29/12/15

NOTA DE PRENSA: O CONCELLO DE BETANZOS DESPIDE A UNHA TRABALLADORA DE LIMPEZA PARA PRIVATIZAR A LIMPEZA DO COLEXIO

O CONCELLO DE BETANZOS DESPIDE A UNHA TRABALLADORA DE LIMPEZA PARA PRIVATIZAR A LIMPEZA DO COLEXIO


Desde a federación de Administración Pública da CIG queremos denunciar a discriminación que vén de cometer o goberno municipal socialista ao despedir a unha traballadora de limpeza cunha sentenza favorable para a readmisión e que abría a posibilidade a que a limpeza dos centros de ensino volvese a ser un servizo público. O goberno de Ramón García vén de decidir rescindirlle o contrato á traballadora que denunciou e indemnizala coa cantidade á que o condena o xulgado por un caso claro de despedimento improcedente. Con esta decisión o goberno do PSOE demostra unha clara actitude de distinción entre os traballadores e traballadoras xa que cando se trata de membros do sindicato afín ao PSOE nin sequera vai ao xuízo e cando se trata dunha compañeira non representada polo seu sindicato mesmo vai en contra dun acordo plenario contra a privatización con tal de despedila.

A semana pasada a CIG daba a coñecer a sentenza e lembraba a gravidade do despedimento toda vez que a traballadora do servizo de limpeza municipal foi substituída de inmediato por unha empresa privada sen concesión. Semanas despois do despedimento, e logo de que o Comité de Empresa informase da delicada situación do servizo de limpeza municipal e os traballadores do Concello de Betanzos se manifestasen diante do Pleno contra a privatización deste servizo, o Pleno da Corporación acordou por unanimidade o mantemento do servizo de limpeza como público e comprometeuse a adoptar as medidas necesarias para que fose desempeñado por empregados públicos nas mellores condicións posibles. Cinco meses logo o goberno do PSOE decide medidas totalmente contrarias ás adoptadas no acordo plenario e despide aos traballadores propios en vez de eliminar a empresa privada de limpeza.

Desde a federación de Administración Pública da CIG consideramos esta decisión aínda máis grave aínda se temos en conta a clara discriminación entre traballadores dependendo da afinidade sindical que ten demostrado nos últimos tempos o goberno socialista, e que pode facernos interpretar este despedimento como unha represalia ás manifestacións públicas contra a privatización da limpeza municipal que a CIG encabezou nos pasados meses. Non obstante, nin esta nin outras represalias conseguirán que cesemos na nosa a loita contra a privatización dos servizos públicos municipais e na denuncia pública das discriminacións e irregularidades do goberno municipal do Concello de Betanzos.

Betanzos, 29 de decembro de 2015

Roberto Tizón Miguéns
Responsable comarcal da Federación de Administración Local




Real Decreto 1150/2015 polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social

O BOE do sábado 19 de decembro de 2015 publica o Real Decreto 1150/2015, do 18 de decembro, polo que se modifica o Real Decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro.

Este Real Decreto modifica os anexos 1 e 2 do Real Decreto 1299/2006, de 10 de novembro.

22/12/15

O xulgado recoñece como improcedente o despedimento da compañeira de limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín

Desde a CIG vimos de saber que o xulgado lle deu a razón á compañeira de limpeza despedida do aulario e que foi substituída por persoal dunha empresa privada e que recoñece a improcedencia do despedimento, ademais de instar ao Concello a que proceda a readmitila ou indemnizala coa contía que lle corresponde por despedimento improcedente.

Hai só unhas semana tiña lugar o xuízo da demanda dunha traballadora logo de que en xuño de 2015 fose cesada sen mediar palabra do seu posto de traballo para que poucos meses despois o Concello privatizase a limpeza do aulario do colexio municipal no que na actualidade traballa unha empresa cuxo nome descoñecemos porque nin sequera saíu a concurso público. Xa en outubro de 2014, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, advertiu da presunta fraude duns contratos por obra ou servizo que obviamente non eran tal, tal e como vén indicar o xulgado do social, posto que a limpeza dun centro de ensino non é unha obra ou servizo determinada porque mentres o Concello teña esa concesión deberá seguir prestándose o servizo ao longo do tempo.

O goberno municipal, pois, despediu de xeito improcedente e privatizou de inmediato por capricho propio, e o xulgado vén de lle dar a razón, unha vez máis, á Confederación Intersindical Galega. Neste caso, ao igual que nos anos 2012, 2013 e 2014, agardamos que o Concello proceda á readmisión da compañeira despedida e a limpeza do centro público volva ser realizada de novo por empregados municipais, toda vez que foi a propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e mais o alcalde, Ramón García, os que sempre lle indicaron ao Comité que a privatización da limpeza foi unha solución de urxencia (a pesar de que xa levamos seis meses con isto) e a intención é que ese traballo fose desenvolvido por empregados e empregadas públicas. Agora, tamén, poderemos comprobar se os acordos do pleno se levan a cabo e lles fan o mínimo caso ás reclamacións dos partidos da oposición ou volven os tempos do nepotismo ilustrado do goberno municipal.

Ademais, e tendo en conta que recentemente tivemos coñecemento dun claro caso de favoritismo no xulgado a favor do representante da UGT no Concello de Betanzos, cun ascenso de dúas categorías profesionais (de grupo 4 a grupo 2) e que lle supuxo unha suba de salario anual de moitos miles de euros (mais os que lle corresponderán pola nova categoría no momento en que o convenio co que tanto está en contra entre en vigor) grazas á non comparecencia do Concello de Betanzos no xuízo, grazas a que o Concello decidiu non asistir a este xuízo mentres que en todos os casos de demandas realizadas por traballadores e traballadoras nestes últimos anos non só asistiu senón que tivo unha defensa das irregularidades cometidas en material laboral que de nada lle serviu á vista das sentenzas favorables á CIG e mais aos traballadores que demandaron por despedimento improcedente; agardamos que o Concello recapacite e non sexa quen de volver discriminar ao persoal en función de nomes e apelidos, e que se readmitiu a todos os compañeiros do anterior GRUMIR aos que o xulgado lles deu a razón e nin foi quen de asistir ao xuízo do delegado representante da UGT para facilitarlle a suba de salario e categoría profesional, non discrimine neste caso á compañeira cunha sentenza favorable e a readmita de inmediato ao posto de traballo que tiña na limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín.

Por certo, logo de saber que o Concello decidiu non asistir ao xuízo do representante da UGT, o que claramente o favoreceu para gañar, a representación do Comité de Empresa preguntoulle ao propio concelleiro de Persoal se é que desde outubro de 2014, data en que na sentenza do devantido delegado se indica "que a parte demandada (ou sexa, o Concello), non comparece a pesar de constar debidamente citada e que se celebra o xuízo na súa ausencia" o Concello tiña como nova estratexia non asistir aos xuízos para darlle a razón ao persoal, mais non só Diego Fernández indicou que non é así, senón que se escusou indicando que a culpa foi do asesor xurídico que non puido asistir, escusa que obviamente é de "mal pagador" porque sabemos que no caso de non poder asistir o xuízo pode adiarse e logo a sentenza recorrerse, e ningunha das dúas cousas o goberno fixo, mais o que está claro é que neste último xuízo da compañeira da CIG o Concello e o seu letrado si que asistiu, aínda que de pouco lle valeu, posto que o xulgado do social lle deu a razón á compañeira de limpeza.

Se ao goberno municipal lle quedase algo de decencia, logo do escándalo de trato preferente ao representante da UGT no Concello de Betanzos pola non comparecencia nun xuízo que supuxo que un traballador ascendese dúas categorías profesionais e tivese unha considerable suba salarial, debería apandar cos erros, tal e como fixo cos compañeiros con sentenzas favorables nos últimos anos, e readmitir á compañeira de limpeza coa idea de que sexan empregados públicos os que limpen os edificios municipais para o acordo plenario contra a privatización da limpeza municipal aprobado por unimidade hai só uns meses.

CONTRA A PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS
READMISIÓN XA!


Aquí tendes unha relación de novas relacionadas desde o mesmo momento desta contratación fraudulenta e que dan conta do grave conflito pola privatización da limpeza municipal que comezou o goberno do PSOE de Betanzos:

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO COMITÉ DE EMPRESA















Sentenza que recoñece o dereito a modificar o horario de entrada no traballo para levar aos fillos á gardería

Na sentenza recóllese que «o dereito do traballador debe prevalecer» sobre as dificultades organizativas que alega a empresa", que a Constitución consagra a «protección integral dos fillos/as» e que corresponde aos poderes públicos, entre os que están os tribunais, velar por ese principio.

O traballador, cociñeiro nun centro de rehabilitación para usuarios con dano cerebral, solicitou a principios do curso escolar unha modificación no seu horario, cando este se desenvolve en horario de mañá, consistente en incorporarse ao seu posta unha hora máis tarde, recuperando o tempo ao final da xornada; esta solicitude de modificación prantexouse co fin de levar ao seu fillo á gardería, que abre as súas portas á mesma hora que comeza o horario do pai. A dirección do centro denegou a petición alegando as necesidades do servizo que presta o centro asistencial.

A xuíza do caso, despois de escoitar as testemuñas de compañeiros do demandante en relación á organización das tarefas da xornada, consultar a xurisprudencia e o convenio colectivo dos empregados públicos, no que se recoñece o dereito a flexibilizar nunha hora o horario dos traballadores que teñan ao seu cargo nenos/as, maiores ou discapacitados,  accedeu á petición do demandante. Na sentenza exponse que esta é unha medida puntual que non supón unha modificación permanente do turno de traballo e non se considera que "vaia a afectar de forma drástica ao servizo".



O INSHT reedita a Guía técnica para a avaliación e a prevención dos riscos relativos á utilización dos lugares de traballo

A Guía, actualizada a marzo de 2015, proporciona criterios e recomendacións que poden facilitar aos empresarios/as e aos responsables de prevención a interpretación e aplicación do Real Decreto 486/1997, especialmente no que se refire á avaliación de riscos para a saúde dos traballadores e traballadoras involucrados e no concernente a medidas preventivas aplicables.

Técnico de prevención e director condenados a unha multa de 5.400 € pola morte dun traballador

O director da empresa e o técnico de prevención foron condenados como autores de senllos delitos contra os dereitos dos traballadores, en modalidade imprudente, e de homicidio por imprudencia grave tras o acordo ao que chegaron antes da celebración da vista oral o fiscal e a representación legal dos acusados.

O Xulgado do Penal de Soria condenou ao director e ao técnico de prevención dunha empresa de Ólvega a unha multa de 5.400 €, por un accidente laboral ocorrido en novembro de 2013 no que faleceu un traballador.

A vítima traballaba nunha empresa dedicada á fabriación de produtos básicos de ferro aceiro e ferroaleacións como peón especialista. Cando traballaba na limpeza dos cazos de arranque da liña o maquinista da coada continua accionou a panca de desprazamento do carro tundish, despois de advertir á vítima a fin de que non estivese na súa traxectoria. A picaraña do carro golpeou a parte saínte do sector móbil, derrubándoa e caendo sobre a vítima, que quedou atrapado e o seu corpo resultou esmagado, segundo o relato do fiscal. Como consecuencia dos feitos, o traballador sufriu un traumatismo torácico-abdominal, así como lesións traumáticas en extremidades, falecendo posteriormente por shock traumático.

O director da empresa e o técnico de prevención foron condenados como autores de senllos delitos contra os dereitos dos traballadores, en modalidade imprudente, e de homicidio por imprudencia grave tras o acordo ao que chegaron antes da celebración da vista oral o fiscal e a representación legal dos acusados.


A pena inicial solicitada por parte do fiscal era de senllas multas de 5.400 euros e a inhabilitación para ambos para desempeñar os postos laborais durante un período de dous anos.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

A CIG solicita a apertura dunha negociación sobre a xornada de traballo

No BOE do xoves 10 de decembro de 2015 publicouse a "Resolución de 25 de noviembre de 2015, de la Secretaría de Estado de Administraciones Públicas, por la que se modifica la de 28 de diciembre de 2012, por la que se dictan instrucciones sobre jornada y horarios de trabajo del personal al servicio de la Administración General del Estado y sus organismos públicos."

Dita resolución engade ao epígrafe 7.2 da Resolución de 28 de decembro de 2012, un segundo paragrafo coa seguinte redacción:

«Por motivos de conciliación de la vida personal, familiar y laboral, los empleados públicos con hijos, descendientes o personas sujetas a su tutela o acogimiento de hasta 12 años de edad, podrán acogerse a esta modalidad de jornada intensiva desde el 1 de junio y hasta el 30 de septiembre de cada año. Este derecho podrá ejercerse también en el año en el que el menor cumpla la edad de 12 años.»
Introduce no apartado 8 da Resolución de 28 de decembro de 2012, un novo epígrafe 8.6 coa seguinte redacción:

    «8.6 Los empleados públicos que se reincorporen al servicio efectivo a la finalización de un tratamiento de radioterapia o quimioterapia, podrán solicitar una adaptación progresiva de su jornada de trabajo ordinaria. La Administración podrá conceder esta adaptación cuando la misma coadyuve a la plena recuperación funcional de la persona o evite situaciones de especial dificultad o penosidad en el desempeño de su trabajo. Esta adaptación podrá extenderse hasta un mes desde el alta médica y podrá afectar hasta un 25% de la duración de la jornada diaria, preferentemente en la parte flexible de la misma, considerándose como tiempo de trabajo efectivo. La solicitud irá acompañada de la documentación que aporte el interesado para acreditar la existencia de esta situación, y la Administración deberá resolver sobre la misma en un plazo de tres días, sin perjuicio de que, para comprobar la procedencia de esta adaptación, la Administración podrá recabar los informes del Servicio de Prevención de Riesgos Laborales o de cualesquiera otros órganos que considere oportuno sobre el tratamiento recibido o las actividades de rehabilitación que le hayan sido prescritas.
El plazo al que se refiere el párrafo anterior podrá ampliarse en un mes más cuando el empleado público justifique la persistencia en su estado de salud de las circunstancias derivadas del tratamiento de radioterapia o quimioterapia.
Con carácter excepcional, y en los mismos términos indicados, esta adaptación de jornada podrá solicitarse en procesos de recuperación de otros tratamientos de especial gravedad, debiendo en este supuesto analizarse las circunstancias concurrentes en cada caso.»


Diante disto, a CIG ven de dirixir un escrito a Función Pública no que, sen menoscabo da normativa específica dos procedementos aplicables ao persoal funcionario e/ou laboralsolicita a apertura dun proceso negociador coas organizacións sindicais de cara á aplicación deses novos dereitos acadados polo persoal da AXE a todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galiza e do sector público da Comunidade Autonóma de Galiza.

17/12/15

Reunión de decembro co concelleiro de Persoal: acordos da Mesa Xeral, problemas co desfrute de dereitos, novo convenio colectivo, tribunais dos procesos selectivos e non pagamento de indemnizacións, problemas co cobro da extra de 2012 e temas de saúde laboral

Logo dunha semana agardando o pasado luns a representación do Comité de Empresa tivo unha reunión co concelleiro de persoal por varios temas urxentes sobre os que lle solicitaron información urxente.

A insistencia na publicación dos acordos da Mesa Xeral canto aos días foi un deles, ao que o Concello xa lle deu cumprimento onte mesmo. Mais o problema dos días tratouse especialmente ao abeiro da delicadísima situación que viven as traballadoras da Escola Infantil Municipal pola negativa do Concello a cubrir as baixas en tempo e forma e que fai que a estas alturas non só non puidesen desfrutar dos días libres que lles corresponden, senón que mesmo algunhas das que non puideron reducir xornada no verán, tal e como fan o resto dos traballadores, aínda teñen pendente desfrutar tal compensación a finais do mes de decembro. Ante esta situación, o Comité apelou ao goberno para que fose humano e entendese a necesidade de descanso de compañeiras que levan meses soportando xornadas de máis de dez horas diarias con nenos pequenos porque ao alcalde lle dá por aforrar uns cartos e a que esta situación debería estar solucionada desde hai xa moitísimo tempo mais a falta de decisión do goberno local provoca situacións cada vez máis graves, ademais de que como traballadoras teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal municipal e deben desfrutalos en igualdade de condicións.

O Comité de Empresa tamén preguntou polo convenio colectivo, posto que pensaba que este mes se convocaría a Comisión Negociadora e mais iría a pleno mais polo momento a cousa segue paralizada porque obviamente non é unha prioridade do goberno do PSOE, do contrario non levariamos seis meses a voltas co tema desde foi acordado co Comité de Empresa. Diego Fernández indicou que a ver se é posible levalo en xaneiro a pleno (se o goberno quere claro que é posible) mais o tempo demostrará se é outra promesa fallida do concelleiro de Persoal ou, finalmente, se leva a cabo.

Os problemas cos tribunais dos procesos selectivos tamén centraron a reunión, primeiro porque o Comité lle advertiu ao concelleiro da gravidade e as consecuencias de que forme parte deles persoal que legalmente se debe abster e así llo comunicou e por outro lado, coma sempre, pola negativa do goberno a lle pagar aos traballadores que forman parte del as indemnizacións que lles corresponden, posto que levamos anos padecendo INDEMNIZACIÓN PARA OS MEMBROS DO GOBERNO SI E INDEMNIZACIÓNS PARA OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS NON, esta foi a máxima do goberno de Ramón García que a CIG observou desde que ten representación no Concello de Betanzos. Non é a primeira vez que este tema trae cola, a CIG xa o solicitou en varias ocasións, como aquí, ou aquí, mais unha orde do ano 2002 aínda vixente non debe ser o suficientemente actual para que o Concello de Betanzos a aplique no ano 2015; non obstante o concelleiro de Persoal, agora, logo de anos dándolle voltas, indica que a intención do goberno vai ser pagalas, do contrario non irían no novo convenio (cando van por proposta do Comité de Empresa) e que seica a cuestión está agora á espera dun informe da Asesoría Xurídica do Concello. O que está máis que claro ata o momento é que calquera concelleiro que vai a un pleno ou Xunta de goberno cobra a contía que o Alcalde decidiu ao entrar a goberno, mentres que o persoal que forma parte dun tribunal e ten que realizar ese traballo a maiores non cobra o que unha lei de hai trece anos lle obriga ao Concello a pagarlle ao traballador. 

Finalmente, e para alén de que o Comité está á espera da reunión do Comité de Seguridade e Saúde logo de lle enviar a proposta de regulamento tamén lle preguntou polo pagamento da extra de 2012 ao persoal que non está en activo e puido confirmar que nos pasados días aínda o Concello ten pendente de pagar a contía que lle roubaron a unha serie de traballadores e traballadoras, polo que o Comité presentará unha queixa por rexistro nos vindeiros días, exixindo igualdade de condicións á hora do pagamento para todo o persoal que no momento que nos quitaron a paga estaba en activo.

O Comité de Empresa solicítalle a cobertura inmediata das baixas de limpeza ao goberno municipal á vista de os trámites de conformación da listaxe están finalizando

A presidenta do Comité de Empresa, dando conta de todos os acordos que se teñen tomado no organismo a conta do conflito laboral pola privatización e non cobertura de baixas nin vacantes do servizo de limpeza de dependencias e centros educativos vén de solicitarlle ao Concello que en canto a listaxe de substitucións de limpeza de edificios e centros educativos se eleve a definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas e con traballadores e traballadoras públicas, tal e como se acordou no propio pleno e tal e como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que existisen unha listaxes de substitución actualizadas.
Antes disto, lémbralle ao Concello que tal e como se pode ver na web municipal, e a pesar de que o concelleiro non informou ao Comité desta cuestión,  o proceso de conformación das listaxes está practicamente finalizado e que tal e como foi acordado polo Pleno da Corporación e mais como o concelleiro de Persoal e o propio Alcalde informaron ao Comité de Empresa, o Concello debería cubrir de inmediato as baixas do servizo da limpeza municipal unha vez que estea aprobada a listaxe definitiva de substitucións do servizo de limpeza municipal de centros escolares e dependencias municipais. Ademais, lémbralle ao alcalde que o propio goberno indicou desde o mes de xuño de 2015 que a solución da contratación dunha empresa (cuxos datos descoñece o Comité) foi provisional e que no momento que se puidese cubrir con persoal municipal ese traballo así se faría.
A maiores, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG expresoulle que rexeita complementamente o proceso de privatización de diversos servizos que o goberno municipal emprendeu hai xa varios anos e solicítalle que cubra os postos necesarios para que os servizos do Concello de Betanzos sigan sendo públicos e de calidade e incidiu en que na actualidade o servizo de limpeza de edificios municipais ten varias baixas sen cubrir e que o Concello debe proceder a cubrir de inmediato e canto antes posto que esta situación, tal e como lle temos reiterado repercute gravemente na saúde do cada vez máis escaso persoal que ten que asumir o traballo do persoal de baixa.

Resolución da Alcaldía sobre os acordos con respecto aos días acadados na última Mesa Xeral de Negociación

Non foi sen tempo, e xa se sabe que as cousas de palacio van despacio, mais o Concello finalmente xa está a comunicar a todos os traballadores e traballadoras os acordos adoptados na Mesa Xeral de Negociación que tivo lugar o pasado 26 de novembro.

10/12/15

O Comité de Empresa advírtelle ao Concello do incumprimento da lexislación vixente no proceso de conformación dunha listaxes de substitución

Non é a primeira vez que o Comité de Empresa lle advirte ao Concello de diversas irregularidades con respecto aos tribunais dos procesos selectivos, como podedes ver aquí, da negativa do goberno socialista a lle pagar aos compañeiros e compañeiras as indemnizacións que por asistencia lles pertencen ao abeiro dunha norma do ano 2002, ou doutras irregularidades como a non notificación dos nomeamentos que se teñen producido, tampouco é menos certo que no que ten que ver coas retribucións e as indemnizacións o Concello bule cando se trata dos membros do goberno e retrásao cando se trata do persoal,  e que as indemnizacións por asistencia a pleno  e o seu pagamento son incuestionables mentres o alcalde lle adebeda indemnizacións a ducias de traballadores por asistir aos tribunais, en moitos casos fóra do horario laboral, en día libre ou mesmo estando de vacacións.

Desta volta, o goberno superouse a si mesmo ao obrigar a formar parte de tribunais a traballadores que lle comunicaron a súa obriga de abstención ao abeiro da Lei 30/1992 de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común que indica CLARAMENTE o seguinte:

Artigo 28. Abstención.
1. As autoridades e o persoal ao servizo das administracións en quen se dea algunha das cir‑ cunstancias sinaladas no número seguinte deste artigo absteranse de intervir no pro­cedemento e comunicaranllo ao seu superior inmediato, que resolverá o procedente. 

2. Son motivos de abstención os seguintes:
 a) Ter interese persoal no asun­to de que se trate ou noutro na reso­lución do cal puidese influír a daquel; seradministrador de socie­dade ou entidade interesada, ou ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.
 b) Ter parentesco de consangui­nidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo con calquera dos interesados, cos admi­nistradores de entidades ou socieda­des interesadas e tamén cos aseso­res, representantes legais ou manda­tarios que interveñan no procede­mento, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con estes para o asesoramento, a repre­sentación ou o mandato. 
c) Ter amizade íntima ou inimi­zade manifesta con algunha das persoas mencionadas na alínea anterior. 
d) Ter intervido como perito ou como testemuña no procedemento de que se trate. 
e) Ter relación de servizo con persoa natural ou xurídica interesa­da directamente no asunto, ou ter­lle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar. 
3.  A actuación de autoridades e persoal ao servizo das administra­cións públicas nos que concorran motivos de abstención non implicará necesariamente a invalidez dos actos en que interviñesen 
4.  Os órganos superiores poderanlles ordenar ás per‑ soas nas que se dea algunha das cir­cunstancias sinaladas que se abs­teñan de toda intervención no expediente. 
5.  A non abstención nos casos en que proceda dará lugar a responsabilidade.

Pois o Concello pretende tomar por parvo ao persoal e indicarlle a quen se debe abster que a lei non pon o que pon, de aí que o Comité de Empresa veña de lle advertir ao alcalde por rexistro que no tribunal do proceso selectivo para a conformación dunhas listas coas Bases específicas para a formación dunha lista de substitución para a contratación de persoal laboral temporal  de técnico superior en educación infantil para a gardería publicadas no Boletín Oficial da Provincia n.º 204 do luns 26 de outubro de 2015, advirte que podería ficar invalidado en calquera momento polo incumprimento do artigo 28.2 da Lei 30/1992, logo de que o Concello obrigase a formar parte do tribunal a traballadores con obriga de absterse, tal e como llo comunicaron por rexistro.

Ademais, o organismo de representación do persoal laboral lémbralle ao goberno municipal que tal e como indica a Lei 30/1992 no punto 5 a “non abstención nos casos en que procede dá lugar a responsabilidade” e que desde o momento os traballadores que se deben abster llo comunican e o Concello a obriga a formar parte do tribunal a responsabilidade é do propio Concello e das consecuencias que poidan derivar desa decisión.

O Comité, por iniciativa da CIG, decidiu rexistrar este escrito a fin de preservar a falta de responsabilidade do persoal que comunicou a situación e actuou correctamente e solicitarlle ao goberno municipal  que corrixa a situación sinalada de inmediato, que conforme os tribunais dos procesos selectivos conforme a lexislación vixente e, a maiores,  deixe exercer con liberdade os seus dereitos e as súas obrigas aos membros que formen parte dos tribunais dos procesos selectivos, logo de que tamén tivésemos queixas de problemas relacionados con este último punto.


Constitución do Comité de Seguridade e Saúde: a presidencia para o Concello e a secretaría para a parte social

Por primeira vez o Concello e o persoal reparten cargos na Constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar o pasado 26 de novembro na Sala de Xuntas. A proposta partiu dos delegados de prevención do Comité de Empresa e a intención era ostentar a presidencia mais para o Concello isto era innegociable e para o delegado do CSIF tamén que se pretendía posicionar da parte do Concello, como xa vén sendo costume, sen entender que as decisións tomadas pola parte social son indivisibles e que a maioría está na man dos delegados de prevención do persoal laboral. Finalmente o Concello cedeu en que a secretaría fosepara o persoal, logo de entender que unha resolución da Alcadía designando os membros do Comité non era válida, porque eses cargos son escollidos entre o propio Comité de Seguridade e Saúde. Finalmente o Comité de Seguridade e Saúde ficará composto polos seguintes membros:

Diego Fernández López, presidente
Daniel Pereiro Cachaza, vogal
Verónica Chaves González, vogal
Silvia Muíño Naveira, secretaria
Jorge Amarante Rodríguez, vogal
Alberto Fernández Seijo, vogal

Nesta reunión acompañounos o compañeiro Ernesto López, como asesor da CIG no tema, que nos axudou  e asesorou de cara a poder darlle un novo e necesario pulo ao Comité de Seguridade e Saude e comezar a traballar para que o goberno comece a solucionar as cuestións máis urxentes para logo traballar nos obxectivos a longo prazo. Fixemos unha proposta para que o Comité se dote dun regulamento e acordamos envialo e facer unha reunión de urxencia para aprobalo e comezar a traballar canto antes.

Con respecto aos puntos da orde do día tratouse o tema das revisións médicas e os delegados de prevención do persoal laboral indicaron unha serie de apreciacións con respecto ás revisións, como que un ano máis seguen sen ser específicas, que no local en que se realizaban ía frío, que consideraban que hai deficiencias tendo en conta que se limitaban a preguntar que se todo era como o ano pasado cando deberían preguntar sobre todo de novo ao persoal, porque en ocasións mesmo nin se lembraría do que indicou o ano pasado. Finalmente tamén fixeron fincapé nos problemas coa máquina dos ruídos e das dúbidas de que os resultados fosen reais na medida en que se ouvía máis o balbordo dos traballadores que estaban fóra que a propia máquina.

Tamén o goberno municipal lle denegou unha adaptación de posto a unha compañeira de limpeza con informes médicos que acreditaban que non pode realizar as funcións que viña tendo encomenda, baseándose en que na Relación de Postos de Traballo non habería postos con este perfil. Os delegados de prevención preguntámoslle ao Concello se no caso da compañeira de limpeza que fai funcións de conserxe na biblioteca tamén se tramitara unha solicitude de adaptación de posto a través do Comité de Seguridade e Saúde e advertímoslle ao Concello que estaba incorrendo nun agravio discriminatorio, o concelleiro de Persoal, coma sempre, escusouse en que esa situación viña de antes mais que en todo caso solicitaría un informe para saber se nalgún momento se tramitou algo con respecto a ese tema.

Finalmente, e con respecto á actividade preventiva o concelleiro o presidente do Comité informou que no primeiro trimestre se procederá a mañar as deficiencias sinaladas pola Inspección de Traballo na Oficina de Turismo e mais se realizarán as avaliacións pendentes de diversos edificios municipais. Canto a este tema os delegados de prevención do persoal laboral lembráronlle que está pendente o simulacro da Escola Infantil Municipal e a necesidade de Plans de Evacuación en todos cantos edificios traballa persoal e accede a cidadanía.

Na quenda de intervencións a secretaria do Comité deu conta dunha serie de deficiencias e problemas nas instalacións da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente que entende que é urxente reparar e solucionar posto que estamos a falar dun centro ao que acoden moitos nenos diariamente e fixo fincapé nos problemas concretos do edificio para pedirlle solucións inmediatas ao goberno municipal pola seguridade e saúde tamén das propias traballadoras que prestan os seus servizos no centro.

09/12/15

Un estudo, no que participa a Universidade Pompeu Fabra destaca que, a medida que aumenta a inestabilidade laboral, aumenta o empeoramento da saúde mental dos traballadores.

Un estudo destaca que, a medida que aumenta a inestabilidade laboral, aumenta tamén o empeoramento da saúde mental, chegando a triplicar a incidencia respecto dos grupos con empregos máis estables e afecta máis a mulleres que a homes.

Dado que cada vez é máis frecuente a contratación temporal, as políticas de prevención de riscos laborais deberían ter cada día máis en conta esta contorna laboral cambiante. Con todo, aínda existen moi poucos estudos centrados en descubrir cales son as enfermidades asociadas a esta nova situación laboral.

Segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a finais de 2012 un 78,4% dos contratos eran indefinidos e uns 21,6% temporais, porcentaxe que subía ata o 25,09% no segundo trimestre de 2015, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Unha cuarta parte dos traballadores do Estado teñen contratos temporais, algo que debería ter repercusións nas accións das empresas enfocadas a reducir o absentismo laboral, mellorar o clima de traballo e prestar asistencia sanitaria aos empregados.

Unha boa forma de establecer protocolos de prevención efectivos é promover estudos sobre os efectos da temporalidade sobre a saúde dos traballadores. Un dos estudos que existen respecto diso parte do proxecto da Unión Europea, SOPHIE, que dende o ano 2011 trata de avaliar o impacto das políticas sociais na saúde.

Este estudo conta coa participación de diversas institucións e universidades europeas, entre elas a Universidade Pompeu Fabra. Coordinado por Carme Borrell dende a Agència de Saúde Pública de Barcelona, unha das facetas da súa análise, céntrase nas desigualdades de saúde derivadas das políticas sobre o mercado laboral.

O estudo destaca que, a medida que aumenta a inestabilidade laboral, aumenta tamén o empeoramento da saúde mental, chegando a triplicar a incidencia respecto dos grupos con empregos máis estables e afecta máis a mulleres que a homes.

Segundo sinala Fernando G. Benavides, Catedrático de Saúde pública do Centro de investigación en saúde laboral da Universidade Pompeu Fabra, o traballo constitúe un dos determinantes básicos da saúde, influíndo sobre ela tanto negativa (lesións, enfermidades) como positivamente (benestar, identidade social). Pero, á súa vez, a saúde inflúe tamén sobre o traballo, de forma ben positiva (produtividade) ben negativa (ausencias por incapacidade).

Nesta influencia entre saúde e traballo, exponse a adecuación de abordar a temporalidade cun enfoque que implique a higienistas, ergónomos e psicólogos, así como a traballadores e empresarios, xestores públicos e privados; pois na ecuación de saúde e traballo, o benestar do traballador temporal xoga un importante papel social, ademais de ter gran influencia na produtividade das empresas.





A CIG denuncia que o novo sistema de xestión por IT é “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora”

Presenta ao médico/a como incompetente, ao traballador/a como delincuente e ás mutuas como entidades “todopoderosas” para facer o que queiran

O pasado martes, día 1 de decembro, entraba en vigor o novo sistema de tramitación das incapacidades temporais, derivado da aplicación dos cambios lexislativos introducidos tras da aprobación do Real Decreto da Incapacidade Temporal e da nova Lei de Mutuas. Cambios que a CIG xa denunciou no seu momento e que afectan directamente aos dereitos e contraprestacións dos traballadores e traballadoras por "atacar directamente á clase traballadora”.

Para a CIG a modificación do sistema de tramitación das Incapacidades Temporais está intimamente ligado á reforma funcional das mutuas que pasan a ser as salvagardas dos intereses económicos das empresas, contra os dereitos dos traballadores e seguindo as directrices dun goberno de dereitas e neoliberal.

Neste sentido, Fernando Sabio, director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da central sindical, entende que agora se ve con claridade o que a CIG xa advertía cando estas reformas foron aprobadas. “Preténdese montar un sistema no que ás Mutuas se lles dá o encargo de reducir substancialmente as baixas dos traballadores/as, tanto no seu número, como na súa duración co obxectivo de rebaixar a aportación económica en base á desprotección, primando o criterio economicista sobre a saúde e a protección dos traballadores/as”.

Sabio denuncia que ás mutuas se lles dan unha serie de consignas para que fagan solicitudes de altas aos médicos do SERGAS. “Se estes queren que a/o paciente siga de baixa teñen que meterse nun proceso de argumentación e xustificación ben fundamentado. E aínda así a mutua pode recorrer ao INSS para que reconsidere esa situación”.

Diante da cantidade de altas que dá o INSS atendendo ás peticións das mutuas, o director do Gabinete entende que este organismo da seguridade Social tamén debe ter indicacións no sentido de axilizalas mesmo en contra do criterio da/o medica/o de cabeceira. “Como consecuencia comeza a haber cantidade de demandas nos xulgados que curiosamente gañan as/os traballadoras/es fronte ao INSS e a mutua, así que ao final os elementos de garantía non funcionan porque están politicamente intervidos”, conclúe.

Nesa dirección van tamén, ao entender de Fernando Sabio, outras modificacións introducidas. “Antes ás mutuas non se lles permitía usar fondos para facer fronte a demandas de tipo xudicial como consecuencia de actuacións incorrectas das mesmas”, explica. “Porén agora habilitouse un fondo de garantías e as mutuas poden tirar del para facer fronte a actuacións polas que sexan condenadas polos xuíces”, engade.

Sabio asegura que isto implica que un traballador que ten que ir contra a mutua e contra o propio INSS por unha alta indebida, terá que pagar as taxas correspondentes para se enfrontar á administración, mentres a mutua actúa sen ningún tipo de problema porque sabe que pode contar con ese fondo para pagar todos aqueles casos que perda.
Debería haber unha responsabilidade penal para os médicos das mutuas que, sendo conscientes do que fan, actúan cun criterio economicista saltándose por completo o código deontolóxico básico da medicina”, denuncia Sabio, para quen “é tremendo, porque debería actuar a fiscalía -que tamén está intervida politicamente- dun xeito autónomo e con iniciativa propia, cando se atopa a mutuas e médicos destas que acumulan ducias, en ocasións centos, de sentenzas en contra por altas improcedentes con graves consecuencias”.

Diante desta situación Fernando Sabio considera “inadmisíbel que con este sistema economicista se cualifique ao médico/a de incompetente, ao traballador de delincuente e ás mutuas de todopoderosas para facer o que queiran”. Unha situación que, ao seu entender, desequilibra totalmente a balanza cara un lado, deixando ao traballador/a desprotexido/a e sen contido dereitos fundamentais como o dereito á saúde ou á vida, amparados pola lei do paciente, a lei sanitaria e a propia Constitución. 

A análise completa publicada polo Gabinete no Boletín de Saúde Laboral



A metade da paga de 2012: tema non solucionado por completo

Nos pasados días no Comité de Empresa recibimos queixas de traballadores que estaban en activo no momento do roubo da paga e que aínda non cobraron, ao igual que o resto do persoal. Debido a isto, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, decidiu solicitar máis información sobre o tema ao Concello e instalo a que pague en igualdade de condicións a todo o persoal que estaba en activo no momento da detracción e solicitoulle, pois, que o Concello pague de inmediato a parte correspondente a todo o persoal ao que lle pertenza e estaba en activo no momento en que non se pagou a contía da paga extraordinaria do ano 2012.

O Comité urxe a reunión da Comisión Negociadora de cara a seguir coa tramitación do convenio

O Comité vén de solicitarlle ao Concello que continúe coa tramitación do novo convenio colectivo e que agarda que se axilice esta cuestión de cara á súa aprobación e entrada en vigor o antes posible, tendo en conta que o convenio vixente cumpre agora dez anos e está moi desfasado con respecto á lexislación laboral actual.
Por iso, lembroulle ao goberno municipal que desde o pasado 17 de novembro o Comité de Empresa está á espera da convocatoria da Comisión Negociadora do convenio colectivo, que leva desde marzo de 2015 coa tramitación deste novo texto e entende que é prioritario que se continúen dando os pasos oportunos para a publicación e entrada en vigor do novo convenio colectivo do persoal laboral. 
Finalmente, o Comité de Empresa instou ao Concello a que convoque canto antes a Comisión Negociadora do convenio colectivo a fin de poder levalo canto antes para a súa aprobación polo Pleno da Corporación, tal e como é preceptivo, neste ano 2015.

04/12/15

Dous administradores dunha empresa condenados pola morte dun traballador que estaba sen contrato nin alta na Seguridade Social.

O Xulgado do Penal número 1 de Almería condenou aos dous administradores a penas de seis meses de prisión e inhabilitación especial para o exercicio da profesión de empresario durante un ano e medio, pola morte dun traballador, que se atopaba limpando unha carretilla que permanecía elevada.

Os procesados, S.C.M. e A.C.A., que mostraron conformidade durante o xuízo, foron condenados como autores dun delito contra os dereitos dos traballadores en relación con outro delito de homicidio imprudente.
Os feitos ocurriros o 14 de setembro de 2011, cando Iván D.N., de 31 anos, realizaba funcións de limpeza nun centro de traballo da mercantil. O traballador, que non tiña contrato de traballo e non estaba dado de alta na Seguridade Social, limpaba unha carretilla que se atopaba elevada, cando "ante a deficiente colocación desta", caeu sobre o traballador, ocasionándolle a morte "polo esmagamento torácico xurdido".

A sentenza subliña que a causa do accidente debeuse a que os procesados, "non adoptaron as medidas de seguridade necesarias que evitasen o accidente", como a formación adecuada do traballador, "que non recibira ningunha formación". Recalca á súa vez a "inadecuada maneira de elevar a carretilla e suspendela, considerando que estaba sen rodas e puntos de fixación seguros".


A Audiencia Provincial de Palencia condena a un alcalde por un accidente laboral

A Audiencia Provincial de Palencia ratificou unha sentenza ditada polo Xulgado do Penal de Palencia, que condenou ao alcalde de San Mamés de Campos, á pena de tres meses de prisión e 540 euros de multa como autor responsable dun delito contra os dereitos dos traballadores en concurso de normas cun delito de lesións imprudentes, como consecuencia dun accidente laboral ocorrido en 2012.

O traballador resultou lesionado, despois de que se precipitase ao chan unha plataforma móbil elevadora que fora alugada para pintar a fachada da igrexa da localidade. Como consecuencia do impacto o traballador sufriu lesións consistentes en luxación anterior do ombreiro esquerdo e fractura de troquiter humeral, que precisaron de tratamento médico e cirúrxico, con cinco días de hospitalización, quedándolle secuelas no ombreiro danado.

A sentenza de instancia establecía que o acusado debía indemnizar ao traballador contratado, con 8.453,88 euros polas lesións e secuelas sufridas, aínda que se trataba dun 40% da cantidade estimada ao apreciar a maxistrada que a vítima «contribuíu causalmente»  ao accidente, xa que non utilizou debidamente a máquina como se lle instruíu e se indicaba no manual de instrucións.

A sentenza consideraba como feitos probados que o acusado, alcalde de Ia localidade de San Mamés de Campos, contratou á empresa Cofersa o aluguer sen condutor dunha plataforma elevadora  móbil de persoas para pintar a fachada da igrexa do pobo,  tarefa que realizou E.A.M., contratado como peón limpador a tempo parcial e con xornada semanal de 12 horas.

O 21 de setembro de 2012, o acusado decidiu retirar as tellas dunha panera ou caserón de propiedade municipal que ameazaban ruína, tarefa que ordenou ao traballador E.A.M., quen subiu á plataforma elevadora que funcionaba correctamente. Así mesmo, o propio acusado subiu á plataforma igualmente para axudar ao traballador para retirar ditas tellas. Unha vez que se atopaban á altura do tellado, os dous comezaron a retirar as tellas para depositalas no interior da cesta elevadora.

A maxistrada considerou que o acusado, tiña funcións de mando de feito e correspondíanlle funcións en materia de seguridade, «estando obrigado legal e normativamente a facilitar e esixir ao traballador o cumprimento das prevencións de riscos laborais, a informarlle e formarlle dos riscos concretos» que supoñía a retirada das tellas en canto á caída e envorco da plataforma elevadora e, sobre todo, estaba obrigado a «controlar e vixiar» que a plataforma se colocase en terreo idóneo e adecuado, e que a usase de modo debido tanto no relativo a non cargar e descargar materiais, como no relativo á forma de baixar a estrutura extensible, argumentos ratificados agora pola Audiencia Provincial.

A maxistrada do Xulgado do Penal subliñaba na súa sentenza que o acusado «de maneira neglixente» non se cercioró de se o traballador cumpría as instrucións de uso nin leu o manual de instrucións para coñecer o uso debido e os riscos, e de facelo, «non permitise a colocación da plataforma no lugar, nin a carga-descarga de tellas, entre outras cousas, de modo que se evitou o accidente ao que contribuíu o propio traballador que decidiu a colocación da plataforma no chan irregular e inclinado e uso indebidamente en oblicuo a estrutura extensible, non lendo o manual de instrucións».

A Audiencia Provincial subliña ademais que «non existindo no Concello outra persoa encargada das obras e da seguridade nas mesmas, é evidente que corresponde ao alcalde tal labor».



Condenados 6 mandos de obra por non facilitar as medidas de seguridade

O Xulgado do Penal número 2 de Almería condenou a un ano de prisión e unha multa de sete meses a razón de 12 euros diarios ao promotor da obra, o representante dunha das subcontratas, o encargado da obra, a coordinadora en materia de seguridade, o arquitecto e director dos traballos, e o aparellador e encargado de execución, por un delito contra os dereitos dos traballadores por non facilitar os medios adecuados para a seguridade no traballo.

A sentenza, sobre a que cabe recurso ante a Audiencia Provincial, sinala as incidencias detectadas polo inspector de traballo que visitou a obra en xuño de 2008, momento no que detectou “graves irregularidades e deficiencias en materia de seguridade, saúde e hixiene” como a “ausencia de proteccións contra as caídas nos ocos das escaleiras” ou no oco do ascensor.

O inspector tamén constatou a “debilidade xeneralizada” das proteccións mediante varandas e listóns, que “máis ben parecían cumprir unha misión cosmética que de protección efectiva”, segundo relatou no seu informe, que figura como principal proba de cargo na acusación do Ministerio Público. Tampouco dispoñían de equipos de protección individual, como casco. Destacaba tamén deficiencias na toma de enerxía eléctrica e sen certificado de instalación.

A xuíza María Teresa Vidaurreta identifica nos seus fundamentos a responsabilidade que ostenta cada un dos acusados, de forma que sinala o papel do promotor como contratista principal e responsable, nese caso, da seguridade da obra. Igualmente, apunta ao representante dunha das subcontratas, xa que lle foi permitido que “manipulase as medidas de seguridade”.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.


03/12/15

A CIG INSTA AO CONCELLO A QUE INFORME AO PERSOAL SOBRE O ACORDO TOMADO NA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN CON RESPECTO AOS DÍAS POR ANTIGÜIDADE

A CIG vén de instar ao Concello a que informe a todo o persoal con respecto aos días recuperados por antigüidade de vacacións e asuntos propios, tal e como se acordou na Mesa Xeral de Negociación.

Abrindo camiños n.º 47 DECEMBRO 2015 ESPECIAL MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN


Novo sistema de baixas médicas

O día 1 de decembro de 2015 entrou en vigor o novo sistema de baixas médicas derivado do estipulado na Orde ESS/1187/2015, de 15 de xuño, pola que se desenvolve o Real Decreto 625/2014, de 18 de xullo, que regulamenta determinados aspectos da xestión e control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración.

As novidades máis salientables son as seguintes:

PARTE DE BAIXA. O persoal facultativo terá que escribir a duración estimada do proceso e as baixas clasificaranse en función desa duración:

moi curta: inferior a 5 días naturais
curta: de 5 a 30 días naturais
media: de 31 a 61 días naturais
longa: mais de 61 días naturais

PARTE DE CONFIRMACIÓN. Dependendo da duración:

*Baixas de moi curta duración. O/A traballador/a non terá que ir recoller a alta. O persoal facultativo emite a baixa e a alta no mesmo parte médico. O/A traballador/a poderá solicitar recoñecemento médico para o día da alta, se considera que non está inda recuperado/a.

*Baixas de máis de 5 días. No parte de baixa sempre figurará a data da próxima revisión:
Curta - 1º parte máximo 7 días, 2º e sucesivos 14 días
Media - 1º parte máximo 7 días, 2º e sucesivos 28 días
Larga - 1º parte máximo 14 días, 2º e sucesivos 35 días


Modificación ou actualización do diagnóstico: emitirase un parte de confirmación co diagnostico actualizado, a duración estimada e a data de revisión.

Cambio de Servizo Público de Saúde que presta servizos: emitirase un parte de confirmación no que se recolla o novo servizo e a data da próxima revisión.

PARTE DE ALTA. Pode ser por curación, melloría, recuperación da capacidade laboral, proposta de incapacidade permanente, inicio da situación de maternidade, ou comparecencia a revisión médica.

TRAMITACIÓN DOS PARTES ALTA/BAIXA E CONFIRMACIÓN.

Presentación na empresa pola persoa traballadora:
* Parte de baixa e confirmación, en 3 días a partir da data de emisión.
* Parte de alta, dentro das 24 horas seguintes á emisión.
* IT de moi curta curación, parte de baixa/alta dentro das 24 horas da data de alta. Se a/o facultativa/o emite o 1º parte de confirmación (se se solicita revisión e a/o facultativa/o estima que non pode haber alta), dentro das 24 horas da emisión.

Diante da entrada en vigor da reforma están aínda moitos aspectos sen aclarar, como quen e en que momento ten a competencia para emitir a baixa, e en que condicións se fai o seguimento. Tampouco están dispoñibles as táboas de tempos medios de duración das baixas en función dos diagnósticos e das condicións dos postos de traballo, táboas que, ademais, non poden condicionar a capacidade do profesional para establecer a duración da baixa.

Coa posta en marcha desta reforma increméntase a burocratización do traballo das e dos médicos de Atención Primaria coa elaboración de informes repetidos que non garanten un mellor seguimento clínico das e dos pacientes e que só ten xustificación na presunción, non xustificada, de fraude xeneralizado por parte das traballadoras e traballadores.

www.cigadmon.org

Anuncio da Oferta de Emprego Público 2014 no DOG





20/11/15

Publicada a convocatoria de axudas sociais do ano 2015

O Concello de Betanzos vén de publicar a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015 logo de que o Comité solicitase nos pasados días que abrise os prazos para a solicitude.
Estas axudas comprenden  o período de 01/01/2015 ata o 31/12/2015 e son beneficiarias delas os traballadores laborais e funcionarios que presten ou prestase servizos nese período na Administración. As axudas percibiranse proporcionalmente ao tempo traballado e deben corresponderse co período en que o/a traballador/a prestou servizos na Administración Local.

O prazo de solicitude indica que está aberto ata o 31 de decembro mais OLLO! Lembrade que o día 31 é non laborable no Concello por convenio. As axudas amén indica que se pagarán o primeiro trimestre do ano 2015, mais entendemos que, obviamente é do ano 2016.