Nestes últimos anos, desde o ano 2012 concretamente, diversas disposicións normativas veñen modificando algúns dereitos dos traballadores públicos, tanto laborais como funcionarios, e deixando sen efecto os convenios colectivos nos artigos correspondentes. O Comité de Empresa xa leva tamén varios anos solictándolle ao Concello que actualice o modelo de solicitude de permisos, non só polas eivas que presenta, cando por exemplo non serve para a solicitude de permiso para o médico do propio/a traballador/a, senón porque recolle uns permisos que xa están totalmente obsoletos e non se corresponden para nada cos que temos dereito a desfrutar na actualidade.
Unha vez máis volveuse facer, xa coleccionamos solicitudes dos anos 2012, 2013 e 2014, todas sen resposta nin que desde Persoal se actualice un mísero papel que dá lugar a moitas confusións e que crea continuas dúbidas entre o persoal á hora de solicitar permisos que se transmiten en continuas consultas sobre o mesmo tema aos delegados sindicais e supoñemos que tamén ao propio departamento de persoal. Xa sabemos que para este Concello canta menos información teñan os traballadores sobre os seus dereitos mellor, a política de persoal de desinformación, mala información e mesmo negación da información é a que reinou ás súas anchas durante anos e anos, mais agora que xa é evidente que o sistema de discriminacións entre o persoal deste Concello tiña como alicerce esa intencionada política de persoal vai sendo hora de que comecen a mudar as cousas e actualizarse os papeis, que tanto non debe custar e se de verdade hai unha vontade de cambio con respecto a anteriores gobernos, tal e como predicaba o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, no xornal Betanzos e a súa comarca hai tres anos, cando ocupou a súa cadeira, que o comecen a facer dunha vez repondendo a solicitudes do Comité de Empresa tan básicas e lóxicas como esta que se leva anos presentando.
Actualización e Información Modelo Permisos
Ningún comentario:
Publicar un comentario