27/07/15

Mañá, martes 28 de xullo, moción e concentración

Logo de que o Comité de Empresa alertase aos partidos da oposición da preocupante situación do servizo de limpeza municipal e dos pasos que o goberno municipal está a dar para o seu desmantelamento e privatización, todos os partidos da oposición, agás o Partido Popular amosaron o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras.

Este apoio materializouse na presentación dunha moción conxunta de Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia onde se insta ao goberno municipal a manter o servizo de limpeza de xestión directa e que se cubran, sen máis dilacións, as baixas e xubilacións mediante a contratación de persoal.

Mañá, ás 20:30 h terá lugar o pleno municipal onde se debaterá a moción, motivo polo que tamén o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, convocou ás 20:10 h diante da Casa do Concello unha concentración de protesta contra o desmantelamento e a privatización do servizo de limpeza municipal e en apoio ás compañeiras de limpeza despedidas no mes pasado.

Desde a CIG agardamos que a moción poida saír para diante e que a súa aplicación sexa o primeiro chanzo para frear a privatización que o Concello aos poucos, paseniñamente e sen facer ruído está levando a cabo. O goberno municipal xa contratou ata en dúas ocasións persoal de limpeza externo no canto de cubrir as baixas e vacantes polos procedementos legalmente previstos e que garantan a xestión directa do servizo público.

Ánimamos a todos os compañeiros e compañeiras, laborais e funcionarios, a asistir, porque a privatización dos servizos públicos aféctanos a todos e todas, hoxe é limpeza, mañá as asesorías e pasado o resto dos servizos. É lamentable que no inicio da lexislatura haxa que tomar este tipo de determinacións mais a cidadanía debe ser coñecedora de que é o Partido Socialista Obreiro Español de Betanzos o que está a levar a cabo en sucesivos gobernos a maior destrución de emprego público ata o momento nesta Administración local mediante a non cobertura de vacantes nin baixas. A finalidade que o move descoñecémola mais se algo temos claro é que O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS

CONTRA O DESMATELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA

ACUDE Á CONCENTRACIÓN MAÑÁ ÁS 20:10 H DIANTE DA CASA DO CONCELLO

Ningún comentario:

Publicar un comentario