Amosando publicacións coa etiqueta sección sindical da CIG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sección sindical da CIG. Amosar todas as publicacións

22/10/15

5 meses despois seguimos sen Mesa Xeral de Negociación nin Comité de Seguridade e Saúde

O goberno local está tomando esta lexislatura aínda con máis calma que a anterior, as présas para asinar convenio e chegar a un acordo co persoal antes xusto das eleccións locais quedaron atrás e deron lugar a unha calma chicha na que parece que nada importa.

A Mesa Xeral de Negociación que a CIG solicitou que se convocase de urxencia, ata o momento descoñecemos se o resto dos sindicatos tamén ou a actitude de UGT, CCOO E CSIF é a mesma pasotista en connivencia co goberno local, segue sen se constituír cinco meses despois, o mesmo acontece co Comité de Seguridade e Saúde, xa solicitado tamén polos delegados de prevención da CIG.

De seguir así esta situación nas vindeiras semanas os delegados de prevención da CIG decidiron que acudirán á Inspección de Traballo a denunciar a unha Administración local que leva un ano sen reunir o Comité de Seguridade e Saúde que segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais ten que se reunir cada tres meses e do que os novos delegados mesmo descoñecen os compoñentes por parte do goberno local.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos como nefasta a xestión en persoal dos primeiros cinco meses de goberno e lamentamos que poida ser a consecuencia directa dos intereses que o concelleiro de Persoal , Diego Fernández López, ten postos fóra de Betanzos e nas eleccións estatais e que dá como resultado unha nula xestión nos primeiros días de goberno á fronte de novo da área de Persoal. Entendemos que son moitos os méritos que fixo para continuar coa carreira política nos últimos catro anos coa lexislatura máis conflitiva na historia deste Concello cos traballadores e traballadoras mais non perdemos a esperanza de que volva a vista para o cargo que foi electo hai cinco meses e mude o rumbo da xestión, facendo caso ás demandas do persoal, aínda que non haxa fotos nin notas de prensa polo medio.

30/09/15

O Concello teima en converter en almacén municipal a entrada da Casa do Concello

Máis unha vez, e van varias nestes meses, o goberno municipal teima en converter a Casa Consistorial nun almacén, co risco que isto supón para os traballadores e traballadoras e a cidadanía que realiza as súas xestións no edificio.

A situación vense repetindo especialmente nos últimos meses ata o punto de que parece que o Concello ten interese de que as oficinas administrativas deixen de ser tal, se o que quere é pechar a Casa do Concello é responsabilidade súa mais o que é inconcebible é que utilice como almacén a entrada dunhas dependencias municipais nas que continuamente acoden persoas.

As queixas sucédense e a situación cada vez vai a peor pola desidia dun goberno ao que non lle importa nin o máis mínimo as condicións laborais do persoal. Tal é así que logo de falalo en varias ocasións e solicitalo por escrito o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiulles unha vez máis aos representantes dos traballadores ao asegurar no pasado mes de agosto que en setembro se convocaría o Comité de Seguridade e Saúde, que xa leva perto dun ano sen se convocar e no que aínda mesmo non se informaron das medidas tomadas logo do expediente aberto pola Inspección de Traballo provincial no caso da Oficina de Turismo.

Desde a CIG lamentamos esta actitude do goberno municipal en todo o que ten que ver coa seguridade e saúde laboral do seu persoal e no caso de que proximamente no convoque o Comité de Seguridade e Saúde verémonos na obriga de acudir de novo ante a Inspección de Traballo, ao non nos deixar máis opcións que recorrer a administracións de fóra cando nesta ignoran aos representantes dos traballadores.

10/08/15

Abrindo camiños n.º 44 AGOSTO 2015

Aquí tendes o número 44 do voceiro da Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos Abrindo camiños.

No noso medio impreso atoparedes as seguintes novas:

-Contra a privatización, solucións!!!
-Presentadas dúas demandas no Xulgado do Social.
-O convenio segue paralizado no Concello.
-Festivos autonómicos ano 2016.
-Un pouco de humor


03/08/15

A concentración contra o desmantelamento do servizo de limpeza nos medios

Foron varios os medios que lle deron cobertura á concentración que o Comité de Empresa convocou o pasado martes con motivo do pleno ordinario do mes de xullo. Aí tendes unha selección das novas:

-O Comité de empresa do Concello de Betanzos convoca unha protesta contra o desmantelamento do servizo de limpeza, Xornal dixital Avantar

-Convocan unha concentración en defensa do servizo municipal de limpeza para o martes, Xornal de Betanzos

-O Comité de empresa do Concello de Betanzos convoca unha protesta contra o desmantelamento do servizo de limpeza, Portal dixital CIG-Administración pública

-La plantilla se moviliza contra los recortes del servicio de limpieza, La opinión A Coruña

-El personal sale a la calle para protestar, El ideal gallego

-Trabajadores del Ayuntamiento Betanzos se movilizan contra la privatización de la limpieza, Cadena Ser

-Cen persoas concéntranse contra a privatización da limpeza municipal, Xornal de Betanzos

-Personal de Betanzos sale a la calle contra el "desmantelamiento" del servicio de limpieza, La opinión A Coruña

-El PSOE apoya la moción de la izquierda local en defensa del servicio de limpieza, El ideal gallego

22/07/15

Concentración contra o desmantelamento do servizo de limpeza, o martes 28 de xullo ás 20:10 h diante da Casa do Concello

O Comité de Empresa convoca para o vindeiro martes 28 de xullo ás 20.10 h, antes do pleno municipal, unha concentración contra o desmantelamento e a privatización do servizo de limpeza municipal. O horario non será definitivo ata que se convoque o pleno e é posible que varíe levemente en función do horario da convocatoria.

Logo da comunicación enviada aos partidos políticos amosando a preocupación polo estado do servizo a situación para nada mellorou, posto que días despois de quitar a unha traballadora de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín do seu posto o Concello meteu no seu lugar a unha traballadora dunha empresa privada que xa prestou servizos no mes de xuño nas dependencias municipais sen que o goberno municipal informase en ningún momento ao Comité de Empresa. A maiores o vindeiro día 1 de xuño o servizo de limpeza de edificios ficará sen efectivos ao comezar as vacacións os únicos dous traballadores de limpeza de que dispón o Concello na actualidade e o Concello segue sen cubrir baixas nin vacantes e sobrecargando ao escaso persoal que queda de traballo.

Hoxe mesmo o concelleiro de Persoal recibiu aos representantes do Comité de Empresa  e indicou que acaba de solicitar informe ao secretario municipal para a cobertura das baixas, mais non hai que esquecer que isto chega xa bastante tarde, cun servizo en descomposición e con dous intentos de pivatización, primeiro no mes de xuño nas dependencias municipais e estes días no CEIP Francisco Vales Villamarín, ademais de que na última reunión na que estaba presente o alcalde o propio concelleiro incidiu en que non se solicitaran informes por escrito mais que as baixas non se cubrían porque verbalmente o informaran de que non era posible. O certo é que os vaivéns de opinión do Concello e a falta de determinación e toma de decisións están derivando nun claro deterioro do servizo público que ben podería servir de escusa para a privatización, e non observamos ata o momento unha vontade explícita para adoptar solucións.

Por todo isto, contra a privatización dos servizos públicos, o desmantelamento do servizo de limpeza e en apoio ás compañeiras de limpeza do aulario despedidas que veñen de facer as reclamacións previas contra os despedimentos improcedentes o Comité de Empresa convoca esta concentración  previa a un pleno no que Betanzos Novo, Compromiso por Galicia e Bloque Nacionalista Galego confirmaron que levarán propostas para buscar solución a este grave problema que está afectar seriamente ao servizo público de limpeza e que leva anos arrastrando e agravando a pésima xestión en persoal do goberno municipal.

CONTRA O DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS


26/06/15

A CIG achégalle por rexistro ao Concello que rectifique as bases de patrón e as adecúe á lexislación vixente

A CIG rexistrou onte unha serie de achegas ás bases para a cobertura dunha praza de pratrón inexistente na RPT que o Concello publicou a semana pasada. Cómpre sinalar que desde hai catro anos sempre nos vemos na obriga de rexistrar as nosas apreciacións con posterioridade á publicación das bases porque o Concello non facilita a documentación con anterioridade e para o concelleiro de Persoal informar sobre as convocatorias significa avisar que saen no BOP o mesmo día que se publican.

Solicitude Rectificación e Adecuación Bases Patrón á Lexislación Vixente



09/06/15

Constitución do novo Comité de Empresa

O vindeiro venres 12 de xuño ás 12:30 h no Centro de Formación Ocupacional  terá lugar a constitución do novo Comité de Empresa, nesta reunión, convocada pola presidenta do Comité de Empresa en funcións, a CIG proporá unha candidatura para os cargos, un regulamento de funcionamento do Comité de Empresa e o nomeamento dos delegados de prevención, entre outros temas. A orde do día é a seguinte:
  1. Disolución do Comité de Empresa actual
  2. Constitución do Comité de Empresa entrante
  3. Aprobación, se proceder, do Regulamento do Funcionamento do Comité de Empresa
  4. Aprobación, se proceder, das normas de uso do local sindical.
  5. Proposta de nomeamento de delegados de prevención.
  6. Quenda de intervencións
A partir de aí agardaremos o nomeamento do/a concelleiro/a de Persoal e comezaremos a fixar as liñas de traballo para os vindeiros meses e sempre ao abeiro dos compromisos de traballo adquiridos. A Sección sindical da CIG decidirá nas vindeiras semanas as prioridades de traballo tendo en conta as demandas que nos trasladan os compañeiros e compañeiras e decidirá o cronograma de traballo e obxectivos para os vindeiros catro anos no Comité de Empresa.

07/05/15

Escritos presentados pola Sección sindical, unha queixa e unha solicitude con respecto ao horario de verán

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de presentar unha queixa pola aparición de panfletos anónimos no edificio Liceo con información manipulada, tendenciosa e que non se axusta á realidade sobre algúns postos do persoal laboral. A responsabilidade deste tipo de feitos é do Concello, por tanto, solicitámoslle ao goberno municipal que identifique á persoa ou persoas responsables e aplique as medidas que legalmente procedan para atallar este tipo de situacións.

Comézase a notar o ambiente das eleccións sindicais mediante este tipo de accións que manipulan a información que se lle ofrece ao persoal e que aínda por riba non identifican o colectivo ou persoa que distribúe a información para evitar posibles demandas. Agardamos que o Concello desta volta actúe e non faga como anos anteriores cando fixo caso omiso á solicitude de apertura de expediente a un funcionario municipal ou a diversas queixas que ao longo destes anos se teñen realizado logo de capítulos semellantes como a desaparición da publicidade sindical da CIG.



Tamén, e xa que o horario de verán comeza o vindeiro 1 de maio, solicitóuselle ao Concello que especifique o horario da redución horaria, posto que no convenio non vén especificado, así como a comunicación do sistema de compensación para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar esa redución de xeito diario, que en anos anteriores foi persoal de axuda a domicilio e Escola Infantil Municipal.

26/01/15

O concelleiro non recibe e aquí non se percibe!


Logo de que o Comité de Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta lexislatura.

Non é a primeira vez que o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa, da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será dos de fóra!

Atrás queda aquela entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para comprender o significado das palabras.

É posible que tamén pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos resultados do traballo até o momento descoñecemos.


O que está claro é que os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia cunha parte dos representantes dos traballadores, así como pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.

22/01/15

Información, pensarán...para que? Coma sempre, parece que canta menos mellor

Desde que a CIG obtivo representación neste Concello un dos cabalos de batalla co Concello foi a necesidade de distribución da información entre todo o persoal por igual, que todos os traballadores e traballadoras tivesen coñecemento dos seus dereitos como garantía para poder exercelos ou reclamalos. Hai anos a información era pouca, escasa e para uns escollidos. Os Comité de Empresa anteriores tampouco nunca traballaran moito este tema por motivos que descoñecemos mais se algo aprendemos estes anos é que ás veces se dan cousas por supostas sobre as que non se ten coñecemento ou mesmo hai dúbidas entre o persoal.

Independentemente do traballo dos delegados sindicais o Concello ten a obriga de pór os medios para que a información poida chegar a todo o persoal e achegarlle, igualmente, a súa propia información ao persoal, tal e como desde hai dous anos lle reclamamos desde o Comité de Empresa e no que comezou o goberno a dar timidamente algúns pasos ao achegar información a varios dos departamentos municipais. Non obstante, isto non quita que durante todos estes anos fixésemos reclamacións tanto por escrito como verbalmente para que a distribución da información se realice en iguais condicións entre todo o persoal. E a comezos de 2015, con case catro anos de lexislatura ás costas aínda hai persoal ao que non lle chega a información por distintos motivos e desde a CIG vémonos na obriga de seguir reclamandolle ao Concello que facilite o acceso á información do persoal mediante os xeitos legalmente previstos para que todo o persoal deste Concello sexa tratado por igual no que respecta ao acceso á información laboral.

Solicitude de cobertura de baixas

A CIG vén de solicitar por rexistro que o Concello cubra as baixas dos servizos para que estes poidan funcionar do mellor xeito posible e estas non redunden nunha sobrecarga de traballo no resto do persoal dos departamentos afectados. Tentaremos transmitirlle tamén ao concelleiro de Persoal a preocupación pola non resolución destas situacións, especialmente nos casos que son previsibles, como é o casos das baixas por maternidade e/ou paternidade.

15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

As Mesas de Negociación nas que non se negocia nada

O goberno municipal do Concello de Betanzos escusa convocar máis Mesas Xerais de Negociación amparándose nunha lexislación que exixe negociación e que na práctica, mesa tras mesa, está supoñendo unha imposición das propostas do goberno e caso omiso ás propostas dos representantes dos traballadores.

Unha vez máis, como nos ten acostumados, o Concello convoca unha Mesa cun único punto da orde do día e non acepta nin unha soa das propostas presentadas pola CIG porque segundo Diego Fernández, o orzamento non permite aprobar máis que o que propón o Concello... entón, para que nos convocan?

Repasemos, o goberno municipal convocou unha Mesa Xeral de Negociación, da que aínda non temos a acta, no pasado verán, cun único punto na orde do día "dar conta da documentación relativa a persoal a incluír nos orzamentos 2014", por tanto, de negociar nada de nada, non acepta as propostas presentadas, nin sequera responde ás alegacións presentadas a posteriori, como o pleno tampouco lle aproba o que o goberno encabezado por Ramón García lle vai ben, decide aprobar todo en Xunta de Goberno botando man da lexislación aprobada polo PP que tantas veces tivo a cara de criticar publicamente, e agora volve a outra Mesa a dicirnos que como xa está o orzamento aprobado (=imposto) xa non se pode negociar a Oferta de Emprego Público para o ano 2014. En serio, que se vaian a rir doutros e se aínda queda alguén con sentido que lle quite de inmediato, como mínimo, "obreiro" do nome, porque isto xa está empezando a ser un insulto ao persoal e ao sentido do que é unha verdadeira negociación á vista dos feitos.

Deixámosvos unha selección de novas para lembrar como se aprobaron estes orzamentos cos que agora queren impoñer a OPE que lles vai ben:

O Concello convoca Mesa Xeral de Negociación para este luns sobre orzamentos 2014 e a RPT mais parece que sen intención de negociar






Pois ben, á vista deste panorama comezou unha Mesa Xeral de Negociación na que a CIG foi o único sindicato que propuxo ampliar a OPE (Oferta de Emprego Público) mesmo facendo referencia ás posibilidades legais de facelo, tendo en conta que nos parecía ben que a OPE contase con prazas para a policía mais obviamente insuficiente para as necesidades deste Concello. A precaria situación de persoal actual do Concello con respecto á Relación de Postos de Traballo vixente supón que haxa 22 prazas "vacantes" (entendendo por vacantes as que non están nin temporal nin definitivamente cubertas por ninguén), das cales 4 son de persoal funcionario e 18 de persoal laboral. 

O feito de que o 100% do persoal laboral sexa temporal dificulta na actualidade a cobertura definitiva desas prazas mais non a cobertura temporal, tal e como se lle solicitou ao goberno municipal, tendo en conta que estamos a falar de falta de persoal en servizos como o cemiterio, a xardinaría, as obras, a limpeza viaria e de edificios ou a axuda a domicilio e que de a maiores destes 18 postos hai que falar que a día de hoxe hai 10 baixas das cales só unha está cuberta e de que case todas, agás as de maternidade, corresponden ao sector de servizos, o que demostra o grave desgaste do persoal de determinados departamentos do Concello.

A proposta inflexible do goberno é presentar unha OPE só para dúas prazas de Policía, unha de promoción interna e outra de oposición libre, por tanto, eis os datos, de 4 funcionarios menos, 2 prazas que se convocan, de 18 laborais menos, 0 prazas que o goberno municipal supostamente socialista se nega a cubrir mesmo temporalmente.

A maiores, entre o funcionariado, existe a posibilidade da promoción interna, que a lexislación actual permite, é máis, o propio goberno municipal pretende convocar unha praza de Policía por promoción interna, por tanto é legal, e baseándose nisto desde a CIG propuxemos que a promoción interna se aplicase e ampliase tamén a todos/as os/as auxiliares administrativos/as que na actualidade puidesen promocionar a administrativos/as (máis aínda cando a liña entre o traballo dun e doutro posto é moi difusa neste Concello) mais a resposta do goberno foi a irrisoria de que o orzamento que foi imposto non o contemplaba, mais tampouco se comprometeu a estudar esta proposta de cara ao futuro. Deducimos pois, da firmeza coa que o goberno municipal se opuxo a que nesta OPE promocionen os/as auxiliares administrativos/as que a idea é que nesta Administración, entre o funcionariado, só promocione a Policía, que ten o seu dereito, mais nin máis nin menos que o resto do persoal, e o resto de funcionarios/as que tamén poderían promocionar non deben existir para o goberno municipal, porque se algo está claro é que isto nin se lles pasou pola cabeza na primeira OPE que pretenden levar a cabo nesta lexislatura, e unha vez que o propuxo a CIG a resposta foi, igualmente negativa, como dixo o concelleiro de Persoal "aquí vimos a falar das prazas da Policía", para acabar co debate sobre a posibilidade de incluír na OPE outras prazas.

Por tanto, non sabemos se se aprobou a OPE presentada polo Concello ou non porque non se votou nada, o único que podemos dicir é que non se negociou nada, que a CIG propuxo, a maiores do presentado polo Concello, a cobertura das prazas necesarias de laborais e a cobertura dunha das prazas de persoal administrativo vacante por xubilación e mais a posibilidade de promoción interna para todo o funcionariado , non só para a Policía, propostas ás que o goberno municipal se negou en rotundo. Canto ás intervencións dos outros dous sindicatos presentes (UGT e CSIF) foron propostas para a convocatoria das prazas de Policía mais nada canto ao resto do persoal, é máis o CSIF aínda solicitou a cobertura dunha outra praza para a Policía, que non dubidamos da súa necesidade, mais nada falou da promoción interna do resto do funcionariado ao que representa ou das dúas prazas vacantes do cadro administrativo, coma sempre, moi na súa liña.

Agardaremos a que o Concello entregue a acta para aprobar e asinar para comprobarmos como se reflicte nesta a inexistencia de negociación nin de acordo ningún, a pesar de que aínda estea pendente a acta do 11 de xullo de 2014, da Mesa Xeral de Negociación na que se "deu conta" de todo o relativo aos orzamentos e que logo se levou a pleno mais que aínda non se lle entregou, cando menos, á CIG, como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeran de "Negociación".

12/12/14

Recoñecemento de servizos previos do persoal laboral

O Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, vén de solicitar unha listaxe do persoal ao que o Concello lle ten recoñecidos os servizos previos, esta solicitude vén na liña de reclamar este dereito para todo o persoal laboral unha vez que temos constancia documental de que a través dunha resolución da Alcaldía o Concello recoñeceulle este dereito a un determinado número de traballadores e traballadoras mais non a todo o persoal na mesma situación.

O recoñecemento dos servizos previos prestados tanto na propia Administración como noutras é un dereito de funcionarios e que vai recollido nese suposto novo convenio colectivo que non sabemos se o Concello terá a ben seguir negociando. Non obstante, o goberno municipal, se de verdade procura a igualdade entre persoal laboral e funcionario debería recoñecer de inmediato non só os servizos prestados nesta Administración senón en calquera outra pública como antigüidade e a efectos do cobro dos trienios correspondentes e o que en todo caso consideramos inxustificable é que no momento de recoñecer os servizos previos prestados neste Concello o fixese a uns traballadores si e a outros non  e haxa persoal que leva máis dun ano agardando resposta para que lle solucionen a situación e finalice esa discriminación.

Solicitude Información Persoal Recoñecemento Servizos Previos

Nova solicitude

Nestes últimos anos, desde o ano 2012 concretamente, diversas disposicións normativas veñen modificando algúns dereitos dos traballadores públicos, tanto laborais como funcionarios, e deixando sen efecto os convenios colectivos nos artigos correspondentes. O Comité de Empresa xa leva tamén varios anos solictándolle ao Concello que actualice o modelo de solicitude de permisos, non só polas eivas que presenta, cando por exemplo non serve para a solicitude de permiso para o médico do propio/a traballador/a, senón porque recolle uns permisos que xa están totalmente obsoletos e non se corresponden para nada cos que temos dereito a desfrutar na actualidade. 

Unha vez máis volveuse facer, xa coleccionamos solicitudes dos anos 2012, 2013 e 2014, todas sen resposta nin que desde Persoal se actualice un mísero papel que dá lugar a moitas confusións e que crea continuas dúbidas entre o persoal á hora de solicitar permisos que se transmiten en continuas consultas sobre o mesmo tema aos delegados sindicais e supoñemos que tamén ao propio departamento de persoal. Xa sabemos que para este Concello canta menos información teñan os traballadores sobre os seus dereitos mellor, a política de persoal de desinformación, mala información e mesmo negación da información é a que reinou ás súas anchas durante anos e anos, mais agora que xa é evidente que o sistema de discriminacións entre o persoal deste Concello tiña como alicerce esa intencionada política de persoal vai sendo hora de que comecen a mudar as cousas e actualizarse os papeis, que tanto non debe custar e se de verdade hai unha vontade de cambio con respecto a anteriores gobernos, tal e como predicaba o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, no xornal Betanzos e a súa comarca hai tres anos, cando ocupou a súa cadeira, que o comecen a facer dunha vez repondendo a solicitudes do Comité de Empresa tan básicas e lóxicas como esta que se leva anos presentando.

Actualización e Información Modelo Permisos

19/11/14

O Concello declara a non existencia de infraccións na denuncia realizada por dous delegados da UGT a unha compañeira da CIG

O Concello comunicáballe hai uns días á compañeira delegada da CIG que foi expedientada inxustamente o arquivo das actuacións ante a inexistencia das infraccións disciplinarias das que foi acusada polos delegados da UGT, José Ángel Montes e José Luis Sobrino.

Desde a Sección sindical da CIG queremos darlle os parabéns á nosa compañeira porque finalmente se fixo xustiza e lamentamos que o Concello se prestase ao perverso xogo que iniciaron os delegados da UGT e demostrase un trato desigual entre situacións similares na apertura de expedientes, non esquecemos que os únicos dous expedientes abertos nesta lexislatura foron a afiliados ao noso sindicato e ambos quedaron en nada cando se decataron de que se equivocaran, e cando a presidenta do Comité, da CIG, informou por rexistro e solicitoulle ao Concello que fixese o oportuno co secretario municipal o alcalde fixo caso omiso.

Deixámosvos a Resolución que emitiu a Alcaldía que indica expresamente:

"Declarar a non existencia de infraccións disciplinarias como consecuencia da denuncia formulada pola Sección sindical da UGT deste Concello, contra dona Raquel Fernández Rodríguez, debéndose proceder ao arquivo das actuacións".

Con este desgradable episodio péchase un capítulo máis de discriminación neste Concello, desta volta á hora de abrir expedientes por parte do alcalde, e fica patente que o obxectivo dalgúns delegados doutros sindicatos non é a defensa dos intereses do colectivo do persoal laboral senón o ataque inxusto e gratuíto a quen os defende.

Agora, a nosa compañeira, resérvase o dereito de iniciar as accións legais que considere oportunas tendo en conta que ficou demostrado que foi acusada en falso, ademais de insultada e calumniada publicamente pola Sección sindical da UGT do Concello de Betanzos.

23/10/14

Por fin, o Concello convoca o Comité de Seguridade e Saúde a petición da CIG

Segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais do ano 1995 o Comité de Seguridade e Saúde ten a obriga de reunirse, como mínimo, cada tres meses. Neste Concello e ata a chegada deste Comité de Empresa non hai constancia documental de que nunca se chegase a constituír nin de que os anteriores Comité tivesen, nin sequera, designados delegados de prevención de riscos laborais, tal e como era a súa obriga.

Logo dunha denuncia na Inspeccióndos delegados de prevención o Concello xa hai un tempo viuse naobriga de constituílo, dende aquela comezouse a tratar levemente estes temas máis importantes, aínda tendo en conta que son moi complicados e vai levar un tempo que todo se desenvolva con normalidade, tal e como sería de esperar nunha Administración pública. Neste ano 2014 o Comité levaba sen se reunir dende o mes de xaneiro, logo de que a Inspección o apercibira pola penosasituación das obras na Casa Consistorial e tanto dende o Comité de Empresa como os delegados de prevención da CIG solicitaron en diversas ocasións que así se fixese, mesmo se viron na obriga devolver á Inspección de Traballo para denunciar que este organismo non se reunía coa asiduiadade mínima a que obrigaba a lei. A propiaInspección respondeu indicando que o Concello admitía abertamentenon cumprir os prazos e lembroulle ao Concello as súas obrigas enmateria de prevención de riscos laborais.

Logo e todo este periplo para que o Concello cumpra a lei a semana pasada dende a CIG volveuse a insistir tanto verbalmente como por escrito en que había que convocar o Comité de Seguridade e Saúde e propúxoselle ao Concello unha serie de puntos na orde do día, aí tedes a solicitude realizada polo delegado de prevención da CIG:

Onte mesmo e para mañá o Concello acaba de convocar o Comité de Seguridade e Saúde para tratar os temas solicitados por parte da CIG, ademais, de algún outro que xa levaba meses pendente. Para alén de que o Concello terá que dar conta das avaliacións de riscos laborais e os plans de prevención de riscos laborais pendentes, trataranse especialmente as deficiencias dalgúns centros de traballo, como nomeadamente as condicións infrasaudables da Oficina de Turismo, un espazo de traballo sen servizo, sen saída de urxencia, con escasa iluminación e uns niveis de humidade pouco recomendables para a saúde de calquera traballador. Outro tema fundamental será que no local de Obras clausurado  logo da visita da Inspección de Traballo segue entrando persoal e que temos serias dúbidas sobre que as condicións de traballo do pintor e da situación dos produtos tóxicos (hai que lembrar que o Concello tamén tivo que trasladar ao pintor logo de que Inspección visitase as instalacións de Bellavista) sexa a máis adecuada. Os vestiarios, ou máis ben, a falta deles en moitos servizos que o deberían ter será outra das reclamacións e a necesidade de comezar coas análise psicosociais, un tema sobre o que nunca se ten tratado neste Concello e que consideramos de máxima importancia tendo en conta como a mala organización do traballo, especialmente nalgúns departamentos, está a repercutir na saúde do persoal.


Se algo está claro é que neste ámbito aínda se están a dar os primeiros mais necesarios pasos, mais tamén está claro que ao resto dos sindicatos non lles debe interesar moito porque de non ter ido a CIG en varias ocasións á Inspección de Traballo hoxe nin estaría constituído o Comité de Seguridade e Saúde nin se estaría comezando a falar deste tema tan importante, porque a fin de contas, ninguén pode discutir a importancia da seguridade e a saúde no traballo.