O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, na reunión extraordinaria mantida hoxe acordou iniciar unha serie de accións contra o desmantelamento do servizo de limpeza, a primeira delas, poñer en coñecemento de todos os partidos con representación no Concello a gravísima situación pola que está a pasar este servizo público de cara a solicitar o apoio para levar a cabo as medidas necesarias para lle dar continuidade nas mellores condicións posibles.
O texto non fai máis que describir e denunciar a situación de precariedade do servizo logo da non cobertura de baixas, xubilacións e despedimentos, mais foi aprobado por catro votos a favor e unha abstención do representante da UGT no Concello, que teima en defender as irregularidades e pretendía que no texto se ocultase información sobre a situación real dos efectivos de limpeza de edificios. Non obstante, tal e como anunciamos, desde a CIG seguiriamos para adiante coas accións que consideramos oportunas e entendemos que todos os partidos con representación deben ter coñecemento da situación de desmantelamento do servizo de limpeza.
O comunicado enviado esta mesma tarde pola presidenta do Comité de Empresa ao PSOE/PP/BN/BNG e CXG é o seguinte:
En nome do Comité de
Empresa do Concello de Betanzos e por acordo tomado na reunión
extraordinaria que tivo lugar o 7 de xullo de 2015 no Centro de
Formación Ocupacional dirixímonos ao PSOE/PP/BN/BNG/CXG para
transmitirlle a nosa preocupación polo desmantelamento do servizo de
limpeza do Concello de Betanzos que está composto na súa inmensa
maioría por persoal laboral.
Esta situación leva un
tempo sendo crítica e agravouse nos últimos tempos, especialmente
nas pasadas semanas cos despedimentos de varias compañeiras, as
baixas en aumento polo exceso de carga laboral en moitos casos e a
modificación indiscriminada de condicións laborais sen cumprir os
prazos de preaviso reflectidos na lexislación nin notificarllo nin
comunicarllo aos representantes dos traballadores afectados por tales
modificacións, é dicir, ao Comité de Empresa.
Na actualidade o Concello
só conta con tres traballadores de limpeza de edificios para os
seguintes locais: CEIP Francisco Vales Villamarín e aulario do CEIP
Francisco Vales Villamarín, Escola Infantil Municipal e
Conservatorio López García-Picos, Biblioteca e Arquivo Municipal
Castelao, Museo das Mariñas, Oficina Municipal de Información
Xuvenil e Aula Cemit, Oficinas Xerais do edificio Liceo, Oficina de
Turismo, Local social da Terceira Idade, Oficinas da Policía
Municipal, Casa do Concello, Oficinas de Servizos Sociais e Centro de
Formación Ocupacional. Tema a parte é a distribución do traballo
de limpeza, con claros indicios de discriminación no reparto da
carga laboral, que na actualidade conta cun só traballador para o
CEIP Francisco Vales Villamarín, unha traballadora para Escola
Infantil Municipal e Conservatorio e finalmente unha outra que ten
asignada a limpeza das outras trece dependencias.
Neste último caso é
especialmente grave a situación non só pola asignación de trece
dependencias e a desproporcionada carga laboral que iso supón senón
porque esa traballadora tiña concedida unha conciliación laboral e
familiar por resolución da Alcaldía que lle deixaron de aplicar dun
día para outro ao modficarlle mediante unha orde verbal o lugar e
horario de traballo e partirlle a xornada de xeito que claramente
dificulta a conciliación concedida con anterioridade. Este tipo de
modificación das condicións laborais incumpre claramente o artigo
41 do Estatuto dos Traballadores e vulnera os dereitos do persoal,
para alén de que a propia situación redunde claramente nunha
sobrecarga laboral que as baixas existentes neste servizo de limpezo
demostrar que é insostible.
A situación a día de
hoxe é completamente precaria logo 2 despedimentos, 4 baixas non
cubertas, 3 xubilacións sen reposición de efectivos e 1
traballadora de limpeza destinada a outras funcións. Na actualidade
hai unha listaxe de substitucións vixente da que o Concello debe
facer uso, mais recentemente e no canto de botar man desta, contratou
a unha empresa para a limpeza dos edificios, iniciando o camiño da
privatización de costas ao Comité e entendemos que a todos os
outros partidos da oposición. Esta decisión é completamente
inaceptable para este Comité de Empresa porque consideramos que
vulnera o propio procedemento da Administración local para a
contratación de persoal, toda vez que foi o propio Concello o que
decidiu abrir unha listaxe para substitucións que a día de hoxe
está vixente porque non se publicou ningunha disposición en contra.
Esta ferramenta é a máis inmediata para solucionar o problema de
efectivos da que o Concello pode botar man, e así o está a facer
noutros servizos, como é axuda a domicilio, onde mesmo as vacacións
das traballadoras están a ser cubertas na actualidade ao abeiro da
listaxe de substitucións, o que demostra claramente que esta non só
é unha vía que pode tomar o Concello senón que mesmo o está a
facer para cubrir as vacacións doutros servizos.
Foi o alcalde a 1 día de
constituírse a actual corporación o que asinou os despedimentos de
dúas compañeiras contratadas para limpeza do aulario e as preavisou
con tres días e sen nin sequera reunirse coas compañeiras
afectadas. Durante meses non lle aclarou ao Comité que pasaría con
estes postos logo as eleccións cando é obvio que o tiña claro e xa
o propio Comité advertira cando as contrataron que os contratos, en
presunta fraude de lei, poderían levar a unha reclamación xudicial
no momento en que decidisen rescindir o contrato, tal e como
finalmente pasou.
Á vista de todo o
relatado solicitamos o apoio de todos os partidos que forman parte da
corporación para que se manteña o servizo de limpeza e a xestión
directa deste por parte do Concello de Betanzos como servizo público
e non se externalice e privatice este servizo. Para isto é preciso
non deixalo esmorecer e cubrir as baixas e vacantes necesarias para
que o servizo poida ser prestado en condicións por traballadores
municipais e non se sobrecargue de traballo ao persoal como se vén
facendo na actualidade, do contrario estaríase favorecendo a
privatización e a externalización para solucionar unha situación
causada polo propio goberno municipal logo de anos sen solucionar os
problemas de falta de persoal deste servizo esencial e básico no
Concello de Betanzos.
Betanzos, 7 de xullo de
2015
Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de
Empresa
Ningún comentario:
Publicar un comentario