28/10/14

Última reunión do Comité de Seguridade e Saúde

Tal e como vos contabamos logo de moitos meses e unha denuncia na Inspección de Traballo o Concello convocou o Comité de Seguridade e Saúde.

Nesta reunión, o representante da mutua coa que ten concerto o Concello informou de que se realizarán as avaliacións de riscos laborais pendentes e realizarase un seguimento con visitas nos centros nos que xa se realizou a avaliación de riscos para comprobar se se instalaron as medidas preventivas. Con respecto a este último punto temos serias dúbidas de que o Concello implantase nin unha soa das medidas preventivas que se contemplan nas avaliacións de riscos laborais realizadas pola mutua mais nas visitas comprobarase se foi así ou non.

A maiores o concelleiro de persoal, Diego Fernández, informou de que se ampliou o contrato de cara a seguir coas avaliacións e que tamén xa está concluído o Plan de autoprotección da Escola Infantil Municipal, tamén informaron que realizarán na gardería un simulacro e formarán ao persoal neste aspecto.

Polo que respecta ás deficiencias dalgunhas instalacións municipais, como é o caso da Oficina de Turismo, o concelleiro de Persoal apelou a que as medidas que se tomen serán sempre dentro do contexto do edificio Liceo coma un todo, e mesmo xustificou a non necesidade dun servizo na oficina por dispoñer o propio Liceo del. En todo caso, dende a CIG lembraronlle que as condicións de humidade e iluminación non son nada recomendables e insistiuse na necesidade dunha saída de urxencia e de que esa oficina se dote das medidas preventivas necesarias unha vez que os riscos están avaliados.

Outro dos temas recorrentes é o estado da nave de Obras, xa que na actualidade mesmo nos teñen informado que se utiliza de almacén por parte de persoal dunha empresa á que o Concello lle contrata ultimamente multitude de servizos relacionados coas obras e o mantementos, e se o local foi clausurado polo Concello logo dunha visita da Inspección de Traballo e o Concello o pretende utilizar de almacén debería avaliar os riscos como tal para tomar as medidas preventivas oportunas. Canto ao persoal do Concello o concelleiro de Persoal deixou claro que o persoal municipal non pode entrar nesa nave polo seu estado de posibles derrubamentos e dende a CIG solicitámoslle que colocasen un cartel na portal que informase de que o paso estaba prohibido porque entendiamos que o persoal está a recibir ordes contraditorias con respecto á posibilidade ou non de uso deste local que, insitimos, está en ruínas, e no que xa se produciu un derrubamento.

Outro tema importante é o estado do espazo do traballo de pintor, que traballa con produtos químicos canceríxenos e cuxo uso e almacenamento está regulado pola lei, e para nada debería traballar nun espazo onde pasen traballadores continuamente expostos a eses produtos e sen a existencia de medidas preventivas ningunhas. Dende a CIG trasladámoslle ao Concello a nosa preocupación por esta situación e porque o Concello tome cartas no asunto e se comece a preocuparse pola seguridade e saúde laboral do seu persoal.

Tamén se fixo unha solicitude explíticita da necesidade de que neste Concello se inicien as avaliacións psicosociais e propúxolle comezar polo persoal do CEIP Francisco Vales Villamarín á vista das últimas baixas por depresión que se están sucendendo, ademais de que se instou ao Concello a que fixese estas análises porque é posible que unha mala organización do traballo e un exceso de carga laboral sexan tamén desencadeantes deste tipo de situacións.


Finalmente a CIG expuxo a falta dalgúns Equipos de Protección Individual para realizar determinados traballos específicos e da necesidade de que todo o persoal que o necesitase tivese uns vestiarios en condicións e duchas de auga quente tal e como recolle especificamente a lexislación laboral vixente en materia de saúde laboral.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario