27/07/15

Demasiadas dúbidas con respecto á contratación do patrón

O Comité de Empresa por iniciativa da CIG vén de rexistrar unha serie de cuestións con respecto ao contrato de patrón, logo de que o Concello lle entregase a copia hai varios días.

Máis unha vez a presidenta do Comité amosou a súa disconformidade con este contrato por diversas cuestións que logo foron trasladadas a través do Comité de Empresa. Hai que lembrar que xa a Sección sindical da CIG fixo unhas alegacións ao devandito contrato que o goberno municipal ignorou amplamente mais o que é máis grave aínda é que o Comité solicitou documentación por rexistro que o Concello a día de hoxe aínda non lle facilitou, como é a seguinte:

-A proposta do concelleiro de Persoal para a contratación deste persoal
-A información sobre o custo que lle supón ao Concello esta contratación
-A resolución da Alcaldía para a contratación deste persoal
-O informe do secretario municipal e o informe da interventora con respecto a este tema.

A falta da copia desta documentación supón que non se puidesen valorar a fondo os informes correspondentes con respecto a esta contratación e que haxa serias dúbidas sobre ela xa que esta praza non existe na RPT nin se corresponde con ningunha subvención e podería supor que non exista partida orzamentaria para cubrir os salarios do persoal contratado ao abeiro deste proceso.

A maiores, o Comité rexistrou a proposta da CIG algunhas outras cuestións como que nas condicións laborais indícase que o posto é de grupo 3 e asígnase un complemento específico moi superior ao da media do persoal desta categoría que na actualidade presta servizos no Concello e non se indica o que criterio obxectivo dunha suposta equiparación a algún dos postos de traballo con maior complemento específico da mesma categoría existentes na RPT. Isto é especialmente grave se temos en conta que os complementos específicos veñen definidos nunha RPT na que esta praza nin ningunha outra similar existe. Tamén que no contrato indícase que é de luns a domingo, sen ningún tipo de distribución de quendas nin fixación de horarios nin días de traballo nin os descansos pertinentes que indica a lexislación laboral actual. Ademais non se indica cal será a distribución do tempo de traballo e descoñécese, por tanto, o horario laboral deste traballador, e finalmente que o contrato por obra ou servizo debe ter “autonomía e substantividade propia dentro da Administración” e este servizo vense repetindo no tempo e realizando de xeito anual por parte da Administración, que mesmo dispón de embarcación propia, o que podería redundar en que a obra ou servizo non finaliza ao rematar o contrato.

Por todos estes motivos o Comité non puido amosar a súa conformidade co contrato e solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

Que o Concello informe puntualmente e en tempo e forma ao Comité de Empresa das previsións de contratación.

Que se especifique no contrato a distribución da xornada , o horario laboral e os descansos establecidos por lei do correspondente contrato.

Que se aclaren os criterios de escolla das contías dos conceptos retributivos e se indiquen os criterios de asignación do complemento específico que para o resto dos postos vén definido na RPT mais que neste caso non debido a que é un posto que non existe na Relación de Postos de Traballo.

Que se aclare a situación con respecto a esta nova contratación e se aclare o tipo de contrato toda vez que este traballo se vén realizado de xeito periódico e anual no Concello de Betanzos.

Que se dean as explicacións con respecto a aprobación da creación dunha praza sen negociación cos representantes dos traballadores nin aprobación de modificación da Relación de Postos de Traballo por parte do Pleno da corporación.

Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa toda a documentación solicitada no mes de xuño con respecto a este expediente.

Desde a CIG levamos xa cinco anos loitando porque todo o relativo aos procesos selectivos sexa de coñecemento público e certo é, que non sen reclamacións nin denuncias públicas, se teñen dado pasos e mesmo o goberno nos últimos meses optou por corrixir os contratos de xeito que todo o persoal estea ao abeiro do convenio colectivo, algo que desde a CIG levabamos loitando desde que obtivemos representación, mais non é menos certo que é aínda hai un grave problema de comunicación entre goberno e representación sindical no que ten que ver especialmente cos procesos de selección de persoal, toda vez que o Comité é un absoluto descoñecedor das previsións de contratación na maioría dos casos e foi excluído polo goberno socialista hai cinco anos dos procesos selectivos cando anos atrás os Comités de Empresa con maioría da UGT si que participaban, tal e como nos comentaron compañeiros que xa non forma parte do organismo, o que verifica que foi o Comité con maioría da CIG o primeiro excluído dos procesos selectivos por obra e graza dun informe do mesmo secretario que permitía a participación dun membro designado polo Comité cando este tiña a maioría do sindicato socialista.

Mañá, martes 28 de xullo, moción e concentración

Logo de que o Comité de Empresa alertase aos partidos da oposición da preocupante situación do servizo de limpeza municipal e dos pasos que o goberno municipal está a dar para o seu desmantelamento e privatización, todos os partidos da oposición, agás o Partido Popular amosaron o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras.

Este apoio materializouse na presentación dunha moción conxunta de Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia onde se insta ao goberno municipal a manter o servizo de limpeza de xestión directa e que se cubran, sen máis dilacións, as baixas e xubilacións mediante a contratación de persoal.

Mañá, ás 20:30 h terá lugar o pleno municipal onde se debaterá a moción, motivo polo que tamén o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, convocou ás 20:10 h diante da Casa do Concello unha concentración de protesta contra o desmantelamento e a privatización do servizo de limpeza municipal e en apoio ás compañeiras de limpeza despedidas no mes pasado.

Desde a CIG agardamos que a moción poida saír para diante e que a súa aplicación sexa o primeiro chanzo para frear a privatización que o Concello aos poucos, paseniñamente e sen facer ruído está levando a cabo. O goberno municipal xa contratou ata en dúas ocasións persoal de limpeza externo no canto de cubrir as baixas e vacantes polos procedementos legalmente previstos e que garantan a xestión directa do servizo público.

Ánimamos a todos os compañeiros e compañeiras, laborais e funcionarios, a asistir, porque a privatización dos servizos públicos aféctanos a todos e todas, hoxe é limpeza, mañá as asesorías e pasado o resto dos servizos. É lamentable que no inicio da lexislatura haxa que tomar este tipo de determinacións mais a cidadanía debe ser coñecedora de que é o Partido Socialista Obreiro Español de Betanzos o que está a levar a cabo en sucesivos gobernos a maior destrución de emprego público ata o momento nesta Administración local mediante a non cobertura de vacantes nin baixas. A finalidade que o move descoñecémola mais se algo temos claro é que O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS

CONTRA O DESMATELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA

ACUDE Á CONCENTRACIÓN MAÑÁ ÁS 20:10 H DIANTE DA CASA DO CONCELLO

22/07/15

Concentración contra o desmantelamento do servizo de limpeza, o martes 28 de xullo ás 20:10 h diante da Casa do Concello

O Comité de Empresa convoca para o vindeiro martes 28 de xullo ás 20.10 h, antes do pleno municipal, unha concentración contra o desmantelamento e a privatización do servizo de limpeza municipal. O horario non será definitivo ata que se convoque o pleno e é posible que varíe levemente en función do horario da convocatoria.

Logo da comunicación enviada aos partidos políticos amosando a preocupación polo estado do servizo a situación para nada mellorou, posto que días despois de quitar a unha traballadora de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín do seu posto o Concello meteu no seu lugar a unha traballadora dunha empresa privada que xa prestou servizos no mes de xuño nas dependencias municipais sen que o goberno municipal informase en ningún momento ao Comité de Empresa. A maiores o vindeiro día 1 de xuño o servizo de limpeza de edificios ficará sen efectivos ao comezar as vacacións os únicos dous traballadores de limpeza de que dispón o Concello na actualidade e o Concello segue sen cubrir baixas nin vacantes e sobrecargando ao escaso persoal que queda de traballo.

Hoxe mesmo o concelleiro de Persoal recibiu aos representantes do Comité de Empresa  e indicou que acaba de solicitar informe ao secretario municipal para a cobertura das baixas, mais non hai que esquecer que isto chega xa bastante tarde, cun servizo en descomposición e con dous intentos de pivatización, primeiro no mes de xuño nas dependencias municipais e estes días no CEIP Francisco Vales Villamarín, ademais de que na última reunión na que estaba presente o alcalde o propio concelleiro incidiu en que non se solicitaran informes por escrito mais que as baixas non se cubrían porque verbalmente o informaran de que non era posible. O certo é que os vaivéns de opinión do Concello e a falta de determinación e toma de decisións están derivando nun claro deterioro do servizo público que ben podería servir de escusa para a privatización, e non observamos ata o momento unha vontade explícita para adoptar solucións.

Por todo isto, contra a privatización dos servizos públicos, o desmantelamento do servizo de limpeza e en apoio ás compañeiras de limpeza do aulario despedidas que veñen de facer as reclamacións previas contra os despedimentos improcedentes o Comité de Empresa convoca esta concentración  previa a un pleno no que Betanzos Novo, Compromiso por Galicia e Bloque Nacionalista Galego confirmaron que levarán propostas para buscar solución a este grave problema que está afectar seriamente ao servizo público de limpeza e que leva anos arrastrando e agravando a pésima xestión en persoal do goberno municipal.

CONTRA O DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS


21/07/15

Os traballadores/as de oficina deberían traballar de pe parte da súa xornada

Esta afirmación derívase dun estudo encargado polas autoridades británicas de Saúde Pública, elaborado por expertos do Reino Unido, EEUU e Australia. Segundo este traballo, debería producirse unha revolución nos lugares de traballo, de xeito que se introducisen mesas que permitisen traballar tanto de pe como sentado; segundo se estima neste estudo, o tempo mínimo para permanecer de pe no traballo debe ser de dúas horas, e o ideal catro horas.

Tamén se fai referencia á conveniencia de realizar desprazamentos regulares durante a xornada laboral. A evidencia científica indica que en comparación ccos traballadores/as que se sentan o mínimo, os que se sentan máis teñen máis do dobre de probabilidades de desenvolver enfermidades como a diabetes ou enfermidades cardiovasculares, e sofren en torno a un 17% máis de mortalidade por cancro.
Segundo os autores, determinadas tarefas como escribir ou realizar cálculos se fan mellor sentados, pero en outras, como asistir a reunións ou revisar o correo electrónico, somos máis produtivos se o facemos de pe.


Catro de cada dez traballadores falecen debido a un accidente in itínere

Segundo datos do Ministerio de emprego e Seguridade Social, durante o ano 2014 producíronse 65.201 accidentes in itínere, aqueles que se producen ao ir ou vir do traballo, un 2,3% máis que no ano 2013. Os accidentes in itínere supoñen o 13,51% do total dos accidentes laborais que causan baixa. Engadindo a estos os accidentes in mision, que son os sufridos polo traballador/a nos traxectos que realiza para cumprir coas súas obrigas no traballo, obtemos que entre os dous estamos a falar do 20,55% do total dos accidentes laborais.

As actividades nas que se constata un maior número de accidentes son o comercio, os servizos de comidas e bebidas, a administración pública e os servizos de aloxamento; en relación á ocupación, os vendedores, empregados/as administrativos, persoal de limpeza, camareiros e policías son os que teñen o maior número de accidentes de tráfico; por tipo de vehículo, no 55,7% dos casos está implicado o coche, seguido nun 11,87% dos casos por motocicletas. A parte do corpo máis lesionada é o pescozo, as vértebras e a espalda.


Os custes económicos deste tipo de accidentes é duns 1.0068 millóns de euros anuais.

Condena de nove meses e tres de prisión por homicidio imprudente e un delito contra os dereitos dos traballadores/as


O Xulgado do Penal 2 de Vigo acolleu a vista de conformidade deste caso, no que os acusados, tres arquitectos, tres aparelladores, o xefe de obras da construtora e o encargado de obras do edificio, aceptaron a condea. O suceso tivo lugar en 2009, nas obras de construción dun edificio, cando unha limpadora se precipitou ao valeiro dende unha altura de máis de sete metros ao pisar un falso chan de lana de roca, falecendo a consecuencia das feridas sufridas; o falso chan estaba situado nun oco que non tiña ningún tipo de sinalización.

A condena engade seis meses de inhabilitación para elaborar e coordinar estudos e plans de seguridade laboral e unha multa de catro meses a razón de 15 euros diarios. A dous dos acusados se lles substitúe a pena de prisión por unha multa de 9.720 euros, mentras que para o resto acórdase a suspensión a condición de que en dous anos non volvan a delinquir, en cuio caso cumprirían as penas de cárcere.


Segundo o fiscal, que lembrou que un ano antes ocurrira un accidente similar por circunstancias similares con resultado de un traballador ferido grave, a falta de previsión de medidas específicas e concretas de protección para os ocos das instalacións existentes na edificación onde se produciu o accidente foi a causa principal do sinistro, aínda que tamén contribuiu ao mesmo a deficiente dirección facultativa da execución da obra, que sendo consciente do perigo, non tomou as medidas oportunas para protexer os ocos, e a deficiente coordinación de vixilancia.

16/07/15

O CONCELLO INICIA A PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA DO COLEXIO CEIP FRANCISCO VALES VILLAMARÍN A UNHA SEMANA DE QUE OS PARTIDOS DA OPOSICIÓN PROPOÑAN MOCIÓNS CONTRA O SEU DESMANTELAMENTO

A semana pasada o Comité de Empresa decidiu poñer en coñecemento dos partidos da oposición a precoupante situación do servizo de limpeza municipal que camiña cara ao desmantelamento e a privatización no caso de non se cubriren as baixas e vacantes existentes e que se deixe de despedir ao persoal contratado.

Logo de que xa tres partidos da oposición, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia amosasen o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa e a súa intención de levar mocións a pleno na liña de apoio ao servizo como público e de xestión directa municipal o goberno vén de dar máis un paso adiante na privatización da limpeza municipal ao pór a unha traballadora dunha empresa privada a limpar o CEIP Francisco Vales Villamarín. No Departamento de persoal non hai coñecemento de contrato propio do Concello ningún e nin sequera había coñecemento de que unha empresa comezase a prestar estes servizos no colexio.

Hai un mes foi nas dependencias municipais, estes días comezou no colexio, as intencións do goberno municipal de privatización son claras e que o alcalde lle mentiu ao Comité de Empresa á cara nada máis comezar a lexislatura ao dicir que era algo circunstancial tamén. Primeiro non cubriron as vacantes por xubilación, logo as baixas nin de longa nin de curta duración, despois despediron ás compañeiras do aulario e agora directamente contratan a empresas. Parece xa claro que prepararon o terreo catro anos para finalizar o proxecto de privatización neste lexislatura, os feitos amosan con claridade este camiño.

A CIG propuxo que o Comité de Empresa se mobilice o vindeiro martes 28 de xullo con motivo do pleno para protestar contra a privatización deliberada á que o Concello está somentendo ao servizo de limpeza municipal e facer pública a nosa reivindicación a favor dos servizos públicos de xestión directa municipal porque O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

O Comité de Empresa tamén se porá de novo en contacto cos partidos da oposición para lle comunicar esta novidade, posto que é o primeiro e decidido paso cara a privatización da limpeza no colexio público municipal e consideramos que debe ser coñecida a situación por todos os partidos con representación.

BOLETÍN CIG SAÚDE LABORAL N.º 15

14/07/15

Abrindo camiños n.º 43 XULLO 2015

Máis partidos ofrecen o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa

O BNG vén de remitirlle tamén o seu apoio as reivindicacións do Comité de Empresa a través do seguinte comunicado:

O BNG APOIA, COMO LEVA FACENDO ESTES ANOS, OS SERVIZOS PÚBLICOS, CONCRETAMENTE O DE LIMPEZA

Desde o BNG-Asembleas abertas reiteramos o noso compromiso na defensa dos servizos públicos e de calidade no noso Concello e o noso apoio ás xustas reclamacións do persoal municipal. Está comprobada que a xestión directa dos servizos públicos, sen empresas privadas subcontratadas, garante unha mellor calidade do servizo e resulta máis barato de emprestar ás administracións. Ademais de proporcionar empregos de calidade fronte as condicións precarizadas das empresas privadas.

Ao igual que fixemos nos últimos catro anos, dende o BNG-Asembleas abertas, faremos todo o que estea na nosa man para mellorar o funcionamento dos servizos públicos e conseguir avanzar na resolución dos graves problemas que co seu persoal ten históricamente o Concello.

Neste sentido queremos trasladar o noso apoio ao comité de empresa diante do desmantelamento e privatización do servizo de limpeza e insistir en que, ao igual que fixemos os pasados anos faremos todo o que estea na nosa man para defender os postos de traballo e evitar o desmantelamento dos servizos públicos.

Esixiremos ao goberno local do PSOE, que se cubran as baixas e as prazas vacantes no servizo de limpeza do Concello, xa que non hai ningún impedimento legal para contratar persoal nun servizo básico coma este. Reclamaremos tamén que se manteñan as condicións laborais das persoas que quedan traballando no servizo de limpeza, que viron como se lles suprimían dereitos como a conciliación familiar que tiñan concedidos despois de múltiples iniciativas plenarias do BNG na anterior lexislatura.

Desde o BNG-Asembleas abertas queremos, polo tanto, trasladar todo o noso apoio ao comité de empresa e a todo o persoal do concello, especialmente ás persoas que traballan no servizo de limpeza, e mostrar toda a nosa disponibilidade para trasladar ao Pleno da corporación iniciativas en defensa deste servizo.

Betanzos, 13 de xullo de 2015

Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas

12/07/15

Primeiras mostras de apoio dos partidos da oposición con respecto ao comunicado emitido polo Comité de Empresa

Nos pasados días o Comité de Empresa vén de recibir as primeiras mostras de apoio ao comunicado emitido alertando da preocupante situación do servizo de limpeza do Concello de Betanzos. Polo momento foron Betanzos Novo e Compromiso por Galicia os que responderon á petición do Comité do xeito que vos transcribimos abaixo:

Comunicación de Betanzos Novo:

En nome de BETANZOS NOVO quero expresarvos o noso total apoio ao Comité de Empresa do Concello de Betanzos nas súas reivindicacións para que se manteña o servizo de limpeza e a xestión directa deste por parte do Concello de Betanzos como servizo público e non se externalice e privatice este servizo.

Un dos compromisos do noso Programa Electoral é a defensa dos servizos públicos e a remunicipalización dos servizos privatizados. O deterioro do servizo público é o argumento principalmente empregado para xustificar a privatización.

A vosa reivindicación é unha cuestión esencial que incumbe a todas as betanceiras e betanceiros.

Por isto é urxente
cubrir as baixas e vacantes necesarias para que o servizo poida ser prestado nas debidas condicións.

Neste senso, o grupo municipal de BETANZOS NOVO presentará unha moción no proximo Pleno da Corporación.

Un saúdo fraterno


Hipólito Pérez Novo
Portavoz do Grupo Municipal de BETANZOS NOVO

Comunicación de Compromiso por Galicia:
Compromiso apoia as xustas revindicacións do Comité de Empresa do Concello de Betanzos


Dende Compromiso por Galicia xa levamos unhas semanas seguindo a problemática do servizo de limpeza no Concello de Betanzos, despois do despido de duas traballadoras do Vales Villamarín.


Xa entón comunicamos a nosa procupación porque o servizo de limpeza do Concello puidera ser privatizado, por ser reducido este e sobrecargado o traballo d@s traballades/as.


E vital frear calquera privatización que poidan ter, esta so redunda en unha baixa da calidade do mesmo e en unha precarización das condicións laborais dos traballadores e traballadoras.


En base a esta exposto queremos mostrar a nosa total solidadriedade con Comité de Empresa do Concello de Betanzos na súa revindicación para que as plazas de limpador/a sexan cubertas a maior brevidade de tempo, e así se rebaixe a ilóxica carga de traballo dos actuais traballadores/as, como ten comentado Muíño o portavoz de Compromiso en Betanzos “as primeiras accións que fan tanto gobernos do PP como do PSOE para a privatización dos servizos sempre son, baixar a calidade dos mesmos para crear a sensación de que estes non funciona e así xustificar unha privatización en base a "suposta" mellora destes, nesta dinámica de acción nunca estará Compromiso por Galicia que aposta e apostará sempre pola xestión pública dos servizos públicos”.


Compromiso por Galicia poñerase en contacto cos demais grupos politicos presentes no Concello para acordar unha moción para que este servizo de limpeza continúe a ser xestionado polo Concello, solicitando que as prazas de limpador/a sexan cubertas para que este servizo se dea de forma efectiva.

Un saúdo 

Francisco Sánchez Prado
Secretário Local de Compromiso por Galicia / Betanzos
Desde a Sección sindical da CIG agradecemos estes apoios para buscar solucións á crítica situación do servizo de limpeza municipal e agardamos que sirvan para solucionar canto antes esta grave problemática e se poidan frear os intentos de privatización manifestados na situación de desmantelamento deste servizo público municipal.

07/07/15

Comunicación do Comité de Empresa ante a situación do servizo de limpeza do Concello de Betanzos

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, na reunión extraordinaria mantida hoxe acordou iniciar unha serie de accións contra o desmantelamento do servizo de limpeza, a primeira delas, poñer en coñecemento de todos os partidos con representación no Concello a gravísima situación pola que está a pasar este servizo público de cara a solicitar o apoio para levar a cabo as medidas necesarias para lle dar continuidade nas mellores condicións posibles. 

O texto non fai máis que describir e denunciar a situación de precariedade do servizo logo da non cobertura de baixas, xubilacións e despedimentos, mais foi aprobado por catro votos a favor e unha abstención do representante da UGT no Concello, que teima en defender as irregularidades e pretendía que no texto se ocultase información sobre a situación real dos efectivos de limpeza de edificios. Non obstante, tal e como anunciamos, desde a CIG seguiriamos para adiante coas accións que consideramos oportunas e entendemos que todos os partidos con representación deben ter coñecemento da situación de desmantelamento do servizo de limpeza.

O comunicado enviado esta mesma tarde pola presidenta do Comité de Empresa ao PSOE/PP/BN/BNG e CXG é o seguinte:


En nome do Comité de Empresa do Concello de Betanzos e por acordo tomado na reunión extraordinaria que tivo lugar o 7 de xullo de 2015 no Centro de Formación Ocupacional dirixímonos ao PSOE/PP/BN/BNG/CXG para transmitirlle a nosa preocupación polo desmantelamento do servizo de limpeza do Concello de Betanzos que está composto na súa inmensa maioría por persoal laboral.

Esta situación leva un tempo sendo crítica e agravouse nos últimos tempos, especialmente nas pasadas semanas cos despedimentos de varias compañeiras, as baixas en aumento polo exceso de carga laboral en moitos casos e a modificación indiscriminada de condicións laborais sen cumprir os prazos de preaviso reflectidos na lexislación nin notificarllo nin comunicarllo aos representantes dos traballadores afectados por tales modificacións, é dicir, ao Comité de Empresa.

Na actualidade o Concello só conta con tres traballadores de limpeza de edificios para os seguintes locais: CEIP Francisco Vales Villamarín e aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, Escola Infantil Municipal e Conservatorio López García-Picos, Biblioteca e Arquivo Municipal Castelao, Museo das Mariñas, Oficina Municipal de Información Xuvenil e Aula Cemit, Oficinas Xerais do edificio Liceo, Oficina de Turismo, Local social da Terceira Idade, Oficinas da Policía Municipal, Casa do Concello, Oficinas de Servizos Sociais e Centro de Formación Ocupacional. Tema a parte é a distribución do traballo de limpeza, con claros indicios de discriminación no reparto da carga laboral, que na actualidade conta cun só traballador para o CEIP Francisco Vales Villamarín, unha traballadora para Escola Infantil Municipal e Conservatorio e finalmente unha outra que ten asignada a limpeza das outras trece dependencias.

Neste último caso é especialmente grave a situación non só pola asignación de trece dependencias e a desproporcionada carga laboral que iso supón senón porque esa traballadora tiña concedida unha conciliación laboral e familiar por resolución da Alcaldía que lle deixaron de aplicar dun día para outro ao modficarlle mediante unha orde verbal o lugar e horario de traballo e partirlle a xornada de xeito que claramente dificulta a conciliación concedida con anterioridade. Este tipo de modificación das condicións laborais incumpre claramente o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores e vulnera os dereitos do persoal, para alén de que a propia situación redunde claramente nunha sobrecarga laboral que as baixas existentes neste servizo de limpezo demostrar que é insostible.

A situación a día de hoxe é completamente precaria logo 2 despedimentos, 4 baixas non cubertas, 3 xubilacións sen reposición de efectivos e 1 traballadora de limpeza destinada a outras funcións. Na actualidade hai unha listaxe de substitucións vixente da que o Concello debe facer uso, mais recentemente e no canto de botar man desta, contratou a unha empresa para a limpeza dos edificios, iniciando o camiño da privatización de costas ao Comité e entendemos que a todos os outros partidos da oposición. Esta decisión é completamente inaceptable para este Comité de Empresa porque consideramos que vulnera o propio procedemento da Administración local para a contratación de persoal, toda vez que foi o propio Concello o que decidiu abrir unha listaxe para substitucións que a día de hoxe está vixente porque non se publicou ningunha disposición en contra. Esta ferramenta é a máis inmediata para solucionar o problema de efectivos da que o Concello pode botar man, e así o está a facer noutros servizos, como é axuda a domicilio, onde mesmo as vacacións das traballadoras están a ser cubertas na actualidade ao abeiro da listaxe de substitucións, o que demostra claramente que esta non só é unha vía que pode tomar o Concello senón que mesmo o está a facer para cubrir as vacacións doutros servizos.

Foi o alcalde a 1 día de constituírse a actual corporación o que asinou os despedimentos de dúas compañeiras contratadas para limpeza do aulario e as preavisou con tres días e sen nin sequera reunirse coas compañeiras afectadas. Durante meses non lle aclarou ao Comité que pasaría con estes postos logo as eleccións cando é obvio que o tiña claro e xa o propio Comité advertira cando as contrataron que os contratos, en presunta fraude de lei, poderían levar a unha reclamación xudicial no momento en que decidisen rescindir o contrato, tal e como finalmente pasou.

Á vista de todo o relatado solicitamos o apoio de todos os partidos que forman parte da corporación para que se manteña o servizo de limpeza e a xestión directa deste por parte do Concello de Betanzos como servizo público e non se externalice e privatice este servizo. Para isto é preciso non deixalo esmorecer e cubrir as baixas e vacantes necesarias para que o servizo poida ser prestado en condicións por traballadores municipais e non se sobrecargue de traballo ao persoal como se vén facendo na actualidade, do contrario estaríase favorecendo a privatización e a externalización para solucionar unha situación causada polo propio goberno municipal logo de anos sen solucionar os problemas de falta de persoal deste servizo esencial e básico no Concello de Betanzos.

Betanzos, 7 de xullo de 2015

Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

Presentadas as reclamacións previas das traballadoras do aulario despedidas recentemente

As compañeiras despedidas veñen de presentar antes o Concello en tempo e forma as reclamacións correspondentes solicitando a improcedencia dos despedimentos que o Concello levou a cabo na segunda quincena do pasado mes.

A necesidade deses postos de traballo non só está xustificada pola urxencia da creación das prazas ao inicio do pasado curso senón porque logo do despedimento das compañeiras o Concello enviou a unha traballadora de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín a cubrir parcialmente o seu traballo, o que demostra claramente que a obra ou servizo non finalizara, tal e como defende o Concello para as despedir. A maiores, desde a CIG entendemos que a limpeza dun centro de ensino é un servizo básico que non finaliza a non ser que o centro peche, e para nada foi o caso, porque ata onde sabemos o aulario segue e seguirá funcionando.

Desde a Sección sindical da CIG censuramos a forma de actuar do Concello de Betanzos nestes despedimentos e queremos amosarlle o noso total apoio ás compañeiras afectadas, ademais de agardar que estas reclamacións se resolvan de xeito favorable para as traballadoras afectadas, tal e como sería de xustiza.


06/07/15

O Concello vulnera dereitos, discrimina e sobrecarga ao persoal de limpeza, un servizo público que fai camiñar cara ao desmantelamento

Os problemas da falta de persoal no servizo de limpeza comezan a afectarlle seriamente aos cada vez máis escasos compañeiros e compañeiras que forman parte deste. O Concello, no canto de cubrir as baixas, cousa que está demostrado que pode facer á vista de que acaba de cubrir mesmo as vacacións de axuda a domicilio, teime en sobrecargar ao persoal e mesmo modificar condicións laborais á vista de dificultar a conciliación da vida laboral e familiar.

Desde a CIG consideramos a situación actual da xestión deste servizo completamente nefasta e coidamos que é hora de que o goberno municipal tome decisións firmes e inmediatas se quere demostrar que non está tentando desmantelar o servizo para logo privatizalo e externalizalo, por iso reunimos mañá o Comité coa idea de dar pasos adiante e ir máis aló toda vez que vemos que a última reunión co alcalde logo do despedimento das compañeiras do aulario non serviu para practicamente nada.

Na liña de protestas ante o descaro na vulneración de dereitos do persoal e  falta de respecto que demostra o goberno municipal ao modificar condicións laborais de xeito unilateral sen negociación de ningún tipo, nin notificacións nin aos propios interesados nin ao Comité de Empresa o Comité solicitoulle por rexistro ao Concello o seguinte:

Que o Concello de Betanzos cumpra estritamente a legalidade vixente no que ten a ver coas condicións laborais do persol laboral ao servizo desta Administración, informe e notifique puntualmente ao Comité de Empresa de todas as modificacións que promova e facilite a conciliación laboral e familiar do persoal no canto de a dificultar, nomeadamente ao persoal que a ten concedida por unha resolución da Alcaldía vixente.

 Que o Concello de Betanzos tome as medidas oportunas para cubrir as baixas e xubilacións do servizo de limpeza de edificios e faga unha distribución equitativa do traballo entre o persoal do mesmo departamento non tal e como se está a facer na actualidade, posto que está repercutindo nun claro deterioro do servizo público.

Aquí tendes o escrito rexistrado onde se relata polo miúdo a situación de vulneración da legalidade vixente en materia laboral na que o Concello está a incorrer e o Comité, por inicitiva da CIG, transmítelle  o seu malestar e solicítalle que tome as medidas oportunas de cara a solucionar a delicada situación que atravesa este servizo sen facer recaer responsabilidades que non lle corresponden ao persoal nos poucos traballadores con que conta o servizo.



02/07/15

O goberno convoca unha praza na que un Ciclo Superior dá acceso a un posto de grupo 2

A convocatoria da praza para a Oficina de Turismo que se publicou no BOP nos pasados días ten diversas incorreccións que suporían irregularidade e que a CIG lle comunicou ao goberno municipal a semana pasada.

Unha das que consideramos máis graves, é así llo advertimos ao goberno, é que nos requisitos hai unha clara contradición entre a titulación requirida e o grupo de adscrición, posto que se o que se acredita é estar en posesión dun título académico de formación profesional do Ciclo Superior o posto de adscrición non podería ser do grupo 2, precisaría un título universitario de grao, ou antiga diplomatura ou equivalente para poder pertencer a ese grupo. En todo caso, correspondería ao novo grupo B de funcionarios que na actualidade non existe para o persoal laboral deste Concello. Esta adscrición a un grupo 2 cun requerimento de titulación inferior ao necesario para o posto non só vai na contra da lexislación vixente senón que supón un agravio discriminatorio no caso de existir persoal ao que se lle requirise esa titulación mais estea adscrito a un grupo inferior ao indicado para este posto de traballo.

A titulación de acceso para un grupo 2 non é só que non poida ser un Ciclo Superior, senón que ao "subir" de categoría deste xeito a un posto de nova creación vai contra a lexislación vixente en materia de provisión de postos. 

Deixámosvos o escrito rexistrado:

A CIG convoca unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa para tomar medidas contra o desmantelamento do servizo de limpeza

A CIG vai convocar unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa para decidir que pasos seguir ante o desmantelamento do servizo de limpeza que se iniciou na lexislatura anterior e que se consuma nos primeiros días desta con despedimentos, non cobertura de baixas e modificación substancial das condicións laboral do persoal adscrito a este servizo.

Deixámosvos a convocatoria que se fai coa idea de levarmos a cabo accións conxuntas, non obstante, independentemente da postura da UGT que moito se ten postulado a favor dos despedimentos de compañeiros e do lado do Concello na anterior lexislatura, a CIG fará uso da súa maioría e tomará as decisións oportunas e pertinentes para levar á rúa e ao coñecemento público a situación extrema que está a padecer o escasísimo persoal que forma agora parte do servizo de limpeza, nomeadamente de edificios.

Publícase no BOP a información do novo goberno

No Boletín Oficial da Provincia do 1 de xullo publicouse toda a información relativa ao novo goberno e as delegacións que vos deixamos abaixo. A maiores da información publicada, as retribucións dos membros do goberno serán as seguintes:

DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS: 

Alcalde, Ramón García: 3441,26 euros mensuais brutos mais dúas pagas extraordinarias anuais do mesmo importe que unha mensualidade. TOTAL: 48,177.64 euros anuais

Concelleiros: Diego Fernández e Antonio Vázquez: 2704 euros  mensuais brutos mais dúas pagas extraordinarias anuais do mesmo importe que unha mensualidade. TOTAL: 32448 euros anuais.

NON ESTÁ MAL TENDO EN CONTA QUE MÁIS DA METADE DO PERSOAL LABORAL DESTE CONCELLO NON CHEGA NA ACTUALIDADE AO 14000 EUROS BRUTOS AO ANO, NON PENSADES?

INDEMNIZACIÓNS:

Pleno: ordinario 235 euros
          extraordinario 58,75 euros

Xunta de Goberno Local: Deliberante 152,75 euros
                                        Decisoria: 115,50 euros
                                        Extraordinaria: 94 euros
                                        

A CIG rexeita na rúa a Lei Mordaza, que o Goberno poderá usar de xeito discrecional e arbitrario para reprimir a protesta social

A CIG rexeitou hoxe na rúa a nova Lei de Seguridade Cidadá do PP, coñecida popularmente como Lei Mordaza polo que supón de ataque contra as liberdades públicas, coincidindo coa súa entrada en vigor ao entender que o Goberno poderá utilizala a partir de agora de xeito “discrecional e arbitrario” para reprimir a protesta e a contestación social. Centos de delegados/as sindicais da central participaron nas concentracións convocadas nas Subdelegacións, nas sedes do partido conservador e na Xunta para esixir a súa derrogación.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na mobilización celebrada diante da Delegación do Goberno español na Coruña, denunciou que a nova lei supón “un Código Penal en mans do goberno de turno, que vai poder utilizar de xeito discrecional e arbitrario para reprimir calquera contestación social que non sexa do seu gusto”.

Seixo fixo fincapé en que a partir da entrada en vigor hoxe mesmo desta normativa a cidadanía fica nunha total indefensión xa que o que vai prevalecer á hora de impoñer sancións por parte da Administración pública será o informe da Policía, que ten presunción de veracidade. “Nós temos sufrido xa nas nosas propias carnes informes policiais falsos e manipulados feitos por cargos policiais que obedecen ordes directas do Ministerio do Interior”, lembrou.

Neste senso, cualificou a nova lei como lesiva e salientou que ataca dereitos fundamentais, polo que anunciou que a CIG seguirá a convcar mobilizacións para esixir que sexa derrogada. “Agardamos que o PP dure pouco no Goberno e que quen o substitúa teña unha visión algo máis democrática da sociedade e retire esta normativa”, rematou.

De conflitos laborais a conflitos de orde pública

Para a central sindical outro dos espectos negativos desta lei é que converte os conflitos laborais en conflitos de orde pública e introduce un catálogo de faltas ou infraccións que non pondera as circunstancias especiais que concorren no exercicio dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e de folga, o que pode producir efectos contrarios á propia Constitución española.

Alerta da impunidade que isto lle outorga á Policía fronte á contestación social e denuncia que se pon en mans do Goberno un mecanismo de sancións abusivas que, ademais, deberán ser pagadas aínda que logo haxa a posibilidade de as recorrer pola vía do contencioso, impondo un castigo económico inmediato co obxectivo de afogar así a mobilización social.

Denuncia tamén a limitación que isto supón para articular unha resposta inmediata, e ás veces mesmo espontánea, a determinadas decisións políticas ao considerar como “perturbación” mobilizarse diante de institucións do Estado, o Parlamento de Galiza ou mesmo os tribunais se non está comunicada con 10 días de antelación.

Alerta de que de aquí en diante considerarase falta grave parar un desafiuzamento, “desobedecer á autoridade”ou actuar nun piquete de se considerar que houbo coacción á folga.

Para a CIG o PP pretende garantirse instrumentos que lle permitan actuar de forma directa sobre os movementos sociais sen agardar que iso poida ir pola vía penal, convertendo o conflito social que eles mesmos provocan nun continuo conflito de orde pública. Un ataque brutal, en síntese, a dereitos sobre os que se asenta a participación democrática: liberdade de expresión, de reunión, de manifestación e de folga.
Infraccións moi graves

 A lei penaliza as consideradas faltas moi graves con entre 30.001 e 600.000 euros de sanción e considera como tal manifestacións non comunicadas ante infraestruturas críticas ou celebrar espectáculos públicos quebrantando a prohibición ordenada pola autoridade correspondente, entre outras.

Ademais recolle que a responsabilidade será de “organizadores ou promotores”: sindicatos, comités de empresa, delegados/as de persoal, seccións sindicais e mesmo a asemblea de traballadores/as”, o que pode conducir doadamente á súa asfixia económica.

Infraccións graves

As infraccións graves poden ser sancionadas con multas de 601 a 30.000 euros. Como tales considéranse as concentracións diante do Parlamento; a solidariedade en casos de despexos ou a presenza de traballadoras/es ou representantes sindicais en infraestruturas ou instalacións que presten servizos básicos para a comunidade.

Infraccións leves

Para estes casos a lei contempla sancións de até 600 euros e considera como tales a ocupación de calquera inmóbel en contra da vontade da/o seu titular; colocar un adhesivo nun ben público ou privado sen necesidade sequera de denuncia do propietario; as faltas de respecto e consideración que teñen como destinatario un membro das forzas e corpos de seguridade do Estado ou non ter a documentación persoal legalmente exixida ou non denunciar o seu roubo ou perda, entre outros.


O emprego do teléfono móbil

Ergonomía

Manter unha boa postura é fundamental para evitar problemas de saúde. No caso dos traballos sedentarios, as malas posturas poden dar lugar a dores de espalda, de cabeza, fatiga visual e cansanzo crónico entre outros. A día de hoxe, o teléfono móbil ou smartphone ten un espazo moi importante na nosa vida tanto como ferramenta de traballo como na nosa vida fora do traballo. O emprego que facemos del pode ter consecuencias importantes dende o punto de vista ergonómico, xa que a postura que adoptamos para consultalo ou traballar con él supón unha presión sobre as vértebras do pescozo. Presión que pode dar lugar a dores de cabeza e lumbares.


A postura que adoptamos cando consultamos o teléfono, cunha inclinación do pescozo duns 60 grados, unido ao peso que exercemos sobre a zona e a que mantemos ésta posición forzada do corpo durante períodos de tempo superiores a dous minutos son causa directa do emprego desta tecnoloxía.

Ademáis dos problemas ergonómicos asociados ao emprego do teléfono móbil, non podemos deixar de citar a adicción que que provoca en moitas persoas, que viven totalmente "enganchadas".  O corto animado realizado por un estudante chinés, premio anual da Central Academy of Fine Art, reflexiona sobre as consecuencias desta adicción, a través dun esaxerado humor negro, que describe o que lles sucede ás persoas que son incapaces de deixar de prestar atención ao dispositivo que levan na palma da man.