Amosando publicacións coa etiqueta Inspección de Traballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inspección de Traballo. Amosar todas as publicacións

24/02/16

Os delegados de prevención do persoal laboral valoran volver á Inspección se o Concello non acomete proximamente as melloras requiridas pola Inspección de Traballo para a Oficina de Turismo

Do 18 de decembro data o requerimento que a Inspección de Traballo provincial lle fixo ao Concello de Betanzos logo dunha denuncia dos delegados de prevención da CIG polo mal estado da Oficina de Turismo.

O 1 de marzo, tal e como podedes ver no documento enviado pola Inspección de Traballo ao Comité de Empresa do Concello de Betanzos, finaliza o prazo para que o Concello acredite as medidas adoptadas para atallar as 13 deficiencias que a Inspección detectou logo de ser alertada polos delegados de prevención e a día de hoxe as paredes seguen verdes, hai vexetación de feito, e mesmo molladas en ocasións e moitas das deficiencias sinaladas seguen sen se resolver. Recentemente os delegados de prevención preguntaron por este tema ao presidente do Comité de Seguridade e Saúde, Diego Fernández, que comentou que estaba valorando a instalación dun sistema de climatización e mais intentando atallar as restantes deficiencias mais o certo é que desde setembro de 2015 houbo tempo e tempo para solucionar os problemas.

Debido a isto, e logo de comprobar o estado das instalacións, os delegados de prevención da CIG están valorando, no caso de que non se solucionen as deficiencias proximamente volver á Inspección para lle comunicar o incumprimento dos requerimentos por parte do Concello. Polo momento, é a propia Inspección a que debe actuar e presentarse no Concello para comprobar as actuacións levadas a cabo pola Administración local e en función das novidades que haxa con respecto a este tema tomaranse as decisións oportunas sobre os pasos a seguir para tentar solucionar dunha vez por todas os problemas de acondicionamento da Oficina de Turismo municipal.

30/09/15

O Concello teima en converter en almacén municipal a entrada da Casa do Concello

Máis unha vez, e van varias nestes meses, o goberno municipal teima en converter a Casa Consistorial nun almacén, co risco que isto supón para os traballadores e traballadoras e a cidadanía que realiza as súas xestións no edificio.

A situación vense repetindo especialmente nos últimos meses ata o punto de que parece que o Concello ten interese de que as oficinas administrativas deixen de ser tal, se o que quere é pechar a Casa do Concello é responsabilidade súa mais o que é inconcebible é que utilice como almacén a entrada dunhas dependencias municipais nas que continuamente acoden persoas.

As queixas sucédense e a situación cada vez vai a peor pola desidia dun goberno ao que non lle importa nin o máis mínimo as condicións laborais do persoal. Tal é así que logo de falalo en varias ocasións e solicitalo por escrito o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiulles unha vez máis aos representantes dos traballadores ao asegurar no pasado mes de agosto que en setembro se convocaría o Comité de Seguridade e Saúde, que xa leva perto dun ano sen se convocar e no que aínda mesmo non se informaron das medidas tomadas logo do expediente aberto pola Inspección de Traballo provincial no caso da Oficina de Turismo.

Desde a CIG lamentamos esta actitude do goberno municipal en todo o que ten que ver coa seguridade e saúde laboral do seu persoal e no caso de que proximamente no convoque o Comité de Seguridade e Saúde verémonos na obriga de acudir de novo ante a Inspección de Traballo, ao non nos deixar máis opcións que recorrer a administracións de fóra cando nesta ignoran aos representantes dos traballadores.

23/09/15

A Inspección de Traballo dálle a razón aos delegados de prevención da CIG unha vez máis

Logo de que os compañeiros delegados de prevención da CIG do anterior Comité de Empresa presentasen unha denuncia na Inspección de Traballo polas insalubre condicións da Oficina de Turismo, a Inspección de Traballo, logo da visita oportuna vén de remitir unha comunicación onde lle dá a razón aos delegados da CIG e lle require ao Concello unha morea de actuacións que debe acometer no local para este reúna as condicións de salubridade e seguridade aceptables.

Desde a CIG consideramos completamente lamentable que logo de anos alertando da situación houbese que acudir á Inspección de Traballo para que corrobore as nosas críticas ás condicións en que traballa o persoal adscrito ao servizo e que o Concello siga sen solucionar a situación e queremos que sexan de coñecemento público as deficiencias preventivas confirmadas no informe elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos da Inspección de Traballo e os requerimentos que o organismo lle fixo á Administración local:

1. Efectuar as oportunas revisións e verificacións da instalación eléctrica.
2. Sinalizar oportunamente os cadros eléctricos.
3. Tapar oportunamente os cadros eléctricos para evitar contactos directos.
4. Elevar a caixa de conexións para evitar riscos durante as tarefas de limpeza.
5. Elaborar e implementar un plan de urxencia e evacuación do centro de traballo.
6. Revisar o extintor do centro.
7. Sinalizar os equipos de extinción e as vías e saídas de evacuación.
8. Mellorar as condicións de iluminación, especialmente no posto de PVD e no mostrador de atendemento ao público.
9. Manter as condicións termohigrométricas do centro de traballo, especialmente con relación á humidade deste.
10. Mellorar as condicións de orde e limpeza do centro de traballo, prestando especial atención a:
Eliminación do verdín das paredes.
Localización dos materiais en estanterías.
Localización dos produtos e útiles de limpeza nun armario específico e oportunamente sinalizado.
Dispoñer dun cartel de sinalización do solo húmedo.
11. Eliminar os reflexos do posto de PVD.
12. Facilitar repousapés para a realización de actividades nos postos de traballo con PVD.
13. Facilitar aos traballadores formación e información preventiva específica dos riscos do seu posto de traballo.

Aquí tendes a resposta da Inspección de Traballo ao completo:


07/05/15

Denuncia na Inspección por incumprimento na normativa sobre as condicións dos espazos de traballo

Os delegados de prevención da CIG presentaron nos pasados días unha denuncia na Inspección de Traballo polas condicións da Oficina de Turismo.

Este tema foi falado en diversas ocasións co goberno ao longo destes anos sen solución aos diversos problemas, ademais se a isto lle engadimos que logo de que o Concello de Betanzos leve desde outubro de 2014, é dicir, 8 meses, sen convocar a reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que por lei debe reunirse trimestralmente, levaron a tomar a decisión de poñer en coñecemento da Inspección de Traballo da Coruña as condicións deste espazo de traballo que incumpren diversa normativa en materia de seguridade e saúde laboral.

En concreto, os compañeiros achegáronlle á Inspección fotografías do estado das paredes do devandito centro de traballo, que demostran que a humidade do lugar. A temperatura excesivamente alta deste centro tamén é algo que se nota nada máis entrar e se a isto lle sumamos problemas de ventilación, que non ten servizo hixiénico, unha iluminación escasa e que non dispón de saída de urxencia, os delegados de prevención da CIG non podían deixar correr esta situación á vista de que o goberno municipal pasa amplamente de convocar o Comité de Seguridade e Saúde e de que os compañeiros finalizan o mandato en calidade de delegados o vindeiro 2 de xuño e o novo Comité será o que escolla os novos delegados de prevención de riscos laborais.

A situación de varios centros municipais causou diversas denuncias nestes anos, mais no eido da seguridade e saúde laboral fica un traballo aínda moi grande á vista das deficiencias que demostran algúns centros de traballo, como é o caso do que se puxo en coñecemento nesta denuncia.

En concreto, no escrito presentado, faise referencia á seguinte lexislación:

Real Decreto 286/2006 de 10 de marzo sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído.

Convenio 148 da Organización Internacional do Traballo relativo ao medio ambiente no traballo 24 de novembro de 1980.

Directiva 89/654/CEE (30 de novembro) de 30 de novembro de 1989, relativa ás disposicións mínimas de seguridade e de saúde nos lugares de traballo 

Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, artigo 20, sobre medidas de emerxencia.

Real Decreto 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, con respecto ao cal habería que lembrar especialmente os artigos 3, 5, 7, 8 e 9 e os anexos 1, 3, 4 e 5 que indican o seguinte:

3. "En calquera caso, os lugares de traballo deberán cumprir as disposicións mínimas establecidas no presente Real Decreto canto ás súas condicións construtivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización, instalacións de servizo ou protección, condicións ambientais, iluminación, servizos hixiénicos e locais de descanso, e material e locais de primeiros auxilios"
5. "O orde, a limpeza e o mantemento dos lugares de traballo deberá axustarse ao disposto no anexo II".
7. "A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non deberá supor un risco para a seguridade e saúde dos traballadores. A tal fin, as ditas condicións ambientais e, en particular, as condicións termohigométricas dos lugares de traballo deberán axustarse ao anexo III"
8. "A iluminación dos lugares de traballo deberá permitir que os traballadores dispoñan de condicións de visibilidade adecuadas para poder circular por estes e desenvolveles neles as súas actividades sen risco para a súa seguridade e saúde."
9. "Os lugares de traballo deberán cumprir as disposicións do anexo V canto a servizos hixiénicos e locais de descanso".
Anexo 1. Condicións de seguridade nos lugares de traballo
"As vías e saídas de evacuación, así como as vías de circulación e as portas que dean acceso a elas, axustaranse ao disposto na súa normativa específica."
"En caso de perigo, os traballadores, os traballadores deberán poder evacuar todos os lugares de traballo rapidamente e en condicións de máxima seguridade. As portas de emerxencia deberán abrirse cara ao exterior e non deberán estar cerradas, de forma que calquera persoa que necesite utilizalas en caso de urxencia poida abrilas facilmente e inmediatamente."
Anexo 3. Condicións ambientais dos lugares de traballo.
"A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non debe supor un risco para a seguridade e a saúde dos traballadores. Nos locais de traballo cerrados deberán cumprirse, en particular, as seguintes condicións:
a) A temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre os 17 e os 27 ºC.
A humidade relativa estará comprendida entre o 30 e o 10 por 100, agás nos locais onde existan riscos por electricidade estática nos que o límite inferior será o 50 por 100"
"Anexo 4. Iluminación dos lugares de traballo.
"A iluminación de cada zona ou parte dun lugar de traballo deberá adaptarse ás características da actividade que se efectúe nela."
Anexo 5. Servicios hixiénicos e locais de descanso
"Os luagres de traballo disporán de retretes, dotados de lavabos, situados nas proximidades dos postos de traballo"

Real Decreto 488/1997 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización.

28/10/14

Última reunión do Comité de Seguridade e Saúde

Tal e como vos contabamos logo de moitos meses e unha denuncia na Inspección de Traballo o Concello convocou o Comité de Seguridade e Saúde.

Nesta reunión, o representante da mutua coa que ten concerto o Concello informou de que se realizarán as avaliacións de riscos laborais pendentes e realizarase un seguimento con visitas nos centros nos que xa se realizou a avaliación de riscos para comprobar se se instalaron as medidas preventivas. Con respecto a este último punto temos serias dúbidas de que o Concello implantase nin unha soa das medidas preventivas que se contemplan nas avaliacións de riscos laborais realizadas pola mutua mais nas visitas comprobarase se foi así ou non.

A maiores o concelleiro de persoal, Diego Fernández, informou de que se ampliou o contrato de cara a seguir coas avaliacións e que tamén xa está concluído o Plan de autoprotección da Escola Infantil Municipal, tamén informaron que realizarán na gardería un simulacro e formarán ao persoal neste aspecto.

Polo que respecta ás deficiencias dalgunhas instalacións municipais, como é o caso da Oficina de Turismo, o concelleiro de Persoal apelou a que as medidas que se tomen serán sempre dentro do contexto do edificio Liceo coma un todo, e mesmo xustificou a non necesidade dun servizo na oficina por dispoñer o propio Liceo del. En todo caso, dende a CIG lembraronlle que as condicións de humidade e iluminación non son nada recomendables e insistiuse na necesidade dunha saída de urxencia e de que esa oficina se dote das medidas preventivas necesarias unha vez que os riscos están avaliados.

Outro dos temas recorrentes é o estado da nave de Obras, xa que na actualidade mesmo nos teñen informado que se utiliza de almacén por parte de persoal dunha empresa á que o Concello lle contrata ultimamente multitude de servizos relacionados coas obras e o mantementos, e se o local foi clausurado polo Concello logo dunha visita da Inspección de Traballo e o Concello o pretende utilizar de almacén debería avaliar os riscos como tal para tomar as medidas preventivas oportunas. Canto ao persoal do Concello o concelleiro de Persoal deixou claro que o persoal municipal non pode entrar nesa nave polo seu estado de posibles derrubamentos e dende a CIG solicitámoslle que colocasen un cartel na portal que informase de que o paso estaba prohibido porque entendiamos que o persoal está a recibir ordes contraditorias con respecto á posibilidade ou non de uso deste local que, insitimos, está en ruínas, e no que xa se produciu un derrubamento.

Outro tema importante é o estado do espazo do traballo de pintor, que traballa con produtos químicos canceríxenos e cuxo uso e almacenamento está regulado pola lei, e para nada debería traballar nun espazo onde pasen traballadores continuamente expostos a eses produtos e sen a existencia de medidas preventivas ningunhas. Dende a CIG trasladámoslle ao Concello a nosa preocupación por esta situación e porque o Concello tome cartas no asunto e se comece a preocuparse pola seguridade e saúde laboral do seu persoal.

Tamén se fixo unha solicitude explíticita da necesidade de que neste Concello se inicien as avaliacións psicosociais e propúxolle comezar polo persoal do CEIP Francisco Vales Villamarín á vista das últimas baixas por depresión que se están sucendendo, ademais de que se instou ao Concello a que fixese estas análises porque é posible que unha mala organización do traballo e un exceso de carga laboral sexan tamén desencadeantes deste tipo de situacións.


Finalmente a CIG expuxo a falta dalgúns Equipos de Protección Individual para realizar determinados traballos específicos e da necesidade de que todo o persoal que o necesitase tivese uns vestiarios en condicións e duchas de auga quente tal e como recolle especificamente a lexislación laboral vixente en materia de saúde laboral.  

23/10/14

Por fin, o Concello convoca o Comité de Seguridade e Saúde a petición da CIG

Segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais do ano 1995 o Comité de Seguridade e Saúde ten a obriga de reunirse, como mínimo, cada tres meses. Neste Concello e ata a chegada deste Comité de Empresa non hai constancia documental de que nunca se chegase a constituír nin de que os anteriores Comité tivesen, nin sequera, designados delegados de prevención de riscos laborais, tal e como era a súa obriga.

Logo dunha denuncia na Inspeccióndos delegados de prevención o Concello xa hai un tempo viuse naobriga de constituílo, dende aquela comezouse a tratar levemente estes temas máis importantes, aínda tendo en conta que son moi complicados e vai levar un tempo que todo se desenvolva con normalidade, tal e como sería de esperar nunha Administración pública. Neste ano 2014 o Comité levaba sen se reunir dende o mes de xaneiro, logo de que a Inspección o apercibira pola penosasituación das obras na Casa Consistorial e tanto dende o Comité de Empresa como os delegados de prevención da CIG solicitaron en diversas ocasións que así se fixese, mesmo se viron na obriga devolver á Inspección de Traballo para denunciar que este organismo non se reunía coa asiduiadade mínima a que obrigaba a lei. A propiaInspección respondeu indicando que o Concello admitía abertamentenon cumprir os prazos e lembroulle ao Concello as súas obrigas enmateria de prevención de riscos laborais.

Logo e todo este periplo para que o Concello cumpra a lei a semana pasada dende a CIG volveuse a insistir tanto verbalmente como por escrito en que había que convocar o Comité de Seguridade e Saúde e propúxoselle ao Concello unha serie de puntos na orde do día, aí tedes a solicitude realizada polo delegado de prevención da CIG:

Onte mesmo e para mañá o Concello acaba de convocar o Comité de Seguridade e Saúde para tratar os temas solicitados por parte da CIG, ademais, de algún outro que xa levaba meses pendente. Para alén de que o Concello terá que dar conta das avaliacións de riscos laborais e os plans de prevención de riscos laborais pendentes, trataranse especialmente as deficiencias dalgúns centros de traballo, como nomeadamente as condicións infrasaudables da Oficina de Turismo, un espazo de traballo sen servizo, sen saída de urxencia, con escasa iluminación e uns niveis de humidade pouco recomendables para a saúde de calquera traballador. Outro tema fundamental será que no local de Obras clausurado  logo da visita da Inspección de Traballo segue entrando persoal e que temos serias dúbidas sobre que as condicións de traballo do pintor e da situación dos produtos tóxicos (hai que lembrar que o Concello tamén tivo que trasladar ao pintor logo de que Inspección visitase as instalacións de Bellavista) sexa a máis adecuada. Os vestiarios, ou máis ben, a falta deles en moitos servizos que o deberían ter será outra das reclamacións e a necesidade de comezar coas análise psicosociais, un tema sobre o que nunca se ten tratado neste Concello e que consideramos de máxima importancia tendo en conta como a mala organización do traballo, especialmente nalgúns departamentos, está a repercutir na saúde do persoal.


Se algo está claro é que neste ámbito aínda se están a dar os primeiros mais necesarios pasos, mais tamén está claro que ao resto dos sindicatos non lles debe interesar moito porque de non ter ido a CIG en varias ocasións á Inspección de Traballo hoxe nin estaría constituído o Comité de Seguridade e Saúde nin se estaría comezando a falar deste tema tan importante, porque a fin de contas, ninguén pode discutir a importancia da seguridade e a saúde no traballo.

24/07/14

A CIG denuncia unha vez máis ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Traballo por un caso de posible cesión ilegal de traballadores

Nos pasados días a Confederación Intersindical Galega presentou na Inspección de Traballo provincial unha denuncia por un posible caso de cesión ilegal de traballadores que se está a producir na Casa do Concello. Na denuncia infórmase ao entre provincial que na Casa do Concello hai unha traballadora da que se descoñece a existencia de contrato laboral co Concello de Betanzos e que realiza o seu traballo diario ás ordes doutro empregado municipal, ademais dispón dun dos despachos da Casa do Concello e mesmo recibe xente, ten reunións, e realiza as chamadas e xestións dende o edificio municipal.


A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos puxo, nos pasados días, esta situación en coñecemento da Inspección e solicita que se adopten as medidas oportunas para aclarar a situación desta traballadora por se puidese haber algún tipo de cesión ilegal de traballadores. Ademais, queremos denunciar publicamente o grao de privatización ao que se está chegando no Concello de Betanzos, cando nas propias oficinas municipais traballa persoal de empresas privadas, utilizando instalacións e recursos públicos e recibindo ordes de persoal do Concello, o goberno municipal do PSOE está empeñado en privatizar esta Administración local e as consecuencias das súas decisións chegan ata límites inesperados..

A Inspección de Traballo advírtelle, unha vez máis, ao Concello, das súas obrigas en materia de prevención de riscos

Achegámosvos a resposta da Inspección de Traballo á denuncia realizada con motivo da non reunión do Comité de Empresa en xa case seis meses, cando segundo a Lei 31/1995 se debe reunir cada tres meses. O Concello admite que os feitos denunciados son verdade e apela a unha falta de tempo polo exceso de carga laboral, que xa case vén a ser unha escusa tan socorrida como o "sempre se fixo así" do concelleiro de Persoal. Dende a CIG non dubidamos da carga de persoal neste departamento mais xa non a admitimos como escusa válida tendo en conta que nesta lexislatura se puxo unha persoa de reforzo, privatizouse todo o relativo a convenio, RPT, e case calquera Mesa Xeral, polo que puidemos ver na última reunión, e o Comité de Empresa leva meses sen recibir documentación. Se a isto lle  sumamos o que indica a Inspección, que entre administracións públicas non se poden sancionar o panorama é desolador para os empregados da Administración pública que, polo que parece, estamos en inferioridade de condicións en materia de seguridade e saúde laboral fronte á empresa privada á que Administración pública si que lle exixe ter á empresa privada... iso si, sempre ata que pase algo que logo, total, quen sufre as consecuencias é o persoal e quen paga as posibles indemnizacións @s contribuíntes.

22/05/14

Presentada unh nova denuncia na Inspección de Traballo

Logo de que o Comité de Seguridade e Saúde leve máis de tres meses sen reunirse, tal e como debería segundo indica a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais; logo tamén de que os delegados de prevención da CIG  solicitaran no pasado mes de abril que se reunise o devandito Comité sen éxito ningún e sen que nin sequera o Concello se puxese en contacto cos delegados de prevención desde hai case máis dun mes; nos pasados días decidiron acudir de novo á Inspección de Traballo.

Na denuncia presentada na Inspección Provincial infórmase ao ente de que os delegados de prevención da CIG do Concello de Betanzos denuncian ao responsable de recursos humanos e/ou de prevención de riscos laborais do Concello porque o Comité de Seguridade e Saúde, constituído xa o 26/04/2012 logo doutra denuncia na Inspección provincial, porque xa o goberno municipal teimaba en non constituílo daquela, debe reunirse, como mínimo, cada tres meses e de forma repetida dende o ano 2012 son os delegados de prevención os que instan ao Concello cada vez que é procedente para que reúna o devandito órgano e este faino moito tempo despois e case sempre fóra de prazo.

Parece que ao Concello tanto lle teñen os apercibimentos da Inspección provincial que avalan o traballo dos delegados de prevención da CIG, obviamente iso significa que tanto lle ten a seguridade e a saúde laboral do persoal, como sempre se di "ata que non pase nada" mais á CIG si que nos importa porque consideramos que é crucial que as condicións de traballo do persoal en materia de seguridade e saúde sexan as óptimas e o Concello tome conciencia disto, por iso, se ao goberno non lle importa, acudiremos as veces que sexa necesario á Inspección provincial para que teña coñecemento do que pasa nesta Administración local, que por moi forte que soe constituíu un Comité de Seguridade e Saúde por primeira vez no ano 2012 e a instancias da CIG, cando a Lei que obriga á existencia deste organismo encargado de velar pola seguridade e saúde do persoal é do ano 1995... coidamos que con este dato cómpre non dicir máis nada, fala por si só.

24/04/14

A Inspección de Traballo apercibe ao Concello polas irregularidades das obras da Casa Consistorial

A Inspección de Traballo vén de lle responder aos delegados de prevención da CIG con respecto á denuncia realizada polas obras que se levaron a cabo hai uns meses na Casa Consistorial. No informe remitido a Inspección provincial constata o incumprimento da normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais por parte do Concello e procede á requirir ao Concello para que non volva incorrer nestas irregularidades, e textualmente indica:
"O Concello non levou a cabo a o intercambio de información coa empresa subcontratada para a execución dos traballos de pintura, sen proceder, así mesmo, a avaliar os riscos que ditas actividades supoñían para os traballadores do Concello, que desenvolvían simultaneamente as súas actividades laborais neste. Sen que procedese tampouco a informar debidamente aos delegados de prevención sobre os riscos existentes e medidas correctoras a adoptar."

Recomendámoslle aos responsables da prevención de riscos laborais deste Concello algunhas lecturas sobre a coordinación de actividades empresariais como esta e estoutra, non estaría mal que no ano 2014 se comece a aplicar a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais case vinte anos despois.

10/02/14

O Parlamento Europeo avoga por unha Inspección de traballo eficaz

O pasado día 14 de xaneiro, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución titulada "Inspeccións laborais efectivas como estratexia para mellorar as condicións de traballo en Europa

 Entre as máis de cincuenta recomendacións eliximos tres que nos parecen particularmente relevantes:

[O Parlamento] destaca que, se ben as inspeccións de traballo constitúen un labor de servizo público que soamente deben desenvolver organismos públicos independentes, isto non debe excluír que estas inspeccións se realicen coa axuda de representantes dos interlocutores sociais; considera que se debe garantir a independencia dos servizos de saúde e seguridade no traballo con respecto ao empregador; considera que, en materia de saúde no traballo, a vixilancia, as alertas, os coñecementos sanitarios e os bos consellos en materia de saúde só poden ser tarefa de profesionais da saúde e da seguridade independentes; considera lamentable que, nalgúns Estados membros, a xestión dos servizos de saúde e seguridade no traballo siga estando en mans de asociacións de empresarios; pon de relevo que a inspección e o control da saúde no traballo de debe ser competencia de inspectores independentes con formación en materia de saúde e seguridade;

[O Parlamento] subliña o papel fundamental que desempeñan os organismos de inspección de traballo na prevención e o control, así como que tamén contribúen a reforzar os coñecementos e a divulgación da información a nivel das empresas; insta aos Estados membros a incrementar o persoal e os recursos dos organismos nacionais de inspección de traballo, a alcanzar o obxectivo dun inspector por cada 10.000 traballadores, de conformidade coas recomendacións da OIT, e a reforzar as sancións contra as empresas que non respecten as súas obrigas en materia de dereitos fundamentais (salarios, xornada laboral e saúde e seguridade no traballo); estima que as sancións nestes casos deben ser efectivas, disuasorias e proporcionadas;

[O Parlamento] avoga por endurecer as sancións ás empresas que incumpran as súas obrigas en relación cos dereitos fundamentais dos traballadores, e considera que as devanditas sancións deben ter un efecto suficientemente disuasorio que permita garantir que o empregador non poida en ningún caso beneficiarse se elude observar as normas vixentes en materia de saúde e seguridade no traballo; pide aos Estados membros que revisen os seus sistemas de fixación de sancións para que o nivel da multa sexa proporcional aos danos e que garantan que estea por enriba dos beneficios obtidos ao eludir as normas.


Fonte: Parlamento Europeo

13/01/14

Convocatoria da Inspección de Traballo ao Comité de Seguridade: ausencia de UGT e CSIF e reproches á actuación do Concello por parte da autoridade laboral

O pasado venres a Inspección de Traballo provincial convocou a todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos con motivo da denuncia realizada polos delegados de prevención da CIG con respecto ás obras realizadas na Casa do Concello.

En primeiro lugar, o panorama que atopou a delegada de prevención da CIG pode considerarse unha imaxe do que está a acontecer a nivel sindical neste Concello, tanto UGT como CSIF ignoraron abertamente a convocatoria da Inspección de Traballo non asistindo e deixando co cú ao aire aos traballadores que supostamente representan, ademais a non asistencia é un apoio implícito á empresa, neste caso o Concello, e un aval á súa política en materia de seguridade e saúde, é dicir, case que escusan volver ás reunións do Comité de Seguridade e Saúde facer o paripé cando a máxima autoridade laboral no tema os convoca por un problema do Concello e deciden non asistir.

Se a isto lle sumamos que nin un só dos membros do Comité por parte do Concello se dignou asistir redondeamos o panorama ata caer na conta de que a saúde e a seguridade do persoal laboral do Concello non lle importa nin o máis mínimo a esta Administración local, nin ao concelleiro de Persoal nin ao propio alcalde. Por parte do Concello enviaron a un compañeiro funcionario que nin é do Comité de Seguridade e Saúde nin estaba informado sobre o tema, o que nos parece isto, se é posible, aínda máis vergoñento, é que o goberno municipal utilice aos traballadores públicos para dar a cara por eles cando non son quen de facer ben o seu traballo e se agoche nos seus despachos no canto de dar a cara diante da autoridade laboral.

Ante este panorama, a compañeira delegada de prevención e o asesor nesta materia da CIG asistiron a unha reunión onde o Concello tiña que presentar o libro de visitas, o Plan de Coordinación de prevención de riscos laborais coa empresa subcontratada e o informe de información presentado aos delegados de prevención antes de comezar a obra (nunca tal viron diante). Logo de que o Concello, a pesar de enviar un representante, nin sequera levase a documentación solicitada e á vista das fotos achegadas pola nosa delegada de prevención os métodos de seguridade e prevención non parecían ser os adecuados, a Inspección quedou con todas as probas gráficas que demostraban diversas eivas no desenvolvemento das obras e mais co informe elaborado por esta sección sindical con respecto a estas.

Á espera da resolución da Inspección de Traballo, nesta reunión o que quedou claro por parte da inspectora que levou o caso foi o seu rexeitamento á actuación do Concello con respecto a estas obras, e mesmo a súa advertencia sobre que no caso de que houbese algún accidente laboral nunha obra desas características este podería chegar a ter consecuencias penais para o goberno municipal.

Dende a Sección sindical da CIG temos claro que o tema da saúde e a seguridade laboral é crucial para os traballadores aínda que realmente en ocasións só se repare nel cando hai consecuencias logo de ter mal feitas as cousas, e por iso seguiremos dando todos os pasos necesarios nesta liña, porque neste Concello hai moitísimo traballo por facer, e queremos agraceder o traballo realizado polos delegados de prevención neste e noutros casos, porque é un traballo constante e onde os froitos se ven aos poucos, mais que en casos coma este, deixa claro que é un traballo moi necesario neste Concello.



09/01/14

A Inspección de Traballo convoca a todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos

Mañá, venres 10 de xaneiro, está convocado todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos na Inspección provincial de Traballo con motivo da denuncia dos delegados de prevención da CIG con respecto a realizar as obras na Casa Consistorial co persoal traballando nas oficinas, a maiores os delegados de prevención descoñecen o Plan de coordinación de actividades empresariais en materia de seguridade e saúde laboral para a prevención de riscos laborais que o Concello debe ter coas empresas que subcontrata.

Dende a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais ata o Real Decreto 171/2004 recóllense normas onde se tratan os supostos onde é necesaria a coordinación de actividades empresariais e os medios que deben establecerse con esta finalidade, buscando sempre un adecuado equilibrio entre a seguridade e a saúde dos traballadores e a flexibilidade na aplicación por parte das empresas que incida na redución dos indesexados índices de sinistralidade laboral, producidos pola carencia desta coordinación. Non é a primeira vez que neste Concello hai accidentes laborais de persoal subcontratado, hai que lembrar o episodio recente acontecido no Centro de Formación Ocupacional, de aí a importancia de que o Concello teña coordinada a prevención de riscos laborais coas empresas que subcontrata, cando en casos coma este, persoal doutra empresa traballa en edificios municipais.

A maiores, xa no mes de decembro debeu reunirse o Comité de Seguridade e Saúde e unha vez máis o Concello saltouse a reunión trimestral e os delegados de prevención da CIG víronse na obriga de solicitalo por escrito de novo, tal e como fixeron por rexistro hai unhas semanas e reunión pola que aínda están á espera, aínda que con expectativas de non ter que volver á Inspección de Traballo denunciar que o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos non se reúne trimestralmente e incumpre a Lei de prevención de riscos abertamente.

21/11/13

A CIG presenta unha denuncia da Inspección de Traballo pola situación do persoal da Casa Consistorial

A Confederación Intersindical Galega vén de presentar unha denuncia na Inspección de Traballo logo de que o Concello siga sen tomar ningunha decisión con respecto aos traballadores da Casa Consistorial, despois mesmo de presentar unha queixa por rexistro e achegarse un delegado de prevención a falar co concelleiro de Persoal.

A situación dende comezos desta semana foi a peor porque as obras cada vez comprenden unha maior parte do edificio e o traslado provisional dalgunha traballadora para o segundo andar non exime ao Concello de todos os atrancos para chegar aos postos de traballo que fan que andar pola Casa do Concello case sexa unha xincana. A maiores, o persoal ten que pasar por debaixo dun andamio e sortear os obstáculos e os perigos de caída de obxectos que supoñen unhas obras como as que se están a realizar, aínda por riba de que están a respirar o pó e os produtos tóxicos propios dunha obra destas características e todo isto sumado a que a negativa de cubrir as baixas en limpeza supón un estado de sucidade do edificio pola falta de persoal. O Concello nin sequera foi quen de acceder á proposta dos delegados de prevención de que as obras se realizasen fóra do horario laboral e acceder ao segundo andar está sendo un risco non só para o propio persoal senón tamén para a cidadanía que se achega a este edificio a realizar diversas xestións.

A maiores, o Concello ten a responsabilidade por velar que se cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos das empresas que contrata e temos serias dúbidas de que isto se estea a facer correctamente. Tampouco é a primeira vez que isto acontece, lamentablemente temos exemplos dabondos de como neste Concello a seguridade laboral dos seus traballadores é algo que non lle debe importa moito ao goberno local.

Por parte da CIG e, polo momento, tendo en conta que o Concello mantén a súa postura, demos todos os pasos que estaban na nosa man, agora só queda que a Inspección de Traballo actúe e tome cartas no asunto se considera que é necesario. En todo caso consideramos que o normal e razoable nun caso así sería que o Concello tivese unha previsión das obras, informase aos persoal do edificio e o trasladase provisionalmente mais o certo é que tendo en conta como traballan algúns compañeiros en naves que practicamente caen a cachos como é a do Centro de Formación Ocupacional na que traballa o pintor e que o Concello, logo de mesmo falalo no Comité de Seguridade e Saúde segue sen arranxar tampouco nos estraña nada que non tome cartas no asunto do persoal da Casa Consistorial, porque neste Concello parece que non se actúa ata que pasan as cousas.

11/09/13

Temas pendentes na Inspección de Traballo

O mes de setembro comeza con moitos temas pendentes e moito traballo por diante, entre eles estamos pendentes da resposta a varias denuncias realizadas nos pasados meses na Inspección de Traballo. Ata o momento a Inspección respondeu mediante unha notificación á denuncia realizada con respecto a estado dalgunhas instalacións do Centro de Formación Ocupacional, onde insta ao Concello a que “adopte as medidas necesarias para que a utilización do lugar de traballo non orixine riscos para a seguridade e saúde dos traballadores” ademais indícalle que “deberá elaborar proposta de solución e acreditalo ante a Inspección”.

Con respecto a esta denuncia, uns días despois de acudir a Inspección ao centro denunciado o Concello tomou a determinación de cambiar aos traballadores de lugar, mais aínda non se sabe de certo se este será o seu centro definitivo. En todo caso está pendente a visita dos delegados de prevención ás novas instalacións de cara a comprobaren que cumpren a normativa vixente en materia de saúde laboral e asegurárense de que non se volvan repetir episodios como o o derrubamento, e no caso contrario, poñer en coñecemento da Inspección que as medidas tomadas non foron insuficientes no caso de ser así.

A maiores, no mes de agosto os delegados da CIG puxeron en coñecemento da Inspección dous casos máis de posibles irregularidades de cara a que intercedese esta ante a falta de resposta e solución por parte do Concello. Estamos pendentes da resposta no caso dunha posible cesión ilegal de traballadores, tema que mesmo trascendeu e chegou a se tratar no pleno, e mais unha outra denuncia efectuada con respecto á información das horas extras que non se lle facilita ao Comité de Empresa con carácter puntual nin exhaustivo, o que dificulta o traballo de velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de realización de horas extraordinarias.


A maiores e á vista dos datos de que se dispón o Concello está a obrigar a realizar máis horas das permitidas legalmente nalgúns departamentos e collelas en tempo libre para que non conste a realización das devanditas horas na documentación que se lle achega ao Comité, obrigando a algúns traballadores a realizar continuos cambios de xornadas, mentres que para outros non hai reparo en pagalas, volvendo a incorrer nas discriminacións existentes entre traballadores que ás veces o certo é que xa semella que son máis unha cuestión de nomes e apelidos que de necesidades dos departamentos. Todo isto levou a ter que realizar a denuncia no relativo á realización das horas extraordinarias para que a Inspección determine se o Concello cumpre ou non a lexislación vixente no que ten que ver coas horas extraordinarias.

12/08/13

A CIG denuncia ao Concello de Betanzos na Inspección de Traballo por un posible caso de cesión ilegal de traballadores

A Confederación Intersindical Galega vén de pór en coñecemento da Inspección de Traballo o caso dunha traballadora que hai meses ten un despacho na Casa do Concello sen que o Comité de Empresa teña coñecemento da existencia dun contrato. Antes de asistir á Inspección de Traballo o propio Comité de Empresa preguntou no Departamento de Persoal polo tema, onde informaron sobre a inexistencia dun contrato laboral por parte do Concello coa propia traballadora. O tema foi tratado tamén nas reunións do Comité de Empresa e solicitóuselle información ao propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que indicou que en Xunta de Goberno Local se aprobou a contratación dunha empresa coa que tiña vinculación laboral a devandita traballadora.

Dende a CIG decidimos asistir á Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas para aclarar a situación da traballadora por se puidese existir algún tipo de cesión ilegal de traballadores, totalmente prohibida segundo o Estatuto dos Traballadores. Ademais, queremos denunciar publicamente o grao de privatización ao que se está chegando no Concello de Betanzos, cando nas propias oficinas municipais traballa persoal de empresas privadas, utilizando instalacións e recursos públicos e recibindo ordes de persoal do Concello.


A maiores, e a todo isto se suma que o Concello non cubre as baixas de servizos básicos da Escola Infantil Municipal ou limpeza ou négase a pagarlle as horas extras a algúns traballadores, unido a un grande número de vacantes por xubilacións en distintos departamentos que o goberno local se nega sistematicamente a cubrir e que está a provocar sobrecarga de traballo nalgúns sectores de persoal laboral. A CIG decidiuse a denunciar porque considera vergoñento que non haxa cartos para o emprego público e se meta a dedo nas oficinas municipais persoal de empresas privadas, e entendeu que esta situación debía porse en coñecemento da Inspección de Traballo provincial para que tomase cartas no asunto.

20/07/13

COA VIDA DO PERSOAL NON SE XOGA, NOVA DENUNCIA NA INSPECCIÓN DE TRABALLO LOGO DO DERRUBAMENTO QUE TIVO LUGAR NA NAVE DE OBRAS

Logo de que a semana pasada caese o teito dunha das naves do Centro de Formación Ocupacional, en concreto onte teñen o servizo e vestiarios o persoal do Servizo de Obras e que ninguén por parte do Concello se dignase a achegarse ata alí nin a tomar as medidas oportunas de seguridade para preservar os riscos a que están suxeitos os traballadores dese departamento, dende a CIG, e logo de visitar as instalacións vímonos na obriga de presentar unha nova denuncia na Inspección de Traballo provincial cos feitos acontecidos para que tome dunha vez cartas no asunto do estado de abandono en se atopan algunhas das naves en que traballa o persoal de distintos departamentos e que están localizadas no Centro de Formación Ocupacional en Bellavista.

Na semana que vén cúmprese tres meses dende a última reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que se reuniou logo dun ano e medio e de ter que denunciar os delegados de prevención ao Concello ante a Inspección de Traballo, e nada máis aconteceu o desprendemento consideramos que este Comité se debería ter reunido de urxencia, mais nin así foi nin o Concello tomou medida de seguridade ningunha obrigándonos a ter que acudir á Inspección para, cando menos, que esta sexa coñecedora dos riscos a que están suxeitos estes traballadores e actúe en consecuencia.

Dende a CIG queremos denunciar tamén publicamente que o estado en que se atopan as naves do CFO, en concreto, onde ten a base o departamento de obras e traballan diversos operarios deste, de servizos múltiples o propio pintor é de total ruína e reclamaréselle ao Concello na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde unha solución inmediata e urxente para este tema antes de que aconteza unha desgraza e o haxa que lamentar, porque se algo temos claro é que coa vida dos traballadores non se pode xogar e por iso acudimos inmediatamente a denunciar a situación no organismo correspondente.


Agardamos, tamén, que antes de que teña que actuar a Inspección, que o Concello recapacite e solucione o problema de cara a preservar posibles futuros derrubamentos que podería haber debido ao estado das naves e que non teña que acontecer nada máis para que se decate da importancia da prevención dos riscos laborais e que no Concello hai moito máis persoal que o que traballa en oficinas e que todo o persoal ten o mesmo dereito a ter un espazo de traballo nas condicións adecuadas.

24/04/13

A proba de que o concelleiro de Persoal mentiu


O Concello leva meses dicindo que o Comité de Seguridade e Saúde estaba constituído dende o ano pasado, xa sen entrar en que se debe reunir cada tres meses, e mentíndolle abertamente aos delegados sindicais da CIG e a proba acaba de lla entregar hoxe mesmo aos delegados de prevención coa seguinte convocatoria que DEMOSTRA ABERTAMENTE AS VERGOÑENTAS MENTIRAS DO GOBERNO MUNICIPAL.



Por que demostra que mentiu? Porque se estivese constituído non se podía constituír este venres, e, o que é peor, que todo isto aconteza a raíz de que os delegados de prevención se visen na obriga de denunciar ao Concello ante a Inspección de Traballo, e ademais é vergoñento que este Concello só funcione en materia de persoal cando se ve entre a espada e a parede.

Aínda así, a pesar de que ter que aturar mentiras para chegar ata aquí, dende a CIG agardamos que isto sirva para que o Concello se decate de que a saúde laboral e a seguridade no traballo son temas prioritarios nos que a Administración pública debe ser exemplo e modelo, xa que ela mesma é a que lexisla, intervén e sanciona a outros entes.