Amosando publicacións coa etiqueta retribucións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta retribucións. Amosar todas as publicacións

11/08/14

A CIG presenta alegacións á Relación de Postos de Traballo e ao capítulo de normas de persoal do orzamento 2014

A CIG presentou nos pasados días as alegacións ao capítulo de normas relativas ao persoal dos orzamentos 2014 e da Relación de Postos de Traballo.

Logo de examinar a documentación aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 24 de xullo de 2014 e comprobar que era a mesma que a presentada na Mesa Xeral de Negociación aos sindicatos, simplemente coa corrección e engadido da data de antigüidade dalgúns compañeiros que antes non aparecía, a CIG decidiu presentar reclamacións á aprobación provisional do orzamento para que o goberno municipal as poida ter en conta de cara á aprobación definitiva do orzamento e Relación de Postos de Traballo.

Nos documentos rexistrados recóllense alegacións dende as retribucións complementarias solicitando que se corrixan as deficiencias, que se subsanen os erros indicados, e que o Concello faga público o manual do criterio de asignación dos niveis de complemento de posto e que lle asigne o devandito nivel a todos os postos de persoal laboral, que deben ter un dos 15 niveis de complemento de posto e a maiores explicar o motivo da asignación dun ou doutro complemento, así como todo o relativo aos complementos persoais, ao descolgue do convenio colectivo decidido nesta lexislatura polo Concello de xeito unilateral con respecto a un colectivo de traballadores que cobra por horas e supera con isto en retribucións á maior parte do resto do persoal cuxas retribucións se rexen polo convenio colectivo. Tamén se lle solicitou ao Concello que utilice os mesmos criterios de retribución ocasional polo desempeño de funcións superiores en vacacións, baixas etc para o persoal laboral e o funcionariado, advertindo que do contrario isto supón un agravio discriminatorio en función da relación contractual dos traballadores, así como que unifique e especifique os criterios retributivos do persoal ao abeiro de subvención de xeito que todos os traballadores en semellante situación contractual coñezan e se lles aplique o mesmo criterio con respecto ás retribucións básicas e complementarias.

Con respecto á Relación de Postos de Traballo as alegacións presentadas lembráronlle ao Concello que na documentación que o Concello aprobou en Xunta de Goberno o 24 de xullo de 2014 indica que esta Relación de Postos de Traballo é a do ano 2012, cando non ano 2012 non se aprobou ningunha RPT. No ano 2012, logo da aprobación duns orzamentos vinculada a unha cuestión de confianza a Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal presentou non foi aprobada polo Pleno, e por tanto, tal e como se publicou no Boletín Oficial da Provincia n.º 224 de 23 de novembro de 2012 con respecto á probación definitiva do orzamento "O cadro de persoal corresponde co presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no BOP n.º 235 de 11 de outubro de 2008". Se no ano 2012 a RPT vixente era a do ano 2008 e esta non presenta ningunha modificación con respecto á que está en vigor a que o Concello presenta debería ser a do ano 2008. Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local, tal e como lembra o secretario municipal no informe que forma parte da documentación do orzamento, non ten entre as súas atribucións a modificación da RPT, por tanto non pode alterar as súas retribucións, só é o Pleno da corporación quen o pode facer. Entendemos, pois, que o Concello, está a utilizar unha Relación de Postos de Traballo que non foi aprobada nun pleno e única que pode permanecer vixente é a do ano 2008.

Con respecto a todo isto e baseándomonos en que a Xunta de Goberno Local non pode realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo no documento sinálanse polo miúdo todos os puntos en que se demostra que esta RPT ten modificacións con respecto á vixente do ano 2008 para finalmente solicitarlle ao goberno municipal que xunto co orzamento se indique que a RPT vixente é a do ano 2008 e se achegue esta, no caso de non querer iniciar un proceso de negociación, no canto de presentar unha de 2012 inexistente e con modificacións con respecto á de 2008 non negociadas cos representantes dos traballadores. A modificación de complementos e características que se presenta exixe negociación e debe ser aprobada polo Pleno, premisas que non foron cumpridas neste procedemento administrativo. Ademais, á vista de que o Concello non negociou cos traballadores as modificacións da Relación de Postos de Traballo, solicitouse que retire esta RPT e faga referencia e informe de que segue vixente a do ano 2008 xunto co orzamento 2014. Do contrario, solicitámoslle ao Concello que inicie un verdadeiro proceso de negociación cos representantes dos traballadores para a modificación e mellora da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos. Ademais solicitamos que se faga público o sistema de xestión da RPT que valora cada un dos postos e a aplicación deste eles que poña de manifesto os criterios empregados para a desproporción na valoración dos postos ocupados por persoal laboral fronte aos de funcionarios.

Alegacións Ao Capítulo de Normas de Persoal by cigconcellobetanzos

Alegacións á Relación de Postos de Traballo by cigconcellobetanzos

19/03/14

Comisión Negociadora do convenio colectivo, 18 de marzo de 2014

Onte tivo lugar a primeira reunión da Comisión Negociadora do convenio do ano 2014, xa que dende abril do ano 2013 esta Comisión levaba sen se reunir e, por tanto, a negociación do convenio estaba ata o momento paralizadísima.

Desta volta, de parte do Concello, asistiron Antonio Vara, en calidade de secretario, Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e Javier Ferreira, como asesor do Concello, pola parte social asistiron, Marcos Dopico, Silvia Muíño e José Luis Sobrino como membros da Comisión Negociadora designados polo Comité de Empresa, e como asesores Roberto Tizón pola CIG e José Ángel Montes pola UGT. É significativo que os asesores funcionarios que asistían en anteriores ocasións por parte do Concello quedasen a un lado coa entrada en escena da empresa, e os que antes dicían si e non, agora nin sequera asisten ás mesas de negociación.

A actitude por parte da empresa foi significativamente mellor que en anteriores ocasións, e a idea principal da reunión foi a exposición da metodoloxía de traballo que tentan propoñer coa idea de chegar a un acordo e que no verán deste ano haxa un novo convenio, esa é a idea do Concello, o tempo desmostrará se as intencións desta volta son certeiras.

A principal novidade é que o Concello pretende, agora, negociar sobre un texto presentado pola empresa e que será entregado na vindeira semana á parte social da Comisión, baixo a premisa de que o texto presentado polo Comité de Empresa non está adecuado á lexislación laboral vixente porque foi presentado en xaneiro de 2012 e aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2011. Certo é que o Comité de Empresa leva dous anos advertíndolle ao Concello que este era un dos riscos que corriamos por dilatar a negociación e o resultado final é que o texto que negociaremos finalmente non vai ser a proposta que o persoal laboral aprobou en asemblea, senón un novo que será achegado nos vindeiros días, e a única culpa disto tena o Concello de Betanzos por levar dous anos atrancando a negociación do convenio colectivo mais as consecuencias págaas todo o persoal laboral en canto tiña coñecemento do que se estaba a negociar e agora a negociación continuará cun texto diferente, para o propio Comité de Empresa este é un traballo a maiores, porque o texto anterior estaba consensuado polos dous sindicatos con representación neste, e aínda que a CIG ten a maioría no Comité e podería tomar as decisións que estime oportunas, o certo é que sempre é preferible chegar a acordos, por moi difícil que resulte, en ocasións, facelo con delegados sindicais instalados na defensa das irregularidades que a Administración comete.

En principio o bosquexo de información que o Concello nos ofreceu (sempre por boca do asesor da empresa, porque o concelleiro de Persoal non dixo nin chío), foi que negociaremos sobre o texto do Concello, modelo da empresa utilizado noutras administracións e que non difire en grande medida do presentado polo Comité de Empresa, aínda que o capítulo de retribucións deixarase para o final porque o Concello ten que facer "contas" e logo hase saber o que se pode amañar para tentar reestruturar algún dos desequilibrios retributivos existentes no persoal laboral. A idea do Concello é que en xuño estea acordado o convenio, e con cada texto que se presente haberá un sistema de funcionamento por escrito que tente facilitar  traballo nas Comisións Negociadoras de xeito que alí so se tratarán os puntos de discrepancia entre a parte social e o Concello. Paralelamente a esta negociación irán facendo un organigrama, a día de hoxe inexistente neste Concello, que se presentará en Mesa Xeral de Negociación mais nunha fase posterior á aprobación do convenio colectivo.

Algunhas das cuestións concretas que se exemplificaron e que a empresa proporá teñen que ver cunha xornada semanal de trinta e sete horas e media con certa felexibilidade que permitirá que non se desconten determinadas ausencias, unha vez instalados os reloxos de fichaxe; esta certa flexibilidade sempre terá un límite diario, semanal, mensual e un número de horas anual que non se poderá exceder. Preténdese facer unha homologación en permisos, licenzas e vacacións co funcionariado ao abeiro do Estatuto Básico do Empregado Público, tendo en conta sempre o principio de norma máis favorable. Canto ás horas extras, tal e como era a proposta de Comité, no caso de se cobrar será por categoría profesional, de xeito que todo o persoal dunha mesma categoría profesional cobre o mesmo e saiba o que lle corresponde por traballo extra realizado.

Unha outra proposta do Concello, que se negociará ao final por ser un tema de retribucións, é que o Concello pretende reformular os conceptos retributivos do persoal laboral sen redución salarial mais non para homologalos cos de funcionarios senón para refundilos e simplificar as nóminas, que é o certo é que esta é das ideas que nos suscita máis dúbidas e que haberá que estudar moi a fondo. A maiores, quérese engadir algunha previsión canto á consolidación de postos e funcionarización do persoal laboral mais pensando a longo prazo, non nun futuro inmediato, e que será pertinente ou non dependendo da vixencia que finalmente teña o convenio.

En conclusión, onte houbo unha declaración de intencións por parte do Concello que aínda é axiña para valorar se será positiva ou negativa para a mellora do conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, iso haberá que ilo valorando segundo decorra o tempo e teñamos máis información sobre as intencións do Concello e como vai cambiar isto o marco no que traballamos, mais se algo hai que ter claro é que o convenio colectivo só se pode acordar se Concello e os traballadores están de acordo, non é, coma noutras decisións algo que unilateralmente pode acordar a Administración. 

A partir de agora e ata que finalice o proceso informarase puntualmente de todas as decisións, que nas primeiras reunións é posible que non sexan moi relevantes posto que temos un marco normativo que nos constrinxe en certos aspectos e simplemente constará no texto mais non hai moitas posibilidades de negociación, pola contra, é posible que cara ao final do proceso, cando se propoñan as maiores mudanzas que poidan afectar ao persoal laboral se convoquen novas asembleas para informar e tomar decisións, nomeadamente, a intención da CIG é, antes de asinar ningún acordo do Concello, que o texto finalmente acordado, no caso de que se chegue acordo será sometido á valoración da asemblea de traballadores, e será esta a que decida que é o que se debe facer, porque lle afecta a todo o persoal e é este o que debe decidir.

10/11/13

A escasa información sobre as novas contratacións, o Comité segue amosando a súa disconformidade cos procedementos por rexistro

O Concello de Betanzos ten o costume de entregarlle copia dos contratos ao Comité de Empresa sen achegar ningunha información sobre os procesos selectivos, isto dá lugar a que o Comité amose a súa disconformidade porque non ten coñecemento ningún sobre como chegan a ser escollidas as persoas que asinan os contratos, non só porque estea fóra dos procesos, senón tamén porque a falta de información sobre os propios contratos fai que se lle plantexen diferentes preguntas ás que o Concello nunca dá resposta. Logo de amosar a súa disconformidade o Comité  de Empresa rexistra unha solicitude de información con todas as cuestións que considera que non se axustan á legalidade dos contratos efectuados polo Concello.

A última sorpresa veu da man dos contratos relacionados con dous obradoiros de emprego que se están a  realizar no Centro de Formación Ocupacional e sobre os que o Comité nin sequera tiña coñecemento de que o Concello era quen efectuaba a contratación ata tempo despois de empezar a traballar esta xente, por isto, e unha vez que se lle achegou copia dos contratos o Comité deixou de manifesto o seguinte:

1. Que o Comité de Empresa do Concello de Betanzos amosou a súa disconformidade con estes porque descoñece por completo o sistema de selección deste persoal de nova contratación e non foi informado en ningún momento de que pasarían a formar parte do cadro de persoal do Concello temporalmente.
2. Que a maior parte dos contratos foron asinados con data do 25 de outubro e o Comité non só non tivo coñecemento antes da súa existencia senón que mesmo se lle entregaron as copias máis de dez días despois.
3. Que a xornada laboral que se impón a algún deste novo persoal incumpre e supera a acordada no convenio colectivo vixente para o persoal laboral, e por tanto, podería estarse incorrendo nunha discriminación.
4. Que este Comité de Empresa descoñece o sistema de retribución do persoal subvencionado posto que o solicitou en varias ocasións por escrito e o Concello négase a entregarllo, isto supón que descoñecemos de onde sae o importe das retribucións do persoal do contrato mencionado e, a maiores, entendemos que podería haber algú erro xa que, por exemplo, non se lle recoñece o dereito á parte proporcional da paga extraordinaria correspodente, e indícase, que no caso de cobrar corresponderíalle un importe igual ao do salario base cando no artigo 22 do convenio colectivo do persoal laboral indica claramente que “a contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o tigo anterior, prorrateado polo tempo de servizo prestado”.

E por todo isto, solicitou que o Concello lle entregue nestes casos os contratos correspondentes en tempo e forma ao Comité de Empresa, que informe ao Comité de Empresa sobre o proceso selectivo destas novas contratacións e lle achegue toda a documentación relativa a estas novas contratacións, que o Concello de Betanzos non vulnere a xornada laboral acordada no convenio colectivo do persoal laboral e non discrimine a este persoal de nova contratación coa realización de máis horas semanais que o resto do persoal laboral e que se informe como se determinan as retribucións deste persoal laboral e o motivo da non inclusión da parte prorrateada da paga extra que debería ser igual á unha mensualidade do salario.

A CIG considera que as novas contratacións sempre son unha boa nova para o Concello, e máis nos tempos de corren de falta de persoal, mais non entende porque o Comité é excluído sistematicamente da información que rodea os procesos e sempre que considere que os contratos incumpren ben a lexislación laboral ben o recollido no convenio colectivo e o Concello non lle dea as explicacións pertinentes seguirá amosando por escrito a súa disconformidade coa forma e a formalización dos contratos mais obviamente nunca coas propias contratacións.

25/06/13

Paga extra: "erros" e cousas estrañas que acontecen neste Concello

Non é a primeira que neste Concello hai compañeiros e compañeiras que se achegan aos delegados de cara a comprobar o cobro correcto da súa nómina e descubrimos abraiados como non todo o persoal cobra segundo o sistema retributivo do convenio, se nos referimos ao persoal que ten un posto contemplado na Relación de Postos de Traballo vixente, e igualmente, como o persoa ao abeiro de subvención tampouco ten un criterio único nos conceptos que compoñen a súa nómina, senón diversos criterios que atenden a razóns que nalgúns casos parecen, cando menos, de dubidosa obxectividade.

As reclamacións por parte do Comité de Empresa en materia de retribucións veñen de vello e foron especialmente numerosas o ano pasado cando o Concello tentou aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo que consolidaba discriminacións históricas e realizaba subas de salario inxustificadas. Nunca, e xa vai case un ano, o Concello foi quen nin sequera de lle responder ás reclamacións do Comité de Empresa e con responder, xa non se agardaba unha posible solución, senón unha resposta que defendese o texto que presentaban, mais iso nunca aconteceu e levounos a pensar o que sospeitabamos, ou, polo menos, sospeitamos ata que o Concello responda a moitas das reclamacións efectuadas en materia de retribucións, que neste Concello non hai, en moitos casos, un criterio obxectivo no pagamento das retribucións.

No caso do cobro da paga extra, a pesar de que o goberno do Estado nos roubase a paga extra do mes de decembro de 2012, xa con anterioridade, en agosto do ano 2012, o Comité de Empresa lle fixera ao Concello unha solicitude de documentación nunca entregada que nos fixo sospeitar que algún problema había con esta e efectivamente, o cobro da paga extra vén regulado no artigo 22 do Convenio colectivo e logo de observar que hai compañeiros que semellan non cobrar o que lles corresponde na paga e á vista de que este mes cobrarase coa nómina a extra do mes de xuño o Comité, por inciativa da CIG presentoulle unha nova solicitude ao Concello para que lle facilite a documentación requirida en agosto de 2012 con respecto ao complemento extra das pagas de cara a comprobar a aplicación do artigo 22 do convenio colectivo no conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, para que o Concello informe sobre o motivo da non aplicación do artigo 22 do convenio colectivo, no que ten que ver co cobro da paga extra, a diversos traballodores e que,  no caso de efectivamente existir un agravio discriminatorio, se corrixa de inmediato e se reflicta xa no cobro da paga extra do mes de xuño dos traballadores afectados.

Debido a isto, consideramos que non está demais lembrar o que indica o convenio colectivo con respecto ás retribucións da paga extra de cara a comprobar a próxima nómina e efectuar a reclamación correspondente no caso de haxa máis persoal na mesma situación.

Art. 22 Convenio colectivo persoal laboral Concello de Betanzos

 “Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e decembro.
A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.
Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos.”

                         GRUPO                 COMPLEMENTO PAGAS (cada paga)

1................................. 490,00 euros
2................................. 379,43 euros
3................................ 293,11 euros
4................................. 249,92 euros
5................................. 179,27 euros



17/02/12

CIG INFORMA

Anexo 1 do convenio actualizado no ano 2011, da pouca documentación que a día de hoxe o Concello lle facilitou ao Comité de Empresa.

CIG INFORMA RETRIBUCIÓNS

Nos últimos meses vimos detectando distintos tipos de problemas coas retribucións e son varios os compañeiros e compañeiras que se achegan a nós para consultar as dúbidas, dende a CIG entendemos que a actualización deste ano do convenio publicada no 2005 debería ser de coñecemento común por todo o persoal.