13/10/13

O Comité de Empresa solicita o recoñecemento para o persoal laboral nos casos de desempeño temporal de funcións

A asignación temporal de funcións é un tema que xa vén recollido no propio Estatuto Básico do Empregado Público e no Real Decreto 364/1995 mais até o momento no Concello de Betanzos non se vén aplicando ao persoal laboral, de xeito que cando un traballador con responsabilidades, encargado, director etc non está temporalmente no servizo por vacacións ou baixa non hai constancia documental de quen é a persoa responsable do servizo neses momentos.

Por iso o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG rexistrou un escrito no Concello onde lle indica que ten constancia de que o Concello realiza nomeamentos verbais nos distintos departamentos para o desempeño accidental de funcións superiores (encargados e directores/as) en caso de baixas, ausencias e vacacións e en ningún caso as persoas correspondentes perciben a gratificación correspondente pola diferenza de complementos, ademais indicoulle que os nomeamentos deste tipo deben realizarse por escrito e máis aínda cando nalgúns casos hai traballadores que levan realizando funcións de encargado sen ter un nomeamento por escrito nin cobrar as retribucións correspondentes.

Ademais, e logo de lle indicar ao Concello que no caso que ao funcionariado si que se lle estea aplicando o procedemento correspondente nos nomeamentos ocasionais e ao persoal laboral non o Concello pode estar incorrendo nun agravio comparativo, o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello que realice os nomeamentos temporais polo procedemento regulado e que empregue o mesmo sistema no caso de delegación temporal de funcións para o persoal laboral e funcionario.



Ningún comentario:

Publicar un comentario