01/10/13

Resumo da última reunión co concelleiro de Persoal

Logo de que o Comité de Empresa solicitase por escrito información durante varios meses e non recibise resposta, ao igual que ante a paralización por parte do Concello da negociación do convenio, das bases de axudas sociais e un longo etcétera de temas pendentes, unha vez máis, solicitou unha reunión co concelleiro onde lle expuxo varios dos problemas laborais existentes e solicitou unha resposta do Concello aos conflitos. A continuación achegámosvos un pequeno resumo da reunión mantida:

Convenio

O primeiro punto da reunión foi o convenio, pola importancia e premura e pola deixadez do Concello xusto nun tema tan importante. Preguntouse cando se retomarían as negociacións do convenio e o concelleiro indicou que a mediados de outubro, cousa, que o certo é dubidamos, simplemente porque leva un ano e medio dicíndonos que en quince días e logo nunca é así. O que si que sorprendeu foi un dato novo, que o Concello estaba a ultimar a contratación dunha asesoría extrena, é dicir, unha empresa, para asesoralos tanto na negociación do convenio como para elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo; por tanto, logo de dous anos de negociacións do convenio muda a estratexia por completo e quere botar man dunha empresa externa para asesorar en temas que nos concernen aos traballadores municipais. Isto claramente tradúcese en que o Concello agora, logo de múltiples informes con diversas barbaridades, logo de ter que pagar dos petos dos betanceiros máis de 50 000 euros en concepto de salarios atrasados ao persoal readmitido e logo de todo o acontecido nos dous anos anteriores di que o persoal técnico municipal está desbordado (será por iso que o Comité de Empresa ten tantas solicitudes sen responder mesmo dende o ano 2011) e ten que recorrer tamén a empresa privada para se asesorar tomando nota da política dos gobernos de dereita. Con todo, independentemente de de onde veña o asesoramento, que toma as decisións é o goberno municipal, por iso consideramos que a negociación do convenio debe seguir o seu curso o máis axiña posible e así llo indicamos ao propio concelleiro de Persoal.


2. Axudas sociais

Unha vez máis o Comité expresoulle a súa preocupación polas promesas incumpridas sobre unhas novas bases de axudas sociais e lembroulle que o Comité xa fixo as súas achegas, e considera que as bases actuais deben ser obxecto dunha fonda revisión, tal e como indicou no escrito rexistrado, a maiores, quixo saber cando se vai convocar a Mesa Xeral de Negociación e solicitarlle ao Concello que informe en condicións e tempo sobre a convocatoria de axudas do ano 2013. Máis unha vez a resposta foi que agardaban chamar para a negociación este mesmo mes (a este paso en outubro segundo din se van amañar máis cousas que nos dous anos anteriores). Canto ás axudas correspondentes ao ano 2013 a convocatoria, nun principio, publicarase nos mesmos termos que en anos anteriores.


3. Atrasos non cobrados

O Comité solicitou información, tamén, sobre os atrasos do persoal ao que recentemente lle acaban de recoñecer a antigüidade no Concello, cuxa notificación chegou hai un mes e seguen a día de hoxe sen cobrar e parece ser que se debeu a un problema administrativo que estará solucionado nos vindeiros días (e pensamos nós, cando non hai problemas adminitrativos neste Concello se falamos en materia de persoal).

4. Solicitudes de traballadores

A maiores, comentáronselle varias solicitudes que transmitiron diversos compañeiros e mais incidiuse na importancia de que todo o persoal, independentemente do departamento ao que pertenza, debe ter o mesmo dereito á roupa de traballo que os outros compañeiros, e o Concello ten a obriga de pór a funcionar os mecanismos necesarios para que así sexa e que non aconteza que haxa compañeiros que leva máis dun ano sen recibir a roupa de traballo correspondente mentres que outros non teñen problema ningún coa equipación, trasmitímoslle que se o Concello tamén ten un problema de xestión neste tema debe solucionado para que non se vexan prexudicados sempre os mesmos traballadores.

6. 12 de outubro

En febreiro de 2013 tanto a CIG como o Comité de Empresa solicitaron a compensación do día 12 de outubro, a día de hoxe, case ás portas dese día entendíamos que a solicitude estaba denegada, por moito que ese tema se falase nunha Mesa Xeral de Negociación. O Concelleiro informounos de que nos vindeiros días sairá unha resolución da Alcaldía onde nos conceden un día de asuntos propios máis, logo da solicitude efectuada pola CIG, para o ano 2013. Dende o Comité, agardamos que isto se faga canto antes porque xa non está mal responder sete meses despois a unha petición dos delegados de traballadores. En canto estea publicada a Resolución todo o persoal tería dereito a un día libre máis a desfrutar antes do 15 de xaneiro de 2014.


7. Documentación non entregada ao Comité de Empresa

O Comité de Empresa volveu lembrarlle ao Concello que ten solicitada documentación que o Concello non lle dá entregado e non entendemos a que se debe, aínda que se nos poñemos a pensar mal nalgúns casos quizais sexa intencionado para tentar ocultar algunhas das irregularidades existentes. En primeiro lugar non se tivo resposta nin sequera á proposta de ultraactividade do convenio colectivo, solicitouse tamén unha táboa de salarios brutos de todo o persoal laboral, porque ademais lle entregaramos ao Concello unha copia das do 2010 para indicarlle que era o que solicitaba e o Concello segue sen lla entregar. Ademais, pediuse en múltiples ocasóns os cadros de valores das horas extras de cada traballador, que se entende que debe estar elaborado porque dubidamos que cada vez que alguén faga horas extras se poñan a calcular coa calculadora. Tampouco entregou o Concello o cadro coas retribucións do persoal readmitido onde se indique a categoría profesional, a denominación do posto e as funcións respectivas. O Comité está pendente tamén da relación actualizada de persoal co tipo de contrato de todo o persoal laboral e da relación de postos de traballo de carácter non permanente actualizada con toda a súa información.

A maiores, o Comité indicoulle ao concelleiro que observamos diferenzas na aplicación do recoñecemento da antigüidade, mentres que ao persoal que lle acaban de recoñecer os trienios recoñécenlle servizos previos ao últimos contrato, hai outro persoal que non lle aplicar o mesmo criterio e explicámoslle varios casos en concreto. O propio concelleiro indicou que o persoal que se vise nesta situación que o solicitase por escrito e o certo é que é unha mágoa que o Comité se teña que dedicar a mirar caso por caso os problemas retributivos de cada traballador mais só grazas a iso pódense observar os distintos problemas e facer as reclamacións pertinentes ante un Concello que pretende facerse o descoñecedor dos criterios desiguais que el mesmo leva aplicando anos.


8. Cobertura das baixas

Na última reunión que tivera o Comité de Empresa do concelleiro este indicáralle que o Concello ía cubrir a baixa de limpeza e a día de hoxe segue sen se facer, varios meses despois segue sen se facer, agora resulta que están pendentes dos informes dos técnicos, que deben ser os mesmos que din que non teñen a obriga de informar cando se contrata a persoal de empresas privadas para as oficinas municipais. Sábese o que supón neste Concello estar pendente dos informes do persoal técnicos, demorar as cousas ata que veña outra máis grave, porque cando se queren solucionar faise e punto, mais, polo visto, a limpeza dun colexio público non é prioritaria para o Concello de Betanzos.

A maiores, puxose ao concelleiro ao tanto da gravísima situación que está a padecer o persoal da Escola Infantil Municipal con motivo da diminución do número de traballadoras por diversas causas que está a redundar directamente neste servizo público e a provocar unha situación insostible no tempo e que o Comité, tal e como lle trasladou, considera que é de prioritaria resolución pola responsabilidade que supón o traballo das propias compañeiras e as circunstancias nas que se están vendo obrigadas a traballar e solicitámoslle ao Concello máxima urxencia na cobertura das baixas correspondentes relatándolle polo miúdo como está a afectar esta situación ao traballo diario da propia Escola Infantil Municipal. Agardamos, que o Concello recapacite tamén neste tema e lle dea solución pola vía da urxencia a pesar de levar xa moitos meses adiándoo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario