08/10/14

A evidencia de que o goberno municipal trata de xeito discriminatorio ao persoal

Tal e como vos informabamos hai máis dun mes, o goberno municipal, a petición de da Sección sindical da UGT abriulle un expediente informativo a unha delegada da CIG. Esta compañeira solicitou nada máis tivo coñecemento da apertura do procedemento que de inmediato fose chamada a declarar de cara a aclarar os feitos dos que os delegados José Luis Sobrino e José Ángel Montes, que nin estaban presentes, a acusan.

A maiores, nunha reunión na que estaban presentes por parte do Comité de Empresa a presidenta deste e o secretario solicitáronlle ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, estando tamén presente a concelleira María Barral, dúas cousas con respecto a este tema. A primeira, que por suposto se chamase a declarar de inmediato á compañeira expedientada para poder aclarar e resolver a situación canto antes e, segundo solicitáronlle ao goberno municipal os criterios de apertura de expediente toda vez que cando a propia presidenta do Comité lle comunicou ao alcalde un desgardable episodio que padeceu do secretario municipal, o alcalde non só daquela nunca chegou a abrir o expediente senón que mesmo lle chegou a negar ao pleno a existencia do devandito escrito e non foi ata sete meses despois cando se puxeron en contacto coa presidenta do Comité por parte do goberno para preguntar pola situación e tentar resolvela sen maior trámite e sen que ninguén soubese nada.

Con respecto á primeira cuestión o goberno municipal desviou a responsabilidade de que non se chamase aínda na actualidade a declarar á compañeira directamente acusada polo alcalde, na propia resolución da alcaldía, a través do nome do procedemento iniciado, e sen nin sequera constrastar os feitos, dicindo que o xuíz instrutor, o secretario municipal (casualidades da vida ao que non lle abren expedientes aínda que así se solicite), estaba de vacacións; mais, curiosamente, antes de irse de vacacións, tivo tempo a chamar aos dous denunciantes a declarar e así nolo dixo o propio Diego Fernández. Na actualidade, cando xa ningún dos mencionados están de vacacións, a nosa compañeira segue esperando a que o Concello continúe co procedemento pertinente e lle tome declaración a ela e máis ao resto de testemuñas dos feitos, polo momento, o Concello só lla tomou a dous traballadores que nin sequera presenciaron os feitos que denuncian, esta é a evidencia de que o goberno municipal trata de xeito discriminatorio ao persoal.

O Comité, pola súa parte, e por suposto por iniciativa da CIG, porque os delegados da UGT foron tan covardes que nin sequera quixeron falar do tema na pasada reunión do mes de setembro do Comité de Empresa, instou ao goberno municipal a que este tema se resolva canto antes polo ben de todos e de cara a aclarar os feitos e que non fixesen como a anterior vez que lle abriron un expediente a un afiliado da CIG que deixaron correr sen resolver, porque o beneficioso é que as cousas que aclaren e os procedementos se sigan de cara aclarar as circunstancias que os motivan e demostrar as acusacións que tan doado é facer mais que tan difícil é demostrar cando non se cinxen á realidade.

Se algo fica claro con este desgradable capítulo é que non sabemos porqué, mais efectivamente hai xente neste Concello á que moi mal lle senta o traballo que a CIG leva tres anos realizando, moi mal lle senta que se limite a defender o xusto e legal, sen mirar beneficios individuais senón colectivos, e que temos serias dúbidas de que delegados doutros sindicatos, que non son quen nin de dicir cousas á cara nas propias reunións do Comité de Empresa, onde asinten a todo e non poñen pegas a nada para logo criticalo todo publicamente sexan quen de enfrontarse e dicirlle as cousas como son ao goberno municipal, que a fin de contas, debería ser a nosa fronte común, a de todo Comité. Mais tamén é certo que hai xa demasiado tempo que non o é, tampouco vos imos enganar, porque non se pode estar de acordo con quen ataca en vez de defender ao persoal cando o despiden, con quen defende as irregularidades do goberno con tal de quedar ben con determinados traballadores ou con quen nin sequera acude á Inspección de Traballo cando a convoca para solucionar un grave problema de seguridade laboral provocado polo Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario