Amosando publicacións coa etiqueta persoal laboral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta persoal laboral. Amosar todas as publicacións

18/02/15

Convocatoria da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo

Tal e como vos diciamos, hoxe mesmo o Concello convocou Comisión Negociadora do convenio colectivo. A pesar de que o documento está asinado do luns 16 de febreiro foi entregado hoxe, 18 de febreiro, aos representantes do persoal. Xunto co documento non se entrega ningunha documentación que achegue as correccións que se lle indicaron ao Concello, nin se puntualizan as cuestións concretas do convenio que se van tratar na reunión. Haberá que agardar até o venres para ter máis información


11/02/15

Reunións de delegados nas que quedamos todos abraiados

Continúan as negociacións do convenio colectivo coas contrapropostas do Concello

O Comité de Empresa reunido de xeito extraordinario onte pola mañá, logo que Galivalia lle enviase unha proposta de convenio o pasado día 5 de febreiro, depois de meses de inactividade, acordou continuar coa negociación logo da contraproposta económica presentada polo goberno municipal, ao entender que a asemblea de traballadores é a que ten que decidir se este novo convenio é o que quere, mais para presentalo primeiro é preciso que o goberno aclare algunhas das cuestións que presenta e modificarían as retribucións e que non veñen explicadas no texto achegado.

Sorprendeu na reunión de onte que un dos delegados da UGT parecía non estar disposto nin a seguir para adiante cunha proposta económica que, a priori, axustaría algunhas discriminacións retributivas existentes entre o persoal e afectaría a máis da metade do cadro de persoal de laborais, e aínda que é verdade que a CIG presentou unha primeira contraproposta con moito máis alcance que esta última, entendemos que como representantes dos traballadores non somos ninguén para rexeitar de raíz as propostas e quen debe decidir se está de acordo ou non co convenio é asemblea de traballadores, que será a fin de contas que o acordará asinalo ou non co Concello. Polo visto este compañeiro prefería, debido a uns motivos que descoñecemos, rexeitar unha proposta cuxo punto de partida é unha pequena igualación retributiva en determinados postos de traballo, así como a solución a algúns dos problemas históricos de discriminación salarial entre homes e mulleres, como o caso grupo 5. É unha mágoa que haxa delegados sindicais para os que son máis importantes os intereses individuais que os colectivos, e que tomen decisións en función de persoas e postos de traballo concretos no canto de mirar pola mellora do colectivo do persoal laboral. 

Finalmente co apoio de delegados da CIG e UGT e a súa única abstención decidiuse instar ao Concello a que con urxencia se retome a negociación e achegáronse as observacións pertinentes en espera de resposta do Concello. Tamén se lle enviou esta mesma documentación por correo electrónico ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, ao Departamento de Persoal e mais ao representante da empresa Galivalia, Javier Ferreira xunto co seguinte correo:

Bo día,

Hoxe mesmo o Comité de Empresa acaba de rexistrar unha solicitude urxente da Comisión Negociadora do convenio colectivo do persoal do Concello de Betanzos logo do acordo tomado na súa reunión extraordinadinaria que tivo lugar onte 10 de febreiro de 2015. Así mesmo, xunto con esta solicitude achegou unha serie de observacións con relación á proposta de texto enviada por Galivalia con data de 5 de febreiro de 2015.

Desde o Comité de Empresa consideramos que para continuar coa negociación deste convenio é preciso axilizar os prazos e mais reunirnos canto antes de cara a negociarmos diversos aspectos que aínda fican sen pechar, así como recibir as explicacións oportunas que nos faciliten o entendemento do Anexo I de retribucións enviado a pasada semana.

Sen máis agardamos que o Concello nos reuna con carácter de urxencia nos próximos días de cara a continuar coa negociación do convenio colectivo.

Enviámosvos o documento rexistrado e ficamos á espera dunha áxil resposta a este tema tan crucial para o persoal laboral do Concello de Betanzos.

Un saúdo cordial

Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

Podedes consultar tamén aquí o documento rexistrado hoxe mesmo con respecto a este tema:



En todo caso, cando a proposta económica estea finiquitada por parte do Concello e se peche o texto achegaráselle unha copia a todo o persoal previamente á convocatoria da asemblea xeral de traballadores.

24/09/14

Sobre o día recuperado de asuntos propios


Hai uns días publicabamos o texto do BOE no que se recolle a devolución dun día de asuntos propios e con respecto ás dúbidas de varios compañeiros e compañeiras queremos aclarar que este día xa se pode desfrutar na actualidade dentro dos correspondentes ao ano 2014. Para o ano 2015 haberá, pois, cinco días de asuntos propios e no caso de se aprobar o novo convenio ou que a Alcaldía emita unha resolución, a compensación de dous dos festivos nacionais que cadren en día non laborable.

Con respecto a este tema e como xorden moitas dúbidas por parte do persoal, o Comité de Empresa vén de solicitarlle ao Concello que actualice a información dos taboleiros nos distintos edificios con respecto ao número de días de asuntos particulares para o ano 2014 de que os traballadores desta Administración dispoñen dende o pasado 18 de setembro e que actualice o modelo de solicitude de permisos coa información correspondente aos permisos de que pode desfrutar na actualidade o persoal municipal, posto que a información da solicitude vixente pode levar a equivocacións.

19/03/14

Comisión Negociadora do convenio colectivo, 18 de marzo de 2014

Onte tivo lugar a primeira reunión da Comisión Negociadora do convenio do ano 2014, xa que dende abril do ano 2013 esta Comisión levaba sen se reunir e, por tanto, a negociación do convenio estaba ata o momento paralizadísima.

Desta volta, de parte do Concello, asistiron Antonio Vara, en calidade de secretario, Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e Javier Ferreira, como asesor do Concello, pola parte social asistiron, Marcos Dopico, Silvia Muíño e José Luis Sobrino como membros da Comisión Negociadora designados polo Comité de Empresa, e como asesores Roberto Tizón pola CIG e José Ángel Montes pola UGT. É significativo que os asesores funcionarios que asistían en anteriores ocasións por parte do Concello quedasen a un lado coa entrada en escena da empresa, e os que antes dicían si e non, agora nin sequera asisten ás mesas de negociación.

A actitude por parte da empresa foi significativamente mellor que en anteriores ocasións, e a idea principal da reunión foi a exposición da metodoloxía de traballo que tentan propoñer coa idea de chegar a un acordo e que no verán deste ano haxa un novo convenio, esa é a idea do Concello, o tempo desmostrará se as intencións desta volta son certeiras.

A principal novidade é que o Concello pretende, agora, negociar sobre un texto presentado pola empresa e que será entregado na vindeira semana á parte social da Comisión, baixo a premisa de que o texto presentado polo Comité de Empresa non está adecuado á lexislación laboral vixente porque foi presentado en xaneiro de 2012 e aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2011. Certo é que o Comité de Empresa leva dous anos advertíndolle ao Concello que este era un dos riscos que corriamos por dilatar a negociación e o resultado final é que o texto que negociaremos finalmente non vai ser a proposta que o persoal laboral aprobou en asemblea, senón un novo que será achegado nos vindeiros días, e a única culpa disto tena o Concello de Betanzos por levar dous anos atrancando a negociación do convenio colectivo mais as consecuencias págaas todo o persoal laboral en canto tiña coñecemento do que se estaba a negociar e agora a negociación continuará cun texto diferente, para o propio Comité de Empresa este é un traballo a maiores, porque o texto anterior estaba consensuado polos dous sindicatos con representación neste, e aínda que a CIG ten a maioría no Comité e podería tomar as decisións que estime oportunas, o certo é que sempre é preferible chegar a acordos, por moi difícil que resulte, en ocasións, facelo con delegados sindicais instalados na defensa das irregularidades que a Administración comete.

En principio o bosquexo de información que o Concello nos ofreceu (sempre por boca do asesor da empresa, porque o concelleiro de Persoal non dixo nin chío), foi que negociaremos sobre o texto do Concello, modelo da empresa utilizado noutras administracións e que non difire en grande medida do presentado polo Comité de Empresa, aínda que o capítulo de retribucións deixarase para o final porque o Concello ten que facer "contas" e logo hase saber o que se pode amañar para tentar reestruturar algún dos desequilibrios retributivos existentes no persoal laboral. A idea do Concello é que en xuño estea acordado o convenio, e con cada texto que se presente haberá un sistema de funcionamento por escrito que tente facilitar  traballo nas Comisións Negociadoras de xeito que alí so se tratarán os puntos de discrepancia entre a parte social e o Concello. Paralelamente a esta negociación irán facendo un organigrama, a día de hoxe inexistente neste Concello, que se presentará en Mesa Xeral de Negociación mais nunha fase posterior á aprobación do convenio colectivo.

Algunhas das cuestións concretas que se exemplificaron e que a empresa proporá teñen que ver cunha xornada semanal de trinta e sete horas e media con certa felexibilidade que permitirá que non se desconten determinadas ausencias, unha vez instalados os reloxos de fichaxe; esta certa flexibilidade sempre terá un límite diario, semanal, mensual e un número de horas anual que non se poderá exceder. Preténdese facer unha homologación en permisos, licenzas e vacacións co funcionariado ao abeiro do Estatuto Básico do Empregado Público, tendo en conta sempre o principio de norma máis favorable. Canto ás horas extras, tal e como era a proposta de Comité, no caso de se cobrar será por categoría profesional, de xeito que todo o persoal dunha mesma categoría profesional cobre o mesmo e saiba o que lle corresponde por traballo extra realizado.

Unha outra proposta do Concello, que se negociará ao final por ser un tema de retribucións, é que o Concello pretende reformular os conceptos retributivos do persoal laboral sen redución salarial mais non para homologalos cos de funcionarios senón para refundilos e simplificar as nóminas, que é o certo é que esta é das ideas que nos suscita máis dúbidas e que haberá que estudar moi a fondo. A maiores, quérese engadir algunha previsión canto á consolidación de postos e funcionarización do persoal laboral mais pensando a longo prazo, non nun futuro inmediato, e que será pertinente ou non dependendo da vixencia que finalmente teña o convenio.

En conclusión, onte houbo unha declaración de intencións por parte do Concello que aínda é axiña para valorar se será positiva ou negativa para a mellora do conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, iso haberá que ilo valorando segundo decorra o tempo e teñamos máis información sobre as intencións do Concello e como vai cambiar isto o marco no que traballamos, mais se algo hai que ter claro é que o convenio colectivo só se pode acordar se Concello e os traballadores están de acordo, non é, coma noutras decisións algo que unilateralmente pode acordar a Administración. 

A partir de agora e ata que finalice o proceso informarase puntualmente de todas as decisións, que nas primeiras reunións é posible que non sexan moi relevantes posto que temos un marco normativo que nos constrinxe en certos aspectos e simplemente constará no texto mais non hai moitas posibilidades de negociación, pola contra, é posible que cara ao final do proceso, cando se propoñan as maiores mudanzas que poidan afectar ao persoal laboral se convoquen novas asembleas para informar e tomar decisións, nomeadamente, a intención da CIG é, antes de asinar ningún acordo do Concello, que o texto finalmente acordado, no caso de que se chegue acordo será sometido á valoración da asemblea de traballadores, e será esta a que decida que é o que se debe facer, porque lle afecta a todo o persoal e é este o que debe decidir.

11/03/14

Informe do Comité de Empresa sobre as axudas sociais 2013

O pasado venres, o Concello achegoulle ao Comité de Empresa a información relativa ás axudas sociais do ano 2013 e indicoulle ao Comité que tiña dez días para emitir un informe sobre a devandita proposta. Hoxe mesmo, logo de reunir onte ao Comité de Empresa, este presentou por rexistro a súa proposta con respecto ao que se indicaba na información.

Para alén de todo  o que o Comité, coas propostas que a CIG fixo na reunión de onte, recolle no informe que tedes máis abaixo, cómpre destacar que este ano a partida orzamentaria foi insuficiente, o que supón que haberá unha redución dunha porcentaxe de arredor dun dez por cento nas axudas individuais de cara un dos traballadores, que o propio Comité lle solicitou ao Concello que en cumprimento das propias bases lle comunique ao persoal co obxecto de que cada quen saiba o que lle vai corresponder. A maiores, a proposta do Concello, foi establecer unha idade límite nos descendentes que sería a que a axencia tributaria ten de referencia, é dicir, os 25 anos; esta proposta xa o propio Comité a ten feito chegar de cara a que se recollese nunhas novas bases que leva tentando que se negocien dende o ano 2012, mais tamén lle fixo ver ao Concello que o feito de non indicar ese límite na propia convocatoria das axudas podería dar lugar a reclamacións por parte dos afectados e recomendoulle, como sería propio do procedemento administrativo, que denegase motivamente esas axudas e llo comunicase aos afectados, porque se quixesen reclamar, tendo en conta que ata este ano nunca houbo límite de idade, en contraposición ao que poñían as propias bases de 2001, consideramos que é discutible que teñan dereito ou non.

Igualmente, o Comité solicitoulle ao Concello a ampliación da partida orzamentaria porque é obvio que resulta insuficiente, que cumpra os prazos marcados na propia convocatoria, tal e como dixo o concelleiro de Persoal que farían e que retome dunha vez por todas a negociación dunhas bases que non haxa que estar interpretando continuamente, por obsoletas, hai que ter en conta que estas levas 13 anos en vigor, porque logo as consecuencias sempre as paga o persoal.

Hai que destacar que o espallamento da información que se produciu sobre estas axudas dende que comezou a traballar este Comité de Empresa actual foi notable en canto con máis traballadores no cadro de persoal sempre sobraran cartos e agora, que cada vez somos menos, non chegan, era obvio que había un problema, e só porque todo o persoal estea informado de todo o que lle atinxe pagan a pena as loitas dos dous primeiros anos con respecto ás axudas sociais cando o Concello estaba instalado na discriminación manifesta, e cando os representantes dos traballadores, nun informe do propio secretario municipal eramos cualificados como "colectivo axurídico sen capacidade de decisión" e dous anos despois é o mesmo organismo que nos excluía das decisións o que nos pide un informe de cara a resolver as axudas que dirán que non é vinculante, mais si que é preceptivo porque así o pon o convenio colectivo.

Canto ás axudas concedidas a cada quen, e tendo en conta que haberá unha redución, se calquera traballador ou traballadora, no caso de que o Concello non publique as listaxes que debería publicar indicando, como mínimo, a contía e o concepto, ten interese en saber o que lle corresponde antes de recibir a nómina pode poñerse en contacto con calquera dos delegados e delegadas da CIG, como sempre.




Informe Comité axudas sociais ano 2013 by cigconcellobetanzos

19/02/14

Asemblea de traballadores, o martes de 25 de febreiro no Centro de Formación Ocupacional

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, convoca asemblea de traballadores para o vindeiro martes 25 de febreiro onde se explicará a nova postura do Concello ante as negociacións do convenio de cara a que poidamos tomar as decisións oportunas para afrontar esta nova etapa de negociacións con mudanzas significativas na postura do Concello con respecto, nomeadamente, á situación do persoal laboral.

Debido á complexidade do tema, a propia CIG, na Mesa Xeral de Negociación, indicou que debía convocar ao persoal laboral para coñecer a súa opinión antes de tomar decisións sobre a negociación dunha proposta de convenio colectivo que xa fora aprobada pola asemblea de traballadores que o Comité de Empresa convocou a finais do ano 2012.

Instamos aos compañeiros e compañeiras a asistir para debatermos as posibilidades de negociación que temos ante a situación actual e coñecer de primeira man as intencións do goberno municipal que se trasladaron aos representantes sindicais a través do representante dunha empresa privada.


20/10/13

O Concello segue incumprindo o convenio logo de que o Pleno aprobase por unanimidade a súa vixencia

Unha vez máis o Concello de Betanzos incumpre as normas que el mesmo aproba, así o está a facer co propio convenio colectivo do persoal laboral e así llo comunicou o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, estes días. O Concello, dende que o Comité de Empresa actual foi escollido incumpre sistematimaticamente o seu artigo 19, onde indica que é preceptivo un informe do Comité de Empresa nos casos de mobilidade funcional, tan frecuentes neste Concello, onde o goberno municipal cambia substancialmente as condicións laborais do seu persoal, horarios e lugares de traballo, continuamente e sen nin sequera comunicarlle os cambios por escrito, como é preceptivo, aos propios traballadores. Segundo vimos observando, ademais, este feito non acontece case nunca cos funcionarios, polo que persiste o trato como persoal de inferior categoría para o persoal laboral, sometido a continuos cambios nas condicións laborais sen a existencia da negociación pertinente.
Por todo isto, dende a CIG queremos denunciar publicamente que o Concello de Betanzos está a incumprir o convenio colectivo, non só neste, senón en varios puntos máis, prorrogado polo Pleno por unanimidade, e a pesar de que as decisións tomadas por este organismo parecen non afectar para nada ás decisións do goberno municipal, solicitouse que o Concello de Betanzos cumpra estritamente o Convenio colectivo do persoal laboral que vén de ser prorrogado por unanimidade polo propio Pleno do Concello recentemente e lle solicite ao Comité de Empresa todos cantos informes son preceptivos ao abeiro do artigo 19 e á mobilidade funcional do persoal laboral desta Administración local, previamente a modificar as condicións laborais dos seus traballadores.

14/10/13

Convocatoria de selección para unha praza temporal de técnico/a de orientación laboral

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe mesmo convoca a selección para un contrato temporal ao abeiro de subvención de técnico/a de orientación aboral para o Concello de Betanzos. As bases pódense consultar na páxina web do Concello (www.betanzos.net) e no Boletín Oficial da Provincia n.º 195 do luns 14 de outubro de 2013.


13/10/13

O Concello segue sen dar resposta aos problemas do persoal laboral

Os problemas aos que se ve sometido o persoal laboral amoréanse e o Concello non é quen de lle dar resposta, á parálise na negociación do convenio, das bases de axudas sociais, dunha necesaria e nova Relación de Postos de Traballo e as débedas que acumula dende hai case dous meses co persoal ao que lle notificou que lle pagaría unhas cantidades que lle adebedaba súmase o problema xeral de falta de persoal que en determinados departamentos é moi acusado e dificulta o traballo.

Hais listaxes de substitucións ás que o Concello leva anos sen botar man e das que debería tirar tanto para cubrir baixas como vacacións e moito máis nos departamentos que legalmente deben cubrir unha determinada ratio ao traballaren con nenos e nenas. Por iso o Comité de Empresa non perde ocasión de llo transmitir ao Concello por cantos medios pode para que quede constancia da situación do persoal e de que as boas formas do Concello non fan máis que agochar un grave problema de inoperancia na concellería de Persoal que está redundando de xeito moi negativo no traballo de todo o cadro de persoal laboral do Concello de Betanzos.

O Comité de Empresa solicita o recoñecemento para o persoal laboral nos casos de desempeño temporal de funcións

A asignación temporal de funcións é un tema que xa vén recollido no propio Estatuto Básico do Empregado Público e no Real Decreto 364/1995 mais até o momento no Concello de Betanzos non se vén aplicando ao persoal laboral, de xeito que cando un traballador con responsabilidades, encargado, director etc non está temporalmente no servizo por vacacións ou baixa non hai constancia documental de quen é a persoa responsable do servizo neses momentos.

Por iso o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG rexistrou un escrito no Concello onde lle indica que ten constancia de que o Concello realiza nomeamentos verbais nos distintos departamentos para o desempeño accidental de funcións superiores (encargados e directores/as) en caso de baixas, ausencias e vacacións e en ningún caso as persoas correspondentes perciben a gratificación correspondente pola diferenza de complementos, ademais indicoulle que os nomeamentos deste tipo deben realizarse por escrito e máis aínda cando nalgúns casos hai traballadores que levan realizando funcións de encargado sen ter un nomeamento por escrito nin cobrar as retribucións correspondentes.

Ademais, e logo de lle indicar ao Concello que no caso que ao funcionariado si que se lle estea aplicando o procedemento correspondente nos nomeamentos ocasionais e ao persoal laboral non o Concello pode estar incorrendo nun agravio comparativo, o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello que realice os nomeamentos temporais polo procedemento regulado e que empregue o mesmo sistema no caso de delegación temporal de funcións para o persoal laboral e funcionario.



03/06/11

Comezando...

Nestes días previos á conformación do novo Comité de Empresa dende a CIG do Concello de Betanzos andamos a recompilar información que nos sirva para afondar nas carencias e problemas que dende distintos departamentos nos achega o persoal laboral. Algunhas delas irémolas desmiuzando neste espazo de encontro entre os traballadores e traballadoras a través do que tamén vos podedes pór en contacto connosco.



Repasando o convenio vixente, reparamos en que no capítulo VI, onde nos fala de asistencia e permanencia no traballo, no punto 3 do artigo 9 onde se refire á xornada laboral indica o seguinte:



"A xornada realizarase con carácter xeral, de luns a venres, de 07:45 h a 15:00 h."


Comezamos a falar, pois, con distintos departamentos que nos confirmaron que comezan a xornada un cuarto de hora antes do que marca o convenio, é dicir, ás 07:30 h e rematan á mesma hora que o resto do persoal. Este cuarto de hora, que a primeira vista pode parecer non moi importante, non o é cando suma unha hora e cuarto á semana, cinco horas ao mes e sesenta horas ao ano. Estas sesenta horas ao ano que traballadores e traballadoras de distintos departamentos estarían a realizar son horas extras segundo o convenio vixente, posto que estarían feitas a maiores da xornada laboral de traballo, non obstante, nin aparecen recoñecidas como tal nin lles supoñen un adiantamento na hora de saída.


Certo é que por cuestións do servizo, habería departamentos que poderían ter un horario diferente que os demais, mais o que non é xustificable é que traballen sesenta horas máis ao ano que o resto do persoal laboral sen xustificación aparente.


Moitos máis son os asuntos que van xurdindo nos primeiros días, mais sempre necesitamos máis información, por iso, unha vez constituído o Comité de Empresa achegarémonos polos distintos departamentos para coñecer de primeira man, os problemas, as demandas e as eivas do persoal laboral do Concello de Betanzos e poder deseñar un plano de traballo para os vindeiros catro anos que recolla as vosas prioridades.


Lembrade que tendes o convenio aquí.

25/05/11

O convenio do persoal laboral

O convenio colectivo vixente do persoal laboral do Concello de Betanzos é o que se publicou no BOP (Boletín Oficial da Provincia) n.º 7 do martes 10 de xaneiro de 2006. Podédelo consultar premendo aquí.

Como sabedes xa hai bastante tempo que os membros do Comité de Empresa actual dicían que andaban a negociar un novo convenio mellorado, mais chegan unhas novas eleccións sindicais e o persoal laboral segue con este convenio de 2006 que é claramente superable. Dende a CIG, no caso de acadarmos representación no Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos, comprometémonos a traballar por defender nas mesas a negociación dun novo convenio e a súa aplicación a todo o persoal laboral.

O 30 de maio, vota á CIG porque estamos abrindo camiños!