En
maio de 2013 presentouse o primeiro borrador de anteproxecto de Lei
de Emprego Público de Galiza. Un ano e medio despois hai xa un
terceiro borrador sobre o que se abriu onte, na Mesa Xeral de
Negociación de Empregados/as Públicos/as extraordinaria, un novo
proceso de “negociación” que para a Área Pública da CIG é un
“paripé”. De feito xa demandou, por escrito e en sucesivas
xuntanzas, a súa retirada porque “nin é unha lei de emprego
público”, nin recolle aspectos que para a central sindical
son básicos para recuperar os servizos públicos, o emprego ou os
dereitos sociais e laborais das e dos empregados públicos.
A
Área Pública da CIG entende que o nome dado a este anteproxecto de
lei non se corresponde co seu contido. Neste sentido, a portavoz da
Área Pública da CIG e secretaria nacional de CIG-Administración,
María Carme López Santamariña, explicou en rolda de prensa que
“non é unha lei de emprego público senón unha actualización da
lei de Función Pública”.
Entende
que non vai permitir recuperar o emprego público destruído, nin
frear o deterioro que por mor dos sucesivos recortes sufriron os
servizos públicos, nin que as empregadas e empregados públicos
recuperen dereitos que lle foron suprimidos nestes últimos anos. Por
iso solicitou novamente a súa retirada e que, de se manter a lei cos
actuais contidos, cando menos se proceda a un cambio de nome porque o
actual “é enganoso”.
Alén
diso, a CIG solicita a súa retirada porque nos sucesivos borradores
presentados apenas se introducen cambios respecto do primeiro, non se
aceptou practicamente ningunha das alegacións presentadas e non se
contempla sequera a posibilidade de negociar sobre aspectos que para
a Área Pública son básicos, como a recuperación económica e de
dereitos do persoal das administracións públicas; a regulación do
persoal directivo; modelo de carreira profesional e novo sistema de
retribución; medidas para favorecer a normalización lingüística
nas administracións públicas ou a supresión definitiva do plus de
altos cargos.
López
Santamariña denunciou ademais que na xuntanza mantida, tamén onte,
coa conselleira de Facenda, non se concretou o orzamento que
debe ter a lei para o seu desenvolvemento, porque “do contrario
nace morta” e tampouco houbo un compromiso para que nos orzamentos
de 2015 se recupere o poder adquisitivo do persoal público ou as
pagas extras. “Á nosa pregunta sobre isto a súa resposta foi que
en breve convocaría unha xuntanza para tratar este tema en concreto
e á pregunta sobre que pensa facer a administración para devolver a
parte correspondente da paga extra de 2012 reiterou que o 25% será
devolto en dúas anualidades, unha en 2015 e outra en 2016. Nada de
recuperar a extra completa, nin as de 2013 e 2014 e nada de
recuperación das taxas de reposición”.
Por
iso alertou do contido “altamente lesivo” que terá esta lei para
os servizos públicos e denunciou que abrir un novo proceso de
negociación sobre o mesmo texto, sen intención de introducir
cambios, é un “paripé” que “consume tempo sen avanzar nada”
e que terá como consecuencia a “destrución de máis emprego
público”.
Privatización
da sanidade pública
Respecto
dos efectos que sobre a sanidade pública terá a aplicación desta
lei, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín,
lembrou que malia especificarse que para servizos públicos esenciais
a taxa de reposición será do 50%, o certo é que a conselleira saíu
de contado a matizar que, en realidade, sería unha porcentaxe en
función das necesidades que o SERGAS determine. Unha especificación
que considerou que agocha a pretensión de seguir destruíndo emprego
na sanidade pública para favorecer á privada.
Abuín
matizou ademais que o persoal estatutario aínda que seguirá a se
rexer pola normativa propia vai padecer os aspectos máis negativos
da lei e quedará excluído doutros que permitirían a súa
homoxeneización, canto a dereitos, co resto do persoal da
administración pública, como no relativo a permisos.
Respecto
dos postos directivos denunciou que tal e como está a ocorrer na
comunidade de Madrid, o que se pretende é garantir unha “porta
xiratoria” xa que estes poderán ir á privada a partir dos dous
anos. “Privatizan a sanidade pública para logo ser directivos
desas empresas a cambio de empeorar a sanidade pública”, afirmou.
Precariedade
no ensino público
A
limitación da taxa de reposición ao 50% no ensino tamén foi
criticada polo secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen
afirmou que é imprescindíbel que, como mínimo, sexa do 100% das
vacantes que se produzan. “Falta profesorado e hai máis
precariedade porque a interinidade é precariedade”, dixo. Xunto a
isto lembrou que se suprimiron no sistema educativo galego máis de
3.000 profesores/as nos últimos tres anos; houbo máis de 4.000
xubilacións e só se convocaron algo máis de 585 prazas nos últimos
catro anos para todo o ensino non universitario.
Louzao
denunciou ademais que na lei non se garanten os dereitos
lingüísticos, toda vez que non se contempla que teña que haber
proba algunha no noso idioma para acceder á función pública.
Canto
á perda de poder adquisitivo, o secretario nacional de CIG-Ensino
subliñou que os salarios das empregadas e empregados públicos
reduciuse nun 20% desde 2010 e matizou que cando se fala de
conxelación, é sobre esa redución salarial. Por iso insistiu en
que a CIG "baixo ningún concepto vai ser cómplice de aprobar
unha lei que non contempla a restitución dos nosos dereitos laborais
e salariais" e que, pola contra, recupera o plus de altos
cargos, o que considerou "vergonza" porque "mentres se
recortan prestacións e dereitos ás traballadoras e traballadores,
para eles manteñen os seus privilexios". Do mesmo xeito
considerou unha "tomadura de pelo" que se presente como
unha concesión a devolución do 25% da extra de 2012, cando a
administración está obrigada a facelo logo das múltiples sentenzas
emitidas por distintas instancias xudiciais.
Baltarización
da administración
O
responsábel do sector da Autonómica da CIG-Administración, Roberto
Varela, denunciou ademais que esta lei favorece o “dedismo” e a
“baltarización” da administración “menoscabando a
independencia das e dos empregados públicos” . Considerou que o
sector máis prexudicado pola súa aplicación vai ser o da
autonómica e denunciou que abre a porta a que “persoal da empresa
privada entre a xestionar os servizos públicos” mentres se destrúe
emprego público ao se manter a taxa de reposición en practicamente
o 0%.
Denunciou
a supresión dos límites de tempo nas comisións de servizo, que até
o de agora tiñan un concurso específico cun límite de dous anos e
un de prórroga e tamén o sistema de avaliación “de desempeño”
que se introduce e que denunciou pola súa “subxectividade” e
“arbitrariedade”, xa que quen avalíe será o xefe xerárquico en
función de criterios como “interese, iniciativa e esforzo”.
Ante
isto demandou criterios “obxectivábeis” e que a avaliación sexa
“bidireccional”, de abaixo arriba e de arriba abaixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario