28/04/13

Constitución do Comité de Seguridade e Saúde


Como xa vos adiantamos neste blog, o venres constituíase o Comité de Seguridade e saúde, e queremos informarvos de que o goberno municipal comezou a reunión recoñecendo a súa controversia, e dicindo que o procedemento polo que eles aseguraban xa fora constituído non fora o adecuado, polo cal, dende o venres, de forma legal o Concello de Betanzos xa conta con Comité de Seguridade e Saúde.

Os delegados de prevención xa os nomeamos en varias ocasións, e os representantes do goberno son: Verónica Chaves, Daniel Pereiro, Antonio Vazquez e Diego Fernández, como secretario foi nomeado por parte do Goberno Antonio Vara.

O máis destacado da reunión é a predisposición do goberno en cooperar para mellorar todo o que se poida, polo menos de palabra ata o momento, xa veremos a partir de agora, pois xa nos ten acostumados a promesas que non cumpre.

Por outra banda queremos informarvos de que as revisións serán entre o 7 e o 10 de maio, ambos os dous incluidos, nunha unidade móbil que se instalará no Centro de Formación Ocupacional, e que serán revisións específicas, é dicir, adaptadas en función do sector de traballo, tal e como os delegados de prevención da CIG lle propuxeran ao concelleiro de persoal nunha reunión mantida con el o 22 de marzo.

Novas relacionadas:


A proba de que o concelleiro de Persoal mentiu




A CIG convoca este Primeiro de Maio baixo o lema “Partido Popular–Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”


Chama a mobilizarse para pór punto e final “a este roubo, a este saqueo contra a poboación máis débil, contra a clase traballadora”

A Confederación Intersindical galega convoca manifestacións, neste Primeiro de Maio, en todas as cidades e en moitas vilas de Galiza facendo un chamamento a parar as políticas deseñadas polo Partido Popular baixo o mandato da Unión Europea. Políticas que están a provocar unha cada vez maior perda de dereitos e o empobrecemento masivo da poboación. “Constantes reformas que nos deixan sen dereitos para darlles diñeiro aos bancos, ás grandes empresas, aos especuladores/as e aos corruptos/as”.
 CIG denuncia o ataque ás pensións, os dereitos no traballo abaratando o despedimentos, incrementando a xornada laboral, reducindo os nosos salarios, causando máis paro e pobreza. “Somos vítimas dos desafiuzamentos, perdemos o fogar, os aforros. Reducen as nosas prestacións por desemprego ao 50% a partir do sexto mes. Elimínanlle o dereito ao subsidio para maiores de 55 anos a centos de miles de persoas, suprimindo a cotización durante estes anos e, como consecuencia, castigando a pensión de todos e todas as que perderon o seu traballo”.
A central sindical denuncia tamén a redución das prestacións sanitarias atacando a saúde; a supresión de servizos e a privatización de hospitais para o negocio das empresas dos seus amigos; o poder que se dá ás mútuas para as baixas por enfermidade; o encarecemento da universidade para as fillas e fillos da clase traballadora, mentres dan centos de millóns ao ensino privado para os fillos e fillas dos ricos/as.


Pregúntase por que atacan sempre o gasto social con estas reformas e non atacan a inmensa fraude das grandes empresas do IBEX (Telefónica, Repsol, Santander, Iberdrola, Gas natural, BBVA e 28 empresas máis que segundo a Inspección de Facenda desvían por ano máis de 74.000 millóns de euros a paraísos fiscais. Ao igual que se pregunta por que non perseguen a fraude das grandes fortunas, os máis ricos, que segundo a propia Inspección levan a estes paraísos máis de 42.000 millóns de euros ao ano.

Lembra que o gasto social no Estado español (pensións sanidade, ensino, axudas, subsidios, etc) é un 15% menor que a media da Unión Europea e salienta que só para contentar a Europa estase a matar a industria galega, o naval, a pesca ou o noso sector agroalimentario, destruíndo miles de empregos na nosa nación.

Alerta de que xa se anuncian novas reformas, antes do verán, que terán como consecuencia máis paro e pobreza e fai un chamamento a frear esta situación. “Temos que paralos ou non teremos futuro, e peor será para os nosos fillos e fillas”.

Manifestacións convocadas

-A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo
-A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas
-A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio. Pardiñas, 137)
-Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro
-Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical)
-Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas.
-Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas.
Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe.
-Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa.
-Vigo: dende o cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas.
-Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas

24/04/13

Sinistralidade por concellos no primeiro trimestre do ano 2013


Datos de sinistralidade do primeiro trimestre de 2013 referidos a Galiza, desagregados por provincias e concellos.


De www.cigsaudelaboral.org

Preto do 50% das persoas que traballan nunha oficina adoptan posturas dolorosas ou que provocan fatiga.


Permanecer oito horas diarias sentado fronte a unha mesa pode supoñer un prexuízo para a saúde, xa que son moitos os problemas que xorden a causa do excesivo sedentarismo e as malas posturas.

O sedentarismo que levan consigo os empregos de oficina ocasiona numerosas disfuncións musculares e articulares que se ven agravadas pola mala postura que se adopta durante as horas que se permanece no posto de traballo.

Preto do 50% das persoas que desenvolven a súa actividade laboral nunha oficina declara traballar en posturas dolorosas ou que provocan fatiga. Un de cada cinco españois sofre dor crónica de costas e unha alta porcentaxe da poboación, o 80%, padéceo de forma esporádica, o que converte a esta doenza nun dos principais problemas médicos do noso país.

A orixe das malas posturas encóntrase, basicamente, na forma de sentarse fronte ao ordenador, a mala posición do colo e a cabeza, así como dos brazos e pulsos mentres se teclea. Estes factores provocan que o noso corpo este realizando un esforzo durante oito horas que leva consigo a contracción dos músculos e a consecuente sobrecarga das lumbares. Así, as zona máis castigadas por este tipo de problema son colo, ombros, ollos, zona lumbar, zona dorsal e cabeza.

A postura saudable

Cando se permanece nunha postura incorrecta durante moito tempo, algo moi frecuente na oficina, a columna vertebral perde a súa aliñación natural, e a mala postura causa movementos nerviosos, fatiga, tensión muscular nos ombros e o colo, dor de costas e de cabeza.

A hixiene postural e a ergonomía son eficaces para previr as dores de costas, xa que a súa finalidade é reducir a carga que soporta as costas durante as actividades diarias. Para adoptar unha postura saudable, en primeiro lugar é necesario substituír a postura estática pola de estar sentado en movemento activo. Para iso, o respaldo debe permitir certa flexibilidade, movéndose en pequenos ángulos sobre unha posición fixa.
En segundo lugar, é importante non permanecer sentado na mesma postura durante moito tempo seguido. É necesario cambiar de postura frecuentemente. Débense evitar xiros parciais. O correcto é xirar todo o corpo á vez. Tamén é conveniente levantarse e andar cada 45 minutos.

A cadeira

A cadeira é un dos aparellos máis importantes do lugar de traballo. Forza a manter unha postura correcta e a que a circulación sexa adecuada. Debe respectar as curvaturas normais das costas e débese adaptar á persoa, polo que debe ser regulable.

Para que a cadeira sexa saudable, o seu deseño debe responder a criterios ergonómicos e non só aos puramente estéticos, de modo que o usuario encontre no asento o apoio que necesita manter unha postura correcta e confortable.
Ademais de adaptarse á complexión física dos seus usuarios e favorecer a actividade que estes realizan, o que lles permitirá adoptar a postura correcto en todo momento.

Requisitos dunha cadeira saudable

A cadeira debe adaptarse ao seu usuario. Deberá estar dotada de xiro, mobilidade, regulación de altura do asento, regulación de altura do respaldo -para un apoio lumbar correcto- e regulación de altura dos repousabrazos. A altura do asento debe permitir apoiar firmemente os pés no chan, sen apreciar unha presión excesiva na parte inferior das coxas, preto dos xeonllos.

Respaldo. Debe posibilitar adoptar unha postura ergueita, brindando apoio ao madeiro na súa totalidade. É particularmente importante o apoio da área lumbar. O respaldo non debe ser demasiado ancho na súa parte superior, para que non reste mobilidade aos brazos. Debe dispoñer de certa curvatura, visto lateralmente, para adaptarse á forma das costas. Igualmente, recoméndase a posibilidade de regular en altura o respaldo ou, no seu defecto, a regulación da área máis saínte da curvatura lumbar do respaldo, de modo que a altura do apoio lumbar varíe entre un rango de, polo menos, 6 cm.

Profundidade do asento. A regulación de profundidade de asento pode ser importante para que persoas de distinta estatura se apoien comodamente no respaldo.

A cadeira debe ser segura. As cadeiras de traballo deben ser xiratorias e as súas bases han de estar dotadas de 5 raios para evitar o seu xiro. O centro de gravidade da cadeira máis o usuario non debe quedar fóra da superficie ocupada pola base en ningunha das posturas 'límite' que se adopten, dende a posición de sentado no bordo dianteiro do asento, co corpo inclinado cara a diante, ata a posición de máxima inclinación, cara a atrás do respaldo. Un desprazamento fortuíto da cadeira no momento no que o usuario vai sentarse podería ser perigoso; para evitalo existen sistemas de rodas 'autofreadas' que non avanzan cando non hai ninguén sentado nelas.

A cadeira debe posibilitar unha posición sentada dinámica. Debe adaptarse aos movementos do usuario. Recoméndanse sistemas que permiten a sincronización de movementos asento/respaldo e consigan que o usuario non perciba ningunha fricción nas costas.

Brazos regulables. Os repousabrazos son convenientes para dar apoio e descanso aos brazos e antebrazos. Un bo apoio de brazos reducirá a sensación de fatiga na área cervical. A súa lonxitude debe ser algo menor que a do asento para que non impida achegar a cadeira á mesa. Ademais, deben ser grosos e non deben ter bordos agudos.

Ademais da regulación de altura, é interesante que a anchura do brazo sexa tamén regulable e que os brazos poidan xirar para que o usuario poida colocar os brazos en distintas posicións, favorecendo deste modo que realice comodamente tarefas diferentes.

O asento non ha de ser excesivamente brando. Debe ser amolecido, pero proporcionar un apoio firme en toda a súa superficie. Os bordos dianteiros do asento han de dispoñer de curvatura axeitada para non oprimir a perna pola súa banda inferior e non obstaculizar a circulación do sangue nas pernas.
O tapizado e os materiais utilizados no respaldo, como a reixa, han de ser transpirables.

A proba de que o concelleiro de Persoal mentiu


O Concello leva meses dicindo que o Comité de Seguridade e Saúde estaba constituído dende o ano pasado, xa sen entrar en que se debe reunir cada tres meses, e mentíndolle abertamente aos delegados sindicais da CIG e a proba acaba de lla entregar hoxe mesmo aos delegados de prevención coa seguinte convocatoria que DEMOSTRA ABERTAMENTE AS VERGOÑENTAS MENTIRAS DO GOBERNO MUNICIPAL.



Por que demostra que mentiu? Porque se estivese constituído non se podía constituír este venres, e, o que é peor, que todo isto aconteza a raíz de que os delegados de prevención se visen na obriga de denunciar ao Concello ante a Inspección de Traballo, e ademais é vergoñento que este Concello só funcione en materia de persoal cando se ve entre a espada e a parede.

Aínda así, a pesar de que ter que aturar mentiras para chegar ata aquí, dende a CIG agardamos que isto sirva para que o Concello se decate de que a saúde laboral e a seguridade no traballo son temas prioritarios nos que a Administración pública debe ser exemplo e modelo, xa que ela mesma é a que lexisla, intervén e sanciona a outros entes.


Cursos de formación continua da CIG

CursoHorasDataComarca
Axentes Xudiciais Forestais30 horas13 de maio - 23 de maioCompostela
Linguaxe administrativa - Nivel Medio75 horas3 de xuño - 5 de xulloCompostela
Medios técnicos de protección e defensa contra incendios30 horas6 de maio - 23 de maioOurense
Linguaxe administrativa galega - Nivel Medio75 horas13 de maio - 25 de maioOurense
Sistema Operativo, búsqueda de información: Internet e correo electrónico 9 de setembro - 20 de setembroPontevedra
Aplicacións informática de tratamento de texto 30 de setembro - 11 de outubroPontevedra
Aplicación informáticas para presentacións: Gráficas de información 18 de novembro - 29 de novembroPontevedra
Deixámosvos unha táboa con algúns dos cursos de formación continua que se van realizar no ano 2013. A medida que se vaia confirmando e ampliando a oferta formativa iremos actualizando a dita táboa para mantervos informados.

Se precisades ampliar información podedes facelo nos locais da CIG das vosas respectivas localidades e nas dependencias de forGA na que vos informarán sobre a forma de inscrición, prazos,... e calquera outra dúbida que poidades ter.

O prazo de preinscripción abrirase en breve a través da plataforma telemática do Forga.

16/04/13

Reunión informativa da CIG o vindeiro 23 de abril

Reunión informativa 23 de abril by cigconcellobetanzos

Novas de saúde laboral


Non se someter ao recoñecemento médico pode ser motivo de despedimento


Negarse a pasar o recoñecemento médico que esixe a empresa pode custar o despedimento. Así o determina unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Extremadura, que aborda o caso dun vixilante de seguridade ao que a súa empresa destinou a unha obra dun cliente que esixía que todos os gardas pasasen unha revisión médica.

A empresa chegou a pedirlle ata en seis ocasións que se sometese á revisión e mesmo lle ofreceu diñeiro para o desprazamento, pero o traballador negouse reiteradamente.

Ao parecer, había constancia de que podía sufrir algún problema de xordeira, algo que podía supoñer un perigo, tanto para el mesmo como para terceiros, tendo en conta que o seu traballo se desenvolvía nunha obra nunha zona apartada, en horario nocturno, e que o vixilante traballaba cunha arma.

Segundo o tribunal, o recoñecemento, ao que o empregado se negou sen causa xustificada, non tiña por que conducir a negarlle a ocupación efectiva, senón que buscaba avaliar as deficiencias acústicas que sufría. A sentenza detalla que a súa negativa podía custarlle á compañía a perda de clientela ou unha responsabilidade empresarial en caso de que o empregado sufrise un accidente ou resultase danado un terceiro.

Desobediencia

Por todo iso, imputóuselle unha conduta de indisciplina ou desobediencia, sancionables co despedimento disciplinario, confirmando o tribunal que a súa actuación é "merecedora" desta máxima sanción.

Segundo sostén, a negativa reiterada a someterse ao recoñecemento médico supón un incumprimento grave e culpable das ordes empresariais. Afirma que a orde en cuestión nin é arbitraria, nin está inxustificada, nin é lesiva para o dereito á intimidade.


Seixo chama a preparar novas mobilizacións, sen descartar unha folga xeral antes do verán, ante o anuncio do PP de novas reforma


A CIG sae á rúa contra as últimas reformas que precarizan as condicións laborais da mocidade, dificultan as xubilacións anticipadas e o acceso ao subsidio a maiores de 55

A CIG celebrou esta tarde concentracións en todas as cidades para manifestar o seu rotundo rexeitamento ás últimas reformas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. Medidas que precarizan as condicións laborais da mocidade; que dificultan as xubilacións anticipadas e que endurecen as condicións para acceder ao subsidio a maiores de 55 anos. En Compostela, o secretario xeral, Suso Seixo, alertou de que o PP prepara unha nova batería de reformas que pretende aprobar no Consello de Ministro do 26 de abril, contra as que “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”, dixo.

O secretario xeral da CIG denunciou as últimas medidas aprobadas en Consello de Ministros. Nomeadamente o R.D. Lei 4/2013, do 22 de febreiro, polo que se aproba un plan de contratación a menores de 30 anos e modifícase a regulamentación das ETTs, entre outros, e o R.D. Lei 5/2013, do 15 de marzo, no que tamén se muda a regulamentación e requisitos para a xubilación parcial e anticipada; o fomento da xubilación en activo e recórtase o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos.

Para Seixo estas medidas non supoñen nada novidoso con respecto ao que veñen sendo as políticas do PP, “ recortar dereitos, proporcionar man de obra barata á patronal e sacar medidas especialmente duras cos sectores máis desfavorecidos e os que están a sufrir de forma máis directa as consecuencias da crise económica”, denunciou.
A este respecto subliñou a gravidade de aprobar unha nova regulamentación para os contratos a menores de 30 anos, subvencionados, que permiten salarios inferiores aos 500 euros e, nalgúns casos, mesmo sen dereito a prestación. Regulamentación que vén  empeorar as xa precarias condicións contempladas nos contratos de formación e prácticas.
Denunciou que se favoreza a contratación de xubilados/as mantendo o 50% da súa pensión, nunhas condicións moi beneficiosas para a empresa. Unha medida coa que se dificulta, dixo “a incorporación ao mercado laboral de traballadoras/es en paro e que é, na práctica, discriminatoria no sentido de que non todos os xubilados/as chegan a esa idade nas mesmas condicións físicas e económicas”.
Tamén denunciou que se retrase a idade de xubilación parcial dos 61 aos 63 anos, camiñando aos 65 anos para o ano 2027, así como o atraso da idade de xubilación anticipada: a voluntaria de 63 a 65 anos, con 35 anos de cotización e a forzosa, de 61 a 63 anos, con 33 anos de cotización. “Fórzase así a manter no emprego ás persoas de sectores que precisan dun forte desgaste físico e dificúltase o acceso ao emprego de parados/as”.
Xunto a isto, sinalou que se dificulta ou retira un dereito a un colectivo de traballadores/as dos máis afectados pola crise e con máis dificultades de volver a atopar emprego: o de maiores de 55 anos. “Para ter dereito ao subsidio de desemprego a renda per cápita familiar non pode superar o 75% do SMI e sofren un prexuízo duplo ao privalos duns ingresos, pero tamén dunha cotización para a xubilación”. Unha medida que para Seixo é exemplo da visión “clasista e elitista” da sociedade que ten o PP.
Máis reformas o 26 de abril
Respecto do anuncio dun novo paquete de reformas a aprobar no Consello de Ministros do vindeiro 26 de abril, advertiu que o que se pretende, por exixencia da UE, é abaratar máis o despedimento; rebaixar os salarios; subir os impostos indirectos e non revalorizar as pensións en función da carestía da vida.
Séguese a insistir nas políticas de sempre, que non serven para reactivar a economía e saír da crise. Políticas que pretenden que os custos da crise caian nas clases populares”, denunciou, “mentres a banca e as grandes empresas campan ás súas anchas, fan despedimentos masivos e seguen evadindo impostos a través dos paraísos fiscais”.
O secretario xeral da CIG lembrou que nestes anos incrementáronse os cartos depositados neses paraísos fiscais, que xa ascenden a 24 billóns de euros. “Estamos a falar pois dun goberno de monicreques, dun PP vinculado á corrupción e dunha UE ao servizo da banca. Unha UE que mentres exixe austeridade e duras reformas económicas, colabora na especulación coa débeda pública levando aos estados á ruína e empobrecendo a millóns de cidadáns”, concluíu.
Ante esta situación proclamou que o goberno do PP “non nos representa” e que esta UE, “non nos interesa” e fixo un chamamento a seguir a mobilizarse, atentos/as ás medidas que se aproben o día 26 porque se son segundo o previsto “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”.

Preséntase o Anteproxecto de Lei de Emprego Público, instrumento que permitirá uniformizar e intervir nas administracións


A CIG-Área Pública teme que se pretenda favorecer a mobilidade xeográfica, as amortización, regular horarios e retribucións reducindo persoal e servizos públicos


A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, convocou esta mañá ás organizacións sindicais para facer entrega do Anteproxecto de Lei de Emprego Público en Galiza. A CIG-Área Pública  manifesta a súa disconformidade co procedemento, co limitado tempo que teñen para analizar o contido, (15 días) e co que consideran que é obxectivo último do texto: contar cun instrumento uniformizador para, desde a Xunta de Galiza, poder intervir en todas as administracións


Na xuntanza, a propia conselleira especificou que o documento foi elaborado por un grupo de traballo conformado por persoas relevantes na Función Pública e conta coa avinza do resto das consellarías.

Segundo sinala a secretaria nacional de CIG-Administración e coordenadora da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, foi precisamente este procedemento o que provocou as primeiras queixas, que se presentaron practicamente ao comezo da xuntanza. “Foi elaborado por un grupo de traballo do que se excluíu ás/aos representantes das/os traballadoras/es, que logo pasou ao Consello da Xunta e do que coñecemos a súa existencia as organizacións sindicais a través dos medios de comunicación”.

Xunto a isto, e fronte á explicación da conselleira de que se trata dun texto co se pretende compilar toda a lexislación que atinxe ás administracións dependentes da Xunta de Galiza, o que se demandou, tanto por parte da CIG como por parte das outras centrais sindicais, foi que se botara a andar un marco de traballo para que se poidese desenrolar o Estatuto do/a Empregado/a Público/a, aprobado en 2007 e pendente aínda de aplicación.

A falta dunha análise polo miúdo do alcance do texto e do impacto que pode ter en cada administración, López Santamariña entende que con esta ferramenta estas quedarían homoxeneizadas. De feito, o Anteproxecto inclúe a administracións locais, persoal de servizos das universidades e ao conxunto de entidades públicas dependentes da Xunta de Galiza.

Polo que se explicou na xuntanza, tamén será de aplicación ao persoal docente e do SERGAS nos seus aspectos xenéricos, quedando excluído o persoal de Xustiza. Regula ademais o persoal directivo, centrándose no da propia administración, “pero non se vai regular ao dos entes e consorcios, que é precisamente onde hai máis arbitrariedade”, matiza López Santamariña.

A coordinadora da Área Pública da CIG sinala que entra tamén a regular aspectos como a xornada de traballo, conciliación, unifica procedementos  en materia disciplinaria ou en avaliación do desempeño do posto de traballo  para una suposta carreira profesional. Un aspecto, este último, a respecto do que sinala que “vai ser imposíbel que se poña en marcha porque non hai dotación económica”. A isto engade, canto a carreira profesional, que cando o PP tomou posesión na anterior lexislatura, o primeiro que fixo foi suprimila no SERGAS.

Persoal e servizos públicos

Á espera desa revisión do texto, López Santamariña adianta que “moito nos tememos que esta pretendida unificación da lexislación existente teña como fin último contar cun instrumento para favorecer a mobilidade xeográfica, facilitar a amortización de postos de traballo, regular horarios e mudar as retribucións. Un instrumento que afonde no camiño das privatizacións e da supresión de persoal e de servizos públicos”.

De feito, a secretaria nacional de CIG-Administración ve neste anteproxecto un mecanismo para poder intervir en todos os sectores e evitar que, por exemplo, haxa concellos que poidan tomar decisións que difiran das medidas impostas desde a Xunta.

Ante isto anuncia que a CIG presentará, á maior brevidade, unha valoración máis pormenorizada, denuncia a escasa marxe de tempo da que se dispón, tan só 15 días, e que alén de que se presente na Mesa Xeral non se faga consulta algunha ás distintas mesas sectoriais, que para algo existen.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar nulas as dúas sentenzas pendentes do persoal despedido do GRUMIR o ano pasado


O ano pasado, e logo de oito compañeiros e compañeiras demandaran ao Concello por despedimento improcedente ficou claro que a xustiza non sempre mide igual casos semellantes ao declarar en primeira instancia seis despidos como improcedentes e que supuxeron a posterior readmisión e outros dous como procedentes con dereito a recurso de suplicación.

A CIG presentou en tempo e forma o recurso á sentenza destes dous últimos casos e neste último mes o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar en ambos os dous casos a nulidade das sentenzas feitas en primeira instancia e obriga ao xuíz a ditar unha nova sentenza que integre os feitos probados e os datos acreditados para que se poida resolver de xeito oportuno o recurso de suplicación. Certo é que no momento que esas dúas sentenzas saíran á luz dende a CIG ficamos perplexos porque non contiñan moitos datos relevantes para declarar a improcedencia do despedimento ou non, e agora o Tribunal Superior corrobora esta impresión ao obrigar a ditar dúas novas sentenzas.

Agardamos, pois, que desta vez si que se faga xustiza e unha vez que isto se resolva poidamos dicir que a xustiza tratou por igual a todos os compañeiros e compañeiras, aínda que o certo é que, polo momento hai dous, que teñen que padecer un periplo xudicial que os anteriores non con todo o que iso supón e dende a Sección sindical queremos trasmitirlle ánimos porque sabemos o duro que foi que este colectivo se animase, por primeira vez na historia deste Concello, a demandar á Administración por un despedimento improcedente e ir abrindo tamén, pouco a pouco, o camiño a outros casos que se poidan dar no futuro para os que, a partir de agora, xa haberá precedentes.

Negociación e Mesa Xeral de Negociación


Ao final o tempo comeza a nos dar a razón. Non foi sen tempo, esforzo nin demandas, mais o Concello de Betanzos que parecía ata o momento non saber o que era a negociación colectiva fóra dos despachos e a porta pechada comeza a sentar as bases do que son os parámetros mínimos da negociacións lexisladas cos representantes sindicais. Fixeron falla moitas solicitudes, reclamacións, denuncias públicas e mesmo enfrontamentos, mais na última Mesa Xeral, o pasado 4 de abril cando todos os sindicatos con representación no Concello estaban alí, dende a CIG decatámonos da importancia do que motivamos; motivamos que tamén se movesen os sindicatos que ata agora tiveran representación mais nin estaban nin se lles esperaba, motivamos que o Concello argumente e se xustifique nun organismo onde todo é recollido nunha acta e cuxos acordos, no caso de seren ilegais poden ser levados ao xulgado (iso era imposible cos díxome-díxome e as reunións privadas nos despachos) e o que consideramos máis importante, a CIG motivou que queden de manifesto os agravios discriminatorios existentes entre o persoal deste Concello e que, como mínimo, ao Concello se lle caia a cara de vergoña coas distintas varas de medir que non lle quedou máis remedio admitir que ten.

Ao longo destas semanas dende a CIG puxémonos en contacto con persoal de distintos departamentos para lle trasladar as nosas preocupacións con respecto ao que pretende negociar o Concello no que ten que ver con xornada, horarios, permisos, vacacións, licenzas e excedencias, o certo é que xa nos parecía lesiva para os nosos dereitos a proposta que entregaron en xaneiro na Comisión Negociadora do convenio mais se aquela o era esta o é moi máis, xa case dubidamos que o PSOE local estea nunha carreira para asemellarse ao PP a nivel autonómico e estatal porque o certo é que xa hai tempo que dicimos que a súa política laboral nada lle ten que envexar á da dereita máis rancia.

En todo caso, dende a CIG oporémonos a calquera medida regresiva en materia de dereitos laborais non contemplados polas lexislación e moitísimo menos se non hai ningunha proposta sobre a mesa, e parece ser que non, de mellora en ningún outro aspecto, aínda así observamos na documentación varios erros, que puxemos de manifesto no organismo pertinente independentemente na nosa oposición a calquera medida regresiva.

Ata o momento, houbo dúas mesas, o día 27 de marzo e o día 4 de abril. Nos dous encontros o Concello amosouse un pouco perdido e temos que admitir que nos sorprende o descoñecemento da situación real dalgún persoal, ou, cando menos, iso é o que demostra, a isto lle temos que sumar o que consideramos unha falta de responsabilidade dalgún sindicato que se dedica a abandonar o organismo lexítimo de negociación dos traballadores, doutro que parece que máis que defender aos traballadores defende a postura do Concello e do outro sindicato con representación no Comité de Empresa que se dedica principalmente a se preocupar polas situacións particulares dos seus delegados no canto de se preocupar pola situación do colectivo do persoal laboral, o que tampouco é nada novo. Se algo quedou claro é que a CIG foi o único sindicato que fixo referencia ás compañeiras da Escola Infantil Municipal, ao compañeiros e compañeiras do servizo de limpeza, do Centro de Formación Ocupacional, do servizo de obras, xardinaría e de mantemento eléctrico e de todo o persoal laboral que traballa nos distintos edificios en xeral para poñer de manifesto que por moito que o Concello pretenda homoxeneizar unha serie de dereitos co funcionariado entre tanto as diferenzas salariais entre funcionarios e laborais sexan tan abismais NUNCA HABERÁ IGUALDADE POR MOITO QUE NOS QUEIRAN VENDER ESTE ACORDO COMO UN PASO MÁIS PARA CONSEGUIR ESTA.

A maiores de todo isto consideramos vergoñento que logo dun ano e medio de negociación do convenio o Concello non sexa quen de elaborar unha proposta con xeito e que inclúa todos os puntos necesarios e sempre intente tapar os furados con chapuzas como sempre se fixo aquí, nós, pola nosa parte, loitaremos por un texto que non deixe á imaxinación o menos posible e sobre o que o persoal se poida basear con firmeza á hora de exercer os seus dereitos.


Igualmente, dende a Sección sindical da CIG queremos agradecer todas as achegas que os compañeiros e compañeiras nos fixeron de cara a mellorar a proposta do Concello porque como temos dito moitas veces os delegados e delegadas sindicais trasmitímoslle ao Concello os problemas e podemos propor solucións mais cada traballador e traballadora é o que sabe das súas condicións particulares e é o primeiro elo da cadea de cara a poder buscar solucións aos problemas. Así mesmo, como aínda estamos á espera dunha nova convocatoria de Mesa Xeral de Negociación, e tendo en conta que aínda non foi aprobado nada aínda se poden facer suxestións de cara a facer mención na vindeira reunión.

Abrindo camños n.º 27

09/04/13

Concentracións contra o decreto para a contratación da mocidade, os recortes no subsidio a maiores de 55 e nas pensións



Este xoves, día 11 de abril, en todas as cidades de Galiza por volta das 20:00 ou 20:30 horas

A CIG convoca concentracións en cidades e vilas de toda Galiza este xoves, día 11 de abril, para manifestar a oposición da central sindical ás reformas aprobadas polo goberno no último mes. Reformas como o decreto para a contratación da mocidade; a autorización ás mutuas para dar altas de enfermidade; a das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e o recorte do dereito ao subsidio para maiores de 55 anos, que considera que provocarán máis pobreza e discriminación entre a clase traballadora.
So pretexto de favorecer a contratación de menores de 30 anos o Goberno de Mariano Rajoy autoriza, con carácter xeral, a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego.
Non satisfeito con isto, o Goberno ofrece a cambio importantes axudas ás empresas, ás que permite facer estes contratos para os que a CIG denuncia que previamente despedirán a outras/os traballadoras/es por calquera causa. “Poderán substituír a un/unha traballador/a antigo/a e maior por varios novos, precarios e baratos”.
Permite ademais ás ETTs facer estes contratos baratos e pagar con diñeiro público a empresas privadas que os xestionen en substitución do INEM.
Mutuas dando altas por IT
O Goberno xa presentou un borrador de decreto para que as mutuas dean altas nas IT por enfermidade. Deste xeito, o criterio parcial e interesado das mutuas precipitará a alta de persoas que non estean curadas, co risco para a saúde e maior indefensión ante un despedimento, por non estaren en condicións de traballar.
Reforma das pensións
Con esta nova reforma aumenta a idade para xubilarse anticipadamente e penalízanse os coeficientes de tal xeito que o desconto na pensión é moito maior, aínda que non sexa por causa imputada ao traballador ou traballadora. Aquelas persoas maiores despedidas ou afectadas por un ERE de extinción ou peche de empresa que non atopan traballo serán as especialmente castigadas.
Afectará tamén a traballadoras/es dos oficios máis duros e sempre tamén con menor salario que teñen limitacións físicas ou incapacidades e que non poden seguir traballando.
O ano pasado o PP xa reformou o subsidio daquela para maiores de 52 anos, elevouno a 55 e reduciu a cotización para a pensión. Agora deixarán a centos de miles de traballadoras/es se poder cobrar esta prestación e sen cotización para a pensión ao exixírenlles unha renda familiar inferior  a 967€.
Para a CIG isto é un ataque “ás/aos pobres, ás/aos desempregadas/os, á clase traballadora, reducindo gasto social para darllo á banca, aos seus amigos, aos ricos, para alimentar a corrupción no seu propio partido”.
Concentracións
A Coruña, ás 20:00 horas na Subdelegación do Goberno
Compostela ás 20:00 h. na Praza do Toral
Ferrol, ás 19:00 horas na Praza do Concello
Ourense, diante da Subdelegación do Goberno español ás 20.00 horas
Pontevedra, na Praza da Peregrina ás 20.00 horas
Vigo, na farola da Urzaiz ás 20.00 horas
Vilagarcía: ás 20:00 horas, na Praza de Galiza



2013 04 03 CartazReformas




Denunciamos un aumento excesivo da carga de traballo en distintos departamentos

Dende a Sección sindical da CIG, e logo das queixas de diversos compañeiros e compañeiras queremos denunciar publicamente o aumento excesivo da carga de traballo que o Concello está a propiciar nalgúns departamentos con motivo da súa negativa a cubrir as baixas nin as vacacións dos servizos básicos.

Ao impedimento de repoñer persoal nos postos vacantes por xubilación na Administración pública e amortización de prazas imposta pola taxa de reposición cero aprobada polo Partido Popular a nivel estatal temos que sumarlle a negación do PSOE de Betanzos a cubrir as baixas e as vacacións do persoal laboral dos servizos máis básicos como limpeza, axuda no fogar e gardaría. 

Esta reclamación xa foi feita na pasada Mesa Xeral de Negociación para poñer de manifesto a neglixencia do Concello na súa negativa a cubrir as baixas dos servizos máis básicos, que está a ter múltiples consecuencias para os departamentos afectados que son parcheados grazas á vontade dos traballadores e traballadoras que voluntariamente fan horas extras ou que redobran o seu traballo para tentar cumprir na súa xornada laboral co traballo de varias persoas. Esta situación, tal e como lle manifestamos ao Concello consideramos que é insostible no tempo tendo en conta que con menos persoal preténdense ofrecer os mesmos servizos, con mútiples xubilacións que están a se producir cada ano pretenden que o persoal realize o mesmo traballo independentemente do número de efectivos e iso é imposible e está a crear unha situación insostible, que redunda nun aumento das baixas e posterior aumento do problema.

Dende a CIG consideramos alarmante que o Concello queira aforrar cartos a base de aumentar cargas de traballo nalgúns departamentos e isto comeza a asemellarse a unha estratexia de privatización dun Concello que, ata o momento, tivera practicamente todos os servizos públicos, mais con cada vez menos persoal e un Concello que aumenta é obvio que o servizo non pode mellorar. Agardamos que isto a longo prazo non repercuta na privatización dos servizos públicos e o Concello sexa quen de recuar, decatarse de que as decisións que está a tomar repercuten directamente na saúde do cadro de persoal e están a conducir a unha situación cada vez máis insostible nalgúns servizos municipais.

Saúde laboral: Equipos de Proteción Individual

Os Equipos de Protección Individual son calquera equipo destinado a ser levado ou suxeitado polo traballador para que o protexa dun ou varios riscos que poidan ameazar a súa seguridade e a súa saúde, así como calquera outro complemento ou accesorio destinado a tal fin. A súa importancia radica en protexer ao traballador dos riscos laborais que non puideron ser eliminado logo da pertinente avaliación de riscos laborais, ata onde sabemos inexistente neste Concello.

Debido á importancia dos EPIs e a que, unha vez máis o Concello de motu propio non lle facilita esta información aos delegados de prevención da CIG víronse na obriga de solicitarlle ao Concello o catálogo de EPIs que precisan os distintos traballadores suxeitos a riscos específicos lembrándolle que o Real decreto 773/1997, de 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de Equipos de Protección Individual, publicado no BOE n.º 140 12/06/1997 é o que indica os criterios e as condicións que deben reunir os Equipos de Protección Individual e que os delegados de prevención teñen dereito a coñecer o catálogo de EPIs utilizados nos distintos departamentos do Concello e reclamar a reposición destes no caso de que sexa necesario.

Podedes consultar o Real decreto que regula os EPIs aquí:


Real Decreto EPIs by cigconcellobetanzos

Real decreto sobre as condicións mínimas dos lugares de traballo

Os delegados de prevención de riscos da CIG veñen de lle solicitar ao Concello información sobre as taquillas, aseos, duchas e vestiarios dispoñibles para os traballadores nas distintas dependencias municipais e todas aquelas disposicións mínimas que indica o Real decreto 486/1997 de lugares de traballo. Ademais, lembroulle que este indica as condicións mínimas que deben ter as instalacións para os traballadores en todo o que ten que ver coa protección, condicións ambientais, iluminación, servizos hixiénicos e locais de descanso, material e locais de primeiros auxilios. Ademais indicáronlle que a consulta e participación dos representantes dos traballadores sobre as cuestións a que se refire este Real Decreto deberase realizar de acordo co disposto no apartado 2 do artigo 18 da Lei de prevención de riscos laborais, e lembráronlle que como delegados de prevención non teñen ningunha información facilitada polo Concello correspondente ás distintas dependencias, as taquillas, aseos, duchas e vestiarios dispoñibles para os traballadores nas distintas dependencias municipais.

Podedes consultar o Real decreto aquí:


Criterios distintos para casos semellantes=discriminación manifesta

Que o Concello de Betanzos non ten un criterio uniforme no que ten que ver con tratar casos semellantes de igual xeito non é nada novo, que as horas extraordinarias hai departamentos ás que se nega a pagarllas e outros que non teñen problema ningún tampouco é nada novo, que o Comité de Empresa lle preguntase en múltiples ocasión cales son os criterios na escolla de pagamento ou non e o Concello NUNCA lle dese unha resposta por escrito e comunicase verbalmente escusas moi pouco convincentes e axustadas á realidade tampouco é nada novo. 

O que si que nos estraña máis é que haxa un informe da asesoría xurídica do ano pasado que indica a obriga do Concello de Betanzos a lle entregar a relación mensual de horas extraordinarias ao Comité de Empresa e NUNCA o faga así e sempre o faga despois das solicitudes do propio Comité, con moitos meses e retraso e con información que o Comité xa lle ten manifestado como deficiente por non conter nin sequera o número de horas realizadas. Porqué nos estraña? Porque cando ao propio alcalde se lle enche a boca a dicir que se viron na obriga de lle abrir un expediente a un compañeiro readmitido do GRUMIR, pola existencia dun informe previo, non entendemos porqué neste caso se lle fai caso ao informe mais para lle facilitar a información ao Comité non ou, por exemplo, para lle pagar os trienios A TODO O PERSOAL tampouco, cando tamén tivemos acceso a un informe do mesmo departamento que lembra que non se pode discriminar en función da relación contractual como indica o propio Estatuto dos Traballadores e faise referencia expresa ao tema do recoñecemento da antigüidade. Isto só é unha mostra de que CRITERIO NINGÚN E COHERENCIA MÁIS BEN POUCA, iso si MEDIDAS? SEMPRE AS QUE MENOS FAVORECEN AO TRABALLADOR, todo o contrario do que prescribe o dereito como tal.

Para o caso, unha vez máis o Comité lle tivo que lembrar ao Concello que o incumprimento desta obriga de información aos representantes dos traballadores é calificado no artigo 7.7. da LISOS (Lei sobre infraccións e sancións na orde social) como unha infracción grave, xa que o Concello debe pensar que as sancións e infraccións só se lle impoñen ao persoal aínda que a xustiza xa lle lembrase en varias ocasións o mal que xestiona este Concello a área de Persoal.

A total falta de responsabilidade do Concello no tema da saúde laboral

A saúde laboral e a seguridade no traballo é un tema de máxima importancia e que debería ser tratado como tal por parte da Administración pública como exemplo de cumprimento da lexislación vixente que lle exixe cumprir ás empresas privadas. Pola contra, polo que vimos observando asistimos a un caso de total deixadez e despreocupación por parte do Concello de Betanzos en calquera tema que teña que ver coa prevención de riscos laborais.

O feito de que logo de case dous anos o  Concello non fose quen de constituír o Comité de Seguridade e Saúde e de que isto obrigase aos delegados de prevención do persoal laboral a denunciaren ao Concello ante a Inspección de Traballo que o Comité que se debe reunir trimestralmente non se reuniu nos dous últimos anos, e ata case comezamos a ter dúbidas de que algunha vez existise no pasado desta Administración é unha boa mostra de que tristemente este Concello non funciona correctamente e só o fai a golpe de denuncia, demanda e sentenzas. É unha mágoa que ficasen no esquecemento aquelas palabras do concelleiro de persoal nunha entrevista do xornal da asociación de comerciantes nada máis tomar posesión onde dicía que a grande diferenza con respecto á etapa anterior sería que as portas estarían abertas ao persoal, non temos a certeza do que aconteceu na etapa anterior porque a CIG non tiña representación mais si que sabemos que na etapa actual o Concello interactúa cos representantes do persoal laboral a marchas forzadas e para nada facilita o seu traballo e un exemplo clarísimo é a total falta de colaboración cos delegados de prevención na facilitación de toda a información respectiva á saúde laboral e na nula vontade, á vista dos feitos, de reunir o organismo encargado de velar pola saúde laboral na Administración pública.

Queremos denunciar publicamente que o persoal do Concello de Betanzos leva catro anos agardando polas revisións médicas e temos respostas do concelleiro de Persoal que levan adiando estas dende o ano pasado. Ben sabemos que ao Concello non lle importa a saúde dos seus traballadores, mais estas revisións son importantes dende o punto de vista laboral e das enfermidades profesionais que padecen ou poden padecer nun futuro compañeiros e compañeiras de distintos colectivos especialmente suxeitos a riscos laborais. A maiores, outro dos temas que nin sequera debería ser tema de preocupación por parte dos delegados de prevención da CIG por se tratar algo do máis básico é a actualización dos botiquíns nas distintas dependencias que se lle reclamou ao Concello logo de observarmos nos botiquíns elementos caducados hai abondos anos e contemplarmos abraiados como persoal que por motivos laborais pode sufrir leves accidentes laborais (cortes, queimaduras etc) non dispón do material máis básico para facer as curas de primeiros auxilios.

Na última reunión mantida co concelleiro de Persoal con respecto a este tema indicámoslle a nosa preocupación con respecto a algunhas situacións que considerabamos de risco laboral para certo persoal e puxémoslle de manifesto que é hora de ter este tema en conta e non agardar a que haxa un accidente laboral grave para que o Concello corra a se gardar as costas, este tema é moi serio e consideramos que debe ser tomado como tal.

Aí van as mostras da inoperancia do Concello que demostran que os papeis pouco valen se os feitos non se levan a cabo, porque por poñelo nun papel non está feito o traballo nin nos damos por satisfeitos. Logo de agardar a resposta da Inspección de Traballo nesta primeira denuncia e en función dos pasos que dea o Concello os delegados da CIG valorarán se recorrer a ela para continuar coas denuncias dos incumprimentos Lei de prevención de riscos laborais e o incumprimento do principio de información, consulta e participación que o Concello ten cos delegados de prevención.