O goberno municipal no seu costume de interpretar o convenio colectivo unilateralmente e non convocar aos delegados sindicais á Comisión Paritaria que é o organismo encargado de interpretalo e que non se reuniu nin unha soa vez, ata onde temos coñecemento, desde xaneiro de 2006 que se publicou o convenio colectivo, volveu interpretar nestes pasados anos que podía crear uns complementos persoais que ademais nin sequera constaban no anexo de persoal dos orzamentos aprobados pola porta de atrás hai uns meses.
A creación deste complementos non só foi completamente irregular senón que sospeitamos que na actualidade é o motivo de que a totalidade dos traballadores readmitidos non estean a cobrar nas pagas extras o que lles corresponde segundo convenio, mais a saber, porque ás veces descifrar unha nómina e a motivación da existencia duns complementos ou outros neste Concello xa case responde a un xeroglífico e desde logo en moitos caso a argumentos nada obxectivos nin entendibles ao abeiro do convenio colectivo en vigor.
É triste mais unha parte do traballo sindical destes anos centrouse en intentar descifrar as motivacións que levaban a moitas das desigualdades e irregularidades existentes, porque non había nin hai un motivo obxectivo en moitos casos, o que hai son o que consideramos malas decisións na área de persoal que teñen consecuencias directas nas nóminas dos traballadores.
Unha vez máis o Comité de Empresa solicitou información sobre os complementos persoais á vista de que non constan nin no convenio, nin na RPT nin anexo de persoal que o Concello aprobou cos orzamentos en 2014, non sabemos se pola simple vagancia non actualizar a listaxe ou ben pola deliberada ocultación destes por algunha outra motivación que descoñecemos.
En todo caso hai unha cuestión clara, eses complementos deberían ser absorbidos noutros porque segundo un informe do propio secretario municipal corréspondense coas persoas e non cos postos, e iso na actualidade na Administración é inaceptable, ademais de completamente irregular e entendemos que no momento que se crearon foi para remunerar determinados traballos e por iso deberían ter formado parte do complemento específico mais na súa vontade de enlear as cousas o Concello ten tomado moitas decisións que consideramos erradas en persoal e que supoñen que na actualidade eses compañeiros e compañeiras, quen cobra ese complemento, por exemplo, cobren na paga extra menos do que indica o convenio colectivo, é dicir, o dobre do salario mais a complemento extra das pagas, só porque o Concello, tamén unilateralmente interpreta que ese complemento non se pode cobrar na paga, a pesar de que iso non o pon no propio convenio e en ningún momento tal condición foi negociada con este Comité de Empresa, polo menos.
Se a isto lle sumamos que nas bases de execución do orzamento, na base 70, punto 3, indica que un só dos traballadores que teñen ese complemento cobrará o 50% deste nas pagas o deste Concello é un absoluto esperpento que se perpetúa ano tras ano desta lexislatura e ao que este goberno que tanto ía amañar segue non só sen lle dar solución tres anos despois senón caendo unha e outra vez nas discriminacións que tanto criticaba cando estaba do outro lado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario