20/11/13

As obras da Casa do Concello inícianse co persoal traballando nas oficinas

Esta semana deron comezo as obras da Casa do Concello sen buscar ningunha solución para o persoal que presta os seus servizos neste edificio municipal. A situación agravouse cando os obreiros se puxeron a picar a parede coas propias compañeiras da Oficina municipal de Rehabilitación traballando ao seu carón e tragando todo o pó da obra, isto agrávase porque a falta de persoal fai que día tras día o pó de acumule nas oficinas porque non hai quen limpe e o Concello se nega a cubrir as baixas.

Por todo isto, onte mesmo, os delegados de prevención da CIG rexistraron unha queixa por escrito ante o Concello coa proposta de solucións provisionais para que o persoal non teña que padecer esta situación e onde lle comunicaron o seguinte:

1. As obras que acaban de se iniciar na Casa do Concello están supoñendo múltiples molestias aos traballadores do devandito edificio por culpa do pó que supón picar a parede e o problema que as obras se estean a realizar en horario laboral.

2. Que o pó que se respira por mor das obras é prexudicial para as traballadoras da Oficina de Rehabilitación que deberían ser trasladadas provisionalmente polo estado de sucidade da oficina, agravado porque neste edificio só se limpa unha vez á semana.

3. Que a maiores os ruídos ocasionados polas obras supoñen unha molestia adicional para desenvolver o traballo polo que este tipo de obras deberían ser realizadas fóra do horario laboral das oficinas nas que se realizan as obras.

Por todo isto, solictáronlle que o Concello tome as medidas oportunas de cara a solucionar os problemas ocasionados polas obras con algunha das solucións propostas ou con algunha alternativa que o Concello estime oportuna para solucionar este problema.

Logo de presentar a queixa un delegado de prevención achegouse a onde o concelleiro de Persoal que non só non lle deu unha solución ao problema senón que derivou a responsabilidade noutro concelleiro de área cando a responsabilidade dos temas de persoal é toda del. A obra continúa en horario laboral e o persoal traballa nos seus postos rodeado de pó e con olores moi fortes de todos os produtos que se utilizan para amañar as deficiencias do edificio e nin sequera o Concello os informou de canto tempo durará isto.

Por parte da CIG solicitaremos o asesoramento necesario para ver que pasos podemos seguir ante as dúbidas de que o edificio reúna na actualidade, coas obras en marcha, as condicións oportunas e ao abeiro da lexislación en materia de prevención, para que os traballadores sigan desempeñando o seu traballo na Casa do Concello mentres estas obras de reparación do edificio seguen en marcha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario