Logo de que o Comité de
Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o
reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo
responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se
con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa
preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante
tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta
lexislatura.
Non é a primeira vez que
o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa,
da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como
desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se
non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será
dos de fóra!
Atrás queda aquela
entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo
da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co
persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a
CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o
diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había
nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo
está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días
a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para
comprender o significado das palabras.
É posible que tamén
pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos
sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto
foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como
Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao
persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo
o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos
resultados do traballo até o momento descoñecemos.
O que está claro é que
os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras
intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por
moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a
tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso
desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que
discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia
cunha parte dos representantes dos traballadores, así como
pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas
mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai
deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario