10/11/13

A escasa información sobre as novas contratacións, o Comité segue amosando a súa disconformidade cos procedementos por rexistro

O Concello de Betanzos ten o costume de entregarlle copia dos contratos ao Comité de Empresa sen achegar ningunha información sobre os procesos selectivos, isto dá lugar a que o Comité amose a súa disconformidade porque non ten coñecemento ningún sobre como chegan a ser escollidas as persoas que asinan os contratos, non só porque estea fóra dos procesos, senón tamén porque a falta de información sobre os propios contratos fai que se lle plantexen diferentes preguntas ás que o Concello nunca dá resposta. Logo de amosar a súa disconformidade o Comité  de Empresa rexistra unha solicitude de información con todas as cuestións que considera que non se axustan á legalidade dos contratos efectuados polo Concello.

A última sorpresa veu da man dos contratos relacionados con dous obradoiros de emprego que se están a  realizar no Centro de Formación Ocupacional e sobre os que o Comité nin sequera tiña coñecemento de que o Concello era quen efectuaba a contratación ata tempo despois de empezar a traballar esta xente, por isto, e unha vez que se lle achegou copia dos contratos o Comité deixou de manifesto o seguinte:

1. Que o Comité de Empresa do Concello de Betanzos amosou a súa disconformidade con estes porque descoñece por completo o sistema de selección deste persoal de nova contratación e non foi informado en ningún momento de que pasarían a formar parte do cadro de persoal do Concello temporalmente.
2. Que a maior parte dos contratos foron asinados con data do 25 de outubro e o Comité non só non tivo coñecemento antes da súa existencia senón que mesmo se lle entregaron as copias máis de dez días despois.
3. Que a xornada laboral que se impón a algún deste novo persoal incumpre e supera a acordada no convenio colectivo vixente para o persoal laboral, e por tanto, podería estarse incorrendo nunha discriminación.
4. Que este Comité de Empresa descoñece o sistema de retribución do persoal subvencionado posto que o solicitou en varias ocasións por escrito e o Concello négase a entregarllo, isto supón que descoñecemos de onde sae o importe das retribucións do persoal do contrato mencionado e, a maiores, entendemos que podería haber algú erro xa que, por exemplo, non se lle recoñece o dereito á parte proporcional da paga extraordinaria correspodente, e indícase, que no caso de cobrar corresponderíalle un importe igual ao do salario base cando no artigo 22 do convenio colectivo do persoal laboral indica claramente que “a contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o tigo anterior, prorrateado polo tempo de servizo prestado”.

E por todo isto, solicitou que o Concello lle entregue nestes casos os contratos correspondentes en tempo e forma ao Comité de Empresa, que informe ao Comité de Empresa sobre o proceso selectivo destas novas contratacións e lle achegue toda a documentación relativa a estas novas contratacións, que o Concello de Betanzos non vulnere a xornada laboral acordada no convenio colectivo do persoal laboral e non discrimine a este persoal de nova contratación coa realización de máis horas semanais que o resto do persoal laboral e que se informe como se determinan as retribucións deste persoal laboral e o motivo da non inclusión da parte prorrateada da paga extra que debería ser igual á unha mensualidade do salario.

A CIG considera que as novas contratacións sempre son unha boa nova para o Concello, e máis nos tempos de corren de falta de persoal, mais non entende porque o Comité é excluído sistematicamente da información que rodea os procesos e sempre que considere que os contratos incumpren ben a lexislación laboral ben o recollido no convenio colectivo e o Concello non lle dea as explicacións pertinentes seguirá amosando por escrito a súa disconformidade coa forma e a formalización dos contratos mais obviamente nunca coas propias contratacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario