundo as bases aprobadas o prazo finalizaría o vindeiro sábado 30 de novembro e o persoal a día de hoxe non ten información ningunha sobre os prazos.

Resulta lamentable que un ano e medio despois de presentar a proposta de novas bases o Comité o Concello paralizase hai meses a negociación a pesar de que no propio pleno se comprometeu a seguir con ela hai case un ano. É obvio que o interese de que as novas bases beneficien a quen máis o necesita non son unha prioridade para o Concello que pretende seguir escondendo sobre o quere parecer un trato igual para todo o persoal o que na realidade é unha discriminación especialmente para o persoal laboral. Agardamos que cando menos o Concello sexa quen de informar ao Comité sobre todo o relativo ás axudas do ano 2013 e lle dea a publicidade pertinente á convocatoria. En todo caso, coma sempre, cando os representantes do persoal teñamos a información darémoslle toda a difusión necesaria, tal e como levamos facendo estes últimos dous anos de cara a que a todo o persoal se poida beneficiar deste dereito recollido no convenio colectivo vixente.

O Comité lémbralle ao Concello que está incumprindo o dereito de información aos representantes dos traballadores

Que o Concello de Betanzos lle oculta información ao Comité de Empresa non é nada novo, nin que hai documentación que non lle entrega dende o ano 2011. A fin de contas, con esta actitude o único que demostra é que non quere achegar a documentación que  informe sobre as irregularidades cometidas en materia de persoal polas consecuencias que esta poida ter, mais isto tampouco quita que o Comité continúe co seu traballo e desta volta lle veña de lembrar ao Concello que sistematicamente dende o ano 2011 leva sen entregarlle ningunha notificación das prórrogas dos contratos do persoal laboral contratado ao abeiro de subvención. 

Por isto, o Comité lembroulle que a Lei do Estatuto dos Traballadores no seu artigo 64 e no que ten que ver cos dereitos de información, consulta e competencias do Comité de Empresa indica o seguinte que o Comité de Empresa terá dereito a recibir copia básica dos contratos e notificación das prórrogas e das denuncias correspondentes a estes no prazo de dez días seguintes a que tivesen lugar”.Ademais, indicoulle que na actualidade, e dende xuño do ano 2011, o Concello nunca lle entregou a este Comité de Empresa notificación das prórrogas de ningún contrato, cando temos coñecemento de que hai persoal contratado ao abeiro de subvencións que anualmente debe asinar unha prórroga contractual e lembroulle que o Concello, ao non lle entregar esta información ao Comité de Empresa está a vulverar un dos dereitos de información do Comité de Empresa e o recollido na Lei do Estatuto dos Traballadores.

Esta solicitude de información sobre os contratos do persoal contratado ao abeiro de subvención, súmase ás veces que o Comité lle ten preguntado verbalmente ao concelleiro de Persoal por diversas situacións sobre as que o Concello non di nin chío e que nestes pasados días saíron publicadas na prensa (nova / nova) e que demostran que o Concello lle oculta deliberadamente información ao Comité de Empresa sobre a situación do persoal, posto que non só non lle achega a información cando este a solicita por escrito e verbalmente senón que esta información chega antes á prensa que ao propio persoal, o que di moito da situación de falta de diálogo co persoal laboral que existe a día de hoxe no Concello de Betanzos.

17/02/12

CIG INFORMA

Anexo 1 do convenio actualizado no ano 2011, da pouca documentación que a día de hoxe o Concello lle facilitou ao Comité de Empresa.

CIG INFORMA RETRIBUCIÓNS

Nos últimos meses vimos detectando distintos tipos de problemas coas retribucións e son varios os compañeiros e compañeiras que se achegan a nós para consultar as dúbidas, dende a CIG entendemos que a actualización deste ano do convenio publicada no 2005 debería ser de coñecemento común por todo o persoal.

25/01/12

INFORMACIÓN PRÁCTICA

PRAZOS DE RECLAMACIÓN DENDE UNHA NOTIFICACIÓN

Salarios: 365 días.

Vacacións: 20 días, se hai calendario, dentro do ano natural.

Se o/a traballador/a estivo de baixa médica por calquera continxencia e non gozou das vacacións cando lle correspondía pode solicitar o goze posteriormente, aínda finalizado o ano natural.

Nos prazos de 20 días non contas os sábados nin os domingos.

Nos prazos de 30 días contan os sábados.

Sancións e despedimentos: 20 días dende a notificación.

Contra resolucións do INEM e INSS: 30 días.

Modificación das condicións de traballo e traslado: 20 días desde a notificación.